A PEDRA DA ANDURIÑA DO FOXO (LOUREDA)
Sen a intención de meternos na cociña de Xabi Varela, traballador do Departamento de Medio Ambiente e “Ornitólogo Maior do Concello”, título que lle outorgamos moitos dos seus amigos arteixáns, empezamos esta crónica falando da anduriña que, segundo a Real Academia Galega é un paxaro (hirundo rústica) da familia dos hirundínidos, coa parte superior de cor negra azulada, a inferior branca e a testa e a gorxa vermellas, ás rematadas en punta e cola gallada.
A
boa fama destas aves estivo sempre mesturada con misterios e lendas
que os sabios da Antigüidade, como Aristóteles ou Plinio o Vello, non
dubidaron en recoller nos seus escritos sobre Historia natural,
sostendo que este paxaro invernaba, por sistema, entre a lama das
pozas e ribeiras dos ríos, o cal xa se sabe que non é certo mais,
con todo, pode ter algún fundamento baseado en casos singulares, como
algún que outro paspallás ao que o frío adiantado do inverno
sorprendera, descuidado, antes de iniciar o seu regreso migratorio,
aparecendo despois escondido entre o barro da leira ao abrir os regos
co arado.
Curiosamente,
no estómago destas aves que cada primavera voltan ás nosas aldeas
procedentes de África central, atópase a chamada pedra de anduriña,
tamén coñecida pedra alidoña, que son unhas areíñas silíceas ás
que no pasado se lle atribuían, segundo Eladio Rodríguez González,
"supersticiosamente virtudes
milagreiras para curar feridas co simple contacto". Don Eladio, que foi
un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega a
cal presidiu entre 1926 e 1934, tamén di no seu popular dicionario que
os niños das anduriñas "son respectados no noso país polos moradores das
casas que elixe para procrear, porque en Galicia tamén é popular a
lenda segundo a cal aliviu os sufrimentos de Xesucristo no Calvario
arrancándolle co pico algunhas espiñas da coroa, sendo ademais xeral o
sentimento de que leva a sorte á casa onde aniña, porque é o paxaro máis
caseiro". Nese tesouro etnográfico que é o seu dicionario, Eladio
Rodriguez deixa esta xoia: "Pedra das andoriñas: nome que dan nalgunhas
comarcas ó altar natural".
Non
sabemos se a Pedra da Anduriña que luce esplendorosa no lugar do
Foxo, na parroquia de Loureda, debe o seu nome a esas areíñas
silíceas milagreiras ou a un altar natural mais, o que si podemos confirmar, e que as
pedras tiveron culto de seu nos campos galegos dende remotas idades
e, ás que se lles concederon características máxicas ou
capacidades fóra do común reafirmaron a súa presenza ao longo de
toda a historia da civilización.
Situada
entre a Fonte Santa e o Monte Subico, lugar no que se atopan algunha
das formacións naturais máis impresionantes que se poden contemplar
no municipio de Arteixo, hai quen fala da Anduriña como pedra de
abalar, caso do escritor Vítor Vaqueiro que, no seu libro Mitoloxía
de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, despois
de citar a coñecidísima de Muxía e de nomear a varias xa
desaparecidas, dinos que (…) “Pedras abaladoiras de sona son a
Pedra Andoriña, no Foxo, no Concello de Arteixo, en cuxa
viciñanza se pode atopar un manancial de augas con propiedades
medicinais, coñecida polo nome de Fonte Santa”.
Algunhas
destas pedras de abalar teñen, na parte superior, unha canle, o cal
fixo supor, polo que nos conta no seu traballo Vítor Vaqueiro, que
se utilizaron como aras ou altares. Así e todo, acredítase que a
función que cumpriron máis a miúdo foi a de adiviñación, feito
probable polo que Estrabón afirmou, hai 2.000 anos, que os galegos
eran experimentados nas artes adiviñadoras. Tamén, segundo o noso
ilustre veciño Manuel Murguía, houbo un tempo no que as abaladoiras
serviron para probar a fidelidade das mulleres e a virxindade das
doncelas.
Interrogadas
varias personas maiores da zona sobre a teoría de que a Anduriña é
unha pedra de abalar, respostaron que nunca sentiran tal información
mais, do que si nos falaron, é da lenda que hai en torno a esta
enorme mole de granito, que conta que a Anduriña e outras pedras de
Subico... “saíron do volcán”.
É
probable que esta lenda faga referencia ás rochas de granito
formadas antigamente no magma interior da Terra que, ao longo de
milenios, foron aflorando á superficie da corteza, para que a
erosión rematara de facer o traballo de modelado. No caso da
Anduriña, ao igual que outras moitas que parece que proceden dos
cumios dos outeiros, a forza dos elementos meteorolóxicos puido
axudar a que terminara por rodar durante o Cuaternario ata o seu
posicionamento actual, hipótese que obviamente non deixa de ser unha
simple suposición.
Pili
de Trigo, unha das veciñas do Foxo entrevistadas, lembrounos que na
súa infancia, alá polos anos 50-60, o feito de subir ata o curuto
da Anduriña era toda unha fazaña para os cativos e cativas da
aldea, en especial para as nenas, pois para elas significaba gañar
unha batalla na guerra da igualdade! Pili tamén nos comentou que o
que máis lles chamaba a atención da pedra eran os gravados que
tiña, gravados actualmente inapreciables e que, segundo o seu
testemuño e o de Carmiña de Flora, tamén veciña do Foxo, parecían
representar… “un tenedor ou garfo, unha culler e un prato”.
Colosal, impoñente, lendaria... a Anduriña segue alzando altiva a súa mole de granito facendo de vixía do Val de Loureda, parroquia na que a pedra é, para os seus habitantes, un dos seus maiores tesouros. Por tal motivo, Romina García, emulando o tema “Anduriña” que empezaron a cantar nos anos 60 Juan Pardo e Junior, quixo facerlle a súa particular homenaxe á máxica pedra da súa aldea compoñendo a seguinte canción:
Moitas
cousas hai no Foxo
que
non hai no mundo enteiro.
Temos
ríos, temos fontes
e
temos un monte enteiro,
e
temos un monte enteiro,
e
temos un monte enteiro.
Moitas
cousas hai no Foxo
que
non hai no mundo enteiro.
Desde
a Pedra da Anduriña
poderás
observar
cousas
ben fermosas, cousas ben fermosas
que
non teñen par,
que
non teñen par,
que
non teñen par.
E
o bico da pedra ten cara de home,
e
parece verdad.
E
o bico da pedra ten cara de home,
e
parece verdad.
Como
diría o prezado Xurxo Souto… e de remate, que continúe!!!
FONTES:
-Barros,
Ramón. Antigüedades de Galicia. Imprenta de Domingo Puga. A
Coruña, 1875.
-Rodríguez,
Eladio. Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións
populares de Galicia. Edición de Camilo Fernández Valdehorras.
Editorial La Voz de Galicia. A Coruña, 2001.
-Vaqueiro,
Vítor. Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos
e milagres. Editorial Galaxia. Vigo, 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario