venres, 31 de agosto de 2018

O MARCO DA ANTA

Imaxe do Marco da Anta
Pedra fita: nome que se atopa en varias localidades e que semella aludir aos menhires da arqueoloxía celto-atlántica, aínda que hai quen o nega. Crese que as pedras fitas eran obxectos de culto; dise que moitas foron destruídas para que os campesiños non levaran a elas as ofrendas; en escrituras da Idade Media cítanse algunhas que servían de fitos ou marcos, e non faltan escritores que crean que moitas pedras fitas foron substituídas a partir do século XVI polos cruceiros galegos”… velaí está a teoría en torno ás pedrafitas que o escritor Eladio Rodríguez (1864-1949) publicou no seu “Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia”, libro no que o autor ourensán, que foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega a cal presidiu entre 1926 e 1934, deixounos un eco sobre o cal debemos reflexionar:

Quen sabe quén é, sabe quén pode ser; e quen sabe de ónde vén sabe a ónde pode chegar”.

    Con esa lección da obra eladiana que facemos propia, hoxe, nesta modesta bitácora, falamos do Megalitismo, un fenómeno que aparece no Neolítico en Europa Occidental e que se caracteriza polos enterramentos en grandes cámaras ou mausoleos, realizadas con pedras fincadas cubertas dunha gran lousa e baixo un gran túmulo de terra con coiraza de seixos ao redor.

    O gran cambio na economía que supuxo o desenvolvemento da agricultura e a domesticación traería consigo importantes transformacións sociais: aumento demográfico, xurdimento dos primeiros asentamentos estables ou aldeas, e xerarquización social con aparición de élites guerreiras. Outras achegas serán a mellora da talla en pedra (machados pulidos, cinceis, aixolas, láminas de silex ou seixo, puntas de frecha), o descubrimento da cerámica, os tecidos e a primeira metalurxia en cobre (Calcolítico 2.500-1.800 AC).

Panel informativo do Concello da Laracha
   Dentro do apartado da pedra, os menhires (a palabra de orixe bretón menhir significa “pedra longa” e equivale a pedrafita, pedra fincada) ou pedrafitas forman parte das manifestacións artísticas do Megalitismo e, xunto coas necrópoles de mámoas, os círculos líticos e os aliñamentos, representan a primeira arquitectura monumental, actuando como marcas territoriais na paisaxe e ocupando unha posición moi visible, en lugares altos ou nas proximidades das vías de comunicación. Atendendo á súa forma, tamaño e lugar de emprazamento, atribúenselles distintas interpretacións:

-Pedrafitas nun contexto funerario, que anuncian unha necrópole.
-Pedrafitas de observación astronómica, de enorme relevancia se consideramos a importancia do calendario nas sociedades agrarias.
-Pedrafitas fálico-fecundadoras, con fins relixiosos e rituais relacionadas coa prosperidade e co culto ás pedras.
-Pedrafitas antropomorfas (estelas-menhir), de época mais tardía, representan a mulleres (deusas nai) e guerreiros.

    Na nosa bisbarra contamos co chamado Marco da Anta, menhir que se atopa nos montes de Santa Locaia (373 m), á beira dun antigo camiño na cunca alta do río Anllóns, zona de mananciais e altimetría considerable onde se avistan extensos eidos.

   Ata hai ben pouco, esta pedrafita estaba situada na parroquia arteixá de Loureda, mais, a raíz dos novos deslindes realizados polos Concellos de A Laracha e de Arteixo, a día de hoxe forma parte da parroquia larachesa de Erboedo, moi preto do límite administrativo entre os dous municipios.

   Trátase dun menhir realizado en granito de grao groso, cos lados asimétricos, de 205 cm de altura, 75 cm de ancho na base prismática e 38 cm na punta. No extremo distal presenta un suco de 4 cm de grosor nunha vea de seixo que se aproveitou para realizar unha escotadura pola cara oeste. Conserva catro calzos á vista.

Debuxo do Marco da Anta da autoría de Luís Monteagudo
   Na Geografía General del Reino de Galicia, Provincia de A Coruña aparece recollida esta pedra por primeira vez por Carré Aldao no ano 1929, unha pedra que a veciñanza da zona denomina Marco Grande, Marco do Ramallal, Pedra do Ghicho, Pedra do Carallo e, tamén, Marco da Anta, como recolle na súas investigacións o arqueólogo Luís Monteagudo, que visitou a devandita pedrafita en 1950 e 1981:

   “Marco da Anta, cota 330, a 600 m SW de la aldea de Santa Locaia (Leocadia) SSW Arteixo. Está en la divisoria de los ayuntamientos de Arteixo y Laracha, divisoria que sigue hacia el SE hasta la Pedra da Cebola, en la que confluyen dichos ayuntamientos y el de Culleredo. El Marco da Anta (pron. d’Anta) mide 2,05 m de alto, y es una laja vertical de granito cóncavo-convexa con tendencia al prisma triangular; su aspecto fálico es debido a que cerca de la punta presenta un surco producido por una veta de cuarzo de 4 cm de ancho, continuando en la cara W por un surco de picadas poco perceptibles. Carré (BRAG 1945, 473) lo sitúa muy vagamente “entre las Mariñas y Bergantiños”!!. Lo hemos visitado hacia 1950, y por segunda vez, y dibujado, el 25/12/1981”.

   A entalladura da que estamos a falar, lembra as que teñen algúns dos ídolos das antas de corredor e se interpreta como un resgo antropomorfo; tamén se ten entendido como unha representación fálica da pedra: na cultura popular a “Pedra do Ghicho” ten un marcado folclore sexual. 
 
   Mais, que mellor que visitala in situ… xa me contaredes!



FONTES:
-Monteagudo, Luís. Menhires y Marcos de Portugal y Galicia. Anuario Brigantino 2003, n.º 26 (páx. 35-36)
-Rodríguez, Eladio. Breviario enciclopédico. Letras, historias e tradicións populares de Galicia. Edición de Camilo Fernández Valdehorras. Editorial La Voz de Galicia. A Coruña, 2001.


xoves, 23 de agosto de 2018

OS ANTIGOS BARES DA MIÑA ALDEA DO RAÑAL

Los bares, que lugares
Tan gratos para conversar.
No hay como el calor
Del amor en un bar”

¿Lembrades? Así cantaban os Gabinete Caligari o seu tema “Al calor del amor en un bar”, unha das cancións míticas dos anos 80, a mesma década na que os vigueses Siniestro Total tocaban:

Nosotros somos seres racionales
De los que toman las raciones en los bares
Y no nos digas que no está bien
Que ya sabemos cuáles son nuestros males
Vamos a kwai y al berberecho
Y al palentino y a lo hecho pecho
¿Que quiénes somos? ¿de dónde venimos?
¿Adónde vamos si se acaba el vino?

Moitas das cancións de Siniestro… Miña Terra Galega, Bailaré sobre tu tumba, Assumpta, ¿Quienes somos, de dónde venimos, a dónde vamos?, etc, acabaríanse convertendo na banda sonora de varias xeracións, entre elas a miña, enganchadas á súa desenfadada, á par que transgresora, actitude rocanroleira.

Outro tema moi coñecido con letra de bares é o de Dolores se llamaba Lola, dos ourensáns Los Suaves:

Lola, nena de papá
no trabaja pasa el rato.
Bares, "Pubs" y discotecas
y asi vuelan los años.

Las vueltas que da la vida
el destino se burla de ti.
Dónde vas bala perdida, dónde
vas triste de ti.
Dónde vas triste de ti”

   ...os nosos bares, a nosa marcha, a nosa música, aqueles anos 80-90. Teño que confesar que naquela altura eu era (e sigo sendo) máis dos Diplomaticos de Monte Alto e do seu popular tema “Parrús”, nome co que un grupo de amigos fundáramos por aqueles días un equipo de fútbol sala en Arteixo, o Sporting Parrús:

Parrús, parrús, hai parrús nos bares
Pra ti, pra min, pra dar ao repunante
Parrús, parrús, o ambiente está doente
E nós andamos kentes, andamos ao parrús”

   En fin, chegados a este punto de seguro que vos preguntaredes a que ven todo este conto en torno aos bares. Pois veredes, o conto ven dado porque no Rañal, a aldea na que me criei e resido, non hai actualmente un bar onde tomar un café ou botarlle unha cervexa cos veciños e veciñas para falar de que Francia gañou o Mundial pero Bélxica xogou mellor, do sablazo do IBI, de que morreu Che do Carpinteiro ou de que o fillo de Luisa do Coireiro atopou traballo despois de botar máis de dous anos no paro!

  
    Na miña infancia e adolescencia a historia era outro ben distinta, era matemática pura: 30 casas e 3 bares, conta ben doada de facer. Botando a vista atrás, é incrible pensar que unha aldea de pouco máis de 100 veciños e veciñas chegara a ter máis tabernas, chiringuitos, pubs, etc, que algunha parroquia.

