Á morte de Pascua Vila Miranda, acontecida en Melide o 21 de setembro de 1897, Antonia, Mercedes e Joaquín Saavedra Vila herdarían as pertenzas que a familia posuía en diversos puntos da provincia da Coruña. No caso de Galán, os bens que os Saavedra tiñan alí repartíronse entre os tres fillos, quedando Mercedes e Joaquín como propietarios de varios terreos deste lugar da parroquia de Oseiro. O Pazo, coa súa horta e pombal, pasaría ás mans de Antonia, unha muller entregada a Deus e á beneficiencia que, segundo nos contou Ramón Saavedra (neto de Joaquín)... “sendo monxa, e acompañando á madre superiora nunha viaxe en tren a Madrid, coñeceu a José Luís Pereira motivo polo que deixou o convento e, ao pouco, casou con el”.
Antonia Saavedra en 1903 |
José Luís Pereira Rodríguez, coruñés entusiasta, home moi popular no seu tempo, foi alma mater de moitas iniciativas de interese local ás que dedicaba todo o esforzo da súa actividade incansable. Xornalista na súa xuventude, traballou como redactor de El Duende antes de ser fundador e director de El Mercantil, semanarios nos que librou rudas campañas sobre diversas melloras convenientes para a cidade herculina. Á súa iniciativa débese a estatua ao prócer e benfeitor coruñés don Daniel Carballo Cousido nos xardíns de Méndez Núñez. Pereira formou parte da Xunta de Defensa creada na Coruña cando o Goberno suprimira a Capitanía xeral de Galicia, figurando como un dos secretarios de aquela célebre agrupación. Os republicanos, partido no que militou durante certo tempo, levárono ao Concello, sendo daquela Tenente Alcalde e presidindo a Comisión de Beneficencia. Foi concelleiro entre 1899 e 1903. Pertencía á xunta de directivos da Asociación de Propietarios e foi, ademais, Presidente do Casino Republicano. Ao contraer matrimonio o 14 de marzo de 1904 con Antonia Saavedra Vila, xa na madurez de ambos, José Luís deixou de intervir de xeito ostensible nos asuntos públicos que afectaban a vida local coruñesa e converteu a Galán no seu parnaso particular... “Viajeros. Ayer salió para Galán, en Arteijo, el exconcejal don José L. Pereira con su señora.” (La Voz 5.7.1906). José Luís falecería o 2 de xaneiro de 1912.
Tras enviuvar, Antonia trasladou o seu domicilio a Santiago de Compostela, onde xa residira antes de coñecer a José Luís, cando era filla das Hermanas de la Caridad, unha cidade compostelá que a nosa protagonista abandonaba na época estival para pasar en Galán varias semanas do verán, como así nolo indica El Eco de Santiago na súa edición do 3 de agosto de 1915:
“Santiago: Salió para la ciudad herculina con dirección a sus posesiones de Galán la virtuosa señora Dª Antonia Saavedra y Vila viuda de L. Pereira. Lleve feliz viaje”
(CONTINUARÁ)
Ningún comentario:
Publicar un comentario