martes, 30 de setembro de 2025

A ROMARÍA DO SAN MIGUEL E A FEIRA DA MADEIRA DE PASTORIZA

  Moito hai escrito sobre a Virxe de Pastoriza, mais, se cadra, a publicación máis coñecida é La leyenda de la Pastoriza, unha obra publicada por Emilia Pardo Bazán no ano 1887 que axudou, en gran medida, a impulsar a devoción da santa arteixá que a insigne escritora coruñesa denominaba como a Montserrat galega.

  Conta a lenda que a sagrada imaxe da santa estivo moito tempo oculta entre uns penedos do monte do Castro para librala da posible profanación dos invasores, ata que un día unha rapaciña que andaba pastando as vacas viu unhas luces no lugar e avisou os veciños. Remexeron entre as pedras e atoparon a imaxe dunha muller que de inmediato identificaron coa Virxe que tantos anos levaba agochada. Ao lugar do achado chámanlle desde aquel día "O berce da Virxe", que está xusto encol dun antigo dolmen derrubado. 

  Aínda que as romarías marianas xa tiveran unha gran repunta a comezos do século XIX, a de Pastoriza tivo o seu pulo definitivo a partir de que dona Emilia Pardo Bazán promovese, xunto con Álvaro Torres de Taboada, a creación dun lugar de referencia no monte do Castro, asentando no Berce a estatua da Virxe feita de granito polo mestre canteiro de Ponteareas José Couto en 1887. 

Arquivo do Reino de Galicia

  A estatua da Virxe e a publicación do libro La leyenda de la Pastoriza foron sen dúbida ningunha o grande impulso para a romaría do San Miguel, que se empezou a celebrar nesta parroquia arteixá cada 29 de setembro e que ía ter gran devoción en toda a xeografía galega, principalmente entre as xentes do mar.

  Dende aquel entón por ese lugar habían de pasar miles e miles de romeiros para se liberar do pecado, curar doenzas ou curar de certas enfermidades. Uns peregrinos que acudían, e seguen acudindo, polo San Miguel a venerar a imaxe da Virxe de Pastoriza e cumprir coa tradición de subir as escaleiras para chegar ata o Berce, onde fan o ritual de daren tres voltas ás pedras dos cadrís, tres a imaxe de pedra da Virxe e bicala, así como pasar por debaixo da pedra dolménica na que tantos anos estivera agochada a talla da santa.

Arquivo do Reino de Galicia

  Naquela hora, en Pastoriza tamén tiña lugar unha das feiras máis importantes da comarca, a chamada Feira da Madeira, que se celebraba o 28 de setembro, véspera de San Miguel, e os luns de Pascua. Nuns tempos nos que os labregos do noso municipio traballaban arreo para vender os produtos cultivados nas súas terras, que enchían as despensas da cidade da Coruña, era de obrigado cumprimento a renovación de utensilios e apeiros propios da labranza, de aí a importancia da Feira da Madeira do San Miguel.

Pastoriza na primeira metade do século XX (Arquivo do Reino de Galicia)

  Na antedita feira, os nosos devanceiros mercábanlles os apeiros necesarios para o desenvolvemento do seu traballo no campo aos artesáns que acudían a Pastoriza a ofreceren os seus produtos, sendo de gran sona os cesteiros da comarca de Bergantiños, dos que era numerosa a súa presenza. Ofertaban cestos de todo tipo, así como múltiples obxectos feitos de vime. Outro dos oficios presentes eran os ferreiros, que traían os seus sachos, eixadas, forcadas…

  Topónimos como O Souto, A Fraga ou As Carballeiras facían alusión ao arborado autóctono existente naquela hora. Antes da plantación masiva de eucaliptos, os piñeiros e os castiñeiros dábanlle de comer a moita xente, entre elas as piñeiras de Loureda, mulleres que recollían polos montes da parroquia as piñas que posteriormente vendían no Campo da Leña da Coruña e que se utilizaban para prender o lume nas cociñas de ferro dos domicilios herculinos. Daqueles tempos data o seguinte cantar:

As de Loureda,

polas esquinas,

van preguntando

¿quen quere pinas?

   Dos denominados "Pinos Reales" obtiñan as piñas para secar e conseguir os piñóns que servían de adobo para facer as morcillas. Aínda non hai moito, houbo alguén que nos dixo que “antes a leña era pan de comer”.

