mércores, 11 de decembro de 2019

¿ALFRED HITCHCOCK EN BARRAÑÁN?

No pasado mes de agosto cumpríronse 120 anos do nacemento de Alfred Hitchcock, director de cine británico nacionalizado estadounidense que, sen dúbida algunha, foi un dos maiores xenios na historia do cine, autor de películas para a eternidade, considerado como o grande mestre do suspense e aínda plenamente vixente como influenza dos máis brillantes autores modernos do xénero. 

Alfred Hichcock achegándose a unhas gaivotas durante a rodaxe de Os paxaros
Nado en Leytonstone (Londres) o 13 de agosto de 1899 no seo dunha familia de orixe católica irlandesa humilde, Alfred estudaría en colexios católicos de Londres ata que tivo que deixar a súa formación para poñerse a traballar. A partir de 1920 empezaría a gañarse o pan facendo rótulos para varios filmes e, en 1923, daría os primeiros pasos da súa carreira cinematográfica como axudante de dirección. No ano 1925 dirixe a súa primeira película, The Pleasure Garden, que resultou un fracaso comercial, o mesmo que a seguinte, The Mountain Eagle.

Ao ano seguinte, en 1926, Hitchcock casa con Alma Reville, a quen coñecera traballando nas súas primeiras películas e que sería a súa man dereita ata a fin dos seus días. Meses despois de casar, xa en 1927, acadaría un grande éxito de crítica e público con The Lodger: A Story of the London Fog, o seu primeiro filme de suspense.

En 1929 dirixiría o primeiro filme sonoro británico, Blackmail, e posteriormente, antes de dar o gran salto a Hollywood convencido polo productor David O. Selznick (con quen asinara un contrato por cinco películas e 800.000 dólares), deixaría The Man Who Knew Too Much (1934) e The 39 Steps (1935), dous dos mellores thrillers británicos da historia, con elementos tan recurrentes do seu cine como a espionaxe e a confusión de identidades.

Coa súa marcha a Estados Unidos veríase ao Hitchcock máis brillante, un Hitchcock que non puido comezar esa nova andaina con mellor pé que cun clásico en toda regra como Rebecca (1940), unha película producida por David O'Selznik, que naquel momento estaba en alza co rotundo éxito de Foise co vento (1939), e protagonizada por Laurence Olivier e Joan Fontaine, película que obtería once candidaturas aos Óscar.

Mais o certo é que os egos de produtor e director chocaron e Hitchcock buscaríase a vida fóra dos estudios Selznick International Pictures, pasando posteriormente por Metro-Goldwyn-Mayer, Warner Brothers, Universal… compañías coas que dirixíría as súas películas máis celebradas da etapa americana, entre elas A ventá indiscreta (1954), Vértixe (1958), Coa morte nos talóns (1959), Psicose (1960), ou Os paxaros (1963), filme do que falamos a continuación. 

Póster do filme The Birds
Os paxaros (en inglés: The Birds) é unha longametraxe estadounidense dirixida e producida en 1963 por Alfred Hitchcok que está vagamente baseada na novela de 1952 do mesmo nome da escritora británica Daphne du Maurier. A historia céntrase nunha serie de sucesos violentos e inexplicables relacionados con ataques de paxaros en Bodega Bay, California. O filme conta con Rod Taylor e Tippi Hedren nos papeis principais, e con Jessica Tandy, Susanne Pleshette e Veronica Cartwright nos secundarios. O guión é obra de Evan Hunter, a quen Hitchcock encargou desenvolver novas personaxes e unha trama máis elaborada pero mantendo o título e concepto dos ataques de paxaros sen explicación.

Chegados a este punto seguro que vos preguntades cal é a relación de Alfred Hitchcock con Barrañán e o porqué do título desta crónica que publicamos hoxe nesta modesta bitácora. Pois mirade, hai unha lenda urbana que conta que o lendario director buscou localizacións para a longametraxe da que estamos a falar, Os paxaros (The Birds), nesta parte do litoral de Arteixo. Se cadra, se na realidade estivo aquí, tivo algo que ver no asunto Manolo Sánchez, coruñés do barrio dos Castros que non vivía lonxe do domicilio de Hitchcok e de quen xa vos teño falado nalgunha ocasión (enlace) por que, naqueles anos sesenta, Manolo era o chofer de Richard Nixon.

Imaxinade por un momento a escena: conversa de Hitchcok con Nixón, no domicilio do futuro presidente dos Estados Unidos, e o director coméntalle ao anfitrión que anda a procura de localizacións para unha futura longametraxe que vai producir e dirixir.

-Necesito un gran areal para gravar varias secuencias”; di Hitchcok.

Manolo, a parte de chofer persoa de confianza de Nixon, escoita ao director e intervén na conversa:

-“Señor Alfredo: eu sei dun gran areal que lle pode ir como anel ao dedo para o que vostede precisa! Mire, viaxe vostede á miña terra, vaia vostede a A Coruña e alí, moi preto, en Arteixo, ten que ver o areal de Barrañán!

Como a imaxinación non ten cancelas, Hitchcok puido ter aquela conversa con Manolo Sánchez, o coruñes que tantos anos estivera ao servizo de Richard Nixon, e se cadra o director británico aceptou a súa proposta e viaxou ata o noso concello para ver o areal de Barrañán, por aqueles días frecuentado polos carros de bois dos labregos da comarca que carrexaban area para as súas leiras e, tamén, por camións que transportaban area para a construción do dique de San Diego, na Coruña.

Areal de Barrañan
Se Hitchcock estivo ou non en Barrañán será sempre unha verdadeira incógnita, un feito convertido xa en lenda que se repetiu como verídica en ducias de ocasións. Mais ata o de agora, despois de varias entrevistas coa veciñanza da contorna, sinto dicirvos que non soubemos de ninguén que coñecera ao popular director cinematográfico, nin de ninguén que o vira e, ademais, tampouco quedou rastro do seu probable paso por A Corula e por Arteixo nas hemerotecas da época. Como di Jesús Fraga no seu artigo “El Barrañán que conoció Hitchock”, publicado en La Voz de Galicia o 26 de xullo do 2003… “los pájaros en Barrañán es el clásico relato de leyenda urbana, o, como se decía antes con un punto de política incorrección, un cuento chino”.

Postos a soñar, tamén é interesante a reflexión que realiza Carlos G. Reigosa no seu artigo “Viaxeiros de sona”, publicado o 15 de febreiro de 2019 en La Voz de Galicia, artigo onde Reigosa nos conta o seguinte:

Xa sei que non hai ningunha proba de que Alfred Hitchcock estivese na praia arteixá de Barrañán tratando de localizar espazos para a súa película Os paxaros. De feito, sei que non estivo e, non obstante, viaxei alí en tres ocasións para fotografar os arredores que máis me facían relembrar algunhas imaxes do exitoso filme. Non atopei nada novo, xaora. E digo «xaora» sen querer, porque na miña experiencia xornalística moitas cousas aparentemente desmentidas pola realidade resultaron logo confirmadas por novos datos que viron a luz. Unha delas foi a presenza de Gabriel García Márquez en Galicia, no intento de atopar as súas propias raíces nas dos seus devanceiros galegos.

Tamén se dicía que Orson Welles non se achegara nunca por Galicia… mais un día atopei en Madrid un guión gótico que se titulaba Blind Window (traducido aquí como Ventá cegada), que el ía rodar preto de Santiago de Compostela. Souben tamén daquela dunha versión de Divinas Palabras de Valle-Inclán que Welles ía dirixir, protagonizada por Rita Hayworth, Terence Stamp, Fernando Rey, Ornella Mutti e Oja Kodar, e que por desgraza quedou en nada. E descubrín, así mesmo, unhas imaxes do propio director percorrendo a granítica Compostela na busca de exteriores, cunha cámara na man.

O xornalista galego Antonio D. Olano, amigo de homes de talento como Picasso e Dalí, tiña por certo que Orson Welles estivera en Pontevedra, nunha corrida de touros literalmente celebrada baixo paraugas. Chegara alí desde Madrid no avión cargueiro que cada verán alugaba Luis Miguel Dominguín, e seica Welles paseara gustoso pola cidade (...)

Así que, amigos e amigas… quen sabe? Se cadra nalgún momento damos con alguén que confirme a estadía de Hitchcok en Arteixo ou, por outra banda, atopamos algunha información que desmonte para sempre esta teoría. Como as lendas, lendas son, nós, mentres tanto, seguimos soñando coa posibilidade de que os paxaros de Bodega Bay, en California, poideron ser os paxaros de Barrañán, en Arteixo. Por certo, no ano 2016, o filme Os paxaros (The Birds) foi declarado "cultural, histórico ou esteticamente significativo" pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos e foi escollido para a súa preservación polo National Film Registry.

Areal de Barrañán
Xa para concluír, apuntar que, a parte do seu grande éxito como director, o noso protagonista, tamén conduciría o programa para a televisión chamado Alfred Hitchcock Presenta..., onde presentaba curtametraxes de suspense co seu habitual sentido do humor macabro que tanta fama lle deu. Coa súa peculiar imaxe, Hitchcock foi o primeiro "director estrela" da historia do cine ata o punto de eclipsar aos actores e actrices dos seus traballos nos carteis promocionais, cousa que nunca antes sucedera. Finou no barrio californiano de Bel Air (Los Ángeles) o 29 de abril de 1980 tras dirixir máis de cincuenta películas ao longo de seis décadas.

Recoñecido a miúdo como o mellor cineasta británico, apareceu primeiro de unha enquisa realizada entre os críticos de cine en 2007 polo xornal The Daily Telegraph. O diario definiuno así: “Indubidablemente ois grande cineasta nado nestas illas, Hitchcock fixois que calquera outro director para dar forma ao cine moderno, que sería completamente diferente sen él”. A revista MovieMaker describiuno como o director máis influente de todos os tempos sendo amplamente considerado como un dos artistas más importantes do sétimo arte.



FONTES:

- FRAGA, JESÚS. El Barrañán que conoció Hitchock. La Voz de Galicia, 26-07-2003.
- G. REIGOSA, CARLOS. Viaxeiros de sona. La Voz de Galicia, 15-02-2019.


martes, 5 de novembro de 2019

A "PARRILLADA CABANAS" DE LARÍN

    Redes sociais, críticas gastronómicas, comentarios en TripAdvisor, apps especializadas… cada vez dispoñemos de máis recursos para acertar nas nosas apostas á hora de comer mais, ao modesto entender de quen escribe, o mellor segue a ser deixarse levar polo boca a boca da xente local ou polos consellos de familiares e amigos que estiveron antes que nós no destino vacacional que temos en mente. No caso de Arteixo, contamos cun bo número de negocios hostaleiros recomendables nos que podedes saborear as mellores exquisiteces culinarias da bisbarra, negocios sobre os que prometo falar máis polo miúdo algún día xa que hoxe o protagonismo é para a Parrillada Cabanas que, con máis de tres décadas de historia, ten máis que merecido o pequeno homenaxe que lle facemos a continuación. 

Anuncio do día da inauguración da parrillada (Cristina Cabanas)
   Situada no lugar do Anide, na parroquia de Larín, ao carón da estrada AC-552 e fronte as instalacións do Centro Hípico Casas Novas, a Parrillada Cabanas abría as súas portas o 12 de setembro de 1987, pouco despois de que os seus propietarios, Ramón Cabanas Grela e Carmen Riveiro Golán, puxeran punto e final á súa estadía en Suíza, a onde emigraran, como tantos outros miles de galegos e galegas, nos primeiros anos da década dos setenta.   

         Ramón, natural do Val de Barcia de Carral, e Carmen, veciña do lugar de Santa Locaia, na parroquia arteixá de Loureda, coñecéranse en Soandres na romaría de Santa Marta e ennoivaron pouco antes de que ela emigrara, en 1971, ao cantón helvétivo de Xenebra para traballar de gobernanta nun hotel. 

Ramón Cabanas e Carmen Riveiro ao pouco de abrir o seu negocio (Cristina Cabanas)
  Dous anos máis tarde, no 73, Ramón e Carmen casan e, logo de darse o “si quero”, fan a maleta da emigración para gañarse a vida en Xenebra, onde ela seguiría facendo uns pesiños como gobernanta de varias casas e hoteis e el traballaría de cociñeiro. Ramón xa tiña alí familia: un irmán e a seu padriño. Precisamente un neto deste, Ricardo Cabanas, andando no tempo convertiríase en futbolista profesional e disputaría con Suíza o Mundial do 2006 celebrado en Alemania. 

    No 74, un ano despois de casar, Ramón e Carmen serían pais do seu primeiro fillo, de Alfredo, un meniño que quedaría a cargo dos seus avós maternos de Santa Locaia mentres que a parella de emigrantes seguía traballando no país helvético.
 
Alfredo e Cristina, os dous fillos de Ramón e Carmen, diante da parrillada (Cristina Cabanas)

    En 1977 nacía en Xenebra Cristina, a segunda filla do matrimonio, que tamén quedaría baixo a custodia de seus avos maternos de Santa Locaia ata 1986, que foi cando Ramón e Carmen viñeron definitivamente de Suíza e investiron os seus aforros comprando no lugar do Anide os terreos nos que non tardarían en edificar o seu novo domicilio, edificio no que o 12 de setembro do ano seguinte abrirían a parrillada da que estamos a falar.  

   Carmen contounos recentemente que… “eliximos Larín porque a min sempre me gustou moito esa zona. Eu non tiña carné de conducir, nin coche. O Anide tiña boa comunicación. Para min era unha situación cómoda. Era unha carretera que tiña bus cada pouco tempo e por iso me gustaba a zona". 

   O don de xentes de Ramón e Carmen, sumado á boa relación calidade-prezo das súas carnes e peixes á grella, farían que desde o día da inauguración o negocio fora vento en popa. O 60 25 03, o número de teléfono da Cabanas, (actualmente é o 981 606687) botaba fume a diarioclientes do Polígono de Sabón, representantes comerciais, turistas, parellas, festas familiares, ceas de amigos... 

-Ramón: quería reservar unha mesa para o sábado...
-Carmen: quería facer a comuñón da nena para tal día…
-Ramón: pensamos en facer a cea de fin de tempada do equipo cando remate a liga...

   Todo ía a pedir de boca, e nunca mellor dito, ata 1998, que foi o ano no que faleceu Ramón. Mais, como di a canción, a vida continúa e a Carmen non lle quedou outra que tirar cara adiante! 

Imaxe actual da Parrillada Cabanas
   Sería aí, nesa altura, cando Cristina, a filla máis nova do matrimonio, iría collendo pouco a pouco as rendas da Parrillada Cabanas, negocio ao que lle foi dando dende aquel entón o seu toque persoal cun aire renovado. E así, Cristina sería quen de converter o negocio no local que é hoxe, nun dos mellores sitios da contorna en relación calidade-prezo, local que é verdadeira referencia na bisbarra e que ofrece un menú do día moi variado, cun churrasco de auténtico vicio e, entre outras especialidades da casa, uns chipiróns e un bacallau que saben a gloria bendita! 

  Iso si, aviso aos comensais: se queredes xantar na Parrillada Cabanas, especialmente o fin de semana, ide con tempo, xa que o local está sempre ateigado de xente… por algo será!
 

martes, 29 de outubro de 2019

A RELACIÓN DO BALNEARIO DE ARTEIXO CO R.C.DEPORTIVO DA CORUÑA

    Se viaxamos na máquina do tempo e nos remontamos a tal día como hoxe 75 anos atrás, na Coruña, o capelán Ricardo Rodríguez Dopazo bendecía o novo estadio de Riazor antes de disputarse o partido inaugural Deportivo-Valencia, enfrontamento que remataría con derrota local por 2-3. De seguro que, naquel 29 de outubro de 1944, ningún dos seareiros deportivistas pensaba que Riazor sería, co andar do tempo, testemuña dos anos máis felices dos herculinos converténdose no SuperDépor e no EuroDépor da Champións, tempos felices que oxalá volten algún día!

   Mentres agardamos a que cheguen eses tempos, hoxe, coincidindo con este 75 aniversario de Riazor, nesta modesta bitácora queremos lembrar a relación que o Balneario de Arteixo tivo co R.C.Deportivo e, dalgún xeito, co propio estadio coruñés. 
 
   Para falar desta relación temos que facer unha nova viaxe no tempo, neste caso ata os duros anos da Guerra Civil. Naquela hora, o fútbol vivía un dilatado período de descanso forzoso. Na Coruña, as actividades do R.C Deportivo reducíanse na maioría das ocasións a organizar partidos benéficos en pro do auxilio social, Cruz Vermella, hospitais, etc., mais con todo, e pese ás dificultades propias de aquelas circunstancias, na tempada 1936/37 disputaríase con todas as garantías dunha organización federativa o Campionato Galego, en parte porque a totalidade da xeografía galega pasara de contado ás mans dos fascistas. 
 
