A pegada de Dora Vázquez en Larín, lugar onde exerceu de mestra durante quince anos, segue a estar moi presente en Arteixo xa que o seu grato recordo, tanto entre o seu alumnado como coa veciñanza, aínda é, seis décadas despois de que abandonara a escola unitaria do Mirón, motivo de conversa na parroquia.
![]() |
| Dora Vázquez coas súas alumnas na escola de nenas de Larín (Arquivo de José Antonio López Canedo 'Cantudo') |
Nada en Ourense o 21 de agosto de 1913, Dorinda Remedios Vázquez Iglesias cursa os seus primeiros estudos na Coruña, cidade na que reside dende os seis ata os trece anos polo destino de seu pai, funcionario de Correos. Logo da estadía herculina, a familia volve a Ourense, onde aos dezasete anos Dora ingresa na Escola Normal de Maxisterio, recibindo o Primeiro Premio de Ingreso. Faise mestra nacional no ano 33 e exerce na parroquia de Teimende, Parada do Sil (Ourense) durante dezaoito anos. Posteriormente, en 1952, a súa profesión achegaríaa a Larín, onde tamén imparte clases o seu marido, Antonio Rodríguez1; el, na unitaria de nenos; e ela, na de nenas.
![]() |
| Dora Vázquez diante da escola de nenas de Larín en 1955 (Cortesía do seu fillo Abelardo) |
O matrimonio chega a Larín co seu fillo pequeno Abelardo, daquela un cativo de 7 anos. O fillo maior, Antonio, naquela altura xa estaba en Vigo estudando Peritaxe Industrial.
A escola unitaria de nenas estaba no lugar de Mirón, nun local que era propiedade de Maripepa da Estanqueira, unha muller que, na figura de Marixuana, se convertería en protagonista da novela Bergantiñá da autoría de Dora Vázquez. Porque Dora, ademais de mestra, era unha muller cun enorme potencial artístico, do mesmo xeito que tamén o tiña súa irmá Pura: https://gl.wikipedia.org/wiki/Pura_V%C3%A1zquez
![]() |
| Portada da novela Bergantiñá |
Dende a súa xuventude, se cadra polo amor á poesía de seu pai, a nosa protagonista sentiría afeccións literarias que a conducirían a publicar con certa frecuencia artigos no xornal compostelán La Noche en 1948. Co tempo, tamén colaboraría en El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Vida Gallega, Vagalume, Arquero, Céltica, Faro de Vigo, en revistas profesionais como El Magisterio Español e Escuela Española, en poéticas como Poesía Hispánica, Poesía de Venezuela e outras esporádicas e americanas. Tamén escribiría no Diario El Universal, Páginas e Vida y Letras de Caracas, e nos prelos da emigración en América en prosa e en verso. Ademais, Dora Vázquez colaboraría no Noticiero Informativo Galego na emisión radiofónica Sempre en Galicia e no Boletín da Sociedade da Irmandade Galega de Caracas. En Galicia faría o propio en Radio Nacional de España, A Coruña, na Emisión Bazar, 1956-1957, período no cal levaba xa varios anos impartindo clases en Larín.
Escritora de poesía, teatro e narrativa, fundamentalmente en galego, mais con obra tamén en castelán, Dora Vázquez está encadrada dentro da primeira xeración de escritores da posguerra e, durante a súa traxectoria, recibiría varios premios en certames de xogos florais, de vilancicos e, sobre todo, de poesía, algúns deles de carácter estatal. Os nenos e nenas son os principais destinatarios da súa obra, que se compón de arredor dun millar de traballos, artigos e poemas espallados en diversos medios, unha obra que está moi mediatizada polo feito da súa profesión de mestra co que fai un grande instrumento moralizante e didáctico daquilo que escribe. Subliñar que os seus textos “Plata fina”, “A dormir neniño”, “A xogar gaivotas”, “Anduriñas veñen”, “A rodiña roda” e “O baile da Cenicienta” ían ser musicados polo popular cantautor galego Suso Vaamonde en 1998, no disco Rapazas, rapaces e rapazadas destinado ao público infantil2.
Dora permanece como mestra en Larín ata 1967, ano no que colle voluntariamente a xubilación por motivos de saúde e no que volve ao seu Ourense natal onde, xa xubilada, colabora en La Región e en El Correo Gallego.
A Deputación Provincial de Ourense crearía un Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil co nome de Pura e Dora Vázquez, en honor ás dúas irmás, co obxectivo de renderlles homenaxe e recoñecer a súa traxectoria no mundo da cultura ourensá.
![]() |
| Pura e Dora Vázquez (Cortesía da familia) |
A Concellaría da Muller do Concello de Arteixo tamén crearía, en 2003, o Certame Xornalístico Dora Vázquez, un premio que nacera como espazo para dar visibilidade ás opinións das mulleres e para promocionar a igualdade mais, despois de once anos de existencia, casualmente cando se cumpría o centenario do nacemento da antiga mestra de Larín, o certame desaparecía do panorama cultural de Arteixo.
![]() |
| Dora Vázquez en Arteixo no desaparecido certame xornalístico (La Opinión A Coruña) |
Catro escritores e unha escritora dan nome ás cinco bibliotecas que temos no municipio: Antón Castro, á de Meicende; Miguel Sande, á de Pastoriza; Francisco Vidal, á de Froxel; Henrique Rabuñal, á de Arteixo; e Dora Vázquez, á de Solimar.
![]() |
| Biblioteca "Dora Vázquez", na Urbanización "Sol y Mar" de Oseiro (Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo) |
A nosa protagonista faleceu o 23 de setembro do 2010 no seu Ourense natal cidade na que ten rúa dedicada xunto a súa irmá Pura. Tamén a ten en Arteixo, concretamente (como non podía ser doutro xeito) na parroquia de Larín, moi cerca do lugar onde estaba a escola de nenas na que impartiu o seu maxisterio durante 15 anos.
Precisamente, co fin de aportar o noso gran de area para poñer en valor a súa figura, o pasado sábado estivemos por alí realizando un roteiro literario que organizamos coa Asociación de Empresarios de Arteixo (AEMA). Atendendo amablemente ao noso convite, tamén acudiu ao acto co súa familia o seu fillo Abelardo, que nos contou aos alí presentes varias anécdotas sobre súa nai Dora e sobre a estadía en Larín nos anos 50-60.
![]() |
| Abelardo coa súa familia na rúa de Larín dedicada a súa nai Dora (Xabier Maceiras) |
![]() |
| Roteiro literario organizado coa Asociación de Empresarios de Arteixo (AEMA) o sábado 3 de outubro (Xabier Maceiras) |
Ademais, no roteiro literario tamén estivo presente o músico Sindo Otero. Nun descanso que realizamos na Casa de Turismo Rural A Solaina, falounos do seu traballo Arteixo, un mar de versos e música, un proxecto multidisciplinar que combina a literatura, a música e o documental nun mesmo formato.
![]() |
| Na Casa de Turismo Rural A Solaina de Larín presentando a Sindo Otero (Asociación de Empresarios de Arteixo) |
Nese libro-cd, que presentará o 14 de novembro no Centro Cívico de Arteixo (https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2026/10/04/o-musico-folk-sindo-otero-arteixo-poesia-libro-134939696.html), Sindo musicou poemas de Antón Castro, Henrique Rabuñal, Miguel Sande, Óscar García Ramos, Pablo Mariño, Paco Souto, Xosé Iglesias e da nosa admirada Dora Vázquez, neste caso o poema “Soia”, que forma parte do poemario Irmá que a protagonista das Crónicas de Arteixo desta semana lle dedicou a súa irmá Pura.
O espíritu de Dora Vázquez segue moi moi vivo en Arteixo, abofé!
__________________________________
1 Antonio Rodríguez foi mestre da escola de nenos de Larín desde outubro de 1952 ata agosto de 1954. Posteriormente foi mestre da escola de nenos de Pastoriza desde 1955 ata 1967.
2 Vid. Alberto Pombo (2024): Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000), Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 153.








