TEMAS

martes, 24 de decembro de 2024

O TIZÓN DE NADAL

   O tizón de Nadal ou cepo de Nadal (tamén coñecido como cachopo de Nadal) é un tronco grande de madeira que os nosos devanceiros prendían pola Noiteboa na lareira.

    Era esta unha tradición ancestral galega, e doutras partes de Europa, ligada a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno que simbolizaba destruír o vello para dar paso ao novo.

    Segundo o noso ilustre veciño Manuel Murguía, na antigüidade contábase o ano novo desde a noite de Nadal, polo que o 25 de decembro era o primeiro día do ano. Polo tanto, prender o cepo de Nadal era acender o novo lume.

    Prender este lume novo supoñía para os nosos antepasados un acto case relixioso reforzando, ademais, o sentimento de unidade familiar. A práctica conservouse ata o século XX e a día de hoxe aínda se realiza en moitos lugares da nosa xeografía (se sabedes dalgunha casa de Arteixo que o fagan facédenolo saber, por favor).

     Segundo cada cultura, a árbore escollida para a tradición cambia: os franceses preferían árbores froiteiras; os ingleses o freixo, o piñeiro ou o carballo; os escoceses a faia; os galegos o carballo, mais tamén empregaban a faia, o bidueiro, o freixo ou o loureiro.

    A certeza de que é unha tradición moi antiga e espallada evidénciase no feito de que, nalgunhas linguas europeas, o termo utilizado para describir o cepo atópase nas palabras que fan referencia ao Nadal, coma no lituano kalėdos, que significa literalmente 'a noite do cepo', ou 'noiteboa' en croata badnjak, que tamén significa 'cepo', ou nalgúns alcumes para as festas de Nadal coma "Festa del Ceppo", utilizado na Toscana.

    Desta tradición provén o doce chamado tronco de Nadal, moi común nos países francófonos, onde é coñecido coma bûche de Noël.

    O Nadal galego ancestral, inserido na tradición cristiá desde o século IV, ten tamén unha palpable relación co agro, cando o labrego, debido ao mal tempo e aos días curtos, concentra o seu esforzo en traballos artesanais dentro da casa. Avós, fillos e netos xuntábanse a carón do lume onde, segundo os contos daqueles tempos, tamén se congregaban as ánimas dos antepasados mortos na Noiteboa. Costumes que, xunto cos cantos, os donativos etc., conforman as tradicións de Nadal que hoxe se conservan. 

    Entre os pobos celtas galaicos existía o costume de manter unha candea acesa en honra á deusa Nai Terra durante o solsticio de inverno, usando os restos da candea do ano anterior. Debía arder doce horas para traer boa sorte. Baseada nesta tradición xurdiu unha das tradicións máis antigas e de maior raizame en Galicia, onde o madeiro debía ficar aceso na lareira ata Aninovo.

    Despois deixábase apagar, pero ollo, consérvase durante o resto do ano para acendelo de novo durante as treboadas ou cando se ventaba unha desgraza na casa, como elemento protector do fogar.

    Nalgunhas zonas da xeografía galega para facer o cepo usábase o chamado “lume novo”, pois as brasas deste lume facíanse nas lareiras das casas queimando toxo, despois bendicíase esa leña miúda o Sábado Santo no adro da igrexa e gardábase para dar sorte á familia, tornándose a prender pola Noiteboa.

    Arredor deste lume de Nadal cantábanse panxoliñas, contábanse historias da Santa Compaña, de mouros, serpes, encantos, contas de risa, etc., mentres os cativos xogaban. Tamén se pensaba que nesa noite as ánimas dos defuntos antergos da familia estaban presentes arredor do lume.

    Conta a tradición que se se conseguía que o tizón fixese brasa acesa toda a noite, e chegaba ao amencer con calor, habería sorte todo o ano.

Vicente Risco define o tizón de Nadal así:

É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arreder o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman 'tió', no que baten os nenos da casa para que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos máis vellos1 ”.

    Ademais de seren protectoras e cun certo carácter sagrado, as cinzas do tizón de Nadal parecían ser boas para curar as febres.

   Bo Nadal!

 

FONTES:

Rey Insua, Lucía (2007): Las gentes. Hogueras, fachóns, magostos y queimadas. El fuego y sus ritos en la cultura popular gallega, Ea editorial.

Risco, Vicente: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979); vol. I, 255-777.

Wikipedia. Tizón de Nadal. (https://gl.wikipedia.org/wiki/Tiz%C3%B3n_de_Nadal)

_________

1 Vid. Vicente Risco: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979); vol. I, 255-777.

Ningún comentario:

Publicar un comentario