PAZOS DE ARTEIXO


ARIXON (SORRIZO)

     Un dos catro pazos de Arixón que se coñecen (os outros tres atópanse en San Mamede de Seavia, en San Cristobo de Cerqueda e en San Salvador de Rebordelos) é o que ten asento na parroquia de San Pedro de Sorrizo, do que o P. Crespo foi quen estudiou a xenealoxía dos seus donos, publicada no tomo II do seu "Blasones y Linajes de Galicia" , traballo ao que vos remito.

     No lugar de Corteo, na parroquia de Monteagudo, otorgou testamento en 4 de febreiro de 1.651 don Alonso Rodriguez de Arijón i Varela, de quen foi fillo don Juan Rodriguez de Arijón i Varela, que se uniu en matrimonio con dona Inés Gómez Rodriguez de Leis en 1.657. Desta parella naceu don Alonso Rodriguez de Arijón i Leis, natural da feligresía de Santo Tomé de Monteagudo e que casou con dona Inés Varela da Marta.

     Froito de tal enlace foi don Pedro Rodriguez de Arijón i Varela, bautizado en San Xiao de Lendo en 1.689 e esposo de dona María Suárez de Aldao, que proviña da casa de San Román de Cabovilaño.

     Fillo deles foi don Casimiro Rofriguez de Arijón i Suárez, nado en Lendo en 1724 e que, conxuntamente co seu curmán don Clemente Rodriguez de Arijón i Areosa, obtivo executoria de fidalguía despachada pola Real Chancillería de Valladolid en 1758.

     Do casamento de don Casimiro con dona Josefa Bolón, efectuado na casa de Rebordelos, tamén dos Rodriguez de Arijón, en 1748, proveu don Andrés Rodriguez de Arijón i Bolón, nado na casa de Rebordelos en 1762 e unido en matrimonio en 1785, na parroquia de San Cristóbal de Lema, a dona María Collazo i Rodriguez.

     Naceu deles don José Rodriguez de Arijón i Collazo, natural de Rebordelos donde abriu os ollos á luz en 1797 e casado en Caión en 1824 con dona Francisca Collazo i Varela.

     É seu fillo don Manuel Ventura Rodriguez de Arijón i Collazo, nado en Caión en 1841. Este persoaxe emigrou á Arxentina, onde casa na cidade de Rosario, ano 1868, con dona Fausta Coll i de Padés, de orixe mallorquina.

     Tiveron por fillo a don Alfredo Florentino Arijón y Coll, que veu ao mundo en Rosario de Santa Fe en 1883, arrumbou o patronímico Rodríguez para quedarse só co simple apelido de Arijón e casou coa catalana dona Elisa Mayor i Taltabull.

     A súa filla, dona Lilia Beatriz Arijón i Mayor, nada en Rosario de Santa Fe en 1911, casa na igrexa de San Jerónimo el Real, de Madrid, en 1930, con don Alfonso Díez de Tejada i Van Mook, conde do Castillo de Tajo, fillo de don José Díez de Tejada i Vargas Machuca e de dona Amelia Carlota Van Mook, condes do Castillo de Tajo, baróns de Sabosana.

     Este matrimonio tivo varios fillos, mais o primoxénito e sucesor no título foi don Alfonso Díez de Tejada Arijón, que é o actual conde do Castillo de Tajo.



O PAZO DE GONDREO E A LIÑAXE DOS POMBO DE SORRIZO EN COLOMBIA (I)

    Houbo un tempo no que en Sorrizo podíanse admirar varias casas e pazos de rancio avoengo, lucindo os seus antigos escudos nas fachadas: o Pazo das Covadas, antiga posesión dos Riobóo, Villardefrancos, Castro ou, entre outras estirpes, dos Figueroa; o Pazo de Arixón, de situación incerta hai quen o sitúa fora da parroquia, concretamente no lugar de Corteo, en Monteagudo; o coñecido como o do Fidalgo, no Igrexario, sobre o que algúns veciños contan que o escudo desta casa está na actualidade nunha vivenda de Anzobre; o de Cortiñas, na Lagoa; e o Pazo dos Pombo, en Gondreo, do cal soubemos da súa existencia recentemente.
 
Casa de Gondreo

   Agochado entre as abondosas informacións dos irmáns Alberto e Arturo García Garrafa na Enciclopedia Heráldica y Genealógica Hispano Americana publicada en 1923, os autores mencionan o Pazo de Gondreo ao referirse a liñaxe dos Pombo de Sorrizo:

En una certificación y ampliación de Armas dada por D. Ramón Zazo y Ortega y fechado en Madrid el 20 de diciembre de 1775, se hace referencia a una información de nobleza rendida por Martín Pombo, en nombre y con poder de un nieto suyo residente en Popayán (Colombia), y de esta información consta la siguiente genealogía.
I. El citado Martín Pombo y su esposa doña Alberta Rodríguez de Grela, vecinos de la parroquia de San Martín de Razo y dueños de la casa y pazo de Villar de Cidre y de la casa y pazo de Gondreo, que se mantenían en aquellos tiempos con sus escudos de armas en sus respectivas fachadas, fueron padres de:
II. Juan Pombo Rodríguez de Grela, que contrajo matrimonio con doña Juana López de la Guerra, apellidada también Juana Gómez, hija de Martín López de la Guerra y de doña Jacinta Gómez, vecinos de la parroquia de Monteagudo, perteneciente al municipio de Arteixo y partido judicial de A Coruña y dueños de la casa de Sande (…).”
Casa de Gondreo
     Non sabemos se a “casa y pazo de Gondreo” nomeada anteriormente é a mesma da imaxe, casa que a día de hoxe é propiedade do señor Antonio e da señora Maruja, unha muller que non ten ningún vencello cos Pombo, aínda que non descarta que ese fora o apelido dos anteriores propietarios da vivenda na que se criou: “ a casa comprouna meu bisavó hai moitos anos do Noso Señor a uns señores que non sei como se chamaban. Tampouco nunca vin tal escudo, pero claro, aquí fixéronse moitas reformas!

    O que si podemos confirmar e que efectivamente, segundo as informacións dos irmáns García Garrafa, Martín Pombo, señor das Casas de Vilar de Cidre (Razo, Carballo) e de Gondreo (Sorrizo, Arteixo), casara con Alberta Rodríguez de Grela e tiveron por fillos a Juan e a Esteban. O primeiro, bautizado en San Martiño de Razo o 5 de agosto de 1682 e finado en Sorrizo el 5 de marzo de 1759, contraera matrimonio con Juana Gómez, natural de Gondreo, bautizada en Santo Tomé de Monteagudo en 1680 e falecida en Sorrizo o 5 de novembro de 1756. Juan e Juana serían pais, entre outros, de Esteban que, andando no tempo, espallaría o apelido Pombo polas Américas.

Vista da casa de Gondreo dende A Lagoa
   Bautizado en San Pedro de Sorrizo, o 20 de decembro de 1721, Esteban Pombo abandonou a súa parroquia natal sobre o ano 1750 e, na compaña de seu sobriño Juan Antonio, cruzou o Atlántico para establecerse en Popayán, provincia do Cauca, Virreinato da Nueva Granada (actualmente Colombia). Nuns tempos de esplendor do colonialismo español nos que non tardarían en xurdir os primeiros asomos de República, Esteban casaría alí, en Popayán, en marzo de 1756 con Tomasa de Ante y Valencia, nada nesa cidade o 8 de marzo de 1732 e que era filla de Juan Agustín de Ante Morales y Mendoza e de Agustina Valencia Fernández del Castillo.

   Nunha altura na que Popayán competía con cidades como Cartagena de Indias, Santa Fé, anos despois nomeada Bogotá por Simón Bolívar, e Tunja no número de nobres titulados domiciliados nelas, Esteban faría todo o posible por formar parte dese clube selecto de alto avoengo e solicitaría a certificación que aparece publicada na Enciclopedia Heráldica y Genealógica Hispano Americana dos irmáns Alberto e Arturo García Garrafa. Ao fío da devandita solicitude, apuntar tamén a interesante información que nos ofrece o escritor colombiano Germán Espinosa no seu libro Lino de Pombo: el sabio de las siete esferas sobre Esteban Pombo:

(...)La familia Pombo se sabia ilustre por el linaje y es lo cierto que en esa convicción existía algo más que mera vanidad. Don Manuel, el padre de Lino, descendía en linea directa de aquel caballero don Antón de Pombo que fue hecho conde por el rey Ramiro I de León, luego de su heroica acción, en el año 825, en la batalla de Clavijo contra el poder moro. Al llegar al virreinato, su padre don Esteban de Pombo y Gómez, casado con Tomasa Ante y Valencia había querido trasplantar el solar de la familia en San Pedro de Sorrizo e instaurar así una casta de horca y cuchillo, pero sus hijos, compenetrados con un alto sentido de lo criollo, habían abrazado las ideas liberales (…)”1
    Con título nobiliario ou sen el, o caso é que Esteban convertiríase, tralo nomeamento do Virrei Pedro Mesía de la Cerda, no tenente gobernador e xustiza maior de Popayán, cargo que ocuparía ata a súa morte, acaecida á idade de 53 anos en 1774.

   Esteban Pombo e Tomasa de Ante y Valencia foron pais, entre outros, de Petronila Agustina; Juan Francisco; José Ignacio, nado en Popayáyán en 1771 e único membro da familia recoñecido realista, estableceríase en Cartagena de Indias (a mesma cidade na que naceu en 1778 Juan Díaz Porlier) logo do seu casamento con María Josefa Gregoria Amador Rodríguez; María Josefa que casaou en 1779 con Juan Antonio de Cajiao y Pereira, natural de Betanzos que foi contador principal de augardentes e oficial primeiro de tabacos en Cali; e do avogado, político e escritor Manuel Antonio, de quen falaremos máis polo miúdo nos vindeiros días.


FONTES:

1. Germán Espinosa(1998): Lino de Pombo: el sabio de las siete esferas, Colciencias Panamericana Editorial, Bogotá, páx. 14.

 
O PAZO DE GONDREO E A LIÑAXE DOS POMBO DE SORRIZO EN COLOMBIA (II)

     Manuel María Pombo de Ante, o fillo de Esteban, o veciño de Sorrizo do que vos falei a semana pasada, nace en Popayán, provincia do Cauca, Virreinato da Nova Granada (actual Colombia) o 2 de xuño de 1769. Tras realizar os estudos primarios na súa cidade natal, ingresa posteriormente no “Colegio Mayor de Nuestra Señora del Rosario” de Santa Fé, onde se gradúa en dereito no ano 1791.

    Como moitos dos seus contemporáneos, Manuel serviu en España na “Compañía de Nobles Americanos”, establecida por Carlos IV. Tras catro anos de permanencia na Corte española, volta á Nova Granada en 1795, apenas uns meses despois do seu matrimonio na Península con Beatriz O’Donnell, dama de honor da Raíña María Luisa de Parma, coa que casara o 7 de abril de 1795, tras rápido noivado, na madrileña Real Capela de Aranxuez. Beatriz O'Donnell Anethan, nada en Tarragona o 4 de xaneiro de 1775 era filla dos Baróns de Anethan, o irlandés Joseph O'Donnell O'Donnell (parente de Hugh Roe O´Donnell, heroe nacional de Irlanda) e a luxemburguesa Marie Anne Marguerite de Anethan y Mareschal.

   Ao pouco de casar, Manuel e Beatriz, viaxan á actual Colombia e establecerían o seu domicilio en Cartaxena de Indias, cidade na que o persoeiro de orixen arteixán, intelectual e político como seu irmán José Ignacio, ocupa aos seus 34 anos o cargo de Tesoureiro do Consulado que, dentro doxime colonial español, xulgaba os negocios e causas relacionados co comercio. Manuel María Pombo de Ante tamén abriría alí unha imprenta que trouxera de España, negocio que o goberno de Madrid lle obrigou a pechar. Cartaxena de Indias foi a cidade na que virían ao mundo os fillos maiores de Manuel e de Beatriz: Lino, de quen falaremos máis polo miúdo na vindeira semana xa que, andando no tempo, convertiríase nun ilustre matemático e político colombiano; Susana; Matilde; Fidel e moi posiblemente Teresa. 
 
   Logo duns anos de estadía en Cartaxena, a familia Pombo O´Donnel trasladouse a vivir a Santa Fé, onde o noso protagonista ocupou o cargo de Superintendente da Casa da Moeda e, ademais, estreitaría lazos con amigos como Camilo Torres e Francisco José de Caldas (descendente de galegos de Caldas de Reis e de Cuntis), próceres da independencia colombiana. En Santa Fé, a quen Simón Bolivar lle mudaría anos máis tarde o nome polo de Bogotá, nacerían Cenón, María Josefa e Natalia, os fillos máis novos de Manuel e de Beatriz.

   Naqueles tempos, nos albores do século XIX, Thomas Jefferson gobernaba os Estados Unidos, esa nazón que fora quen de acadar a súa independencia da Corona Británica. Mentres, na outra parte do planeta, Napoleón Bonaparte, un militar francés con ambicións de poder que non tería reparo algún en desafiar a autoridade do Romano Pontífice, amenazaba o imperio do borbón Carlos IV.

   Nesa época o vapor empezaba a facer das súas, especialmente nunha Inglaterra que sucumbía ante os encantos do que se coñecería como a Revolución Industrial. No paraíso das máquinas ocuparía lugar privilexiado a primeira locomotora, o cabalo de ferro, que apenas estaba en xestación na mente dun enxeñeiro inglés e que, ao empezar a circular polos raís en 1804, anunciaría a era dos ferrocarrís por vir. Á razón e á liberdade, sumábase por aquel entón o vapor, para impulsar os procesos históricos que racharían antigas cadeas e ampliarían os límites dos dominios da humanidade.

    Paralelamente, no Novo Reino de Granada, unha colonia instaurada polos españois tres séculos atrás, que recibiría en 1803 ao penúltimo dos virreis, Antonio Amar y Borbón, non tardarían en soar os primeiros tambores da Independencia, causa que abrazaría o fillo de Esteban de Sorrizo.

  Partícipe activo na loita pola emancipación hispanoamericana fronte ao imperio español, Manuel Pombo faríase federalista durante a etapa da Patria Boba (1810-1816), que é como se coñece ao período da historia de Colombia comprendido entre as declaracións de independencia de 1810 e o inicio do “Régimen del Terror”, nomeado así polo apresamento e asesinato dun sen fin de políticos, militares e civís que simpatizaban cos independentistas trala chegada do general español Pablo Morillo ao territorio da Nova Granada. 
 
Manuel Pombo de Ante (www.geni.com)

    En aquel ano de 1810, a tensión extrema entre un goberno que, dada a abdicación de Carlos IV, representaba a un rei non coroado, Fernando VII, que era prisioneiro de Napoleón en Valençay, e os criollos” aristócratas chegara a tal punto que Manuel Pombo decidira non abandonar máis Santa ata que a situación do conflicto se definira dalgún xeito. Manuel pensaba que os destinos dos españois americanos non dependerían xa de virreis nin de gobernadores, senón que sean elevados ao rango de homes libres. Naqueles difíciles anos escribiría a obra Historia de los países que formaron el virreinato, un traballo erudito que o enchía de orgullo, como case ningunha das outras boas cousas que fixera na vida. Segundo o historiador Gustavo Arboleda, aquel manuscrito de grande valor desaparecería en 1816 sen ser impreso. Outro dos seus escritos famosos foi a importante carta que lle enviou en 1812 a José María Blanco, na cal rebatía os argumentos publicados por Blanco no xornal El Español en contra da independencia de América e de Filipinas.

    Nos meses seguintes Manuel continuaría intervindo activamente no loita pola independencia. En 1813 vémolo participando na colecta feita entre os patriotas de Santa para a liberdade de Venezuela e en 1815, cando o pesimismo era a constante polo temor do avance das tropas españolas, aceptou a Gobernación de Popayan, cidade na que sería detido e condeado a morte polo militar español Pablo Morillo, xefe da expedición encargada de sufocar a rebelión nas guerras de Independencia de Venezuela e de Nova Granada, na chamada Reconquista española.

   Mais Manuel Pombo salvaría a súa vida por ser a súa muller Beatriz irmá dos militares españois Enrique José O´Donnell e Carlos Manuel O´Donnell, activos defensores da causa real frente aos liberias durante a restauración absolutista de Fernando VII. Trala súa detención en Popayán, o noso persoeiro sería desterrado a España, onde pasaría varios anos baixo o amparo de seu cuñado Enrique José. No tempo que durou o desterro peninsular, no que se cadra ata realizou algunha viaxe a Sorrizo, a terra na que nacera seu pai Esteban en 1721, Manuel Pombo escribiría tres libros sobre gramática, xeografía e historia que lograría publicar en Madrid:Compendio histórico de la invasión de España por los franceses”; “Gramática latina” e, “Geografía concisa, para uso de principiantes, y de los niños en la escuela de primeras letras y casas de educación”, este último publicado en 1821.

Lugar de Gondreo, Sorrizo
    Manuel Pombo regresaría en 1822 a súa patria, que xa gozaba dunha independencia total conseguida baixo o mando de Simón Bolívar tras unha campaña iniciada en maio de 1818 en Venezuela e rematada na Batalla de Boyacá o 7 de agosto de 1819.

    Os eventos posteriores ao Congreso de Angostura, instalado nese ano de 1819 polo Xeneral en xefe Simón Bolívar na súa condición de Xefe Supremo da República de Venezuela e o Capitán Xeneral dos Exércitos de Venezuela e da Nova Granada, estarían asinados pola división, os conflictos entre provincias, as guerras intestinas e o desorde institucional. Para controlar a administración da república nacente, recurriríase á conformación de “Juntas de Gobierno Provinciales”, xuntas das que sairía o nomeamento de representantes para conformar a “Junta Suprema”, órgano responsable de organizar o Congreso, nacendo del as administracións do estado e o posterior xurdimento das Provincias Unidas da Nova Granada e o Estado Libre de Cundinamarca. E naquel momento tan importante da historia desa parte do planeta alí estaba Manuel, un dos fillos de Esteban, aquel veciño de Sorrizo que abandonara a súa parroquia natal sobre o ano 1750 canda o seu sobriño Juan Antonio, un momento crucial da historia sudamericana no que Manuel Pombo sería membro da “Junta Suprema”, ocupando cargo na “Sección de Hacienda”.

    Pouco tempo despois, o territorio ocupado polo Virreinato de Nova Granada convertiríase na República de Colombia, primeiro federada con Ecuador e Venezuela, unión que a historiografía chamou Gran Colombia. Trala disolución desta última en 1830, o antigo virreinato asumiu o mesmo nome de Colombia, un estado republicano así nomeado na honra do navegante Cristobal Colón. Uns meses antes, o 10 de setembro de 1829, Manuel María Pombo de Ante falecía na súa cidade natal de Popayán.

O PAZO DE GONDREO E A LIÑAXE DOS POMBO DE SORRIZO EN COLOMBIA (III)

    Lino José Julián de Pombo O´Donnell, fillo de Manuel María Pombo de Ante, e neto de Esteban, o arteixán que abandonara o seu Sorrizo natal sobre o ano 1750 para establecerse no Virreinato de Nova Granada (actual Colombia), nace en Cartaxena de Indias o 7 de xaneiro de 1797.

Lino de Pombo
   Estudia no "Colegio Mayor del Rosario" de Bogotá, onde se gradúa en Matemáticas, e iniciada a xesta independentista, realiza cursos de artillería, fortificacións, ataque e defensa de prazas co sabio Francisco José de Caldás, descendente de galegos de Caldas de Reis e de Cuntis que sería un dos próceres da emancipación de Colombia do imperio español.

    Obtido o grado de Cadete no ano 1810, Lino sería adscrito ao Reximento auxiliar de Cundinamarca en 1812 e, posteriormente, pasaría a servir ao Estado de Cartaxena baixo as ordes de Pedro Labaut, Manuel del Castillo y Rada e Miguel Carvallo, respectivamente. A mediados de 1815 tomou parte na campaña contra a cidade realista de Santa Marta e, meses despois, voltaría a Cartaxena para defendela durante o asedio de Pablo Morillo. Nesta ocasión se lle asignou, xunto ao refuxiado coronel venezolano Antonio José Sucre, a defensa do cerro e convento de La Popa, baixo as ordes de José Francisco Bermúdez e Carlos Soublette.

    Na noite do 11 de novembro de 1816, Lino de Pombo sería testemuña do ataque suicida do capitán español Maortúa, que supoñéndose dono da praza berrou antes de ser degolado, "Viva el rey"; ao que o seu verdugo respondeu "… no estando Piñango en la Popa".

    Evacuada Cartaxena polos patriotas, Pombo caeu prisioneiro e sería encarcelado en San Felipe de Baraja. A súa corta idade librouno do patíbulo e foi sentenciado por Pablo Morillo a servir oito anos no exército realista, chegando preso a España xunto a seu pai Manuel. Sentenciados ambos, salvaron a vida grazas á intervención do xeneral Carlos O'Donnell y Abreu, irmán de súa nai Beatriz e que ademais lle facilitou o ingreso na Academia de Enxeñeiros de Alcalá de Henares, onde perfeccionou os estudios de artillería e arte militar.

    Entusiasta partícipe da rebelión do coronel Rafael de Riego, Lino Pombo chegaría a pelexar na batalla de Jódar. En setembro de 1823 sería detido, procesado e condenado a ser fusilado, mais sería quen de fuxir e escapar da Península por Xibraltar, de onde pasou a Inglaterra. En Londres, Lino foi designado Secretario da delegación da nova República de Colombia, cargo que ocupou ata 1825, cando foi reemplazado polo caraqueño Andrés Bello.

     Lino optaría entón por voltar a Colombia, onde se reincorporou ao exército como Capitán, aínda que pronto foi ascendido a Coronel de Enxeñeiros e segundo axudante do "Estado Mayor General". O persoeiro de orixen arteixán estableceu a súa residencia en Popayán, onde contraera matrimonio en 1826 con Ana Rebolledo. Na capital caucana foi colaborador de varios periódicos, secretario e profesor da Universidade, e Administrador de Diezmos. Xunto ao arcebispo de Santa fé de Bogotá Manuel José Mosquera, foi redactor do Constitucional del Cauca.

    Disolta a Unión colombiana, o presidente, Francisco de Paula Santander designouno en 1832 Secretario de Relacións Exteriores da República da Nova Granada, cargo que lle renovaría en 1833 ao ser reelexido Santander. O novo Presidente, José Ignacio Márquez ratificaríao na carteira de Relacións Exteriores, posto que desempeñou ata o 14 de maio de 1838. Durante a súa longa xestión, Lino de Pombo asinou co ministro Santos Michelena o primeiro tratado de límites con Venezuela. 

Lino de Pombo
    No ano 1840 foi designado Gobernador da Provincia de Cundinamarca e, en 1842, Enviado Extraordinario e Ministro Plenipotenciario en Venezuela, ano no que subscribiu, co venezolano Juan J. Romero, o axuste do tratado de límites de 1833. En 1845 foi Secretario de Facenda do xeneral Tomás Cipriano de Mosquera e exerceu en varias ocasións como director do Crédito Nacional, da Oficina Xeral de Contas e da Casa da Moeda, en reemplazo de José Manuel Restrepo, político e home de ciencia colombiano. En 1854 convertiríase no “Procurador General de la Nación”, e en 1855 repitiu, por dous anos, como Ministro de Relacións Exteriores do presidente José María Mallarino, mandato durante o cal asinou, xunto a Teodoro Gómez de la Torre, o tratado de límites con Ecuador do 9 de xullo de 1856. Foi electo á súa vez varias veces membro da Cámara de Representantes.

    Ao igual que seu pai Manuel, Lino Pombo tamén publicaría varias obras, entre as que destaca as Lecciones de aritmética, álgebra, geometría analítica, e efectuou varias traducións do inglés e francés: a Historia romana do británico Oliver Goldsmith e a obra de artillería do francés Le Blond. Súas tamén foron a Recopilación Granadina e a Memoria histórica sobre la vida, carácter y trabajos de Francisco José de Caldas. En Bogotá foi redactor dos xornais El Argos e El Observador, medios nos que defendeu a obra e gobernos de Márquez entre 1839 e 1840. O Congreso rendiríalle honores na súa morte, acontecida en Bogotá o 20 de novembro de 1862.

    Lino de Pombo O´Donnell e Ana Rebolledo foron pais de seis fillos: Jorge Manuel Pombo Rebolledo, nado en Popayán o 17 de novembro de 1827, avogado, doutor en xurisprudencia, poeta e escritor que realizou a compilación dos “Doce Códigos del Estado Soberano de Cundinamarca”, sendo ademais varias veces ministro de estado e maxistrado da Suprema Corte Federal (casou con Ana María Ayerbe e foron pais, entre outros do popular artista colombiano Jorge Pombo); Beatriz, nada en Popayán en 1829 e que faleceu solteira; Felisa nada en Popayán en 1830 e que casou co doutor Teodoro Valenzuela; Fidel, aventaxado naturalista, libreiro e fundador do Museo Nacional nado en Bogotá en 1837; Juana, que tamén veu ao mundo en Bogotá; e José Rafael, o laureado poeta, persoeiro da literatura colombiana do que falaremos na vindeira semana.



O PAZO DE GONDREO E A LIÑAXE DOS POMBO DE SORRIZO EN COLOMBIA (e IV)

 
   José Rafael Pombo Rebolledo, fillo de Lino de Pombo O´Donnell, neto de Manuel María Pombo de Ante, e bisneto de Esteban, o arteixán que abandonara o seu Sorrizo natal sobre o ano 1750 para establecerse no Virreinato de Nova Granada, nace en Bogotá o 7 de novembro de 1833, casualmente o mesmo ano no que veu ao mundo o  ilustre veciño de Arteixo Manuel Murguía.

Rafael Pombo
  Máximo representante do romanticismo en Colombia e unha das principais figuras da lírica romántica en lingua española, a relevancia de Rafael Pombo na historia literaria do continente americano quedou parcialmente escurecida polo éxito das súas fábulas e contos destinados ao público infantil que, a día de hoxe, aínda conservan intactas a súa frescura e popularidade
 
  Como era costume na época, Ana Rebolledo, a nai do noso protagonista, ensinoulle as primeiras letras ao pequeno Rafael, quen aos once anos, en 1844, ingresa no seminario. O latín alí estudiado faría del un destro tradutor dos clásicos; o grande Marcelino Menéndez Pelayo comentaría acerca das súas traducións que... "No las hay más valientes y atrevidas en nuestra lengua". Dos poetas grecolatinos Rafael Pombo traduciría a Horacio e o episodio de Laoconte de Virxilio. Tamén verteu ao castelán O poeta moribundo, de Alphonse de Lamartine, e o soliloquio de Hamlet de William Shakerspeare.

   Parece que a inclinación pola poesía naceu en Pombo dende moi cedo. Xa aos dez anos copiara versos e traducións nun pequeno caderno que titulou Panteón literario. En 1846 ingresa no “Colegio Mayor de Nuestra Señora del Rosario”, donde estudou humanidades; en 1848 recibe o grado en matemáticas e enxeñería co colexio militar que fundara uns anos antes  o xeneral Tomás Cipriano de Mosquera.
 
   Malia que nunca exerceu formalmente como enxeñeiro, sábese que este persoeiro de orixen arteixán realizou algúns estudos para o melloramento urbano de Bogotá. Recén graduado, publicou por primeira vez poesías baixo o seudónimo de Firatelio no periódico da Sociedade Filotémica, da cal era membro. Estas temperás obras, cargadas dun tono sentimental, deixan entrever ecos de Ramón de Campoamor, José Zorrilla, Garcilaso de la Vega e do lendario lord Byron.
 
   Posteriormente viaxou a Popayán, onde a súa familia ta propiedades, escribindo alí dous dos seus poemas máis coñecidos: La copa de vino e Mi amor, asinado co seudónimo de Edda. Durante certo tempo creeuse que tal poema era obra dunha enigmática e brilante poetisa ata que o propio Pombo revelou a súa autoría; a anécdota amosa ata que punto asimilou a psicoloxía feminina e a súa distinta maneira de sentir o amor e de expresalo. Na compaña dos escritores José Eusebio Caro e José María Vergara y Vergara, Rafael Pombo fundou en 1852 La Siesta, órgano literario de marcado tinte romántico.

   En 1855 viaxou a Nova York como secretario da legación colombiana nesta cidade. Permanecería dezasete anos en Estados Unidos, período durante o cal residiu en Washington e en Filadelfia (onde foi cónsul), sendo esta a súa época de plenitude creadora. Se cadra, o contacto cunha cultura e un idioma de sonoridades diferentes, foi o motivo polo que a súa obra deu, naquela altura, un xiro universal. Tamén mantivo contacto con personalidades da intelectualidade como Henry Wadsworth Longfellow e William Cullen Bryant. Ademais, por aquel entón traduciu a poetas ingleses, franceses e alemáns, e os seus Cuentos pintados para niños (1867) publicáronse por primeira vez en Nova York. 
 
    Nun emotivo acto (que casualmente coincidiu coa noite na que finou Diego Fallón, o seu gran compañeiro de xeración), Rafael Pombo foi coroado como poeta nacional o 20 de agosto de 1905, no teatro Colón de Bogotá. Uns anos máis tarde, o 6 de febreiro de 1912 substituiu a Manuel María Mallarino como membro da “Academia Colombiana de la Lengua”, institución da que foi secretario perpetuo. Faleceu en Bogotá o 5 de maio de 1912.

A obra de Rafael Pombo

   Xunto con José Asunción Silva, Rafael Pombo é o is destacado dos poetas colombianos do século XIX. Favorecido polo seu benestar económico, foi o primeiro que asumiu a labor poética como principal actividade ao longo de todo o seu periplo vital, nunha época na que outros optaron por acatar as ordes da musa só de maneira periférica.

Rafael Pombo
   Con Pombo nace, nun entorno de acento aínda colonial, unha poesía nova no continente americano. A súa lírica funde subxectividade e meditación filosófica, reflexivo sentimento do amor e da natureza, pálpito relixioso e aproveitamento da experiencia. Deus, a natureza e a muller son protagonistas na súa obra, así como a rebeldía, o vigor e a ironía, polo que resulta unha extraña suma de autor entre devoto e demoníaco. A súa inspiración romántica percorrreu os camiños que van de Zorrilla e Víctor Hugo a Byron e Leopardi, pasando polos clásicos gregos e latinos, que se afanou en traducir, así como a moitos ingleses e franceses. 

    A súa obra pódese dividir en tres ciclos que corresponden a tres momentos da vida do poeta: primeira residencia en Bogotá, residencia en Estados Unidos (1855-1872) e segunda estadía en Bogotá. Pombo entende dende moi temperá idade que o seu quefacer é escribir: "De que soy poeta apenas tengo estos datos: Que no sirvo para nada, sino para hacer versos". Os primeiros poemas foron publicados baixo o título Exabruptos poéticos de Rafael Pombo.

   En 1855, o poeta de orixen arteixán escribiu La hora de las tinieblas, ambicioso poema de largo alento composto por sesenta e unha décimas, que abre e reflexa de maneira fidedigna a segunda etapa da súa produción. Considerada unha das súas obras máis representativas, La hora de las tinieblas manifesta un sentimento de escepticismo e desesperanza propio dois xenuíno espíritu romántico. O poema Noche de diciembre retoma a temática de La hora de las tinieblas: é o escepticismo e a desesperanza, se cadra con maior madurez literaria, mais co mesmo sentimento e espíritu.

    Entre os máis logrados poemas de Pombo escritos en Norteamérica quíxose destacar Al Niágara e Elvira Tracy. No primeiro hai unha constante oposición entre a civilización moderna e a vida bucólica, entre a utilidade e o desinterese, entre o artificial e o natural, onde o segundo sempre trunfa sobre o primeiro; sobresae así mesmo pola portentosa forza expresiva das imaxes con que describe as cataratas. Elvira Tracy é unha elexía dedicada á moza do título, falecida aos quince anos. Trátase dun canto ao amor verdadeiro, á pureza feminina e á inocencia. Nos versos deste poema, Pombo cumpre o ideal romántico de morrer na plenitude da beleza e no inicio da vida.

    Case toda a súa produción está impregnada do aroma dun amor nunca satisfeito. Máis que un poeta do amor, Pombo canta á amada, eis aínda á compañía da amada. En efecto, a muller amada é, para o vate bogotano, a suma e interpretación de toda a creación. Ao carón do Pombo sentimental encontramos, por momentos, un poeta preocupado e angustiado polos grandes problemas metafísicos. Nese campo, a relixiosidade do persoeiro de orixen arteixán tórnase a veces en misticismo. Outro dos temas recurrentes na súa obra é a historia e as manifestacións da cultura local. Nese ámbito sobresaen os seus poemas á patria, ao folclore e aos heroes nacionais, como La tumba de Ricaurte

   Finalmente, cabe destacar a inclinación de Pombo pola literatura infantil, onde da renda solta á súa fascinación polo fabuloso e o máxico. Xa na súa etapa norteamericana deu a coñecer dúas recopilacións de relatos breves en verso: Cuentos pintados para niños (1867) e Cuentos morales para niños formales (1869). Ao primeiro pertencen poemas tan celebrados como El renacuajo paseador, El gato bandido, La pobre viejecita e Simón el Bobito; do segundo son Mirringa y Mirronga e Fuño y Furaño. A graza e frescura destos poemas alimentou a fantasía de incontables xeracións de nenos, e aínda hoxe son enormemente populares; tanto é así que Rafael Pombo é actualmente máis coñecido por esta vertente da súa produción que pola súa lírica romántica.
 
    A obra completa de Pombo publicouse por vez primeira en 1916, en catro volumes. O primeiro e o segundo conten a súa obra poética; o terceiro tomo constitúeno as súas traducións, e o último engloba as súas Fábulas y verdades, Cuentos pintados e Cuentos morales para niños formales. Pombo deixou tamén numerosos artigos de crítica literaria. En colaboración co músico José María Ponce de León, escribiu incluso o libreto da ópera Florinda o la Eva del reino godo español.



 

O HISTÓRICO PASADO DO LUGAR DE LAXOBRE


   Poucos lugares hai no concello de Arteixo que conten co pasado esplendoroso que ten Laxobre, terra de historia, de lendas e de recunchos nos que aínda se conservan innumerables pegadas que falan da grande importancia que no seu momento tiveron o castro, o pazo, a capela ou a fonte do lugar, a coñecida coma Fonte de Santa Lucía. Entidade de poboación da parroquia de Santiago de Arteixo que linda cos núcleos do Seixedo e de Ponte, ambos na parroquia de San Tirso de Oseiro, Laxobre é coñecido na actualidade por ser o lugar onde o padre Villa construiu, nos anos setenta do século pasado, a “Ciudad de los Muchachos” de Agarimo.

Imaxe actual da Fonte de Santa Lucía de Laxobre
 

 
Imaxe actual da Fonte de Santa Lucía de Laxobre   

     Situado no lugar estratéxico do cume do Monte do Castro, a uns 100 metros sobre o nivel do mar, o castro de Laxobre, tamén coñecido como o castro de Arteixo, atópase entre a Travesía de Arteixo, na marxe esquerda da costa que dende O Seixedo sube cara o Alto de Arteixo, e a parte esquerda da Avenida de San Estevo de Morás, o que vén sendo a estrada de Uxes. Unha vez nesta avenida, se colles o primeiro desvío que hai ao pasar o tanatorio, entras na Rúa Andrés Gaos, que non ten saída e acaba xusto no asentamento castrexo do que estamos a falar.

    Trátase, xunto con Anzobre, Canzobre, Rañobre e un perdido Lañobre recollido por Moralejo, dun dos topónimos do municipio que levan o sufixo -OBRE na súa denominación, unha terminación sobre a que o arqueólogo Luís Monteagudo apunta a idea de que se cadra procede do indoeuropeo -VERIS (altura) ao constatar que case todos os primeiros elementos destos topónimos son xentilicios ou cognomina romanos. O popular arqueólogo tamén nos di que… " en consecuencia, y descartando por varias causas la interpretación como "altura fortificada" (=castro), creemos posible que esta "altura" de los topónimos en -bre signifique outeiro (altar) que en general aprovechaba los peñascos de las alturas, y además constituía el núcleo de una institución socio-religiosa que, evolucionando, llegó casi hasta nuestros días”.

   Outros autores consideran que o sufixo -BRE derivaría de -BRIX e indicaría en orixe un poboamento en altura. Simplemente observando o modelo de elevacións da nosa bisbarra compróbase que, efectivamente, os topónimos en BRE e afíns atópanse en xeral, aínda que non en todos os casos, en zonas elevadas non moi pronunciadas xa que o noso relevo é relativamente suave, mais si ocupan lugares altos con boa visibilidade. 

     A hipótese de poboados en altura do erudito coruñés Menéndez Pidal non foi aínda refutada nin demostrada, mais si que ten o mérito indiscutible de chamar a atención destes topónimos concentrados en territorio do Portus Magnus Artabrorum, ou Golfo Ártabro, como sinal de territorialidade ou de indentidade do pobo dos ártabros. Esta tese poderíase demostrar cunha axeitada investigación arqueolóxica sistemática sobre una selección de castros da comarca onde Arteixo, segundo sostén a miña prezada amiga e arqueóloga Puri Soto, xoga un papel preponderante!

    Tamén resulta de notable interese a información do historiador José Carlos Sánchez Pardo quen, na súa tese de doutoramento, dinos que… “el análisis de la potencialidad productiva del entorno de estos lugares con toponimia en “bre” indica que se ubican en zonas con buena capacidad agrícola, si bien se trata de valores similares a los obtenidos por otro tipo de entidades de poblamiento histórico, pues ya hemos señalado que el territorio de Nendos se caracteriza por una óptima capacidad productiva media del terreno. De todos modos, al estudiar más detalladamente la productividad del entorno de estos topónimos y compararla con la obtenida para la generalidad de los castros de Nendos, observamos un fenómeno similar al mostrado por los castros cuyo emplazamiento presenta continuidad ocupacional entre los siglos I y XIII. Las aldeas con topónimos en “bre” se sitúan en zonas con un índice ligeramente mayor de tierras de alta capacidad productiva (prime land) que la media de los castros, aunque en cambio pierden accesibilidad a tierras de uso extensivo”.

   De forma circular tendente e ovalado, o castro de Laxobre apréciase perfectamente nas fotos do chamado voo americano. En realidade son dous castros (aínda que o antecastro é común, segundo algúns expertos trátase dun caso non moi típico de castros asociados) e ten unha superficie aproximada duns 7.000 metros cadrados cunhas medidas de Noroeste a Surleste duns 83 metros de diámetro por uns 90 metros aproximadamente de Norleste a Suroeste. Como dato curioso recente, dicir que en decembro de 2012 o amigo Xosé Troiano atopou fortuitamente neste asentamento unha meta dun muíño castrexo moi ben conservada, tesouriño que foi depositado no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. 

Fotografía do chamado voo americano no que podemos ver o castro de Laxobre

 
Cavidade granítica do asentamento de Laxobre
 

   Dos tempos nos que aínda se podía apreciar claramente o castro debe datar a lenda que nos contou o pasado verán a señora Perfecta Orgeira Dopico, máis coñecida por Peruca de Laxobre ou Peruca de Orxeira: “Onde actualmente está a “Ciudad dos Muchachos” había unha pedra moi grande que se chamaba A Escádiba ou Escádeba. Miña tía contaba que esta pedra tiña coma unha especie de escaleiras para chegar ao bico dela e que desde alí, cando foi a guerra contra os mouros, seica lanzaban as pedras á igrexa de Oseiro. A tía tamén contaba que polas escaleiras da Escádiba era por onde subía a Virxe da Luz”.

   Peruca, nacida na Baiuca en 1938, viviu case tres décadas en Laxobre nunha casa de rancio avoengo que, no seu momento, pertencera aos Romay de Betanzos. Desta familia veu como cura das parroquias de Loureda e Arteixo o Licenciado Pedro Romay y Junqueras que, segundo nos informa Manuel Blanco era... “conocido como El comisario (probablemente “familiar” del santo oficio de la Inquisición). Sábese con certeza que en 1637 Pedro Romay y Junqueras xa estaba por estas terras e que estivo de párroco de ambas freguesías ata o ano 1654. Xunto a seu irmán Fernando, que era crego de Sigrás e Anceis, fundou en 1646 a Casa e vínculo de Laxobre, que tiña unha capela adicada a Santa Lucía, de aí a orixe da devoción á devandita Santa no noso municipio.

En primeiro plano imaxe do Pazo de Laxobre a principios dos anos 70. Ao fondo, Vilarrodís
 

    Con relación a esta capela que había en Laxobre, na visita pastoral realizada no ano 1742 polas parroquias do actual municipio de Arteixo, o bispo da altura deixou constancia de que na freguesía de Santiago de Arteixo había unha ermida… “La de la Apresentación o Maravillas y Santa Lucía situada en el lugar de Laxobre que pertenece a don Ignacio Romay, paga 2 misas semanarias lunes y savado y una cantada el día de Santa Lucía”.

No libro de visitas pastorais gardado a bo recaudo no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela, na visita realizada polo bispo a Arteixo en 1791 aparece escrito o seguinte:

Capilla de Nuestra Señora de la Apresentación o Maravillas y Santa Lucía.

Hallo el visitador en el lugar de Laxobre término de esta feligresía de Arteijo hay una capilla Ynstituida de Nuestra Señora de la Apresentación o Maravillas y Santa Lucía fundada por los licenciados don Fernando de Romay, cura que fue de Santiago de Sigrás, y don Pedro Romay, cura que tambien fue de la Santa María de Loureda, y esta de Santiago de Arteijo; por es.xia de Fundación de Vínculo que otorgaron en los dozes de Abril de mil seiscientos quarenta y seis de que dio fe Miguel Fangil es.no por la que la vincularon sus vienes y fundaron otra capilla sobre dichos vienes raices, ymponiendo la carga de tenerla decente y provista de lo necesario en la que se les traman de celebrar por sus intenciones dos misas rezadas cada semana, una el lunes y otra el sábado y asi mismo se les traman de decir el día de Santa Lucía de cada año tres misas rezadas y una cantada con su vigilia y responso, y otras tres misas rezadas y una cantada con su responso el día de la presentación de Nuestra Señora, todas ellas en la Capilla según mas adelante consta del testimonio del Apeo de los vienes de vinculo, (?) y esta que se halla inserta en el desde el folio ochenta y uno hasta el ochenta y siete, cura capilla se halla decente con caliz dorado y todos los demás ornatos necesarios para celebrarse en ella el Santo Sacrificio de la misa; con las misas semanarias cumple don Pedro Martinez Pro. Don Josef Viz.te Romay actual poseedor de los Vienes y Capilla quien tambien cumple con las cantadas rezadas vigilia y responso quedan referidas lo que consta al visitador como tal cura.

   Ben por herdanzas ou ben por curatela, o caso é que os Romay irían convertendo a Laxobre nunha das casas máis podentes do que hoxe é o concello arteixán, sobre todo nas parroquias de Loureda e Arteixo. Ademais, hai que ter en conta que o Conde de Lemos concedeulle ao Sr. “Comisario” a herdade dun grande terreo con hortas, viñas, prados e montes no que se podían sementar ata 1.000 ferrados de pan.

   Despois de que os irmáns Pedro e Fernando Romay Junqueras, aquel crego de Loureda e Arteixo, e este de Sigrás e Anceis, fundaran en 1646 a casa e vínculo de Laxobre, os Romay da Coruña e de Betanzos, disfrutarían durante séculos os vínculos das Casas de Fiobre, Moruxo, Vilouzás e, entre outros, o propio Laxobre, vendo incrementado o seu inmenso patrimonio, mercé a numerosos legados de familia sen descendencia. 

Escudo dos Romay descrito polo padre Crespo

Brasón que aínda se conserva na Fonte de Santa Lucía de Laxobre, no que figura o león emblema dos Romay

    Segundo consta nas antigas escrituras de propiedade que amablemente nos cedeu Loli Crespo, o primeiro Romay que herdou a casa e vínculo de Laxobre foi Antonio Romay Junqueras, irmán dos cregos fundadores Pedro e Fernando, marido de dona Bernarda Castañeda e pai de Andrés Jacinto Romay Castañeda, Rexedor Perpetuo da Coruña. Este señor e María Antonia Becerra Ponte y Andrade, a súa muller, foron pais de Ignacio Antonio Romay Becerra, tamén Rexedor perpetuo da Coruña, Maiorazgo da súa Casa en Betanzos e A Coruña, quen casou con Mariana Bermúdez de Mandiá, señora xurisdicional con mero e mixto imperio de Outeiro de Lamas, Pacios, Cedeira, Pazo de Soelle, Xubia, co seu porto e as súas salinas, Caranza, Santa Icía de Trasancos, Pazo do Monte, Pazo de Trasancos e Pazo da Mercé, señora da Casa de Mandiá e do Maiorazgo de Montaos. Tiveron 8 fillos. Un deles foi José Ignacio Romay Bermúdez, Rexedor perpetuo por xuro de herdade da Coruña e Betanzos e, Tenente Coronel do Rexemento de Milicias de ambas cidades. Señor das Casas de Fiobre e Laxobre, José Ignacio Romay Bérmúdez casou con María Vicenta Ximénez de Cisneros y Saboya, filla de Juan Luís Ximénez de Cisneros y Saboya, Oidor decano da Coruña, e de Isabel María de Escudero y Miguel, neta de Juan Cayetano Ximénez de Cisneros y Samper e de Josefa Marcela de Saboya Martínez y Ferrer, bisneta de Vicente Ximénez de Cisneros y Cervera e de Felipa Agapita de Sampery Garcés de Marcilla. Foron seus fillos José Vicente Romay Ximénez de Cisneros, “que hes el maior, y a quien como tal coresponden a mi muerte los vínculos de que estoy lexítimo poseedor”; Juan Nepomuceno; Antonio Joaquín; Ramón Lorenzo, célebre mariño que secundara o alzamento de Porlier e que en 1843 foi nomeado Director Xeral da Armada concedéndoselle o rango de Capitán Xeral; María Concepción, que casou con Juan María Gómez de Parada y Fonseca, Alcalde da Audiencia de México; María Luisa e María Rosa. Continuou a liña vincular e maiorazga o fillo maior, José Vicente Romay Ximénez de Cisneros, que estaba domiciliado na cidade da Coruña, na casa familiar da Rúa da Zapatería, terceiro quinteiro, con esquina á Praza da Constitución, antes chamada da Fariña. Na fachada principal deste edificio había un escudo de armas de cantería que segundo José Santiago Crespo… “En cuanto a la armería se refiere, se consideran las primitivas en campo de plata un león rampante, de gules, debajo de cuyas garras aparecen dos hojas de higuera, de sable”. José Vicente Romay Ximénez de Cisneros foi Rexedor perpetuo da Coruña e de Betanzos, Señor das Casas de Laxobre, Fiobre, Moruxo, Vilouzás, e outras, e Capitán do Rexemento Provincial de Betanzos. Do seu matrimonio con María Francisca Teijeiro y Ribera, terían tres fillos: José María; Ramón María; e Joaquín. Os dereitos vinculares recaerían no maior, José María Romay Teijeiro, que casou o 22 de decembro de 1816 con Juana Castro González, coñecida igualmente como Juana Castro y Tobar cuxos apelidos non se escapan á consideración de quen coñeza as casas fidalgas da bisbarra. Nas cláusulas testamentarias deste matrimonio aparece o seguinte:

En la Ciudad de Betanzos a cinco días del mes de Setiembre año de mil ochocientos sesenta y cuatro. En el nombre de Dios amén. Sepan como nosotros Don José María Romay y Teijeiro, propietario de setenta y ocho años de edad y su Esposa Doña Juana Castro González de sesenta y seis años, aquel natural de la Villa de Ares y ésta de esta Ciudad de Betanzos, de la que somos vecinos hijos legítimos, yo el Don José, de otro Don José Vicente Romay y Doña María Francisca Teijeiro y Ribera, difuntos, e yo la Doña Juana, de Don Benito de Castro, también difunto, y de Doña Bersabe González, vecina actualmente de Santiago… hacemos de una conformidad, testamento última y deliberada boluntad en la manera siguiente… En el remanente de nuestros bienes, intereses, derechos y acciones, instituimos por únicos y universales herederos a los Don Benito, Don Ignacio, Don Jovita, Don Recesvinto, Doña Francisca, Doña Angela y Doña Dolores Romay Castro, nuestros hijos, para que lo dividan por iguales partes, con la vendición de Dios y la nuestra (...)” 

    Probablemente fora nesa altura, coincidindo coa repartición das propiedades entre os sete fillos de José María Romay e Juana Castro, cando o Pazo de Laxobre empezou a perder o esplendor do que gozara en tempos pasados. Sábese con certeza que, entre finais do século XIX e principios do XX, varios descendentes de familias de nobre estirpe e de importantes Señoríos da contorna, ante a necesidade motivada pola perda de poder adquisitivo, vendéronlle aos labregos e aos caseiros da zona moitas das terras que pertenceran aos seus antepasados dende tempos inmemoriais.

   Este foi o caso de Laxobre, que pasou ás mans de Luís Dopico Díaz, bisavó da señora Perfecta Orgeira Dopico, máis coñecida por Peruca de Laxobre ou Peruca de Orxeira quen, na compaña da súa filla Marisa, nos antendeu cordialmente no seu domicilio da Baiuca nunha tarde do pasado verán ao tempo que nos recordaba algúns detalles da súa vida e da súa familia:

   “O mesmo día que nacín leváronme para a casa de meus avós maternos, José Dopico Naya e Manuela Torres Maceiras. Leváronme para alí porque miña nai, Perfecta Dopico Torres, desgraciadamente morreu a consecuencia do parto pouco despois de que eu nacera. O avó José era irmán de Ramón, que fora alcalde de Arteixo en dúas ocasións (1924-1930 e 1939-1942). Curiosamente dous irmáns, José e Ramón Dopico Naya, estaban casados con dúas irmás, Manuela e Dolores Torres Maceiras. En Laxobre pasei a miña infancia e boa parte da miña xuventude. Era un terreo moi grande. Eu xa non cheguei a ver a capilla da que me falas, pero acórdome que á parte de abaixo dos terreos meus tíos, Luís e María Dopico Torres, chamábanlle “encima da capilla” ou “onde estaba a capilla”, aínda que eles tampouco se acordaban de vela alí. Do que si me acordo é de que no forno da casa había un pequeno San Roque ao que lle faltaba a cabeza e un cacho dunha man. Tamén había uns libros que penso que eran da capilla… e a Santa Lucía que hai na igrexa de Arteixo foi da capilla que había en Laxobre!

Marisa Insua, curmá da señora Peruca, en Laxobre

A señora Peruca en Laxobre

     Polo que me teñen contado meus tíos, os Romay trouxeran de Betanzos a meu bisavó, Luís Dopico Díaz, para que traballara en Laxobre como xardineiro. Non sei se veu casado de Betanzos ou se casou en Arteixo. Os Señores tiñan moito terreo. Eran uns 48 ferrados que chegaban ata o que hoxe é a “Ciudad dos Muchachos” e, claro, había que atendelos. Ademais estaba a casa principal, e outra casa máis, que era onde vivía Luís Dopico. Pasados uns anos, o propietario de Laxobre naquel tempo seica lle dicía a meu bisavó:

-Luís, vouche vender a finca!

-E como vou comprar o terreo? Ben sabe que non teño cartos!

-Bueno ho, non te preocupes. Vas pagando pouco a pouco e como poidas!

   E así foi como meu bisavó se animou a comprar as pertenzas que os Romay tiñan en Laxobre. Miña tía dicía que dende O Valle de Loureda ata Oseiro todos os terreos eran deles, dos Romay. Tamén contaba que antes dos Romay os propietarios seica foran os Láncara, quenes ao parecer tiñan unha casa en Oseiro, xunto a Igrexa, e íanlle levar alí a renda.

   Acordo que para ir á casa grande, se viñas de Arteixo, tiñas que entrar por un portal que había pola zona onde hoxe está a “Ciudad dos Muchachos”. E se viñas de Oseiro, entrabas por outro portal, cerca de onde antigamente estivera a capilla. Nesta parte había tirado un escudo, que vén sendo o que agora está na fachada do edificio do médico don Manolo, pero parece ser que había outro escudo máis.

Escudo existente na fachada do edificio do médico don Manolo, en Arteixo

   Tamén recordo a fonte da casa, que no seu tempo tiña dous canos; o lavadoiro, que estaba despois da fonte; o hórreo... A auga da casa viña por un canal, entraba nun depósito e despois ía para a cociña… Laxobre era unha marabilla!

   Malia que xa facía tempo que os Romay lle venderan todo a meu bisavó Luís, a nosa familia continuo tendo amistade con eles. Pola Noiteboa miña tía leváballe aos Romay, a don Ramón e a dona Lucrecia, dous galos todos os anos á Coruña, ao seu domicilio da rúa Tabernas. Don Ramón e dona Lucrecia eran un matrimonio que non tiña fillos e cando morreu o irmán dun deles, que non me acordo como se chamaba, eles fixéronse cargo da cuñada. Era boa xente! Outro dos recordos que teño dos Romay é que unha vez viñeran á festa a Laxobre dous mozos, un deles era José Manuel Romay Beccaría, o que moitos anos despois foi Ministro”.

No lavadoiro da casa de Laxobre



 
Na fonte da casa de Laxobre

    Nuns tempos nos que aínda era común que os fillos varóns herdaran a maior parte dos bens familiares, o tío da señora Peruca, Luís Dopico Torres, herdou de seu pai José a casa que fundaran en 1646 os irmáns cregos Pedro e Fernando Romay Junqueras, un histórico edificio no que Luís Dopico viviu toda a súa vida na compaña de súa irmá María. Os dous morrerían solteiros.
   
   Tralo falecemento en 1966 de Luís Dopico, os seus bens foron repartidos entre os irmáns ou vendidos, como foi o caso da casa que, nesa altura, pasaría a ser propiedade de Víctor Dópico Vázquez. Co señor Víctor, e coa súa muller, a señora Celina Suárez Paz, que nos atenderon amablemente na propiedade que aínda conservan en Laxobre, falamos dos seus recordos do Pazo e da capela que fundaran os Romay en 1646. Víctor, home de grande afección á historia e de enorme sabiduría popular, comentounos que… “A casa estivo abandonada varios anos e nesa época houbera un gran incendio no que arderan todas as árbores que había nos terreos. Nós viñemos para aquí en 1972. A importancia do Laxobre de antes vén de tempos moi antigos, de tempos de probable referencia militar. As referencias que hai son as que aparecen nas escrituras de fundación. A capela estaba donde agora está a nave, bueno, na realidade estaría nunha metade e a outra metade era terreo baleiro. Aproximadamente sobre o ano 1870 foi cando os meus bisavós lle compraron os terreos aos Romay, pero eles xa eran arrendatarios. Eran 45 ferrados de terreo, unha barbaridade! O gando andaba por aquí sen saír da propiedade! Era un terreo enorme! O meu tataravó era administrador dos Romay aquí. Teño poucas referencias del. Non sei se veu de Betanzos ou se era de Arteixo.
   
  Eu acórdome que había por aí pedras tiradas e azulexos da ermida e tamén sei que as imaxes que había nela foron despois para a igrexa de Arteixo. Recordo que cando eramos nenos xogabamos aí nas adegas e, naquel tempo, aínda había algunha roupa relixiosa e algún libro que supoño que serían dos curas que viñan dicir misa aquí.

    Outra das cousas das que che podo falar é da romaría que se celebraba aquí. Facíase donde ten agora a casa Antonio, que é a que fai esquina na curva. Alí había un hórreo de pedra grande e un campo ao que lle chamaban o camporreiro de Santa Lucía. Arriba, donde agora está a nave, facíase a misa na capela e despois no Camporreiro facíase a romaría e o baile.

   Bueno, e despois está a fonte, que debe ser da época na que fundaron Laxobre os Romay; e o escudo, que está en Arteixo no edificio do médico don Manolo. Había outro escudo máis, que vén sendo o que está enriba da fonte… e tamén me acordo do río de lavar, que estaba a continuación da fonte.

Collendo auga na fonte

 
Hórreo da casa de Laxobre

   Na memoria do señor Víctor tamén se manteñen vivas algunhas lembranzas do Castro de Laxobre: Cando era un rapazote e viñamos a visitar a meus tíos de Laxobre, ía con meu pai de caza pola zona do castro e acordo de ver por alí os ribanzóns, os fondos onde estiveran as murallas ou o que imaxino eu que nalgún tempo foron as paredes. Parecía que estaban derrubadas pero víase ben o oco. Eu creo que se hoxe limpan o toxo que hai, alí aínda se poden ver perfectamente os ribanzóns.

   Pola súa banda, a señora Celina dixonos que… “ a capela non debía ter campá e por iso, cando había misa, seica ían cunha campanilla polos arredores para anunciar que a había, que probablemente sexa a mesma campanilla que apareceu no chan cando empezamos a reformar nós a casa”. Ao fío desta campaíña, o señor Víctor lembrounos que… “ cando era neno, acordo que meus tíos poñían diante da lareira a herba que despois se lle botaba alí polas ventás aos bois e ás vacas nos herbeiros. A cociña era de terra e cos anos botáranlle cemento. Cando nós compramos e viñemos para aquí no 72 levantamos ese cemento para poñerlle terrazo ao chan e foi aí, nesa reforma, cando apareceu a campanilla”. Quen escribe tivo a fortuna de ver a devandita campaíña, á que lle falta o badalo e na cal figura a seguinte inscrición: DOMINE BENED LVM SIT NOMEN




    Actualmente, o antigo Pazo dos Romay, pertence a unha familia de Carnota amante da historia e defensores coma poucos do noso patrimonio que xa hai tempo que botou raices en Arteixo. Sería de xustiza, polo menos así pensamos dende esta humilde bitácora, que o escudo que hai no edificio do médico don Manolo retornara ao seu lugar de orixe antes de que desapareza en calquera momento.

   O meu agradecemento á señora Perfecta Orgeira e a súa filla Marisa; a Víctor Dopico e á súa muller Celina Súarez; e a Loli Crespo pola atención e amabilidade coa que me recibiron para poder sacar á luz esta parte do noso pasado máis recente!

 

FONTES:

BLANCO REY, MANUEL (1998): Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Concello de Arteixo.

CRESPO, JOSÉ SANTIAGO (1984): Blasones y Linajes de Galicia, Ediciones Boreal. A Coruña.

NÚÑEZ-VARELA Y LENDOIRO, JOSÉ RAIMUNDO (2005): Linajes Mariñanes. Los Becerra y los Romay de Betanzos, Publicado no Programa Oficial de Festas de Betanzos o 12 de agosto de 2005.

MARQUÉS DE SAN FRANCISCO (1917): Revista de Historia y de Genealogía Española, xullo-agosto de 1917.



Ningún comentario:

Publicar un comentario