|
Ofelia Ramos na súa Librería Vagalume pouco despois da súa inauguración (Cortesía familia Rodríguez Ramos)
|
A
“Vagalume” abrira as súas portas en 1985, nunha época na que os
únicos establecementos deste tipo que había na capital municipal
eran as dúas librarías de Amalucha (unha na Baiuca e outra na
Avenida de Caión, que é a actual “Laydi”); a “Robi”, que
tiña o local ao carón do que hoxe é “Reprint”; e a de
Iglesias, que estaba na Avenida de Fisterra no mesmo local que
actualmente ocupa Suso Peluqueros.
O
señor Francisco Ramos e a súa dona, a señora Ofelia, eran os
propietarios do baixo no que se instalou a “Vagalume”, un local
que inicialmente estaba previsto que fose unha tenda de roupa
feminina. Eran naturais de Lugo, o señor Francisco do lugar de San
Mamede (parroquia de San Mamede da Torre, Taboada) e a señora Ofelia
de Goimil (parroquia de Sucastro, Monterroso). Facía pouco que
voltaran da emigración. Estiveran durante trinta anos en
Venezuela, país no que nacera a súa filla Ofelia, e decidiran
investir parte dos aforros de tantos anos de sacrificio en Arteixo.
A
finais dos anos setenta, nun verán que pasara na terra de seus pais,
Ofelia Ramos coñece nunha verbena a Alberto Rodríguez, un mozo de
Taboada que en setembro do 78 xa era mestre de 5º de EXB en Oza dos
Ríos. O xove docente fai o servizo militar en 1979 e posteriormente,
no curso 80/81, imparte clases na Silva (Cerceda).
A
parella casa en 1981, ano no que Alberto empeza a traballar (a partir
de setembro) no CEIP de Galán, que se inaugurara nesa mesma época.
Neste centro ía permanecer de xeito provisional durante tres cursos
dando clase en terceiro ciclo de EXB de Ciencias, que era a súa
especialidade, pero tamén de Galego e Educación Física. O feito de
que Alberto fora docente no municipio puido ser factor determinante
para que, finalmente, apostaran pola libraría e non pola tenda de
moda feminina, como estaba previsto inicialmente.
Entre
finais de 1984 e principios de 1985, xusto no momento da inauguración
do establecemento que hoxe homenaxeamos nestas Crónicas de
Arteixo, pecha a libraría de Robi. Curiosamente, parte do
mobiliario deste negocio, como o mostrador, ía acabar na “Vagalume”
que foi como bautizou a súa libraría Ofelia Ramos porque “tiñamos
claro que sería un nome galego; gustounos o seu significado e como
soaba”, recordaba Ofelia.
|
Primeiros
tempos da libraría. Podemos comprobar que aínda non estaba construído o
edificio no que está Caramelandia (Familia Rodríguez Ramos)
|
|
Imaxe
tomada ao pouco de abrir a libraría. Obsérvese que o baixo da actual
tenda "Mira Home" aínda estaba sen reformar (Familia Rodríguez Ramos)
|
Aqueles
eran tempos nos que polo centro de Arteixo aínda había algún que
outro descampado onde, nas noites de verán, escoitábanse cantar aos
grilos e a veciñanza podía ver vagalumes.
|
Imaxe
tomada dende o 2º piso do edificio no que está a Librería Vagalume. O
descampado do primeiro plano corresponde á praza onde está a terraza da
Cafetería Play (Familia Rodríguez Ramos)
|
Nos
primeiros anos do negocio, a “Vagalume” era algo máis ca unha
libraría. O almacén e o propio local de atención á clientela
fóronse convertendo nun espazo de xogos, de actividades, nunha
pequena gardería na que varias xeracións de nenos e nenas de
Arteixo foron medrando ao carón de Ofelia, neneira e agarimosa coa
rapazada coma poucas persoas. Quen non recorda os escaparates
navideños da Vagalume? Nunha ocasión os cativos que paraban
habitualmente na libraría mesmo construíran, coa axuda de Ofelia,
unha gran cidade con ducias de edificos e cun tren que daba a volta
por todo o escaparate.
|
Primeiros tempos da libraría (Familia Rodríguez Ramos)
|
Pouco
antes de abrir a libraría, Alberto obtivera o primeiro destino
definitivo en Coristanco, onde permanece dende setembro de 1984 ata
xuño de 1991. Posteriormente fai a especialidade de Educación
Física e consegue destino nun cole no que estivera anos antes:
Galán. A pegada do seu paso por este colexio aínda perdura na
actualidade. Susana Lebón contounos que “en Galán había un
equipo de atletismo do que foron artífices Alberto e meu pai. Cunhas
condicións precarias ganáronlle campionatos a coles relixiosos. Un
dos éxitos de Galán foi o obtido polo fillo do dono de Monleón,
que creo que conseguira un bronce nun campionato nacional.”
|
Alberto Rodríguez na Librería Vagalume ao pouco de abrir o negocio (Familia Rodríguez Ramos)
|
Nos
anos noventa Alberto e Ofelia ían ser pais de Alicia e de David,
nados respectivamente en 1991 e en 1999. Mais non vaiades a pensar
que o feito de ser nai acabou coa actividade dese almacén-gardaría,
no que aínda se poden ver as raias coas que Ofelia marcaba os
centímetros das medras da rapazada que a libreira protagonista desta
crónica coidaba como unha nai. A súa filla Alicia, recorda que “os
rapaciños digamos que preadolescentes ían por alí moitas veces a
pasar a tarde, disfrazábanse, montaban alí as cousas para o
Antroido; o almacén foi tremendo… ese almacén foi lugar de
encontros, de xogos, un lugar de xuntanzas dos amigos”.
|
Á esquerda, a porta do almacén da libraría (Familia Rodríguez Ramos)
|
|
Foto tomada no almacén da libraría (Familia Rodríguez Ramos)
|
E
así foron pasando os anos… sobrevivindo no día a día… as
chuches, as fotocopias, os xornais, os cromos… e logo, claro está,
a época dos regalos de Nadal, de Reis, e o inicio do curso coa venda
de libros e material escolar. O traballo nunca faltou e a sonrisa de
Ofelia para os seus clientes tampouco, abofé.
Non
nos esquecemos do señor Francisco Ramos, o pai de Ofelia, que tiña
algo de xenio, si, pero que foi un axudante incansable na libraría
durante moitísimos anos. Tanto atendía aos clientes como axudaba a
coidar dos netos. O señor Ramos pasouse moito tempo sendo compañeiro
de batallas da súa filla e botaba alí o día para facerlle compaña.
Alba Souto, que traballou durante varios anos na “Vagalume”,
recorda con agarimo aqueles tempos. “As historias da emigración
que contaba o señor Ramos encantábanme… e non esquezo o día que
souben que xa era da súa confianza porque foi el quen me ensinou a
facer fotocopias. E recordo a calma que traía a señora Ofelia, a
muller do señor Ramos, que compensaba o torbellino do seu home”.
Alba tompouco esquece “a mítica peregrinaxe de rapaces que viñan
a comprar a revista Crono Motor para saber os percorridos dos
Rallies de Galicia; había moita afección en Arteixo. E que dicir
das colas que se facían en setembro para comprar os libros de texto,
donde vías que os que viñeran como nenos no pasado agora estaban na
librería como pais. E despois, os “corrillos” que se formaban
entre os clientes que te poñían ao día da actualidade dos sucesos
dos veciños e tamén moitas conversacións sobre política, cultura
e recomendacións literarias.”
Arteixo
medraba a pasos axigantados. O asfalto e os edificios asentábanse
nos lugares onde antano cantaban os grilos. A “Vagalume” era
testemuño desa transformación urbanística... e tamén do
crecemento de moita rapazada de Arteixo que, ano tras ano, seguía
enchendo o almacén da libraría, onde pasaban as tardes facendo
manualidades para montar, coma cada ano, o escaparate de Nadal ou
preparaban os disfraces do Antroido.
|
Imaxe dos anos 90 tomada diante da Vagalume (Familia Rodríguez Ramos)
|
|
Imaxe dos anos 90 tomada diante da Vagalume (Familia Rodríguez Ramos)
|
Despois
de traballar durante cinco cursos en Galán, en setembro de 1996
Alberto consegue destino, xa só por Educación Física, no CEIP
Ponte dos Brozos, onde permanece ata 2010, que fai cando pasou ao
CEIP Arteixo, tamén por Educación Física. E así, nun abrir e
pechar de ollos, xubílase cinco anos despois, no 2015.
Aqueles
cativos que ían, como se fose un verdadeiro centro cultural, á
“Vagalume” a ler os tebeos, a facer quebracabezas, a xogar ao
Monopoly ou ao Quien es quien...
medraron… realizaron os seus estudos… nalgúns casos foron
pais... pero iso si, non deixaron de ir á libraría onde tanto
cariño recibiron naquel almacén nos que aínda se conservan as
raias das súas medras. De feito, ata hai pouco, o devandito almacén
continuaba sendo o centro de xuntanzas deste grupo de amigos.
Dende
a xubilación de Alberto, a Ofelia empezoulle a rondar pola cabeza a
idea de xubilarse, especialmente desde que é avoa. Ese momento
chegou o pasado 30 de novembro, día no que a “Librería Vagalume”
baixou a persiana por última vez!
Disfruta
desta nova etapa, Ofelia!