Quen
non se lembra de 'Chanquete'?
Refírome,
como
podedes imaxinar,
ao vello mariñeiro da popular
serie dos
80
Verano
Azul
que, xa xubilado, toca o acordeón no
seu barco
La
Dorada,
un escanastrado
pesqueiro
varado no alto dunha
cima do
pobo mediterráneo
de Nerja.
Pois
ben, aínda que non o creades, no lugar da Esquipa, na parroquia de
Monteagudo, tivemos
o noso
propio 'Chanquete'.
Iso si, hai
que aclarar que non
vivía nun barco nin tocaba o acordeón. Non, non. O noso
viviu
durante un tempo
nun autobús que
tiña “varado” na Leira da Costa, próxima á canteira de Arias
en Trambasaguas,
e tocaba a gaita. Fálovos
de Jesús Mañana Doldán, máis coñecido polo alcume de 'Chucho de
Lantes'.
|
'Chucho de Lantes' coa súa gaita (Cortesía de Estrella Mañana)
|
Nado en 1931 na Esquipa, o noso protagonista era o máis novo dos tres fillos de Jesús Mañana e Estrella Doldán e, ao igual que os seus irmáns Manuela e Eliseo, tivo que traballar dende moi cativo nas terras da casa botándolle unha man a seus pais, que eran dos grandes labradores da zona. De feito o señor Mañana foi, segundo nos contou a súa neta Estrella Mañana Montero, o benfeitor que doou os bancos da igrexa de Monteagudo.
De
moi noviño, 'Chuchiño
de Lantes' escoitaba
música
tradicional
con certa frecuencia,
especialmente
en Caión, na
casa dun
tío gaiteiro.
Coa gaita sentiu
de neno un amor a primeira vista e tirouse
de cabeza. Mais
a música
non daba de comer e, á
parte do duro
traballo nas terras, tamén faría
unhas
pesetas
coma
barbeiro cortándolle
o pelo, xa
de mozo,
aos veciños da
contorna
na casa de seus pais.
A
súa filla Estrella recorda
que...
“meu
pai tamén tocou nos 'Matines'. Disque os músicos desta
formación
eran de Carballo, da Laracha e de Arteixo. Daquela xa sabes, para
facer baile nas aldeas desta zona e
nos salóns da época, un
tocaba a pandeireta, outro a gaita... Tamén,
polo
que teñen contado na casa, pola Noiteboa ou polo Nadal, papá
tocaba a gaita na
Esquipa e
a xente ía detrás del. Era moi festixeiro de Nuestro Señor. Bueno,
festixeiro e “chupinero”, que dicía que non se podía andar a
pau seco”.
-
Maruja,
a ver muller, trae un chupito de algo que hai que mollar a palleta!
Chucho
casa en Freón aos 24 anos e, ao pouco, abandona
o fogar
para embarcarse a Montevideo
no
“Monte Udala”, un buque que transportaba madeira e no que
viaxaban
ducias
de galegos e galegas que fixeran a maleta da emigración na procura
dunha mellor vida.
Corría
o ano 1955 e,
despois de 33 días de navegación, chega á capital de Uruguai, onde
o arteixán empeza a desenvolverse grazas a un matrimonio galego
que xa
coñecía de antes.
|
Chucho na época na que emigrou ao Uruguai (Cortesía de Estrella Mañan |
Ao
pouco de establecerse en Montevideo monta unha barbería na calle
Juan Paullier, un negocio que bautiza co seu concello de nacemento:
'Peluquería Arteixo'. Non tarda en facer clientela, moitos deles
socios da Casa de Galicia, o lugar onde coñeceu a Alba Luz Moreno
Santana, unha moza uruguaia de orixe vasca.
|
Imaxe da 'Peluquería Arteixo' que Chucho tivo en Montevideo (Cortesía de Estrella Mañana, a moza da foto)
|
En
1966, cando
xa levaba máis dunha década no Uruguai gañando a vida na súa
barbería, Chucho e Alba son pais dunha nena á que deciden poñerlle
o
nome da
avoa paterna e da nai: Estrella
Alba.
Catro
anos máis tarde, sobre
o 70
ou 71, o
emigrante da Esquipa
cambia de actividade profesional. Deixa a
tesoira e a navalla
e monta un bar na rúa Ricardo Palma ao que lle chama “Bar
Cielito”. Non
foron poucas as bromas da clientela co nome do novo negocio:
-El
dueño Jesús, la mujer Alba Luz, la hija Estrella y el bar Cielito…
sólo falta la luna!
Traballar
de taberneiro non é moco de pavo. É un oficio duro e hai que estar
moitas horas agarrado á barra para rendabilizar o negocio, á parte
de entender de sicoloxía e dárlle a cada cliente o trato e atención
que merece. Segundo a súa filla Estrella, Chucho abofé que o
conseguiu (falo do trato e de exercer de sicólogo) e dentro dese
estado de suxestión, tamén ía
conseguir
que a súa modesta
taberna fora,
naquela altura,
un
dos
lugares
que cumpría perfectamente
a súa labor de oficiosa embaixadora de galeguidade en Montevideo,
tocando a gaita para a súa clientela case que todas as
noites.
|
Imaxe do 'Bar Cielito' (Cortesía de Estrella Mañana, a moza da foto |
Despois
de 25 anos sen pisar a terriña, 'Chucho de Lantes' volta ao seu
lugar de nacemento en 1979, cando morreu súa nai Estrella e a
familia fixo a partilla dos bens. Naquela hora xa vendera o
“Cielito”. A
súa filla contounos que ao regresar a Montevideo…
“o valor das pesetas ao cambio da moeda era unha barbaridade. Ti
ías con algo de aquí e aló case eras millonario. Cando chegou de
Galicia, dixo:
-Vou
comprar o mesmo coche que ten o presidente!
E
comprou un Chevrolet, da mesma cor que o que tiña Aparacio
Méndez, o presidente de facto da República de Uruguai. Chucho era
así! Un da Esquipa á altura do poder!
Outro
dos caprichos que se permitiu cos cartos da herdanza foi un agasallo
para a súa filla Estrella quen, remomerando aqueles tempos da súa
adolescencia, recordaba que "o 79 foi o último ano meu de escola e papá
dixérame que, se aprobaba todo no colexio, me levaba a coñecer todo
o Uruguai… e levoume! Igual que aquí hai provincias, aló
chámanlle departamentos. Hai 19 e anduvémolos todos, no Chevrolet
“do presidente”. Naquela viaxe, na que tamén me levou a Punta
del Este e a outras praias na que paraban os ricos, eu fun a súa
princesiña.”
|
Estrella co Chevrolet de seu pai (Cortesía de Estrella Mañana)
|
Chucho
regresa definitivamente da emigración en 1985 acompañado da súa
filla Estrella e, durante uns seis ou sete meses, viven na Esquipa,
na casa onde el nacera, con Manuela, a súa irmá maior, e con
Francisco e Mari Carmen, cuñado e sobriña do gaiteiro (Mari Carmen
casaría ao pouco con Baldomero, o das Covadas de Sorrizo).
Posteriormente, Chucho e Estrella establecerían o seu domicilio nun
piso da Laracha antes de facer o propio nunha casa de Vilasuso, na
parroquia de Torás, lugar no que viviron de aluguer durante catro
anos. No medio desta vórtice de acontecementos, Estrella casara en
1986 con Eladio Varela, un mozo do Escurido (parroquia de Lendo), e
súa nai Alba Luz abandonara Uruguai en 1988.
Uns
meses despois da chegada a Galicia da nai dela, Eladio e Estrella
deciden comprar unha casa no Escurido, lugar no que criarían a súa
filla Susana e no que tamén residen Chucho e Alba Luz. Mais, o
gaiteiro necesitaba o seu espazo para poder voar libremente, e foi aí
cando decidiu levar un autobús para unha leira que tiña na Esquipa,
a chamada “Leira da Costa”.
O
AUTOBÚS
'Chucho
de Lantes' era bo amigo, xa dende os tempos mozos, de Jesús, o
empresario de Carballo propietario da empresa Autocares Rey Varela,
con quen falara previamente da posibilidade de comprarlle un dos seus
autobuses.
-O
do bús foi unha tolemia de meu pai -comentounos Estrella.
Trouxoo para a leira
sobre o ano 1990. Fixo como Chanquete. A min
maldita gracia me facía, pero en fin, el era
como era. Ata meus cuñados se ofreceran a facerlle un fin de
semana na leira como Dios manda pero nada, non houbo maneira. Recordo
que o autobús xa o tiñan que dar de baixa e veu para aquí polo seu
propio pé, circulando ata a leira. Despois sacáronlle as rodas e
puxérono enriba duns tacos de madeira. Dentro, fixera unha división
con cortinas. Nun lado era onde durmía e no outro montara
unha peluquería. Íanlle os clientes de Monteagudo, os
que xa tiña antes de emigrar ao Uruguai. Algunhas
noites encendíao para poñerlle a calefacción. El alí era
feliz. Ao Escurido viña igual, eh. Á nosa casa viña a comer e a
lavar a roupa, pero no bus tiña a liberdade que precisaba. Dicía
que alí podía tocar a gaita á hora que lle petaba sen
molestar a ninguén e bromeaba con miña nai decíndolle que
tamén podía levar as mozas que quixera! Na
leira tamén tiña dúas bestas e unha máquina de mallar desas
antigas que a saber de onde a trouxera!
