DEPORTES (2)

 

O DÍA QUE VAN BREUKELEN ESTIVO EN MEICENDE

   De seguro que moitos afeccionados ao fútbol da contorna lembran algunha das espectaculares intervencións de Hans Van Breukelen, aquel lendario porteiro neerlandés que, tras alcanzar o súmmum en 1988 gañando a Copa de Europa co P.S.V. Einhoven e a Eurocopa do mesmo ano con aquela Holanda irrepetible de Rijkaard, Gullit e Van Basten, rubricou a súa sinatura na tradición de grandes arqueiros da historia.

Hans Van Breukelen

   Os anos 80 foron proclives a ir cambiando a regla non escrita de contar con xigantes baixo os paus. Se ben esta tradición, expandida a través do exemplo de Sepp Maier, nunca se perdeu, sí que os porteiros largos como arañas ao estilo de Walter Zenga ou Andoni Zubizarreta comezaron a ser máis cotizados pola, cada vez, menor tendencia a encontrarse dominadores da área que controlaran o xogo aéreo como eles. A estela que vai dende o belga Jean-Marie Pfaff a Abel Resino, pasando por Paco Buyo, foi a moda que predominaba en aquela época. Eran gardametas que rondaban o metro oitenta cos reflexos máis desenvolvidos que outras tarefas básicas que entrañaban a súa posición: saída por alto, despexe de puños ou todo o relacionado a fumigar a sensación de perigo dos equipos rivais, de unha maior tendencia ao centro desde as bandas que nos anos post-Cruyff. Dentro desta fornada de porteiros, Hans Van Breukelen xurdiu como o híbrido perfecto entre estas dúas clases de porteiros sendo, entre outras cousas, o precedente máis significativo dun da actualidade como Ter Stegen.

   Chegados a este punto, seguramente que vos preguntaredes o motivo polo que Van Breukelen figura neste libro. Pois ben, antes de converterse no enorme gardameta que foi, o ex futbolista dos Paises Baixos protagonizou xunto aos seus compañeiros da selección sub-20 unha anécdota en Meicende que contamos de seguida.

   Viaxamos ata xaneiro de 1980. Con ocasión do partido amigable que as seleccións absolutas de España e Holanda tiñan que disputar no estadio vigués de Balaídos o 23 de xaneiro, a Federación Española de Fútbol, matando dous paxaros dun tiro, organizou na Coruña outro choque entre os combinados sub-20 de ambos paises. O motivo da disputa deste partido, que se xogaría en Riazor un día antes que o de Vigo, era a máis que merecida homenaxe que a Federación Española, naquela hora presidida por Pablo Porta, quería rendenderlle ao fútbol modesto herculino do que saíran figuras como Luís Suárez, Amancio, Reija, Chacho, Acuña, Pedrito, Manolote, Pellicer e un longo etcétera ata chegar aos deportivistas Pardo II e Serafín, dous novos valores da canteira coruñesa que Pereda, o seleccionador español sub- 20, convocara para aquel partido.

   Van Breukelen e os seus compañeiros fixeran viaxe, xunto con todos os enviados especiais e a selección absoluta, dende o seu país ata o aeroporto de Peinador. No medio dun forte vento, o avión Boeing 737 tomaba terra ás tres menos vinte da tarde do luns 21. Minutos máis tarde Durán, directivo da Federación Galega, recibía aos xuvenís holandeses antes de que emprenderan viaxe a A Coruña, a onde chegaron sobre as sete da tarde. A expedición neerlandesa estaba formada por Van Praag, vicepresidente da Federación; os delegados Van der Krof e Schomaker; o médico Van der Enst; o fisioterapeuta Van der Bildt; o adestrador Blok e os futbolistas Kaiser (Antwerp); Bergenhenegoullen (AZ´67); Weysters (AZ´67); Dungen (Den Bosch); Troost (Feyenoord); Balm (Haarlem); Lokhoff (NAC); Jol (Twente); Lengkeek (Sparta); Verbeek (Sparta); Bleuning (Twente); Scheve (Twente); Carbo (Utrecht) e Van Breukelen (Utrecht). Martin Jol, que antes de recalar no Twente xogara un ano no Bayern Munich, e o porteiro Hans Van Breukelen eran os únicos xogadores tulipáns que tiñan máis de 20 anos.

   Unha vez instalados no Hotel Finisterre, os sub-20 de Holanda tomaron un lixeiro aperitivo e, a continuación, dirixíronse cara o campo grande de Meicende para realizar exercicios de estiramento e tocar algo o balón manobrando durante tres cuartos de hora no pésimo terreo de xogo que naquela hora era o devandito campo. Como claro índice do deplorable estado destas instalacións, dicir que non había nin auga fría nin quente debido a que o domingo 20 celebráranse alí partidos de competición e os depósitos estaban baleiros. Hai que engadir que, naquela época, o campo de Meicende non tiña traída de auga e, para poder ducharse alí os futbolistas, había que encher previamente os depósitos levando o líquido elemento nun camión cisterna.

Bolk, adestrador sub 20 holandés, dirixindo o adestramento en Meicende (El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1980)
   Como do adestramento da selección holandesa sub-20 non se tivo coñecemento ata as sete da tarde, non houbo posibilidade algunha de repoñer os depósitos do campo. E grazas a intervención do conserxe de Meicende, señor Chiras, así como a boa disposición de Alfonso Pena, directivo do Sporting Meicende, os mozos neerlandeses, que soportaran estoicamente a choiva durante o adestramento, poideron ducharse nas instalacións do Sporting, onde Van Breukelen e os seus compañeiros tomarían incluso uns refrescos cos alí presentes no local social do club arteixán.

    Posteriormente, logo de entregar no local do Sporting Meicende uns banderíns e unhas insignias en agradecemento á xentileza da entidade ao ceder as súas duchas, os holandeses regresarían ao hotel Finisterre onde tiñan previsto cear ás 21:45 horas.

El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1980
    Ao día seguinte, martes 22 de xaneiro, despois de que desfilaran polo terreo de xogo dezanove entidades deportivas en gratitude á axuda da Federación Española de Fútbol, os combinados sub-20 de España e Holanda enfrontábanse en Riazor diante de 25.000 espectadores que deixaran unha recadación de dous millóns e medio das antigas pesetas que servirían para axudar ao fútbol modesto da Coruña. Holanda, con dous goles do centrocampista Ton Lokhoff, vencería naquel amigable por 0-2. As aliñacións dos dous conxuntos forans as seguintes:

ESPAÑA: Agustín, Diego, Manolo, Carreras; Lumbreras, Pardo II; Pedro Pablo; Merallo, Luque, Prieto e Víctor. Na segunda parte Serafín sustituiu a Víctor, Gregori a Pardo II, Ondina a Lumbreras e Cedrún a Agustín.

HOLANDA: Van Breukelen, Scheve, Jol, Troost, Veerbeek, Weysters, Lokhoff, Bleuming, Lengkeek, Valke e Kaiser. Tralo descanso Carbo sustituiu a Bleuming e Balm a Weysters.

     Para o recordo tamén queda o partido das seleccións absolutas disputado en Balaídos o mércores 23, un amigable que estivera a piques de non chegar a súa conclusión por mor dunha avaría na iluminación eléctrica. O ridículo espectáculo acontecido no estadio de Balaídos, onde o encontro se cadra superou unha marca mundial ao durar máis de dúas horas e media, rozou os límites do escándalo. Tras unha serie de idas e voltas por parte dos contendentesis propias dun espectáculo circense que dun partido de fútbol internacional, España acabaría vencendo por 1-0 aos subcampións do mundo.

    Pola súa banda, despois de aquel adestramento en Meicende e do partido de Riazor, Hans Van Breukelen continuaría defendendo a portería do F.C. Utrecht, o club da súa cidade natal no que debutara como profesional en 1975, ata que despertou o interese do mítico Nottingham Forest de Brian Clough, un equipo que, despois de acadar a gloria coas súas dúas Copas de Europa de 1979 e 1980, enfrontábase á marcha de Peter Shilton, o seu líder espiritual, ao final da tempada 1981/82. A perda dun dos porteirosis emblemáticos que deran as Illas Británicas levarían aos dirixentes do Nottingham a tomar a decisión de pescar en terras holandesas.

    Van Breukelen non deixou escapar a oportunidade mais, desgraciadamente, unha inoportuna lesión ao pouco de chegar a Inglaterra apartaríao catro meses dos terreos de xogo. O seu segundo ano no Nottingham non fixois que confirmar a virtudeis valorada en todo sentinela das redes que se prece: a seguridade. Un terceiro posto no campionato ligueiro, a nonis de seis puntos do campión, o indomable Liverpool, e once xornadas coa portería a cero certificaron o acerto da súa contratación. Mais, con todo, a falla de entendemento entre o conxunto británico e a selección holandesa sobre as convocatorias ás que debía acudir selou a súa decisión de retornar ao seu país ese mesmo ano. Aquel holandés de pura cepa non quería deixar na estacada a Holanda, en pleno proceso de trasvase xeneracional, coas novas perlas do Ajax e PSV Eindhoven aportando rédito a unha renovada explosión da libreta táctica de Rinus Michels.

    O retorno do fillo pródigo fíxose efectivo no PSV Eindhoven, de donde xa non se movería ata colgar os guantes. Dez anos baixo os paus dun grupo inesquecible, con xogadores como Gerald Vanenburg, Ronald Koeman, o belga Eric Gerets, Wim Kieft e, sobre todo, o Ruud Gullit máis espectacular que se recorda. Coa axuda de xogadores deste calibre, Van Breukelen puido facerse con nada menos que seis ligas e tres copas holandesas. Ademais, entre medias, viviu un ano de gloria indescriptible, 1988, cando se fixo coa Copa de Europa en maio e coa Eurocopa en xuño. Sobre todo, no primeiro caso, o trofeo debería levar gravado o seu nome entre aspas. A súa influencia foi de tal dimensión que fixo gañar a un equipo que, desde cuartos de final, selou todos os partidos con sendos empates. De feito, nunca un porteiro tivo tal transcendencia na consecución dun trofeo internacional.

   Curiosamente, naquel ano de 1988 Van Breukelen voltou a A Coruña. Pasaran oito anos dende que o fixera por última vez. Na súa memoria aínda se conservaba a anécdota do adestramento de Meicende que, seguramente, comentaría cos seus compañeiros. Desta volta viña para xogar co PSV Eindhoven o Teresa Herrera, un trofeo que viaxaría aos Paises Baixos despois de que os futbolistas de Guus Hiddink derrotaran na final ao Atlético de Madrid por 3-1.

   Como non podía ser doutro xeito, o noso protagonista retiraríase no PSV ao finalizar a tempada 1993/94. A día de hoxe aínda se recorda pola súa gran envergadura de brazos, as súas equipacións azuis, a súa habilidade para deter penaltis e, por suposto, polas lendarias actuacións como as realizadas no partido de volta de semifinais da Copa de Europa de 1988 celebrado no Bernabeu coas que, boa parte da afección do Real Madrid, segue tendo horribles pesadelos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario