venres, 31 de marzo de 2017

CARTA A PACO SOUTO

     Aínda incrédulo diante da túa perda, curmán...aínda co corazón roto, compañeiro...vencer esta pena inmensa que sinto, esta tristura infinita, esta rabia, este nudo na gorxa, esta dor...non ha de ser doado mais, con todo, sempre nos quedará a túa palabra e o teu exemplo de ser excepcional, o exemplo dun ser humano bo, leal e xeneroso.

  Aínda non podo crer que o mar che fixera isto, ese mar ao que tanto lle tes escrito, ese mar do que dicías que sopraba azul e que abaneaba as follas dos carballos mentres paseabas silencioso ao compás do recordo. "O mar levou ao máis sublime dos versos: ao Paco Souto real, suxeito irrepetible", escribiu hoxe a nosa prezada amiga Rosalía Fernández Rial, chorando a túa ausencia.

  Nunca esquecerei as nosas longas conversas sobre as tres familias que compartimos, a familia nacionalista, a familia da escrita e o noso parentesco familiar, parentesco do que un día che falou túa nai Mucha e ningún dos dous sabíamos del..."Xabi: acabo de enterarme que somos terceiros curmáns" ¿Lémbraste daquela chamada? Aínda nos botamos unhas risas con iso. Tamén te as cando che dicía que eras arteixán de Oseiro, coruñés de Monte Alto, malpicán de adopción e galego de corazón ¿Lembras?
 
   Que baleiro tan grande vas deixar no país Paquiño. Perdemos un home de acción, unha persoa  comprometida de verdade, sempre disposto a axudar, sempre na loita, sempre na defensa das inxustizas, sempre con sorrisos, sempre con bos consellos, sempre con boas iniciativas, sempre dando ese empurrón necesario para perder o medo a voar. Contigo, prezado compañeiro, este mundo era máis amable, máis xusto e agora é un lugar máis inhóspito que ennegreceu coa tristura inmensa que provocou o golpe de mar que che segou a vida.

     Que a terra che sexa leve, Paco!

     Quérote!

     O teu curmán  Xabi

 

BIOGRAFÍA DE PACO SOUTO


  
Paco Souto (imaxe de DistritoXermar)
   A Coruña, 1962. Coeditor de Letras de Cal e dos cartóns Edicións do Dragón, onde publica con Adriana Castro Dous Bocetos e con Fran Alonso e Miro Villar A rota dos Baleeiros. Autor da peza teatral "Amar non ten Laranxas" nos Cadernos da E.D.G. 1994. 

     Ten, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María, ambos publicados por Espiral Maior. Participa en exposicións colectivas e individuais, ilustra libros e colabora en diversas montaxes teatrais. 

     Desde 2006 conduce un programa de literatura en Radio Roncudo, a única radio libre da Costa da Morte. En 1993 realiza xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América, no 2001 crea Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizan Como augas de maio, e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A.C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reúne pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira.

     Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á musica e a fotografía de Peter Schneider asina Tempo escuro. No 2015 publica Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editan o CD Proxecto Barro parte dun espectáculo multidiscipilar que clausurou a Mostra da Oleiría de Buño dese ano.

     Dirixe con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón, onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas.

     No 2016 publica e Caín, poemario co que a editora Laiovento iniciou a súa colección de poesía Ventoalto.


FONTE: AELG (Asociación Escritoras/Escritores en Lingua Galega)

venres, 24 de marzo de 2017

O "CAFÉ BERÁN" DA BAIUCA E A SOCIEDADE "EL ALBA"

     A finais do século XIX, Maximino Rodriguez González abandonaba a súa parroquia natal de San Breixo de Berán, no concello ourensán de Leiro, para residir en Arteixo, lugar no que non tardaría moito en abrirse camiño entre o ambiente caciquil que predominaba a política municipal naquela hora grazas, principalmente, á colaboración do seu tío materno D. Florencio González Pérez, o cura da parroquia de Santiago de Arteixo por aqueles tempos.

     Segundo conta Manuel Blanco no seu traballo Arteixo durante la II República y la Guerra Civil, Maximino probablemente quedou orfo de pai relativamente mozo, o que fixo que buscara protección e amparo no seu tío cura (un curmán de Maximino, Florencio González Soto, tamén sería cura entre os anos 20-30 da parroquia de Santa Mariña de Lañas). Polo ano 1895 xa figuraba como residente no noso concello, e o 13 de xuño de 1899 contrae matrimonio con María Mosquera Rapela, filla de José Mosquera Díaz, alcalde de Arteixo en dúas ocasións (1885-1890 e 1901-1902). Nos padróns municipais figura coa profesión de perito agrícola e tamén como industrial, isto último debido a que establecera na Baiuca un bar coñecido como o Café Berán, nome da súa parroquia natal.
Lugar onde estaba o Café Berán
   Ao pouco de que Maximino González abrira o seu establecemento, na Baiuca tamén se constituía a Sociedade de Recreo y Expansión "El Alba", unha entidade que no primeiro punto dos seus estatutos apuntaba que nacía para "el posible mejoramiento de costumbres y desarrollo físico de los socios, que podrán expresarse indistintamente en castellano o gallego, siempre en frases correctas y sin emplear interjecciones indecentes o indecorosas y menos sacrílegas".

     A Sociedade El Alba convertiríase, durante os anos vinte e trinta do século pasado, no motor cultural de Arteixo, organizando numerosos eventos deportivo-culturais como algún dos primeiros partidos de fútbol xogados na vila, desputados nun campo que había no Monte da Penouqueira, bailes e representacións teatrais que se desenvolvían no Café Berán, a sede social da entidade, e que eran acompañados musicalmente polo piano que con gran pericia musical tocaba Manuel Fernández Llamazares, o farmacéutico da localidade por aqueles anos. Un exemplo desta actividade da Sociedade El Alba aparece nas páxinas de La Voz de Galicia en abril de 1934:

     "Con un atrayente programa, integrado por los regocijantes diálogos gallegos Mal de moitos y Trato a cegas, y el pasillo cómico, en un acto, Vaites...vaites...! tendrá lugar el sábado, 28 del corriente, a las nueve y media de la noche, una velada teatral, a cargo de los distinguidos aficionados que componen el cuadro de declamación de la Sociedad El Alba, de este pueblo. Les auguramos un éxito, y es indudable que el local social será reducido para tanto público como acudirá a presenciar la actuación de tan aplaudido grupo artístico. (...) El Domingo, día 29, se celebrará en esta villa un interesante partido de fútbol entre los equipos reservas de Meicende F.C. y del titular de esta localidad. Acompañando al equipo de Meicende vendrán numerosos aficionados. El partido será amenizado por una afinada charanga de esa capital, celebrándose al final un animado baile en el elegante salón del café Berán, hasta las doce de la noche, contando los forasteros con servicio extraordinario de coches entre este pueblo y esa localidad".

     Ao remate da Guerra Civil, El Alba desaparecía como tal, mais, algúns anos máis tarde, moitos dos seus integrantes crearían unha nova sociedade na Baiuca: a S.R.D. Penouqueira. O café Berán continuaría coas portas abertas, aínda que en 1939 habería cambios: Maximino Moreiras González, fillo de Jesús Moreiras e de Josefa González Més, e a súa muller Manuela Vázquez convertiríanse nos novos responsables do negocio, abrindo ao lado do bar unha panadería. A partir de aí a actividade do Berán iría decaendo pouco a pouco ata cederlle definitivamente o testemuño aos salóns de baile, que irían xurdindo por todo o concello.

                                                    
FONTES:
- Reglamento de la Sociedad titulada El Alba, 11 de setembro de 1924
-BLANCO REY, MANUEL. Arteixo durante la II República y la Guerra Civil. Arteixo, 2008
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER. De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam. Edicións Embora. Ferrol, 2014



venres, 17 de marzo de 2017

MARIBEL OTERO, A ARTEIXÁ CAMPIONA DE ESPAÑA DE HÓCKEY SALA


Imaxe de Maribel Otero nos anos 50

   Hai unha fotografía que se está a converter nun verdadeiro icono do Arteixo dos 50. Fálovos dunha imaxe tomada no Monte da Penouqueira na que podemos apreciar o pouco que tiña que ver a vila do Bolaños daquela hora coa de hoxe.  

     No primeiro plano desa foto aparece unha moza da Baiuca de trece anos. Trátase de María Isabel Otero Iglesias, máis coñecida polo apelativo de Maribel, unha muller que, andando no tempo, convertiríase na primeira arteixá que conseguiu, formando parte do Santa Lucía da Coruña, un título estatal nun deses deportes minoritarios que pouco ou nada saen nos medios de comunicación e que berran ben alto que hai vida máis aló do fútbol!

     Todo empezara oito anos despois de tomar aquela foto no monte da Penouqueira. Maribel era, por aquel entón, unha linda señorita de 21 primaveras que empezara a traballar en Isolux, a empresa na que permanecería ata a súa xubilación. A nosa protagonista tiña alí unha compañeira que xogaba ao hóckey, deporte que esta abandonaría por motivos familiares e, ao facelo, propúxolle a Maribel que ocupara o seu lugar no equipo..."na miña vida oira falar de tal deporte; e cantos momentos bos pasei grazas a él".

     O hóckey herba tivera os seus inicios na Coruña nos anos 30 grazas a un grupo de mozas da burguesía herculina, capitaneado por Maruca Allones, que tiveran o empuxe e o apoio suficientes para formar en 1933 o primeiro equipo feminino da cidade coruñesa: o Ártabro Hóckey Club. A Guerra Civil acabaría coa aquela efervescencia do deporte do stick e non sería ata os anos 50 cando voltaría a rexurdir con forza grazas ao Saeta, un cadro herculino que tamén conseguiría tulos a nivel estatal en herba e sala, as dúas modalidades do hóckey. E xa nos 60 sería o Centro Cultural Deportivo Santa Lucía a entidade que mantivo en auxe esta disciplina, que precisamente sería o equipo ao que chegaría Maribel trala proposta da súa compañeira de traballo.

      As casualidades da vida farían que alí, no Santa Lucía, se encontrase con Ana, unha amiga da infancia que era filla de Carlos del Río Troche e Laura Doldán Rivas, matrimonio que levara a administracción do Balneario de Arteixo desde finais da década dos corenta ata 1962, e tamén con Ana Pardo, unha rapaza de orixe arteixá xa que a súa avoa paterna e seu pai, que era curmán da nai de Maribel, vivían na capital do noso municipio. A parte de Ana del Río e Ana Pardo, outras xogadoras do Santa Lucía foron Elena, Marita Rey, Nela Souto (estas tres chegarían a ser internacionais), Mari Paca, Rosa Mari, Tita, Charo, Moncha Tilucha, Mucha, Daris, Fely, Fina, Lidia, Maru...unhas rapazas que naquela altura estiveron dirixidas por adestradores como Daniel Iglesias, Carlos Morán, José Luis Lago ou Chicho Faraldo, e que xogaban ao hóckey herba e ao hóckey sala..."con dous equipos de sala facíamos un de herba, pero iso sí, tiñamos que estar federadas nas dúas modalidades", lembrábame recentemente Maribel no café Barr de Arteixo, lugar onde por certo podedes ver esa foto de cando tiña 13 anos e tamén un cadro da súa autoría da Baiuca dos 50.
Maribel Otero, primeira pola dereita da fila inferior, e Ana del Río, segunda pola esquerda da superior, formando parte do Sta. Lucía de hóckey herba
    

     O Santa Lucía convertiríase, ata a irrupción nos anos 80 do Liceo, na primeira entidade deportiva da cidade da Coruña ao proclamarse campión de España de hóckey sala ata en cinco ocasións, éxitos acadados nas tempadas 1966/67; 67/68; 68/69; 70/71 e 71/72, ademais de ser subcampión na campaña 1969/70...un palmarés impresionante que, ao resto de equipos, lles resultaba incomprensible como o podían conseguir xa que só lle adicaban unhas horas de adestramento á semana e, por riba, nunhas instalacións pouco propicias como eran as dos colexios Eusebio da Guarda e Santa María del Mar.

Maribel, abaixo a primeira pola esquerda, coas súas compañeiras na recepción oficial en María Pita trala consecución dun dos títulos que obtivo o Santa Lucía. No centro da fotografía aparece Demetrio Salorio, alcalde de A Coruña naquela altura
    Maribel Otero pouca ou ningunha importancia lle da ao conseguido naqueles bonitos anos da súa xuventude nos que o equipo do que formaba parte xogaba... "con alegría e deportividade, e ademais pasámolo moi ben nas viaxes que realizamos por boa parte de España". Mais, a pesar de que sempre que falo con ela intenta restarlle trascendencia ao seu exitoso pasado co stick, o certo é que foi a primeira muller de Arteixo que conseguiu, formando parte daquel Centro Cultural Deportivo Santa Lucía hoxe desaparecido, un título estatal no mundo do deporte...foi a nosa primeira campiona!




venres, 10 de marzo de 2017

ALEX LOMBARDERO, O CAMPIÓN DO MUNDO DE OSEIRO

     En ocasións, o fútbol vólvese tan desalmado como a existencia de calquera. Se cadra porque o chamado deporte rei tamén consista non perpetuo desencontro ou, acaso, porque neste xogo todas as nosas esperanzas convírtense tarde ou cedo en torpes verdades ou, tal vez, porque ninguén, en ningunha das realidades, fútbol e vida, sexa quen de prever que a mala sorte poida cruzarse no risoño destino de un. Así lle aconteceu ao protagonista desta historia, a quen os infortunios da vida levaríano a retirarse dos terreos de xogo con tan só 27 anos por mor dunha extraña enfermidade dexenerativa.

     Fillo do leonés José Antonio Lombardero e da asturiana María Luisa Menéndez, que chegaran a Arteixo nos anos 70 por motivos laborais procedentes de Madrid, Álex daríalle as primeiras patadas a un balón nas rúas da Urbanización Sol e Mar de Oseiro, o lugar no que se instalara a familia despois de residir durante un tempo na parroquia de Loureda. 

     Nado o 1 de marzo de 1979, dende moi meniño xa apuntaba maneiras e víase que tiña unhas innatas condicións para a práctica do fútbol, condicións que non tardarían en despertar o interés de varios equipos da Coruña, sendo o Montañeros o que finalmente se faría cos seus servizos. De aí pasaría ao Imperator, cadro co que quedaría imbatido, tanto no campionato ligueiro como na Copa, e co que se proclamaría campión galego xogando ao carón de seu irmán Óscar, un ano máis novo que el. Aqueles son tempos nos que o rapaz da popular barriada de Oseiro empezaría a contar tamén coa confianza dos técnicos da selección coruñesa, Cedeira e Agulló, e o da galega, Fernando Blanco, quenes o citarían de xeito habitual para os compromisos nos diferentes torneos das categorías inferiores. O bo facer de Álex tampouco pasaría desapercibido para Teodoro Nieto, responsable da selección española Sub-15, que convocaría ao arteixán para participar en Francia no Torneo Mundial de Montaigu disputado en abril de 1994 onde, os da camiseta vermella, quedarían clasificados no sétimo lugar. 

     Posteriormente, nun abrir e pechar de ollos, Lombardero abandonaría o Imperator e probaría fortuna en Xixón, a cidade natal de súa nai María Luisa, onde forma parte do plantel do cadro xuvenil de primeiro ano do Sporting. Alí, os responsables de Mareo, vendo que ese equipo quedáballe pequeno, subiríano de contado ao da División de Honra, no que Álex nunca se sentiría o suficientemente cómodo e, por iso, acabaría recalando nos xuvenís do C.D. Lugo na tempada 1996/97.

     A chegada á cidade das murallas cambiaría, e de que xeito, a vida do fillo maior de José Antonio e María Luisa, un rapaz que sendo aínda xuvenil debutaría en Segunda División B co primeiro equipo na primeira xornada da campaña seguinte, nun partido que os lucenses empatarían a un gol no Anxo Carro contra o Real Madrid B. Gonzalo Edrosa, técnico do Lugo naquela altura, seguiríalle dando confianza ao mozo de Oseiro que, ao longo desa tempada disputaría en Segunda B un total de 26 partidos nos que anotaría 5 tantos. Álex tamén debutaría por aqueles días, o 2 de outubro de 1997, coa selección española Sub-18 da man de Andoni Goicoetxea en partido correspondente de clasificación para a Eurocopa no que España acadaría unha victoria frente a Bélxica por 2-0. O noso futbolista marcaría o primeiro gol e sería sustituído por Mario Alberto Rosas no minuto 75. Unhas semanas máis tarde, o 5 de novembro, anotaba o segundo tanto na victoria por 0-2 ante Bélxica e, o 20 dese mesmo mes, xogaría 75 minutos de titular no triunfo ante Italia por 1-3. Nesa Eurocopa, na que faría boa amistade con Puyol, o futuro capitán do F.C. Barcelona, Lombardero proclamaríase máximo realizador do campionato empatado a goles co italiano Fabrizio Miccoli, co tempo dianteiro da Juventus, da Fiorentina ou, entre outro clubes, do Benfica. Naquela campaña 97/98 Álex tamén formaría parte da selección española Sub-18 que se enfrontou en partido amigable á Francia dos Thierri Henry, Anelka, Trezeguet e compañía con motivo da inauguración do estadio de Saint Denis o 28 de xaneiro de 1998 e, un mes despois, viaxaba a Uruguai para disputar o Mundialito Álvaro Fabián Perea Barrospe baixo as ordes do adestrador Iñaki Sáez.

     Vendo o prometedor futuro da xoven estrela, a directiva do Lugo ofreceríalle por aqueles días o seu primeiro contrato profesional, establecendo unha escandalosa cláusula de rescisión de 500 millóns das antigas pesetas, contrato que Álex asinaría converténdose no primeiro xuvenil en ter unha cláusula tan elevada.    

Álex Lombardero, primeiro pola dereita, en Nixeria
   O centrocampista de Oseiro segue entrando nos plans do técnico do Lugo, Gonzalo Edrosa, durante a tempada 98/99 na que xoga en 31 partidos e anota dous tantos. O seu gran desparpaxo, velocidade e desborde confirmaban en cada partido que o equipo lucense tiña nas súas mans un verdadeiro diamante en bruto, bo facer que o levaría a recibir a chamada da selección española Sub-20 de Iñaki Sáez, para xogar o Torneo Atlántico nas illas Canarias en xaneiro de 1999 e, pouco despois, a disputar en Nixeria o Mundial da categoría durante o mes de abril xunto a nomes tan importantes como Iker Casillas, Aranzubía, Xavi Hernández, Marchena, Yeste, Gabri...Mundial no que tamén xogaron tipos como Ronaldinho, Simao, Ashley Cole, Milito, Cambiasso ou Forlán. Álex Lombardero, que vestía o dorsal 14 no campionato, non xogaría no debut ante Brasil (2-0), disputaría 18 minutos ante Zambia (0-0), a segunda parte frente a Honduras (3-1) e non sairía en octavos ante Estados Unidos (3-2). Iñaki Sáez daríalle a oportunidade na prórroga dos cuartos de final ante Ghana, partido no que o centrocampista arteixán anotaría o segundo penalti da tanda, tralo empate a un final. Despois de gañar a Mali en semifinais e golear a Xapón na final, choques nos que o noso protagonista non participaría, España coroábase campiona do mundo, que significaba o maior éxito do fútbol base estatal en toda a súa historia e que marcaría un antes e un despois no balompé, ao demostrar que os xogadores de estatura baixa como Xavi Hernández ou o propio Álex Lombardero tiñan cabida na elite dando paso ao chamado tiquitaca..."el fútbol se juega con los pies, y si yo pienso más rápido que tú y entre mi cabeza y mis pies el balón está más cerca de mi solo puedes correr detrás. Al fútbol se juega por el suelo", afirmaría Xavi ao longo da súa carreira ducias de veces.

Álex, co dorsal 14, celebrando cos seus compañeiros o título mundial Sub-20
   A partir de aquí, ao arteixán abriríaselle un mundo e tería a sorte de palpar, mínimo, dúas opcións polas que decantarse. Mais ás veces por sensibilidade, ás veces por confusión, case nunca escollería a adecuada. Á volta de Nixeria e unha vez rematada a tempada co Lugo, o presidente do Mérida, José Fouto, persuasivo como poucos, rescátaoo do océano de ofertas que rondaban ao xogador de Oseiro, un futbolista que tivera contratos económicos moi superiores enriba da mesa, mais que se decantaría polo cadro extremeño de Segunda División porque creía que sería mellor trampolín para a súa carreira. De entrada parecía non equivocarse. Paco Herrera facíao debutar na categoría de prata na primeira xornada no partido Leganés-Mérida (1-1) e, ao longo do curso, disputaría un total de 26 partidos nos que anotaría tres tantos contra o Tenerife, Recreativo de Huelva e Las Palmas. Lombardero tamén debutaría naquela tempada 1999/00 na selección Sub-21 xunto ao seu compañeiro Unai e, pouco despois, entraría na preselección para as Olimpiadas de Sídney 2000. A campaña en Segunda co Mérida, do que a partir da xornada 15 se fixera cargo Juan Señor, estaba sendo espectacular e ata acadaría os cuartos de final da Copa do Rei, o teito dos extremeños na competición do KO. Despois de eliminar ao Talavera, Betis (0-1 en Sevilla con gol de Álex), e ao Oviedo, o Real Madrid cruzaríase no seu camiño, un equipo branco que se clasificaría para semifinais inxustamente. No Santiago Bernabeu, onde o arteixán entraría na segunda parte, o Mérida daríalle un baile considerable aos Casillas, Salgado, Hierro, Roberto Carlos, Guti, Raúl e compañía quenes, con todo, acabarían gañando por 1-0 e, en Mérida eliminarían aos locais na prórroga. A aquel mazazo copeiro dos extremeños habería que sumarlle outro máis, xa que perderían o ascenso á Primeira División na última xornada do campionato ligueiro no Vicente Calderón ante o filial do Atlético Madrid. Rematada a competición, as cousas empezaríanse a torcer xa que a maioría dos seus compañeiros denuncian ao clube por impagos. Él decide non facelo e non romper a súa vinculación co Mérida, que acabaría desaparecendo. O futbolista de Arteixo non cobrou o que se lle debía e, por ter contrato en vigor cun equipo en proceso de liquidación, sufre inconvenientes burocráticos que lle impedirán xogar boa parte da tempada seguinte, a pesar de ter un acordo co Betis.

Álex coa camiseta do Atlético de Madrid
     Despois disto, empeza a adestrar co Atlético de Madrid no primeiro ano dos atléticos en Segunda e, tras disputar un partido amigable na pretempada, Paolo Futre, que naquela hora era o director técnico, dille que vaia ás oficinas do clube porque o quere a toda costa. Mais, despois de asinar co Atlético, Álex segue sen poder xogar por mor do problema dos seus dereitos federativos e, finalmente, remataría aquela campaña 2000/01 xogando once partidos en Segunda B co filial ao mesmo tempo que adestraba con Marcos Alonso no primeiro equipo colchoneiro, onde coincidiría cun tal Fernando Torres, daquela un rapaciño de 16 anos. Nesa altura, o lendario presidente Jesús Gil quixo atar a Lombardero cun contrato de longa duración, oferta que o centrocampista de Oseiro non aceptaría porque non estaba pola labor de arrancar outra vez dende o Atlético B e marchou cedido ao Ceuta. 

     Alí, no conxunto do norte de África, con Carlos Urúe no banco, xoga 22 partidos e proclámase subcampión do grupo IV da Segunda B, bo facer que chamaría a atención do presidente do Compostela, José María Caneda. Naquel intre xa había rumores de que o equipo de Santiago tiña grandes problemas económicos, mais Álex fíase de Caneda, quen lle di que se tranquilice e que se esqueza das informacións que aparecen nos medios. "Nada máis asinar, vai e desaparece o clube. Non cheguei nin a adestrar", lembraba recentemente o futbolista arteixán quen, a falta dun día para que se pechara o mercado de fichaxes, se decanta polo Díter Zafra, mais non tardaría en asinar un precontrato co Racing de Santander. Cos extremeños Álex disputaría 31 partidos nos que anota tres tantos, cifras que non evitarían o descenso do Díter á Terceira División.

     Na seguinte tempada, a 2003/04, xoga no Racing de Santander B, onde intenta apurar as súas derradeiras opcións de chegar á Primeira División. Álex, que acabaría disputando 34 partidos en Segunda B nos que anota cinco goles, empeza a campaña realmente ben e as súas boas actuacións co filial racinguista non pasarían desapercibidas para Lucas Alcaraz, que o fai adestrar habitualmente co primeiro equipo. Mais, cando parecía que o seu soño de debutar na máxima categoría estaba cerca, o seu rendimento baixa de xeito esaxerado quedando, unha vez máis, ás portas de Primeira. 

     Tralo paso fugaz por Santander, Lombardero acaba na tempada seguinte no Alavés que, naquela hora, xogaba na Segunda División con futbolistas da talla de Bonano, Téllez, De Lucas, Bodipo ou Nené, que non tardaría en asinar co PSG, futbolistas que ao remate da campaña acadarían o ascenso á Primeira. O arteixán só participa en dous partidos, o disputado en Mendizorroza na primeira xornada contra o Valladolid (2-4) e o da sétima, tamén na casa, contra o Pontevedra (3-2). Ante a falta de oportunidades ao longo do campionato, no que empeza a ter contínuos problemas físicos que lle impiden rendir como o facía antes, pídelle ao presidente da entidade, o extravagante Piterman, saír do equipo porque ten a posibilidade de ir xogar a China, opción que quedaría descartada polo rexeitamento de Piterman, feito que levaría a Álex a rematar a campaña no equipo filial, o Alavés B, con quen xoga trece partidos no grupo II da Segunda B e marca un gol. 

     Na tempada 2005/06 asina co Gramanet. Alí disputa 28 partidos nos que anota catro tantos que axudan á entidade catalana a acadar a cuarta praza do grupo IV de Segunda B e a disputar o playoff de ascenso. Nese curso, o seu corpo segue enviándolle sinais de que algo non vai ben, pequenas molestias, problemas de pube...Continúa na Gramanet na campaña seguinte, a 2006/07, exercicio no que despois de xogar 13 partidos e anotar dous goles, diagnostícanlle un problema dexenerativo nos ósos, unha desas enfermidades raras que só padece unha persoa de entre un millón. O día que llo dixeron os médicos, o noso protagonista despertou do seu soño de xogar en Primeira División. Ese soño que tivo tan cerca e que tan a punto estivo de conseguir, desgraciadamente, como a tantos outros, escaparíaselle. 

     Confirmada a noticia de que tiña que deixar o fútbol, que fora o único que fixera ata aquel entón, véuselle o mundo enriba e "para máis inri", a Gramanet, en vez de apoialo naqueles momentos tan duros fixo o posible por botalo deixándolle de pagar e dándoo de baixa polos seus problemas na cadeira. Doído polo comportamento do clube catalán, Álex intentou falar cos seus dirixentes e chegar a un acordo, mais dixéronlle que xa tiñan a decisión tomada e que fixera o que creera oportuno. O arteixán decidiu, entón, denunciar á entidade por despido improcedente e estaría moito tempo litigando con eles nos xulgados para que lle pagaran os seis meses de contrato que lle debían. Finalmente a xustiza daríalle a razón.

     No momento que colgou as botas, Álex tiña 27 anos e ao pouco, ao cabo de dous meses, colocáronlle dúas próteses nas cadeiras que, á larga, derivarían nunha invalidez do 40%. Por primeira vez na súa vida tívose que buscar un futuro en algo que non era xogar ao fútbol. Primeiro traballou nunha empresa de protección xurídica como tramitador. Logo, estaría de olleador no Racing de Santander na zona de Cataluña. E por último, atoparía traballo na ONCE vendendo cupóns na localidade extremeña de Calamonte, onde vive actualmente coa súa muller Nani e as dúas fillas do matrimonio, Claudia e Paula.

     A día de hoxe o arteixán segue ligado ao mundo do fútbol xa que é o responsable da Escola Deportiva Calamonte que coordina o seu cuñado Calixto e, ademais, estase preparando para ser adestrador e aspirar algún día a devolverlle ao fútbol o pouco que éste lle diu ao noso ilustre veciño de Oseiro campión daquel Mundial Sub-20 xunto aos Casillas, Xavi, Marchena e compañía...un Álex que curiosamente ten o extraño récord de coincidir cos que se cadra foron os catro presidentes máis extravagantes do fútbol español daquel entón: Fouto do Mérida; Jesús Gil do Atlético de Madrid; Caneda do Compostela; e Piterman do Alavés.