O Catastro de Ensenada de 1752 foi un pormenorizado rexistro de habitantes, propiedades, edificios, gandaría, oficios e outra serie de bens que ordenou realizar o rei Fernando VI nos quince mil lugares da Coroa de Castela co obxectivo de establecer un único imposto, un cobro que non se levou a cabo por mor do forte rexeitamento da nobreza.
O inventario deste catastro realizado na parroquia de Santiago de Arteixo recolle un total de dez muíños: un deles estaba no Rañal, era propiedade dun tal Juan de Orxeira (veciño de Herves, Carral); en Caldas había dous e pertencían a Joseph Sánchez de Taibo; e os sete restantes estaban no lugar de Candame, cinco dos cales eran de Manuel García, Antonio Torreiro, Euxenio de Boedo, Jacobo López Muñiz e Francisco Rodríguez de Ulloa. Os outros dous eran propiedade dos herculinos conventos de Santo Domingo e da fábrica de Santa María do Campo.
Muíño do Rañal na actualidade |
Dous séculos despois, os muíños do Rañal, de Caldas, do Pedregal, o de Laxobre e o de Mino de Amadeo1 eran os únicos nos que se podía moer na parroquia. Mais pouco a pouco, aproximadamente pola década dos setenta, irían pechando as súas portas e hoxe xa só quedan deles as lembranzas das noites nos muíños dos nosos maiores, noites que mantiveron viva e anovada a nosa poesía popular na que o rol erótico, a sorna e a retranca estaban sempre moi presentes, moi especialmente coa filla e a muller do muiñeiro, cos curas e co oficio.
Panorámica actual do muíño de Mino de Amadeo |
As instalacións do Rañal (na actualidade aínda se pode ver parte deste edificio) albergaban no seu interior dous muíños. Un deles era propiedade da coñecida como casa dos de Bastón e o outro da casa da Leiteira, familias que tiveron o privilexio de ter luz nas súas vivendas catro anos antes de que esta chegase ao resto da aldea do Rañal, no ano 1958, grazas a un xerador instalado no muíño que lles permitía ter corrente eléctrica. Estas instalacións abrirían un abanico de posibilidades na aldea. De feito, un dos antigos propietarios dun dos muíños, o coñecido como o Tío Antón da Leiteira, foi a primeira persoa do Rañal en ter radio. Republicano, poñía a todo volume Radio Pirenaica, unha emisora creada a instancias de Dolores Ibárruri, La Pasionaria, que principiou a emitir no ano 1941 dende Moscú como unha vía de información do Partido Comunista. Pese á represión da época, o Tío Antón nunca tería problemas pola súa ideoloxía, seguramente, grazas á súa amizade co secretario municipal.
Trinta anos antes de que as familias dos de Bastón e dos da Leiteira tiveran electricidade nas súas vivendas do Rañal, nos muíños do Pedregal dábase o primeiro paso para a electrificación da vila de Arteixo, electrificación que non se completaría ata os anos 50. Este histórico feito recollíao o xornal La Voz de Galicia na súa edición do 22 de xullo de 1925 onde, con motivo das festas patronais da vila, informaba de que:
«Aparte de otros números nuevos y atrayentes, habrá una novedad de las más gratas para el pueblo: la colocación de la primera piedra para la instalación de la fábrica de electricidad, que tan necesaria es aquí, y que se instala a base del salto de agua de los molinos del Pedregal»
Manolo Insua e a súa muller Mari Pepa diante dos muíños do Pedregal nos anos 50, matrimonio que posteriormente abriría no lugar do Cruce o bar Insua, o popular Muiñeiro (Fotografía Álvarez)
Na actualidade, vivimos ao carón de múltiples liñas de alta tensión que saen desa empresa que tiña unha enorme cheminea e que está instalada en Sabón, moi preto onde outro muíño, neste caso eólico, xera parte da enerxía que necesita Inditex para fabricar as prendas que logo reparte por todo o planeta. Pois a uns poucos metros destes lugares, no paseo fluvial, segue estando o edificio dos muíños do Rañal. Se entras nas instalacións e pechas os ollos, é probable que aínda escoites algunha das coplas que alí se cantaban …
Esta noite no muíño
ha de haber o que ha de haber,
as telliñas do tellado
han de ir ó río beber.
_______________________
1 Dende setembro de 2013 o coñecido como o Muíño do Minoco alberga un centro de interpretación da natureza dependente do Departamento de Medio Ambiente do Concello de Arteixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario