venres, 28 de abril de 2017

MANUEL MURGUÍA E ANTÓN PAN, O SEU PADRIÑO DE FROXEL (OSEIRO)

     Hai varias hipóteses sobre o nacemento en Arteixo do noso ilustre veciño. Unhas afirman que a súa nai, dona Concepción Murguía Egaña, se desprazara da Coruña ata o xa daquela frecuentado Balneario arteixán na primavera de 1833 para tomar as augas termais e prepararse para o parto do seu futuro fillo. Outras fontes apuntan que, estando hospedada nos Baños, a nai do futuro patriarca das Letras Galegas  decidira visitar o Santuario de Pastoriza e no percorrido, á altura de Oseiro, as dores do parto obrigárona a pedir axuda nunha das casas do lugar. Mais tamén hai informacións que nos indican que o nacemento de Murguía no concello arteixán non foi casual, informacións como as que miña avoa materna Carme Pan Pan (1913-1999), "Carme do médico", escoitou na súa casa de Froxel cando era nena e que dicían que os pais do historiador eran amigos do seu tataravó Antón Pan, un home que iniciara estudos en farmacia ou medicina mais que nunca chegara a rematalos. "Era médico sen título", dicíanos a avoa Carme, que tamén falaba sempre dun baúl cheo de "libros de médicos" que había na casa na que nacera e se criara, a mesma na que viñera ao mundo oitenta anos antes Manuel Murguía.

Casa de Froxel onde naceu Murguía
     Ao parecer, Antón Pan fixérase amigo do pai do patriarca das nosas letras, o boticario Xoán Martínez de Castro, cando os dous principiaran os seus estudos, amizade que levaría a Antón a ser o padriño do neno que nacera na súa casa de Froxel o 17 de maio de 1833 e que se bautizaba ao día seguinte no Santuario de Pastoriza co nome de Manuel Antonio Martínez Murguía (o feito do segundo nome de Murguía é outra proba máis desa amizade cos pais do historiador que, no momento do nacemento do cativo estaban aínda solteiros).


Froxel, anos 30
     Xoán Martínez de Castro era farmaceutico na rúa Garás da Coruña e estableceuse despois, sobre o ano 1837, en Santiago de Compostela. Será neste lugar precisamente onde o neno Manolito Murguía presencie os sucesos do 23 de abril de 1846: o pronunciamento progresista que iniciara Miguel Solís nos primeiros días dese mes de abril en Lugo contra o goberno de Narváez e do que os derradeiros feitos aconteceran nas rúas de Compostela, algúns deles diante da propia casa da familia Martínez Murguía. Este fracasado levantamento (que rematou co fusilamento dos oficiais en Carral) confluiría politicamente coa primeira manifestación do galeguismo, que Murguía narrará máis tarde nun artigo titulado "La Voz de Galicia" cun enorme sentimento.

     Manuel Murguía principia a estudar bacharelato na universidade a partir de 1845, concluíndo o bacharel en filosofía en 1850 e, ao mesmo tempo, o curso preparatorio de Medicina e Farmacia, que iniciara por desexo do pai. Mais él tiña moi claros os seus gustos e, deste xeito, o interese pola literatura e a historia faríano abandonar a carreira para dedicarse plenamente co seu labor de escritor e investigador. Nestes anos, a vida cultural de Compostela xiraba entorno ao "Liceo de la Juventud", onde se daban cita estudantes e intelectuais como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre ou Rosalía de Castro.

     En 1850 trasládase a Madrid para estudar Farmacia e alí relaciónase con intelectuais como os irmáns Valeriano e Gustavo Adolfo Bécquer ou Alejandro Chao. Catro anos despois publica o seu primeiro texto en galego (o 1 de xuño de 1854) no álbum de Elena Avendaño, unhas seguidillas tituladas "Nena das Soidades". En 1855 publica por entregas a súa primeira novela: "Desde el cielo" e tamén colabora en xornais e revistas madrileñas da época como "La Iberia" e "Las Novedades", nos que acadaría un notable éxito que lle permitiría publicar folletíns con obras como "Mientras duermo", "Mi madre Antonia", "El ángel de la muerte" e "Los lirios blancos".
Murguía de novo
       En Madrid tamén coñecería a Rosalía de Castro. Ao escribir unha crítica de "La flor", o primeiro poemario de Rosalía, a relación entre ambos os dous foise estreitanto ata o punto de ennoivaren e, o 10 de outubro de 1858, casaban na madrileña igrexa de San Ildefonso. É indubidábel que Murguía foi unha peza de apoio intelectual e social para Rosalía. Dende o principio, animouna na súa carreira literaria e na publicación de obras como "Cantares gallegos", considerada o inicio do Rexurdimento literario galego, e mesmo chegou a publicar algunha obra súa sen o seu consentimento.

     Algo que debemos considerar como o primeiro puntal do Rexurdimento foi o cambio operado en Murguía cando deixou o labor creativo, tras acadar un grande éxito, para se dedicar por completo á investigación histórica e á divulgación desta, así como a difundir o ideario político xurdido, principalmente, das súas investigacións.

     En 1859 o matrimonio trasládase a Compostela, e con motivo do nacemento da súa primeira filla, en maio, publica "La primera luz", un libro de lecturas escolares estructurado en vinte temas de historia e xeografía, que o Ministerio de Fomento recomendou para o ensino nas escolas de Galiza. Esta obra sería reeditada en Lugo en 1868.

Murguía e Rosalía cos fillos
     En 1862 Murguía remata o seu "Diccionario de escritores gallegos" e tres anos máis tarde edita o primeiro tomo da súa "Historia de Galicia". Na revolución de setembro de 1868 sería secretario da Xunta Revolucionaria de Santiago e despois nomeado director do Arquivo de Simancas, en 1870 xefe do Arquivo Xeral de Galicia ata 1875, sería director de "La ilustración gallega y asturiana" (1879) e máis tarde, no 1885, Cronista Xeral do Reino. No 86 (ao ano de morrer Rosalía) publica "Los precursores", obra na que fai unha descrición de varios personaxes da vida cultural galega. En 1890 dirixe xunto con Alfredo Brañas "La patria gallega", boletín onde se deron as primeiras claves do que ía ser co tempo o pensamento rexionalista galego. Tamén neste mesmo ano, Murguía publica durante uns Xogos Florais en Barcelona un discurso (no que fala do sentimento histórico e cultural diferenciador de Galiza) que foi moi aplaudido e que fixo que o nomeasen "Mestre en Gay Saber".

Manuel Murguía
    Pouco despois sería nomeado presidente da Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente galeguista. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG, faríase reivindicación do uso propio do galego, lingua en que Murguía pronuncia o discurso inaugural. 

¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falaron os aldeáns e nos achamos a punto de non entendelo. 

     Manuel Murguía sería destinado en 1892 á Biblioteca Universitaria de Compostela, posto que exercería ata a súa xubilación en 1905.

     Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da Lingua, idea que comunicou a outros escritores que se daban cita nunha libraría da Coruña coñecida co nome de "A Cova Céltica". Tamén, no noso protagonista, xurdiría a teima de crear un dicionario da lingua galega, porque se sentía falto de vocabulario; se cadra, a inexistencia deste dicionario foi determinante para que a súa obra en galego fose tan escasa. O día 25 de agosto de 1906 aprobouse a creación da Real Academia Galega, que presidiría ata a súa morte. 

     O día 1 de febreiro de 1923, a piques de cumprir 90 anos, Manuel Murguía finou na súa casa da rúa de Santo Agostiño da Coruña, sendo soterrado no camposanto de San Amaro.

Pasamento de Murguía

venres, 21 de abril de 2017

O PADRE VILLA E A "CIUDAD DE LOS MUCHACHOS" DE AGARIMO

     Nemesio Fernández Villa, nado o 17 de febreiro de 1929 en Villamondrin de Rueda (León) e coñecido ao longo de boa parte da súa vida por Padre Villa, foi un arteixán de adopción ao que o ambiente relixioso vivido na súa infancia no seu pobo natal e no seno da súa familia encamiñaríano, dende moi neno, cara o desexo de ser sacerdote.

     Despois de facer o bacharelato no colexio dos Capuchinos de El Pardo (Madrid), as súas convincións relixiosas levaríano a entrar aos 16 anos no Noviciato dos Capuchinos de Bilbao, cidade na que estaría un ano para logo recibir a profesión relixiosa e marchar a Montehano (Santander) a principiar os tres anos de Filosofía e, posteriormente, faría en León os cinco anos de Teoloxía, ordenándose sacerdote o 24 de xaneiro de 1954 na catedral de Astorga.

     O seu desexo de adicarse á predicación conduciríao á capital do Estado, onde estudiaría Sagrada Elocuencia durante un ano recibindo clases teóricas e prácticas de oratoria no convento madrileño de Cuatro Caminos dos Capuchinos, clases que impartía unha famosa artista de teatro da época. Nos anos seguintes o Padre Villa dedicaríase ao púlpito aproveitando os veráns para realizar cursillos especializados nos problemas da xuventude, e tamén botaría dous meses en Lille e París e un ano en Roma, capital na que realizaría outros cursos sobre esta mesma temática xuvenil co Padre Lombarde.
 
Imaxe dos primeiros anos do Padre Villa no Portiño
      O noso protagonista sería destinado en 1957 á cidade da Coruña, a onde chega coa enorme ilusión de converterse en misioneiro. Pasado un tempo e convencido de que estaba superada a etapa da predicación, principia a de dar pan aos homes seguindo o dito de "unha cousa é predicar e outra é dar trigo" e, deste xeito, en maio de 1965 entrou en contacto directo cos suburbios da cidade herculina chegando ao barrio do Portiño. Aqueles serían tempos difíciles os que lle tocou vivir ao capuchino. A Coruña do 65 non podía entender porque un sacerdote pretendía dar esperanza ás xentes dun dos barrios máis marxinais daquela hora. Alí, no Portiño, o Padre Villa estaría traballando tenazmente durante unha década rehabilitando moral, social, cultural e materialmente á veciñanza do lugar, uns seres que vivían nunhas condicións miserables e infrahumanas aos que axudaría levantando dúas escolas, un comedor no que a diario comían sesenta nenos, un dispensario con dous médicos e dúas enfermeiras, trece vivendas, unha capela e ademais, co seu esforzo tamén conseguiría levar auga á zona e facer un novo alcantarillado.

     Van pasando os anos e en 1972 convértese en "chabolista cos chabolistas", vivindo cóbado con cóbado coa xente do Portiño. Moito despois, en 2001, os residentes deste barrio da Coruña recoñecerían os esforzos do Padre Villa mediante a colocación dun busto, rendíndolle homenaxe a quen fora o seu benefactor. Naqueles primeiros anos setenta xurdiría nel a condición de sacerdote obreiro, iniciando a súa experiencia no mundo laboral nunha empresa da construcción por un periplo de 8 anos, traballo co que, en unión do seu día a día cos chabolistas, o Padre iríase transformando nun ser distinto do que fora ata aquel entón e por iso, co permiso do seu superior, abandonou o convento e foise a vivir ao Portiño..."una cosa distinta es hacer la caridad desde una estructura cómoda, como la del convento, y otra hacer la caridad desde dentro", dicía.

O Padre no interior da xaula dos leóns do circo Imperial
     En contacto directo coa lamentable realidade de ver a diario a un numeroso grupo de nenos abandonados socialmente, alí no Portiño xurdiría a idea de crear unha "Ciudad de los Muchachos" para os nenos con máis problemas e os máis desamparados. O capuchino non tiña máis que os seus brazos, o soldo da empresa de construcción na que traballaba e unha fé enorme no proxecto. Sería aí nesa altura cando se formou a Asociación Agarimo, unha entidade xurídica que lle daba pé para pedir ás portas dos organismos públicos á vez que era quen de conseguir un bo número de socios. O seu amor polas persoas e unha enorme fe na providencia que o arrouparía ao longo da súa vida, levaríao a non escatimar esforzos para convertir en realidade a súa idea. Para levala a cabo o Padre faría un pouco de todo, dende artigos e entrevistas nos xornais locais ata unhas frecuentes campañas radiofónicas nas que explicaba aos oíntes a necesidade duns nenos aos que lles faltaba o máis elemental. Mais sen dúbida algunha, o acto máis popular, co que golpeou nas conciencias e despertou o interés  da xente para que apoiara economicamente a súa idea, foi o acontecido o 26 de abril de 1972. Ese día estaba na Coruña o circo Imperial e o Padre Villa aproveitaría esta circunstancia para entrar, vestido con sotana, nunha xaula na que había catro leóns. Micrófono en man e sentado nun tallo, contou aos asistentes á función que as catro feras que se atopaban ás súas costas "podemos acariciarlos mentalmente" mais que non era doado facelo físicamente. Dentro da xaula, o Padre dirixiríase ao público para pedirlle que lle axudaran nas súas labores asistenciais, que naqueles intres xa se centraban en sacar adiante o que sería Agarimo.

      No vocabulario do Padre Villa non existía a palabra imposible. Non tardaría en xuntar, despois de solicitar axuda en todos os púlpitos da Coruña, unha suma de 900.000 das pesetas de 1973 que, xunto a unha leira que un veciño de Arteixo lle regalou e os proxectos feitos gratuitamente por un arquitecto que non cría nos curas máis si neste pobre capuchino, o Padre principiaría a edificar a súa gran obra social logo de comprar terreos en Laxobre por un valor de 1.450.000 pesetas: a "Ciudad de los Muchachos Agarimo".

Primeiros chaléts de Agarimo
  O 15 de xaneiro de 1975, chegaban as máquinas para facer as zapatas e os camiños, donde se construirían os pilares dos primeiros chaléts e a respectiva entrada da "Ciudad". Posteriormente virían a Arteixo gran cantidade de mozos e mozas de Portugal, Francia, Bélxica, Italia e outros países de Europa para traballar voluntariamente no inicio das obras. O proxecto tamén iría facendo un oco no espíritu social nos mozos da bisbarra e, deste xeito, moita xuventude da Coruña botaría unha man a través de Los Traperos de Emaús, un grupo creado a raíz do comezo das obras de Agarimo que tiña como finalidade animar á xuventude a favor da "Ciudad de los Muchachos" e conseguir fondos para a súa financiación.

     Finalizada a primeira fase da construcción da cidade, realizada por Construcciones Loureiro por un  presuposto de 15.000.000 de pesetas, a inauguración do centro, do que nun principio se encargaban sete persoas do seu funcionamento, tería lugar o 3 de outubro de 1976. Eran catro chaléts que albergaban a cincuenta nenos e nenas: 21 eran do Portiño, 18 de Carballo e 7 de Vioño. O primeiro dos edificios, denominado Panxoliña, tiña unha cociña, un comedor, un cuarto social, unha sala de asambleas e as habitacións dos adultos. O segundo, denominado Abeiro, era a residencia dos mozos. O terceiro, Acouguiño, era o das mozas e o cuarto, Abrente, estaba adaptado para a escola. Ao fin o Padre Villa vía cumprido o seu soño e, cunha gran esperanza, principiaba a primeira experiencia de carácter mixto e interna, en réxime de liberdade, que se realizaba no Estado español.

     Os primeiros meses serían duros e, dadas as circunstancias, houbo que crear un regulamento de réxime interno que irían descubrindo os propios rapaces nas súas asambleas. Pouco a pouco o protagonismo dos adultos iría deixando paso á asamblea dos cidadáns de Agarimo e ás autoridades e delegados escollidos por eles mesmos. Os "muchachos" van gañando así en conciencia comunitaria, en convivencia, en espíritu de traballo e en liberdade responsable. O sostemento da "Ciudad" supoñía, naqueles primeiros anos de actividade, uns gastos anuais de máis de catro millóns de pesetas que se sufragaban coa aportación dos socios  e entidades colaboradoras.

     Aos dous anos, e dacordo coas normas vixentes do Ministerio de Educación, construiríase o Colexio con capacidade para oito unidades e para o cal fora necesario solicitar un préstamo á Caixa de Aforros por valor de 18 millóns de pesetas. Todo isto daba máis plenitude á atención pedagóxica e cultural dos cativos e así, moitas dependencias que ocupaban un lugar nos chaléts, pasarían directamente ao novo edificio, como o autoservicio, o ropeiro, a enfermería, a secretaría, a banca... disfrutando, ao mesmo tempo, dunhas aulas máis grandes e confortables. Ao ano seguinte da construcción do Colexio, principiaban as obras de edificación do núcleo central, lugar donde se atendería moito mellor aos rapaces ao poseer un comedor máis amplo, cociña industrial, un almacén de alimentos, unha sala de xogos, unha biblioteca, unha sala de televisión, unha sala de asambleas, unha pista deportiva e un frontón. Posteriormente construiríase un invernadoiro, unha granxa, compraríase uns terreos para facer un campo de fútbol e unha leira para o uso de cultivos.

Agarimo na década dos 80
  O 20 de decembro de 1987 inaugurábase a Vila Xuvenil, rematando así a última fase de desenvolvemento da parte residencial da "Ciudad". O que principiara como un proxecto un tanto utópico ideado por un capuchino un tanto rebelde para a súa época, a mediados dos anos noventa, dúas décadas despois da súa inauguración era xa unha iniciativa pioneira coñecida en medio planeta. Agarimo pouco tiña que ver co de 1976 xa que nese tempo serían moitas as reformas e ampliacións que se levarían a cabo no recinto, unha "Ciudad de los Muchachos" que naquela altura estaba claramente dividida en dúas partes: o internado e o colexio. A primeira estaba dirixida pola orde dos terciarios capuchinos e acollía a 35 mozos e 10 mozas que vivían alí; a segunda era un centro de educación permanente de adultos, no que a xuventude podía obter o Graduado Escolar ou a formación laboral nalgún dos seus cinco pretalleres de hostalaría, xardiñería, carpintería, construcción e mecanografía, e dous talleres máis cos que contaba. O obxectivo destos talleres non era outro que o de achegar aos mozos con problemas de integración no mercado laboral e, para tal fin, ensinábanlles un oficio e dábanlles uns coñecementos básicos para que poideran sentirse integrados socialmente dun xeito innovador xa que os educadores do centro trataban de despertar o interés polo estudio nuns rapaces que odiaban o colexio.

O Padre Villa
  O Padre Villa falecería o 22 de abril de 2008, mais a obra social de Agarimo segue a estar en boas mans xa que dende 1998 está dirixido por unha muller xenerosa e loitadora incansable, unha muller sempre preocupada por todo o mundo: Lita Otero, que é a persoa que mantén vivo o espíritu do capuchino arteixán de adopción e do seu importante traballo como benefactor.

     Na actualidade Agarimo, que no pasado mes de outubro cumpriu o seu 40 aniversario, é titular dun centro educativo, o CPR Agarimo, centro completamente gratuíto no que o alumnado recibe un ensino presencial en grupo e con reforzos individuais. A oferta educativa posibilita a recuperación de mozos e mozas de familias con escasos recursos económicos, e cun claro risco de exclusión social.

     As  unidades  autorizadas que a día de hoxe están en funcionamiento en Agarimo son as seguintes:

-EDUCACIÓN SECUNDARIA PARA PERSONAS ADULTAS:

FORMACIÓN PROFESIONAL BASICA:
Cociña e Restauración : unha unidade en funcionamiento ( 2º curso)
Carpintería e Moble:  dúas unidades en funcionamiento (1º e 2º curso)

-EDUCACIÓN ESPECIAL:

CINCO UNIDADES DE PSIQUICOS (a quinta unidade púxose en funcionamiento a partir do mes de setembro de 2016 , trala ampliación do concerto educativo por parte da Xunta).
    Ademais, a actividade do Centro con Fogares xestionada  polos Padres Terciarios Capuchinos nas instalacións que lles cede gratuitamente a Asociación, segue tendo a atención psicopedagoxica en réxime residencial (Centro de Dia) de menores en risco de exclusión social, en situacións de desamparo e maltrato, tutelados pola Conselleria de Traballo e Benestar da Xunta.

     Dicir tamén que no ano 2015 a Asociación Agarimo conseguiría  da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, dependente da Conselleria de Economía, Emprego e Industria, acreditarse como Centro de Formación para o emprego tendo, na actualidade, un curso en marcha para 60 rapaces en paro e con baixa cualificación académica.

     Á marxe de todo isto, Agarimo tivo e segue tendo ese espíritu de solidaridade con todo aquel ou aqueles que poidan necesitar a súa axuda, unha Asociación Agarimo que non debemos esquecer que segue adiante grazas a todos esos socios que mes a mes, trimestre a trimestre, ano a ano dan os seus donativos...a esos cidadáns da Coruña, Arteixo, etc, que non escatiman esforzos en arrimar o ombro cando é necesario. Por iso as portas de Agarimo sempre estarán abertas para todo aquel que chame a elas, sexa persona física, asociación cultural ou clube deportivo, como é o caso do Club Luz Verde, o CRAT de rugby, ou unha das entidades máis representativas de Arteixo: Xiradela, asociacións que hoxe alberga Agarimo.

venres, 14 de abril de 2017

A. & J. SALGUEIRO, A FÁBRICA DE CONSERVAS DO RAÑAL

     O espazo que hoxe ocupa o aparcadoiro da praia de Alba, no Rañal, agocha os vestixios da antiga fábrica de conservas A. & J. Salgueiro, unha das primeiras industrias en instalarse na zona e que hai xa case tres décadas  que pechou. Foi a finais da década dos sesenta cando os irmáns Andrés e José Salgueiro solicitaron permiso de obra coa finalidade, según contan os maiores do Rañal, de levantar un hotel nun entorno inigualable, a carón das praias de Alba e Sabón e do piñeiral do monte de San Tirso. Mais este establecemento nunca chegaría a ser construído e, no seu lugar, edificaríase a fábrica de conservas que, durante varios anos, foi unha das principais fontes de emprego para as mulleres de Arteixo e os seus arredores, entre elas miña nai, Melucha, que se gañaba o pan como encargada e tamén era representante sindical da U.X.T.

 Imaxe dos anos 90 da conserveira
     Lembro que tamén había traballadoras de Loureda, Oseiro, Rañobre, Figueiroa, Chamín, Baldaio, Laracha...e ata había un matrimonio da Agualada de Coristanco que vivían de aluguer nunha casa da aldea, cerca do Bar Chucho. Algunhas destas empregadas acabarían casando con veciños do Rañal que, naquela hora, a gran maioría deles traballaban na fábrica das tónicas...si, si, nesa que ninguén sabía escribir o seu nome mais que todo o mundo pronunciaba "Sueps". Moitos destes homes eran albaneis que atoparan traballo na edificación na nave da Schweppes e, unha vez rematada a obra, quedaron a traballar alí como empregados da empresa ata o seu peche, no 2009.
 
     A unha en punto soaba tódos os días a sirena da conserveira. Era a hora do descanso para xantar. As empregadas do Rañal ían comer ás súas casas e as que non residían na aldea, nos días de bo tempo xantaban ou ben á sombra dos piñeiros do Monte de Manolito, ou ben a carón do río Bolaños, o río que desemboca na praia de Alba, areal que aparecía nas latas de conservas da A.&J. Salgueiro S.L.
Traballadoras da conserveira comendo a carón do río
 Imaxe dos primeiros anos 70 traballando na conserveira
      A conserveira do Rañal tamén era coñecida polo cheiro que desprendía e os seus verquidos ao mar, verquidos dos que se fixera eco un medio de prensa nacional. O xornal ABC, na súa edición do 9 de agosto de 1973, en alusión ao aumento da contaminación na costa española, relataba: 
 
  "Quien esto escribe fue testigo de lo que se ha hecho con una playa de Sabón, en Arteijo, de arena finísima y aguas transparentes. Una fábrica de pescados ha llevado sus vertederos hasta el mismo borde del arenal y el olor es tan nauseabundo que incluso un pinar sito a centenares de metros ha quedado visto para sentencia". 
 
      Así pois, a fábrica de Salgueiro era un reflexo do que era o medio ambiente naqueles anos, nos que a norma xeral era que algunhas fábricas usaran a costa de Arteixo como vertedoiro mentres a administración miraba para outro lado. A conserveira do Rañal foi un exemplo disto e, aínda hoxe, cando os temporais do inverno levan metros e máis metros de area das dunas da praia de Alba, quedan ao descuberto as tuberías que levaban os restos do peixe das conservas directamente ao mar.
 
Tubería da conserveira do Rañal no areal de Alba
      Os problemas medioambientais aparecían en escena, problemas que se agravarían posteriormente ao ir aumentando o número de empresas no Polígono de Sabón. A día de hoxe, parte das rochas da Pedra do Aguillón e do Paiolo, é dicir, na desembocadura do Bolaños, aínda presentan un tono alaranxado, consecuencia dos verquidos incontrolados que durante moitos anos sufriu esta parte do litoral arteixán. Seguro que moitas e moitos de vós, especialmente @s que tedes máis de corenta abriles lembrades aqueles dous ou tres días á semana no que o mar non era azul...nin verde...non...era laranxa!
 
      A fábrica de conservas dos irmáns Andrés e José Salgueiro pecharía a finais dos anos oitenta e sería derrubada cando se iniciou a construción do paseo marítimo, mais a familia Salgueiro seguiría vinculada a Arteixo varios anos máis xa que unha filla de Andrés, da cal sinto non lembrar o seu nome, impartiría clases no instituto Manuel Murguía.
A conserveira pouco antes de ser derrubada
          

venres, 7 de abril de 2017

OS TEMPOS DOS CAPADORES

     Ata hai ben pouco, os capadores eran as persoas que ían ás casas a esterilizar aos animais domésticos, principalmente aos porcos, a quenes capaban de leitóns porque, se non o facían aos poucos meses de nacer, seica máis tarde a súa carne tería un cheiro e un sabor moi fortes, carne que polo que me contou un carniceiro recentemente "nin os cans a comían". As súas ferramentas de traballo limitábanse a unha pequena coitela, unha agulla con fío, aceite e augardente.

   Blandina Naya e Carme Bermúdez, dúas veciñas do Rañal con máis de setenta invernos nas súas costas, teñen a mesma opinión á hora de lembrar o salvaxismo que se lle facía aos porcos..."os pobres animais sufrían cando lle sacaban os cataplíns e sufrían o día da súa morte, con aquel xeito terrible de facer a matanza".  

     Carme lembra que, sendo nena, seus pais mercaban os leitóns na feira de Paiosaco entre os meses de xullo e agosto e despois..."traíanos para a casa na burra ou no trolebús e, unhas semanas máis tarde viña o capador. Cando chegaba á aldea, facía soar o seu chifro (noutras zonas chámanlle xipla) e xa se avisaban a algúns veciños para que viñeran axudar a aguantar do animal".

     Polo Rañal viñan varios capadores. Un deles seica era de Elviña e, ao parecer, tiña os dedos moi longos cos que, cando tiña que capar as cochas, chegaba con facilidade ás empreñadeiras: tiraba delas cara fóra para cortalas coa navalla capadoira, mentres a xente da casa e algún veciño que axudaba na macabra faena suxeitaban do animal. Ás veces, preguntábanlle ao capador de Elviña polo seu oficio, e disque contestaba con retranca, mentres metía a man no peto, buscando a navalla: “Son capador para servilo a vostede”

     Segundo o testemuño de Blandina e Carme, as miñas veciñas do Rañal, pola aldea tamén viña un capador de Santa Icía e outro de Chamín, que era o máis demandado na parroquia..."o de Chamín, Manuel de Subiela, era o que máis viña por aquí. Botou moitos anos de capador e despois aprendiu o oficio un dos seus fillos".

     Tamén había capadores que ofrecían os seus servicios noutras feiras como a de Carballo. Hipólito da Costa era un deles, un Hipólito sobre o que o amigo Ramón M. Vilar Landeira escribiría o seguinte artigo, publicado en La Voz de Galicia do 14 de agosto de 2004 baixo o título Un capador reconvertido:
 
"Hipólito da Costa conxugou durante case cinco décadas o seu oficio labrego coa nobre profesión de capador. Da arte que tiña para deixar sen armas reproductoras aos porcos da bisbarra poden dar testemuña numerosas casas de labranza bergantiñáns nas que deu boa mostra do seu probado pulso coa coitela. Despois da Guerra Civil aprendeu o choio cun afamado profesional de Coristanco que lle mostrou a un Hipólito case imberbe todos os segredos. Sacáballe os milindreques aos cochos sen o risco das tan temidas infeccións posteriores. Aquel vello capador confesoulle que a mellor maneira de afastar os perigos postoperatorios era botarlle pola zona aberta do animal unhas boas doses de caña branca do Ribeiro, mesturada días antes con labazas e mexacáns dos que medran nos camiños. Dito e feito, nos corenta e oito anos de profesión só lle morrera un marrán nunha casa de Entrecruces e Hipólito sempre sostivo que desconfiaba que aquel pobre rancho entregara coa fame. Coa chegada dos oitenta, a competencia dos veterinarios e doutros capadores fixo que os apuros de traballo do Hipólito foran a menos. Por boca dun farmacéutico soubo que existía unha práctica chamada vasectomía e que había homes que se operaban para non teren máis fillos. O Hipólito pensou que había que renovarse e incluso falou cun concelleiro de Carballo co que tiña bo trato. O edil convenceu ao Hipólito que non había maneira de convalidar a longa experiencia cos porcos e poder entrar logo no novo negocio das vasectomías. Hipólito nunca comprendeu que non se contara coa súa dilatada experiencia. Na reconversión industrial non entrou o gremio dos capadores".

    Os tempos mudaron mais teño entendido, se non é así que se manifesten @s veterinari@s, que no Estado español a actual lexislación permite a esterilización rutinaria e sen anestesia dos leitóns machos na súa primeira semana de vida, e só os dedicados a sementais sálvanse de tan terrible práctica. Noutras nazóns da Unión Europea, coma no caso de Holanda, xa hai anos que acordaron prohibir a esterilización de porcos sen anestesia, decisión que supón un importante avance entre os dereitos dos animais domésticos. "Major", o vello porco dirixente de "Rebelión na granxa", a novela satírica do británico George Orwell, ha de estar ben contento!

 Ramato xa cunhas coplas que deixou o oficio de capador:

Metéronme na escullera,         
foi a miña salvación,
aprendín a capar porcos
e salvei a situación.

 O oficio de capar
caeume ben na man,
capo os porcos pola noite
e morren pola mañán. 


FONTES:
-Modesto García Quintáns
-Ramón M. Vilar Landeira. Un capador reconvertido. La Voz de Galicia. 14.8.2004