xoves, 28 de setembro de 2017

A FOLGA DA AFE DE 1984 E O DEBUT DO ARTEIXÁN JUANITO VARELA EN 2ª DIVISIÓN

     O día 4 de marzo de 1979 os futbolistas profesionais da Liga protagonizaban a primera folga xeral da súa historia, unha folga de "botas caídas” que deixaría unha fin de semana sen campionato e que cambiaría por primeira vez as condicións laborais do fútbol español. A AFE, Asociación de Futbolistas Profesionais, convocaría con posterioridade catro folgas máis en demanda dos seus dereitos: 1981, 1982, 1984 e 2011.

     A promovida en 1984 tivera lugar durante as xornadas do día 9 de setembro, que os clubes disputaran con xogadores non profesionais, e do día 16 do mesmo mes, na que non houbera fútbol despois de que Maxistratura de Traballo prohibira a aliñación de estos. O 18 de setembro, o sindicato de futbolistas poñía fin á folga logo de que os equipos aceptaran as súas peticións, entre elas o cobro de débedas e a participación dos xogadores nas negociacións sobre dereitos de televisión.

     Así pois, aquel 9 de setembro de 1984 os clubes de Primeira e Segunda División tiveron que disputar os seus compromisos ligueiros correspondentes á segunda xornada do campionato aliñando a xogadores xuvenís e amateurs. No caso do R.C Deportivo, que xogaba o seu partido en Riazor contra un Tenerife reforzado con dous profesionais, a solución para sacar as castañas do lume por mor da folga fóra saltar ao céspede cos rapaces do Fabril que naquela hora adestraba Luis Rodriguez Vaz, uns fabrilistas que ao mesmo tempo que debutaban oficialmente en Segunda División serían quen de empatar 2-2 contra o cadro tinerfeño co seguinte once titular: Joaquín; Chechu, Henry, Suso, Juanito; Ramón, Fisquelas, Pozas (Chema 57´), Andrés; Castreje (Fachal 87´) e Pupi. Pois ben, un daqueles futbolistas do filial deportivista é o protagonista desta historia. Estamos a falar do arteixán Juan Manuel Varela, Juanito.

Juanito (www.dbfutbol.com)
      Fillo de Carmen Añón Pardo e de Manuel Varela Sánchez, antigo futbolista daquel Juvenil adestrado por Rodrigo García Vizoso que chegaría a xogar en Segunda nos anos 50, Juan Manuel nace un 13 de outubro de 1964 en Arteixo, localidade na que pasaría a súa infancia e na que tamén virían ao mundo seus irmáns Sonia e Fernando. Os primeiros pasos do rapaz arteixán detrás dun balón virían da man duns amigos que habitualmente xogaban ao fútbol no campo do Igrexario de Morás, lugar de nacemento de súa nai Carmen que a familia frecuentaba habitualmente durante boa parte das fins de semana. Alí, en Morás, Juanito pasaría moitas horas da súa infancia pegado a unha pelota ata que o descubre, con tan só 12 anos, un cazatalentos do Ural C.F. que presenta uns informes á directiva presidida naquela altura por Augusto César Lendoiro recomendando a súa fichaxe. Aí empezaría todo, xa que Juan Manuel acabaría asinando neste equipo herculino co que chegaría a gañar todos os títulos posibles na categoría infantil e tamén na xuvenil.

     Sendo aínda xuvenil, Juanito daría o salto ao Español de Santa Lucía, equipo co que acadaría os campionatos da Liga de Afeccionados da Capital durante catro anos consecutivos compartindo vestiario con xogadores da talla dos Chicho, Portela, Álvaro Bolecho, Carou, Mosquera, Álvaro, Patiño e un longo etcétera de futbolistas de gran trascendencia cos que o rapaz de Arteixo iría medrando e adquirindo experiencia ao seu carón.

