xoves, 26 de xaneiro de 2017

O HISTÓRICO VOO DO DIRIXIBLE "GRAF ZEPPELIN" E O SEU PASO POR ARTEIXO

     Nas primeiras horas do xoves 15 de agosto de 1929, o enorme dirixible LZ 127 Graf Zeppelin soltaba amarras na súa base de Friedrichshafen, en Alemaña, para iniciar a primeira circunnavegación da Terra por aire, anticipándose 12 anos ao primeiro servicio comercial por avión. Cunha tripulación de 38 homes baixo o mando do seu constructor, o enxeñeiro Hugo Eckener, viaxaban 20 pasaxeiros de nove nacionalidades, entre eles o doutor español Jerónimo Mejías, médico de Alfonso XIII. Lady Grace Drummond-Hay, corresponsal de "The New York Times", era a única muller.

Imaxe do ano 1929 do Graf Zeppelin en Los Angeles
     Seis horas despois da súa partida o Graf Zeppelin (Conde Zeppelin), bautizado así na honra do seu inventor, pasaba sobre un alegre Berlín e proseguiría a súa singradura cara aos Urais, Siberia e Xapón, a onde chegaba o luns 19 de agosto, amarrando á primeira hora da noite nun Tokio engalanado para a ocasión. Tras completar a primeira etapa, catro días máis tarde, este "trasatlántico dos aires" abandonaba o país nipón e poñía proa ao continente americano, un percorrido que, ao pasar por San Francisco ás cinco da tarde do 25 de agosto, era a primeira vez que se cruzaba o Pacífico polo aire. Á unha da mañán do día 26 a nave chegaba a Los Angeles, completando así a segunda etapa do seu periplo aéreo. Na cidade californiana abasteceríase de hidróxeno antes de elevarse de novo con rumbo ao aeroporto de Lakehurst, en New Jersey, ao que arribou o 29 de agosto. O domingo 1 de setembro a aeronave volvía a levantar o voo, en presencia de millares de persoas que a despediron, para a etapa final de regreso a Friedrichshafen, en Alemaña, despois de viaxar por tres continentes.

     O Graf Zeppelin atravesaría o Atlántico polas Azores e, ás catro da tarde do martes 3 de setembro, xa se podía ver dende Fisterra a gran altura e marchando a bastante velocidade. A emisora daquel punto xeográfico comunicaría de contado a nova, que sería recollida na Coruña pola estación radiotelegráfica do Banco Pastor. Sobre esa hora a Casa Consignataria Hervada tamén recibira unha mensaxe do capitán do vapor inglés Batna, mensaxe no que se informaba que o dirixible tiña unha situación de 42´21 latitude norte, 9´35 lonxitude oeste. Uns intres despois, o vapor British Count daba un novo posicionamento de 42´27 latitude norte e 9´41 lonxitude oeste. Corenta minutos máis tarde, navegando maxestuosamente pola costa galega, a aeronave pasaba sobre o Cabo Vilán e, dende Camariñas, recoñecíase perfectamente a súa silueta mentres se alonxaba.

     Acto seguido o Graf Zeppelin sobrevoaría o litoral bergantiñá, onde un dos fillos do contramaestre de Malpica, o cativiño de 7 anos Xosé González Reyes (avó de Avia Veira, concelleira no concello da Coruña do B.N.G.), andando no tempo escribiría, nunhas crónicas que publicou no xornal La Voz de Galicia nos anos 80 do século pasado tituladas "Lembranzas de Malpica", sobre o paso do dirixible dicindo que..."Só me lembro de ver o dirixible Zeppelin como unha vexiga longa enorme, de cor gris, cunha galería moi longa na parte de abaixo, donde ía a xente, según me dixo o meu irmán. Voaba paseniño e sen facer ruído. Semellábame o globo que botaran nunhas festas de Corpus, aínda que moito máis pequeniño en comparanza co Zeppelin".

     O xigantesco dirixible navegaría polo litoral de Arteixo ás cinco e vinte daquel 3 de setembro de 1929, data na que a veciñanza arteixá estaba sendo, probablemente sen sabelo, testemuña da primeira volta ao mundo da historia que completaba unha aeronave. “Os que o viron, decatáronse dalgúns detalles do colosal aparato”, informaban os medios da época.

Mapa coa volta ao mundo do Graf Zeppelin en 1929
     Dez minutos despois o Zeppelin facía a súa aparición na Coruña voando por enriba do monte de San Pedro, con dirección á torre de Hércules, permanecendo visible uns sete minutos. Pese á expectación que creara na cidade, @s herculin@s descoñecían o seu itinerario, polo que foron poucas as persoas que se percataron da presencia da nave, que voaba a uns 200 m. de altura. O dirixible desaparecería da vista dos coruñeses polos montes da ría de Ferrol, cara o Cabo Ortegal, e proseguiría viaxe polo Cantábrico para chegar finalmente ao seu destino de Friedrichshafen, en Alemaña, o 4 de setembro de 1929. A viaxe durara vinte días, catro horas e catorce minutos, dos cales pasara no aire doce días, doce horas e vinte minutos, un par deles polos ceos do noso concello.

     O Graf Zeppelin, que tiña unha lonxitude de 236 m., un diámetro de 30,5 m., unha capacidade de 112.000 m3 de hidróxeno e un peso total de 59 t., contaba con cinco motores Maybach que lle daban unha velocidade de cruceiro de 110 qm/h, mais que podían alcanzar unha máxima de 128 qm/h. O dirixible estaría nove anos en servicio, facendo 1.700.000 qm. e transportando 13.000 pasaxeiros e 120 t. de flete. En 1940 sería desmantelado e vendido como chatarra.


FONTES:

- Reiriz Rey, Jesús María. La Coruña: Hechos y Figuras. Reiriz Rey, 1999.
- Díaz Pardeiro, José Ricardo; Fernández Fernández, Xosé e Reiriz Rey, Jesús María. Crónicas coruñesas. Biblioteca gallega. La Coruña: La Voz de Galicia, 1994.
- González Reyes, Xosé. Lembranzas de Malpica. Edicións Embora, 2016.
- Roland, Eduardo.  Setenta años de Galicia en la era Zeppelin. La Voz de Galicia 21.3.2010.
 -GCIENCIA, o portal da ciencia galega.


venres, 20 de xaneiro de 2017

HÉCTOR NÚÑEZ, OUTRO FUTBOLISTA DE SANGUE ARTEIXÁ NA ELITE DO FÚTBOL MUNDIAL

     O de Meicende é un caso ben curioso. Xa temos falado nestas Crónicas de Arteixo de que dous veciños do lugar, Manolo Míguez e Héctor Núñez, emigraran na década dos anos vinte a Uruguai e que alí, no novo país de adopción, crearían a súa propia familia. O fascinante do caso é que, co paso do tempo, as casualidades da vida farían que un fillo de Manolo, o Cotorra Míguez, e outro de Héctor, o Pichón Núñez, convertiriánse en dous dos mellores futbolistas uruguaios de todos os tempos. 

     Nado en Montevideo o 8 de maio de 1936, Héctor Núñez Bello, mais coñecido polo alcume de Pichón Núñez, debutaría aos quince anos no fútbol de competición no equipo de quinta división do Liverpool, o mesmo clube do que tamén saíra Ramón Villaverde, o fillo de arteixáns que acabaría xogando no F.C. Barcelona. 

     Núñez non tardaría en despertar o interés do Nacional de Montevideo que, nos primeiros anos 50, acabaríao fichando para as súas divisións xuvenís, onde se acabaría formando como futbolista. As mostras da súa enorme calidade xogando de oito e acotío asombrando pola súa facilidade para chegar á área contraria e pola comunión que tiña co gol, farían que o seu debut no primeiro equipo se producira de contado, debut que acontecería o 15 de decembro de 1956. O Nacional festexaba a consecución do segundo título consecutivo de campión do torneo ligueiro uruguaio nun partido amigable contra o Independiente arxentino. No encontro, que remataría cun escandaloso 6-1 favorable aos charrúas, o adestrador Ondino Viera, contratado en 1955 pola directiva que presidía o empresario larachés José Añón para recuperar o título que o Nacional non obtiña dende 1952, tamén faría debutar a Julio Acosta, Raúl Núñez e Héctor Rodriguez, compañeiros do Pichón nas categorías inferiores que, xunto a Guillermo Escalada, conformarían unha das dianteiras máis lembradas polos seareiros do equipo tricolor de Montevideo.  

Foto de Héctor adicada a Tuja,o seu curmán de Meicende 
    No ano seguinte, en 1957, o Nacional obtén o seu terceiro campionato consecutivo grazas, en gran medida, á aqueles catro rapaces da dianteira que uns meses antes xogaban xuntos no equipo xuvenil. Héctor Núñez sería elexido o mellor xogador uruguaio desa tempada e, ademais, debutaría coa selección charrúa nos partidos contra Paraguai e Colombia da fase clasificatoria para o Mundial de 1958 de Suecia ao que, finalmente, a celeste non acudiría. Precisamente, nese ano de 1958, o Nacional realiza por Europa unha xira de dez partidos, entre eles un o día 15 de xuño na Coruña para disputar o trofeo Teresa Herrera contra o equipo brasileño do Flamengo. Héctor Núñez era a primeira vez que pisaba a terra na que naceran seus pais e, unha vez rematado o encontro no que os uruguaios se impuxeran por 2-1 con goles do propio Héctor e de Escalada, o noso protagonista sería entrevistado polos xornalistas herculinos a quenes lles deixaría unha pincelada en galego...”Miña nai é de Pastoriza e meu pai de Meicende”. 

     A súa actuación naquel Teresa Herrera despertaría o interés de varios equipos españoles, entre eles o R.C. Deportivo, que por aqueles días competía na 2ª División, o Celta, o Granada e o Valencia, que sería finalmente con quen asinaría por 14.000 dólares. No equipo che, no que debutaría o 8 de abril de 1959 fronte ao Everton inglés, o Pichón conquistaría dúas Copas de Feiras en 1962 e 1963 e anotaría un total de 40 goles durante as sete tempadas que xogou alí, a última delas a 1964/65, a mesma na que un curmán seu de Meicende, Manuel Núñez Tuja, fichaba no Celta de Vigo. Na campaña seguinte o Pichón vestiría a camiseta do Mallorca, onde xogaría unha tempada antes de disputar as súas dúas últimas como futbolista profesional nas filas do Levante, que foi o equipo onde colgaría definitivamente as botas ao remate da tempada 1967/68.

Semanario Riazor, 16 de xuño de 1958
     Retirado coma futbolista, Héctor comezaría a súa carreira de adestrador no Calvo Sotelo de Puertollano, clube co que asina en outubro de 1970 e ao que dirixe trinta e un partidos en 2ª División. Posteriormente adestraría ao Tenerife; Levante; Valladolid; Granada; Rayo Vallecano, onde foi o primeiro adestrador do clube en 1ª División, aquel Rayo ao que chamaban mataxigantes polas súas proezas no Estadio de Vallecas; Atlético de Madrid, ao que dirixe de xeito efímero: fichara para sustituir a Luis Aragonés en 1978, mais só aguantou cinco partidos e sería reemplazado polo mesmo Aragonés. A continuación retorna ao Rayo Vallecano, antes de dirixir durante dúas tempadas ao Tecos mexicano, de 1981 a 1983, un campionato azteca onde ve xogar a Hugo Sánchez cos Pumas da UNAM e recomenda a súa fichaxe ao Atlético de Madrid. Na tempada 1983/84 volta ao campionato español para adestradar en 2ª ao Las Palmas. Dende 1985 ata 1987 ocupa, unha vez máis, o banco do Rayo e, en 1989, adestra por primeira vez no seu Uruguai natal, no mesmo clube no que anos atrás debutara coma futbolista profesional: o Nacional de Montevideo.

      Tras un par de anos sabáticos, Núñez dirixe en 1992 á selección de Costa Rica e na tempada 1993/94 faise cargo do Valencia. Rematada a súa estadía no banquillo do clube no que iniciara a súa carreira futbolística en España, retorna ao seu Uruguai natal para facerse cargo da selección charrúa dende 1994 ata 1997. Ao fronte da celeste, conquistaría, tras superar a Brasil nos penaltis, a Copa América de 1995, título polo que sería elexido mellor técnico de América da tempada pola prensa especializada do continente. Ao recoller o premio Héctor, lembrando os seus inicios na dirección técnica, considerou ao adestrador catalán Domingo Balmanya coma o seu mestre.
 
      Os últimos desempeños do Pichón Núñez coma técnico terían lugar en Arabia Saudita ao fronte do Al-Nassr e do conxunto uruguaio do Tacuarembó F.C., que foi onde puxo punto final a súa carreira coma adestrador en 2007. Héctor Núñez Bello, o fillo daquel matrimonio de Meicende e de Pastoriza que fixeran a maleta da emigración nos anos vinte do pasado século, falecería en Madrid o 19 de decembro de 2011 aos 75 anos.
 

venres, 13 de xaneiro de 2017

O COMEDOR DE INDITEX E A HORTA DA PEDREIRA DO AVÓ MILIO

     Como moit@s de vós sabedes, en outubro do 2015 o bo amigo Xosé Antón Bocixa e o que escribe principiamos un proxecto audiovisual sobre as expropiacións do Polígono Industrial de Sabón, proxecto que pretendemos que vexa a luz neste 2017 e que vai levar por título "12 Leiras (A horta Esquecida)".

A leira da Pedreira é a da esquerda, a que ten catro palleiros de millo
   Doce foron as leiras que lle expropiaron aos meus avós Milio e Carme para a construcción do Polígono: unha no lugar do Sereo, unha nos Vilares, unha na Perdiz, unha nos Terreos, dúas no Monte do Crego, unha na Agra de Arteixo, unha nos Muíños do Rañal, unha en Barcia, unha na Rañeira e dúas na Pedreira, que era o lugar que estaba na zona que hoxe ocupa a Avenida da Moda. Nunha destas leiras da Pedreira, a que lindaba coa casa de Amelia das Creghas, pasei moitas horas da miña infancia xunto a meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe dos primeiros anos da miña vida.
O avó Milio
   
    A Pedreira era un dos topónimos que mais se utilizaban na miña casa. Era un topónimo de patrimonio familiar. Alí, naquel lugar, o avó Milio ensinaríame a cazar grilos; amosaríame a beleza das bolboretas e falaríame das avispas excavadoras de terra, esas que construen os avispeiros en terra seca e infértil. O avó dicía, coa súa retranca tan persoal, que aquelas avispas eran do Peñarol, mais eu non entendía o significado das súas palabras. Co tempo descubriría que se refería ás cores da camiseta do equipo de fútbol de Montevideo, as mesmas que as das avispas. Falábame tamén dos tempos nos que había abundancia de troitas e anguías no Bolaños e de como se agochaban as londras nese río cando él tiña a miña idade; explicaríame para que se utilizan as miñocas; porqué as anduriñas pasan aquí o verán e logo emigran cara o sur e, sobre todo, advertiríame da peligrosidade das denosiñas. Lembro que estaba obsesionado con este pequeno mamífero carnívoro. Se cadra levara algún susto de cativo, que nunca chegara a confesar. O certo é que cada dous por tres, o avó contaba que as denosiñas ían ás cortes do gando para mamar nas ubres das vacas, morder as patas dos cabalos para chucharlles o sangue e outras trasnadas semellantes. Dicía que mataban por pracer e que nalgún galiñeiro da aldea provocara verdadeiras masacres, á altura das que facía o raposo, só para beber a sangue das galiñas.

     O avó Milio, que seguramente sería un bo guionista para “El hombre y la tierra”, a exitosa serie documental de Félix Rodriguez de la Fuente que se empezara a emitir por aqueles anos 70 e que nós, avó e neto, seguiamos coa máxima expectación, tamén me contaría na leira da Pedreira un feixe de historias que a el lle transmitiran seus pais, Francisco e Dolores, e os vellos do Rañal cando era neno, historias como a do “Tío Fuco”, morto dunha enchenta de touciño e que provocara unha sanguenta liorta entre os mozos que se disputaban o premio dun traxe prometido a quenes levaran a ombreiros o cadáver ata o cemiterio; ou a de “Xacintiño”, comprometido, por unha aposta, a ir unha noite ao camposanto e que tolearía da cabeza porque creía que os difuntos o agarraban cando, en realidade, lle quedara presa a chaqueta na reixa dunha sepultura.

Vista da Avenida da Moda e, á esquerda, o comedor de Inditex
      Pois ben, nesa leira da Pedreira na que pasei tantos momentos da miña infancia, momentos que empezan a fuxir da memoria, de aí "A horta esquecida" que forma parte do título do audiovisual, está asentado hoxe o novo comedor de Inditex, inaugurado recentemente pola multinacional textil... un lugar no que sempre que paso ao seu carón non hai día no que non me lembre do heroe da miña infancia, de meu avó Milio, Milio do Touciñeiro!


mércores, 4 de xaneiro de 2017

AMELIA NAYA E O NAUFRAXIO DO PESQUEIRO FRANCÉS "GENEVIEVE DE GALARD"


Imaxe dos anos 70 de Amelia e a súa neta Patricia
    Antonte finou, aos 86 anos de idade, a miña veciña do Rañal Amelia Naya, unha muller que estivo ao fronte da taberna da aldea, o "Bar Chucho", durante case corenta anos e que me contou boa parte da historia que vos conto a continuación...unha historia coa que lle quero rendir o meu pequeno homenaxe a esta muller boa e xenerosa. D.E.P. Amelia! 

     Ás 10:30 da mañá do 11 de xuño de 1969, o lagosteiro francés "Genevieve de Galard" partía da localidade de Audierne, na Bretaña gala, cara o porto de Vigo, cidade onde o seu armador e patrón Yves Peron, tiña previsto mercar aparellos para despois dedicarse á lagosta no litoral galego, práctica que os pesqueiros franceses viñan facendo desde había xa bastante tempo (en Arteixo, sábese que a principios do século XX mercábana en Suevos e depositábana a bordo dos seus pesqueiros, providos de viveiros, para posteriormente vendela no seu país).

     A bordo ían sete mariñeiros: Jean Alain Coquet, de 32 anos; Clet Garval, 49; Julien Danzé, 35; Albert Perhirin, 17; Jacques Cabillic; o maquinista e copropietario do barco Laurent Cajean, de 48 anos e, o citado Yves Peron, que tiña 47. Excepto Julien Danzé, todos estaban solteiros e os sete vivían en Plogolff, na Fisterra gala. Tamén levaban unha mascota, o can "Loron".

      O pesqueiro tiña 36,54 toneladas de rexistro bruto; 15 metros de lonxitude de popa a proa; 5,30 de manga; 3 de puntal e posuía un motor de 150 cv. Laurent Cajean e Yves Peron mercárano había xa catorce anos, en 1955, e decidiran pórlle o nome de “Genevieve de Galard”, na honra da enfermeira das Forzas Aéreas Francesas que, entre marzo e maio de 1954 convertiríase nunha heroína pola súa coraxe e dedicación ás tropas no conflicto bélico que os galos mantiñan na Indochina, o actual Vietnam.

      O percorrido polo Golfo e polo Cantábrico durante os dous primeiros días da viaxe cara a cidade olívica, decorre sen nengunha incidencia, con bo estado do mar e tamén bo tempo. Mais as condicións climatolóxicas cambiarían na madrugada do venres 13.

      Xa en augas galegas e pouco despois de pasar á altura da Torre de Hércules, unha mesta brétema imposibilita a visibilidade ao patrón Yves Peron, dificultándolle seriamente a navegación do seu barco. Non se vía nada, mesmo na cuberta non era doado ver os obxectos máis próximos. Pouco antes das 2:00 da madrugada, o “Genevieve de Galard” navega á altura da Punta Langosteira. De súpeto, uns minutos máis tarde, cando a maioría da tripulación xa durmía, un ruído trepidante desperta aos mariñeiros, que subirían de contado á cuberta. No medio da confusión, os sete bretóns decátanse de que o barco quedara preso entre unhas rochas e que se basculaba de proa, feito que facilitaba a entrada de moita cantidade de auga. Eran as 2:15 horas e embarrancaran no Rañal, na zona das Aguieiras. En consecuencia, Yves Peron organiza rapidamente as tarefas de salvamento, aínda que a néboa dificultaba de xeito considerable as operacións. Peron ordena largar o pequeno bote salvavidas, ao que todos suben, deixando abandonado o “Genevieve”. O único que non procurou o refuxio do bote foi “Loron”, xa que preferiu lanzarse á auga, desaparecendo logo entre a néboa. Todo fora moi rápido e os sete mariñeiros mal tiveron consciencia do que lles acontecera!.

      Nun primeiro momento, non souberon que facer. Se remasen corrían o risco de afastarse da costa, agravándose a situación notablemente xa que a densa brétema continuaba impedindo ver absolutamente nada e, por riba, só tiñan un remo. En vista de que o mar estaba tranquilo, deciden agardar á alborada, pensando que aos poucos iría desaparecendo a néboa que os rodeaba naqueles momentos.

      Tras pasar máis de catro horas no bote, por volta da 6:00 viron unhas afastadas luces de terra e comezan a remar cara elas. Estas luces eran as das obras da Central Térmica de Sabón, que Fenosa había pouco tempo que principiara a construír, e serían as que conducirían aos mariñeiros franceses até a praia de Alba, lugar onde quedou varado o bote salvavidas. Así que chegaron ao areal levaríanse unha gran sorpresa. O canciño “Loron”, ao que xa daban por desaparecido, chegara nadando antes que eles, sen dúbida guíado polo instinto, e agardábaos todo alborozado e dando saltos de alegría. Os seus ladridos foron o sinal de benvida. Despois da ledicia de “Loron”, os sete homes deixan o areal de Alba e camiñan cara a aldea do Rañal por diante das instalacións da fábrica de conservas A.& J. Salgueiro, hoxe convertidas en aparcadoiro. Entran no bar da aldea, o “Café Bar Chucho”, unha pequena tasca que rexentaban Jesús Souto e Amelia Naya. Eu cando os vin quedei impresionada...que facían sete homes estranxeiros tan cedo no meu bar? Preguntábame...eles facíanme debuxos, escribíanme, falábanme...mais eu non lles entendía nada, non sabía o que me querían decir”, contábame Amelia en febreiro de 2011.

Os sete mariñeiros franceses e o seu can "Loron" (La Voz de Galicia)
     Ante a imposibilidade de que se entenderan coa propietaria da tasca, os mariñeiros galos deciden dirixirse cara ao mesmo punto de onde saían aquelas luces que os conduciran até o areal de Alba e que pertencían á sinalización das obras da Central Térmica. Aquí terían máis sorte, xa que o persoal das obras de Fenosa atenderíaos con toda amabilidade, servíndolles varios cafés e coñacs para reanimalos. Uns minutos máis tarde, presentábase naquel lugar a Garda Civil de Arteixo e pouco despois, avisados pola benemérita, tamén apareceron o tenente de navío da Comandancia de Marina, Manuel Goyanes, e os axentes do consulado francés María Dolores Udaondo e Manuel Teijo Barinaga. Posteriormente, todas estas persoas, acompañadas polos sete mariñeiros bretóns, encamiñáronse, partindo de Sabón, na procura do “Genevieve de Galard”.

     Actualmente podemos pasear a carón do mar polo paseo marítimo mais, naquela hora, o percorrido polo litoral non era doado. Tras pasar polo Paiolo e A Ermida, chegan até a zona da Bogueira (onde está o telescopio do paseo), lugar dende o cal xa se podía ver a silueta do pesqueiro, que estaba a uns 800 metros da costa, afundido de popa. O mar, logo de retiralo das rochas das Aguieiras, forao levando cara ao oeste, cara a zona da Area da Salsa e Repibelo onde, despois de ver que o seu pesqueiro tiña poucas posibilidades de ser rescatado, todos quedaron moi afectados, especialmente o patrón Yves Peron, que non se acababa de recuperar da forte impresión recibida.

      Pouco despois, e acompañados polas autoridades, voltan de novo á tasca de Amelia Naya que, desta vez sí, despois das explicacións oportunas dos alí presentes entendeu o que lles acontecera aos náufragos franceses. Laurent Cajean e Yves Peron pediríanlle a esta muller e ao seu home, Jesús Souto, que lles deixasen gardar na súa propiedade o bote salvavidas (que foran a buscar á praia de Alba, onde quedara varado) e, que tamén se fixesen cargo durante uns días de “Loron”, peticións que aceptarían os propietarios do “Bar Chucho”. Neste establecemento do Rañal, os sete homes xantarían e tomarían café antes de que o cónsul de Francia na Coruña, Francisco Dotras, se responsabilizase definitivamente da situación e os aloxase nunha pensión da Praza de Lugo mentres agardaban a súa repatriación.

      Na maña do día seguinte, sábado, a compañía aseguradora do “Genevieve de Galard” contacta coa firma Extrasa, dedicada ao salvamento de barcos, co fin de que o persoal desta empresa efectuase un recoñecemento do lugar no que se encontraba o pesqueiro e así estudar as posibilidades de rescate. Nese mesmo día, un equipo de mergulladores trasládase a bordo do remolcador coruñés “María Pita” até as inmediacións do barco que, por causa da maré, fórase desprazando cara a costa de xeito considerable, estando neses instantes moi perto da Area da Salsa. Mais o remolcador, que xa non se podía achegar máis ao pesqueiro sinistrado, tivo que voltar atrás por mor dos disparos de aviso que lanzou a Garda civil de Costas, que mantiña un servizo de vixilancia de terra para evitar roubos. A benemérita non tiña ordes de permitir o achegamento de persoal ningún ao “Genevieve” e dispararon para o ar en sinal de aviso. O persoal do remolcador, que nese momento non tiña outra misión que a de avaliar a situación, non tivera necesidade de se dar a coñecer polo que o “María Pita” regresaría ao porto coruñés. 

     A empresa de salvamento contactaría coas autoridades da Marina coa finalidade de denunciar o acontecido e, unha vez esclarecidos os feitos, o persoal voltaría o domingo (esta vez por terra) até O Rañal e levaríanse unha sorpresa, xa que o mar movera de novo ao pesqueiro, achegándoo até a praia de Repibelo, a carón da Arbosa, quedando embarrancado moi perto da beira. Este feito sería aproveitado polos mariñeiros galos, que accederían ao barco unhas horas máis tarde, aproveitando a marea baixa, para recuperar as pertenzas persoais, telefonía, todo, mesmo o diñeiro co que os armadores ían comprar aparellos en Vigo.

      O costado de estribor do “Genevieve de Galard” quedaría completamente esnaquizado, o que fixo que o seu casco se dese totalmente por perdido, motivo polo que con posterioridade a empresa Extrasa desmantelaría os seus restos previo acordo coa aseguradora do barco.

      Antes de ser repatriados para Francia, Yves Peron pasaría pola tasca do Rañal a buscar o seu canciño “Loron”, que xa levaba uns días na casa de Jesús Souto e Amelia Naya. Segundo contaba Amelia en febreiro de 2011, Peron daríalle ao seu home o bote salvavidas, un bote que acabaría uns meses máis tarde nos Caneiros de Betanzos...”Pepe de Aldao, un cliente noso do bar que casara en Betanzos mais que viña a miúdo por aquí xa que era da Pedreira (aldea desaparecida que estaba pola zona onde hoxe está o muiño de Inditex e a Schweppes), enterouse de que Chucho, o meu home, tiña o bote dos franceses e díxolle que estaba interesado en mercarllo. Eu non sei o trato que tiveron. Do único que me lembro é que un día chegou Pepe e mais o seu sogro nun camión e levaron o bote para Betanzos, seica era para Os Caneiros”.

Varios tripulantes do "Genevieve de Galard" (o do can é Yves Peron) co persoal do consulado (El Ideal Gallego)