martes, 24 de xuño de 2025

AS LENDAS DOS BURROS DOS BALNEARIOS DE ARTEIXO E DA TOXA

  Hai uns días comezaron as obras da nova casa de baños do Balneario, que se realizará sobre unha das edificacións xa existente, aproveitando o seu envolvente exterior e modificando a súa distribución interior.

   A actuación busca ampliar a superficie do recinto cubrindo o patio exterior con unha lixeira estrutura de aceiro e cristal que permita ver a volumetría do edificio actual, a súa historia e respectando o patrimonio existente.

   E falando de patrimonio, neste caso de patrimonio inmaterial, que mellor ocasión para recordar unha das lendas populares deste lugar descuberto, paradoxos da vida (e segundo afirma a lenda), grazas a un burro que curou as súas feridas logo de beber nunha fonte próxima ao lugar onde pacía.

   Tamén hai outra versión na que o protagonista é un burriño mudo que non podía ornear. No seu momento o prezado e admirado Víctor Iglesias García contara a súa propia versión desta lenda no Boletín Informativo Municipal do seguinte xeito:

A VERDADEIRA HISTORIA DO BURRO DE ARTEIXO
Burro pode ser calquera. Pero un burro de Arteixo xa ten denominación de orixe pois, o noso concello, foi coñecido noutros tempos por ser terra de burros.
Repolos en Betanzos,
Arzúa ten bos queixos,
sardiñas en Malpica,
e burros en Arteixo.
Ninguén lembra de onde saía esta fama, aínda que parece haber unha clara relación coa lenda do descubrimento das propiedades medicinais das augas do Balneario. Como ben saberedes, a versión oficial da lenda conta a miragrosa curación dun burro enfermo do pelexo, que pastaba preto do manantial.
Pero hai outra versión que a xente dá como verídica: o burro era burro, claro está, pero non tiña mal ningún no pelexo. O seu único "mal" era que non podía ornear.
Segundo os arrieiros de Pontevedra, hai catro tipos de orneo: o da fame, o da sede, o do sono e o orneo de amor, que ven acompañado dun intenso calor corporal.
O caso é que o burro sentía este calor corporal, pero non era quen de ornear, e as burriñas maldito caso lle facían. Por este motivo o animal andaba amolado.
Érachevos natural da Ponte do Ba, e todos os sábados ía moer o millo co seu dono ao muíño de Caldas. Dunha vez, cando voltaba de moer cara a Ponte do Ba, ao burro veulle a sede. Estaban na altura da costa da de Pardo, e o animal botouse a un lado por botar un grolo de auga que manaba dun manantial ao que a xente non facía moito caso. 
E aí se produciu o encanto: o burriño, nada máis probar a auga, entroulle un hipo misterioso, unhas arcadas esaxeradas que o transformaron en pouco tempo nun precioso cabalo alazán mouro de negra crín.
As propiedades das augas descubriunas un burriño mudo, e isto é digno de ser lembrado aínda que a felicidade do animal fose outra: logo da transformación seguíu sen saber ornear, pero rinchaba que metía medo!

    Caso moi semellante ao de Arteixo aconteceu coas augas termais da Toxa, no municipio pontevedrés do Grove, que tamén foron descubertas por casualidade por un burriño moribundo, grazas ao cal a antiga illa do Louxo (nome que recibía tradicionalmente) íase converter co transcorrer dos anos nun punto de referencia do ocio e o turismo termal en toda Galicia. 

    Conta a lenda que un veciño do Grove tiña un burro afectado dunha enfermidade da pel. Ao non ter o valor para sacrificar ao animal, preferiu deixalo abandonado na illa, a sabendas que por mor da súa doenza non tardaría en abandonar este mundo. Pasado un tempo, e coa intención de enterrar os restos do animal, regresou á illa e encontrouno con vida, curado e brincando alegre nun charco de lama e barro do que brotaba auga a unha temperatura moi alta.

   A partir de aí, a illa, que nese momento aínda non se chamaba da Toxa, senón de Louxo, experimentou unha gran popularidade. A voz espallouse primeiro entre os veciños e despois pasou ao alcalde. Creáronse os sucesivos establecementos para tomar os baños, alcanzando, entre finais do século XIX e comezos do XX, unha preponderancia coa que só podía rivalizar o tamén pontevedrés balneario de Mondariz. Emilia Pardo Bazán tamén se ía ocupar de divulgar tanto esa riqueza como a lenda do cuadrúpede. Na actualidade a Illa da Toxa conta cunha particular escultura que non deixa indiferente a ninguén, unha escultura de bronce elaborada por Lucas Míguez dedicada ao popular burriño descubridor das famosas augas termais.

O burro da Toxa (visitogrove.com)

    En Arteixo durante décadas os burros deron servizo aos numerosos hóspedes do Balneario nas excursións que os propios residentes realizaban a diversos puntos do municipio, e mesmo eran coñecidos por outros aspectos que recordaba o señor Ramón Varela Sande nun artigo publicado en El Ideal Gallego o 24 de xullo de 1980:

(...) La concurrencia de personal para tomar los baños por prescripción médica, y ya no sólo como pretexto vacacional, recuerda don Ramón Varela que era muy numerosa, y siempre ajena a Arteixo, porque los del lugar nunca tomaban los prestigiosos baños, y no porque dudaran de su eficacia, que a muchas personas vieron entrar tullidas y salir en perfectas condiciones de salud. Las estancias en el balneario se alternaban también con excursiones que programaban los propios residentes. Excursiones a las playas y a la montañas, sobre todo al Pico de Subico o a la cima de Santa Locaia desde donde se divisaba la Torre de Hércules, y que se realizaban en burro, reata de colorismo festivo. Arteixo, por aquel entonces, era conocido como un “pueblo de burros”, y no es ninguna alusión peyorativa, sino una calificación que respondía perfectamente a la realidad: al ser lugar de parada, refresco y cambio de monturas en el viaje desde A Coruña a Carballo o a la inversa. Incluso se cita que las propiedades curativas de las aguas del balneario fueron descubiertas en la época reciente, al sanar la piel de un burro que pacía por el lugar (...)”.

   As obras da nova casa de baños do Balneario de Arteixo, que contaron cunha subvención de dous millóns de euros dos fondos europeos Next Generation, xestionada a través dun convenio entre a Xunta e o Concello, busca, en palabras do Executivo local, “modernizar o edificio, e adaptar a casa de baños aos novos tempos con novos tratamentos e servizos orientados ao uso cidadán”.

Bendito burriño!

Maqueta da nova casa de baños do Balneario de Arteixo

martes, 17 de xuño de 2025

JOSÉ "O VENCEDOR", O ACORDEONISTA DE BARRAÑÁN

  Houbo un tempo no que na parroquia de Barrañán residía un veciño cun alcume contundende, “O Vencedor”, chamado así porque sendo mozo aprendeu solfexo e a tocar o acordeón cando ninguén daba un peso por el. Todo o mundo pensaba que non sería quen de facelo, pero o rapaz ía saír vitorioso dos seus propósitos, abofé!

-Vencín!!!-, berrou aos catro ventos cando tocou por primeira vez.

E así, dende aquela, converteuse no triunfador dunha competición propia contra si mesmo e dunha contenda contra o mundo que o rodeaba. Dende aquela converteuse en José “O Vencedor”, o acordeonista de Barrañán.


José Vázquez Amado "O Vencedor" diante da antiga taberna de Barrañán, na Seara ou na do Xastre (Cortesía da súa familia)

   O noso protagonista nace en 1924 na propia parroquia de Barrañán, no lugar do Igrexario. Era un dos cinco fillos (3 mulleres e 2 homes) do matrimonio que conformaban Alejo Vázquez e Antonia Amado, labradores que alimentaban a súa prole coas dificultades daqueles duros tempos de escaseza. José non tarda en aprender o oficio de zoqueiro. O seu mestre fora Manés o da Ponte, mariñeiro e amigo da infancia de seu pai Alejo.

-Esta madeira é para facer uns zocos. Lévaa á casa de Manés e esperas alí a que chos faga-, díxolle un día o proxenitor.

-Señor Manés: que di meu pai que lle faga uns zocos e tamén dixo que os precisa para mañán.

-Carallo rapaz, sempre ves con presa!

-Eu fago o que me mandan, señor!

-Pois daquela tesme que ir ao río a lavar dous pares de coiros!

-Ai non, señor, eu quedo aquí que quero mirar como fai os zocos... bueno, mire, se me deixa cravar os zocos cando veña do río, daquela voulle lavar os coiros... parécelle?

-Bueno, pois daquela heite deixar cravar un!

-Ai non, señor, eu quero cravar os dous!

E así, mirando para Manés, José ía aprender o oficio de zoqueiro.

    Sendo un adolescente de 16 ou 17 anos, a música chama á porta do mozo de Barrañán. A dicir verdade, naqueles tempos a música era unha boa oportunidade de promoción para os rapaces máis inquedos, como era o caso de José.

    Segundo nos contaron a súa viúva, Josefa Vázquez Lista e o seu fillo Juan, que nos atenderon coa maior das amabilidades no seu domicilio do Igrexario de Barrañán, o noso homenaxeado “aprendeu a tocar na Coruña cun músico que tiña unha orquesta, a “Cruz Perillo”, e que se non recordo mal era coñecido polo alcume do “Espallante”. Cando o meu home estaba aprendendo a tocar eu non era moita moza pero, o que si sei, é que José botou un tempo tocando e aprendendo na orquesta “Cruz Perillo” co “Espallante”. Un fillo deste home tocou anos despois cos Tamara de Pucho Boedo. Sei que era o batería, pero non me acordo como se chamaba”. Josefa, tamén natural de Barrañán, referíase a Antonio Cruz Careo, o gran “Perillo.”

 

Arriba, no centro, vemos a "Espallante" o xefe da orquestra "Cruz Perillo". O rapaz do centro da imaxe da fila inferior moi probablemente sexa "Peri", fillo de "Espallante". E á dereita vemos co acordeón a a José "O Vencedor". Descoñecemos o nome dos outros músicos (Cortesía da familia de José Vázquez "O Vencedor)

    Coa experiencia adquirida na orquestra “Cruz Perillo”, José “O Vencedor” foise convertendo, paseniño, nun bo músico. Chega o momento no que compra o seu primeiro acordeón. Saber como puido afrontar os gastos é unha verdadeira incógnita porque, naqueles tempos nos que a economía familiar era a que era, o malo para os músicos era o custe dos instrumentos. Ao fío disto, o xornalista Xosé Manuel Pereiro conta que “os pais de Marcial, un dos ventos clásicos de Los Satélites, venderon unha vaca para comprarlle ao cativo o clarinete1”. Por outra banda, o prezado e admirado Xurxo Souto tamén nos ten contado nalgunha ocasión que seu avó Manuel Eiroa, un dos fundadores de Los Satélites, cando tiña 15 anos traballaba cargando area para as obras, e nesa época un irmán emigrado en Nova York mandoulle os cartos para mercar un saxofón.

   Pasaríalle algo semellante ao noso homenaxeado? A súa muller non lembra nada sobre esta cuestión. Mais fora dun xeito ou doutro, o caso é que a José chégalle o tempo de realizar o servizo militar obrigatorio e o destino do músico de Barrañán, naquela hora xa alcumado “O Vencedor”, foi Burgos. Alí, á cidade castelá, chega acompañado do seu inseparable acordeón, co que pasa tardes gloriosas animando e divertindo aos seus compañeiros de quinta. “En Burgos o único que fixo foi a instrución e xurar bandeira e despois nada, tocaba o acordeón”, recordaba a súa muller Josefa.

 

En primeiro plano José "O Vencedor" co seu acordeón no cuartel de Burgos no medio dos soldados  (Cortesía da súa familia)

    Rematado o período castrense volta a súa terra e segue botando unha man na casa cos traballos gandeiros e agrícolas. E por suposto continúa de cheo no mundo da música ao entrar a formar parte de orquestras como a Reyes, que era de Carballo.

 

José "O Vencedor" tocando o acordeón coa Orquesta Reyes (Cortesía da familia)

   Tempo despois José convértese nun dos integrantes da Bergantiños, unha das grandes orquestras da época, onde tamén tocaba o seu gran amigo Segís Regueiro, veciño de Gabenlle. De feito, cando actuaban pola zona da Laracha ou Carballo “O Vencedor” durmía sempre na casa de Segís.

    A primeira orquestra Bergantiños nacera en 1945 e estivera actuando polos escenarios da bisbarra (co “Niño de Soandres” de cantante e guitarrista) ata 1952. A banda volve a renacer anos máis tarde, deixando pegada na historia bergantiñá, onde eran de reclamo nas festas da contorna2. Na seguinte foto, vemos na fila de atrás e de esquerda a dereita: trombón, Moncho Calvete; trompetas, Jesús Calvete, Anselmo e Jesús Loureiro, e batería, Luís Costa. Na fila primeira, saxo, Ramón Costa, e tenor e alto, Severino e Jesús Mallo Naya (director). Agachados, os irmáns Luciano e J. Luís Fernández Caamaño de Verdillo; acordeón, José Vázquez “O Vencedor”; e contrabaixo, Segismundo Regueiro “Segís”, músico da Laracha.

 

O acordeonista José "O Vencedor" coa orquestra Bergantiños (Facebook Orquestas 1900)

    A orquestra Bergantiños actuaba todos os anos no salón do Xastre de Barrañán, un salón de baile do que prometemos falar máis polo miúdo no futuro. E claro, como era natural, cada vez que tocaba na súa patria chica, a José “O Vencedor” ardíalle o peito da emoción sentíndose profeta na súa terra!

    Segundo nos conta Suso de Basilio, certo tempo despois “comezan os problemas do transporte e teñen que contar con dous turismos para tanto equipo: O Largo e O Asturiano serían os seus cotiáns transportistas. Só cando era preto, e algúns levaban moto ou bicicleta, lles chegaba un só turismo. Pero na vida todo ten un comezo e un final. Rematado o verán de 1959, Jesús Mallo Naya decide dar un xiro á súa vida e probar sorte na capital, A Coruña, co cal a Bergantiños, todo un nome no mundo orquestral, cesa para sempre. Na cidade e ao marxe doutros traballos, Jesús formaría parte de moitas lembradas formacións coruñesas ata o seu retiro laboral. Os irmáns José Luís e Luciano comezarían unha nova etapa formando parte das máis lembradas orquestras da Coruña: Satélites, Trovadores, Sintonía, Antonio Mallo, Kanaris...”3

    Trala etapa na Bergantiños, José “O Vencedor” volve a integrar a orquestra Reyes (da que tamén forma parte o seu amigo Segís) nuns tempos nos que os cartos que o de Barrañán facía no mundo da música non eran suficientes para sobrevivir. Josefa Vázquez recorda que “o meu marido tocou toda a vida, pero tamén era zoqueiro. A música era a súa profesión e cando tiña tempo facía zocos. O hobby eran os zocos (risas), que daquela todo o mundo andaba con zocos, pero a min nunca me fixo ningúns (risas)”.

 


José "O Vencedor", primeiro pola dereita, na súa segunda etapa coa Orquesta Reyes (Cortesía da familia)

    En 1973 “O Vencedor” casa con Josefa Vázquez Lista, nunha época na que aprende a tocar o órgano da man de Fernando Fernández Pérez, integrante do grupo Os Tarantos que naquela hora tiña o seu domicilio no edificio onde está a xoiería Barca.

   Como organista, e xa ao final da súa traxectoria musical, o noso protagonista ía formar parte da Orquesta Brillantes, banda que abandonou ao pouco de nacer o seu fillo Juan.

 

José "O Vencedor", primeiro pola esquerda da fila superior, na súa etapa con "Los Brillantes" (Cortesía da súa familia)

   Posteriormente, paseniño, foise apartando dos escenarios para dedicarse á familia e aos traballos no campo. A súa muller recorda que “José tocou ata que enfermou. El empezara a ter problemas de corazón en 1975 e ata aí aínda ía tocar algo, pero pouco. Chamábano ocasionalmente dalgunha orquesta para un día concreto, pero despois, cando soubemos que estaba mal do corazón, xa deixou a música para sempre. Nós tiñamos vacas e cando el podía traballabamos a terra. Cando podía traballabamos máis e cando non podía traballabamos menos. Daquela xa non se traballaba a terra como cando eu era moza. Xa se ía co tractor. Pero o millo había que botalo, había que sachalo e recollelo. E eso había que facelo.

   A José pasoulle o mesmo que a outros moitos artistas de aqueles tempos. Estivo moitos anos traballando como músico pero xubilouse pola agraria.

 

Carné do "Sindicato nacional del espectáculo" de José "O Vencedor" (Cortesía da súa familia)

   José Vázquez Amado “O Vencedor” faleceu en 1986 aos 62 anos de idade. Despois de tantos anos o seu espíritu segue estando moi presente en toda a parroquia de Barrañán.

____________________

1 Xosé Manuel Pereiro (2010): Historia do baile agarrado, El País, 10 de setembro.

2 Suso de Basilio (2021): Eran tempos de boa música coa orquestra Bergantiños, La Voz de Galicia, Carballo, 30 de xaneiro.

3 Ibídem