Don
Emigdio María Saavedra Arixón, que ía quedar orfo de moi novo,
nace no Pazo de Tarrío (Xubial, Melide) o 10 de xuño de 1777 e
dende a súa xuventude, ao tempo que se adicaba á administración
dos seus bens, foise convertendo pouco a pouco nun distinguido
personaxe das loitas políticas de aquela época. Segundo consta en
Terra de Melide, libro editado no ano 1933 polo Seminario de
Estudos Galegos, Emigdio casa coa súa curmá María Dolores Antonia
Codesido Monsegrati, filla de don Juan Antonio Codesido, Tenente
Coronel dos Reais Exércitos e Primeiro Axudante Maior do Rexemento
dos Reais Gardas de Infantería, e de dona María Josefa Monsegrati,
señores do Pazo de Vilanova (Dormeá, Boimorto) e do Pazo de Galán,
lugar que herdaría a súa filla María Dolores Antonia.
|
Fabulación do lugar de Galán da autoría do pintor Roberto Castro
|
Emigdio,
tan axiña soubo da entrada dos franceses en España, malia
a dor que lle causaba deixar
á súa dona soa
e
cun meniño, presentouse ante a Xunta do Reino de Galicia pedindo
destino no exército, obtendo Real Despacho de Capitán sen soldo
para ser agregado ao Batallón de Cadetes Literarios, un
movimento xurdido entre os estudantes da Universidade de Compostela
que mandaba o seu parente e compadre Juan
Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón y Salgado de
Sotomayor, marqués de Santa Cruz de Rivadulla. O
noso protagonista loitaría
en máis de catorce batallas,
entre elas na reconquista de Bilbao (12 de setembro de 1808) baixo as
ordes de Genaro de Figueroa, Mendizábal ou, entre
outros,
do xeneral inglés Blake.
Mais
a este arriscado militar que foi Emigdio Saavedra non lle axudaba a
saúde, pois por tres veces viuse obrigado a pedir licenza para vir
repoñer forzas na súa terra. Comprendendo isto, os superiores,
contrariando o seu carácter guerreiro, por consello dos médicos de
que non podía cumprir co servizo activo, e sí co pasivo, foi
nomeado Maior da praza de Betanzos, onde estaban acantonadas moitas
tropas.
Rematada
a Guerra da Independencia (1808-1814) e restablecido o absolutismo de
Fernando VII, Emigdio sería nomeado anos máis tarde Vocal da Xunta
de Camiños, cargo no que baixo o seu empeño abriría camiños
transversais e de rodas como o de Ponte Lubiáns, poñendo en
comunicación A Coruña e Betanzos cos famosos baños minerais de
Arteixo e de Carballo. O noso persoeiro permanecería neste cargo ata
que foi proclamada de novo a Constitución en marzo de 1820.
Manifestándose
como anticonstitucional, Emigdio Saavedra foi detido na noite do 3 de
maio de 1821 por orde do xeneral Espoz y Mina xunto a Juan, o seu
fillo máis vello (só tiña 15 anos) e a dous dos seus criados.
Despois de botar catro meses na cárcere da Coruña, no cuartel do
Areal, no cuartel de Santo Domingo e no Castelo de San Antón,
ceibaron ao fillo e aos dous criados quedando só preso Emigdio. Por
aqueles días a dona deste, María Dolores Antonia Codesido
Monsegrati, sen ser quen de aliviar tantas mágoas, caeu nunha
profunda depresión da que tardou meses en recuperarse. Nesta
situación e abandonados polos criados, pois ninguén se atrevía a
servilos, nin sequera a visitalos, foi cando apareceu nunha mañá
pintada a súa casa da Coruña con dúas grandes S.S de tinta negra,
letras coas que se identificaba aos “servilianes”, é dicir, aos
que non simpatizaban cos constitucionalistas. A doenza da dona de
Emigdio e o abandono dos criados foi a causa pola que un dos seis
fillos do matrimonio caese do balcón máis alto da casa e, aínda
que non morreu, quedou algo derrancado e xordo dun oído.
Emigdio,
señor do Pazo de Galán, lograría fuxir do Castelo de San Antón
con outros presos no amencer do 22 de xuño de 1823 e, tras cinco
días de navegación nunha pequena embarcación, chegan a Santander,
onde obteñen pasaporte para a Corte. Xa en Madrid, presentouse ante
o Goberno da Rexencia, obtendo colocación de Capitán no Rexemento
de Línea, antes de pasar a organizar o Rexemento Provincial de
Betanzos. Posteriormente, polos anos 1827 e 1828, ía estar de
gornición co seu batallón nas prazas da Coruña e Santiago. O seu
Real Despacho de retiro foi expedido en Aranxuez o 12 de abril de
1834, autorizando a este cabaleiro, que xa era nesa data Coronel
Graduado e Primeiro Comandante do Batallón do 2º Rexemento de
Granadeiros Provinciais da Garda Real, a residir na cidade da Coruña,
onde morreu o 14 de abril de 1835.
(CONTINUARÁ)