martes, 30 de abril de 2024

35 ANOS DE VIAXE POLAS BIBLIOTECAS DE ARTEIXO

   Segundo as informacións do bibliotecario e arquiveiro José Luis Alonso Torreiro, desde o ano 1982 o Concello de Arteixo tivo en mente a apertura dunha biblioteca municipal conforme ao Regulamento que para este servizo ordenaba a Deputación Provincial da Coruña a través do Centro Coordinador de Bibliotecas, á súa vez dependente do Centro Nacional de Lectura. O interese partiu da corporación elixida e que adopta o acordo ao elevar á Xunta de Galicia a creación o 15 de novembro de 1982 da primeira biblioteca do municipio, que naquela hora xa contaba cuns 15.000 habitantes, e demandaba un servizo cultural tan básico como unha sala con libros organizados con vistas ao servizo público.

  A primeira Xunta da Biblioteca Municipal constaba de sete membros presididos polo alcalde Manuel Platas Varela, actuando de secretario Avelino Moreiras Vázquez, funcionario do Concello, e como vogais María Isabel Montero, xuíza de Paz; José Luis Reigosa Martí, médico xefe de Sanidade; José Abelenda Pastoriza, cura párroco; Teodomiro Santos Blanco, farmacéutico; e Frutos Martínez Saavedra, director do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.

    O primeiro persoal contratouse en outubro de 1988, un bibliotecario que debería pór en funcionamento o envío do lote fundacional da Xunta ademais dos libros adquiridos polo Concello con antelación, entre os que destacaba a Gran Enciclopedia Espasa de máis de cen volumes.

   Nunha época na que o noso municipio carecía de equipamento cultural, a biblioteca central de Arteixo abriu as súas portas no primeiro andar do Edifico de Servizos Múltiples en febreiro de 1989. José Luis Alonso, que é o mesmo bibliotecario desde aquel entón e o único ata o de agora, recorda que “o primeiro servizo que se ofreceu á cidadanía neste edificio foi a biblioteca e despois, pouco a pouco, foron incorporándose o Centro de Formación Ocupacional, que levaba Amparo e no cal se impartían cursos do INEM, e Servizos Sociais, en concreto a asistenta social Lourdes Suárez Sánchez, que actualmente aínda traballa no Concello. A partir de 1990, ou 1991, tamén empezou alí, no Edificio de Servizos Múltiples, o Departamento de Educación con Beatriz Esmorís, que ademais facía algunha tramitación de Cultura. O Centro de Formación Ocupacional e Servizos Sociais estaban no segundo andar. Non recordo con certeza a planta na que estaba Educación. Posteriormente, creo que no 92 ou no 93, incorporouse a técnica Sonia Iglesias e, con ela e unha auxiliar, xa se formou o Departamento de Cultura no terceiro andar. Nesa época fóronse engadindo novos servizos como a Radio Municipal, o psicólogo, ou mesmo Xuventude, que tamén estivo no terceiro andar durante algún tempo. Cando nós empazamops coa biblioteca no primeiro andar, na planta baixa xa estaba Atención Primaria (o xefe do servizo era Reigosa), que abandonaron o Edificio de Servizos Múltiples en 1992 cando se inaugurou o actual Centro de Saúde. Ao quedar baleiro ese espazo pasouno a ocupar Protección Civil, e estiveron alí durante uns anos, ata que se trasladaron á parcela que hoxe teñen no Polígono de Sabón”.

 

Imaxes dos anos 90 da Biblioteca de Arteixo

  A apertura da biblioteca no Edificio de Servizos Múltiples ía encher un espazo demandado principalmente pola xuventude, mozos e mozas que lle deron moita vida ao servizo durante os primeiros tempos. Alonso recorda que “nos cinco primeiros anos estiven eu só e grazas aos rapaces que se implicaron no traballo diario foi posible sacala adiante. O centro tivo éxito dende os primeiros días e as actividades que comezaron axiña tiveron unha gran repercusión. O primeiro ano fixemos 300 socios”, destaca o bibliotecario.

   Nos primeiros meses de vida, concretamente por coincidir coa festividade do libro no ano 1989 en abril, a biblioteca realiza unha convocatoria dun concurso de contos para a rapazada máis nova en colaboración cos colexios do municipio, que facían unha verdadeira festa do libro para a ocasión. O concurso organizouse ata o ano 1993.

   Nesa época, en 1992, tamén se crea o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, e o acto de entrega de premios desta primeira edición realizouse precisamente na biblioteca.

    Desos primeiros tempos hai que destacar o labor da Compañía Katacrok (David e Juanillo) e o traballo de Anxos Collazo Trigo, Blanca Fernández, Pilar García ou, entre outros, Gumersindo Varela, que durante tres anos mantiveron a dinamización lectora dos máis pequenos.

    Desde 1990 a rapazada de Educación Infantil (naquela hora Preescolar) pasaba pola biblioteca con diversas seccións de contacontos e talleres de creación literaria. Como complemento destas campañas, a biblioteca comeza unha serie de sesións abertas aos máis cativos polas tardes, sesións que ían continuar ata a actualidade e que tiveron como protagonistas a compañías como a xa nomeada Katacrok, Matapiollos, Melandrainas, Aurea Xestion Cultural, Trinke Trinke, Bululú Teatro, Alacrán e K.O. Cómics e ilustradores ou autoras como Marisa Irirmia, Soledad Felloza ou Paula Carballeira.

 

Charla sobre cómics na Biblioteca de Arteixo en 1996

    O público infantil, maioritario, compartía co resto de usuarios o espazo que agora ocupa o Xulgado de Paz no edificio de Servizos Múltiples. “Había moitos chavales, pero tamén viña xente maior en busca de novelas e para consultar enciclopedias, que naquela época eran fundamentais ao non haber internet”, apunta o bibliotecario. Entre todos os exemplares prestados, recorda con especial detalle, aínda que sen precisar o título, un libro que suscitaba moita curiosidade entre os mozos que explicaba a reprodución para público infantil. O audiovisual tamén ía cautivar aos máis pequenos. “Chegáronse a xuntar sobre cen nenos ante unha televisión de 28 pulgadas”, conta José Luis Alonso, que mira con certa morriña os métodos antes da dixitalización en 2003.

   Dende aquel febreiro de 1989 foron centos os veciños que acudiron á biblioteca dispostos a somerxerse entre páxinas e tinta. Moitos tamén o fixeron na de Meicende, que este ano tamén celebra as tres décadas de operatividade. A biblioteca desta localidade comezou a funcionar o 27 de abril de 1994 como Axencia de Lectura nun local do colexio San Xosé Obreiro. Ese mesmo día La Voz de Galicia publicaba a seguinte información:

La biblioteca del colegio público de Meicende se inaugura hoy con un fondo de tres mil libros.
El alcalde de Arteixo, Frutos Jesús Martínez Saavedra, presidirá hoy la inauguración oficial de la segunda biblioteca pública del municipio, ubicada en el colegio de EGB San José Obrero de Meicende. Al acto asistirá el director xeral de Cultura, Antón Pulido Novoa, así como varios concejales y representantes de entidades culturales y vecinales del municipio.
La biblioteca ha sido creada mediante un convenio de cooperación suscrito por el ente local y la Consellería de Cultura, según el cual el ayuntamiento se compromete al mantenimiento de las instalaciones y a la contratación del personal responsable de las mismas, lo que ya se ha llevado a efecto. Además, el ayuntamiento también ha puesto el local a disposición de la Xunta, que, por su parte, aportó el fondo fundacional de la biblioteca formado por tres mil libros.
El alcalde arteixán manifestó ayer que «se espera una alta utilización de la biblioteca, teniendo en cuenta que sólo en el colegio de Meicende hay 500 alumnos» y el hecho de que aquélla será usada por los vecinos de esa localidad y de los residentes en Pastoriza. Aunque por el momento no está todavía concretado definitivamente, el horario de apertura de la biblioteca será de tarde, probablemente de cuatro a ocho, según indicó Frutos Jesús Martínez Saavedra1.
Axencia de Lectura de Meicende nos anos 90

   Catro anos máis tarde, en maio de 1998, aproveitando a celebración dos actos de honra por Manuel Murguía, que cada ano celebra alí a asociación veciñal que leva o nome do patriarca das Letras Galegas, íase inaugurar na Urbanización Sol y Mar o local da Asociación de Veciños e a Axencia de Lectura de Oseiro cun fondo fundacional de 2.400 libros. O acto congregara a numeroso público e varias autoridades, tales como o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne; o conselleiro de Cultura e Comunicación Social, Jesús Pérez Varela; o titular da Deputación Provincial, Augusto César Lendoiro; o alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones e o comandante de Marina da Coruña, Juan Carlos Salazar Camarero, ademais de Xusto González, catedrático de Historia Contemporánea, os académicos Marino Dónega e Antonio Meijide Pardo, e o escritor Xavier Alcalá. Tempo despois a Axencia de Lectura de Oseiro pasaría a denominarse Biblioteca Dora Vázquez, homenaxeando a escritora ourensá que exercera de mestra en Larín durante quince anos, dende 1952 ata 1967.

 

Biblioteca 'Dora Vázquez', na Urbanización Sol y Mar de Oseiro

   En 1999 inaugúrase na capital municipal o Centro Cívico Cultural, un edificio do que falaremos máis polo miúdo a vindeira semana e ao cal se ía trasladar a Biblioteca Central, tras máis de dez anos de actividade no Edificio de Servizos Múltiples. A nova biblioteca está dedicada dende aquela a Henrique Rabuñal, escritor e mestre de Filoloxía Galega nado en Pastoriza en 1962.

   O Día das Letras do ano seguinte estivo dedicado ao noso ilustre veciño Manuel Murguía e, con motivo desa celebración, desenvolveuse por primeira vez unha feira do libro en Arteixo, que tivo lugar no Paseo Fluvial, nas inmediacións do Centro Cívico, na que participaron diversas editoriais galegas e librarías da Coruña, Santiago de Compostela e Arteixo. Como colofón tivo lugar un encontro de escritores locais coa participación de Henrique Rabuñal, Francisco A. Vidal, Miguel Sande e Antón Castro.

 

Feira do Libro de Arteixo do ano 2000

    Nesa altura a Biblioteca Central ía dar un importante paso coa informatización dos fondos bibliográficos e audiovisuais, feito polo que se converteu nunha das primeiras bibliotecas galegas de concellos de menos de 30.000 habitantes en presentar este servizo informático e a primeira da comarca coruñesa. No mes de abril de 2002 inaugurouse o préstamo dixital e en xuño o servizo de internet gratuito para o público.

   A evolución posterior enmarca ao noso municipio nunha dinámica importante como referente en Galicia coa apertura de varios puntos máis de lectura e a informatización dos fondos, igual que outros concellos da comarca coruñesa, exemplos como o noso do bo facer en bibliotecas. Deste xeito, o 18 de marzo de 2005 o Concello inauguraba no Centro Social de Froxel unha nova Axencia de Lectura cun fondo de 2.500 volumes. Esta cuarta biblioteca municipal leva o nome de Francisco A. Vidal (Palmeira, 1957), escritor unido a Arteixo cun forte vencello

 

Biblioteca 'Francisco A. Vidal' de Froxel

    Un ano máis tarde, o 10 de febreiro de 2006, inaugúrabase no centro de servizos sociais de Pastoriza o quinto punto de lectura municipal, unha biblioteca dedicada ao escritor e xornalista desta parroquia Miguel Sande (Pastoriza, 1961). 

 

Biblioteca 'Miguel Sande' de Pastoriza

    E por último, o día 22 de decembro de 2014 inaugurábase o Centro Sociocultural de Meicende, un edificio no que, á parte de dispor de auditorio, unha aula de formación, cociña industrial e cafetería, tamén se ía instalar unha biblioteca dedicada ao escritor e xornalista Antón Castro (Lañas, 1959), Premio Nacional de Xornalismo Cultural en 2013. 

 

Biblioteca 'Antón Castro' de Meicende

    No século XXI que habitamos as bibliotecas están máis vivas que nunca, porque souberon adaptarse aos tempos que lles tocou vivir. Os préstamos e consulta de libros deixou hai tempo de ser a única labor deste servizo público. Hoxe, quen achega os seus pasos a unha biblioteca municipal atopa diarios, música, películas, documentais… E os máis cativos continúan tendo o seu espazo, pois por un lado están os contacontos que se realizan nas cinco bibliotecas e, por outro, as visitas diarias dos escolares, que se organizan dende hai 17 anos. “Á biblioteca central veñen pola mañá, grupo por grupo, os alumnos do colexios Ponte dos Brozos, Arteixo e Galán. Os de San Xosé Obreiro visitan a biblioteca de Meicende”, indica o bibliotecario José Luis Alonso.

    Alonso agradece “a todas as persoas usuarias dos primeiros tempos o seu traballo para sacar adiante a Biblioteca, así como a súa participación nas actividades e que hoxe acoden cos seus fillos e fillas. Tamén quero destacar que sempre fuximos dos números "récord" sobre a cantidade de libros, xa que preferimos un fondo que se utilice e se consulte a un número enorme de libros dos cales a meirande parte non se utiliza, polo que é máis doado ter un fondo vivo a través de adquisición de novidades que un fondo onde a maioría dos libros está obsoleto”.

 

Biblioteca Central 'Henrique Rabuñal'

    Rematamos esta crónica recordando que no calendario polo que actualmente nos rexemos, establecido como oficial no ano 1582 en virtude da reforma instaurada mediante a bula Inter Gravíssimas por parte do Papa Gregorio XIII, existen dúas datas, 23 de abril e 24 de outubro, de fonda significación cultural nas que o libro e as bibliotecas, respectivamente, adquiren un protagonismo esencial sendo obxecto de especial atención e alta consideración polas numerosas actividades, seminarios, simposios e feiras do libro organizadas precisamente para maior gloria e honor de libros e bibliotecas. Vaian dende aquí os nosos parabéns e agradecemento aos profesionais de antano e de hogano (José Luis Alonso, Eusebio Álvarez, José Antonio Álvarez, Juan García, Fidel Mouzo, Rosa Vizcaya e David Vizoso) da Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo que, día tras día, fixeron e fan posible o milagre de que as letras e as páxinas cobren vida nas mans de quen as descobre!

  Longa vida ás bibliotecas!

 

 

FONTES:

 

ABELENDA LADO, DANIEL (2024): Tres décadas entre libros y tinta, La Opinión A Coruña, 13 de marzo.

ALONSO TORREIRO, JOSÉ LUIS (2009): 20 Anos de viaxe polas nosas bibliotecas, Concellería de Cultura, Concello de Arteixo.

_______

1 La Voz de Galicia, 27 de abril de 1994, páx. 45.

martes, 23 de abril de 2024

150 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE MANUEL PUGA, PICADILLO

  O día 23 de abril en 1874, hai exactamente 150 anos, era bautizado na igrexa compostelá de San Fiz de Solovio Manuel Puga y Parga, alcumado Picadillo, un dos grandes persoeiros de finais do século XIX e principios do XX. 

  Manuel Puga y Parga naceu no seo dunha familia acomodada. O seu pai, Luciano María Puga Blanco, era catedrático da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, cidade da que tamén foi alcalde. Luciano fora, ademais, decano do Colexio de Avogados da Coruña (defendera a Curros Enríquez cando este fora condenado pola publicación de Aires da miña terra no seu célebre xuízo por blasfemia tras a denuncia realizada polo bispo de Ourense), gobernador do Banco de España en Cuba, deputado, senador e fiscal xeral do Tribunal Supremo, equivalente ao actual fiscal xeral do Estado, e neto de Manuel María Puga Feijóo, coronel do exército isabelino e herdeiro da condesa de Ximonde. 

 

Manuel María Puga y Parga, Picadillo

    Picadillo estuda Dereito en Santiago de Compostela, onde presentaría a súa tese de grao co título Fueros Nobiliarios en 1895. Grazas a Cánovas del Castillo, amigo de seu pai, conseguiría ser nomeado para un posto para o que non era necesario opositar na Dirección Xeral de Penais. Descontento co ambiente político en Madrid e con morriña da súa terra, tras o asasinato de Cánovas en 1897 volve a Galicia, onde casa con María del Carmen Ramón. O matrimonio establece o seu domicilio na Coruña, aínda que tamén pasan boa parte do ano en Armentón.

    Ao pouco é nomeado xuíz municipal de Arteixo e, ao tempo que ocupa este cargo (1901-1903), incorpórase con forte protagonismo á vida social e cultural da vila do Bolaños. Nesa altura podíase ver con frecuencia no Balneario acompañado de persoeiros como Antonio Rey Soto, crego e escritor ourensán moi amigo de Picadillo e tamén amigo persoal de Castelao. De feito, Antonio Rey Soto foi o crego que casou a Castelao con Virxinia Pereira en 1912. 

 

Caricatura de Picadillo da autoría do seu amigo Castelao

    En 1899, ao falecer seu pai, herda o pazo de Anzobre, en Armentón, lugar que o noso homenaxeado ía converter nun dos centros neurálxicos da cultura galega da época grazas ás frecuentes visitas de figuras da talla do dramaturgo Manuel Linares Rivas, os escritores Wenceslao Fernández Flórez e Emilia Parda Bazán ou, entre outros, os pintores Germán Taibo e Manuel Abelenda. Estos persoeiros eran, nalgúns casos, compañeiros de redacción de Picadillo en El Noroeste, xornal que se fundara na Coruña naquela altura e que botara a andar o día 31 de decembro de 1896 baixo a dirección de José Lombardero Franco, antigo secretario particular de Luciano Puga.

    Manuel Puga y Parga tiña dúas seccións en El Noroeste. Nunha delas, na titulada “Confidencias”, relataba algúns dos seus avatares cotiáns que lle aconteceran tanto na cidade da Coruña como no municipio de Arteixo e noutros puntos da xeografía galega e española. 

 

Imaxes de Picadillo no pazo de Anzobre

   Moitas das anécdotas sobre o mundo da música, da moda, dos transportes da época, da súa vida familiar, dos seus animais domésticos, de viaxes como a realizada a finais de 1909 a Hamburgo para levar a cabo un réxime de adelgazamento, de romarías e dun sin fin de curiosidades máis, narradas todas elas co seu inconfundible estilo, accesible, irónico e vitalista, podedes lelas na Antoloxía das Confidencias de Picadillo, que un servidor publicou no 2018 con motivo do centenario do falecemento deste gran persoeiro. E mesmo podedes ver algunha destas anécdotas na obra de teatro Rodríguez, o loro de Picadillo representada o 22 de xuño de 2019 no Centro Cívico Cultural de Arteixo e que tedes ao voso dispor aquí: https://www.youtube.com/watch?v=xSOzzk-Ztvg

    A outra sección na que Manuel Puga escribía en El Noroeste (e posteriormente en El Orzán) era “La cocina práctica”, onde o autor, que gozou dun éxito inmediato, publicaba dúas ou tres receitas culinarias cada semana. Andando no tempo, Picadillo ía recompilar todas esas receitas no volume La cocina práctica, publicado en 1905 e que foi reimpreso en numerosas ocasións. A obra conta cun limiar de Emilia Pardo Bazán no que a popular autora galega describe a escola culinaria de Puga y Parga do seguinte xeito: “La cocina de Picadillo es clásica, tradicional; no á la antigua española, á la marinedina añeja; platos del tiempo de mi niñez, familiares; sabores amigos”. 

 

    A literatura culinaria de Picadillo amosa unha clara preferencia polos pratos e sabores populares, e a vontade do autor de exceder os límites do simple receitario. Á parte de La cocina práctica, tamén publicou 36 maneras de guisar el bacalao (1901); A cociña Popular Galega y recetas para la cuaresma; Pote aldeano; El rancho de la tropa (1909) e Vigilia reservada: minutas y recetas (1913).

    Xenio e figura, iríase facendo enormemente popular no seu tempo como persoa e escritor. Iso si, sempre caracterizado polo gran sentido do humor e a defensa da vida popular, reivindicando o bacallau, as sardiñas e o lacón con grelos fronte ás copias da cociña francesa, de moda na época para a alta sociedade. Dicía que unha das mellores experiencias da súa vida fora unha caldeirada nun barco de pesca. Entre as súas numerosas receitas destaca a de bacallau, que dedica ao seu amigo Wenceslao Fernández e donde se pon de manifesto o enorme sentido de humor do autor:

Se coge una hoja de bacalao muy delgada, tan delgada como Wenceslao Fernández Flórez, y se toman unos tomates muy gordos, tan gordos como yo. Se desala a Flórez y se parte en pedazos a mi, y en una tartera, capa de pedazos de Flórez desalados y capa de yo. Fuego lento; refrito por encima de aceite; mucha cebolla y ajos cuando Flórez está cocido. Diez minutos más de fuego y un perejil final reducido a picadillo con alguna sal si la necesite. Y así es la vida. Yo estaré dividido por el eje, pero usted, amigo mío, se queda sin sal que es bastante peor”.

   Tamén é curiosa a súa descrición do tempo que necesita un bo lacón con grelos:

A las nueve en punto de la mañana, después de bien lavado, debe ponerse a cocer el lacón en bastante cantidad de agua. A las once se le agregan los grelos y los chorizos. A las doce, las patatas mondadas y enteras, y a la una se colocan los chorizos y el lacón en una fuente, las patatas y los grelos en otra, y todo sobre la mesa, que debe estar previamente rodeada de ciudadanos con apetito y bien provista de botellas de vino del Ribeiro.

   Ao igual que o seu proxenitor, Manuel Puga tamén estivo certo tempo no mundo da política. A súa carta de presentación produciouse no xornal El Noroeste, onde, aproveitando a súa enorme popularidade, o 3 de outubro de 1913 escribía un artigo titulado “Quiero ser concejal”, que o levaría a principiar unha campaña na Coruña para ser elexido concelleiro, facendo o 14 de outubro dese mesmo mes un chamamento ás que el sabía que eran as súas máis fieis seguidoras: as vendedoras da praza de abastos, ás que defendera con éxito meses atrás cando un proxecto urbanístico quixo derrubar o mercado:

Vosotras no votáis, pero tenéis maridos, hijos, hermanos y acaso novios de esos con bigotes sedosos y peinados de media moña, y, con esos, es con quien tenéis que pelear a fuego y a sangre. A estos le pedís, les mandáis, les armáis un escándalo, si fuese necesario, hasta llegáis a requerir la “zoca”, que las coacciones en la intimidad no tienen nada que ver con la ley electoral”. 

   Picadillo conseguiría ser nomeado candidato e saír elexido, tomando posesión do cargo o 1 de xaneiro de 1914 da corporación que preside Javier Ozores Pedrosa. Mais este alcalde dimitiría, polo que Manuel Puga sería designado como novo mandatario da cidade herculina en outubro dese mesmo ano, aínda que o sería por pouco tempo, xa que co cambio do goberno foi deposto en só dous meses.

    Manuel Puga volvería a ser alcalde da Coruña co ascenso á fronte do Estado do coruñés Eduardo Dato en xullo de 1917. Mais a súa actitude transixente como mandatario da Coruña durante a folga revolucionaria de agosto de 1917, levouno a ser destituído á semana seguinte. Coa súa habitual retranca, Picadillo resumía as dúas ocasións á fronte da alcaldía coruñesa dicindo que “a primeira vez fora accidental e a segunda accidentada”. Rematada a folga xeral de 1917, días despois recibía a homenaxe de 6000 obreiros sindicados e un pergamiño asinado polas 27 sociedades obreiras coruñesas. O pergamiño dicía:

Los sindicatos obreros de resistencia de La Corulña, rinden testimonio de gratitud y simpatía a don Manuel María Puga y Parga, por su notable actitud desde la Alcaldía hacia los obreros municipales, con motivo de la huelga general declarada en España el 13 de agosto del año actual. La Coruña, 28 de octubre de 1917.
Cadro de Picadillo da autoría do pintor Manuel Abelenda que podemos ver no concello da Coruña

    O seu paso por María Pita quedaría reflectido no libro Mi historia política, que publicou, co seu humor tan particular, en 1918 e donde aparecen xoias como esta: "En 1882 era yo un señor que tenía 8 años de edad y unos 75 kilos de peso". Este peso excesivo (dise que chegou aos 275 kilos) facíao moi coñecido. Segundo o escritor Luis Antón de Olmet, un día chegou á Coruña un circo no que se anunciaba, como atracción, a un home alemán que dicían que era o máis gordo do mundo, mais a xente que ía velo saía decepcionada dicindo que Picadillo era moito máis gordo e podíano ver tódolos días pola rúa. 

 

   Manuel María Puga y Parga, coñecido popularmente polo alcume de Picadillo, faleceu na Coruña aos 44 anos de idade, por mor da pandemia de gripe de 1918. Os seus restos descansan na capela do pazo de Anzobre. Morría o persoaxe e principiaba a lenda!