     Grazas aos extraordinarios resultados e ao seu bo facer no Español, onde se convertiría nunha peza codiciada para varios equipos de superior categoría, o arteixán recibe a chamada da selección galega sub-18 adestrada polo ex xogador do Deportivo e do Valencia Manuel Ríos Quintanilla, Manolete, feito que supoñía o colofón da súa carreira deportiva xuvenil. Coa selección galega, Juanito proclamaríase campión de España sub-18 no ano 1983 despois de vencer na final á selección valenciana por 3-2.

     A partir de aquí, ao noso futbolista empezaríanlle a chegar ofertas de clubes de Primeira e Segunda División mais, despois dun tempo desfollando a margarida por cal deles decidirse, Juan Manuel acabaría aceptando a do Celta de Vigo, fichaxe do que se facía eco La Voz de Galicia na súa edición do 1 de setembro de 1983 informando que...”Juanito, defensa del Español de Santa Lucía, fichó por el Celta, que lo pondrá a jugar en el Gran Peña. Juanito tiene 19 años y venía destacando en el Español, club que no firmó el convenio con el Deportivo”. Mais a estadía no filial celeste, adestrado naquela hora por Félix Carnero, non sería moi positiva, feito que daría paso a súa fichaxe na tempada seguinte, a 84/85, no Deportivo para xogar en Terceira División co Fabril. 
     
Formación do Deportivo na 2ª xornada de Liga da tempada 84/85. Enriba, de esquerda a dereita: Andrés, Henry, Pupi, Juanito, Joaquín e Castreje. Abaixo: Chechu, Suso, Pozas, Ramón e Fisquelas (El Ideal Gallego, 11 de setembro de 1984)
      Juanito debuta co filial deportivista nesa categoría o 2 de setembro de 1984 en Riazor contra o Lugo, partido que remataría cun resultado de 2-2, curiosamente o mesmo que se repetiría no mesmo escenario unha semana despois contra o Tenerife, cando os rapaces do Fabril debutaban en Segunda División co Deportivo grazas á famosa folga promovida pola AFE, o sindicato dos futbolistas profesionais. Naquel debut na categoría de prata do fútbol español, o xornal El Ideal Gallego publicaba na súa sección “Cómo actuaron” a seguinte crítica sobre Juanito: Impecable toda la tarde, adelantándose siempre a las acciones del delantero centro visitante (Milardovic), pese a que éste marcara los dos goles de su equipo. Quizá el segundo pudo estar más encima de él, pero en conjunto realizó un esplendido partido”. Na mesma liña, nun artigo de opinión de Dagoberto Moll titulado “El fútbol se llamó Castreje”, publicado no mesmo xornal dous días despois do partido contra o Tenerife, Moll escribía que...”En mi opinión hubo otro jugador que brilló con luz propia, el número “4” fabrilista, Juanito. Se enfrentó al jugador más experimentado. Soberbio marcaje al yugoslavo; recio, magnífico anticipo, salto de cabeza perfecto, no achicándose ante el oficio y la experiencia de Milardovic, anulándolo casi totalmente. Los dos goles del yugoslavo fueron a balón parado”.

     Tralo remate da folga as augas volverían ao seu cauce naquela tempada 84/85, na que Juanito alternaría durante o resto da campaña as súas actuacións no Fabril en Terceira coa presenza habitual nos adestramentos do primeiro equipo dirixido por Arsenio Iglesias. O futbolista de Arteixo continuaría xogando co filial deportivista en Terceira División durante o exercicio 1985/86, que foi a etapa na que o técnico vasco Chuchi Aranguren estivera ao frente do banquillo herculino, un Aranguren que contaría con Juanito para disputarar varios partidos amigables da pretempada e tamén, ao longo da competición ligueira, levaríao concentrado varias veces co primeiro equipo. 
 
     Coa chegada de Eusebio Ríos ao banco do R.C. Deportivo na tempada 86/87, Juanito convertiríase nun dos descartes do novo técnico deportivista sendo, nesa altura, cando recibe unha boa oferta da zona do Levante para fichar no Algemesí C.F., equipo de Terceira División con aspiracións de ascenso no que o arteixán xogaría catro tempadas, ata a 1989/90, que foi cando o noso protagonista, despois de sufrir varias lesións graves de xeonllo, decidiu colgar as botas con tan só 26 anos e principiar unha nova actividade profesional en Valencia. 

     Na actualidade, despois de case tres décadas retirado dos terreos de xogo, Juanito aínda sinte morriña daqueles tempos nos que defendía as cores branquiazuis, tempos dos que fala de cando en vez con outros futbolistas con pasado deportivista como Voro ou Djukic, integrantes do SuperDepor dos 90 que, ao igual que o arteixán, tamén residen actualmente na comunidade valenciana.

Xuntanza nun hotel de Valencia de varios ex futbolistas do Deportivo. De esquerda a dereita: Juanito, Alepuz, Albiol, Pachi Dopico, Juanma, Voro, Djukic e Camuel (Depor Sport, 13 de febreiro do 2005)
   












xoves, 21 de setembro de 2017

A TABERNA "CASA TRIGO" DO FOXO

     Xa temos falado nalgunha ocasión das tabernas, os establecementos de antano nos que tanto se podía comprar un paquete de café, coma un saco de millo ou botarlle unha cunca de viño. Pois ben, aqueles locais nos que os homes entraban a tomar a copa e as mulleres a comprar, a ser posible sen entrar xuntos, eran, por así o dicir, os centros sociais dos tempos dos nosos avós e, ademais, tamén era parada obrigada dos máis cativos, xa que alí podían mercar algunha lambetada, que evidentemente non eran as “chuches” de hoxe en día. Daquela as lambetadas eran os plátanos, as laranxas, os figos pasos, as noces… Xunto cos muíños e os lavadoiros, as tabernas tamen foron os grandes lugares de convivencia e contacto social para a veciñanza da época, sitios de tertulia nos que se falaba de todo o humano, das novas recentes e de contos que darían pé ao nacemento de lendas e cantigas que, desgraciadamente, se están a perder na actualidade.

Fachada da "Casa Trigo" 
      Tabernas populares do noso concello foron a Benitona da Lagoa; o Ferrador e o Piñeiro de Chamín; O Salón de Monteagudo; a de Allán, a de Moreiras e a de Amalia de Francisco, as tres na Baiuca; a de Ana e a do Veigueiro na Carreterra Nova da vila de Arteixo (hoxe Avenida de Fisterra); a da tía Rosa e a de Fontes, no Alto de Arteixo; a de Chubá en Oseiro; a da Roxa en Pastoriza; a de Romanó en Loureda; a de Pedro de Amado en Ervedíns; ou, entre outras, a Casa Trigo do Foxo, taberna da cal falamos a continuación máis polo miúdo.

     Empezando a subir a costa de Comiñas, á man esquerda, na estrada que vai a Larín; para máis señas, cerquiña do centro social da aldea do Foxo, atópase esta tenda que, actualmente, rexenta Pilar Naya Vázquez, Pili para os seus amigos. É necesario explicar ben onde se atopa, porque os que non saben que existe pasan de largo sen nin sequera decatarse que está alí. Unha chapa de Coca Cola e o letreiro de Tabacalera colgado na fachada, xusto enriba da porta, indica que a Casa Trigo é un establecemento autorizado para a venda do tabaco. Nada máis entrar sentimos a mesma sensación que acontece cando pisamos o Bar Insua, o popular Muiñeiro de Arteixo, xa que ambos son dos poucos lugares do concello nos que as innovacións pasaron de largo. É difícil explicar como o puideron facer. Ata custa crer que fora posible. Mais o certo é que o Insua e a de Trigo son lugares ben axeitados para soñar como sería a vida nas tabernas de antes.
  
