As doce da mañá do martes, 9 de setembro de 1902, comezaba no consulado de Alemaña na Coruña a poxa polo vapor alemán “Trier”, embarrancado en Suevos a principios de xullo. O prezo de saída de 25.000 pesetas, considerado baixo polos comisionistas, axentes de negocios e representantes de casas de Bilbao, Cádiz e Vigo, ía provocar unha gran expectación no consulado, edificio no que se deron cita ata un total de 49 persoas. Durante máis de unha hora, foron moitas as cantidades en pugna, mais finalmente adxudicábase o navío como mellor ofertante a José Teijeiro por 110.500 pesetas.
Nese mesmo día, Teijeiro organiza os preparativos para o desmantelamento do “Trier”, un vapor que naquel intre xa estaba en moi malas condicións. Teijeiro contrata cuadrillas de obreiros (principalmente carpinteiros), a lancha de vapor “María Pita”, que xa participara nas tarefas de transbordo da carga do buque alemán, e dúas gabarras para o traslado dende A Gaianda ata a baía coruñesa das máquinas, ferros e outros materiais do despezamento.
Panorámica actual do illote da Gaianda |
O barco mostraba un aspecto desolador. No seu interior non quedaba nada, nin unha peza de roupa, nin sabas, nin manteis, nin panos de mesa. Da vaixela de primeira clase non quedara nin un prato, nin unha copa, nin unha culler, nin un coitelo...e a da segunda e terceira clase, o mesmo.
Os mobles tamén voaran. Tan só quedaran os que non se podían transportar facilmente. Polos corredores adiante podíanse ver algúns lavabos deitados no chan, embrullados en colchonetas e amarrados con cordas, evidentemente preparados para “a fuga”, mais certamente faltou tempo para levalos.
Na máquina do vapor tamén se advertían en todos os aparellos as pegadas dos ladróns, que ademais arrancaran grandes anacos de canalizacións de cobre. E polo demais, non deixaran nin cabos, nin motores… nada de nada. É de supoñer que, cando se enteraron de que o “Trier” ía ser vendido, houbo como unha febre masiva por apoderarse dos últimos obxectos de valor do barco embarrancado na Gaianda.
O vapor "Trier" embarrancado na Gaianda (La ilustración española y americana, 15 de xullo de 1902, páx. 32) |
A urxencia do desmantelamento era grande por causa do inverno, polo que as cuadrillas contratadas por José Teijeiro comezan a traballar decontado, concretamente o xoves 11 de setembro. Neses días o mar non tiña acougo e rompía con forza contra o casco do “Trier” e as acometidas oceánicas contribuían a facer máis rápido o seu desmantelamento. Os carpinteiros, a golpe de machada e de escoupro foron retirando a tolda do navío, a obra morta1, a cuberta, os camarotes, sollados, etc. Cando finalizaron, outra cuadrilla de obreiros comezou a retirar a máquina, os paus, a cheminea… O desmantelamento do navío continuaría durante todo o mes de outubro.
Ao longo dese mes de outubro tamén se foi vendendo en poxa parte da carga que o “Trier” levaba nas adegas con destino ao continente americano. Sirvan de exemplo estos dous anuncios publicados na prensa da época:
El Noroeste, 4 de outubro de 1902 |
El Noroeste, 22 de outubro de 1902 |
Nos primeiros días de novembro, as inclemencias metereolóxicas complicaban notablemente os traballos de despezamento que se estaban a facer no vapor alemán, chegándose a vivir situacións de moito risco e moi angustiosas nas dúas gabarras e na lancha “María Pita”. Deste xeito, na mañá do día 7, o forte mar de fondo estivo a piques de provocar unha terrible desgraza en Suevos, xa que esnaquizou por completo contra as rochas do que hoxe é a “Cheirona” unha das gabarras que contratara José Teijeiro. Infelizmente, poucas horas despois, a outra gabarra, que estaba ateigada de obxectos, ía tamén a pique tan só uns minutos máis tarde de bater bruscamente co casco do “Trier”. No momento do suceso, nesta gabarra traballaban varios obreiros, salvándose milagrosamente todos eles ao agarrarse á escada do barco alemán que estaban desmantelando. Un deles, José Babío, non foi esmagado por un tris, pois o seu corpo quedara posicionando xustamente entre a devandita gabarra e o casco do “Trier”.
Obsérvese á esquerda da imaxe o illote da Gaianda e, á dereita, as instalacións da chamada "Cheirona" de Suevos |
O desmantelamento ía continuar ata que o armazón do vapor quedou ao ar, sen unha prancha e sen un parafuso. E xa nos primeiros meses de 1903 podíase ver a Gaianda como se pode ver na actualidade, como se non tivese acontecido nada alí, como se todo fose un soño…
Curiosamente, o nome do vapor alemán ía ficar na toponimia do litoral de Suevos ata os nosos días xa que a furna existente xusto en fronte da Gaianda, a mesma na que a ondada acumulaba moitas das cousas que a tripulación do buque tiraba ao mar, aínda aparece nos mapas como “Triel”. A longa transmisión oral ocupouse de deturpar o orixinal “Trier”.
No mapa podemos ver sinalados o illote da Gaianda e O Triel e na foto, cunha frecha, a zona da Furna do Triel |
Panorámica da Furna do Triel, que debe o seu nome ao embarrancamento na zona en 1902 do vapor alemán "Trier" |
FIN
___________
1 Parte do casco dun barco que está encima da liña de flutuación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario