TEMAS

sábado, 30 de abril de 2016

"A NOVA MOCIDADE" E A ROMARÍA GALEGA DE PASTORIZA



"A Nova Mocidade" en 1981
     
  Corrían os últimos anos da década dos 70 do século pasado cando, un grupo de mozas e mozos de Pastoriza, xuntábanse nun curruncho da parroquia para falar de esperanzas, ilusións, desacougo e tamén, polo desexo de trocar e erguer o seu lugar de nacemento, lugar que entre os seus ollos morría lentamente. Dispostos a que ese desexo non fuxira pola fenestra da realidade, daquela xuntanza ía saír un colectivo que non tardaría en contaxiarlle o seu entusiasmo ao resto da veciñanza para mudar as cousas en Pastoriza. Supoño que xa o imaxinades... aquel colectivo non era outro que A Nova Mocidade, que nacía en marzo de 1980 para traballar, en múltiples vertentes, con e para o pobo de Pastoriza, como alternativa á orfandade socio-cultural que naquela hora sufría a parroquia do Santuario.  
 
  A devandita alternativa sería plasmada a modo de comisión de festas para paliar o déficit festeiro do que estaba sendo obxecto Pastoriza pois, en anos anteriores, as festas ou ben eran de baixa calidade ou ben non se celebraban, como acontecera en 1979. Mais a partir daquel ano, A Nova Mocidade sería quen de despertar á parroquia do seu longo letargo e contribuiría a difuminar, a estender e a espaiar o nome de Pastoriza por todos os recunchos da xeografía do país grazas á creación da Romaría Galega, un evento que celebrou a súa primeira edición en agosto de 1980 e que chegou a ter certo peso dentro do panorama musical galego de aquela hora

      Esa edición, a de 1980, fora un éxito de participación, mais as seguintes non se quedarían atrás. Eran intres nos que se Catoira era coñecida pola súa Romaría Vikinga (1ª edición en 1960) e Ortigueira polo Festival Celta (1ª edición en 1978), Pastoriza, a parte do Santuario, tamén se situaba no mapa grazas á Romaría Galega que, cada ano, constituía algo único no Concello de Arteixo ao pasar polo noso municipio grupos e artistas profundamente ligados ao rexurdir da cultura e da música da terra como Fuxan Os Ventos, Milladoiro, Cantigas da Terra, Amancio Prada, Pucho Boedo, Os Tamara, Emilio Cao, ou Manuel María, o poeta a quen se lle dedicou no 2016 o Días das Letras Galegas, nomes aos que lles hai que sumar unha longa ringleira de participantes como Saraivas, Outeiro, Ana Kiro, Os da Veira do Monte, Os Zoqueiriños, Cumbre, Eidos, NHU, Sementeira, Raíces, Manolo Bello, Pao, Troco, O Xestal, Henrique Paisal, Airiños, Doa, María Manuela e Miguel, Pablo Quintana, Brétema, Fiadeiro, Brath…
 
Amancio Prada en Pastoriza en 1981


Fuxan Os Ventos na edición de 1982  
 
  Mais desgraciadamente aquela Romaría non tería a continuidade que si tivo por exemplo o Festival de Ortigueira, que principiara a súa andaina pouco antes de que o fixeran en Pastoriza A Nova Mocidade e xa vai camiño da edición número 40 e así, despois do tremendo esforzo que o colectivo do que estamos a falar levara a cabo durante varios anos organizando un evento de tal magnitude na súa parroquia, a Romaría Galega deixaría de celebrarse a principios dos noventa.

   O bo traballo daquel grupo de mozas e mozos de Pastoriza formado por Paco Seijal, Miguel Sande (escritor e actualmente delegado de La Voz de Galicia en Viveiro), Guillermo Pardo (xornalista de La Voz de Galicia), Nardo, Pacucho Sande (que non tardou en ser concelleiro do grupo municipal do BNG), Alfonso Mosquera, Rosa, Carmen Vázquez, o escritor Henrique Rabuñal, Chus Rabuñal, Juan, Isidro Vázquez "Chiro", Rafa Orgueira (tal como aparecen, de esquerda a dereita, na foto que tedes na parte superior desta crónica), Franki (integrante do grupo Agente Naranja e a quen escoitaríamos durante varios anos na Radio Municipal) e Antonio "O Lelo", sería recoñecido posteriormente polo Concello de Arteixo, que tería a ben dedicarlle unha rúa en Pastoriza a carón do local social do equipo de fútbol.
   
Rúa Nova Mocidade 
 
  Din que a esperanza é o último que se perde mais, moitas veces, necesitamos que alguén nolo recorde e nos dean ánimos para seguir tendo esperanzas. Pois ben, quen escribe ten a esperanza de que nun futuro próximo xurda no noso concello unha Nova Mocidade que traballe a prol da nosa cultura e identidade como fixeran magnificamente durante unha década aquel grupo de mozas e mozos de Pastoriza.



1 comentario:

  1. Eu estiven alí.....con moita ilusión, moito agarimo, acompañado da miña moza entón.....alí disfrutei con Pucho Boedo, en directo, en vivo.....con Ana Kiro, un campo cheo de xente, de ilusión......Unha anécdota que coñeción tempo despois: Ana Kiro, ese día, coñecería o que logo sería o seu home.....Fun con moita ilusión; Pastoriza, canto a quixen, alí viven caseque un ano, rodeado de vexetación, de compañeiros, de amigos.....todos homes.....protexidos, dando servicio, vixiantes.....un pouco apartados. Fun militar alí, xefe de peza, disparando cos cañóns.....Acórdome ben, a miña peza era a número catro, o proxectil, invisible, so unha estela e un zumbido, sobre o matadeiro que había abaixo, o carón do mar......e o proxectir, impertérrito, pra rodear o branco remolcado con unhas eslingas pra que estivera lexos do branco. Tirábamos a rodealo, darlle o branco era perdelo e valía cen mil pesetas da época. Eran os tempos de Café bar Collazo, churrasquería, a tenda da Maceira, a que había collendo a pista que iba o cemiterio......recordo a romería en honor a Virxe, as miñas baixadas a coller o autobús de Carballo, pra ir estudar, o instituto, COU nocturno....o meu regreso, xa tardío, mais aló das dez, só, subiendo a pista, a pe, dende A Maceira, chovendo moitas veces.....parábame a mirar na porta do cemiterio, a quietude, subía pola pista.....na sua beira, parexas, no coche, charlaban ou estaban as suas cousas.....Ay Pastoriza, miña Pastoriza, non te olvido.....Collazo Naya, Alvedro Naya, compañeiros militares, Eduardo Mariño, o sarxento Fontao, o subteniente que vivía no pobo, tiña unha tenda, o brigada Granados, o capitán Sánchez Martín, gran militar, qué bos consellos me deu, canto me apreciaba.......Seguirei, porque Pastoriza engancha........

    ResponderEliminar