Interior da "Casa Trigo"
   Din que as máquinas do tempo aínda non existen, só coa excepción da que inventara Doc, o cientifíco ao que todos tomaban por tolo na película “Regreso al futuro”, mais un momentiño, se entramos na taberna do Foxo podemos viaxar de balde ao pasado observando que o único que cambiou foi o envoltorio dos productos que alí se venden. Os vellos estantes ateigados de botellas de coñac e doutros licores, o mostrador de madeira, os prezos dos produtos apuntados con tiza nos taboleiros de cor negra...cada detalle da tenda faite transportar aos primeiros anos do negocio, uns inicios que, polo que me contou Pili, a propietaria actual, principian a finais do século XIX, cando Rosa e Josefina, dúas irmás do Foxo, deciden facer a maleta da emigración e embarcarse cara o continente americano.

      As dúas irmás traballarían duro durante varios anos na Arxentina e no Uruguai e unha delas, Josefina, coñecería nesa altura a Generoso Trigo, un bo mozo da Guarda (Pontevedra) ao que lle acabaría dando o “si quero”. Certo tempo despois de casaren, o matrimonio faría a viaxe de retorno á terriña xunto a Rosa, a irmá de Josefina, e establecerían o seu domicilio na parroquia arteixá de Loureda onde, nos primeiros anos do pasado século, abrirían no baixo da súa casa unha taberna á que lle poñen o apelido do da Guarda: Casa Trigo.

Imaxe dos primeiros anos da "Casa Trigo"
     Nunha época na que o bulicio do Foxo era moito maior que agora, a situación estratéxica do establecemento, situado na vella estrada pola que pasaban a diario as xentes da comarca de Bergantiños que se dirixían á cidade da Coruña, faría que a taberna funcionara ben desde o primeiro día, colaborando ademais na promoción do eixo da economía do lugar: as populares “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921 e, dos que xa facía referencia no ano 1829 o “Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal” dicindo que… “los vecinos de las aldeas de Fojo, Cancelo y Rapa se sostienen con el tráfico de la Brona que venden en los mercados de la Coruña, dando con este motivo bastante trabajo a muchos jornaleros”.

      Van pasando os anos. Josefina e o seu home ven con satisfacción como aumenta o traballo e a clientela no negocio. Mais o que non aumentaba era a familia e, dado que nunca chegarían a ter fillo algún, a súa sobriña Leonor, a filla de Rosa, empezaría a traballar con eles na taberna, unha Leonor que acabaría herdando o establecemento e ao pouco casaría con Ramón Vázquez. Probablemente aqueles foron os tempos nos que se empezou a xogar na Casa Trigo o popular xogo dos paquetes, entretemento que a veciñanza do Foxo sería quen de manter vivo ata o día de hoxe xogándoo, como manda a tradición, cada 8 de setembro. Leonor e Ramón rexentarían o negocio durante os tempos da dictadura de Primo de Rivera, da Segunda República, da Guerra Civil e dos primeiros anos da posguerra, que foi cando empezaría a traballar no establecemento a súa filla Leonor, máis coñecida entre a veciñanza polo apelativo de Norecha.

      Norecha e o seu home, Manuel Naya, rexentarían a Casa Trigo durante máis de catro décadas, ata que a súa filla Pili colleu as rendas do negocio nos primeiros anos 90, aínda que a dicir verdade, desde nena estivo sempre botando unha man na tenda. Licenciada en maxisterio e sicoloxía, Pili tamén daría pasantía nun apartado da taberna a varias xeracións de mozos e mozas de Loureda e, mentres que ela daba as clases particulares, contaba coa axuda na tenda do seu home Ángel e do seu fillo Miguel.

     E así, coma quen non quere o conto, chegamos ao 2017. A pesar de que os sentimentos pesan moito á hora de manter un negocio que foi, e continúa a ser, un auténtico referente no Foxo e nas aldeas próximas, Pili sopesa a posibilidade de manterse ou non ao fronte del. A cercana xubilación, os poucos ingresos que xa case non dan para cubrir os gastos da economía doméstica, xunto á loita dos pequenos comerciantes rurais por sobrevivir fronte ao atropelo ao que son sometidos polo empuxe das grandes superficies comerciais, que fai que sexa moi difícil, case que misión imposible, manter aberto o establecemento cos poucos habitantes que ten o Foxo, son os fortes argumentos que inclinan a balanza cara o peche. No outro lado, o único positivo, está a satisfación que produce o contacto diario cos seus veciños e amigos, a clientela de toda a vida.

Interior da "Casa Trigo"
     Así que xa sabedes, se aínda queredes comprar        unhas mazás ou tomar unha cervexa na única taberna das de antes que queda no concello de Arteixo, só tedes que facer unha curta viaxe polo interior da parroquia de Loureda percorrendo a Avenida de Culleredo ata o centro social do Foxo. Alí, a poucos metros, empezades a subir a chamada costa de Comiñas e, á man esquerda, tedes a Casa Trigo. Antes de que Pili bote o peche, aproveitade a ocasión para voltar por uns instantes ao pasado, aínda que namais sexa para levar a cabo ese costume tan perdido nos tempos que corren de sentar ao faladoiro.


mércores, 20 de setembro de 2017

venres, 15 de setembro de 2017

DE SUSO DÍAZ A RAÚL GUTIÉRREZ, O ONTE E HOXE DA "PARRILLADA GARDEL"

A Gardel na actualidade
    Redes sociais, críticas gastronómicas, comentarios en TripAdvisor, apps especializadas…Cada vez dispoñemos de máis recursos para acertar nas nosas apostas á hora de comer mais, ao meu modesto entender, o mellor segue a ser deixarse levar polo boca a boca da xente local ou polos consellos de familiares e amigos que estiveron antes que nós no destino vacacional que temos en mente. No caso de Arteixo, contamos cun bo número de negocios hostaleiros recomendables nos que podedes saborear as mellores exquisiteces culinarias da bisbarra, negocios sobre os que prometo falar máis polo miúdo algún día xa que hoxe o protagonismo é para a Parrillada Gardel que, con case catro décadas de historia, ten máis que merecido o pequeno homenaxe que lle facemos a continuación.

Raúl Gutiérrez marcando un chuletón
      Situada no lugar da Groufa, no que algunha xente, dada a proximidade coas Parrilladas Paraíso e La Florida, denomina a "milla de ouro do bo comer arteixán", a Parrillada Gardel reabriu, despois dunha paréntese de dous anos, as súas portas o pasado 27 de xuño da man do uruguaio Raúl Gutiérrez Pita, un cociñeiro que curiosamente está agora ao fronte do mesmo local no que iniciara a súa traxectoria, alá polo ano 1978, o que Gutiérrez considera "maestro de todos los parrilleros coruñeses", Jesús Díaz.

     Nado na parroquia de Santiago de Berdeogas (Dumbría) o 23 de novembro de 1936, Jesús Díaz, máis coñecido polo apelativo de Suso, foi un dos miles de galegos que fixeron a maleta da emigración nos anos 50 na procura dunha mellor vida e das oportunidades que non tiñan na súa terra. Con 18 anos recén cumpridos o noso protagonista decide embarcarse a Brasil onde, nada máis realizar a travesía atlántica, empezaría a traballar de camareiro en Río de Janeiro. Doce meses servindo caipirinhas e cafés na cidade carioca darían paso a nove anos en Sao Paulo, período no que se gañaría a vida traballando coma mecánico na factoría da Volkswagen da capital paulista. Suso faríase alí seareiro do Santos F.C. que comandaba o lendario Pelé ao mesmo tempo que se namoraba de María, unha fermosa brasileira coa que non tardaría en casar e, ao pouco, chegaría Eduardo, o primeiro fillo da parella.

     O emigrante de Berdeogas levaba xa dez anos fora da casa cando decide facer de novo a maleta e probar fortuna na Arxentina, a onde chega coa súa familia a mediados dos anos sesenta para traballar na rama da hostalaría entre a comunidade galega de Bos Aires. Alí, na cidade porteña, Suso Díaz quedaría enfeitizado coa música de Carlos Gardel, o máis famoso cantante do tango arxentino que falecera en 1935 en Medellín (Colombia) nun accidente de avión durante unha xira, un Gardel ao que Suso homenaxearía anos máis tarde bautizando co seu nome un dos negocios que o de Dumbría abriría en Arteixo.

Suso Díaz nos anos 70
      Tras seis anos traballando duro en Bos Aires, onde viñera ao mundo Juan Ramón, o segundo fillo do matrimonio, Díaz viaxa en 1970 á súa querida terra galega para pasar unhas merecidas vacacións entre os seus, aos que non vía dende facía máis de tres lustros. Volta a América coas pilas recargadas mais, entre a morriña e o mal que se estaban poñendo as cousas na Arxentina por mor da grande crise económica e dos problemas políticos que vivía o país, que acabarían derivando no Golpe de Estado do 24 de marzo de 1976, o noso protagonista e a súa familia deciden abandonar Bos Aires e asentarse na Coruña. Na cidade herculina abren un bar na rúa Francisco Añón ao que bautizan, lembrando a súa estadía na capital arxentina, co nome de El Porteño, establecemento que rexentarían aproximadamente durante dez meses. Corre o ano 77 e, ao igual que fixera na emigración, Suso cambiaría a hostalaría polo motor e decide montar un taller mecánico en Arteixo, no lugar da Groufa. Son tempos nos que o concello arteixán empeza a medrar notablemente por mor do Polígono Industrial de Sabón, feito que o de Dumbría sería quen de ver como unha oportunidade de negocio e non tardaría en voltar á hostalaría alugando o Rozas 2, bar ao que lle pon o nome de Gardel, o ídolo que tanto admiraba. As cousas alí vanlle ben, tanto que o local pronto lle quedaría pequeno, sendo nesa altura cando lle xurde a ocasión de facerse cun baixo a pouco máis de 300 metros do que rexentaba dende facía uns meses. Díaz decide comprar o local e, trala oportuna reforma realizada polo constructor arteixán Manuel Calvo Añón, que por aqueles días tamén se encargara da construcción da lendaria discoteca Chevalier de Santa Cristina, abre o novo establecemento en 1978 co nome do seu querido cantante de tangos: Gardel. O seu don de xentes, sumado á boa relación calidade-prezo das súas carnes e peixes á grella, farían que desde o día da inauguración o negocio fora vento en popa. O 111 (o número de teléfono da Gardel era o 600111) botaba fume a diario. Clientes do Polígono de Sabón, entre eles o propio Amancio Ortega, representantes comerciais, turistas, parellas, festas familiares, ceas de amigos...todo ía ben excepto para María, a muller de Suso Díaz, que sentía unha morriña infinita da súa terra brasileira. 

     Por uns motivos ou por outros, o caso é que en 1983 Suso decidiu venderlle a Gardel a dous matrimonios da zona de Vimianzo mais, iso si, seguiría ligado ao mundo da hostalaría xa que non tardaría en abrir en Santa Cristina o bar El Paso e, posteriormente, tamén abriría a cadena de parrilladas Gaucho Díaz. O Gaucho I montaríao en San Pedro de Nós e o Gaucho II en Perillo, local no que tería como empregados a Raúl Gutiérrez, o actual propietario da Gardel, e a un rapaz de Meicende que traballaba alí de camareiro ao mesmo tempo que estudiaba arquitectura: Carlos Calvelo, o alcalde actual de Arteixo.

Cea da Peña O Rañal na Gardel en 1988
   Os matrimonios formados por Julia Mouzo e Manuel Carril, máis coñecido polo apelativo de Manolito, e Juan Mouzo e Mari Luz Pereira foron as dúas parellas ás que Díaz lles vendeu a Gardel, catro veciños de Vimianzo que tamén fixeran a maleta da emigración, neste caso a Suíza, e que decidiran iniciar unha nova andaina nas súas vidas investindo parte dos aforros que fixeran no país helvético comprando o local da Groufa. Os novos propietarios seguirían traballando no negocio baixo o nome de Gardel. O anterior dono xa tiña o camiño aberto e fora quen de converter a parrillada nun dos lugares de referencia na gastronomía da bisbarra polo que, con esa boa carta de presentación, pensaban que o mellor era non cambiar a denominación do negocio e continuaron rendíndolle tributo ao popular cantante de tangos.

Cea da Peña O Rañal  na Gardel en 1988
    As dúas parellas de Vimianzo inaugurarían a parrillada o 1 de agosto de 1983. Sabían que Suso Díaz deixara o pavillón ben alto e o seu listón era difícil de superar. Era evidente que non sería doado igualar o seu ritmo de traballo. Mais abofé que o conseguirían. Con ese afán de superación, con sacrificio e coa maior das ilusións Manolito, Julia, Juan e Mari Luz (Julia e Juan son irmáns) serían quen de aportar o seu gran de area para que a Gardel continuara sendo un dos locais de referencia da comarca. Non tardarían en ampliar o negocio, comprando o andar superior que lle daba a posibilidade de triplicar os comensais que tiñan cabida na parte inferior, un feito que daría pé a que aumentara o número de reservas para colectivos como equipos de fútbol, peñas, ceas de empresa, etc. 

     Van pasando os anos...os 90....os 2000...e así, como non quere a cousa, as dúas parellas xa levan ao fronte da Gardel tres décadas, trinta anos nos que se converteran en catro arteixáns máis, trinta anos nos que viron como os seus fillos medraban entre os cheiros agradables das carnes e peixes á grella, e trinta anos nos que moitos dos seus clientes acabaron sendo coma da familia. Manolito, Julia, Juan e Mari Luz pecharían a Gardel no ano 2013 por xubilación.

     En setembro do ano seguinte alúganlle o local a Pablo Penide e Alba Souto, unha parella arteixá que viña de rexentar o Konciencia, un bar que anteriormente fora o Pub Manguera. Na súa nova aventura hostaleira, Pablo e Alba decidirían cambiar o nome da parrillada pasando a chamarse desta volta O Son do Lume, un negocio no que permanecerían ata xuño do 2015 para abrir, pouco despois, unha taberna na Avenida dos Bosques de Arteixo, a Pintxoteca. A Pablo, que é curmán da cantante de Meicende Silvia Penide, podédelo ver a día de hoxe traballando na cociña do Bata de Guata, o popular local da vila arteixá que está ao carón do río Bolaños. 

Raúl cun chuletón marcado coa "G"
     E así chegamos a xuño do 2017. Despois de botar dous anos pechada, Raúl Gutiérrez reabre, baixo o nome orixinal de Gardel, a parrillada na que empezara en 1978 o que fora o seu xefe no Gaucho Díaz II, un negocio no que os peixes "da costa galega, nada de piscifactoría" e as carnes á grella, que Raúl marca coa letra "G" de Gardel e de Gutiérrez, son a especialidade da casa. Cunha dilatada experiencia na cociña de restaurantes da Coruña como El Rancho, Tío Suso, Gaucho Díaz II, La Estancia, La Cabaña del Cazador ou Gaucho Díaz I, a nova xerencia do mestre Gutiérrez, a quen Suso Díaz lle chamaba cariñosamente "Cachito", chega á Groufa para darlle un aire renovado a un local que sempre foi referencia na bisbarra, un local que combina os mellores produtos con actividades e festas cada semana. De entrada, as que xa se levan a cabo os venres e sábados, "as noites de queimada", que lle dan á nova Gardel un toque máxico para redondear as fins de semana no concello arteixán.