    Polo que contan os máis vellos do lugar, a historia hostaleira e festixeira desta aldea, da miña querida aldea do Rañal, principia na casa dos de Tiso, onde seica se facían moitos bailes na eira, entre a propia casa dos de Tiso e a casa dos do Coireiro. A día de hoxe, aínda hai quen lembra unha festa que se fixera alí grazas ao tres bocois de viño que apareceran en marzo de 1931 nos areais da Area da Salsa e de Alba. La Voz de Galicia informaba sobre este feito dicindo que… “estos bocoyes fueron depositados en los domicilios de los vecinos Francisco Rodríguez (bisavó materno de quen escribe), Manuel Abeleira y José Figueroa. Quienes se crean con derecho a la propiedad de dichos bocoyes pueden reclamarlos en el plazo de 30 días, acudiendo ante la autoridad en la Comandancia de Marina”. Transcorrido o mes marcado pola lei, ninguén reclamou ningún dos tres bocois, polo que non é moi difícil imaxinar a festa que se argallou na aldea.“Nunca tanto viño se bebeu no Rañal”, din os máis vellos.


Veciñanza do Rañal nos anos 40 con dous militares destinados na zona, eira entre a casa dos de Tiso e a casa dos do Coireiro e, alpendre dos de Tiso
    Durante os duros anos da posguerra a casa dos de Tiso, neste caso o seu alpendre, tamén sería lugar de festa habitual. Todo viñera dado porque o pendello era utilizado como base do destacamento militar que estaba no Rañal vixiando as praias da zona. Os soldados comían e durmían alí, e os que non estaban de garda armaban troula día sí e día tamén. Cousas do destino, algún deles acabaría casando en Arteixo. 

   O primeiro bar da aldea non se abriría ata a década dos 50, que foi cando Jesús Souto e Amelia Naya inauguraron a súa tasca, o "Cafe Bar Chucho", que estaría aberto durante máis de corenta anos. Nos sesenta os rapaces da aldea tamén montaran unha especie de chiringuito, un pequeno local que levantaran á altura do que hoxe é o local social do campo do fútbol do Rañal, lugar no que a xuventude de aquela hora tomaría alí algún que outro cubata!

Rapaces do Rañal dos anos 60 diante do chiringuito que construiron naquela altura
   Os meus primeiros recordos en torno aos bares da aldea son do "Chucho". Calculo que debeu ser polo 74 ou 75 (se cadra foi antes, mais o acordo é o que é) cando entrei nesa taberna por primeira vez con meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe da miña infancia. No "Chucho", mentres el falaba cos veciños do lugar botándolle un viño de Pampín, eu tomaba unha Mirinda de laranxa que pedía, non polo que me gustaba, senón polos debuxos de Hanna Barbera que viñan nas chapas das botellas.  

   
Jesús Souto e Amelia Naya co seu fillo Luís
N
a tasca de Amelia e de Jesús, escoitando as conversas dos maiores, o meu cerebro absorbía coma unha esponxa informacións de todo tipo. Alí sentiría por primeira vez os nomes de algúns deuses do balón coma Di Stéfano, Pelé ou Beckenbauer, e tamén descubriría que por aqueles días morrera un tal Franco, o home ese que aparecía nas moedas coas que compraba as larpeiradas e os sobres de cromos que coleccionaba por aqueles días. Lembro tamén con moita nostalxia os partidos de fútbol que se facían diante do bar. Dous terróns en cada lado da estrada facendo de porterías… todos contra todos, mozos contra vellos, uns con zocos que chispeaban no asfalto e outros con zapatillas de casa. Daba igual, o importante era marcar máis goles ca outro equipo para obter o premio, que non era outro que unha ronda de consumicións. 


   Teño que admitir que o conto que máis me impactou dos que escoitei no "Bar Chucho", foi o do can Lorón, que era a mascota duns mariñeiros franceses que andaban á langosta por esta parte do Atlántico e que en 1969 sufriran un sinistro co seu barco, o "Genevieve de Galard", en augas do Rañal, conto sobre o que xa teño escrito e que aparece recollido, por se é do voso interés, nos libros O mar de Arteixo e os seus naufraxios e Crónicas de Arteixo. O "Chucho", a parte da xente da aldea, tiña como clientela a moitos e moitas das traballadoras da fábrica de conservas que había na aldea, a A.&J. Salgueiro S.L. Curiosamente, unha destas operarias, Oliva Figueroa, unha fermosa rapaza de Baldaio, acabaría casando con Luís, o fillo máis novo de Jesús Souto e Amelia Naya, os propietarios da tasca.

Aspecto actual do "Chucho e do "Playa"
    Nos anos da miña adolescencia, na década dos oitenta, o Café Bar Chucho tamén faría o papel de algo semellante ás actuais casas da xuventude existentes en algún que outro concello ou centros sociais, que viña moi a conto co que cantaban os Gabinete Caligari… “Los bares que lugares tan gratos para conversar”. Ademais, a taberna tamén sería a primeira sede social da Asociación Deportiva Cultural Peña O Rañal, entidade creada en 1987 e da que teño a honra de ser un dos fundadores. Mais por desgraza, este bar do que gardo tan gratos recordos pecharía a finais dos anos noventa, tras a xubilación da súa propietaria Amelia Naya e, actualmente, é o domicilio de Patricia, unha das netas de Jesús e Amelia, que reside alí coa súa parella e os seus dous fillos.

  Outro dos bares que había no Rañal era o "Café Bar Playa", un estabelecemento que abriran na segunda metade da década dos sesenta Pepe Dans e a súa dona Jesusa Deus. Pepe, veciño do desaparecido lugar da Pedreira, que estaba situado no que hoxe é a Avenida da Moda, foi unha das numerosas persoas afectadas polas expropiacións para a construcción do Polígono Industrial de Sabón e, tras quedar sen terras e casa, iniciaria unha nova vida no Rañal montando o "Café Bar Playa", un local que abrira pola demanda hostaleira que había naquel intre para os traballadores do Polígono, que non contaban con moitos sitios onde poder xantar.

    O "Chucho" e o "Playa" tiñan a súa competencia. A clientela daba para os dous, aínda que a dicir verdade era o "Chucho" o que se levaba a palma, a pesar de non dispor o local dos metros cadrados que si tiña o bar de Pepe Dans. Os meus primeiros recordos co "Playa" están relacionados cunha colección de cromos do Mundial 82. Naquela altura xa completara a colección de Panini, que era a máis chula, e tamén tiña completo un álbum dunha editorial, que creo que se chamaba Fher, e finalmente empezara a coleccionar uns cromos que viñan cos chicles Gum. Van pasando os días e as semanas, e así, como quen non quere a cousa só me faltaba unha estampa para completar o álbum, cromo que aparecería nun chicle que comprei no "Playa", que sempre foi coñecido coma "o bar de Dans"

Imaxe de Pepe Dans con Maruja de Bastón
    Co paso dos anos, xa na adolescencia, lembro que teño parado algún que outro sábado pola máñán alí para charlar cos veciños mentres tomaba un vermú, mais a maioría dos mozos e do resto da veciñanza eramos máis de parar no "Chucho", se cadra polo trato de Amelia Naya, que sempre estaba de bo humor, e polos contos de Jesús Souto, un home que tiña as mans máis grandes que vin na miña vida. O "Bar Playa" pecharía uns anos antes de que o fixera o "Chucho".

    Outro dos locales da miña aldea, ao que tamén lle gardo moito cariño, é á primeira cantina do local social da Asociación Deportiva Cultural Peña O Rañal, sede social que era de madeira e que levantamos os socios e socias da entidade. Aquel local estaba situado na beira do río, ao carón do campo de fútbol e desmantelouse ao pouco de inaugurarse a nova sede da Asociación, contruída canda o paseo marítimo. As festas da romaría da Pedra do Aguillón organizada pola Peña tamén foron míticas, en especial as do ano 2008, que foi cando actuou no campo de fútbol do pobo a popular orquestra "París de Noya".

Imaxe do primeiro local da Asociación Deportiva Cultural Peña O Rañal



  Mais se había un local do Rañal do que presumía a xuventude do pobo dos 80-90 ese era o "Pub +-", ou "Positivo Negativo", como tamén se coñecía. O seu propietario era Juan Abelenda, un rapaz de Meicende con domicilio nun deses edificios que se empezaran a construir nos anos 70 na zona de Alba, perto do litoral. Juan abrira no baixo do seu domicilio un local como poucos existían na contorna. A dicir verdade, mais ben ningún, xa que por aqueles días o outro pub que había en Arteixo era o "Equus". O "Positivo Negativo" era un local moderno, moi na liña de moitos bares de copas que abriran naquela hora pola zona do Orzán, na Coruña, un local no que varios dos rapaces da aldea cumplimos alí a maioría de idade e tomamos os primeiros cubatas ao mesmo tempo que escoitábamos aos Status Quo, Dire Strait, The Police, os Siniestro Total e Aerolíneas Federales, estos dous últimos os meus grupos favoritos naquela altura. 

Imaxes do pub + -  do 2018 e 1993
   A música de fondo nos 90 xa sería outra. The Cure, Nirvana, Eurythmics, Madonna, Bruce Springsteen... eran os que máis soaban por aqueles días no "Positivo Negativo" onde, boa parte da xuventude do Rañal, descubrimos os discos de vinilo e pinchamos por primeira vez na cabina do pub. Lembro que alí, na cabina, imitamos algunha que outra vez a José Antonio Abellán, o locutor que escoitábamos os sábados pola mañán nos "40 Principales" para saber quen era o número 1 da lista esa semana. Tamén recordo que Juan Abelenda, sempre innovador, argallara no seu local un par de desfiles de moda que tiveran un enorme éxito. O "Positivo Negativo" pecharía a finais dos anos noventa, aínda que para moitos dos seus antigos clientes continua estando aberto xa que aínda están moi presentes na memoria os momentos de diversión alí vividos.

    E xa por último, para rematar esta crónica sobre a “movida” da miña aldea do Rañal teño que citar, logo da presión popular recibida nos últimos tempos por parte de moitos amigos e amigas que alí paraban, á “Chabola do Espada”. As persoas que me coñecedes desde hai moitos anos, sabedes do que falo ¿verdade?. Aquela caseta de pouco máis de 30 metros cadrados, que era propiedade da miña familia, fora construída nos anos setenta por meu avó Milio a poucos metros da praia de Alba. Naquel habitáculo gardábanse as ferramentas de labranza coas que os avós traballaban as leiras que tiñan pola zona, unha caseta que mamá empezaría a darlle outro uso nos veráns da miña infancia, pasando moitas horas dos fins de semana nela. De feito, case todos os sábados e os domingos de xullo e agosto xantábamos alí.

Festas na chabola
  Mais, cando cumprín os 18, co carnet de conducir na man, aquela caseta empezaría a ter, no fai falla entrar en detalles, un uso ben distinto. A parte, era raro que os sábados non se argallara algunha festa alí. Dado que o noso grupo de amigos e amigas era coma unha enorme familia, todo o mundo quería facer a festa de cumpreanos na chabola. Lembro que nunha de aquelas festas, na época forte da movida nocturna da Laracha, os pubs da vila larachesa estaban baleiros.

- ¿pero dónde está hoxe a xente hoxe?, preguntaba todo o mundo. Pois aquel día a xente, entre unhas 400 e 500 persoas, colapsaban O Rañal por mor da celebración do cumpreanos de tres rapaces do grupo, festa que se celebraba na chabola do Espada. Aquela caseta de pouco máis de 6x6, que estaba situada no inicio da pendente do Paiolo... si, si, xa sabedes, esa costa tan difícil de pedalear cando ides por alí en bicicleta, á altura do Rañal... sería derrubada cando se iniciou a construcción do Paseo Marítimo, mais aínda hai quen garda como recordo a bolsa cun cachiño de parede que un servidor regalou a moitos e moitas dos que alí pararon durante tantos anos. Algún día xuntaremos todos eses cachiños e diremos con nostalxia: ...”aaaii, se as pedras falaran”.

venres, 17 de agosto de 2018

A LENDA DA CONSTANZA

   Para falar da orixe dun dos topónimos do litoral arteixán, da Constanza, temos que viaxar ata a segunda metade do século XV, época na que o gran Gómez Pérez das Mariñas, que pertencía a unha familia nobiliaria en ascenso, era o Señor de boa parte do territorio que hoxe ocupa o concello de Arteixo. 

Imaxe actual da Constanza
    Os antepasados do noso protagonista foran no seu tempo Señores de Suevos e Oseiro e estenderan, naquela época convulsa e violenta, o seu dominio por terras das actuais comarcas de As Mariñas e Bergantiños. Sendo mozo marcharía á corte do rei Juan II onde a súa valía e a súa destreza coa espada permitiríanlle gañar fama e honra e, despois de vencer a un enorme alemán que ninguén ousaba retar, convertiríase no maior xustador que no seu tempo houbo en Castela. Alí, dos encontros e contactos con outros nobres na corte real, fraguaríase o matrimonio concertado con Teresa de Haro.

   Grazas ao favor real, conseguiría a estrela que adorna o escudo dos Mariñas e a tenencia vitalicia do castelo de A Coruña, cidade na que se intalaría coa súa dona. Convertido no Señor máis poderoso e rico da zona, Gómez Pérez sería quen de intervir con éxito nas contendas nobiliarias que convulsionaron á sociedade dese século, entre elas a Gran Revolta Irmandiña, que fora un exemplo de dignidade do pobo galego daquela hora. Farto dos impostos desorbitados, abusos de toda índole e expolio permanente dos seus mermados recursos, os labregos estouparían manifestando a súa indefensión ante o vasalaxe, máis parecido ao esclavismo que a unha relación con contrapartidas, que exercía sobre eles boa parte da nobreza local, unha nobreza que acabaría decantando ao seu favor aquela Gran Revolta Irmandiña iniciada polos pobres labregos. Sobre o papel dun xa máis vello Gómez Pérez das Mariñas naquel episodio da nosa historia, o escritor de Caión Marcos Amado cóntanos o seguinte no seu libro “Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos”:

A Constanza e o Porto de Punta Langosteira
   “Chegada a contenda irmandiña en 1467, Gómez Pérez refuxíase dos alzados no mosteiro de Samos, pero pronto se unirá ao contraataque iniciado polo arcebispo, e agrupará as súas tropas en Santiago coas de Andrade, Ulloa e Lope Pérez de Moscoso “o groso”. Rapidamente foron vencidos os irmandiños e instaurado o poder señorial precedente, e estes últimos catro señores unidos ao das Mariñas, aliaranse na vista confederación antiarcebispal para frear o exceso de fortalezas ocupadas por Fonseca II (que eran da igrexa quen llas tiña cedidas en feudo a aqueles). Na reconquista para os Moscoso do castelo de Altamira cercado polo prelado en 1471, sitúase o lance no que Aponte dá boa conta do respecto que os seus iguais tiñan a Gómez Pérez das Mariñas, “que era más viejo y más sabio y en las guerras… todos consentían con él”, de maneira que os seus plans foron acatados ante as vehementes ansias de ataque doutros señores. Recuperada Altamira e posteriormente tamén Vimianzo, os confederados diríxense á fortaleza de Mesía, propiedade de Gómez Pérez das Mariñas pero ocupada polo xefe das tropas arcebispais, irmán do prelado Alonso II de Fonseca e Acebedo, que heroicamente soportaron tres meses de sitio e trabucazos ata a súa entrega”.

   Sobre a descendencia de Gómez Pérez das Mariñas, que falecería no ano 1475, dende o infortunio dun primoxénito e dúas fillas mortas prontamente, este importante persoeiro da historia galega tería sucesivamente outras tres fillas máis con dona Teresa de Haro: María das Mariñas, Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas, ademais de procrear fóra de matrimonio a unha sexta filla ilexítima, Mencía das Mariñas.

   Gómez Pérez lograría para as catro fillas outros tantos pactos matrimoniais con grandes herdeiros ou Señores das súas respectivas casas nobiliarias, concertados na elite da contorna señorial galega. Así mesmo, como ben nos conta Marcos Amado no libro anteriormente referido, estes, conscientes da ausencia dun herdeiro varón, agardarían esperanzados unha futura porción da Casa das Mariñas para os seus señoríos tralo pasamento do seu sogro.

    María das Mariñas, a maior delas, casaría con Diego De Andrade, Señor da poderosa Casa de Andrade, e recibiría de seu pai os señoríos das Mariñas dos Condes, co pazo de Miraflores como cabeza de xurisdición, correspondente cos actuais concellos de Oleiros e Sada, e das Mariñas dos Freires, bens situados no arciprestado de Faro e entre os ríos Mero e Mandeo, dominados desde o pazo de Bergondo-Mariñán e hoxe pertencentes ao concello de Bergondo, con partes nos de Abegondo, Cambre, Carral e Betanzos.

