POLÍGONO DE SABÓN


"Sabón"

María
Pasea furtiva a vaca da fame
Polos arredores da fábrica
Por terras que sempre foran de seu

Caladamente remoe unha vida de traballos
E cobre o rostro co adival das tristuras

María cospe contra o mundo
Blasfema as enrugas dos seus ollos azuis
E maldí entre todos
Ese polígono ladrón de terras
Esa fábrica de matar a froita

PACO SOUTO. Poemario "Das horas de María". Espiral Maior, 2007.




    ¿Como falar dun pobo que xa só existe na lembranza? ¿Como describir a luz das súas rúas cando estas soamente viven xa na mente dos nenos que nelas xogaron? Loitar contra ese esquecemento foi o principal motivo que me levou á elaboración dun libro sobre o 50 aniversario do Polígono (agardo poder presentalo neste 2015) e tamén, á creación deste espazo que estades lendo.

     Pódese decir que o 14 de agosto de 1965 é o nacemento oficial do Polígono Industrial de Sabón. Aquel día, o goberno de Franco autorizaba de maneira definitiva á Deputación Provincial da Coruña para adquirir o solo mediante procedemento expropiatorio de urxencia e polo sistema de prezos máximos e mínimos, así como para ordenar, executar e asumir a xestión total do futuro asentamento industrial. Sabón tiña luz verde, mais aínda tardaría uns anos en ser unha realidade.

     O 25 de xaneiro de 1966 principiábase a súa execución mediante as operacións expropiatorias de adquisición de solo, procedendo sobre os terreos ao levantamento das primeiras Actas Previas de Ocupación correspondentes as leiras situadas dentro da nova delimitación industrial, operación que duraría varios anos e que cambiaría para sempre a fisionomía de lugares como Rañobre, Roxedoiro, Oseiro, Seixedo, A Groufa, Sabón, A Pedreira, Rañal, Figueiroa, O Potro, Caldas ou a vila de Arteixo, lugares donde se expropiarían máis de 1.500 fincas rústicas e unhas 150 vivendas.

     A todas estas familias de expropiados vaille dedicada esta pequena homenaxe...pois todos e cada un deles forman a historia duns lugares fantasma, onde rúas, camiños, leiras e casas xa só habitan nos recunchos máis profundos da memoria colectiva. Nos, os descendentes, non temos ese privilexio e nos seus contos entre liñas tan só podemos imaxinar esos lugares que marcaron as súas vidas a través das fotografías e das historias que herdamos e que nos transmitiron os nosos devanceiros.

     A construcción do Polígono Industrial de Sabón significou, naquel momento, un gran desenvolvemento económico para Arteixo, planeándose nos seus terreos grandes proxectos empresariais que hoxe son coñecidos como primeiras marcas mundiais. Mais non debemos esquecer nunca o sacrificio daquelas expropiacións. O seu recordo debe manterse vivo a través dos anos, para que se medite do que é e foi o progreso...beneficio de moitos e en ocasións amargura e tristura duns poucos. Estas son algunhas das imaxes recompiladas e das  historias acontecidas naquelas terras que, ata antes das expropiacións, eran a despensa da cidade da Coruña:
 

 A Perdiz (Rañal)




















A Perdiz (Rañal):
















A Rañeira (Rañal):
















O Rañal (Camiño da Rañeira)
















A Canteira (A Pedreira)














A Pedreira (actual Avenida da Moda):





 

 

 

 

 

Agra de Arteixo:
















 

Rañal






 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sabón:




















OS TERREOS QUE TIÑAN EN SABÓN OS MARQUESES DE ALGARA DE GRES

     Boa parte dos terreos expropiados para a construcción do Polígono Industrial de Sabón foron, durante séculos, propiedade de familias adiñeiradas e poderosas como os Nava e Ortega, Santos, Suárez de Deza ou os del Río, nalgúns casos descendentes de importantes Señoríos. Mais a necesidade, motivada pola perda de poder adquisitivo das devanditas estirpes, propiciaría que a partir do século XX, moitas destas terras foran vendidas aos labregos da zona, como fora o caso de meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, que en outubro de 1947, cun enorme sacrificio económico, compráballe a don Ramón Pazos Flórez parte dos montes da Perdiz, que contaba cunha superficie de algo máis de cinco ferrados, e do da Canteira,  de catro ferrados e medio.

     Mais ¿quen era Ramón Pazos Flórez? Pois este home era un avogado de Santiago de Compostela que naqueles anos corenta estaba sendo testemuña da decadencia familiar por parte materna, familia que antano tivera un pasado esplendoroso e que era propietaria de numerosos bens nas parroquias de Santiago de Arteixo, Santa María de Pastoriza e San Tirso de Oseiro. Estamos a falar dos Suárez de Deza.

     Ramón Pazos Flórez era fillo de dona Leonor Flórez Suárez de Deza que, naquela hora, tamén residía en Compostela. Os pais desta muller foran don Ildefonso Flórez de Losada e Quiroga, sucesor da Casa de Castro de Valdeorras, e dona Leonor Suárez de Deza e Tineo Ulloa (nada en Vilafranca do Bierzo en 1836), descendente das Casas de Láncara e Mariñán e sucesora da de Noceda.

Dona Leonor Suárez de Deza e Tineo Ulloa era filla de Apolinar Suárez de Deza Eebra e Caamaño (Valladolid, 1802-Bergondo, 1877), Señor das Casas de Bergondo, Láncara, Tebra e Toirán; Senador do Reino por León en 1843; Gentilhombre de Cámara de S.M.; Caballero de la Orden de San Juan e Gran Cruz da Real Orden de Isabel la Católica. A nai de dona Leonor era dona María Josefa Raimunda de Tineo e Vigo, Señora da Casa Torre Noceda.

A escritura de  1947
      Segundo a información que aparece na antiga escritura de compra-venta outorgada en 1947 por dona Leonor Flórez Suárez de Deza a favor de meu avó, Emilio Rodriguez Veira, ante o notario José Antonio Cienfuegos Gonzalez-Coto, escritura que gardo coma un auténtico tesouro no meu domicilio, dona Leonor herdara os montes que Milio do Touciñeiro lle comprara ao seu fillo Ramón Pazos Flórez de súa tía materna, dona Antonia Suárez de Deza e Tineo, nada en Vilafranca do Bierzo en 1834 e casada en Madrid en 1862 con Manuel Calderón de Herce, I Marqués de Algara de Gres. No antigo documento de compra-venta consta que dona Leonor Flórez Suárez de Deza... "las adquirió por habersele adjudicado en la partición de la herencia de su tía, la Excma. Sra. Doña Antonia Suárez de Deza y Tineo, Marquesa Viuda de Algara de Gres, aprobada en escritura de seis de mayo de mil novecientos veinticuatro, ante el Notario de Madrid, Sr. Bugallal".

     Vinte anos despois de facerlle aquela compra a Ramón Pazos Flórez, ao avó Milio convertíase, ao igual que outros moitos arteixáns, nun dos afectados polas expropiacións para a construción do Polígono de Sabón quedando, deste xeito, sen esos dous montes e sen outros terreos da súa propiedade que tiña no que hoxe é o asentamento industrial, terreos polos que tivera que facer, naqueles duros anos corenta da posguerra, un enorme sacrificio económico para mercalos e que agora, coa chegada da industria, recibía dous patacóns por eles. No monte da Perdiz, no que outras familias do Rañal, entre elas "os de Tiso", tamén tiñan propiedades, está ubicada actualmente a empresa Dielectro Galicia. No monte da Canteira, xusto ao carón do que antes das expropiacións era A Cubela, onde tamén tiñan terreos veciños do Rañal como "os de Pichel" e "os de Manolo de Santiago", están a día de hoxe as instalacións de La Voz de Galicia.


O COMEDOR DE INDITEX E A HORTA DA PEDREIRA DO AVÓ MILIO

     Como moit@s de vós sabedes, en outubro do 2015 o bo amigo Xosé Antón Bocixa e o que escribe principiamos un proxecto audiovisual sobre as expropiacións do Polígono Industrial de Sabón, proxecto que pretendemos que vexa a luz neste 2017 e que vai levar por título "12 Leiras ".

A leira da Pedreira é a da esquerda, a que ten catro palleiros de millo
   Doce foron as leiras que lle expropiaron aos meus avós Milio e Carme para a construcción do Polígono: unha no lugar do Sereo, unha nos Vilares, unha na Perdiz, unha nos Terreos, dúas no Monte do Crego, unha na Agra de Arteixo, unha nos Muíños do Rañal, unha en Barcia, unha na Rañeira e dúas na Pedreira, que era o lugar que estaba na zona que hoxe ocupa a Avenida da Moda. Nunha destas leiras da Pedreira, a que lindaba coa casa de Amelia das Creghas, pasei moitas horas da miña infancia xunto a meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe dos primeiros anos da miña vida.
O avó Milio
      A Pedreira era un dos topónimos que mais se utilizaban na miña casa. Era un topónimo de patrimonio familiar. Alí, naquel lugar, o avó Milio ensinaríame a cazar grilos; amosaríame a beleza das bolboretas e falaríame das avispas excavadoras de terra, esas que construen os avispeiros en terra seca e infértil. O avó dicía, coa súa retranca tan persoal, que aquelas avispas eran do Peñarol, mais eu non entendía o significado das súas palabras. Co tempo descubriría que se refería ás cores da camiseta do equipo de fútbol de Montevideo, as mesmas que a das avispas. Falábame tamén dos tempos nos que había abundancia de troitas e anguías no Bolaños e de como se agochaban as londras nese río cando él tiña a miña idade; explicaríame para que se utilizan as miñocas; porqué as anduriñas pasan aquí o verán e logo emigran cara o sur e, sobre todo, advertiríame da peligrosidade das denosiñas. Lembro que estaba obsesionado con este pequeno mamífero carnívoro. Se cadra levara algún susto de cativo, que nunca chegara a confesar. O certo é que cada dous por tres, o avó contaba que as denosiñas ían ás cortes do gando para mamar nas ubres das vacas, morder as patas dos cabalos para chucharlles o sangue e outras trasnadas semellantes. Dicía que mataban por pracer e que nalgún galiñeiro da aldea provocara verdadeiras masacres, á altura das que facía o raposo, só para beber a sangue das galiñas.

     O avó Milio, que seguramente sería un bo guionista para “El hombre y la tierra”, a exitosa serie documental de Félix Rodriguez de la Fuente que se empezara a emitir por aqueles anos 70 e que nós, avó e neto, seguiamos coa máxima expectación, tamén me contaría na leira da Pedreira un feixe de historias que a el lle transmitiran seus pais, Francisco e Dolores, e os vellos do Rañal cando era neno, historias como a do “Tío Fuco”, morto dunha enchenta de touciño e que provocara unha sanguenta liorta entre os mozos que se disputaban o premio dun traxe prometido a quenes levaran a ombreiros o cadáver ata o cemiterio; ou a de “Xacintiño”, comprometido, por unha aposta, a ir unha noite ao camposanto e que tolearía da cabeza porque creía que os difuntos o agarraban cando, en realidade, lle quedara presa a chaqueta na reixa dunha sepultura.

Vista da Avenida da Moda e, á esquerda, o comedor de Inditex
      Pois ben, nesa leira da Pedreira na que pasei tantos momentos da miña infancia, momentos que empezan a fuxir da memoria, de aí "A horta esquecida" que forma parte do título do audiovisual, está asentado hoxe o novo comedor de Inditex, inaugurado recentemente, un lugar no que sempre que paso ao seu carón lémbrome do heroe da miña infancia, meu avó Milio, Milio do Touciñeiro!





O AVÓ MILIO, O TÍO MANOLO E AMANCIO ORTEGA 
      Hoxe vou a contarvos unha historia que escoitei ducias de veces na miña casa e que ten que ver con meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, meu tío Manolo e Amancio Ortega, unha historia que transcorreu a mediados dos anos setenta e que xa vos adianto que tamén terá protagonismo en “12 Leiras”, o documental sobre os 50 anos das expropiacións para a construcción do Polígono Industrial no que estou a traballar con Xosé Antón Bocixa.

Imaxe dos anos 70 do tío Manolo con seus pais, meus avós Milio e Carme
     Lembro que naquela altura, despois do verán de 1975, empezara a ir de novo ao parvulario da Groufa, do que xa vos teño falado algunha vez neste espazo. Todo o mundo coñecía aquel lugar co nome da chilena, xa que esa era a nacionalidade de Paulina, a muller que levaba as rendas da gardería na que ía pasar outro ano máis, o último antes de ser escolarizado no colexio público Carrero Blanco.

      Ir alí, impedíame estar co heroe da miña infancia, o avó Milio. Ir alí significaba que xa non tiña alas para voar. Ir alí facíame pensar no mal que o pasara antes das vacacións de verán e, por riba, Manolito Boquete e Juan Capelán, dous dos cativos do Rañal que foran compañeiros de batallas durante o ano anterior, xa non me ían acompañar neste curso, pois empezaran a E.X.B. no colexio de Arteixo. O único veciño que seguía indo comigo á da chilena era Javi Villaverde, que tiña a mesma idade que min e que Josiño Sanjurjo, os tres nados en 1970, o ano no que Pelé gañara o seu terceiro Mundial con Brasil, mais Jose non viña con nós, ía ao parvulario do señor Barbada.

      Non quedaba outra. Principiaba de novo o meu calvario particular, principiaba o meu viacrucis... mais polo medio, estaba a promesa que lle fixera á tía Pura, para min unha auténtica Mary Poppins á que lle dera a miña palabra de que me portaría ben no parvulario. As promesas había que cumprilas!

      Por aqueles días o avó Milio, que aínda lle faltaban uns meses para a xubilación, pasaba moito tempo na Coruña, no taller de escaiola do seu fillo Manolo, que estaba na rúa Noia, moi preto onde vivía a tía Pura e ao carón dun sombrío taller téxtil, propiedade dun tal Amancio Ortega, o mesmo home que uns meses despois empezaría a levantar o seu imperio nalgunhas leiras da Pedreira de Oseiro que lle foran expropiadas aos avós. 

Publicidade do negocio do Tío Manolo. El Ideal Gallego, 12 de abril de 1979
     Para desprazarse ata a cidade herculina, o avó collía o trolebús da empresa Finisterre na parada da Groufa despois de deixarme a min no parvulario da chilena. Lembro que, naquela altura, na que todo o mundo falaba da morte do home que saía nas moedas coas que mercaba os cromos de fútbol, un tal Franco, cando facíamos a pé o quilómetro e pico que había dende O Rañal ata o parvulario, xa andaban por alí as máquinas excavadoras achanzando os terreos onde se construirían Samlor e Goa, as primeiras fábricas de Ortega no Polígono Industrial de Sabón. Tamén lembro que durante o traxecto, era raro o día que non zoupara con forza o vento na Pedreira. Quen o diría, anos máis tarde, Inditex aproveitaría esa enerxía da natureza para instalar alí o muiño eólico que hoxe podemos ver na Avenida da Moda de Sabón.

      A medida que o percorrido ía chegando ao seu fin, xa preto da Groufa, o cheiro a cebolas das empanadas da Panadería Rozas facía a súa aparición día sí e día tamén. O meu olfato non tardaría en habituarse a aquel cheiro diario, o mesmo que ao delicioso aroma das bolas de chicles de múltiples cores coas que o avó Milio me agasallaba ao recollerme na gardería ao mediodía, cando viña de volta da Coruña, cidade na que uns meses antes Amancio Ortega abrira, na rúa Juan Flórez, a súa primeira tenda baixo a denominación de Zara na que, por certo, a decoración da escaiola fora cousa do tío Manolo.

      Amancio iniciara a súa vida laboral na coruñesa Praza de Galicia como repartidor da camisería Gala, da que non tardaría moito en cambiar de aires rumbo a outro próspero negocio da cidade herculina dos anos cincuenta, a Mercería La Maja, onde seus irmáns xa levaban traballando algún tempo. Alí, naquel comercio, xestaríase a idea do que hoxe é Inditex. No novo traballo, Amancio empezaría como mozo dos recados e pronto sería ascendido a vendedor, ascenso que coincide coa entrada na tenda que a mercería tiña na rúa San Andrés, dunha rapaza chamada Rosalía Mera, que máis tarde convertiríase na súa muller. Uns anos de experiencia nesta pequena empresa serían dabondo para saber cal sería o seu futuro e, deste xeito, cando corría o ano 1963, decide abandonar La Maja.

      Tiña grandes ideas na cabeza, mais iso sí, o peto estaba baleiro. Amancio non marcharía só. Rosalía Mera, os seus irmáns Antonio e Pepita, José Caramelo, posteriormente fundador da firma Caramelo, e Primitiva Renedo, a muller de Antonio, tamén abandonan La Maja e embárcanse con él nunha arriscada aventura abrindo, grazas a un pequeno préstamo, un taller que se puxo en marcha na casa de Primitiva, negocio ao que denominan GOA Confecciones e que se pode considerar como o primeiro embrión da que, andando no tempo, se convertiría na primeira multinacional do mundo. A pequena empresa non tardaría en mudarse a un baixo da zona dos Mallos sito na rúa San Rosendo e, posteriormente, a outro do mesmo barrio, na rúa Noia, que viña sendo o taller téxtil que estaba ao carón do negocio de meu tío Manolo no que avó Milio pasaba, naqueles mediados anos setenta, moitas mañáns dando clases gratuitas da súa particular retranca aos empregados e á clientela do tío Manolo.


     Eche ben curioso o conto. Case que ao mesmo tempo que o avó agardaba pola súa merecida xubilación no negocio do seu fillo escaiolista ao carón do taller de Amancio Ortega no que, naquela hora, cosían batas de boatiné que vendían a 98 pesetas, o empresario téxtil empezaba unha nova andaina nalgunhas leiras do que hoxe é o Polígono Industrial de Sabón que o levaría a converterse nun dos homes máis poderosos do planeta...leiras nas que, antes das expropiacións, o avó Milio pasara moitas, moitas horas da súa vida co lombo dobrado enriba do legón. 

Casamento de Manela e Kiko
     Naqueles dous negocios, no téxtil o no de decoración, tamén nacería unha bonita historia de amor. Miña curmá Manela, a filla maior do tío Manolo, ía de cando en vez á oficina do taller de seu pai a atender as chamadas de teléfono, a preparar presupostos e facturas e, ata incluso chegaría a vender cadros alí. En GOA, que veñen sendo as iniciais de Amancio Ortega Gaona en sentido inverso, traballaba Kiko Piñeiro, un mozote da Sagrada Familia de boa percha que tivera a fortuna de atopar traballo ao carón do seu barrio. A frecha de Cupido atravesaría os muros dos dous talleres e, catro anos máis tarde, Manela e Kiko dábanse o “sí quero”.

      Meses despois daquel casamento, en abril de 1981, o avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe da miña infancia, falecía no seu docimilio do Rañal por mor dun tumor cerebral. O tío Manolo, curiosamente nado no mesmo ano que Amancio, en 1936, seguiría traballando como escaiolista ata a súa xubilación. A posterior historia de Ortega sabémola todas e todos!



  A CREACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE SABÓN EN 1965

Os pasos iniciais para a posta en funcionamento do Polígono Industrial de Sabón déronse durante o verán de 1964, data na que se levaron a cabo as primeiras relacións e tomas de contacto entre o Ministro-Comisario do chamado “Plan de Desarrollo”, señor López Rodó, e os rectores da Deputación Provincial da Coruña.

 Froito daquelas xuntanzas, que tiñan como obxectivo examinar as posibilidades existentes en torno á creación dun recinto ou polígono industrial dentro do espazo delimitado como “Polo de Desarrollo de La Coruña”, xurdiría o acordo da corporación provincial, adoptado en sesión extraordinaria o día 1 de setembro de 1964, por virtude do cal a Deputación coruñesa ofrecía ao Goberno do Estado español a promoción, ordenación e execución do Polígono que estaba previsto situar nas parroquias de San Tirso de Oseiro e na de Santiago de Arteixo. 


Leira e Monte da Agra da Fonte. Ao fondo da imaxe vense algunhas casas da desaparecida aldea da Pedreira, que corresponde á situación actual do eólico de Inditex (Cortesía de Eduardo Figueroa) 

  Esta proposta tería inmediata aceptación, ao quedar reflectida no acordo adoptado pola “Comisión Delegada del Gobierno para Asuntos Económicos”, o día 9 de setembro de 1964, na cal se encomendaba ao ente provincial á realización do indicado Polígono, dispondo a concesión de axudas a fondo perdido equivalentes a 75% dos custos estimados para a rede viaria interior, o fornecemento de auga e a rede de sumidoiros.

   A partir de aí, o esforzo da Deputación aplicaríase nun dobre sentido: por unha parte, a conformación do expediente de delimitación, ordenación e planificación do territorio afectado e, por outra parte, a xestión dun préstamo económico que permitira dispor dun capital de manobra para facer fronte aos primeiros gastos de adquisición do solo e da execución das infraestruturas viarias e sanitarias, un aspecto financieiro que quedaría resolto, en principio, grazas a unha axuda de setenta millóns das antigas pesetas outorgado polo Banco de Crédito Local de España.

   O expediente administrativo culmina no Decreto promulgado polo goberno de Franco o día 14 de agosto de 1965, que autorizaba á Deputación Provincial a adquirir o solo mediante procedemento expropiatorio de urxencia e polo sistema de prezos máximos e mínimos, ben como a ordenar, executar e asumir a xestión total do Polígono.


Portada de La Voz de Galicia do día 13 de agosto de 1965

   Con estes antecedentes, a Deputación acometería despois a formación do “Plan de Ordenación” e dos proxectos técnicos que o desenvolven, traballos que serían aprobados en sesións de 25 de agosto e 23 de outubro de 19651 e que contarían coa autorización definitiva da Comisión Provincial de Arquitectura e Urbanismo, asinada o día 30 de outubro do mesmo ano. Este permiso cerraba o que se pode denominar “ciclo de preparación” ou anteproxecto da nova zona industrial de Arteixo e daría paso á súa posterior execución. O Polígono tiña luz verde, de forma que algúns lugares de Rañobre, O Rexedoiro, Oseiro, Seixedo, A Pedreira, Sabón, O Rañal, A Groufa, Figueiroa, O Potro, Caldas, O Cruce ou da vila de Arteixo mudarían para sempre a súa fisionomía, sitios que nalgúns casos non tardarían moito en formar parte do pasado.

  A execución do novo asentamento industrial iníciase o día 25 xaneiro de 1966 mediante as operacións expropiatorias de adquisición do solo, levantando no terreo as primeiras actas previas de ocupación que, nese día, foron levadas a cabo nos lugares do Asperón, A Ramalleira, As Telleiras, Os Quintáns, Ponte de Oseiro, As Viñas e Seixedo. As tarefas de execución afectarían o todo o recinto delimitado como futuro Polígono, ou sexa, unha superficie total de 3.287.910 metros cadrados, onde había uns 1.600 terreos rústicos e unhas 70 construcións de tipo rural e semiurbano.

   É de supor as dificultades técnico-xurídicas dunha expropiación desta magnitude. Nos terreos dábanse todas as gamas da explotación, desde o cultivo directo e persoal ata o colonato de alugueiro, a parcería agrícola, o foro ou o simple usufruto. A compilación de datos non sería doada, pois non era suficiente con os obter no Catastro Oficial de Rústica nin no Rexistro da Propiedade2, polo que se fixo necesaria a investigación persoal sobre o territorio realizando enquisas directas. As dificultades eran aínda maiores tendo en conta a avanzada idade da maior parte das persoas afectadas e o alto índice de analfabetismo existente na altura, ben como as deficiencias de documentación, en moitos casos baseada en documentos privados ou en meros acordos sen outro valor que o moral. Segundo consta nun informe da Deputación Provincial da Coruña, elaborado en marzo de 1973, o equipo que intervira na expropiación tivera que despregar… “una hábil actuación de relaciones públicas, con el valioso apoyo de las autoridades locales, para vencer las primeras y lógicas resistencias (nunca violentas ni tumultuarias, desde luego), y ganarse, al menos, la comprensión de los afectados. Del tacto con que se llevó el trabajo son buena prueba las circunstancias de que nunca hubiera tenido que intervenir la fuerza pública y de que solamente se hayan formulado cuatro recursos contencioso-administrativos para impugnar valoraciones sin que ninguno de estos hubiese sido estimado por el Tribunal. La expropiación salió, pues, muy bien. Y no solamente en cuanto a las fincas rústicas, sino también en lo referente a las construcciones, a pesar de que en todas ellas existían hogares familiares y en algunas, negocios y almacenes de cierta categoría”.

  Serían necesarios sete anos para rematar estes traballos de expropiación. Os gastos, especificados por conceptos, foron os seguintes:

-Definición previa do Polígono e levantamento do plano parcelario...........................................................…............248.250 pesetas
-Anuncios oficiais e notificacións individuais..........................................................................424.446 pesetas
-Honorarios do equipo pericial agrícola que participou na expropiación...................................................…………..2.742.700 pesetas
-Escrituras notariais de agrupación de terreos e inscrición no Rexistro da Propiedade.................................................................….1.000.000 pesetas
-Importe de xustiprezos de propiedade, indemnizacións de colleitas, extinción de colonatos, alugueiros de local de negocio e de vivenda e cesamento de industrias.........………………….…......................…….126.964.211 pesetas
_______________
TOTAL: 131.379.607 pesetas

   Naturalmente, non se esperaría a rematar as expropiacións para acometer a urbanización. Á medida que se ían ocupando terreos, a Deputación contrataba desgloses de obras de rede viaria que permitisen ir dotando de accesos as futuras parcelas industriais con vistas a unha rápida dispoñibilidade en beneficio das empresas que xa se querían instalar no Polígono. No que a rede viaria se refire, as tarefas de construción das estradas interiores do recinto industrial iniciaríanse en 1967 e rematarían en 1973, unha rede que inicialmente comprendía unha lonxitude aproximada de doce quilómetros, cunha lonxitude total de dezasete metros entre aristas exteriores de gabias. Nesa rede realizaríanse as seguintes inversións:

-Honorarios por redacción dos proxectos técnicos dos diferentes desgloses de obras..................................……….............................…….524.029 pesetas
-Execución de obra, a través de seis desgloses parciais.................................................................…….54.575.567 pesetas
________________
TOTAL: 55.099.596 pesetas 

   Outro capítulo importante da urbanización do Polígono correspondía á enxeñería sanitaria, desglosada, á súa vez, en dous conceptos: o sistema de abastecemento de auga e o sistema de recollida de augas residuais. O provisionamento de auga comprendía inicialmente os seguintes elementos:

-O encoro do Rexedoiro, formado polas augas do río Seixedo, ao cal estaba previsto que se trasvasasen as augas do paralelo río Bolaños e, deste xeito, sumando os caudais de ambas correntes, resultaba un total de 400 l/s., que se estimaban máis que suficientes para as futuras necesidades do Polígono. O encoro, cunha superficie de 561.960 metros cadrados e cunha capacidade de 1.872.660 metros cúbicos, garantía, por tanto, a almacenaxe de auga ata en períodos de dilatada estiaxe.
-A caseta de bombeo, existente nunha das marxes do encoro, que tiña a función de bombear a auga do Rexedoiro ata ao depósito elevado regulador.
-O depósito regulador, situado no Monte de San Tirso3, que tería unha capacidade de 20.000 metros cúbicos e desde cuxa instalación a auga se espallaría, por gravidade, cara ás conducións principais e tubarías secundarias.
-As conducións e tubarías, que seguirían a liña da rede viaria, de tal forma que a acometida ao interior de cada parcela industrial fose sinxela e económica. 
Imaxe de 1973 do depósito regulador situado no Monte de San Tirso (Antonio Pombo)
Proxecto inicial do abastecemento de auga no Polígono de Sabón (Deputación da Coruña)

   O outro concepto, o da recollida de augas residuais, implicaba unha rede de colectores principais e emisarios secundarios, que igualmente seguirían, pola outra marxe, as liñas das estradas, levando as augas fecais ata as rochas do mar aberto das praias de Alba e Sabón. As obras do complexo sanitario iniciaríanse no ano 1968 e rematarían en 1973. Os investimentos nesta sección responderían ás seguintes cifras:

-Estudo xeolóxico dos terreos de apoio do encoro………………………………………………............….70.180 pesetas
-Honorarios de redacción dos diversos proxectos……………....................……..…………………...527.269 pesetas
-Execución de obra en todos os seus aspectos..........………...................……………………...44.347.458 pesetas
________________
TOTAL: 45.347.458 pesetas

   A presenza da Central Térmica de Fenosa dentro do Polígono garantiría, desde a súa posta en funcionamento4 e para o futuro, a alimentación de enerxía eléctrica. De igual modo, a instalación da central da Compañía Telefónica, tamén en terreos do Polígono5, aseguraría a dotación de tan importante servizo.

   Alén disto, a Deputación Provincial tamén financiaría a rede de distribución de enerxía eléctrica mediante transformadores e tendidos aéreos, así como o alumeado público dos viais das marxes do encoro. O ente provincial tamén se comprometía a preparar as zonas verdes do recinto industrial e á construción dun edificio que podería albergar a oficina xestora, un posto de socorro de urxencia e un servizo de contraincendios, compromisos que, nalgúns casos, nunca se chegarían a realizar. Con todo, os investimentos nesta sección foron os seguintes:

-Honorarios de redacción de proxectos técnicos.........…………....……………………………….........10.686 pesetas
-Execución de enerxía eléctrica e alumeado.............…………..…....................………......14.986.289 pesetas
-Execución de zonas verdes, construción de edificio e outras obras............................................................…………….5.000.000 pesetas
_______________
TOTAL: 19.996.975 pesetas


ESTRUTURACIÓN DO POLÍGONO


  A distribución inicial do Polígono Industrial fora a seguinte:


-En parcelas industriais...................................................................2.403.580 m²

 De 1ª categoría: 1.172.900 m²
De 2ª categoría: 1.044.360 m²
De 3ª categoría: 186.320 m²
-En rede viaria interior, pola cal ían as conducións e tubarías de auga e a recollidas das augas fecais....................……………………….......…203.086 m² 
-No encoro do Rexedoiro..............................................................561.960 m²
-En parcelas non utilizables e zonas verdes.................................119.284 m²

                                                                              _________________      

SUPERFICIE TOTAL: 3.287.910 m²

     Polo anterior esquema sabemos que da totalidade da superficie do Polígono eran úteis para industrias 2.403.580 metros cadrados, superficie que, en definitiva, era a de destino industrial tipificada en parcelas de diferentes dimensións, características e categorías. A distribución en tres tipos respondía ao criterio de distinguir, aos efectos de prezo de alleamento, a maior ou menor benevolencia dos espazos ofertados. De primeira categoría eran as parcelas óptimas, por ter unha localización máis “publicitaria”, porque a súa adaptación exixía un menor gasto en movemento de terra e cimentacións ou porque as acometidas aos servizos eran máis doadas e económicas. De segunda categoría eran aquelas parcelas que contaban con menores avantaxes. E de terceira eran as do seguinte grao nesta escala de valores.

   Por acordo corporativo de 12 de novembro de 1966, as parcelas de primeira categoría venderíanse ao prezo de 150 pesetas/m2; as de segunda, a 125 pesetas/m2; e as de terceira, a 100 pesetas/m2, prezos suficientes para cubrir o custo de adquisición e urbanización do solo e demais gastos xerais da empresa, mais non entrañaban lucro, xa que pretendían, a fin de contas, promocionar ao máximo unha zona industrial para se xerar riqueza, para xurdir postos de traballo, para dinamizar o capital galego e para se obter esa dobre rendibilidade económica e social que constituía a fundamentación da idea do desenvolvemento. É máis, para que o gasto de adquisición de parcelas non influíse excesivamente no planexamento dunha industria, admitíase a posibilidade de que os empresarios dilatasen o pago da metade dese prezo en dez anualidades, que producían tan só o interese anual de 6,5%, inferior, naquela época, ao das operacións a prazo xestionadas en institucións bancarias. O obxectivo destas vantaxes era o de contribuír ao éxito do Polígono, éxito que, superada a crise económica do ano 1970, comezaría a se apreciar notablemente co alto ritmo de solicitudes e consecuente adxudicación de parcelas, pois producíanse todos os meses tres ou catro peticións, para alén das xestións informais e visitas de información.

   Unha vez que os empresarios cumprían todos os requisitos previos, as ordes presidenciais sobre a venda de terreos e as adxudicacións definitivas de parcelas pasaban polo Pleno Corporativo. A tramitación era sinxela: era suficiente cunha instancia en que se explicaba a actividade da industria, a súa produción estimada, as súas posibles ampliacións e os postos de traballo con que se ía contar, indicando tamén a parcela concreta que interesaba. Se a petición era informada favorablemente pola “Comisión de Planes Provinciales”, a presidencia ditaba unha resolución dispondo que a parcela en cuestión fose adxudicada. Dábase conta da operación ao “Ministerio de la Gobernación”, publicábanse os anuncios oficiais en boletíns, prensa e radio e abríase o prazo dentro do cal a empresa interesada debía presentar a documentación formal. Superado o trámite, outorgábase a adxudicación provisoria e requiríase o adxudicatario para que ingresase a totalidade ou a metade do prezo, segundo a fórmula pola que optase. Cumprido este procedemento, verificábase a adxudicación definitiva e formalizábase a venda mediante escritura notarial para a súa posterior constancia no Rexistro da Propiedade.

   Así pois, superada a crise económica de 1970, o Polígono de Sabón comezaba a se converter nunha realidade, cumprindo o obxectivo inicial do “Polo de Desarrollo” e contribuíndo para o nacemento dunha consciencia empresarial que, no momento da designación en 1964 da Coruña como un dos polos industriais, non había. Mais naqueles primeiros anos setenta, Sabón era un proxecto con horizonte cara á década de 1980, pois era cando se calculaba que todas as parcelas industriais estivesen cubertas e en funcionamento. Nos primeiros meses de 1973, estaba vendida ou comprometida en firme unha superficie superior a 50% da útil, porcentaxe realmente elevada se temos en conta que a urbanización aínda non estaba rematada. Naquela hora, o Polígono presentaba unha imaxe salpicada aquí e alá por plantas industriais en funcionamento, en construción ou en movemento de terras.

   As empresas que xa funcionaban naquel ano de 1973 era a Central Térmica de Fenosa, a factoría de Silicio de Sabón S.A. (silicio alumínico), a de Gomas Marina S.A. (derivados das algas), a de Derivados de la Vid S.A. (vinagres), a de Oxigalicia S.A (metalurxia), a de Blasco S.A. (tapizarías de mobles), a de Antonio Pardo Reboredo e Joaquín Pinto Camino (fábrica de mobles de madeira), a de Nicolás Gil Blanco (frigorífico), a de Alimentos de Galicia S.A. (conservación de alimentos) e o Colexio Nacional de E.X.B. Carrero Blanco (con obra rematada mais sen ser inaugurado). En terminación de obra estaban Rioblanco S.A. (fabricación de augas tónicas Schweppes) e Carbónica Coruñesa S.A. (augas gaseadas), Intelsa (produción de cadros de centrais telefónicas, con 1000 postos de traballo), a de Anjoca S.L. (fabricación de prefabricados de madeira) e a de José Gonzalez Gómez (metalurxia). En execución de obra estaban Fernando Rey Sousa (auto-escola), José Somoza Ares (materiais de construción), Industrias Rolen S.L. (fariñas de pescado), Tecnograsa (graxas animais) e Minas de Lanzós S.A. (separadora de minerais).


Vista aérea da factoría da Schweppes recén inaugurada. Na parte superior da imaxe vense as aldeas do Rañal e as últimas casas da desaparecida aldea da Pedreira

   Outras adxudicacións outorgadas naqueles primeiros meses de 1973 ou en trámite foran, entre outras, a de Bandas en Frío S.A. (laminados), Proasa e Piensos del Sil (ambas de pensos compostos), Cocorase (razas selectas), Leyma (leite, natas, queixos e derivados), Manuel Pereira Landeira, Luis Rey García, Juan Pan López e Raúl Mosquera Pérez (ramo do metal, todas elas), Javier Perillán Sarandeses (fabricación de mobles metálicos), Carlos Fernández Taboada (fabricación de mosaicos e terrazos), Máximo Jorge Sanz Valdés (aparellos publicitarios), Trolebuses Coruña-Carballo S.A. (transportes colectivos), José Morgade (industria hostaleira El Gallo de Oro), Xefatura Provincial de Tráfico (pista e aulas de exames), varias autoescolas, Delegación Provincial de Industria (verificación de vehículos) ou a de José Yepes Vargas (conservación de alimentos).

   Amancio Ortega aínda non aterrara en Sabón. Faríao en 19766, que foi cando instalou en Arteixo GOA e Samlor, as primeiras fábricas de ZARA no polígono. Co pasar do tempo, o seu grupo INDITEX chegaría a ocupar 1.000.000 de metros cadrados dos 2.403.580 úteis con que conta a zona industrial e acabou por se converter, alén disto, nunha das primeiras marcas mundiais, no motor económico e no máximo exponente de Sabón. 

   Para saber un chisco máis como foron aquelas expropiacións para a construción do Polígono de Sabón, no documental "12 Leiras", da autoría de Xosé Antón Bocixa e dun servidor, varias persoas afectadas de Arteixo contan o que supuxo para elas e as súas familias a chegada da industria naqueles anos 60. Podes ver o documental aquí:



______________

1 Aprobacións inicial e provisoria, respectivamente.

2 Moi poucos terreos figuraban inscritos.

3 A cota máis alta do Polígono .

4 1972 .

5 A carón do restaurante El Gallo de Oro.

6 Ao ano seguinte de abrir a súa primeira tenda na Coruña.



 

3 comentarios:

  1. A verdade e que axudou o crecemento de Arteixo, pero que o financiaron unhos poucos veciños.Bo artigo, Xabier!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moita da información que teño sobre o polígono conseguina nesas escrituras antigas de propiedade que todos temos na casa. De seguro que ti (como eu, neto de expropiados) terás algúns deses tesouriños no faiado da túa casa. Xa me contarás. Saúdos!

      Eliminar