|
Vista aérea da Leira da Costa, no lugar da Esquipa, e do autobús de Chucho (http://mapas.xunta.gal)
|
Para
afondar sobre a historia daquel autobús puxémonos en contacto co
empresario Jesús Rey Varela, que nos atendeu amablemente rememorando
os primeiros tempos da súa actividade profesional:
“Nos
anos 70 eu levaba emigrantes a Suíza e á volta dunha viaxe parei en
San Sebastián porque escoitara na radio que a Real Sociedad estaba
adestrando no campo de Atocha. Cando cheguei ao estadio,
senteime nas bancadas e empecei a falar cun fulano que estaba
ao meu carón, e resulta que era Manolo Ramos, o chofer
do autobús que levaba á Real Sociedad aos adestramentos, aquela
Real Sociedad dos Arconada, Zamora, Satrústegui, López
Ufarte… que non tardou en gañar as ligas 80/81 e
81/82. A empresa era Autocares Ramos. Seguín falando
con Manolo, e mira ti por donde que lle acabei comprando o
bús. Trouxéramo el ata aquí, ata A Laracha. Era un Avia con
matrícula de San Sebastián con motor Perkins… Por aquí fixen
servicio con el por Cerceda, A Silva, A Laracha… ata
que o dín de baixa o día que foi para A Esquipa, para a leira do
meu amigo Chucho”.
'Chucho
de Lantes' faría vida naquel autobús durante case dous anos, ata
que Manuel Vilanova, un curmán que residía na Coruña, o convenceu
para que cuidara da casa e da granxa de porcos que tiña en
Gomesende. O gaiteiro aceptou a proposta e botou uns 5 anos coidando
dos animais. Alí tocaba a gaita a diario. Curiosamente, no
Igrexario, aínda hai quen recorda de escoitar a súa música.
|
Na parte superior da imaxe vemos a Alba Luz e a Chucho. Na inferior, á súa neta Susana e a Oliva e Agosto, veciños de Vilasuso
|
Con
certa apariencia dos gauchos da Pampa, bigote “tipo Arrocet” e
peiteado Anasagasti, Chucho non se perdía ningunha festa e romaría
da bisbarra:
“Meu
pai era moi divertido. Encántaballe botar bombas polas festas. Cada
ano celebraba o día que marchara para Montevideo botando
foguetes. Na realidade botaba bombas por calquera motivo. Era moi
fogueteiro, abofé! Festas, bombas e gaita… iso era o seu!
Ás
verbenas máis próximas desprazábase na súa Vespa, como aquel día
que entrou na Cachada no campo da festa coa gaita ao ombro. Cun traxe
castaño, garabata a xogo e un feixe de chapas nas lapelas, meteu a
moto no 'bochinche' e díxolle a un dos rapaces da comisión:
-
A ver ho, pónme unha cervexa que hai que mollar
a palleta!
A
súa besta particular, refírome a moto Vespa, tivo que deixala no
cortello cando empezou a ter problemas de próstata porque xa non era
quen de termar dela. Aquel home tan alegre foise rechumindo pouco a
pouco, ata o punto de andar paseniño agarrado a unha bicicleta por
mor da súa doenza. Preocupadas pola súa saúde, Estrella e Alba Luz
convencérono para que residira con elas en Escurido, onde o noso
protagonista faleceu en decembro de 2009.
Se
vas pola Esquipa, ou incluso por Gomesende, e pechas os ollos durante
uns segundos, é probable que aínda escoites o son da súa gaita
dende o alén. E ollo! Se buscas o autobús, xerme daquela Real
Sociedad imbatible, no que 'Chucho de Lantes' viviu durante un tempo
e exerceu a nobre arte das tesoiras e da navalla ao vir de
Montevideo, xa che advirto que pasou a mellor vida trala morte do
gaiteiro. Aquel autobús de tanta historia acabouse convertendo en
chatarra nas instalacións que a empresa 'Hierros Varela Urbieta'
posúe no Polígono Industrial de Bértoa, en Carballo.