domingo, 26 de novembro de 2023

O RAÑAL DA MIÑA INFANCIA (2ª PARTE)

Continuando co traballo iniciado a semana pasada, nestas Crónicas de Arteixo seguimos publicando a colección de fotografías que nos cederon no Arquivo do Reino de Galicia e que seguiremos compartindo con todas e todos vós ao longo das vindeiras semanas... unhas fotografías dos anos 70-80 que amosan o Rañal da infancia dun servidor!

Casa de Antonio de Fernando e Salomé
Casa dos de Fernando
Casa vella dos do Bichelo
Casa nova dos do Bichelo
Chabola de Ton
Casa dos de Abeleira
Casa de Dans e Chucha. A parte inferior era o "Bar Playa"
Casa de Eduardo e Lola. Á dereita, a chabola de Modesto
Casa dos do Xastre
Casa de Antonio "Batán" e Manola
Casa dos de Xaquín

domingo, 19 de novembro de 2023

O RAÑAL DA MIÑA INFANCIA (1ª PARTE)

Dende que abrín estas Crónicas de Arteixo alá por setembro de 2014, algún que outro veciño da miña aldea do Rañal sempre que pode tírame das orellas con certa retranca decindo que pouco ou nada publico neste espazo sobre o meu lugar de nacemento. Se cadra non lle falta razón mais, nestos máis de nove anos que xa ten de vida este espazo, publicamos máis dunha ducia de historias rañalesas que imos ampliar agora cunha serie de fotografías que nos cederon no Arquivo do Reino de Galicia e que compartiremos con todas e todos vós ao longo das vindeiras semanas... unhas fotografías dos anos 70-80 que amosan o Rañal da miña infancia!

Casa nova e casa vella dos de Tiso
Casa vella dos de Tiso
Casa do señor Manolo de Santiago e da señora Carme
Casa vella dos do Coireiro
Casa nova dos do Coireiro
Casa de Quico e Maruja de Pichel

Casa de Milio e Carme do Touciñeiro
Casa de Enrique e Carmiña
Casa nova dos da Leiteira
Casa vella dos da Leiteira
Casa dos de Bastón e, á dereita, casa vella dos da Leiteira


domingo, 12 de novembro de 2023

A TELLEIRA DE ARMENTÓN E OS BARREIROS DE MONTEAGUDO

  Ata hai relativamente poucos anos, antes de que se axilizaran os transportes e as comunicacións, practicamente a totalidade das materias primas procedían da contorna na que traballaban os artesáns, feito que limitaban as súas posibilidades ao que encontraban ao seu arredor e que condicionaba o proceso de fabricación e o acabado final dos seus produtos. 

 O barro, a auga e a leña (produtora do lume) eran elementos comúns e accesibles en boa parte das zonas do país. Deste xeito, ante a necesidade de útiles para a vida cotián e de dous elementos imprescindibles na construción de vivendas como eran o ladrillo e a tella, as olarías e as telleiras artesanais proliferaron ao largo e ancho de Galicia para fabricar todo tipo de cerámica. De seguro que este foi o momento do nacemento de topónimos como “oleiros” ou “telleira”, moi presentes en toda a xeografía galega.

  E como non podía ser doutro xeito, no municipio de Arteixo, concretamente na parroquia de Armentón, hai un lugar que se chama A Telleira, obviamente referido a unha instalación con forno onde antigamente se fabricaron tellas e ladrillos. 

 


Panorámica do lugar da Telleira, parroquia de Armentón

   Ademais, sabemos da existencia doutro lugar co mesmo nome na parroquia de Oseiro, no actual Polígono Industrial de Sabón, que estaba na zona que hoxe ocupan as instalacións da Leyma.

   Na parroquia de Larín temos localizada outra telleira da que nos fala Sebastián Miñano y Bedoya no seu Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, magna obra composta por once volumes que foi publicada entre 1826 e 1829:

  “Esta parroquia (Larín) y la citada de Armentón componen el coto llamado de Anzobre, cuya jurisdicción fue del señor conde de Jimonde, y en ambas conocen a prevención el juez de Bergantiños y alcalde mayor de la Coruña. Produce 675 fanegas de trigo, 975 de maiz, 15 de centeno, 15 de cebada, 75 de habas, 7 ½ de avena y 1600 arrobas de patatas. Hay bastante arbolado, y su industria consiste en 8 molinos de agua, 1 batán, 4 telares y una fábrica de teja.”

   No que se refire á que houbo na parroquia de Armentón, a mesma que quedou reflectida co microtopónimo A Telleira, non temos información algunha dos anos que funcionou como tal, mais grazas a uns documentos do século XVII que localizamos no Arquivo do Reino de Galicia, sabemos que fornecía ao convento dos agostiños de Caión antes de 1772, que foi cando estos freires abandonaron a vila mariñeira e se estableceron no barrio coruñés da Pescadería (a día de hoxe a Praza e o Mercado Municipal de San Agustín da cidade herculina seguen mantendo viva a memoria desta orde relixiosa).

   Todas as telleiras precisaban un lugar onde extraer a materia prima para a posterior fabricación das tellas e dos ladrillos. Falamos dos chamados barreiros que, no caso da telleira de Armentón, estaban nas proximidades como así o reflicte, unha vez máis, a toponimia. Non deixa de ser curioso e significativo que a día de hoxe existan nesta zona da que estamos a falar dúas entidades de poboación coa denominación Os Barreiros, unha na parroquia de Monteagudo, onde está a Área Recreativa do mesmo nome, e outra na parroquia de Armentón, entidades que están separadas polo rego dos Barreiros (segundo María Rozamontes máis arriba chamado Ibia ou Río Xordán).

 


Lugar de Barreiros, parroquia de Monteagudo

Área Recreativa de Barreiros

    Eses documentos consultados no Arquivo do Reino de Galicia, que nos axudou a interpretar o prezado Marcos Emilio Amado Casdelo, é a resolución dun litixio do convento de Santo Agostiño de Caión contra un tal Juan Calvete e a súa muller “por una poca teja”, preito que levou o xuíz de Anzobre por agresión e impago e no que, entre outras cousas, dise que “(…) llegaron a la telleira de los Barreiros a buscar una poca de teja con unos carreteros”1

 

   Velaí está a telleira da Telleira!

   Ata a semana que vén!

__________

1 Vid. Arquivo do Reino de Galicia. Sinatura 1511-14.

xoves, 2 de novembro de 2023

ANSELMO PARDO E A BALEA VARADA EN BARRAÑÁN EN 1957

  Hoxe queremos homenaxear a unha das fontes orais deste espazo, a Anselmo Pardo, gran tecedor de relatos que nos deixou recentemente. 

   No seu domicilio de Sorrizo, Anselmo e a súa dona Luisa Fuentes recibiron, en non poucas ocasións, a quen escribe sempre coa maior das amabilidades ao tempo que abrían a cancela da súa memoria. Fantásticos paseos, abofé! Alí souben do 'Arctic', o barco belga naufragado no areal do Reiro en 1938; da historia de Sofia Baridó Schneider, avoa de Luisa; do cemiterio protestante de Arteixo e doutro feixe de contos, entre eles o da balea que varou en Barrañán en 1957, da que o Anselmo gardou na súa casa ata o último dos seus días un óso de máis de dous metros. Co humor e a retranca que o caracterizaban, en abril do 2012, cando estabamos preparando o libro O mar de Arteixo e os seus naufraxios, recordaba:

  "A balea penso que debía ter máis de vinte metros de lonxitude e varara xa medio apodrecida, nas Pedras do Esteiro. Eu daquela vivía en Chamín coa miña nai e meus irmáns, aínda era solteiro e xa estaba libre de quintas. Lembro que durante dous días uns operarios despezaron a carne, e que despois a transportaron en camións ata un curtidoiro, que seica había en Sofán. Durante eses días, por Barrañán, Chamín e Santaia ninguén paraba co cheirume. Era unha cousa nauseabunda. Mais aínda así, achegárase moita xente ata o areal para ver a balea. Algúns veciños, ao irse desfacendo pola parte da cauda, apañaron ósos das vértebras, para utilizalos como asentos. Eu apañei un, da parte dianteira, duns tres metros que aínda tiña algunha carne. Cando cheguei con el á casa, miña nai case me bota dela por causa do cheiro".                                      

  No sábado 16 de novembro de 1957, cando todo o mundo falaba da morte da cadela "Laika", pola falta de osíxeno na súa viaxe espacial a bordo do "Sputnik", El Ideal Gallego recollía nas sús páxinas, a información da balea varada en Barrañán e advertía que tiña espetados dous arpóns, que foran lanzados por un barco estranxeiro. Mesmo na semana antes, no domingo 10, o xornal coruñés daba conta da mesma balea, publicando na súa páxina dedicada ao porto, a seguinte información: 

AVISO A NAVEGANTES 

A 250 grados del Cabo Prior y a seis millas, se encuentran restos de ballena. Se comunica por si algún pesquero los quiere recoger. 

El Ideal Gallego tamén informaba no sábado 16 que " para evitar su total descomposición, será quemada con gasolina", mais o persoal da Comandancia e algúns veciños, que axudaron levando leña ata a praia, non foron quen de queimala. Segundo nos contara no seu momento Anselmo Pardo, "houbo persoas que pagaron por enterrala, pois o cheiro seguía sendo insoportable". Pardo, coa súa habitual retranca, falounos da utilidade que lle dera ao óso que extraera da balea:  

"Cando cheguei con el a casa e despois de que miña nai me quixese botar dela polo cheiro, eu díxenlle que o óso había de ser a miña herdanza, e que para onde eu fose, había de ir comigo. Cando me fun da casa, ao casar en Sorrizo, díxome que non me esquecese de levar a miña herdanza. Mais antes disto, diante da casa da miña nai fixéramos un alpendre, e utilizáramos este óso como pilar para termar dunha viga. Ao meu irmán e a min, non me digas o por qué, ocorreusenos plantar unha verza dentro del...e Meu Deus!, como medraba!. Anos máis tarde, co alargamento da estrada de Caión, tivemos que retirar o alpendre e xa foi cando trouxen o óso para Sorrizo, cando casei, polo que hai máis de cincuenta anos que o teño".

Anselmo Pardo no 2012, amosando un óso dabalea varada en Barrañán en 1957
                                      
     O feito de que esta balea varase neste lugar, tan perto das vilas de Caión e Malpica, onde os seus mariñeiros se dedicaron á pesca de cetáceos durante séculos, semellaba unha cousa simbólica, como se se quixesen rememorar tempos pasados, tempos nos que os mariñeiros destas dúas vilas, cunha audacia extraordinaria, eran admirados en Europa.

D.E.P., Anselmo!