TEMAS

martes, 27 de xaneiro de 2026

OS LAVADOIROS DO PASADO

  Na actualidade, unha casa moderna está equipada cunha lavadora e unha secadora automáticas e, nalgúns casos, cun pequeno lavadoiro para lavar a man as prendas máis delicadas, así como unha táboa de pasar o ferro. Mais houbo un tempo no que, nos fogares dos nosos devanceiros, non había ningunha destas comodidades e modernías. Se botamos a vista atrás, e pensamos durante uns segundos no enorme traballo que pasaban as mulleres para lavar a roupa, é doado entender ás nosas avoas que, con razón, din que a lavadora é o mellor invento da historia. 

Mulleres de Figueiroa lavando na Ponte dos Brozos

  Antigamente, cando non existían electrodomésticos, o lavadoiro era o lugar, dentro ou fóra do fogar, no que se lavaba a roupa a man sobre unha táboa ou pedra lisa que tamén recibía este nome, moitas veces no mesmo río ou regueiro. Cos anos, e especialmente na xeografía galega, estos lugares que adoitaban ser de uso colectivo convertiríanse nunha construción popular preto das fontes á que as veciñas do lugar acodían a lavar a roupa nun acto social e colectivo.

  Estes lavadoiros públicos consistían nunha canle que traían a auga a un ou varios depósitos de granito ou formigón. Aos lados destes depósitos había unhas pedras lisas o lousas chamadas “lavadoiras”, que estaban colocadas cunha inclinación máis ou menos de 40 graos. As mulleres tiñan unha "banca" de madeira de forma angular sobre o que se axeonllaban e, medio agachadas, fregaban e enxaboaban as roupas inclinadas para permitir o lavado á man.

Imaxe de principios do século pasado dun lavadoiro (Arquivo do Reino de Galicia)

  Había lavadoiros que contaban cunha cuberta, que adoitaba ser a catro augas con dúas tesoiras de madeira, sostida por catro ou seis piares de pedra ou obra a xeito de alpendre. Mais tamén había lavadoiros abertos, que durante moitos anos foron os máis comúns.

  Alí xuntábanse as mulleres coas sabas, pantalóns e saias para fregar e refregar contra a pedra, dándolle duro ao cepillo e ao xabón que se fabricaba na casa con graxas e sosa. Mais un momentiño: no lavadoiro tamén había unhas normas… e pobre de quen non as cumprira! Cando eran mantas, la dos colchóns ou verlos de la das ovellas, había que ir aos regatos, moitas veces en burro ou cabalo e levando a comida.

Panorámica actual do antigo lavadoiro do Rañal

  Nalgúns lavadoiros, as mulleres lavaban a roupa unhas fronte a outras. Noutros, facíano de lado, caso no que había que botar a auga sobre a roupa coa man dereita  para, así, evitar botarse unhas a outras xabón e auga.

  Para sacarlle a carroña á roupa a lavandeira tíñase que situar na parte baixa por donde corría a auga. Despóis extendía as prendas a clarexar nos arredores. Posta a roupa ao sol, botábaselle auga para que fora amolecendo a suciedade. Logo dábaselle outro fregado, esta vez no centro do lavadoiro donde a auga estaba limpa, dándolle o toque final escorrindo e torcendo. Así quedaba preparada para secala, pendurada dun arame xa na casa ou dunhas ramallas na horta. Unha vez seca tiña lugar o planchado da roupa, tarefa reservada para a tarde dos sábados, cunha prancha de ferro macizo (de aí a expresión galega actual “pasar o ferro”). Máis tarde aparecerían ferros máis modernos, semellantes á caldeira dunha máquina do tren: facíase un braseiro metendo a borralla no interior do ferro, soplando por un furadiño para avivar o borrallo que o quentaba. Nas casas que non tiñan ferro botábase man de “pedir prestado”.

Mulleres camiño do lavadoiro

  Aínda que algunhas casas,  polas que transcorría próximo un río, podían contar cun propio, os lavadoiros de roupa  adoitaban ser lugares públicos e abofé que ben necesarios. Xunto coas fontes e os muíños, os lavadoiros eran os grandes lugares de convivencia e contacto social para as mulleres da época. O lavado da roupa foi unha tarefa dura que, frecuentemente, realizaban as mulleres máis novas da casa.

  Aos lavadoiros íase lavar a roupa, sí, e aínda que era un traballo duro facíaselle fronte con certa ledicia pois, durante séculos, foron sitios de tertulia nos que se falaba do divino e do humano. Unha especie de redes sociais do momento, ou pequenas axencias de noticias, onde os cotilleos nacían, reproducíanse e morrían. Se alguén quería enterarse e saber con detalle se o neto da tía Mercedes andaba a facerlle as beiras a Piluca do Touciñeiro, o lavadeiro era o lugar no que tiña que había que estar si ou si. Agora todo é máis doado. Botamos unha ollada ao Facebook do veciño ou da veciña para saber da súa vida. Ou os amigos do solteiro de turno colocan un cartaz na Avenida de Fisterra: "Pepiño e María cásanse", mais non é o mesmo: antes íase aos lavadoiros a lavar a roupa e tamén a FALAR… e hoxe ata parece que nos custa dar os bos días!

  Actualmente aínda hai xente que utiliza os lavadoiros para lavar alí as alfombras e outros obxetos igualmente aparatosos mais, a maior parte desos lugares emblemáticos e cheos de encanto, están abandonados ou medio esquecidos e só se conservan vivos na memoria das nosas avoas. Rematamos co testemuño dunha delas, o da veciña do Rañal Carme do Bichelo, que durante toda a súa vida foi usuaria dun destes lavadoiros tradicionais que forman parte do noso patrimonio:

  "Lavar ben a roupa non che era moco de pavo. Ademais dun traballo duro e delicado era unha auténtica arte xa que había que seguir un protocolo rigoroso que comezaba por separar a roupa branca da de cor. A roupa metíase peza a peza no lavadoiro. Empapábase, enxaboábase e fregábanse as manchas difíciles. Despois de enxaboada, a roupa amoreábase no lavadoiro para que fose amolecendo. Peza por peza mergullábase na auga e zapateábase contra o lavadoiro para deixala limpa e aclarada. Lavar a roupa branca era máis laborioso. Enxaboada e sen torcer, botábase ao clareo. Estendíase ao sol sobre o campo de herba e a luz eliminaba as manchas máis difíciles, recuperando a súa brancura. Aclarada e relucente, quedaba a tender nos toxos dos arredores."

Lavadoiro novo do Rañal, anos 90. De esquerda a dereita: Dorinda do Bichelo, Blandina do Coireiro, Lola de Abeleira e Carme do Bichelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario