sábado, 30 de abril de 2016

"A NOVA MOCIDADE" E A ROMARÍA GALEGA DE PASTORIZA


"A Nova Mocidade" en 1981
      Corrían os últimos anos da década dos 70 do século pasado cando, un grupo de mozas e mozos de Pastoriza, xuntábanse nun curruncho da parroquia para falar de esperanzas, ilusións, desacougo e tamén, polo desexo de trocar e erguer o seu lugar de nacemento, lugar que entre os seus ollos morría lentamente. Dispostos a que ese desexo non fuxira pola fenestra da realidade, daquela xuntanza sairía un colectivo que non tardaría en contaxiarlle o seu entusiasmo ao resto da veciñanza para mudar as cousas en Pastoriza. Supoño que xa o imaxinades... aquel colectivo non era outro que A Nova Mocidade, que nacía en marzo de 1980 para traballar, en múltiples vertentes, con e para o pobo de Pastoriza, como alternativa á orfandade socio-cultural que naquela hora sufría a parroquia do Santuario. A devandita alternativa sería plasmada a modo de comisión de festas para paliar o déficit festeiro do que estaba sendo obxecto Pastoriza pois, en anos anteriores, as festas ou ben eran de baixa calidade ou ben non se celebraban, como acontecera en 1979. Mais a partir daquel ano, A Nova Mocidade conseguiría despertar á parroquia do seu longo letargo e contribuiría a difuminar, a extender e a espraiar o nome de Pastoriza por todos os rincóns de Galiza grazas a creación da Romaría Galega, un evento que celebraría a súa primeira edición en agosto de 1980 e que chegaría a ter certo peso dentro do panorama musical galego daquela hora.  

      Esa edición, a de 1980, fora un éxito de participación, mais as seguintes non se quedarían atrás. Eran intres nos que se Catoira era coñecida pola súa Romaría Vikinga (1ª edición en 1960) e Ortigueira polo Festival Celta (1ª edición en 1978), Pastoriza, aparte do Santuario, tamén se situaba no mapa grazas á Romaría Galega que cada ano, constituía algo único no
Concello de Arteixo ao pasar polo noso municipio grupos e artistas profundamente ligados ao rexurdir da cultura e da música da terra como Fuxan Os Ventos, Milladoiro, Cantigas da Terra, Amancio Prada, Pucho Boedo, Os Tamara, Emilio Cao, ou Manuel María, o poeta a quen se lle dedica neste 2016 o Días das Letras Galegas, nomes aos que lles hai que sumar unha longa ringleira de participantes como Saraivas, Outeiro, Ana Kiro, Os da Veira do Monte, Os Zoqueiriños, Cumbre, Eidos, NHU, Sementeira, Raíces, Manolo Bello, Pao, Troco, O Xestal, Henrique Paisal, Airiños, Doa, María Manuela e Miguel, Pablo Quintana, Brétema, Fiadeiro, Brath…
Amancio Prada en Pastoriza en 1981

Fuxan Os Ventos na edición de 1982
Mais desgraciadamente aquela Romaría non tería a continuidade que si tivo por exemplo o Festival de Ortigueira, que principiara a súa andaina pouco antes de que o fixeran en Pastoriza A Nova Mocidade e xa vai camiño da edición número 40 e así, despois do tremendo esforzo que o colectivo do que estamos a falar levara a cabo durante varios anos organizando un evento de tal magnitude na súa parroquia, a Romaría Galega deixaría de celebrarse a principios dos noventa.

   O bo traballo daquel grupo de mozas e mozos de Pastoriza formado por Paco Seijal, Miguel Sande (hoxe delegado de La Voz de Galicia en Viveiro), Guillermo Pardo, Nardo, Pacucho Sande (que non tardaría en ser concelleiro do grupo municipal do BNG), Alfonso Mosquera, Rosa, Carmen Vazquez, o escritor Henrique Rabuñal, Chus Rabuñal, Juan, Isidro Vázquez "Chiro", Rafa Orgueira (tal como aparecen, de esquerda a dereita, na foto que tedes na parte superior desta crónica), Franki (integrante do grupo Agente Naranja e a quen escoitaríamos durante varios anos na Radio Municipal) e Antonio "O Lelo", sería recoñecido posteriormente polo Concello de Arteixo, que tería a ben dedicarlle unha rúa en Pastoriza a carón do local social do equipo de fútbol.

     Din que a  esperanza é o último que se
Rúa Nova Mocidade
perde mais moitas veces necesitamos que alguén nolo recorde e nos dean ánimos para seguir tendo esperanzas. Pois ben, eu teño a esperanza de que nun futuro próximo xurda no noso concello unha Nova Mocidade que traballe a prol da nosa cultura e identidade como fixeran magnificamente durante unha década aquel grupo de mozas e mozos de Pastoriza.





  



domingo, 24 de abril de 2016

A PARROQUIA DE LOUREDA NA XEOGRAFÍA XERAL DO REINO

Parroquia de Santa María de Loureda, de entrada.- Encuéntrase al S. de su municipio, en las faldas septentrionales del monte Carboeiro, y la dominan asimismo los montes de Vilarchán. El Carboeiro tiene unos 369 metros de altitud sobre el mar en su meseta, cerca de la que se halla el lugar de Santa Leocadia, en donde en forma de cono arranca un picacho de 100 metros de elevación, desde cuya cima se ve en día claro la parte del caserío de la Coruña que da al Parrote, la Torre de Hércules, la Marola y acantilados de su costa hasta la entrada de la ría de Ferrol. Sirve de punto de mira para la navegación por este litoral.

     Su territorio es de lo más hermoso de Arteixo y el mejor situado, con exuberancia de arbolado fructífero de variadas clases. Lo fertiliza el Bolaño, que nace en las vertientes de los montes entre Balay y Fontesende, lugar menor y aldea de la parroquia.

     Forman la feligresía las aldeas de Barreiras, Cancelo, Ervedins, Foxo, Fortecende, Iglesario, Mins, Queira, Quintans, Rocheira, Tis, y los grupos menores de Atín, donde está el pazo de esta familia, descendiente del Marqués de Camarasa, que ejerce el patronato de esta parroquia; Balay, nombre de uno de los montes que separan Loureda de Morás; Campiño, Carril, Marciñado, Regocheo y Santa Leocadia, de donde se disfruta un grandioso punto de vista, con 1.134 habitantes de hecho y 1.271 de derecho, domiciliados en 338 edificios, 123 de un cuerpo, 183 de dos y 52 chozas y albergues. Hállase a unos 13 kilómetros de la Coruña. Tiene escuela nacional. Confina al N. con Arteixo, al E. con Morás, al S. con el ayuntamiento de Culleredo, separado por los montes Vilarchán y Carboeiro, y al O. con Lañas. De Arteixo dista unos 3 kilómetros y unos 10 de la Coruña.

     El templo parroquial, si bien su nave es moderna, su ábside es igual y del mismo tiempo que el de la limítrofe parroquia de Morás. Es iglesia capaz y por su solidez y traza de las mejores del término municipal.

 

sábado, 16 de abril de 2016

O MUNDIALITO DA EMIGRACIÓN DE 1982

         O 13 de xuño de 1982 celebrábase no Camp Nou de Barcelona a ceremonia inaugural do Mundial de fútbol de España, onde máis de 3.000 estudiantes da cidade condal formaran diversas imaxes no campo, destacando entre todas elas unha enorme pomba branca, o símbolo da paz. Posteriormente, Arxentina enfrentaríase a Bélxica no primeiro partido do campeonato no que os belgas, cun gol de Erwing Vandenberg, derrotarían por 1-0 ao equipo de Diego Armando Maradona, o futbolista ao que todo o mundo desexaba ver. O Mundial de naranjito”, que finalmente gañaria Italia, fora a disculpa perfecta para que en moitos fogares, o meu entre eles, se producira o cambio do branco e negro ao cor ¿lembrades?, polo que aquel partido do Camp Nou, foi o primeiro no que moitos destinguimos claramente as cores das camistas de cada equipo por primeira vez.

Campo Municipal de Arteixo
     Poucos días antes de xogarse aquel Bélxica-Arxentina, a provincia da Coruña fora escenario doutro Mundial: o primeiro Campeonato de Fútbol da Emigración, popularmente coñecido como o Mundialito da Emigración, que se disputara do 20 ao 31 de maio nas localidades de Betanzos e Sada (Grupo I), Arteixo e Carballo (Grupo II), Carral e Ordes (Grupo III), Miño e Pontedeume (Grupo IV). Betanzos, Carral, Carballo e Pontedeume serían ademais sedes dos partidos de cuartos de final, Ferrol e Santiago de Compostela das semifinais, e A Coruña da final.

    Todo acontecemento ten unha xestación e o Mundialito da Emigración non podía ser menos. A idea xurdira nunha conversa, case informal, entre Pastor López Álvarez, naquela hora edil do Concello da Coruña e presidente da Federación Española de Boxeo, e o xornalista coruñes, residente en Caracas, Lázaro Candal. Ao principio, López tiña en mente facer unha olimpiada deportiva da emigración con seis deportes mais, trala conversa con Candal, os dous concretarían a idea, ante a complexidade da organización do evento, de reducir só ao fútbol a convocatoria cun torneo de 16 seleccións integradas por emigrantes españois, fillos ou netos. 

   O proxecto, ao que tamén se sumaría o xornalista Juan Guillín (que sería o Secretario Xeral do Campeonato), tería moi boa acollida, tanto por parte da colectividade galega no estranxeiro como nos diferentes estamentos deportivos internacionais e máximas autoridades deportivas, entre eles Juan Antonio Samaranch, naqueles días presidente do Comité Olímpico Internacional, que parabenizaría aos organizadores coruñeses pola súa iniciativa. En Brasil, o presidente da F.I.F.A., Joao Havelange, nada máis enterarse da organización do campeonato, anunciaba que estaría presente na final do campeonato (algo que finalmente non cumpliría) e o presidente da Confederación Brasileira, Giulite Coutinho, prometía todo o seu apoio ao equipo que viaxara a terras coruñesas, o mesmo que Julio Grandona, presidente da Asociación de Fútbol Arxentino, que convidara a todos os equipos do seu país a prestar a máxima colaboración para formar o equipo que fora xogar a Galiza.

A "anduriña viaxeira" do Mundialito
     Para o lanzamento e promoción do Campeonato, a Comisión Executiva organizadora encargaríalle ao pintor galego Mario Fernández Granell, moitos anos emigrante en Venezuela, o deseño dun cartaz e dunha mascota, que o artista plasmaría nunha anduriña viaxeira cunha á coa bandeira galega, outra coa española, corpo de balón e sobre unha portería de fútbol.

     Cun presuposto de 30 millóns das antigas pesetas, cubertos con subvencións do Instituto Español de Emigración, Xunta de Galiza, Deputación da Coruña, concellos da Coruña, Santiago, Ferrol, Betanzos, Sada, Carballo, Arteixo, Ordes, Carral, Miño e Pontedeume, entidades privadas e practicamente a totalidade das representacións bancarias da cidade herculina, o Mundialito comezaba o 20 de maio de 1982 cos partidos Inglaterra-México, Arxentina-Venezuela e Perú-Estados Unidos, xogados respectivamente en Sada, Ordes e Betanzos.

Estes foron os resultados da Primeira Fase do campeonato:
El Ideal Gallego, 22.5.1982


GRUPO I:
20.5. Sada. Inglaterra-México: 5-2                     
20.5. Betanzos. Perú-Estados Unidos: 1-3
22.5. Sada. Inglaterra-Estados Unidos: 1-3
22.5. Betanzos. Perú-México: 1-2
23.5. Sada. México-Estados Unidos: 2-1
23.5. Betanzos. Inglaterra-Perú: 4-1

GRUPO II:
21.5. Arteixo. Brasil-Francia: 2-2
21.5. Carballo. Chile-Suiza: 0-5
23.5. Arteixo. Chile-Francia: 2-0
23.5. Carballo. Brasil-Suiza: 1-1
24.5. Arteixo. Francia-Suiza: 2-2
24.5. Carballo. Brasil-Chile: 1-0

GRUPO III:
20.5. Ordes. Arxentina-Venezuela: 3-1
21.5. Carral. Bélxica-Marrocos: 3-0
22.5. Ordes. Bélxica-Venezuela: 0-2
22.5. Carral. Arxentina-Marrocos: 7-2
23.5. Ordes. Arxentina-Bélxica: 2-0
23.5. Carral. Venezuela-Marrocos: 2-1

GRUPO IV:
21.5. Miño. Alemaña-Uruguai: 0-4
21.5. Pontedeume. Holanda-Panamá: 2-1
23.5. Pontedeume. Alemaña-Panamá: 9-0
23.5. Miño. Holanda-Uruguai: 1-4
24.5. Miño. Alemaña-Holanda: 2-3
24.5. Pontedeume. Uruguai-Panamá: 3-0
   

   En Arteixo, sede xunto a Carballo do Grupo II, tivéramos a oportunidade de ver ás seleccións de Brasil, Francia, Chile e Suiza. Os chilenos, baixo o apoio do Lar Galego de Santiago de Chile, que naquela altura contaba con máis de 1.500 socios descendentes de galegos (a maioría panadeiros e ferreteiros), viaxaran a Galiza con varios xogadores do equipo profesional Unión Española, o quinto máis laureado do país andino. Suiza acudira ao campeonato con varios futbolistas do Espagnol de Lausanne, equipo que presidía o galego Ramón Iglesias e que non tardaría en convertirse campeón suizo de Segunda, categoría semellante á 2ª B española. A colonia de emigrantes españoles en Francia, empezarían a confeccionar o equipo no Torneo Cultural de Montpellier, celebrado en febreiro de 1982, mais o seu combinado non realizaría tan bo papel como o que farían os galos no Mundial de España, onde a selección de Platiní acabaría sendo 4ª cun bo número de emigrantes nas sús filas: Manuel Amorós (os pais eran de Alicante), o tarifeño Luis Fernández, Alain Giresse (de nai salmantina) e Daniel Bravo (fillo dun barcelonés). Os brasileiros estaban dirixidos por Vavá, o dianteiro daquela canarinha que gañara os Mundiais de 1958 e 1962 xunto aos Garrincha, Pelé, Didí, Amarildo, Zagalo e compañía. Na selección de Vavá destacaba Juan Valverde, fillo de galegos de Sao Paulo que quixera fichar o Botafogo, mais él escollera rematar a carreira de Económicas a ser futbolista profesional. En Arteixo tamén estivera presente Mónica Tanus Paixao Pérez, que acompañaba á delegación brasileña como madriña do equipo. Mónica era filla de galegos e fora “Miss Brasil” tres anos antes.

El Ideal Gallego, 25.5.1982
 O resto dos partidos do Mundialito da Emigración foron os seguintes:

CUARTOS DE FINAL:
26.5. Carral. Arxentina-Estados Unidos: 4-1
26.5. Betanzos. México-Venezuela: 0-0 (Venezuela por penaltis)
27.5. Carballo. Suiza-Holanda: 2-1
27.5. Pontedeume. Uruguai-Brasil: 3-1

SEMIFINAIS:
28.5. Ferrol. Suiza-Venezuela: 0-1
28.5. Santiago. Arxentina-Uruguai: 2-2 (Nun primeiro momento Uruguai clasificouse na tanda de penaltis, mais posteriormente Arxentina impunaría a acta, alegando alineación indebida dos charrúas, e o comité daríalle a competicións aos arxentinos)

3º e 4º POSTO:
30.5. Ordes. Debería xogarse entre Uruguai e Suiza mais o partido non chegaría a disputarse porque os charrúas non aceptaran a decisión do Comité de Competición

FINAL:
30.5. A Coruña. Estadio de Riazor. Arxentina-Venezuela: 4-2
El Ideal Gallego, 31 de maio de 1982
    Algúns dos futbolistas máis destacados do torneo non tardarían en recibir ofertas de clubs de Primeira División. Este fora o caso do máximo goleador do Mundialito, Ricardo Albisbeascoechea, “Albis”, que ficharía no Málaga e posteriormente, na tempada 1990/91, xogaría no Deportivo; o uruguaio “Dardo” Perez, que recalaría no Racing de París ou do alemán Orejuela, que ficharía no Salamanca.

    Até o de agora, disputáronse dous Mundialitos da Emigración máis, os de 1983 e 1985, celebrados en Pontevedra e Tenerife respectivamente. Do primeiro pódenvos dar boa conta no Bar Fénix de Arteixo, no Paseo do Balneario. Se entrades a tomar un café, detrás da barra tedes a Nelson Cedeira, que foi campeón daquela edición do 83 coa selección de Uruguai. Nelson, que fora compañeiro de Enzo Francescoli no Montevideo Wanderers, estivera a piques de fichar polo Celta tras aquel campeonato...mais este conto queda para  outro día!






domingo, 10 de abril de 2016

O NAUFRAXIO EN SORRIZO DA LANCHA "VICTORIA" EN 1897

     Á unha da tarde do luns, 12 de abril de 1897, a lancha Victoria zarpaba do porto de Malpica cun cargamento de táboas de pino destinadas á fábrica de tabacos da Coruña, industria manufactureira que se puxera en marcha en 1808 e que naqueles últimos anos do século XIX alcanzaría o seu punto máis alto de emprego, con 4.000 operarias nos diferentes traballos de elaboración e funcionamento da tabacaleira, a cifra máis elevada da súa historia.

     Tripulaban a embarcación o seu patrón e propietario, José Martínez, e os mariñeiros José Torrente, veciño de Pontedeume; Miguel Leira e Manuel Leira, de San Salvador de Maniños (Concello de Fene); Juan Cierto, Juan Ríos, Ramón Vila, Evaristo Vila e José Fernández, estos dous últimos con domicilio na parroquia de San Martiño do Porto (Concello de Cabanas). Excepto Miguel Leira, que contaba 52 anos, todos os demais eran mozos de 24 a 25 anos. Embarcaran tamén en Malpica con varios paxes de peixe, Dolores Garrido, Ramona Varela, Dolores Varela, Manuela Castiñeiras e Dolores Blanco, cinco mulleres que ían a cidade herculina a vender os seus productos.
Embarcación de finais do século XIX (jrvarela.net)
 
 Cando a Victoria zarpou do porto bergantiñán o tempo non era malo, mais ao pouco empezaríase a notar un vento do nordés que non tardaría en converterse en furacanado. Naqueles intres, cando navegaban por diante do litoral de Arteixo, caería ademais, unha boa treboada que cubriría o horizonte cunha densa zarrazón. A viaxe principiaba a ofrecer gran risco, polo que o patrón decidiría poñer rumbo a Caión para refuxiarse neste porto.

     De minuto en minuto o vento era máis amenazador e o mar íasese enfurecendo de xeito extraordinario, empezando a entrar gran cantidade de auga na embarcación. Tanto José Martínez como o resto dos tripulantes facían esforzos inauditos para arriar as escotas...mais o vento derribaba sobre cuberta aos mariñeiros. A confusión a bordo era inmensa, e os esforzos da dotación imposibles para conter á lancha que, nun dos vaivéns, acabaríaselle correndo a carga sobre o costado de estribor facéndoa afundir nas proximidades da enseada do Lourido. A Victoria quedaría quilla arriba. Imposible describir o acontecido naqueles intres. Os nove mariñeiros e as cinco peixeiras de Malpica, que non tiveran tempo a darse conta do naufraxio xa que viaxaban no camarote do patrón, iríanse ao fondo do mar.

     Medios de salvamento a bordo non había, só unha chalana que a embarcación de José Martínez  remolcaba, na cal tiñan só cabida tres persoas. Diuse o caso de que nun dos primeiros golpes de mar a devandita chalana fora a parar, segundos despois do sinistro, a unhas trinta ou corenta brazas de distancia do lugar de onde se fora a pique a Victoria.

     Os mariñeiros que foran quen de saír á superficie empezarían a nadar cara a quilla da lancha, á que se asiron todos menos dous, mentres que a embarcación non afundiu definitivamente. Tamén aparecerían dúas das mulleres. Unha delas lograría asirse a unha táboa e un dos mariñeiros, procurando salvala, apresurouse a xuntar varios taboleiros para formar, como malamente puido, unha especie de balsa que amarrou cunha corda. A esta mesma balsa, pequena e insignificante, subiríase tamén José Fernández, outro dos tripulantes que non fora quen de poñerse a salvo na quilla da Victoria, mais o oleaxe iríaa separando e xa non se volvería a saber máis daqueles infelices, o mesmo que a maioría dos mariñeiros que permanecían asidos na quilla da lancha, que cando afundiu definitivamente desaparecerían con ela. Salvaríanse só dous: o patrón José Martínez e o tripulante de Pontedeume, José Torrente.

     O patrón, que aínda divisaba a chalana, nadaría vigorosamente ata alcanzala. Estaba sen remos e sen toletes. Meteuse dentro e pouco despois escoitou, moi próximos, berros desesperados. Afundíndose ás veces e saíndo outras á superficie, viu, non moi lonxe, a unha das peixeiras de Malpica. Tratábase da rapaza de 18 anos Manuela Castiñeiras, que estaba apoiada nunha táboa. Subiu a moza a bordo axudado polo mariñeiro Torrente, que nadara ata aquel punto, e a continuación os tres náufragos deixáronse ir impulsados polo vento e o oleaxe. Pola dirección que levaban déronse conta que non tardarían en esnafrarse contra As Corredosas, Valos Vellos, O Porto do Seixelo, O Rego do Xunco...é dicir contra as rochas do litoral  de
Litoral de Sorrizo
Enseada do Lourido
Sorrizo. En vista disto tentaron dirixirse cara a Caión mais, cando querían poñer esa dirección na pequena chalana, era imposible xa que o mar rompía alí dun xeito impoñente. Terían que virar a sotavento e encamiñarse cara a enseada de Lourido, onde ao estar próximos a terra, como o arribo non era doado, Martínez lanzaríase unha vez máis a auga, para suxeitar a chalana e, entre él e o seu compañeiro Torrente, desembarcarían a Manuela Castiñeiras.

     Os tres náufragos superviventes chegarían a pé a Caión, onde serían auxiliados polas forzas de carabineiros e pola veciñanza, que os recollería nas súas casas. Pouco despois, coas primeiras luces do día, sairían do porto caionés varias embarcacións comandadas polo patrón Martínez cara a costa de Arteixo, co obxecto de buscar máis superviventes. Á altura do Lourido farían todo tipo de operacións para atopar á Victoria e os corpos dos náufragos mais, despois de inspeccionar durante todo o día cada aquel punto e cada palmo do litoral arteixán, os esforzos resultarían infructuosos.

     O que sí atoparían sería unha gran cantidade de madeira que a lancha transportaba para a fábrica de tabacos. José Martínez, cando andaba a procura da súa embarcación, chagaría ata o areal de Sabón, onde xa había dous carabineiros que foran a pé dende Caión. Según as crónicas da época, na praia había infinidade de persoas ..."que se dedicaban, burlándose de los carabineros, imponiéndoseles por la superioridad numérica, a recoger la madera e irla apilando o cargando en carros".

La Opinión de Pontevedra, 18.4.1897
     Aquilo resultaba verdadeiramente escandaloso. Cando viron ao patrón, ou mellor dito, cando se enteraron que era un dos náufragos, asediárono a preguntas ¿Acerca do seu estado? ¿Respecto ao número de víctimas? Nada diso. Preguntaban polos cartos que a lancha levaba; si estaban colocados nalgunha caixa; cal era o cargamento da embarcación; etc, etc. Martínez, "que es un mozo fornido y valiente", de seguro que de non estar tan rendido faría pagar cara alí, a algúns dos presentes, a súa falta de humanidade e codicia. Mais nada poidera facer. Uns minutos despois daqueles lamentables feitos presentábase en Sabón dous carabineiros máis, os do posto de Pastoriza, a quenes o patrón informou do que estaba pasando no areal. Unha vez souberon o que alí acontecía, os dous carabineiros de Pastoriza xunto aos outros dous de Caión, empezarían a arremeter contra os crebeiros arteixáns, feito que a estos daríalles máis ánimos para tratar de acometer á escasa forza. Os carabineiros, véndose en apuros, dispararían varios tiros (non se sabe se houbera feridos) e despois deterían dous carros cargados por completo de taboleiros que pretendían roubar.

     Tras este lamentable incidente, o patrón e o mariñeiro dirixiríanse á Coruña e a moza Manuela Castiñeiras regresaría dende Caión a Malpica. José Torrente era a cuarta vez que naufragaba e que por sorte para él, lograba salvarse. Martínez sería atendido na cidade herculina na casa do seu parente Ramón Casal, onde estaría durante varios días recuperándose do abatemento da traxedia na que faleceran sete mariñeiros e catro pasaxeiras, un patrón que tiña na lancha, gardados nun saquiño, 288 pesos, parte dos cales lle pertencían, constituíndo o resto o fondo do barco. Levaba, tamén, un xiro dunhas mil pesetas endosado por D. Santiago Cachón á orden de D. Santiago Cabanillas, da Coruña.


sábado, 2 de abril de 2016

CENTENARI@S DE ARTEIXO


La Voz de Galicia, 21 de setembro de 1963
     Vivimos na xeneración máis lonxeva da historia, preocupada polo envellecemento da poboación e o drástico cambio de rumbo das nosas curvas demográficas, cada vez con menos nenos e máis anciáns. Mais esta realidade xa a coñecemos dende hai tiempo: non é, precisamente, unha novidade científica. E é que, agora, a nova revolución médica e social en canto á vellez non se refire só ao aumento da esperanza de vida senón que se ocupa, especialmente, dos que son "máis que vellos", os máis maiores entre os maiores: os que xa cumpriron 100 anos.

     O centenario, unha fronteira mítica e infranqueable fai apenas medio século, empeza a converterse nunha expectativa realista para cada vez máis cidadáns do planeta. Xa non só se chega a vello, chégase a ser "moi vello" e con grandes probabilidades de facelo en plenitude de condicións físicas e mentais. E, por suposto, isto supón toda unha revolución á que os médicos, psicólogos, sociólogos e políticos parece que non se dan afeito.

    Este envellecemento da poboación é un fenómeno a nivel mundial que, no caso de España, diu lugar a que na actualidade vivan 14.487 persoas centenarias, fenómeno ao que os demógrafos denominan "a cuarta idade". Dentro do Estado español encóntrase a zona xeográfica do mundo (só equiparable á de Xapón) máis envellecida: Galiza, un caso extremo en lonxevidade, que actualmente conta con 630.000 persoas maiores de 65 anos. Isto, en porcentaxe, supón un 22,5% da poboación, da que 1.200 persoas escriben a súa idade con tres cifras. E as previsións indican que a porcentaxe de poboación nesta asombrosa franxa de idade seguirá aumentando durante as próximas décadas...mais lamentablemente, só un de cada 80 galegos ten praza nun xeriátrico.

     Galiza envellece a ritmo lento pero constante, principalmente nas provincias de Lugo e de Ourense. En 2010 o noso país superou por primeira vez a barreira dos mil centenarios. No ano seguinte eran 1.025 (812 mulleres e 213 homes) dos cales 322 correspondían á provincia da Coruña (262 mulleres e 60 homes).
El Ideal Gallego, 21 de novembro de 1973

      No 2013, na provincia coruñesa estaban contabilizados 374 centenarios e, como nas anteriores estadísticas, a inmensa maioría eran mulleres, case o cuádruplo (296 frente a 78 varóns). O dato supoñía un incremento do número de maiores de 100 dun 20,6% respecto a 2011, ano no que por primeira vez o I.N.E. diferenciaba aos de máis de 100 anos (antes  incluíaos no epígrafe global de máis de 85 anos). Por localidades, a cidade da Coruña rexistraba, nese ano 2013, ata 73 centenarios, seguida de Compostela con 31, Ferrol con 21 e Melide con 18. Xunto a Betanzos, Arteixo era con 7 o concello da área metropolitana (exceptuando  A Coruña) con más centenarios, por diante de Culleredo con seis e Oleiros con cinco.

     Unha daquelas sete persoas centenarias de Arteixo era a miña veciña do Rañal Dorinda Naya Iglesias, nada en 1912 e falecida con 102 anos en febreiro do 2015, unha muller cunha memoria fora do común (lembrábase das datas de nacemento de toda a veciñanza e familiares) coa que tiven o  privilexio de pasar centos de tardes escoitando as súas lembranzas do Arteixo de antes. Dorinda vivira na súa infancia anos duros, moi duros de miseria que, como dicía ela..."non tiñamos nin calzares" e, o mesmo que toda a xente da súa xeración, tamén vivira o cambio do candil á bombilla; do lavadoiro á lavadora; do branco e negro á era dixital; ou do carro de bois aos coches todoterreo. A súa memoria gardaba refráns, cantigas, tradicións, contos e lendas. Lembrábase tamén con detalle do reinado de Alfonso XIII, dos anos da II República, da Guerra Civil, da dureza da posguerra e por suposto da ditadura de Franco. Escoitar a Dorinda como debullaba os contos polo miúdo era un auténtico pracer. Gustáballe moito tamén falar do mar, lembrarse dos que perderan a vida nas rochas, de cando ían ao golfe e das cousas que aparecían nos areais..."a primeira vez da miña vida que vin plátanos non sabía o que eran, nin sabía que se podían comer. Máis ou menos polo 1930, apareceron centos deles na praia da Area da Salsa e nós levámosllos aos porcos. Un par de anos máis tarde apareceran no areal de Alba moitos bocois de viño e tivemos que pagarlle aos carabineiros para poder quedarnos con él. Nunca tanto viño se bebeu no Rañal! As mulleres tamén íamos ás praias a buscar botellas de vidro que traía o mar, para logo gardar nelas o aceite".
Imaxe de 2012, de cando a veciña do Rañal, Dorinda Naya Iglesias, cumpría 100 anos
  Aos que hoxe rondamos o medio século de idade, afortunadamente xa non nos tocou vivir os tempos de sacrificio, de traballo duro e de fame que pasaron os nosos maiores, mais un momentiño: o ritmo de vida frenético que levamos na actualidade estanos a poñer unha venda nos ollos, pois impídenos ver o tesouro que os máis vellos, e xa non digamos @s centenari@s, gardan nas súas memorias. A pesar do mundo de presas no que vivimos, no que parece que non haxa tempo nin para falar (se cadra pola desaparición das lareiras) non debemos desaproveitar a oportunidade de escoitar as súas lembranzas e vivenzas.

     Remato contándovos que a persoa máis lonxeva de Galiza é Avelina Mouzo Leis, unha muller de Ponte do Porto (Camariñas) de 111 anos e que, a día de hoxe, en Arteixo só hai dúas persoas centenarias, unha muller de 100 e outra de 103, un Arteixo que nos anos sesenta e setenta, cando chegar á idade dos tres díxitos non era tan frecuente como o é agora, fora motivo dos reportaxes que se acompañan da veciña de Santa Icía, María Ponte, que en 1963 contaba con 106 anos, e de Encarnación González Més, que en 1973 convertíase en centenaria.