Ría de Sabón e pequeno areal da Constanza
   Sobre o legado da seguinte, Constanza das Mariñas, que casaría en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso, os bens reservados serán “as merindades e señorios que yo el dicho Gómez Pérez llievo e poseyo desde la agua do Burgo fasta la Ponte Ceso e Val de Ruus”. Eran bens dos cotos anexos á cidade da Coruña, coas antigas freguesías da liñaxe de Suevos e Oseiro, pasando ás interiores de Erboedo e Meirama, e englobando todas as súas abundantes posesións en terras de Bergantiños, dominadas desde o pazo e torre de Cillobre, fortaleza situada na parroquia larachesa de Santa María de Torás. Constanza tamén recibiría outro pazo situado na cidade de A Coruña, na rúa Ferreirías… “estas mys casas con sus huertas en la que agora moramos”, que viña sendo no que residía a familia e se atopaba Gómer Pérez ao outorgar testamento.

   Xenebra das Mariñas, coa que os seus pais quixeron afianzar alianzas coa mitra compostelá desposándoa moi nova con Luís de Acevedo, Pertegueiro Maior dos exércitos arcebispais, recibiría de seu pai todas as casas, rendas e propiedades sitas na cidade de Betanzos, ademais do señorío dos cotos de Oza-Cesuras e da Casa de Mesía, coa súa torre e fortaleza.

    Mencía das Mariñas, a filla bastarda, enlazaría co fidalgo Juan García Barba de Figueroa, Señor da Casa de Figueroa. Os sepulcros do matrimonio, labrados coas armas e figuras xacentes, pódense visitar na igrexa parroquial de San Miguel de Figueiroa, no concello de Abegondo.

     Mais centrémonos agora na segunda das fillas de Gómez Pérez das Mariñas e dona Teresa de Haro, en Constanza, unha muller que daría pé á lenda da que falamos a continuación. Como dixemos anteriormente, Constanza das Mariñas casara en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso “o groso” quen, segundo as crónicas de Vasco de Aponte… “non era para ter xerazón (...) non era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”, unha Constanza que se separaría do seu home e voltaría ao domicilio de seus pais. Grande foi o desgusto que por estos feitos tería Gómez Pérez das Mariñas, mais as razóns expostas pola súa filla eran dabondo para xustificar tal decisión e había que dala por ben feita.

    Un día chegou á residencia de Gómez o cabaleiro Fernán Pérez Parragués quen, de mozo, fóra paxe de aquel seguindo a costume adoptada entre os grandes señores que adoitaban enviar aos seus fillos á morada de algúns dos amigos da nobreza para que se educaran ao seu carón, apartados da casa paterna, aprendendo todo canto conviña a súa condición. Os mozos fillos dos nobres empezaban como paxes para ser, co paso do tempo, escudeiros ata que máis tarde poideran, con algún feito notable, obter o título de cabaleiros.

    Gómez Pérez das Mariñas dispensaríalle un afectuoso acollemento ao seu antigo paxe, un Fernán Pérez de Parragués que quedara viúvo tras o recente falecemento da súa dona, que era filla de Fernán Díez de Ribadeneira. Se cadra aquela visita non tiña soamente o desexo de saudar ao seu antigo señor. Probablemente, no recordo da súa primeira estadía na residencia de Gómez Pérez tiña unha gran importancia unha moza loira que, naqueles intres, era unha fermosa muller que non facía moito que abandonara ao seu home: Constanza das Mariñas.

O certo é que pouco despois desta visita, dona Constanza e Fernán Pérez Parragués casaban, mais casaban en secreto, sen que o soupera o pai dela, Gómez Pérez. Segundo Leandro Carré Alvarellos, “algunas veces, doña Constanza trasladábase a La Coruña para ver a su esposo; otros días era don Fernán el que iba a Bergantiños cuando tenía saudades de su mujer. Dícese que estos viajes casi siempre se hacían por mar y que embarcaban o tomaban tierra en las playas de Valcovo o de Barrañán”.

Imaxe tomada en 1945 dende O Rañal. Ao fondo, a zona da Constanza
  Pois ben, a lenda conta que en certa ocasión dona Constanza agardaba a chegada do seu marido e, impaciente por velo, achegouse ata á beiramar do areal de Sabón. Ben por parecerlle que podía ver máis pronto que tarde a embarcación na que viría o seu amado, ou ben porque acostumaban a empregar aquel lugar para baixar mellor da barca a terra, o caso é que sentou nun gran penedo que había perto da praia. Coa impaciencia, cravados os ollos no horizonte mariño, non se decataría dona Constanza de que subía a marea e de que estaba quedando entre as ondas, sen marxe de maniobra para poñerse a salvo, principiando as salpicaduras das ondas a mollar o seu vestido.

     Naqueles intres, a humidade deixábase sentir co frío da auga e a brisa do atardecer, sendo entón cando dona Constanza, aterrorizada, viu o perigo no que se atopaba. Ninguén se vía no areal para pedir auxilio. ¿Cómo fuxir de alí? A morte por afogamento agardábaa naquel penedo para ela tan querida. Berrou unha e outra vez pedindo socorro, mais sería en balde…

    Constanza, na desesperación da súa impotencia, botaría unha última mirada ao lonxe. ¡Ah! Unha barca bolinaba a toda vela, rompendo as ondas que despedían espumas fosforescentes. Na pequena embarcación viña outro corazón ansioso. Sí, era don Fernán o que se achegaba ao lugar no que estaba a súa amada en grave situación de perigo.

    As augas do mar xa chegaban aos xeonllos de dona Constanza e a noite principiara a estender a súa capa de escuridade sobre a terra e a inmensidade oceánica cando, ao fin, a barca de don Fernán atracou xunto as rochas nas que permanecía a súa amada, que estaba enchoupada coa salitre mariña. Un doce e efusivo abrazo de home e muller, darían paso a que os dous embarcaran e se trasladaran de contado ao areal de Sabón onde, ao poñer pé na area, permanecerían un anaco antes de encamiñarse a unha das súas posesións cercanas, probablemente un caserío de Rañobre que, andando no tempo, pasaría a formar parte do señorío dos Oca.

Superado o tremendo susto, semellaba que ningunha outra consecuencia tería aquel amargo acontecemento, mais non sería así xa que foi aí cando Gómez Pérez das Mariñas enterouse de que a súa filla casara en secreto con Fernán Pérez Parragués e, ao considerarse humillado e aldraxado, cubriu a súa cabeza cun capuz negro, que non quitaría xamais ata a súa morte.

Areal da Constanza
    Desde aquel entón, aquel penedo próximo á praia de Sabón foi chamado “A pena de Constanza”, nome que aínda se mantén nos nosos días. Esta lenda que recolle Leandro Carré Alvarellos no seu libro “Las leyendas tradicionales gallegas”, xa aparece mencionada polo pai deste, Uxío Carré Aldao, na súa popular Geografía General del Reino de Galicia” onde, no apartado que lle adica á parroquia de Oseiro, di que… “En las playas inmediatas se dice hay la llamada “Pena da Constanza”, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas, la casada en segunda nupcias y “a furto de su padre” con Fernán Pérez Parragués, por haberse separado de su primer marido, un Conde de Altamira “que no servía para casado”, según nos cuenta Vasco da Ponte. Esta doña Constanza, llamada “a vella” para diferenciarla de su hija doña Constanza, que apellidaban “ a nova”, tuvo en mayorazgo, fundado por su padre en los bienes que éste le legó en testamento de 4 de Noviembre de 1474, hecho cuando la hija era menor de edad, “todo lo que poseía en bergantiños en oseyro e suevos e val de miis heruoedo e meyrama e con las encomiendas de santo andres e monteagudo e con los foros casas e casares que yo el dicho gomer perez llievo en las dichas encomyendas e en la terra señorio que foi de Iohan de coyro e de martin sanchez e en la terra de iohan dandero”. 

Imaxe do ano 1945 tomada desde O Rañal. Ao fondo, vese parte da Constanza

    As obras iniciadas nos anos sesenta do século pasado para a construcción da Central Términa de Fenosa, ademais da posterior construcción do Porto de Punta Langosteira, sepultarían boa parte da Constanza de Fora e da Constanza de Dentro, como así lle chamaban os máis vellos a aquel lugar no que había un embarcadoiro semellante ao Carreiro do Rañal mais, con todo, aínda se pode ver unha parte dela, que está moi próxima a ese pequeno areal que se formou a raíz das modificacións das correntes coas devanditas obras do porto. Así que amigos e amigas, xa sabedes, cando vaiades a ese punto do litoral arteixá que vos quede claro que estades na Constanza!


FONTES:

- Alfeirán, Xosé. Duelo a espada en 1437. La Voz de Galicia, 27 de xullo de 2015.
- Amado, Marcos Emilio. Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Edición do autor. Caión, 2017.
- Carré Aldao, Uxío. Geografía del Reino de Galicia. Carreras y Candi. Casa Editorial Alberto Martín. Barcelona, 1928.
- Carré Alvarellos, Leandro. Las leyendas tradicionales gallegas. La Voz de Galicia, 2000.