Persoeiro
cunha amplísima traxectoria na escena teatral e moi vencellado co
municipio arteixán, concretamente ao lugar de Santa Icía, na
parroquia de Morás, o protagonismo das Crónicas de Arteixo desta
semana é para unha figura fundamental da dramaturxia galega
contemporánea. Falamos de Gustavo Pernas Cora, un
dos precursores,
dos que fixeron camiño entre a espesura nos tempos máis
complicados do noso teatro, cando case todo estaba aínda por facer.
|
Gustavo Pernas (Cortesía de Anxela G. Abalo)
|
O
noso homenaxeado nace en Viveiro (Lugo) un 26 de novembro de 1959 na
rúa de Lourdes, antiga Porlier. Era o segundo fillo de Miguel Pernas
e Mariblanca Cora, matrimonio que o ano anterior foran pais de Miguel
-andando no tempo actor de televisión, cinema e dobraxe- e que
posteriormente tamén o ían ser de Begoña, a máis nova da familia.
Segundo
nos contou Carlos Nuevo, Cronista de Viveiro, os primeiros anos de
“Gus”, como así o chamaban os seus amigos da infancia e
xuventude, transcorren entre as clases no Colexio das monxas
Concepcionistas; as tardes no adro de Santa María compartindo xogos
con seus irmáns e con Xavier, “Chuco”, Pedro, Alberto ou o
propio Carlos Nuevo; as novidades do mundo da lectura da de
'Santiaguito', libraría-imprenta na cal seu pai levaba a
contabilidade ao igual que noutros negocios de Viveiro; as películas
no Teatro Moderno, no Nemesio -actual Pastor Díaz- ou no Orfeo; a
plantación (o “Guscar”) de leitugas, patacas e fabas que “Gus”
e Carlos tiñan no recheo dos que serían os novos colexios; no medio
da abondosa fauna que trataba na casa con tanto agarimo (un can, unha
gata, tartarugas, peixiños de cores…);
as pequenas representacións
teatrais no portal do seu
domicilio na Avenida de
Lourdes; ou
das agradables conversas coa
súa
avoa Consuelo Muñoz “a
Cubana”, de quen Gustavo
ten confesado que foi a orixe das súas afeccións artísticas.
Consuelo nacera en Ourense por motivos laborais de
seu pai, director de
orquestra, mais de moi
cativa marchou
coa familia para
Cuba, onde a principios do século pasado chegaría
a gozar de certa popularidade
nos teatros da Habana como
tiple de zarzuela.
|
Imaxe
do ano 1963 tomada no parque de Viveiro, na praia de Cobas, que leva o
nome de Pernas Peón, o avó paterno de Gustavo, a quen vemos comendo cos
seus pais, os seus irmáns e a súa avoa materna Consuelo "La Cubana". O
noso protagonista está ao seu lado, de perfil, mentres ela brinda
(Cortesía de Anxela G. Abalo)
|
A
infancia daría paso á época no Instituto. “Gus” fai o primeiro
ano de bacharelato en Viveiro. O segundo iniciao na localidade da
Mariña mais íao rematar nos Maristas da Coruña, cidade á que a
familia Pernas Cora chega en 1971 na procura de novas oportunidades.
Gustavo
pasa alí, na capital herculina, a súa adolescencia deixando
entrever de cando en vez as súas notables capacidades artísticas.
Nunha ocasión, mesmo participou co seu irmán Miguel na obra
“Jesucristo Superstar”, representada nos Maristas.
Inicia
a etapa universitaria en Compostela e, despois de seis anos
fantásticos, en 1981 licénciase en Xeografía e Historia, na
especialidade de Historia da Arte, realizando, ademais, diversos
traballos de investigación no campo do cine e do teatro. Excepto un
verán no que traballou en Londres fregando pratos nun hotel, as
vacacións sempre as pasaba en Viveiro, onde continuou fielmente a
amizade cos amigos da infancia.