Pastoriza na primeira metade do século XX (Arquivo do Reino de Galicia)

  A madeira de piñeiro dos nosos montes tronzábase en roldos e posteriormente transportábanse ata A Coruña para vender no Campo da Leña. Os tratantes de madeira que se encargaban de mercala para a súa posterior venda recibían o nome de “fragueiros”. Esta era outra das actividades que tamén se realizaban no San Miguel de Madeira, que parece ser que era como os vellos de antes denominaban a esta feira. A memoria de Geluca Naya, nacida en Pastoriza en 1932, garda moitas anécdotas vividas nos tempos nos que súa nai Lola rexentaba unha taberna nesta vila:

  "O día da Madeira nós xa non íamos á cama. Mira, San Miguel era o 29 e o día da Madeira era o 28, pero os artesáns xa viñan o 27. Eran da parte de Soandres e de Santa Margarita de Montemaior e traían cestos, paxes, arados de pau... Deixaban todo no campo e despois viñan para a nosa casa. E estaban toda a noite con refeighadas e reñían en condicións. Eu pasaba o tempo con eles. Cantaban refeighadas desas de...

Soliño da miña vida,

prenda do meu paladare,

si non imos para hoxe

mañán vimos aquí a xantare.

...unha cousa así, e o outro contestáballe. Tamén recordo que unha vez reñeron alí a mazo unha noite, pero cantando con regheifas, por unha parexa de bois. Algunha faena lle fixera un ao outro... fuches comprar aqueles bois e fixeches esto e o outro contestáballe que non fora así... reñían, pero con regheifas. Eu pasábaoo moi ben, moi ben".

Ti non te apures

que ti aínda non marchas aghora

porque ti non marchas de aquí

sen comer na Casa Lola.

  Ana Mosquera, nada en Pastoriza en 1951, recorda que "a festa da madeira do 28 de setembro era algo que nos encantaba... é que ademais miña avoa, a nai de miña nai, era de Soandres e desa zona eran moitos dos que vendían aquí os paxes, os cestos, os mangos para as ferramentas, as caínzas, os fungueiros dos carros... Todo iso estendíase polo que era o campo de Pastoriza, que abarcaba a zona na que actualmente está o Mesón de Pastoriza. A Feira da Madeira celebrábase o 28 de setembro e tamén o luns de Pascua, había dúas feiras da madeira".

  A Geluca Naya, a Ana Mosquera, e tamén a Carmen Vázquez, podémolas ver nesta peciña audiovisual na que contan os seus recordos sobre a Feira da Madeira, peciña que forma parte do documental “Pastoriza na lembranza” que realizamos Fran Naveira e un servidor en colaboración coa Asociación O Grilo entre o 2020 e o 2022:

  Coa grande industrialización iniciada nos anos 60 en Sabón, dando pé á expropiación das terras de cultivo para a creación do polígono, así como da refinería na zona de Meicende, foise erradicando a actividade agrícola que, ata aquel momento, foi o principal medio de vida dos habitantes da nosa contorna.

  Con todo, ata os anos 90 do século pasado, aínda era habitual ver polo San Miguel ao señor Riobóo, veciño e ferreiro de Pastoriza, ofertar os seus artigos na praza do Santuario. Hoxe, o único que se conserva da Feira da Madeira son algúns recordos que os veciños e veciñas de certa idade manteñen vivos na súa memoria.

  A romaría do San Miguel mudou, abofé, pero mantense viva grazas á xente que cada ano a organiza. Rematamos esta crónica co programa do San Miguel deste 2025 e cos horarios das celebracións relixiosas.



martes, 23 de setembro de 2025

PEDERNERA, UN FUTBOLISTA DE LAÑAS NO DEPORTIVO

  O R.C. Deportivo da Coruña, pechacancelas do campionato da Primeira División da tempada 1966/67, quedara sen a súa principal estrela, Carlos Pellicer, para intentar recuperar de novo a máxima categoría do fútbol estatal. Un Pellicer que fora traspasado ao F.C. Barcelona e que posteriormente ía facer carreira no Valencia e no Levante. Mais con todo, a pesar de que o dianteiro de Monelos xa non formaba parte do cadro herculino, ao remate da campaña seguinte os deportivistas serían quen de cumprir co obxectivo de retornar á división de honra da man do adestrador madrileño Pedro Eguiluz. Neste novo ascenso do Dépor, ademais do bo facer de Eguiluz no banco, tamén fora determinante a seguridade baixo paus de Benito Joanet e da liña defensiva con Aurre de lateral, a veteranía de Campanal e a entrega e combatividade de Domínguez, o labor de Manolete na media e o traballo na zona ofensiva de Morilla como interior de enlace, a valentía de Chapela II, a clase de José Luis, a habilidade do goleador Beci e o batallar constante de Loureda. 

  O único “pero” daquela brillante tempada en Segunda División, íao protagonizar o uruguaio-galego Adolfo Luis Martínez Pereira, unha especie de xoia mantida na reserva durante todo aquel curso 1967/68.

  Nado en Montevideo nos primeiros días de agosto de 1943, Martínez empezara a xogar ao fútbol nas categorías inferiores do Peñarol, onde algúns dos seus compañeiros empezaría a chamarlle co alcume de “Pedernera”, xa que, salvando as diferenzas, o xogo de Adolfo Luis lembráballes ao do famoso interior arxentino, gañador de tres Copas América coa albiceleste na década dos corenta e antigo compañeiro de Alfredo Di Stéfano en River Plate e Millonarios de Bogotá. 

  Tras a súa etapa no cadro xuvenil dos aurinegros, na tempada 1962/63 o noso protagonista ficha no Club Atlético Defensor, entidade que andando no tempo se había converter, con 21 títulos oficiais, no terceiro equipo do Uruguai, unicamente superado por Peñarol e Nacional, os dous grandes do fútbol charrúa. Xogando como interior por ambos os lados, ou ben como medio, Martínez Pereira defende a camiseta violeta do Defensor durante cinco anos, catro en Primeira e un na Segunda, xogando ao carón de futbolistas coma o lendario dianteiro de orixe vasca Pepe Sasía, que foi o único malva que acudiu coa selección uruguaia á cita mundialista de Inglaterra 1966.

  As excelentes calidades de Martínez e o seu bo facer no centro do campo do Defensor ían levar ao prestixioso empresario larachés José Añón, presidente do Nacional de Montevideo dende 1955 ata 1961, a recomendarlle a súa fichaxe ao seu amigo Antonio González, máximo dirixente naquela altura do R.C. Deportivo da Coruña, equipo ao que Añón seguía con verdadeiro cariño xa que tamén era presidente honorífico dende facía xa varios anos. Sen pensalo dúas veces, Adolfo Luis, que naquela altura tiña 24 anos, acepta decontado a oferta de dúas tempadas que lle ofrecera por aqueles días o cadro coruñés e, ao pouco, facía a maleta para viaxar á terra que vira nacer aos seus proxenitores, que no caso do pai fora a parroquia arteixá de Lañas e no da nai a carballesa de Bértoa. ¿Sería o pai de “Pedernera” o culpable de que o equipo de Lañas se chamara Peñarol?

  Co apadriñamento de José Añón da súa fichaxe, a familia deportivista vía no futbolista de orixe arteixá un dos reforzos máis ilusionantes para recuperar a categoría perdida e conseguir o ascenso á Primeira División. Martínez, casado e coa súa muller en avanzado estado de xestación, chega á Coruña sen a súa familia na mañán do sábado 9 de setembro de 1967, xusto cando o Deportivo facía viaxe por estrada a Torrelavega para disputar a primeira xornada do campionato ligueiro de Segunda. Horas despois, preséntase diante dos medios de comunicación da cidade, aos que lles advirte que, para estar en igualdade de condicións cos seus novos compañeiros, ía necesitar quince días de adestramentos para poder competir con eles por un posto no once de Pedro Eguiluz.

La Voz de Galicia, 10 de setembro de 1967

  O caso é que van pasando as semanas e “Pedernera”segue sen facer o seu debut co primeiro equipo e, para máis inri, unha microrrotura nun tendón producida nos adestramentos aumenta aínda máis a súa inactividade. Á fin, no desprazamento que o Deportivo realizou a Santander para o partido da novena xornada do campionato ligueiro, o futbolista de orixe arteixá vai convocado por primeira vez co conxunto deportivista, partido que remata 0-0 e no que Eguiluz o deixa no banco. Unhas semanas máis tarde, o domingo 10 de decembro de 1967, prodúcese o agardado debut de Martínez “Pedernera” coa elástica branquiazul, nun choque que o Deportivo ía empatar 2-2 en Riazor contra o Badalona formando con Joanet; Sertucha, Domínguez, Campanal II, Aurre; Martínez, Manolete, Suco, Chapela, Beci e Ribada. Segundo as crónicas da época “en las filas coruñesas no hubo un hombre francamente sobresaliente pero cabe alabar, sin embargo, la excelente clase del medio uruguayo Martínez, apodado Pedernera, que jugaba hoy su primer partido con la camiseta blanquiazul 1.Mais con todo, a pesar da súa boa actuación contra o Badalona, o adestrador Pedro Eguiluz non volvería a contar con el durante o resto da competición ligueira. Martínez, que naquela altura xa estaba acompañado da súa dona e da súa meniña -que nacera en Montevideo estando el na Coruña- soamente xoga uns minutos da segunda parte do amigable disputado en Riazor ao remate da tempada contra o F.C. Barcelona, enfrontamento que tiña a súa orixe no traspaso de Pellicer ao cadro catalán e co que se festexaba o ascenso á Primeira División do Deportivo e do Bosco Coruña, que recibira unha gran ovación como premio polo seu ascenso a máxima categoría do baloncesto estatal.

  Baixo a dirección de Cheche Martín, antigo futbolista do Deportivo que se criara na Arxentina tras o fusilamento en 1936 do seu pai Joaquín, secretario xeral do Concello da Coruña, a mans de fascistas do bando nacional, o R.C. Deportivo da Coruña principiaba nos últimos días de xullo de 1968 os adestramentos da pretempada coa ilusión de quitar o sambenito de equipo ascensor. Para manter a categoría os herculinos incorporaran ao seu plantel a Mendieta, porteiro novo que chegara procedente do Real Madrid; o lateral catalán Madir; o central paraguaio Gaona; a Luis, prometedor valor da canteira galega, igual que o ourensán Cortés, e a Juanito, andaluz de hábil caneo que xogara no F.C. Barcelona. 

  Co novo adestrador, “Pedernera” tiña a esperanza de non sufrir o calvario da tempada pasada e gozar de máis oportunidades para demostrar o porqué da recomendación de José Añón. Pero a historia levaba trazas de repetirse de novo, xa que Cheché Martín con conta con el nin contra o Málaga na Rosaleda (3-1) nin contra o Real Madrid en Riazor (2-4) nas dúas primeiras xornadas do campionato. Consciente de que ía ter poucas opcións de entrar no equipo, o xoves 26 de setembro de 1968 o futbolista con orixes en Lañas e o R.C. Deportivo chegaban a un acordo para rescindir o contrato. Na súa páxina de deportes, La Voz de Galicia informaba que ”esta rescisión se ha llevado a cabo en una total armonía entre ambas partes, siendo por ello de resaltar el que toda la relación que existió entre “Pedernera” y el Deportivo estuvo siempre presidida por una total caballerosidad, por lo que el jugador uruguayo deja en La Coruña y en el club un gratísimo recuerdo”. La Voz tamén apuntaba que ”Pedernera parece estar en negociaciones con el Belenenses de Portugal, por lo que es muy probable llegue a suscribir contrato 2. 

   Finalmente a oferta do campionato portugués non se ía concretar e tras a etapa no Deportivo, segundo nos contou no seu momento Pablo F. Brandy, membro do departamento de prensa do Defensor de Montevideo, co cal nos puxemos en contacto en abril de 2017, Adolfo Luis e a súa familia instaláronse en Venezuela.

_________________

1 Hoja oficial de la provincia de Barcelona, 11 de decembro de 1967, páx. 29.

2 La Voz de Galicia, 27 de decembro de 1968, páx. 15.

martes, 16 de setembro de 2025

A SANTA EUFEMIA DE 1865

 O 16 de setembro é un día ben sinalado entre a veciñanza de Arteixo, abofé! Nesa data celébrase, dende tempos pretéritos, a Santa Eufemia, noutrora avogosa dos que sufrían "males extraños" dentro da súa cabeza. Segundo nos contou o actual párroco de Arteixo, don Andrés Trinquete González, parece ser que no noso municipio festexamos a Santa Eufemia de Calcedonia, mais tamén hai lugares, especialmente no sur da xeografía galega, que festexan a Santa Eufemia de Ourense. 

  A igrexa católica conmemora a festividade das dúas santas o 16 de setembro e no caso de Arteixo sabemos, grazas a unha información publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, que a Santa Eufemia empezouse a celebrar no ano 1839:

Por devoción de don Manuel Rodríguez Cambón, párroco de Santiago de Arteijo, se erije un santuario en dicha parroquia bajo la advocación de Santa Eufemia virgen y martir, en cuya iglesia se le edificará por ahora su capilla colectoral, y se celebrará su solemne festividad el día 16 de setiembre de cada año, teniendo principio en el presente de 1839. Y para que todos los devotos que quieran concurrir a emplear sus súplicas a tan milagrosa santa y su imagen, concurran en dicho día u otro en el discurso del año, en que antes de las diez de la mañana se celebrará misa1.”

  Nun tempo no que as crenzas populares pouco se asemellaban ás de hoxe, o poder de curación da Santa Eufemia de Arteixo espallouse rapidamente por toda a provincia (especialmente na zona de Ferrol, Pontedeume e Betanzos), e ao Sixto, que é o lugar no que está situada a igrexa de Santiago de Arteixo, empezaron a vir ducias de persoas que pensaban que tiñan o demo no corpo, como así o acredita a seguinte información publicada en 1845:

El día 16 de este presenciamos una romería que se celebra en Arteijo, bajo la advocación de Santa Eufemia, santa a quien se atribuye el poder de expulsar los espíritus malignos del cuerpo de los poseídos. Acuden allí una porción de mujeres dando los gritos más espantosos, haciendo horribles contorsiones y su pretexto de que es el enemigo el que habla, diciendo las mayores blasfemias. Imposible parece que tamaño desacato se cometa a mediados del siglo XIX, y estamos seguros de que luego que llegue a conocimiento de la autoridad superior, dictará las medidas convenientes para evitar que siga escarneciéndose nuestra sacrosanta religión que se quiere invocar2.” 
Igrexa e adro da parroquial de Santiago de Arteixo

   Histéricos, esquizofrénicos, paranoicos, enfermos mentais e os posuídos do espíritu do mal eran levados polos seus familiares á Santa Eufemia, donde os chamados “choríns” ou “churíns” dábanse cita cada ano para impetrar a milagre da curación. Na actualidade sóanos a lenda de tempos pasados, mais o certo é que durante décadas na igrexa parroquial de Santiago de Arteixo realizábanse numerosos exorcismos cada 16 de setembro. Uns chegaban andando no mesmo día, e outros facíano na véspera e durmían polas casas e polos campos se a noite era boa. Nunha ocasión, cando un numeroso grupo de peregrinos ferroláns realizaban a viaxe de volta aos seu domicilios, houbera que lamentar unha gran traxedia da que os medios da época se facían eco do seguinte xeito:

Por parte telegráfico se ha sabido que ayer ha ocurrido en el Ferrol un desastre lamentable. Una lancha procedente de la Coruña que volvía llena de personas que habían pasado el día en la feria de Pastoriza y Santa Eufemia, por efecto de la densa niebla chocó contra una roca en Peña Moa y quedó destrozada, pereciendo cuarenta personas y salvándose cinco. Fué imposible auxiliarlos3.”

  Hoxe, no 160 aniversario daquel “desastre lamentable”, os amigos de Radio Fene lembran aquela traxedia cun texto que publicaron na súa páxina web (https://www.radiofusion.gal/actualidade/novas/o-titanic-ferrol%C3%A1n) baixo a cabeceira “O Titanic ferrolán” no que comentan o seguinte:

  "O afundimento da lancha que patroneaba Nicolás Bello foi unha catástrofe marítima ocorrida na tarde do 16 de setembro de 1865. Realizaba a travesía de Arteixo a Fene e colisionou coa moa de Segaño na entrada da ría de Ferrol debido á néboa. Hoxe cúmprense 160 anos do naufraxio da moa de Segaño. A cifra de persoas mortas elévase a oitenta, entre veciños de Maniños, Barallobre, Perlío e Fene.  A conmoción social creada debeu ser similar ao choque do trasatlántico co iceberg.

Moa de Segaño (Fotografía de Xan Xe)

  Na partida de nacemento de Nicolasa Regueiro a 8 de outubro de 1804 en Fene, inclúese ao marxe esta nota:


  Morreu en 16 de setembro de 1865 pola tarde no naufraxio da lancha de Nicolás Bello de Barallobre, na boca da ria sobre a pedra da Moa, en donde pereceron máis ou cerca de 80 persoas de todas idades e de ambos sexos. 


Non pasou moito tempo sen que houbese outro naufraxio na moa de Segaño. O 28 de outubro de 1871 naufragou no mesmo lugar a lancha Vitoria. Tamén un falucho de Mugardos foi a pique nese lugar poucos anos despois. Anos máis tarde sería, xa no século XX o Castillo de Coca o que afundiría nese fatídico lugar".

  Os compañeiros de Radio Fene, que tiveron a ben contactar con nós para lembrar a traxedia acontecida en 1865, tamén realizaron un marabilloso podcast da recreación do naufraxio, que é da autoría de María Xesús Arias "Pitusa" e de Henrique Sanfiz (que foi a persoa coa que falamos a primeira hora da mañá). Podedes escoitar o podcast aquí: https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/150908EUFEMIA.mp3 

A SANTA EUFEMIA NA ACTUALIDADE

    As crenzas e a tradición séguense dando cita cada 16 de setembro na igrexa de Santiago de Arteixo, onde cada ano moitas persoas da bisbarra acuden ás misas que se celebran ese día pola mañán e pola tarde, persoas que nalgúns casos aínda seguen comprando á saída do templo as tradicionais rosquillas atadas con vimbios. Iso si, xa hai moitos anos que non acuden os “choríns”. As mentalidades (e a ciencia e a mediciña) neste caso avanzaron para ben. Con todo, o recordo dos antigos “choríns” segue estando moi presente entre os romeiros actuais.

 O recordo do pobo é o recordo da honra dunha festa. A festa mudou pero mantense viva grazas á xente que cada ano organiza as festas na honra da Santa Eufemia de Arteixo. Poñémoslle o ramo a esta crónica co cartel das que se organizan neste 2025: 

_________

1 Boletín Oficial da Provincia da Coruña, 6 de maio de 1839, páx. 4.

2 El Español: diario de las doctrinas y de los intereses sociales, 24 de setembro de 1845, páx. 1.

3 El Eco del país, Madrid, 18 de setembro de 1865, páx. 3.

martes, 9 de setembro de 2025

O "XOGO DOS PAQUETES" DA PARROQUIA DE LOUREDA

  Un ano máis, Loureda volveu a ser o epicentro mundial do “xogo dos paquetes”, que se celebra nesta parroquia arteixá dende hai décadas canda os Milagres de Caión.

Cartaz da edición do 2025 (Asociación Cultural Loureda)

   Non sabemos se xa se xogaba nos tempos das “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921. Ignoramos tamén se xa se practicaba nos tempos no que o camiño que unía Lañas co Foxo era frecuentado polos mozos de San Román, Lestón e Paiosaco que viñan, na xuventude dos nosos avós (máis ben bisavós), aos bailes que se facían no Salón de Rumbo. Só sabemos que, ata o de agora, ninguén é quen de dicir con certeza o ano exacto do seu comezo mais, segundo algúns veciños de Loureda, hai “moitos anos de nuestro Señor” que o chamado xogo de naipes “dos paquetes” vense celebrando, como xa dixemos, canda a Romaría da Nosa Señora dos Milagres de Caión.

   Sen poder concretar data algunha, hai quen asegura que uns romeiros do Foxo que viñan cansos da peregrinaxe a Caión empezaron a entreterse con este xogo na “Casa de Trigo”, a tenda de ultramarinos, estanco e bar que estivo aberta nese lugar desde tempos inmemoriais, como diría o poeta Manuel María. Pois ben, alí na de “Trigo”, que estivo rexentada durante moitos anos por Norecha Vázquez e o seu home Manuel Naya (e moito antes pola señora Leonor e o señor Ramón, os pais de Norecha), alguén tivo a idea de comezar con esta práctica dos “paquetes”, un entretemento que andando no tempo abofé que se convirtiría nunha das sinais de identidade da parroquia de Loureda.

Imaxe antiga da Casa de Trigo do Foxo (Cortesía de Pili Naya)

  A persoa que quixera participar no devandito xogo “dos paquetes” tiña que aportar unha peseta para entrar na partida, diñeiro que ía destinado á compra dun paquete (de aí o nome do xogo) de galletas María que, naquela hora, era unha auténtica delicatesen que non todos se podían permitir.

  Ás veces, en función do valor que os participantes lle quixeran dar ao paquete de galletas, entrábase na timba cunha ou outra cantidade de diñeiro. Logo, unha vez determinado o número de xogadores e sentados xa arredor dunha mesa, unha persoa principiaba a repartir boca abaixo un naipe da baralla a cada un dos participantes, quenes tiñan que poñer os cartos enriba da súa respectiva carta. Nun momento dado do xogo, a persoa encargada de repartir os naipes dicía... “¡cartas arriba!”. Entón cada un dos xogadores ensinaba o seu naipe coa ilusión de que lle saíra o as de ouros, a carta que outorgaba o premio e que era coñecida neste xogo como “a bola”. Se o as de ouros non saía na primeira man, o que repartía os naipes volvía a dar nunha segunda ou nunha terceira tanda, xa coas cartas cara arriba, ata que “a bola” caera nalgún dos xogadores. E finalmente, o afortunado que tiña nas súas mans o as de ouros era a persoa que levaba o premio do paquete de galletas.

  E así, partida tras partida, os veciños e veciñas do Foxo pasaban as horas xogando cada 8 de setembro na de Trigo, un establecemento que co paso dos anos acabaría rexentando Pili Naya, a filla de Norecha, que contaría coa axuda no negocio do seu home Ángel e do seu fillo Miguel (Pili mantivo o negocio aberto ata o 2017).

Imaxe do ano 2016 da taberna Casa Trigo do Foxo (Xabier Maceiras)

   Despois de moitos anos xogando na de Trigo e noutros puntos da parroquia como en Ervedíns, na do Cubano e na taberna de Genaro, sobre o 2016 cambiouse o lugar de xogo polo bar o Cruceiro do Igrexario de Loureda, e tamén se ven xogando dende esa época no Centro Social do Foxo. Nestes lugares, logo de que algunha persoa se encargue de mercar as galletas máis variadas existentes no mercado, seguen pasando as tardes de cada 8 de setembro (ou na fin de semana anterior a este día) os maiores e os cativos da parroquia do mesmo xeito, e coa mesma ilusión, que o fixeran aqueles romeiros que supostamente inventaron este xogo dos paquetes.

Cartaz do ano 2016 (Bar Cruceiro do Igrexario)

  A día de hoxe, polo que nos contou Arantxa (irmá dun servidor), que dada a súa longa relación con Fran García é xa unha veciña máis do Foxo, e súas curmás políticas Iria e Alma, a veciñanza de Loureda segue gardando a tradición xogando cada 8 de setembro a este xogo “dos paquetes”, un divertimento que iso si, a raíz da chegada do euro, cada xogador ou xogadora participa en cada ronda entrando con 10 céntimos por partida agardando, co oportuno formigueo no estómago, a que o azar o faga gañador ou gañadora do premio do paquete de galletas levando o as de ouros. Mais despois de tanta teoría, como ben di Alma Suárez, que mellor que ir ata Loureda o 8 de setembro para pasar un rato agradable aprendendo a xogar a este xogo tan arraigado nesta parroquia arteixá dende hai tanto tempo. Así que o ano que vén, se vos presta xa sabedes o que podedes facer o día 8 de setembro.

Nenos e nenas xogando aos paquetes no Centro Social do Foxo (Cortesía de Arantxa López Ares)

   Curiosamente, na procura das orixes deste xogo a prezada e admirada Gabriela Prego, veciña tamén de Loureda que traballa na Facultade de Filoloxía da USC, contounos que andivo investigando sobre esta modalidade de naipes no libro “Antropología cultural de Galicia” (Akal. Madrid, 1971) da autoría do aragonés Carmelo Lisón Talana, doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid e en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade de Oxford, ademais de ser tamén catedrático emérito de Antropoloxía Social na Universidade Complutense de Madrid (1979). Pois ben, ao parecer Lison Tolosana non ten nada recompilado sobre este xogo "dos paquetes", feito que nos leva a pensar que se os americanos teñen a cidade de Las Vegas como a súa cuna particular do xogo… os arteixáns temos o lugar do Foxo como centro mundial de entremento cada 8 de setembro!

mércores, 3 de setembro de 2025

BENJAMÍN DE ARMENTÓN E A SÚA FÁBRICA DE CHOCOLATES DE ARTEIXO

  Pois sí, en Arteixo tamén tivemos a nosa fábrica de chocolate. E non vaiades pensar que foi a do famoso libro infantil Charlie e a fábrica de chocolate, da autoría de Roald Dahl levado ao cine en 2005 nunha película dirixida por Tim Burton e protagonizada por Johnny Depp. Non, a de Arteixo era a fábrica de Chocolates Callejo, mais tamén estaba chea de encanto e de historia e, entre as súas máquinas, un podía sentirse do mesmo xeito que o facía Charlie nesa fábrica de chocolate produto da imaxinación do escritor británico Roald Dahl.

Publicidade dos anos 70 de Chocolates Callejo

  O propietario de Chocolates Callejo era Benjamín García Borrazás, veciño de Armentón nado en 1933 que abriría o seu negocio na vila do Bolaños arredor do ano 1969, décadas despois dos tempos de escaseza da posguerra, cando o chocolate estaba racionado e o proceso de fabricación e de comercialización atopábase totalmente intervido. Dende o goberno franquista estipulábase canto fabricar e a quen distribuílo. Moitas veces, o chocolate mesmo se humedecía agardando pola chegada dos funcionarios do Estado. Era unha verdadeira mágoa que nunha época de necesidade extrema como aquela da posguerra o chocolate tivera que chegar á xente en malas condicións, nun momento en que ante a falla deste produto a cidadanía conformábase coa cascarilla, a lámina fina que cobre o cacao.

  O baixo prezo ao que se distribuía a cáscara do cacao, naquela hora utilizada como infusión, popularizaría o seu consumo entre os coruñeses e coruñesas nos anos da fame e do racionamento por ser máis barata que o café e que o chocolate. Foi entón cando as persoas nativas da Coruña, aquelas que eran herculinas de toda a vida, empezaron a chamarse a si mesmas cascarilleiras. Paradoxos da vida, a cascarilla volve ser un produto demandado e moi buscado para preparar infusións. 

   O protagonista desta historia, Benjamín García Borrazás, chega a aquela cidade da Coruña da posguerra moi cativo e empeza a traballar, con tan só dez anos, cos chocolateiros Morán Alonso e posteriormente con José Castaño, propietario da empresa Fábricas de Chocolates Reunidas S.L. Pasados uns anos e ante a necesidade dun mestre chocolateiro que Castaño precisaba para a súa fábrica de Cáceres, Benjamín traballa durante algún tempo en Estremadura, onde botaría ata mediados dos cincuenta, época na que volta de novo á súa terra.

   Ao arteixán non tardaría en xurdirlle a oportunidade de montar o seu propio negocio. Naquela altura a señora Adelina, viúva de Callejo, o fundador de Chocolates Callejo, unha das empresas máis antigas do sector na cidade coruñesa que tiña as súas instalacións na rúa Fernández Latorre n.º 17, ofrécelle a Benjamin García a maquinaria da fábrica do seu defunto marido a moi baixo custe a cambio de que seguira mantendo o nome da marca. O requisito da señora Adelina, que quería vender a fábrica para a construción de edificios, sería aceptado gustosamente polo chocolateiro de Armentón, que meses despois, xa no ano 1957, abre a súa primeira fábrica nun baixo da rúa Cervantes, que ardería nos primeiros sesenta, no popular barrio de Monte Alto.

  Tralo incendio, Benjamín instala noutro baixo de Monte Alto, na 2ª Travesía de Hércules n.º 42, a súa empresa Chocolates Callejo, e alí permanecería ata 1967 ou 1968, que foi a época na que se estableceu naquel Arteixo que empezaba a medrar a pasos axigantados coas industrias de Sabón.

Imaxe dos anos 70 do exterior da fábrica de chocolates que Benjamín García tiña en Arteixo

  Na capital do municipio, Benjamín compra o soto, o baixo e o primeiro piso do número 208 da Avenida de Fisterra, o mesmo edificio no que posteriormente se establecería no primeiro piso Foto Rodri. No baixo, ocupado durante décadas pola popular tenda fotográfica arteixá, a dona de Benjamín, Mari Luz Ramos, abre un ultramarinos no que contrata como empregada a María Jesús García, unha muller que traballaría na tenda de Mari Luz ata 1986, cando pasa a ser a propietaria. Catro anos máis tarde, en 1990, a cadea de supermercados Comprebén faríase co negocio. De seguro que aínda hai quen lembra a inauguración do mesmo, xa que fora mítica a presenza de Carlos Mata, o popular actor venezolano protagonista de numerosas telenovelas daqueles anos 80-90.

Benjamín García en 2019 diante do lugar no que tiña a súa fábrica de chocolate en Arteixo

   Mais continuemos coa chocolatería, na que á parte do seu propietario Benjamín García, tamén traballarían durante certo tempo Aurita, a da Carnicería Calvete; Pepe, que anos máis tarde abriría a Gardería Os Cativiños; o home de María Jesus García, Antonio Iglesias, que fixo de repartidor unha tempada (Antonio e María Jesús son os pais de Víctor Iglesias García, o director da Escola Municipal de Música de Arteixo); a señora Dorinda, que facía de moza de almacén e de “multiusos” do negocio; e Ceferino, que era o comercial da empresa, o “viaxante” que percorría o asfalto para colocar os Chocolates Callejo nas tendas da bisbarra e facerlle a competencia a Chocolates Mariño, fábrica fundada en 1927 en Carballo e que aínda segue funcionando a día de hoxe. Chocolates Mariño é un dos poucos lugares en toda a xeografía española que conserva o proceso de elaboración artesanal, proceso que tamén se levaba a cabo na fábrica de chocolates de Arteixo, onde se traballaba con produto de gran calidade.

Imaxe dos anos 70 do interior da fábrica (Cortesía de Benjamín García)

    As máquinas de Callejo trituraban, refinaban e amasaban o chocolate, transformando o froito do cacao en cacao en po ou nun auténtico chocolate que só se facía con fariña e azucre, ou azucre só no caso do chocolate negro. O proceso era tan minucioso que mesmo a cascarilla terminábase de separar do chocolate a man, para que non quedara ningún resto, algo impensable nos procesos de fabricación industrial. 

  Chocolates Callejo era un negocio peculiar, único na súa especie, con personalidade. Era imposible non reparar nel cando pasabas ao seu carón. Aínda que levaras a cabeza noutra cousa, chamábache a atención e o ruído das máquinas víase suavizado polo ulido a chocolate auténtico que se percibía nos arredores, principalmente os venres, que era o día de moer. Unha vez moído o chocolate, amasábase con fariña e azucre, ou só con azucre, no caso do chocolate negro. Despois, xa amasado, o chocolate introducíase nunhas estufas a unha temperatura constante de arredor de sesenta graos durante máis de 48 horas. Tabletéabase e introducíase na neveira. Gardábanse as tabletas durante un mínimo de oito días en armarios de madeira e logo empaquetábase para distribuilas posteriormente.

Benjamín García traballando na súa fábrica nos anos 70

  Chocolates Callejo vendía principalmente a nivel provincial, sobre todo na zona de Ordes, Costa da Morte e Muros, donde tiña bastante clientela. Surtía ademáis aos cuarteis da cidade da Coruña. A “fábrica", como popularmente se coñecía en Arteixo, permaneceu aberta ata mediados dos anos noventa, que foi cando se xubilou Benjamín García, o mestre chocolateiro de Armentón ao que podedes ver nesta peciña audiovisual que realizamos Fran Naveira e un servidor:

  Na actualidade, se pasades pola zona de Foto Rodri e do pub Sirocco, no n.º 211 da Avenida de Fisterra, hai un edificio que lembra os tempos desta fábrica de chocolates: o edificio Callejo.

Edificio Callejo, no número 211 da Avenida de Fisterra