martes, 29 de novembro de 2016

venres, 25 de novembro de 2016

JOSÉ FIGUEIRAS: DE CHOFER DA CUTCSA A CAMIONEIRO DA SCHWEPPES

      Xa temos falado nestas Crónicas de Arteixo da importancia da emigración da nosa bisbarra no Uruguai, onde en 1937 un grupo de bergantiñáns fundaran unha das empresas sudamericanas máis importantes, a chamada Cooperativa Uruguaia de Transportes Colectivos S.A. (CUTCSA), da que foran os seus principais impulsores os emigrantes de Vilaño (Laracha) José e Gerardo Añón Canedo, Rogelio Sande, tamén da Laracha, e José Lago, de Ramil (Sísamo, Carballo), unha cooperativa que na actualidade conta cunha frota de máis de 1.000 autobuses que transportan unhas 600.000 persoas diarias que proporcionan uns 5.000 postos de traballo. Segundo o escritor carballés Xan Fraga, foi tanta a xente da comarca de Bergantiños e doutros puntos de Galiza que traballaron e traballan nela que a moitos emigrantes cando lles preguntaban a que país ían, contestaban que a CUTCSA!

José  e a súa muller Alicia diante do seu autobús da CUTCA    
   
 Un daqueles bergantiñáns que traballou varios anos nesta cooperativa foi José Figueiras España, que abandonara o seu Buxán natal (parroquia de Seavia, Coristanco) en 1957 para embarcarse a Montevideo no “Monte Udala”, un buque que transportaba madeira e no que viaxaban ducias de galegos e galegas que fixeran a maleta da emigración na procura dunha mellor vida. José tiña naquel intre 17 anos e un feixe de soños...mais o camiño para levalos a cabo non sería doado. Abofé que non! 

         Nada máis chegar á capital charrúa, o noso protagonista empezaría a traballar nun bar no que tería a pouca fortuna de dar cun dono sen escrúpulos...e iso que era parente de su pai, un verdadeiro explotador de emigrantes ao que Pepe soportaría durante un ano. Trala mala experiencia no mundo da hostalería, grazas á axuda duns veciños de Coristanco que levaban anos residindo en Montevideo, atoparía un traballo como aprendiz nunha panadería-confitería, un lugar no que o mozo bergantiñán aprendería o oficio e grazas ao cal aforraría os seus primeiros pesos, algúns deles investidos en sacar o carnet de conducir co que acabaría encamiñando a súa futuravida profesional.

José  no Parque Rodó de Montevideo
   
 É aquí, nesta etapa de panadeiro-confiteiro, na que entraría a formar parte do ornanigrama do Racing Club de Montevideo, entidade que presidía José Silvio Pozzo e na que xa levaba algún tempo o seu curmán Carlos España Castro formando parte da directiva. Ao Racing, que actualmente disputa a Primeira División uruguaia, empezaríaselle a chamar naqueles últimos anos 50 La Escuelita grazas a notoriedade do bo traballo que desempeñaban coa canteira o seu equipo directivo, entre eles, o do noso prezado José Figueiras, un José que no ano 1963 iniciaría unha nova etapa traballando como revisor dos autobuses da CUTCSA, a empresa que naquel intre presidía o larachés e presidente do Nacional de Montevideo, José Añón.

     Aqueles primeiros 60 son anos de pouco durmir e moito traballo para o noso veciño, tempos nos que aparte do seu emprego como revisor, facía uns pesiños afiando coitelos, conducindo un taxi e outras actividades que non tiñan outro obxectivo que o de aforrar e xuntar a suma suficiente para poder comprar a cuarta parte do bus n.º 315 da liña 146 da CUTCSA, soño que acabaría cumprindo con creces xa que posteriormente tamén compraría a quinta parte doutro autobús da cooperativa. Ao fin, despois de tanto sacrificio, a vida empezáballe a sorrir. Nese bus nº 315 que, como propietario da súa cuarta parte, conducía cada día polas rúas de Montevideo, José coñecería en 1968 ao amor da súa vida, Alicia Icasuriaga, unha pasaxeira uruguaia de sangue vasca que traballaba na embaixada de Arxentina en Uruguai. Non tardarían en casar. Faríano en xuño do ano seguinte, despois de que o emigrante de Coristanco vendera a súa parte do autobús 315 para montar, xunto con dous socios máis que tamén traballaran na CUTCSA (un era uruguaio e o outro de Ourense), a panadería “Ituzaingó”, que estaba no barrio de Maroñas, moi preto do Hipódromo Nacional.

     Os recén casados farían o viaxe de noivos en 1970 á terra de Pepe, terra na que botarían tres meses antes de marchar de novo a Montevideo onde, en febreiro do 72, nacía Charo a primeira filla do matrimonio, unha cativa que co tempo convertiríase na concelleira de TeGa que hoxe tod@s coñecedes. Naquela altura as cousas en Uruguai estábanse poñendo moi feas por mor da grande crise económica e dos problemas políticos que vivía o país, que acabarían derivando no golpe de Estado do 27 de xuño de 1973. 

  O Mariñeiro co seu camión da Schweppes
    
 No caos daquela incerteza Pepe e a súa dona decidiron vir para Europa onde, nada máis chegar, a piques estiveron de residir en Barcelona xa que Alicia tiña traballo no consulado arxentino da cidade condal. Mais José non estaba pola labor, quería estar cos seus, tiña morriña da súa terra, á que chegarían cando corrían os últimos meses de 1973, xusto cando o actor Sancho Gracia, que non tardaría moito en convertirse no popular Curro Jimenez, protagonizaba a serie que emitía TVE Los camioneros”. Sancho dáballe vida na serie a Paco, un camioneiro que percorría no seu Pegaso as estradas infernais da España dos 70, rendíndolle homenaxe aos profesionais do volante daqueles días, entre eles o noso protagonista José Figueiras, que empezara a traballar en Caión conducindo un camión dos irmáns García Gómez, os grilos”, co que repartía peixe polas prazas da Coruña e Vigo, de aí o alcume polo que moit@s o coñecemos: o Mariñeiro. Pepe e Alicia vivían naquel intre na vila caionesa, un lugar no que nacería Alicia, a súa segunda filla, e que abandonarían a raíz de que o antigo chófer da CUTCSA empezara a traballar como camioneiro da Schweppes en febreiro de 1975.

     É aí, nesa altura, cando a familia Figueiras Icasuriaga chega a Arteixo e alugan un piso no edificio do bar Salgado, que é onde virían ao mundo Álvaro e Cristina, os fillos máis novos do matrimonio. Pepe o Mariñeiro, que ao longo da súa vida tivo sempre a imperiosa necesidade de traballar voluntariamente en canto colectivo había (comisións de festas, asociacións, etc) non tardaría en integrarse na vida cotián do municipio e, deste xeito, rememorando a súa etapa no Racing Club de Montevideo, entraría a formar parte da xunta directiva do Penouqueira onde deixaría unha enorme pegada entre os rapaces que xogamos nas categorías inferiores deste equipo, uns cativos que nunca esqueceremos a amabilidade e cariño co que sempre nos tratou Pepe...nin tampouco cando entraba no campo de adestramento cunha caixa de Schweppes de laranxa en cada man!

Imaxe dos anos 80 do Penouqueira
    
O Mariñeiro, primeiro como empregado e a partir de 1986 como autónomo, faría miles de quilómetros conducindo por toda a península os camións desa fábrica de nome imposible de escribir mais que tod@s pronunciamos Sueps. Xa vos podedes imaxinar o feixe de anécdotas que lle aconteceron por esas estradas de Deus. Abofé que darían para un libro...mais se queredes saber algunha non tedes máis que ir polo Alto de Arteixo, o seu lugar de residencia dende 1986, que seguro volas ha de contar encantado mentres tomades un café con él no Bar “O que faltaba” pois agora, que disfruta da súa merecida xubilación, ten todo o tempo do mundo para contalas.

venres, 18 de novembro de 2016

MÁXIMO MOSQUERA "PITOS", UN FUTBOLISTA DE NOVELA


     Mestre, futbolista profesional, banqueiro, alcalde, xerente do Balneario...se hai un persoeiro da nosa bisbarra que é coñecido polas múltiples actividades que realizou ao longo da súa vida, ese non é outro que Domingo Máximo Mosquera Calvete, un arteixán ao que toda a veciñanza da súa vila natal coñece polo alcume de Pitos.
  
Pitos nos anos 50 co Penouqueira
      Nado na Baiuca o 3 de xullo de 1936, Máximo é o máis novo dos sete fillos que tiveron Delfino Mosquera, que fora presidente da
Sociedad Instructiva y Recreativa El Alba, e Julia Calvete, un Máximo que unha vez que rematou a súa formación daría escola na casa familiar, xunto a seus irmáns Julita e Pablo, a ducias de cativos de Arteixo. Por aqueles días, cada vez que o Penouqueira xogaba no campo do Balneario, moitos dos seus alumnos acudían ao encontro de turno para ver as filigranas que o seu mestre facía coa pelota defendendo as cores do equipo da Baiuca, partidos nos que habitualmente Pitos non deixaba indiferente a ninguén: era quen de coller o balón nunha portería e chegar á outra regateando a canto rival lle saía ao paso! 
 
     O seu enorme talento levárao a fichar uns anos antes, nos primeiros 50, na categoría xuvenil do Santa Margarita, que chamara a súa atención nun dos amigables que xogara en Arteixo contra o Penouqueira. Mais a estadía de Pitos neste equipo da Capital sería efímera xa que non tardaría en fichar no Deportivo, con quen se proclamaría campión galego de xuvenís en 1953 baixo a batuta do arxentino Rafael Franco, que fora un dos integrantes da lendaria dianteira Orquesta Canaro coa que o Deportivo fora subcampión de Liga na tempada 1949/50. “Este pibe es un fenómeno, dicía habitualmente o técnico arxentino sobre o futbolista arteixán abandeirado do número 10, a mesma camiseta que vestira ata a campaña anterior un tal Luís Suárez, co tempo bo amigo do noso protagonista.

      Naquela altura o Deportivo da Coruña creara un equipo na Serie A Rexional, o Deportivo “A”, coa idea de que os seus xogadores xuvenís se fosen fogueando competindo con equipos como o Astano, Esteiro, Flavia, Brigantium, Ordes, Sporting Lugo, Noia ou mesmo co Fabril, o outro filial do Deportivo. Pitos xogaría neste Deportivo “A” ata a tempada 1956/57, que foi cando debutou en 3ª División co Fabril que, por aqueles días, dirixía Antonio Vilar Chao, fillo do galeguista Antonio Vilar Ponte e un dos integrantes do Deportivo que acadara na tempada 41/42 o primeiro ascenso a 1ª División do cadro branquiazul.

      No equipo fabrilista Pitos compartiría vestiario con futbolistas da talla de Mangana, Acuña, que era irmán de Xanetas, o porteiro do primeiro equipo deportivista, Porvén, Chas, Gerardo de Meicende, Bouza e un longo etcétera de xogadores que, nalgúns casos, reforzarían algunha que outra vez aos equipos que disputaban os torneos de verán que se organizaban no Balneario de Arteixo por aqueles anos 50. Precisamente sería nun destos partidos veraniegos xogados no campo do recinto termal, onde Pitos sufriría unha gravísima lesión de xeonllo que estivera a piques de truncar a súa carreira deportiva mais, con todo, emulando o afán de superación do astro brasileño Garrincha, que tiña a perna dereita 6 centímetros máis curta que a esquerda, o futbolista da Baiuca sería quen de seguir xogando ao fútbol grazas, en gran medida ao traballo do masaxista do Deportivo, Vicente Cucarella.

      A súa pequena coxeira non sería impedimento para ser dos futbolistas máis destacados do Fabril durante a tempada 57/58 na que, segundo informaba o xornal La Noche na súa edición do 12 de novembro de 1957, despertara o interés de varios equipos...”En el mismo Fabril está el jugador Pitos por el que se interesa el Cádiz y la Cultural Leonesa”, mais finalmente o da Baiuca seguiría defendendo as cores do Fabril, onde xogaría a un alto nivel a tempada 58/59 e parte da 59/60, que foi cando fichou no Racing de Ferrol, equipo naquela hora de 2ª División.
 
      O futbolista arteixán, sempre co 10 ás costas, debutaría no once ferrolano o 1 de novembro de 1960 nun Racing-Sestao no que Pitos, a pesar de que os locais perderían 2-3, deixaría a súa pegada ao anotar o seu primeiro gol cos racinguistas. No anecdotario do seu paso polo once departamental tamén queda unha eliminatoria da Copa del Generalísimo, a actual Copa do Rei, na que o Racing de Ferrol se enfrontou ao F.C. Barcelona dos Ramallets, Kubala, Luís Suárez e compañía. O equipo galego, con Pitos xogando de titular, perdería no Nou Camp por 7-1 mais cóntase que Helenio Herrera, o adestrador do equipo catalán, quedara sorprendido coa exquisita técnica do da Baiuca e que chegara a interesarse por él. A modestia de Pitos, con quen falamos recentemente, di que esta información non é verídica mais, houbera algo ou non, deixamos o seguinte apuntamento que o escritor arteixán Antón Castro fai sobre Pitos na súa novela “El álbum del Solitario”: “Nosotros lo admirábamos por sus buenas maneras y porque sabíamos que había estado a prueba en el Barcelona en los tiempos de Kubala y Luis Suárez (algunos decían que había sido el delantero más grande del Penouqueira en toda su historia, mejor incluso que Arsenio), pero una inoportuna lesión le apartó del fútbol. Redondo y más bien pequeño, era un extremo hábil y veloz, autenticamente letal; su dominio del balón resultaba tan apabullante que en ocasiones, en verano, se permitía jugar descalzo”.
Unha das formacións do Racing de Ferrol da tempada 1960/61. Na imaxe aparecen de pé, de esquerda a dereita, Anca I, Anca II, José Carlos, Chatolo, Tini e Masdías. Abaixo, no mesmo orden, Pitos, Mimo, Menchaca, Víctor Ledo e Onaindia (www.veteranosracingferrol.org)

       Ao remate daquela tempada 1959/60 na que pasarían polo banquillo do Racing de Ferrol ata catro adestradores: Román Galarraga, Tomás Castro, Hilario Marrero e Ramón Miranda, o cadro departamental descendería a 3ª despois de xogar dezaseis campañas consecutivas en 2ª División.
 
      Pitos permanecería en Ferrol a tempada seguinte, a 1960/61, na que os racinguistas non serían quen de recuperar a categoría perdida. Na 61/62 volta de novo ao Fabril, onde colle os galóns de capitán e, unha vez máis, é dos xogadores máis destacados. Desta campaña cabe destacar como dato anecdótico que o 29 de abril de 1962 o futbolista da Baiuca defendeu as cores do C.D. Lugo nun partido amigable contra o Celta que os da muralla venceron por 2-1.

 La Hoja del Lunes, 16 de outubro de 1961
  Pitos, que naquela altura tiña 26 anos, vendo que estaba a piques de instalarse no declive da súa carreira deportiva, empezaría a enfocar a súa actividade profesional no mundo da banca e non tardaría en converterse, con 29 abriles, en director da primeira entidade bancaria do municipio arteixán, a Caixa de Aforros, que sería inaugurada o 21 de marzo de 1966. O xa ex futbolista, que unha vez que abandonara a disciplina do Deportivo faría ficha co Penouqueira para disputar o Campionato das Mariñas, dirixiría a Caixa durante máis de tres décadas, ata 1998. Nese período tamén faría unha incursión no mundo da política xa que sería alcalde de Arteixo dende agosto de 1974 ata xaneiro de 1975, un curto mandato no que se inauguraría a actual Casa do Concello e igualmente comezara a funcionar o Grupo Escolar Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.

      Actualmente, con 80 invernos ás costas, Pitos pasa boa parte do día no Balneario de Arteixo, un establecemento que os irmáns Mosquera Calvete levan administrando dende hai máis de medio século e no que este persoeiro de Arteixo viviu momentos inesquecibles da súa vida deportiva, momentos que non hai moito tempo tivemos a fortuna de que nos transmitira no recinto termal. Un deles foi o partido Penouqueira-Fabril, que se xogou en xullo de 1958 e no que a parte de Pitos participaran, entre outros, Arsenio Iglesias e o grandísimo xogador coruñés do F.C. Barcelona Luís Suárez...un partido no que xa vos falarei noutra ocasión.

venres, 11 de novembro de 2016

BREVE HISTORIA DO BALNEARIO DE ARTEIXO

      Aínda que o lugar de Caldas, que é un termo romano para indicar augas quentes, danos pé a pensar que os seus precedentes son moito máis antigos, a primeira constancia documental que hai sobre o Balneario arteixán data do ano 1760. Nese documento, o emprazamento do edificio descríbese como un lugar illado do núcleo poboacional da Baiuca e faise mención dunha serie de edificacións das que contaba o recinto termal: hostal, casa de baños, capela e un arrimo para as cortes. No documento detállase tamén, que un destes arrimos, facía ás veces de hospital e nel recollíase á xente máis humilde, condición obrigatoria para poder explotar as súas augas termais. Co paso dos anos o edificio, que xunto co de Carballo era o único termal recoñecido en toda a provincia da Coruña, convertiríase en centro de gran actividade social e marco de feitos históricos de certa importancia coma o protagonizado a primeiros do século XIX polo xeneral Juan Díaz Porlier que, cando cumpría condena no castelo de San Antón por expresar a súa protesta pola abolición da Constitución de 1812, solicitáralle por motivos de saúde ao Capitán Xeral un permiso para pasar uns días nos Baños de Arteixo, onde xa levaba uns días instalada a súa muller Josefa Queipo de Llano e a servidume. Mais, tras novas peticións ás autoridades militares da Coruña, Porlier obtería un novo consentimento, esta vez para instalarse en Pastoriza, na casa de campo de Andrés Rojo del Cañizal (actual Vilariza), lugar no que prepararía o levantamento do 9 de agosto de 1815 contra o goberno absolutista de Fernando VII. O "Marquesito", alcume de Porlier, fracasaría no intento de derrocar ao rei español e sería condeado a morte, sendo aforcado en outubro dese mesmo ano no Campo da Leña da Coruña. 

     Dous anos despois da morte de Porlier, en 1817, noméase por primeira vez un médico director xa que, ao parecer, o Balneario era cada vez máis visitado e valorado pola súa capacidade para curar, mais como os usuarios tomaban as augas ao chou, sen ningún tipo de control médico, ocorrían a cotío desgrazas que fixeran ver a necesidade de tal nomeamento. Aínda así, non sería ata 1849 cando Antonio Casares realiza a primeira análise das augas, estudio no que se verifica que estas son moi mineralizadas, con altísimos porcentaxes de cloro e sodio ademais de outros compoñentes: xofre, calcio, flúor, bromo e iodo, que se empezarían a recomendar para o tratamento de afeccións cutáneas, reumatismos, trastornos respiratorios e problemas de tipo nervioso. 

     Cara a mediados deste século XIX e segundo as investigacións do doutor Pedro María Rubio, que aparecen reflexadas no seu libro, Tratado completo de las fuentes minerales de España (publicado en 1853), a propiedade do Balneario de Arteixo era compartido por catro propietarios, que tiñan feita a partición dos edificios e administrábanos por si mesmos ou por medio de dependentes. Naquela hora, a dirección facultativa corría a cargo de don Isidoro Ortega, quen tamén se ocupaba da dirección do Balneario de Carballo, recinto que nesa época fora adquirido polo xurista e político ourensán Pedro Sanjurjo, que entre outros cargos, fora Conde de Torre Panela, deputado a Cortes por Ourense (1839-41 e 1844-46) e polo distrito de Bande (1850-54 e 1857-58), oídor da Real Audiencia da Habana (1849) e, maxistrado decano da Audiencia de Manila (1869). 

     Mais no Balneario de Arteixo había un quinto propietario: o banqueiro madrileño Angel Henry que, aínda que nun principio tivera abandonada durante algún tempo a súa parte do recinto, segundo publica Rubio no seu Tratado completo de las fuentes minerales de España..."abrió en su establecimiento un salón de sociedad decentemente adornado, con periódicos, juegos permitidos y piano, arregló un local para fonda y amuebló las habitaciones". Henry, deste xeito, convertera a súa parte dos Baños no epicentro da vida social do concello e tamén se encargaría de amañar unha gran horta para adicala a xardíns e a paseos. Pedro María Rubio tamén describía como era o núcleo de Arteixo de mediados do XIX: "Hay paseos amenos y deliciosos en el pequeño valle y su carretera, y una hermosa y dilatada pradera adornada de árboles silvestres de todas clases, que prestan gustosa sombra. Esta pradera, que es la que media entre los baños y la carretera, está cruzada por un arroyo pequeño, que abunda sin embargo en truchas y anguilas y va a desaguar al Océano Cantábrico, que dista de allí un cuarto de legua escaso. Las colinas que rodean el valle están pobladas de frondosos y dilatados pinares, y en sus faldas se ven viñedos, prados, huertos y tierras bien cultivadas".  

     A finais deste século XIX, en 1898, o carballés Manuel Rodriguez Més, home acaudalado que lograra unha gran fortuna e que casara coa súa propia curmán, a arteixá Flora González Més, compraríalle aos herdeiros de Henry o Balneario pola respectable suma de 9.000 pesos dos da época. Non tardaría moito en darlle aos Baños unha vitalidade e uns servizos dos que carecían as instalacións e, nese mesmo ano, encárgalle ao arquitecto vasco Juan Ciórraga i Fernández de Labastida, impulsor das galerías do Ensanche coruñés e diseñador do asilo de anciáns de Adelaida Muro, tamén na Coruña, a construcción do edificio do hotel, dotado de planta baixa e dúas alturas que se edificarían con pedra de cachotería entre os anos 1898 e 1911.

       Principiaba, deste xeito, a relación da familia González Més cos Baños de Arteixo, unha relación que en realidade xa a iniciara o pai de Flora, Manuel González Iglesias (Alcalde de Arteixo entre 1890 e 1891), cando fora durante un tempo o administrador do Balneario. Tamén, durante os anos que Manuel Rodriguez e a súa muller Flora estiveran ao fronte do negocio, un irmán desta, Baldomero González Més, fervente seguidor da doutrina do conservador Cánovas del Castillo, fora o Alcalde de Arteixo en tres etapas distintas: 1914-1916, 1920-1923 e 1930-1931. Esta fora se cadra a mellor época do Balneario, uns anos de esplendor no que o edificio termal era frecuentado por persoeiros da talla de Manuel Mª Puga Parga "Picadillo", xuiz municipal de Arteixo entre 1901 e 1903 que chegaría a ser o Alcalde da Coruña no ano 1915; Ricardo Fernández Cuevas i Salorio, director xerente de Augas da Coruña S.A., empresa que se constituíra en 1903; o poderoso banqueiro coruñés Narciso Obanza Alonso, casado con Elena Miranda Santos (filla de Luis Miranda, o precursor da actividade téxtil na Coruña) e amigo persoal de Baldomero González Més, que en realidade era o seu corresponsal no municipio arteixán; ou Raimundo Molina, un dos promotores do porto herculino, que viña aos Baños acompañado da súa dona Evarista (filla do doutor Alejandro Brandao, Alcalde da Coruña entre 1881 e 1885) e do seu fillo Alfonsito, un rapaz que co tempo presidiría a alcaldía herculina dende o ano 1947 ata 1958. Si, estamos a falar de Alfonso Molina. 
 
     Os González Més terían moito peso tanto na vida política coma na socio-cultural e tamén relixiosa dese Arteixo de principios de século XX. Xa falamos de Baldomero, alcalde do concello en varias ocasións, e de Flora, propietaria xunto co seu home do Balneario, mais aínda quedan no tinteiro anécdotas do resto dos irmáns, que en total foran doce, das cales falaremos noutra ocasión.
Carlos del Río Troche (imaxe cedida pola súa filla Ana)
     Paralelamente á entrada na alcaldía herculina dun dos hóspedes máis ilustres do Balneario, Alfonso Molina, os Baños cambiarían de propietarios pasando, por herdanza, ás mans de Enrique Rodriguez Més, que estaba casado con Milagros del Río Troche. Mais Enrique non estaba pola labor de levar as rendas do negocio e pediríalle a seu cuñado Carlos, daquela empregado do Banco Pastor, que se puxera  ao fronte, petición que este aceptaría. 
 
     Eran os tempos nos que a fisionomía da vila variaba considerablemente cada verán. Os meses de xullo e agosto rexistraban cada ano unha gran afluencia de visitantes que, dende puntos ben dispares, viñan a Arteixo a tomar os baños por prescripción médica. Outro persoal, como era o caso de moitos dos novos usuarios, chegaba á vila por consellos de amigos que melloraran das súas doenzas grazas as augas arteixás. Naquela época, non era difícil que houbera máis de cen persoas hospedadas no hotel do Balneario e tampouco era inusual ver disfrutar a varios centos de bañistas dos servizos do centro, clientes que alternaban as súas estadías no edificio con excursións ás praias de Alba e Sabón ou aos montes de Subico e Santa Locaia. 
 
     Carlos del Río Troche e a súa muller, Laura Doldán Rivas, levarían a administracción do Balneario desde finais da década dos corenta ata 1962. Pouco se asemellaba o Arteixo daqueles días co de hoxe. Na zona dos Baños estaba o hotel e un hospitalillo e, posteriormente, habilitaríanse unha especie de albergues ou ranchos que era o lugar onde se hospedaban os clientes que non podían pagar a estadía no hotel mais sí acudir a tomar os baños, xa que o recinto tiña a obriga de aloxar aos enfermos dos concellos veciños que estaban escritos na beneficiencia. Neses anos, principalmente nos corenta, o Balneario tamén era utilizado polo R.C. Deportivo da Coruña, que se concentraría en numerosas ocasións nas súas instalacións. Para a historia tamén queda a concentracción, durante a primeira semana de maio de 1945, da selección española de fútbol na que xa destacaba o lendario dianteiro vasco Telmo Zarra.  
 
     Carlos del Río falecería dun infarto en 1962 e sería aí cando entrarían en escena os actuais propietarios dos Baños, é dicir, os irmáns Mosquera Calvete que, logo das oportunas negociacións con Francisco Rodriguez "Pancho", fillo de Enrique Rodriguez Més, faríanse co recinto termal nestes anos sesenta, pouco despois de que un dos irmáns, Domingo Máximo "Pitos", debutara en 2ª División co Racing de Ferrol... uns Mosquera Calvete que levan administrando o Balneario máis de medio século e que acometerían unha rehabilitación das instalacións coincidindo cun programa de reordenación urbanística do contorno, no que se construiría o paseo fluvial e a Casa da Cultura.
O Balneario a principios dos anos cincuenta (imaxe cedida por Ana del Río)
Os Baños, historia e tradicción que nos traen á memoria esa tranquilidade perdida por mor das  presas coas que hoxe convivimos, tamén están asociados a varias curas miragreiras das que non hai moito tempo alguén me comentou, sen ningún recato, que seica unha persoa que no seu día chegou ao Balneario con muletas, despois dun adecuado tratamento e grazas ás augas á que foi sometida, voltaría ao seu domicilio sen as devanditas muletas, deixando unha delas colgada na capela do recinto. 
 
     Un ambiente de veraneo da decadencia romántica, alá polo 1890, como sinala a fonte do Balneario, segue envolvendo a atmósfera deste histórico lugar descuberto, paradoxos da vida, según afirma a lenda, grazas a un burro que curou as súas feridas e mazaduras nunha fonte próxima ao lugar donde pacía.

FONTES:
-Seminario Permanente CEP "Galán" de Oseiro e CEIP "Ponte dos Brozos".
-BLANCO REY, MANUEL. "Alcaldes de Arteixo (1836-1998)". Concello de Arteixo, 1998.
-PATRICIO CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER."De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam". Edicións Embora, 2014.

venres, 4 de novembro de 2016

OS ANTIGOS TROLEBUSES CORUÑA-CARBALLO

      Segundo nos conta o escritor carballés Xan M. Fraga Rodriguez nos seus libros "A Coruña-Sada-Carballo. 1903-1979. Tranvías e Trolebuses" (Espiral Maior, 1997) e "Trolebús" (A.C. Lumieira, 2001), a idea dun trolebús que unira Carballo e A Coruña débeselle a Enrique Sánchez Rodriguez, que aínda que era natural de Santiago de Compostela (1882) establecérase de moi novo en Carballo, vila na que sería o introductor da luz eléctrica (no ano 1915) coa súa empresa Electra de Bergantiños. 

     En Carballo, Sánchez, que emigrara a Cuba e montaría alí (1910-11) a Central Eléctrica de Pinar del Río, xa pensara a principios dos anos 20 na posibilidade de crear un transporte tipo trole, semellante aos que había nas colonias británicas. Coa súa experiencia no sector eléctrico e cos folgos de seu irmán Aurelio, que era interventor do Estado nos ferrocarrís, en 1940 presenta ante o MOPU (Ministerio de Obras Públicas) o proxecto de Trolebuses Coruña-Carballo, proxecto que asina Victor Solórzano, naquela hora enxeñeiro do Concello de A Coruña e hóspede habitual do Balneario de Arteixo.
    
Trolebús BUT diante da Estación de Arteixo
      O devandito proxecto sería definitivo en 1942, ano no que ante a necesidade de xuntar capital para financiar unha obra de tal magnitude, constitúese na cidade herculina a empresa Trolebuses Coruña-Carballo S.A. cun capital social de oito millóns das antigas pesetas distribuído, segundo informa Xan Fraga nos seus libros, en 8.000 accións de 1.000 pesetas cada unha. Pedro Barrié de la Maza (presidente), Atanagildo Pardo de Andrade, Luciano Regueiro Pumpido, Manuel Sáez Torres, Andrés Pardo Hidalgo, Aurelio Ruenes Blanco e o propio Enrique Sánchez Rodriguez (este como vocal e director xerente), é dicir, practicamente a plana maior do Banco Pastor, formarían o primeiro consello de administracción da empresa, á cal lle outorgan en xullo de 1943 a adxudicación da liña cun orzamento de seis millóns de pesetas e cun prazo de concesión de 30 anos, liña que se converte na primeira interurbana concedida do Estado e a primeira estrada que é electrificada.

     As obras do montaxe da liña eléctrica principiarían en 1944 e rematarían en 1950, obras que serían realizadas por traballadores da propia empresa, moitos deles veciños de Arteixo como era o caso de Manuel Sánchez ("Toledo"), Jesús e José Pardo Cedeira, Manuel Vázquez "Canedo", Ramón Zás ou Manuel Seixas, este último avó da voceira do BNG de Arteixo, Silvia Seixas. Tamén traballarían na electrificación da liña A Coruña-Carballo os irmáns Iglesias Pardo (José, Enrique e Arsenio). José era o encargado e tiña ao seu cargo uns vinte traballadores. Arsenio faríase futbolista profesional uns anos máis tarde, mais antes de fichar polo Deportivo tamén traballaría na montaxe da liña ademais de facer algunhas gardas na subestación de Lañas.

Limpeza dun BUT en Arteixo (A.C.Lumieira)
     A lonxitude da liña era de 33 kilómetros e contaba coa estación eléctrica da Grela e coas subestacións de Pastoriza (km. 6), Lañas (km. 15), A Laracha (km. 23) e Bertoa (km. 32), unha liña que finalmente, e logo de varios ensaios, sería inaugurada oficialmente o xoves 23 de febreiro de 1950 e que estaría activa ata o 15 de marzo de 1971, día no que os trolebuses A Coruña-Carballo circularon por última vez.

     Nun principio, a liña contaba con 12 troles tipo MAN-AEG que foran comprados en Alemaña, en plena II Guerra Mundial con Hitler no poder, no ano 1942, mais 7 deles serían carrozados en Galiza, na fábrica de Barro en Chavín (Viveiro, Lugo). 

     En 1961 chegarían, procedentes de Inglaterra, oito trolebuses BUT de segunda man construídos entre 1948 e 1952 en Londres, que viñan sendo os populares de dous pisos, aos que se lles sumaría outro destas características en 1969, comprado a Tranvías de Vigo. En total, a empresa contaba con 21 trolebuses, que eran conducidos por José "Sprint", Manuel Rodriguez "Cándido", Manuel Fraga, Benjamin Sande, Felipe Pazos, os irmáns Esmorís ou, entre outros, os arteixáns Antonio Mareque e Manuel González Berao "Zalo", de quen xa falamos neste blogue polo seu pasado como piloto da aviación rusa e como figurante de varias películas dos últimos anos 40.
Germán (cobrador), "Zalo" (Chófer) e Mareque (chófer) diante dun trolebús MAN

FONTES:
FRAGA RODRIGUEZ, XAN M. Trolebús. Agrupación Cultural Lumieira, 2001.
FRAGA RODRIGUEZ, XAN M. A Coruña-Sada-Carballo.1903-1979. Tranvías e Trolebuses. Espiral Maior, 1997.