O vapor alemán, tal como estaba, non necesitaba que se lle dese remolque. Cumpría dispor dun salvamento propiamente dito, traendo potentes bombas, cubrindo os furados do fondo, etc. E para iso telegrafíase ao vapor "Newa", que nese momento encontrábase en Xibraltar.
O vapor alemán "Trier" embarrancado en Suevos (La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902, páx. 32) |
Continuaban chegando infinidade de persoas ata o lugar do sinistro, tanto por terra canto por mar para ver o barco e, moitas delas, burlando a vixilancia dos carabineiros, apoderábanse do que o fluxo das ondas deixaba nas praias de Bens e nas de Suevos. Queixos, lentes, sombriñas, garrafas de viño, numerosísimas latas de comida en conserva e navallas de barbear xa se vendían polo camiño antes de entrar na Coruña e na Baiuca. O queixo, que era o artigo que tiña máis compradores, vendíase a 2,50 pesetas cada un. A pillaxe e o roubo estaban, nesas horas, á orde do día a pesar dos esforzos das autoridades que se viron novamente na obriga de efectuar tiros para o ar, coa finalidade de amedrentar aos raqueiros e obrigalos a fuxir. No entanto, o roubo continuaba!
Por mar, arredor do "Trier", navegaban numerosas embarcacións ateigadas de persoas que agardaban a ocasión para botarlle a man a canto puidesen. Este feito ía provocar que o día 11 de xullo foran detidas dúas embarcacións cargadas con numerosos obxectos do barco alemán: a "San José", con matrícula da Coruña e patroneada polo mariñeiro Francisco Pichel (a) "Ollo vivo", e a lancha "Manuel", con matrícula de Santa Cruz.
Outra das embarcacións que rondaba preto do "Trier" era a "San Francisco", con matrícula de Caión, patroneada por José Freire Otuño e tripulada polos mariñeiros Evaristo Lareo, Ramón Muíños, Cristóbal Ventureira, José Antonio Vazquez e Basilio Freire, a cal tamén tería problemas coas autoridades, xa que despois de desobedecer a orde de atraque dos carabineiros, estes vense na obriga de efectuar fogo para o ar, co obxectivo de intimidalos. O cabo Manuel Vázquez repetiulles a orde de atraque, mais obtería o mesmo resultado.
-"Facédeos desembarcar de calquer xeito", ordénalle o cabo aos seus carabineiros.
Un deles, José Noya, que estaba moi preto da "San Francisco", dispara un tiro por enriba da embarcación caionesa para unha nova intimidación, mais estes fan caso omiso. As intimidacións continuaron de palabra e como a teimosía dos de Caión era grande, Noya disparou de novo, ferindo daquela aos mariñeiros José Antonio Vázquez e o rapaz Basilio Freire1. Foi entón, cando os mariñeiros de Caión atracaron e posteriormente varios homes do barco deixaron a Vázquez, que manaba abundante sangue pola ferida, sobre unhas rochas, á espera dos auxilios do médico do "Trier". Os carabineiros incautaron o que había na embarcación e levárono para un almacén provisional que formaran na praia de Bens, onde gardaban o resto dos obxectos que lles apresaran aos raqueiros e outros que o mar tiña pousado nos areais e nas rochas.
Panorámica da praia de Bens a principios da década dos 60, antes da construción da refinerería (Ángel Blanco) |
O que estaba a acontecer en Suevos era unha cousa insólita. Por un lado, as autoridades tentaban impedir que a xente se apoderase da carga do navío, para evitaren desa maneira o contrabando e, por outro, a tripulación do "Trier", despois de subir as mercadorías á cuberta, tirábanas indistintamente ás gabarras ou ao mar. Había pouca preocupación por parte dos mariñeiros alemáns da sorte que pudese correr todo. Apreciábase unha enorme falta de dirección e a confusión era notable. Visto isto, era comprensible que a xente de terra non tivese reparo en recoller o que a tripulación do vapor alemán trataba con tan pouca consideración.
O domingo, 13 de xullo, chega de Xibraltar o remolcador inglés "Newa"2. O seu capitán, logo de comparecer no lugar do sinistro, sube a bordo para enterarse en primeira persoa das condicións nas que se atopaba o "Trier", que continuaba escorado de estribor. As potentes bombas do "Newa" comezan a achicar a auga que tiña o barco alemán nos compartimentos estanco, e dous mergulladores do remolcador descenden varias veces para ver o xeito de tapar provisionalmente os furados que as rochas abriran no casco. O alixo da carga continuaba como nos días anteriores: 205 obreiros ocupábanse de cargar nas gabarras as mercadorías que despois transportaban ata os almacéns da rúa Teresa Herrera e no que había próximo á fábrica de mistos de Zaragüeta.
O xoves 17 téntase por fin, aproveitando a marea chea das dúas da tarde, colocar o "Trier" en condicións de saír do lugar no que se achaba. O vapor, facendo funcionar a súa máquina e auxiliada polo "Newa", volta a recobrar en parte a súa primitiva posición, mais de maneira incompleta. Coa achicadura das bombas, a auga diminuiría considerablemente e a carga xa se extraera por completo. No entanto, o navío, se ben aboiaba, non o facía tanto como se agardaba. O capitán do "Newa", decatándose de que só co seu barco o "Trier" non sairía da Gaianda, requere á súa armadora outro barco, decidindo a compañía enviar o "Herakles", un remolcador de maior potencia que o "Newa e que contaba, alén diso, con aparellos para este tipo de traballos. Mesmo así, o "Newa" fai outra tentativa de remolque na madrugada do sábado. Ás tres e cuarto, hora na que a marea tiña chegado á súa máxima altura, comezaron a funcionar as bombas e o remolcador deu avante, fixo virar a hélice, os cabos cos que se daba o remolque puxéronse en tensión e o "Trier" principiou a avanzar lentamente. O percorrido acadado non sería longo (oito ou nove pés), mais a manobra faría renacer en todos a confianza en que o vapor alemán sería posto a salvo coa axuda do "Herakles".
Neste mesmo día, facía escala no porto da Coruña o vapor "Alfonso XIII", da Transatlántica española, e sae rumbo á Habana coa pasaxeira Elda Cooper (que viña no "Trier" en primeira clase).
O "Herakles" chega á cidade herculina pouco antes das sete da tarde, no domingo, e ás dez da noite, aproveitando que o ceo estaba limpo e a noite bastante clara, diríxese cara a Suevos mais, o mal estado do mar e o forte vento do nordés, imposibilitarían toda clase de preparativos durante uns días.
O mércores, 23 de xullo, por fin se leva a cabo o tan ansiado remolque, que desde había xa bastante tempo, se tentaba dar ao "Trier". O vento calmara e ás catro e media da tarde, aproveitando a marea viva, comezan os traballos. Había que conseguir que o buque flotase para facelo saír das rochas que o aprisionaban pola parte central. Principiouse por facer funcionar as bombas de achicadura, suxeitáronse as amarras das vitas da popa ás da popa do "Newa", mentres que nas vitas de proa se amarraron algúns cabos que lanzara o "Herakles", pretendendo conter o "Trier" na dirección do canal e impedir que fora empurrado polo mar cara a terra. Fíxose funcionar, ademais, a máquina do vapor alemán para dar maior impulso e facelo saír da "cama" que lle formaran as rochas. Todo sería inútil: o "Trier" non se movería nin un metro, polo que as esperanzas de que saíra da Gaianda, comezaban a fraquear. Non obstante, os capitáns do "Newa" e do "Herakles", así como o resto dos oficiais, non desesperan e pensan na opción de dinamitar as rochas que detiñan ao barco. O peor era que cumpría agardar á lúa nova para que as mareas subisen abondo.
Panorámica actual do illote da Gaianda |
En vista de que os esforzos realizados non deron resultados positivos, acórdase que 35 dos 57 tripulantes do barco alemán regresen a Bremen e para isto telegráfase a Vigo co obxecto de que se envíe á Coruña o vapor "Pfalz", que regresaba de Buenos Aires con pasaxeiros para Galicia e Alemaña.
Case un mes despois da última tentativa, o martes 19 de agosto, téntase un novo remolque. Había uns días que tiñan organizado os preparativos para levalo a cabo, decidindo colocar o barco na súa primitiva posición, xa que os técnicos consideraban que o lugar no que quedara, despois dos remolques anteriores, era moi perigoso. Pretendían tamén, colocalo de tal maneira que os mergulladores pudesen recoñecer a quilla e tapar os furados que había.
Principiaba o enésimo remolque. O "Newa" e o "Herakles" traballaban con fé. As bombas funcionan durante bastante tempo, ata que conseguen despexar toda a auga que contiña o barco, e así deixalo aboiando. Xa a seguir, os remolcadores dan varios puxóns e por fin o "Trier", despois de cabacear durante un anaco, avanzou lentamente uns 15 metros. Trataron entón de obrigarlle a marchar de lado, mais infelizmente, o casco volta a bater nun baixo, o que provocaría a suspensión do remolque. Uns momentos despois, os mergulladores examinan a nova situación do barco e, após as oportunas comprobacións, chégase á conclusión de que o "Trier" non sairía de entre as Gaiandas máis que en anacos.
As persoas que coñecían perfectamente esta parte do Atlántico viñan predecindo tempo atrás o que finalmente tiña que acontecer. A marusía dos últimos días de agosto de 1902 causaría tal destrozo no "Trier" que lle fendería totalmente a parte plana da quilla. O vapor alemán estaba alagado por completo e a auga xa cubría a máquina. Neste estado, era imposible o salvamento. A triste nova da perda total do barco seríalle comunicada o 31 de agosto á dirección da Lloyd en Bremen, decidindo a compañía vendelo en poxa.
O xoves, 4 de setembro, o capitán Gehrke e o primeiro oficial A.M. Loewe saen para Alemaña no tren-correo acompañados do inspector que a Lloyd enviara a Suevos. O resto da tripulación, uns 23 mariñeiros, excepto o cociñeiro (que era galego), parten para Bremen o martes 9 no vapor "Wittemberg", que procedía de Lisboa. O cociñeiro José Canosa, despois de pasar uns días coa súa familia, embarcaría días máis tarde no "Schleswig".
Ás doce da mañá do 9 de setembro de 1902, iniciábase a poxa do "Trier" no Consulado alemán na Coruña, sendo o seu prezo de saída 25.000 pesetas. Había 49 persoas presentes, moitas delas axentes de negocios de Bilbao, Cádiz e Vigo. Após unha hora de poxa, adxudicábase o navío, como mellor postor, a José Teijeiro, veciño de Santa Marta de Ortigueira, polo valor de 110.500 pesetas.
(...CONTINUARÁ)
___________________
1 Unha bala atravesou a perna dereita sobre o xeonllo de Vázquez, con orificio de saída baixo a rótula, tocando no ombro dereito a Basilio.
2 Hai que sinalar que a tripulación do "Newa" organizaría dous anos máis tarde, o 12 de marzo de 1904, un dos primeiros partidos de fútbol xogados na Coruña. O encontro disputaríase, segundo conta Fernando Patricio Cortizo en "Historia da costa galega e os seus naufraxios", na antiga praza de touros da urbe herculina e o rival fora o Football Club Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario