venres, 28 de outubro de 2016

NELSON CEDEIRA E O BAR FÉNIX


     Xusto no lugar onde antano estaba o cuartel vello da Garda Civil de Arteixo, que ven sendo a zona do actual Paseo do Balneario que fai esquina coa Rúa das Frores, tedes o Bar Fénix, local que recomendo a todo o mundo, especialmente @s futboleir@s. Se entrades a tomar un café vaivos atender Nelson Cedeira, un home que, ao pouco de que lle faledes de fútbol, abofé que vos ha de sorprender polo feixe de historias balompédicas que garda na súa memoria e que, ademais, tivo un brillante pasado no mundo do chamado deporte rei que agora vos conto.

     Nado o 16 de outubro de 1964 en Montevideo, no barrio de Paso Molino, Nelson é un dos dous fillos do matrimonio formado por Francisco Cedeira Mallo, arteixán da Catuxa que antes de emigrar a Uruguai traballara nas minas de volframio do noso concello, e de Amelia Beatriz Zas Ratto, unha muller á que Francisco coñecería no país sudamericano e que era filla de nai italiana e pai arteixán de Candame: Jesús Zas.

     Jesús Zas, avó materno de Nelsón, fixera a maleta da emigración nos anos 20 do século pasado e, ao pouco de establecerse na capital charrúa, montaría unha panadería. Jesús sería, ademais, un dos fundadores do Salus Football Club, entidade creada en 1928 que viste como o F.C. Barcelona porque outro dos seus fundadores fora un inmigrante catalán que donara a primeira equipación deste modesto club de Montevideo. 

     Francisco Cedeira Mallo, xenro de Jesús Zas e pai de Nelson, tamén estaría vinculado co Salus F.C. xa que sería o tesoureiro da entidade entre 1965 e 1975, un Francisco que naquela altura mantiña boa amistade con José Añón Canedo, emigrante da Laracha que por aquel entón era un dos máis importantes empresarios de toda América Latina por ser o fundador da CUTCSA (Cooperativa Uruguaya de Transportes Colectivos Sociedad Anónima) e que ademais fora o presidente do Nacional de Montevideo entre 1955 e 1961.

Nelson Cedeira xunto a Enzo Francescoli
     Naqueles anos 70 Nelson, o noso protagonista, ingresaría nas categorías inferiores do Salus, co que debutaría aos 17 anos no primeiro equipo, un Salus que ascendería catro categorías de xeito consecutivo ata acadar á 2ª División. O adestrador desta proeza fora Guillermo Escalada, antigo xogador do Nacional que conquistara con este equipo o Teresa Herrera en 1958 tras vencer na final ao Flamengo por 2-1, con goles do propio Escalada e de Héctor Núñez, un futbolista que era fillo de emigrantes de Meicende e que ficharía no Valencia días despois de conquistar o popular trofeo veraniego herculino.

     As boas actuacións de Nelson Cedeira no eixe da zaga do Salus non pasarían desapercibidas para un dos históricos do fútbol charrúa, o Wanderers, club que se faría cos servicios do futbolista uruguaio-arteixán en 1982. Nelson coincidiría neste equipo con xogadores da talla de Jorge Barrios, que posteriormente firmaría co Olimpiakos; Ariel Krasowski, que ficharía no Boca Juniors; Daniel Carreño, que pasaría ao Lens francés; Luís Acosta, que firmaría co América de México e despois co River Plate; ou, entre outros co lendario Enzo Francescoli, que abandonaría o Wanderers para fichar no River Plate e posteriormente, tralo seu paso polos campionatos de Francia e Italia, convertiríase nunha das grandes estrelas do fútbol mundial.

     En 1983 Nelson sería un dos integrantes da selección de Uruguai que participou no II Mundialito da Emigración celebrado na provincia de Pontevedra, Mundialito que acabarían gañando os da camiseta celeste, con Nelson formando parte do once titular, tras impoñerse na final xogada no estadio de Balaídos á selección de Arxentina por 2-0.

Nelson na final do II Mundialito da Emigración
     Trala súa etapa con Wanderers, o central de sangue arteixá ficharía aos 22 anos no Centro Atlético Fénix, outro dos clásicos do fútbol uruguaio que actualmente milita na Primeira División. O seu bo papel neste equipo levaríao a dar o salto a Europa en 1987, ano no que xogaría 6 meses no Orihuela. Na tempada seguinte, na 87/88, varios equipos da 2ª División española intentarían facerse cos seus servicios, entre eles o Jérez C.D., que naquela hora adestraba o coruñés José Antonio Naya, mais finalmente o futbolista uruguaio-arteixán ficharía no R.C. Celta. A experiencia no equipo olívico, dirixido naquela altura polo técnico vasco Jose Mª Maguregui, non sería moi positiva para Nelson, que só xogaría algúns partidos amigables na pretempada co cadro celeste, feito que o levaría a voltar ao Uruguai e fichar de novo co Fénix, equipo no que permanecería ata o 2002, que foi o ano no que "colgou as botas".

Nelson Cedeira no bar que rexenta, o Fénix
  Despois da súa retirada do mundo do fútbol, Nelson decidiría emigrar coa súa familia á terra que vira nacer a seu pai e a seu avó materno e, ao pouco de establecerse nela, empezaría a traballar na fábrica de pastas frescas "La Napolitana", un Nelson que non tardaría en principiar a súa relación coa hostelería arteixá, pois no 2003 faríase cargo de O Yunque, bar  que rexentaría ata o 2007, que foi o ano no que abriu o local que leva o nome do seu último equipo de fútbol, o Fénix, un bar que curiosamente está a poucos metros doutro que tamén ten moito que ver co fútbol uruguaio: o Code. O seu propietario, Alberto Rabuñal, é neto de Francisco Rabuñal Míguez que, a parte de ser o presidente do Atlético Arteixo durante 14 anos, era curmán de Oscar Omar "Cotorra" Míguez, campión do mundo con Uruguai no Mundial de Brasil de 1950 do que, por certo, pódevos dar boa conta Nelson Cedeira cando vaiadas a tomar un café ao Fénix, que para moit@s xa é a "embaixada"  do fútbol sudamericano en Arteixo.

   

venres, 21 de outubro de 2016

O CINE DE ARTEIXO

      Pois sí, houbo un tempo no que no noso concello había cine, o Real Cine, que para moit@s veciñ@s que peinan canas dende hai tempo era das poucas diversións e espectáculos aos que podían ir na súa xuventude, un lugar onde non faltaron anécdotas e intres vividos difíciles de esquecer...o patio de butacas, o acomodador, o galiñeiro...aquelas películas... 
 
O Cine Real e, á dereita, o bar de Dionisio
   Para unha persoa nada no 1970 coma é un meu caso, as lembranzas do Real son máis ben poucas... só teño o recordo das portas, do portelo no que se sacaban as entradas, das cortinas vermellas da entrada, da incomodidade que lle producían a un neno de 5, 6 ou 7 anos aquelas butacas de madeira... e para de contar!

     Seica a mediados dos anos 50, cando a vila de Arteixo pouco ou nada tiña que ver coa de hoxe, tres irmáns da zona de Sada ou Bergondo, Juan, Antonio e José Agra (para algunhas fontes o apelido era Varela) deciden comprar un dos terreos baleiros que naquela hora había na Carretera Nova (actual Avenida de Fisterra) para pór alí un cine, unha zona na que por aqueles temposhabía catro casas. Empezando dende O Cruce, hoxe Avenida de Caión, e seguindo dirección a Carballo, a primeira delas era a do muiñeiro, que é onde actualmente segue estando o bar Insua. Uns cen metros máis arriba, había outras dúas case iguais. Na primeira vivía Chucho Iglesias Pardo, Chucho de Arsenio, coa súa muller María de Palleiro e o seu fillo Fernando. Na casa do lado residía seu irmán Enrique, Enrique de Arsenio, coa súa muller Concepción e os seus fillos Maruja e Quico, casa na que por certo estaba O Correo e, seguindo a estrada, un pouco máis adiante estaba a de María de Zás, na que esta muller vivía co seu home Francisco Abeleira e co seu fillo Pepe. Nesta casa tiña consulta o practicante Emilio de Juan que, aparte de dar inxeccións, casualmente tamén estaba relacionado co mundo cinematográfico, pois era o propietario do cine da Laracha.

     Pois ben, alí, na zona que hoxe ocupa o edificio Rozas, xusto diante da parada do bús dirección a Carballo, os tres irmáns decidiran comprar o terreo para construir o cine, unha construcción que lle contratarían a Chucho e Antonio Iglesias Pardo, que eran irmáns do xa daquela xogador do Deportivo Arsenio Iglesias. Na obra do edificio, Chucho e Antonio tiñan de pinche a seu sobriño Manuel Martínez, fillo de súa irmá María e mais coñecido polo alcume de Listero, un Listero que xunto a seu tío Chucho quedarían contratados como empregados do cine, que se inauguraría entre 1959 e 1960 facendo unha sesión os sábados e dúas os domingos.

A Av. de Fisterra a principios dos 70. O cine Real á dereita. 
      Polo que me contaron estos días algunhas persoas que aínda teñen grabadas nas súas retinas secuencias, escenas e algunha que outra anécdota do cine de Arteixo, no portelo das entradas estaban habitualmente algún dos propietarios mais, sen era o caso, despachaba a muller dalgún deles. 

     Tamén había mulleres que vendían froita diante do cine, entre elas a nai da veciña da Catuxa Teresa do Xanete, a quen ás veces acompañaba outra señora que vendía larpeiradas e estampitas, actividade que ao parecer tamén facía pola semana na estación dos troles da Coruña. Os carteles do cine, os carteles nos que figuraban as imaxes dos protagonistas das películas, eran cousa de Chucho de Arsenio e da súa muller María.

      Unha vez que tiñan a entrada na man, e logo de atravesar as cortinas vermellas e de que o acomodador, que na maioría das veces era o Listero,  lles axudara a buscar a correspondente butaca, antes de iniciarse a proxección das películas, a xuventude daquel entón facíalle algunha que outra falcatruada ao vendedor de garrapiñadas, un home que seica era obxeto de comentarios e risas por mor da súa vestimenta: de verán andaba abrigado e no inverno de camisa! 

     Empeza a sesión. Chucho de Arsenio era o encargado de proxectar as películas que se iniciaban coas noticias do NO-DO e co ruxido, se eran americanas, do león da Metro Goldwyn Mayer...un Chucho que, de cando en vez, armaba algún que outro alboroto cando os cabalos das películas do Oeste saían na pantalla coas patas cara arriba...era lóxico, as súas máns aínda estaban afeitas á dureza das tarefas da construcción!

Publicidade de xullo de 1970
   As películas de Manolo Escobar eran os films que máis éxito tiveron nos primeiros anos do cine e, en moitas ocasións, chegáronse a esgotar as entradas. De feito, houbo días que, ante a falta de asentos, os propietarios tiveran que ir ao bar de Dionisio a buscar caixas de cervexas e de refrescos para sentar aos espectadores que non tiñan butaca. "Un beso en el puerto", protagonizada por Manolo Escobar, Ingrid Pitt, Antonio Ferrandis e Manuel Alexandre, foi unha das películas que máis se repetiran, se cadra a que máis, no Real Cine de Arteixo naquela altura.

     As de Juanito Valderrama e Antonio Molina tamén causaban furor. As de Rafael tamén gustaban moito, o mesmo que A Biblia, dirixida e protagonizada en 1966 polo norteamericano John Huston ou os peplum, que foi un nero cinematográfico dos 60 de serie B, onde héroes como Hércules, Maciste ou Espartaco, enfrontábanse a innumerables perigos, interpretados polos mellores culturistas da época, que non actores e cunha cutrería de medios, dignas do seu curmán o spaghetti-western, onde o principal era ver corpos esculturais e liortas na area máis ou menos resultonas. Naqueles anos, cando poñían superproduccións, o cine custaba 15 pesetas.

Lugar no que estaba o Cine Real
      Aqueles tamén eran bos tempos para o bar de Dionisio, que estaba a carón do cine, tempos nos que unha vez rematada a película a xuventude dos 60 e dos 70 ía alí a comer os bocadillos de calamares ou chourizo naquela bola que sabía a gloria!

     Coa democracia chegaría o destape ao cine de Arteixo...Mary Francis, Josele Román, Nadiuska, Edwige Fenech... anos que serían os derradeiros do Real aínda que, con ocasión das festas do Apóstolo, abriría varias veces máis, un cine que permanecería abandonado varios anos e que, co paso do tempo, faríase con él Rozas, que construiría alí o edificio no que actualmente está a tenda de Cousas Coruña




domingo, 16 de outubro de 2016

UN RECORDO DE PASTORIZA

(Relato de Juan Naya, Cronista Oficial da Coruña)

Imaxe antiga de Pastoriza
     Aparte das lembranzas máis antigas que conservo de Pastoriza, que son as que se refiren aos primeiros anos da miña vida, nos que iba con meus pais ao santuario a rendir tributo á Virxe o día da festividade, está outro, moi grato, que fixen cando iba para mozo.

     Era polo mes de marzo, cando as raioliñas do sol principian a desbotar a friaxe e acordar a natureza. Estábase a preparar pola Academia Galega o centenario do nacemento de Murguía, o patriarca das Letras Galegas. A Academia, correspondendo ao convite de don Manuel Rey Suárez, entusiasta veciño de Froxel, onde nacera o sabio, desprazou a aquel lugar aos membros da Xunta de Goberno da Corporación don Fernando Martínez Morás e don Félix Estrada Catoira, que foron co que estas liñas escribe para coñecer a casa onde vira a primeira lus aquela extraordinaria figura galega. Iba con nós tamén o notable fotógrafo coruñés Xoán Cancelo, que fixo unhas instantáneas daquela vivenda e dun grupo de labregos e nenos e tamén outra da fachada da igrexa románica de Oseiro, templo que tiña estudado había anos o primeiro daqueles señores.

     Alí pousamos para o fotógrafo.
Juan Naya, Cronista Oficial de A Coruña dende 1961 ata 1993

     Como Murguía foi, como se sabe, bautizado na parroquia de Pastoriza, alá fumos de contado. O párroco, que era un home xa entrado en anos e que se chamaba don Claudio, recibiunos con moita xentileza, mostrándonos o libro en que se rexistra a conseguinte partida de nacemento. Fixéronse outras fotografías, todas elas recollidas, con outras máis referentes aos actos celebrados posteriormente o 17 de maio, en que se inaugurou o busto de Murguía nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

 "¿Abondará esto para catro?" .

     Ao retorno a esta cidade contounos don Fernando Martínez Morás algunhas anécdotas do crego don Claudio moi parrandeiras. Unha delas referíase a cando fora párroco de Ouces, en Bergondo, en que uns señoritos de Sada metéranse con él nun semanario daquela vila. Don Claudio, a quen lle foran co conto, por todo comentario exclamou, remangando o brazo e mostrando o puño pechado:

     Don Fernando apostilaba que don Claudio cando fixo esta demostración, era capaz de sentar a un cabalo dun puñetazo, pois fixérao xa varias veces.

    
      E este é o recordo ao que me refería ao principio.

martes, 11 de outubro de 2016

sábado, 8 de outubro de 2016

"O MEU MILAGRE EN PASTORIZA"

Imaxe dos anos 60 de Pastoriza
    Non recordo moi ben porque me levaron de neno a Pastoriza. Fun andando cos meus padriños, en pequena perigrinación desde a miña tribo de Castro de Elviña. Era unha mañá de calor en domingo, estaban os arbustres batidos polo sol nas lombas dos montes de Mesoiro e Feáns, o máis deles queimado, coma un arrepiante deserto traído da man do home. ¡Cantas veces ardeu ese horizonte, cantas reverdeceu! Entre os pés cinzentos das árbores sesgadas en plena adolescencia vin o esquelete branco dun animal. No lugar dos ollos había dous ocos que para min se axitaron misteriosa e anguriosamente vivos no máis mouro da memoria. Logo cruzamos a vía do tren e eu debín mirar á dereita e á esquerda.

O escritor Manuel Rivas
  Chegamos a Pastoriza con suor, orgulloso eu de soportar a marcha sen queixa. Alí nótase o alento do mar e ten un a sensación de que está nas portas doutra bisbarra ou acaso doutro mundo. Subimos a unha cima do que a min me pareceu montaña de xigantescos penedos. Agora xa podo dicir o que o xefe indio Tahirassawichi. Cando no monumento a Washington lle preguntaron se quería subir polo ascensor ou polas escaleiras, contestou: "Non subirei. Os brancos amontonan pedras para subir a ela. Eu non subirei. Eu xa subín ás montañas feitas por Tirawa". Tirawa, en Pastoriza, é a Virxe.

     Non recordo cál era a miña doenza de neno. Pero fora o que fora en Pastoriza sanei. Supoño que para sempre.

Manuel Rivas

sábado, 1 de outubro de 2016

O RESTAURANTE "EL GALLO DE ORO"


Á esquerda, "El Gallo de Oro" antigo
      Corría o ano 1962 cando Pepe Morgade e Fina Gestal abren na Avenida de Fisterra, naquela hora coñecida como "a carretera nova", un restaurante ao que bautizan como "El Gallo de Oro", nome co que lembraban a ópera de Nikolái Rimski-Kórsakov que tanto lle gustaba ao médico Don Manolo, o padriño do seu fillo Fernando. Aqueles son tempos no que acudían ao Balneario de  Arteixo ducias de persoas a pasar a época estival, entre elas o madrileño Santos López Pradil, bo cliente do restaurante que naquela altura era coñecido como o "embaixador de Arteixo en Madrid" e que cada ano viña a pasar as vacacións coa súa familia ao noso municipio. De xeito silencioso, sen as actuais campañas de marketing en redes sociais ou gastos de publicidade, senón a base das recomendacións que empezarían a realizar os seus satisfeitos clientes, Pepe e Fina non tardarían en facer un importante oco no panorama gastronómico da comarca. Todo ía ben ata que en agosto de 1965, tres anos despois de que abriran o seu negocio, o Consello de Ministros da dictadura franquista daba luz verde á creación do Polígono de Sabón, un asentamento industrial que daría pé a que se expropiarían máis de 2.000 terreos, entre eles o do restaurante do que estamos a falar. Mais abofé que Pepe e Fina  tiñan ben clariño que o seu futuro seguiría entre os fogóns. Non quedaba outra: había que empezar outra vez de cero!
    
     É aí cando deciden comprarlle á Deputación da Coruña os terreos que o ente provincial lle expropiara ao matrimonio e, tralos oportunos trámites, o 28 de decembro de 1973 a Comisión Municipal Permanente de Arteixo acorda concederlles licencia municipal para construir nas parcelas 31-B e 32-C do Polígono un novo edificio destinado a Conxunto Hosteleiro, edificio que se inauguraría en 1975 e que ven sendo o actual Gallo de Oro que tod@s coñecemos.

El Gallo de Oro actual
     Catro anos despois da inauguración do novo establecemento, Fernando, o fillo de Pepe e Fina, casaba con Rosa Míguez, arteixá con raíces en Morás e no Foxo, quenes pouco a pouco irían collendo o testigo dos fundadores ao tempo que serían quen de convertilo nun dos restaurantes de referencia do país, un restaurante que, dende a súa inauguración, tería de ilustres comensais aos Reis de España, Juan Carlos e Sofía; a todos os presidentes do Estado excepto Zapatero; a Manuel Fraga Iribarne; Carmen Martínez Bordiú e Alfonso de Borbón; o Conde de Barcelona, Juan de Borbón;  Jaime de Marichalar; o lendario Di Stéfano; os escritores Mario Vargas Llosa e Camilo José Cela; o actor José Luis López Vázquez; o cantante Julio Iglesias; o que fora presidente da Real Academia Galega Domingo García Sabell; ou, entre outros, ao artista galego Laxeiro, quen deixaría plasmado unha pintura súa no libro de sinaturas do restaurante.

     Fernando e Rosa, segunda xeración de El Gallo de Oro, sosterían o éxito do seu negocio sobre tres pilares básicos: producto de calidade, cun esmerado cuidado na selección das materias primas (o restaurante diferenciuse sempre por servir o mellor marisco de toda a costa, feito que o levaría a ser coñecido como "a aduana" porque os mariñeiros vendían antes no establecemento arteixán que na lonxa); boa atención, con esquisita elegancia do servicio; e discreción, cualidade, esta última, imprescindible debido aos moitos negocios e acordos políticos que se cerraron no popular local.
Carlos Morgade cos seus pais, Rosa e Fernando
       "El  Gallo de Oro" chega agora á  terceira xeración da man de Carlos Morgade Míguez, unha persoa moi cualificada para tomar as rendas do local que fundaran seus avós Pepe e Fina mais que lle toca vivir o peor momento da hostelería por mor da gran crise económica que atravesamos dende hai xa bastante tempo.Con todo Carlos, que durante 6 anos cursou en Barcelona estudos de Dirección de Empresas Hosteleiras e Turismo, Restauración en Alta Cociña e Sumiller, sendo o nº 1 da súa promoción nas tres especialidades, loita xunto a seus pais por manter a frote o negocio familiar incorporando innovacións como o Varmouth, unha nova idea, un novo estilo, unha liña xoven adaptada aos tempos que nos toca vivir que inauguraron en xaneiro de 2015 no que os nosos paladares poden degustar, sempre coa máxima calidade nos seus productos, unha comida tradicional innovadora por prezos asequibles a todos os bolsillos...así que xa sabedes, tanto Fernando e Rosa, con quenes tiven o pracer de lembrar recentemente algunha que outra anécdota dos tempos do Arteixo de antano e dos primeiros anos do seu negocio, como Carlos e a súa muller Adriana Cabot, que se dedica ao cátering doce e pastelería a medida para bodas, festas e calquera outro evento, agárdanvos no seu popular negocio para que degustedes as súas esquisiteces gastronómicas.