venres, 27 de agosto de 2021

O PAZO DE GALÁN (VI)


    Mais posteriormente, ao igual que lle acontecera naquela altura a outras familias adiñeiradas e poderosas que tiñan propiedades en Arteixo dende séculos atrás como os Nava e Ortega, Santos, Suárez de Deza ou os del Río, nalgúns casos descendentes de importantes Señoríos, a necesidade motivada pola perda de poder adquisitivo destas estirpes, propiciaría que a partir dos primeiros anos do século XX moitas das súas terras foran vendidas aos labregos da zona, como fora o caso de Domingo Mareque Gómez, que foi quen que lle comprou o Pazo de Galán a Antonia Saavedra Vila, unha muller moi querida polas forzas vivas (clero) pois toda a súa riqueza foi parar aí, en vida e herdanza.

Domingo Mareque en Nova York

     Domingo Mareque, veciño de Oseiro casado con Carmen Pan Campos, estivera emigrado moitos anos en Nova York, cidade dende a que enviou un poder para efectuar a compra do Pazo e de todo o seu terreo por 25.000 pesetas da época. Naquela altura, Domingo tamén lle compraría a Mercedes e a Joaquín Saavedra outros bens situados ao carón do Pazo de Galán, como o monte do Couto de Froxel. Á morte de Domingo e de Carmen, finados ambos en 1942, o seu fillo Antonio, que andando no tempo sería coñecido en toda a bisbarra por ser un dos conductores dos trolebuses Coruña-Carballo, foi a persoa que herdou Galán, un histórico lugar no que viviu coa súa muller Teresa Zas Pardo, falecida en 1966 aos 64 anos, e no que nacerían Manuel, Lino, Antonio e Luís Mareque Zas, os catro fillos do matrimonio. Antonio, que morreu en 1984 aos 80 anos, viviu ata o último dos seus días en Galán co seu fillo máis novo, Luís, coa súa nora María Casal Piñeiro, natural de Boimorto, e coas súas netas María Luisa e María Isabel, que foron as últimas persoas que residiron neste edificio de esplendoroso pasado, unha casa e un terreo que pouco despois da morte de Luís Mareque Zas, acaecida en 1993 cando tiña 58 anos, a súa viúva María e as súas dúas fillas lle venderon a Aurelio Corral, veciño de Pastoriza que nos contou algún que outro detalle sobre o pombal do Pazo que comentaremos  a vindeira semana.

(CONTINUARÁ)

venres, 20 de agosto de 2021

O PAZO DE GALÁN (V)

   Á morte de Pascua Vila Miranda, acontecida en Melide o 21 de setembro de 1897, Antonia, Mercedes e Joaquín Saavedra Vila herdarían as pertenzas que a familia posuía en diversos puntos da provincia da Coruña. No caso de Galán, os bens que os Saavedra tiñan alí repartíronse entre os tres fillos, quedando Mercedes e Joaquín como propietarios de varios terreos deste lugar da parroquia de Oseiro. O Pazo, coa súa horta e pombal, pasaría ás mans de Antonia, unha muller entregada a Deus e á beneficiencia que, segundo nos contou Ramón Saavedra (neto de Joaquín)... “sendo monxa, e acompañando á madre superiora nunha viaxe en tren a Madrid, coñeceu a José Luís Pereira motivo polo que deixou o convento e, ao pouco, casou con el”. 

Antonia Saavedra en 1903

    José Luís Pereira Rodríguez, coruñés entusiasta, home moi popular no seu tempo, foi alma mater de moitas iniciativas de interese local ás que dedicaba todo o esforzo da súa actividade incansable. Xornalista na súa xuventude, traballou como redactor de El Duende antes de ser fundador e director de El Mercantil, semanarios nos que librou rudas campañas sobre diversas melloras convenientes para a cidade herculina. Á súa iniciativa débese a estatua ao prócer e benfeitor coruñés don Daniel Carballo Cousido nos xardíns de Méndez Núñez. Pereira formou parte da Xunta de Defensa creada na Coruña cando o Goberno suprimira a Capitanía xeral de Galicia, figurando como un dos secretarios de aquela célebre agrupación. Os republicanos, partido no que militou durante certo tempo, levárono ao Concello, sendo daquela Tenente Alcalde e presidindo a Comisión de Beneficencia. Foi concelleiro entre 1899 e 1903. Pertencía á xunta de directivos da Asociación de Propietarios e foi, ademais, Presidente do Casino Republicano. Ao contraer matrimonio o 14 de marzo de 1904 con Antonia Saavedra Vila, xa na madurez de ambos, José Luís deixou de intervir de xeito ostensible nos asuntos públicos que afectaban a vida local coruñesa e converteu a Galán no seu parnaso particular... “Viajeros. Ayer salió para Galán, en Arteijo, el exconcejal don José L. Pereira con su señora.” (La Voz 5.7.1906). José Luís falecería o 2 de xaneiro de 1912.

   Tras enviuvar, Antonia trasladou o seu domicilio a Santiago de Compostela, onde xa residira antes de coñecer a José Luís, cando era filla das Hermanas de la Caridad, unha cidade compostelá que a nosa protagonista abandonaba na época estival para pasar en Galán varias semanas do verán, como así nolo indica El Eco de Santiago na súa edición do 3 de agosto de 1915: 

Santiago: Salió para la ciudad herculina con dirección a sus posesiones de Galán la virtuosa señora Dª Antonia Saavedra y Vila viuda de L. Pereira. Lleve feliz viaje” 

(CONTINUARÁ)

venres, 13 de agosto de 2021

O PAZO DE GALÁN (IV)

  Os fillos de Emigdio Saavedra Arixón e María Dolores Antonia Codesido Monsegrati foron Juan María, o rapaz que estivera preso con seu pai cando tan só tiña 15 anos; Carmen, que foi monxa no convento de Dominicas de Valdeflores de Viveiro; Andrés, brigadier e cabaleiro laureado de San Fernando nado na Coruña en 1818 e finado na Habana en 1875 ao pouco de chegar a illa caribeña; Manuel, que faleceu no exército; José, avogado finado na Coruña en marzo de 1900 aos 89 anos; Ramón, xefe de Correos condecorado coa Cruz de Carlos III que morreu en xaneiro de 1901; Ramona, que casara con Angel Aperribay; e Pastoriza, nome abofé que ben vencellado a Arteixo. Pastoriza, que contraera matrimonio con Francisco Cale, finou aos 72 anos en 1899. Na súa edición do 15 de outubro de 1900, o xornal La Voz de Galicia informa que… “Los testamentarios de doña Pastoriza Saavedra Codesido han entregado a la Escuela Popular Gratuita 500 pesetas procedentes de la testamentaría de dicha señora”. 

   Como dato relevante sobre un dos fillos de Emigdio e de María Dolores Antonia, destacar que o avogado José Saavedra Codesido formou parte, en concepto de asesor, do tribunal que condenou á derradeira pena ao xeneral Miguel Solís Cuetos, fusilado o 26 de abril de 1846 xunto ao comandante Víctor Velasco e dez oficiais máis -os Mártires de Carral- na Fraga do Rei, entre Carral e Paleo. A propósito disto o gran Francisco Tettamancy insire o seguinte na obra titulada La Revolución Gallega de 1846:

El ex-coronel D. Andrés Saavedra emigrado por los acontecimientos de Octubre de 1844, en los cuales se había significado, era enemigo personal de D. Miguel Solís por resentimientos particulares. Su hermano D. José que no ignoraba esto, obró con poca delicadeza al aceptar el cargo de asesor de la Comisión que debía juzgar al último, sancionando su fallo que por justo que fuese, podía presumir la opinión que influía aquellos odios.- De Porto, obra citada, páx 23, nota. Según nuestras noticias, parece que el D. José Saavedra trató de renunciar más tarde al cargo de asesor, obligándole entonces a desempeñarlo el general Villalonga, bajo el apercibimiento de imponerle un duro castigo. En la Coruña fue objeto de graves censuras la debilidad del señor Saavedra”.

   Emigdio Saavedra outorgara testamento na Coruña o 12 de abril de 1835 diante do notario Claudio Vázquez nomeando sucesor ao fillo maior, Juan María Saavedra Codesido, Maestrante de Ronda como seu pai, avogado e deputado provincial. Segundo nos informou o seu descendente Ramón Saavedra, Juan María, finado en 1886 aos 80 anos de idade e que tamén fora durante certo tempo secretario do Concello da Coruña, casara en segundas nupcias con Pascua Vila Miranda, nada o 26 de maio de 1825 en Cañás, Carral. Ramón Saavedra contounos ademais que “no testamento de Juan María o Pazo de Galán xa figura como ben privativo por herdanza da súa nai”.

   Fillos de Juan María e de Pascua foron Juan Ramón, nado en 1855 e que faleceu moi novo de accidente de caza; Antonia, que entregaría a súa vida a Deus durante certo tempo; Vicente (que tamén faleceu novo de enfermidade) e Mercedes, xemelgos nados en 1862; e Joaquín, nado en 1863. Precisamente, Vicente e Joaquín formaron parte do grupo de “troyanos” que comezara o curso universitario 1885-86 xunto a Alejandro Pérez Lugín, autor da popular novela romántica La casa de la Troya, escrita en Sada en 1914. A obra de Pérez Lugín coñeceu un grande éxito na súa época, e era prácticamente unha lectura obrigada para todos os mozos que como Gerardo Roquer, o protagonista da novela, eran obrigados a estudar lonxe da súa casa, en Santiago de Compostela. Por este motivo, foi reeditada numerosas veces e adaptada tanto ao cine como á televisión. 

 

Imaxe do ano 1903 na que vemos, sentada á dereita, a Antonia Saavedra, e detrás dela, con bigote e bombín, a seu irmán Joaquín (cortesía da familia Saavedra)

   Nesa altura sabemos que a familia Saavedra Vila, segundo a época do ano, alternaba o seu domicilio entre as súas posesións na Coruña, en Melide ou en Galán, onde temos novas dun roubo do que da fe o xornal La Voz de Galicia na súa edición do 6 de abril de 1895:

Ofició ayer al gobernador civil el cabo-comandante del puesto de la benemérita de Payosaco ampliando la comunicación que días pasados remitiera dando cuenta de haberse perpetrado un robo en la casa que en Oseiro posee Dª Pascua Vila, viuda de Saavedra.
Resulta que por ahora se ignora lo que pudo ser robado, toda vez que dicha casa está deshabitada desde el mes de Febrero último.
Sospechaba el juez municipal de Arteijo que pudieran estar comprometidos en dicho delito los vecinos del citado lugar Ventura Bao, alias Cherico, y José de la Fuente, alias Caballero, pero una visita que la Guardia Civil hizo a sus domicilios por ver si hallaba algún efecto que pudiera proceder del robo, no dió resultado alguno.
Según manifestaciones de varias personas que viven próximas a la vivienda robada, en la mañana del día 24 último observaron que estaba abierto el portalón de entrada a la huerta de dicha casa, y habiendo penetrado en ella pudieron apreciar que se hallaban fracturadas diferentes puertas y en desorden todos los muebles en las habitaciones.
Los ladrones debieron haber escalado la muralla de la huerta, descolgándose por un naranjo plantado a inmediaciones de la pared.
La señora viuda de Saavedra, que se hallaba en Mellid, se trasladó ya al lugar citado”.
Camiño situado entre o Couto de Froxel e o muro de peche da horta do Pazo de Galán que comunicaba Vilarrodís con Pastoriza

   O día seguinte, 7 de abril de 1895, o mesmo xornal publicaba a seguinte información:

Continúan practicándose activamente pesquisas para descubrir a los autores del robo perpetrado días pasados en la casa que en el lugar de Galán, parroquia de Oseiro, (Arteijo), posee doña Pascua Vila, viuda de Saavedra.
Según manifestaciones de esta señora, el robo consistió en los siguientes efectos: dos cerdos muertos y preparados, tres quintales de patatas, tres ferrados y medio de habas blancas, cinco colchones de lana, diez sábanas, seis cubiertas de lana y algodón, cuatro docenas de platos, tres fuentes, tres soperas, dieciocho cubiertos de metal ordinario, dos mantas, cuatro camisas de mujer, cuatro de hombre, algunos elásticos y calzoncillos, 25 duros en monedas de 20 reales, algún cristal de servicio, dos libras de chocolate, una cuarta arroba de azúcar blanco y otra de azúcar moreno.
Las sospechas de la dueña recaen en Ventura Bao, alias Cherico, vecino de Oseiro. El Ventura desapareció del lugar que habita desde el 2 del corriente, que se practicó por la Guardia Civil el registro en su casa de que ayer dimos cuenta”.
Vista actual do Pazo e do pombal de Galán

venres, 6 de agosto de 2021

O PAZO DE GALÁN (III)

   Don Emigdio María Saavedra Arixón, que ía quedar orfo de moi novo, nace no Pazo de Tarrío (Xubial, Melide) o 10 de xuño de 1777 e dende a súa xuventude, ao tempo que se adicaba á administración dos seus bens, foise convertendo pouco a pouco nun distinguido personaxe das loitas políticas de aquela época. Segundo consta en Terra de Melide, libro editado no ano 1933 polo Seminario de Estudos Galegos, Emigdio casa coa súa curmá María Dolores Antonia Codesido Monsegrati, filla de don Juan Antonio Codesido, Tenente Coronel dos Reais Exércitos e Primeiro Axudante Maior do Rexemento dos Reais Gardas de Infantería, e de dona María Josefa Monsegrati, señores do Pazo de Vilanova (Dormeá, Boimorto) e do Pazo de Galán, lugar que herdaría a súa filla María Dolores Antonia.

Fabulación do lugar de Galán da autoría do pintor Roberto Castro

    Emigdio, tan axiña soubo da entrada dos franceses en España, malia a dor que lle causaba deixar á súa dona soa e cun meniño, presentouse ante a Xunta do Reino de Galicia pedindo destino no exército, obtendo Real Despacho de Capitán sen soldo para ser agregado ao Batallón de Cadetes Literarios, un movimento xurdido entre os estudantes da Universidade de Compostela que mandaba o seu parente e compadre Juan Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón y Salgado de Sotomayor, marqués de Santa Cruz de Rivadulla. O noso protagonista loitaría en máis de catorce batallas, entre elas na reconquista de Bilbao (12 de setembro de 1808) baixo as ordes de Genaro de Figueroa, Mendizábal ou, entre outros, do xeneral inglés Blake. 

   Mais a este arriscado militar que foi Emigdio Saavedra non lle axudaba a saúde, pois por tres veces viuse obrigado a pedir licenza para vir repoñer forzas na súa terra. Comprendendo isto, os superiores, contrariando o seu carácter guerreiro, por consello dos médicos de que non podía cumprir co servizo activo, e sí co pasivo, foi nomeado Maior da praza de Betanzos, onde estaban acantonadas moitas tropas.

   Rematada a Guerra da Independencia (1808-1814) e restablecido o absolutismo de Fernando VII, Emigdio sería nomeado anos máis tarde Vocal da Xunta de Camiños, cargo no que baixo o seu empeño abriría camiños transversais e de rodas como o de Ponte Lubiáns, poñendo en comunicación A Coruña e Betanzos cos famosos baños minerais de Arteixo e de Carballo. O noso persoeiro permanecería neste cargo ata que foi proclamada de novo a Constitución en marzo de 1820. 

  Manifestándose como anticonstitucional, Emigdio Saavedra foi detido na noite do 3 de maio de 1821 por orde do xeneral Espoz y Mina xunto a Juan, o seu fillo máis vello (só tiña 15 anos) e a dous dos seus criados. Despois de botar catro meses na cárcere da Coruña, no cuartel do Areal, no cuartel de Santo Domingo e no Castelo de San Antón, ceibaron ao fillo e aos dous criados quedando só preso Emigdio. Por aqueles días a dona deste, María Dolores Antonia Codesido Monsegrati, sen ser quen de aliviar tantas mágoas, caeu nunha profunda depresión da que tardou meses en recuperarse. Nesta situación e abandonados polos criados, pois ninguén se atrevía a servilos, nin sequera a visitalos, foi cando apareceu nunha mañá pintada a súa casa da Coruña con dúas grandes S.S de tinta negra, letras coas que se identificaba aos “servilianes”, é dicir, aos que non simpatizaban cos constitucionalistas. A doenza da dona de Emigdio e o abandono dos criados foi a causa pola que un dos seis fillos do matrimonio caese do balcón máis alto da casa e, aínda que non morreu, quedou algo derrancado e xordo dun oído.

   Emigdio, señor do Pazo de Galán, lograría fuxir do Castelo de San Antón con outros presos no amencer do 22 de xuño de 1823 e, tras cinco días de navegación nunha pequena embarcación, chegan a Santander, onde obteñen pasaporte para a Corte. Xa en Madrid, presentouse ante o Goberno da Rexencia, obtendo colocación de Capitán no Rexemento de Línea, antes de pasar a organizar o Rexemento Provincial de Betanzos. Posteriormente, polos anos 1827 e 1828, ía estar de gornición co seu batallón nas prazas da Coruña e Santiago. O seu Real Despacho de retiro foi expedido en Aranxuez o 12 de abril de 1834, autorizando a este cabaleiro, que xa era nesa data Coronel Graduado e Primeiro Comandante do Batallón do 2º Rexemento de Granadeiros Provinciais da Garda Real, a residir na cidade da Coruña, onde morreu o 14 de abril de 1835. 

(CONTINUARÁ)