Aínda
que o lugar de Caldas, que é un termo romano para indicar augas
quentes, danos pé a pensar que os seus precedentes son moito máis
antigos, a primeira constancia documental que hai sobre o Balneario
arteixán data do ano 1760. Nese documento, o emprazamento do edificio
descríbese como un lugar illado do núcleo poboacional da Baiuca e faise
mención dunha serie de edificacións das que contaba o recinto termal:
hostal, casa de baños, capela e un arrimo para as cortes. No documento
detállase tamén, que un destes arrimos, facía ás veces de hospital e nel
recollíase á xente máis humilde, condición obrigatoria para poder
explotar as súas augas termais. Co paso dos anos o edificio, que xunto
co de Carballo era o único termal recoñecido en toda a provincia da
Coruña, convertiríase en centro de gran actividade social e marco de
feitos históricos de certa importancia coma o protagonizado a primeiros
do século XIX polo xeneral Juan Díaz Porlier que, cando cumpría condena
no castelo de San Antón por expresar a súa protesta pola abolición da
Constitución de 1812, solicitáralle por motivos de saúde ao Capitán
Xeral un permiso para pasar uns días nos Baños de Arteixo, onde xa
levaba uns días instalada a súa muller Josefa Queipo de Llano e a
servidume. Mais, tras novas peticións ás autoridades militares da
Coruña, Porlier obtería un novo consentimento, esta vez para instalarse
en Pastoriza, na casa de campo de Andrés Rojo del Cañizal (actual
Vilariza), lugar no que prepararía o levantamento do 9 de agosto de 1815
contra o goberno absolutista de Fernando VII. O "Marquesito", alcume de
Porlier, fracasaría no intento de derrocar ao rei español e sería
condeado a morte, sendo aforcado en outubro dese mesmo ano no Campo da
Leña da Coruña.
Dous anos despois da morte de Porlier, en 1817, noméase por primeira
vez un médico director
xa que, ao parecer, o Balneario era cada vez máis visitado e valorado
pola súa capacidade para curar, mais como os usuarios tomaban as augas
ao chou, sen ningún tipo de control médico, ocorrían a cotío desgrazas
que fixeran ver a necesidade de tal nomeamento. Aínda así, non sería ata
1849 cando Antonio Casares realiza a primeira análise das
augas, estudio no que se verifica que estas son moi mineralizadas, con
altísimos porcentaxes de cloro e sodio ademais de outros compoñentes:
xofre, calcio, flúor, bromo e iodo, que se empezarían a recomendar para o
tratamento de
afeccións cutáneas, reumatismos, trastornos respiratorios e problemas de
tipo nervioso.
Cara a mediados deste século XIX e segundo as investigacións do doutor
Pedro María Rubio, que aparecen reflexadas no seu libro, Tratado completo de las fuentes minerales de España
(publicado en 1853), a propiedade do Balneario de Arteixo era
compartido por catro propietarios, que tiñan feita a partición dos
edificios e administrábanos por si mesmos ou por medio de dependentes.
Naquela hora, a dirección facultativa corría a cargo de don Isidoro
Ortega, quen tamén se ocupaba da dirección do Balneario de Carballo,
recinto que nesa época fora adquirido polo xurista e político ourensán
Pedro Sanjurjo, que entre outros cargos, fora Conde de Torre Panela,
deputado a Cortes por Ourense (1839-41 e 1844-46) e polo distrito de
Bande (1850-54 e 1857-58), oídor da Real Audiencia da Habana (1849) e,
maxistrado decano da Audiencia de Manila (1869).
Mais no Balneario de Arteixo había un quinto propietario: o banqueiro
madrileño Angel Henry que, aínda que nun principio tivera abandonada
durante algún tempo a súa parte do recinto, segundo publica Rubio no seu Tratado completo de las fuentes minerales de España..."abrió
en su establecimiento un salón de sociedad decentemente adornado, con
periódicos, juegos permitidos y piano, arregló un local para fonda y
amuebló las habitaciones". Henry, deste xeito, convertera a súa parte dos Baños no epicentro da
vida social do concello e tamén se encargaría de amañar unha gran horta
para adicala a xardíns e a paseos. Pedro María Rubio tamén describía como era
o núcleo de Arteixo de mediados do XIX: "Hay paseos
amenos y deliciosos en el pequeño valle y su carretera, y una hermosa y
dilatada pradera adornada de árboles silvestres de todas clases, que
prestan gustosa sombra. Esta pradera, que es la que media entre los
baños y la carretera, está cruzada por un arroyo pequeño, que abunda sin
embargo en truchas y anguilas y va a desaguar al Océano Cantábrico, que
dista de allí un cuarto de legua escaso. Las colinas que rodean el
valle están pobladas de frondosos y dilatados pinares, y en sus faldas
se ven viñedos, prados, huertos y tierras bien cultivadas".
A
finais deste século XIX, en 1898, o carballés Manuel Rodriguez Més,
home acaudalado que lograra unha gran fortuna e que casara coa súa
propia curmán, a arteixá Flora González Més, compraríalle aos herdeiros
de Henry o Balneario pola respectable suma de 9.000 pesos dos da época.
Non tardaría moito en darlle aos Baños unha vitalidade e uns servizos
dos que carecían as instalacións e, nese mesmo ano, encárgalle ao
arquitecto vasco Juan Ciórraga i Fernández de Labastida, impulsor das
galerías do Ensanche coruñés e diseñador do asilo de anciáns de Adelaida
Muro, tamén na Coruña, a construcción do edificio do hotel, dotado de
planta baixa e dúas alturas que se edificarían con pedra de cachotería
entre os anos 1898 e 1911.
Principiaba, deste xeito, a relación da familia González Més cos Baños
de Arteixo, unha
relación que en realidade xa a iniciara o pai de Flora, Manuel González
Iglesias (Alcalde de Arteixo entre 1890 e 1891), cando fora durante un
tempo o administrador do Balneario. Tamén, durante os anos que Manuel
Rodriguez e a súa muller Flora estiveran ao fronte do negocio, un irmán
desta, Baldomero González Més, fervente seguidor da doutrina do
conservador Cánovas del Castillo, fora o Alcalde de Arteixo en tres
etapas distintas: 1914-1916, 1920-1923 e 1930-1931. Esta fora se cadra a
mellor época do Balneario, uns anos de esplendor no que o edificio
termal era frecuentado por persoeiros da talla de Manuel Mª Puga Parga
"Picadillo", xuiz municipal de Arteixo entre 1901 e 1903 que chegaría a
ser o Alcalde da Coruña no ano 1915; Ricardo Fernández Cuevas i Salorio,
director xerente de Augas da Coruña S.A., empresa que se constituíra en
1903; o poderoso banqueiro coruñés Narciso Obanza Alonso, casado con
Elena Miranda Santos (filla de Luis Miranda, o precursor da actividade
téxtil na Coruña) e amigo persoal de Baldomero González Més, que en
realidade era o seu corresponsal no municipio arteixán; ou Raimundo Molina, un dos
promotores do porto herculino, que viña aos Baños acompañado da súa dona
Evarista (filla do doutor Alejandro Brandao, Alcalde da Coruña entre
1881 e 1885) e do seu fillo Alfonsito, un rapaz que co tempo presidiría a
alcaldía herculina dende o ano 1947 ata 1958. Si, estamos a falar de
Alfonso Molina.
Os González Més terían moito peso tanto na vida política coma na
socio-cultural e tamén relixiosa dese Arteixo de principios de século
XX. Xa falamos de Baldomero, alcalde do concello en varias ocasións, e
de Flora, propietaria xunto co seu home do Balneario, mais aínda quedan
no tinteiro anécdotas do resto dos irmáns, que en total foran doce, das
cales falaremos noutra ocasión.
Carlos del Río Troche (imaxe cedida pola súa filla Ana) |
Paralelamente á entrada na alcaldía herculina dun dos hóspedes máis
ilustres do Balneario, Alfonso Molina, os Baños cambiarían de
propietarios pasando, por herdanza, ás mans de Enrique Rodriguez Més,
que estaba casado con Milagros del Río Troche. Mais Enrique non estaba
pola labor de levar as rendas do negocio e pediríalle a seu cuñado
Carlos, daquela empregado do Banco Pastor, que se puxera ao fronte,
petición que este aceptaría.
Eran os tempos nos que a fisionomía da vila variaba
considerablemente cada verán. Os meses de xullo e agosto rexistraban
cada ano unha gran afluencia de visitantes que, dende puntos ben
dispares, viñan a Arteixo a tomar os baños por prescripción médica.
Outro persoal, como era o caso de moitos dos novos usuarios, chegaba á
vila por consellos de amigos que melloraran das súas doenzas grazas as
augas arteixás. Naquela época, non era difícil que houbera máis de cen
persoas hospedadas no hotel do Balneario e tampouco era inusual ver
disfrutar a varios centos de bañistas dos servizos do centro, clientes
que alternaban as súas estadías no edificio con excursións ás praias de
Alba e Sabón ou aos montes de Subico e Santa Locaia.
Carlos del Río Troche e a súa muller, Laura Doldán Rivas, levarían a
administracción do Balneario desde finais da década dos corenta ata
1962. Pouco se asemellaba o Arteixo daqueles días co de hoxe. Na zona
dos Baños estaba o hotel e un hospitalillo e, posteriormente,
habilitaríanse unha especie de albergues ou ranchos que era o lugar onde se hospedaban os clientes que non podían pagar a estadía no hotel
mais sí acudir a tomar os baños, xa que o recinto tiña a obriga de
aloxar aos enfermos dos concellos veciños que estaban escritos na
beneficiencia. Neses anos, principalmente nos corenta, o Balneario
tamén era utilizado polo R.C. Deportivo da Coruña, que se concentraría en
numerosas ocasións nas súas instalacións. Para a historia tamén queda a
concentracción, durante a primeira semana de maio de 1945, da selección
española de fútbol na que xa destacaba o lendario dianteiro vasco Telmo Zarra.
Carlos del Río falecería dun infarto en 1962 e sería aí cando
entrarían en escena os
actuais propietarios dos Baños, é dicir, os irmáns Mosquera
Calvete que, logo das oportunas
negociacións con Francisco Rodriguez "Pancho", fillo de Enrique
Rodriguez Més, faríanse co recinto termal nestes anos sesenta, pouco
despois de que un dos irmáns, Domingo Máximo "Pitos", debutara en 2ª
División co Racing de Ferrol... uns Mosquera Calvete que levan
administrando o Balneario
máis de medio século e que acometerían unha rehabilitación das
instalacións coincidindo cun programa de reordenación urbanística do
contorno, no que se construiría o paseo fluvial e a Casa da Cultura.
O Balneario a principios dos anos cincuenta (imaxe cedida por Ana del Río) |
Os Baños, historia e tradicción que nos traen á memoria esa tranquilidade
perdida por mor das presas coas que hoxe convivimos, tamén están
asociados a varias curas miragreiras das que non hai moito tempo alguén
me comentou, sen ningún recato, que seica unha persoa que no seu día
chegou ao Balneario con muletas, despois dun adecuado tratamento e
grazas ás augas á que foi sometida, voltaría ao seu domicilio sen as devanditas muletas, deixando unha delas colgada na capela do recinto.
Un ambiente de veraneo da decadencia romántica, alá polo 1890, como
sinala a fonte do Balneario, segue envolvendo a atmósfera deste
histórico lugar descuberto, paradoxos da vida, según afirma a lenda,
grazas a un burro que curou as súas feridas e mazaduras nunha fonte
próxima ao lugar donde pacía.
FONTES:
-Seminario Permanente CEP "Galán" de Oseiro e CEIP "Ponte dos Brozos".
-BLANCO REY, MANUEL. "Alcaldes de Arteixo (1836-1998)". Concello de Arteixo, 1998.
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER."De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam". Edicións Embora, 2014.
Es una información muy bonita, creo que hoy está infectada por una bacteria ¿podría ser por culpa de las obras del paseo que se contaminasen? está demasiado cerca y es una pena que un balneario de esta categoría que ha mejorado la salud de tanta gente (me incluyo)se arruine. Bueno...ahora no se como está.
ResponderEliminar