Despois
da Universidade, tendo claro xa que a súa vocación profesional non
era outra que a escena, cursa estudos de Arte Dramático na RESAD
(Real Escuela Superior de Arte Dramático) de Madrid, naquel
Madrid dos anos de apoxeo da “movida”. Regresa a Galicia e forma
con outros compañeiros, entre eles Jorge Rey, o colectivo Teatro das
Catro Artes, participando no único espectáculo que producen, “Ubúe
no outeiro” (producido en
colaboración co Centro Dramático Galego), que estrean en
1985. Segundo o seu amigo Manuel F. Vieites, o texto escollido foi un
síntoma do que estaba por vir.
A
partir de aí dedícase profesionalmente ao teatro, combinando
traballos de actor en diferentes compañías co traballo de dirección
e escrita dramática. É autor de relatos e guións para televisión
e realizador de curtametraxes, ademais de traballar no mundo da
dobraxe como actor e director.
Nos
oitenta coñece a Anxela
G. Abalo, unha
actriz de Vilagarcía -das Rías Baixas, como
a
ela lle
gusta dicir- que empezara
a facer teatro en Vigo e que posteriormente fixera
periplo por
diversos escenarios da xeografía galega, de
Portugal e
de Madrid
antes
de voltar de novo a Galicia.
Se
para Gustavo fora
a
súa avoa
Consuelo
“a
Cubana” a
orixe das súas afeccións artísticas, no
caso de Anxela,
que
por riba de todo quería ser bailarina,
puido ser Norma Fontenla, elemento mítico da súa infancia. Norma,
primeira bailarina do corpo
de ballet do
Teatro Colón de Bos Aires, era
curmá de Margarita, a nai de Anxela.
O
10 de outubro de 1971, cando
iniciaba unha
viaxe
en
avión
a Trelew
(Patagonia arxentina)
para unha
presentación no
Teatro Español desa
cidade,
a
aeronave precipitouse ás augas do Río da Prata, falecendo todos os
integrantes do ballet do Teatro Colón. Na
Arxentina
conmemórase esta data como o Día
Nacional de la Danza.
Anxela,
que nos atendeu coa maior das amabilidades, recordaba como
estableceron o seu domicilio en Arteixo. “Eu daquela
vivía en Compostela e Gustavo acababa de chegar do País Vasco, onde
botara dous anos nos Estudios de Galdakao facendo
dobraxe. Pensamos en quedar en Santiago, en ir
para Vigo, para a Coruña… o caso é que comezamos a buscar
un lugar onde vivir e xurdiu a oportunidade de Santa Icía.
Encantounos a casa e o lugar. Foi a maxia
dos Reis Magos (risas) xa que decidimos ir para
alí o 5 de xaneiro de 1989. Naquela hora tiña unha
compañía con Dorotea Bárcena que se chamaba “Medusa”; recordo
que o señor que nos levaba habitualmente os trebellos de
teatro axudounos a facer a mudanza. Ao chegar a Santa Icía,
augurounos un futuro feliz naquela casa
porque había unha maceira en flor no mes de xaneiro…
-É
incrible, Anxela!. Aquí hai un microclima!
-Pois
haberá!
-Ides
ter moita felicidade e moito amor aquí!
E
foi así, tal cal o dixo”.
Curiosamente,
nesa
altura
Anxela
coincide
en “Sempre
Xonxa”,
a longametraxe de Chano Piñeiro, con
Luís
Pombo, o gran 'Kantri'
de Santa Icía, que
traballaba no
equipo de decoración do
proxecto.
Nunha
ocasión, despois da
xornada de gravación, 'Kantri'
fala con Ánxela durante
a
cea:
-E
logo ti de onde es?
-De
Arteixo. Compramos casa alí hai pouco.
-De
que parte de Arteixo? Porque eu tamén son de alí.
-De
Santa Icía.
-De
Santa Icía? Pero que Santa Icía? A Santa Icía da parroquia de
Morás?
-Santa
Icía, de Morás.
-Non
poder ser! Que casualidade! Eu tamén són de Santa Icía!
Historia
ben linda, abofé!
En
Santa Icía ían nacer todos os proxectos de Gustavo e Anxela. Todos,
os profesionais e os proxectos de vida. En
1989 a parella funda
Ancora Produccións,
compañía ancorada neste lugar da parroquia de Morás na que Gustavo
pon en escena a maior parte dos seus textos, textos que dirixen
e, ou, interpretan ambos os dous adquirindo
o compromiso de facer un teatro crítico e
reflexivo coa realidade e,
case sempre, utilizando o vehículo da comedia para chegar ao
espectador.
Todo
comeza en 1990 coa estrea de “O galego, a mulata e o
negro”, espectáculo homenaxe
a súa avoa Consuelo. Foi a súa
primeira obra representada e a primeira de Ancora
Produccións na que Gustavo,
que encarna o papel do negro, comparte escenario con Anxela e
seu irmán Miguel. Publica a obra en 1991 (Ed. Tristram), un texto
que nese ano recibe o Premio Compostela ao mellor Texto Dramático,
sendo nominado ademais como Mellor Actor Protagonista e Mellor
Espectáculo.
Conta
Manuel Vieites que coa obra
“O galego,
a mulata e o negro”
xa
emerxen algúns dos trazos que máis van caracterizar todo o seu
labor artistíco, profesional e vital: ironía, espíritu crítico,
inconformismo e pulsión experimental, mais tamén unha visión
certeira
das causas e efectos da derrota, a que padecen millóns de persoas no
mundo a causa dos intereses dos gobernos e das corporacións que
manexan ao seu antollo as nosas vidas, coma se se tratara dunha
simulación macabra.
|
Ano
1990. De esquerda a dereita Gustavo Pernas, Anxela G. Abalo e Miguel
Pernas en "O galego, a mulata e o negro" (Foto de Kukas)
|
Gustavo
sempre admitiu sentirse “diestano”, é dicir,
antes que nada, habitante do país que soñou Rafael Dieste, un
país que ademáis de buscar a súa identidade no propio e no
diferencial, non se enroca nese único obxectivo e sabe abrirse ao
universo, pescudar as nosas orixes comúns na vella pel do mundo,
abrir portas, encher de horizontes as fiestras baldeiras e colocar a
nosa alma fronte a un espello sen maniqueísmos. Un día Gustavo
quedou prendido e prendado das Historias
e Invencións de Felix Muriel
e agromou a mellor das sementes que pode dar a gran
literatura, a de poñer nome á vida. En 1991 Anxela e Gustavo
trouxeron ao mundo un novo habitante do país de Dieste e puxéronlle
o nome de Muriel que andando no tempo, como non podía ser doutro
xeito, tamén se ía converter en actor, un titulado superior en arte
dramático que en 2012 iniciou o seu periplo profesional e que tamén
xa se estreou como guionista na curtametraxe Carmesí
(2020).
Despois
de “O galego, a mulata e o negro”
chegarían outros éxitos
como “Ladraremos”,
comedia de amor e medo que estrea en 1996 e coa que acada o I
Premio María Casares de Teatro ao Mellor Texto Dramático Orixinal,
quedando finalista como Mellor Actor Protagonista e Mellor
Espectáculo; ou “Fábula”, comedia nun só acto...
sexual, que estrea en 1997 e que é nominada en seis apartados no II
Premio María Casares de Teatro, Mellor Espectáculo, Mellor Texto
Dramático Orixinal, Mellor Actor e Actriz Protagonistas, Mellor
Escenografía e Mellor Vestiario.
|
Gustavo e Anxela na obra "Fábula" (Foto da autoría de Anxo Rey)
|
Precisamente,
en 1997 empeza a impartir aulas en diferentes ámbitos do ensino:
Profesor de Guión, Teatro, Linguaxes Audiovisuais ou Realización en
Cine e Vídeo na Escola de Imaxe e Son da Coruña, de Guión e
Dramaturxia no CEFORE da Coruña e Vigo ou no Master de Estudos
Teatrais e Audiovisuais da Universidade da Coruña e de Arte Actual e
Dramaturxia nesta mesma Universidade, na titulación de Pedagoxía
Teatral. Un dos seus alumnos da Escola de Imaxe e Son da Coruña foi
o realizador arteixán Fran Naveira, que recorda a Gustavo coma “un
gran profesional, unha persoa motivadora, xenerosa, cercana e, sobre
todo, un gran comunicador”.
No
ano seguinte, en 1998, estrea “Anatomía dun
hipocondríaco”, comedia médica nominada no III Premio Maria
Casares como Mellor Texto Dramático Orixinal e Mellor Escenografía
que forma parte con “Ladraremos” e
“Fábula” da Triloxía Comedias Paranoicas (Ed.
Xerais, colección Libros do CDG), proposta pola Academia da Língua
Galega, para o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2000.
Ao
tempo que os proxectos de Ancora Produccións seguen aflorando en
Santa Icía, Muriel vai medrando alí, criándose coma un neno máis
da aldea.
En
2000 Gustavo e Anxela estrean “Sucesos” (Ed.
Laiovento e Biblioteca Virtual da Universidade da Coruña); en 2001
“Footing”, obra pola que o noso homenaxeado acada o
X Premio Rafael Dieste 2001 da Deputación da Coruña, e que publica
na súa editorial no mesmo ano; en 2004 estrea “Paso de
cebra” coa que recibe en Barcelona o Premio MAX das Artes
Escénicas 2006 (Ed. Laiovento xunto con Sucesos). En 2005 gaña o
XII Premio Rafael Dieste 2005 da Deputación da Coruña, por “Final
de película”, nominada ao Premio MAX das Artes Escénicas
2007, publicada na Colección de Teatro da Deputación e estreada en
2006.
|
Barcelona,
2006. Recibindo o Premio MAX das Artes Escénicas por "Paso de cebra",
das mans de Boris Izaguirre (Arquivo de Ancora Produccións)
|
O
noso protagonista era unha persoa dunha moi notable e extensa
cultura. As súas inquedanzas levárono por camiños diversos, moi
especialmente pola indagación nos territorios das artes plásticas e
das artes da imaxe. No 2006 agasallounos cun interesante traballo, o
ensaio de Historia da Arte “Os ollos de Victorine e a
construcción da cuarta parede”,
no que a partir dunha longa e moi acertada reflexión sobre Le
Déjeuner sur l´Herbe,
o coñecido cadro de Edouard Manet, ofrece unha vibrante aproximación
a un concepto central na escena contemporánea.
Nese
mesmo ano tamén publica o volume de pezas breves “Medidas
Preventivas” (Ed. Biblos). No 2007 publica (Ed. Embora) a obra
“Taras mínimas” e estrea no Auditorio Municipal de Narón
“Medidas Preventivas”, obra dirixida por Flor Maceiras
pola que recibiu o Premio AELG (Asociación de Escritores en Lengua
Galega) ao mellor texto teatral 2007.
No
2008 o Centro Dramático de Viana do Castelo estrea “Taras
mínimas” baixo a dirección de Jorge Castro Guedes e recibe o
Premio Roberto Vidal Bolaño do Concello de Gondomar 2008 á
traxectoria artística, xunto a Anxela G. Abalo e Ancora Produccións.
No
2009 estrea “Colgados,
a incrible historia de Homesoga o colgado de Celeiro”;
no
2010
“Pisados,
Botamán de Melide o home que falaba cos zapatos”
e
no 2012 “Snakizados,
a delirante invención de NonHé”,
triloxía
dirixida por Anxela G. Abalo. Baixo o título de “Tres
Logomonos”,
ou
monólogos ao revés como lles
gustaba dicir,
foron
publicados na Editorial Laiovento no mesmo ano. “Colgados”,
“Pisados”
e “Snakizados”
son
fábulas do noso tempo que
tratan
de personaxes que obran prodixios.
|
Gustavo Pernas no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo na obra "Pisados" (Foto da autoría de Anxo Rey)
|
Tamén
no 2012 gaña o Premio Alvaro Cunqueiro (Agadic, Xunta de Galicia)
con “Isóbaras”, publicado por Edicións Xerais de
Galicia no 2013. Foi finalista con esta obra como mellor autor
dramático 2014 na Festa das Letras, da Asociación de Escritores en
Lingua Galega.
No
2013, recibe o Premio Maruxa Villanueva de Interpretación por
“Snakizados” e o Premio
Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Teatro.
A
súa última publicación é “36
personaxes
e un can”
(para aula, casting e escena), dentro dos Cadernos da Escola de Imaxe
e Son da Coruña (nº 14) que el mesmo coordina. Anxela
G. Abalo, a súa namorada compañeira de viaxe, recorda
que, días
antes do seu pasamento,
Gustavo
daba
unha clase maxistral no escenario do teatro do
centro presentando
este
libro aos alumnos e escenificando algúns dos textos de microteatro.
“Eu
cheguei
xa comezado o acto
e o
director da Escola, o querido amigo Xulio Xermade, díxome:
está dándoo todo, coma
sempre!
E así foi como o vin por última vez nun escenario, ante
os seus alumnos, profesores e achegados... dándoo todo... coma
sempre.”
Ao
longo da súa vida, Gustavo Pernas publicou numerosas obras curtas en
Casa Hamlet e na RGT, e participou en publicacións colectivas como:
“La Nueva Dramaturgia Gallega” (coordinado por Manuel
Vieites, Publicacións da Asociación de Directores de Escena de
España. ADE. Madrid, 1996); “15 M, O pobo
indignado” (coordinado por Alfredo Iglesias, Ed.
Laiovento. Santiago de Compostela, 2011); “Banqueiros”
(Coordinado por Francisco Pillado Mayor); “A sucursal”
( Ed. Laiovento, Santiago de Compostela, 2012); ou “Aforismos:
O Riso Futurista” (Coordinado por Francisco Pillado e Xabier
Seoane, Edicións Xerais. Vigo 2017).
A
súa prematura morte na Coruña no 2018, deixa textos inéditos a
espera da súa publicación. Colaborador en distintos programas de
radio e participante en numerosas mesas redondas, relatorios e
conferencias, o noso homenaxeado era membro da Comisión Técnica de
Teatro da Ponencia de Artes Musicais e Escénicas do Consello da
Cultura de Galicia, onde organizara en 2000 as Xornadas sobre Escrita
Dramática participando na publicación do Proxecto para a Escola
Superior de Arte Dramática de Galicia. É Académico de Honra a
título póstumo da Academia Galega de Teatro e da Asociación de
Compañías profesionais Escena Galega. Foi membro fundador das
mesmas. A súa obra foi estreada ou publicada en Portugal, Francia,
Uruguai, EE.UU…
En
todos os seus espectáculos Gustavo participou como actor e director,
sempre coa súa compañeira Anxela G. Abalo, outro exemplo de tesón
e entrega que, a parte de levar a produción de cada un dos proxectos
de Ancora, tamén actuaba e dirixía.
Ancora
Produccións amosou
as súas obras no Centro Cívico de Arteixo en numerosas ocasións
cunha boa acollida por parte do público arteixán. Gustavo
presentou algúns dos seus libros alí, tamén… xa que logo é o
fin último da escrita teatral: a
representación das obras, cousa que no seu caso tivo a sorte de ver
en escena. Coa
súa prematura morte en 2018
o teatro perdeu un magnífico actor, un notable director, un
excelente dramaturgo e un
poeta con maiúsculas…
porque este arteixán de
adopción era un poeta que
escribía teatro.
Nunha
decisión plenamente xustificada, o Departamento de Cultura do
Concello de Arteixo decidiu nomear unha das butacas do auditorio co
nome de Gustavo Pernas. O seu espíritu está presente
en cada acto cultural que alí
se celebra!
|
Butaca
"Gustavo Pernas Cora" do Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo
(Cortesía do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo)
|
FONTES:
LÓPEZ
SILVA, INMA (2018): Síntome diestiano,
Erregueté, Revista
Galega de Teatro.
NUEVO
CAL, CARLOS FRANCISCO (2018): No
pasamento do gran amigo Gustavo Pernas Cora,
La Voz de Galicia, 30 de outubro.
REVISTA
LUZES (2018): Gustavo Pernas (Viveiro 1959-A Coruña
2018)
VEIGA,
EVA (2018): Gustavo Pernas: deconstruír
o establecido,
La
Voz de Galicia, 10 de decembro.
VIEITES,
MANUEL F. (2018): Gustavo Pernas Cora. In memoriam,
ADE/Teatro, n.º 173.