   Coa Guerra no seu período máis enconado, como era lóxico, o noso balompé decaería transitoriamente tanto na Coruña como nas outras cidades e vilas galegas mais aínda así, coa maior parte dos xogadores deportivistas na fronte, o R.C Deportivo atendería os seus compromisos contando, iso sí, tan só con xogadores veteranos e con novos valores da canteira coruñesa.
 
   Nun destos compromisos do equipo herculino produciríase un dos feitos máis destacados da historia do fútbol galego: o debut, o 13 de marzo de 1938, dun gardameta de tan só 14 anos, que en aparencia era incapaz de soportar un balonazo. Aquel cativo non era outro que Juanito Acuña, ao que todo o mundo coñecía co alcume de Xanetas, un rapaz que catro anos despois de debutar na meta deportivista, pasaría a ser un Acuña corpulento e consagrado pola súa internacionalidade. Co tempo, Acuña convertiríase no mellor porteiro da posguerra defendendo a portería do equipo herculino durante 17 tempadas.

    A finais de 1939, o 3 de decembro, daba comezo a primeira Liga trala Guerra. O Deportivo quedara encadrado xunto co Avilés, Oriamendi de Baracaldo, Salamanca, Racing de Ferrol, Valladolid, Sporting de Xixón e Torrelavega no Grupo 1º da Segunda División, unha categoría que variara ostensiblemente por mor do estado no que quedara España despois da Guerra Civil e, tamén, pola economía da maioría dos clubes. Foi por iso polo que se implantaría un sistema de 5 grupos, previo a unha reestructuración que volvería á situación anterior. O sistema establecía que os cinco líderes de cada grupo xogasen unha liguilla final, na que o campión ascendería directamente e o segundo xogaríase o ascenso nunha promoción cun equipo de Primeira División. 

   Aquela competición pasaría á historia por ser, con 40 clubes, a de maior participación de equipos en Segunda División. O Deportivo, tras gañar todos os partidos de Riazor, quedaría campión do seu grupo empatado a 22 puntos co segundo clasificado, o Racing de Ferrol, polo que se disputaría o ascenso cos outros catros respectivos líderes no chamado Torneo de Campeones de Segunda: Real Sociedad, Cádiz, Levante e Murcia.

Novas da prensa dos anos 40
   A raíz deste devandito Torneo de Campeones de Segunda, o clube deportivista optaría por apartar do mundanal ruído da cidade aos seus fútbolistas e decide concentralos no Balneario de Arteixo ante o temor e sospeita de que algúns deles levara unha vida pouco ordenada, como así describían os medios da época en abril de 1940: 
 
   “Es realmente lamentable -nos decía anteayer un conspícuo deportivista- que haya habido necesidad de adoptar con nuestros jugadores esa medida de previsión que los pondrá a cubierto, en lo que resta de temporada, de peligrosas tentaciones. Algunos no se cuidan como están obligados a hacerlo, pero la vergüenza de la reclusión como remedio para un estado de cosas que ya estaba haciéndose intolerable y perjudicial para el mayor rendimiento del conjunto, recae un poco sobre la mayoría de los que lo integran aunque los aficionados sepan concretamente quienes llevaban una vida ordenada y quienes olvidaban las obligaciones y sacrificios a que tiene que someterse un deportista”. (La Voz de Galicia, 11 de abril de 1940)

   Era a primeira vez que o recinto termal arteixán tiña hóspedes deportivos. Ata aquel entón, la creme de la creme da sociedade herculina como as familias Miranda, Puga, Santos, Bescansa, Cuevas y Salorio, Obanza ou Molina foran algúns dos seus afamadaos clientes. 
 
    Segundo as investigacións do doutor Pedro María Rubio, sábese que cara mediados do século XIX a propiedade do Balneario era compartida por cinco particulares. Un deles era o banqueiro madrileño Angel Henry, que chegara a Arteixo en 1853 e que, segundo apunta Rubio, fora quen de abrir no seu establecemento “un salón de sociedad decentemente adornado, con periódicos, juegos permitidos y un piano”, convertendo ás instalacións termais no epicentro da vida social da vila do Bolaños. Ademais, Henry arranxara o local para fonda, amoblando as habitacións, e tamén amañara unha gran horta para dedicala a xardíns e a paseos, unha horta que case cen anos despois, e retomando de novo o mundo do fútbol, convertiríase no terreo de xogo do Penouqueira, o mesmo campo onde o R.C. Deportivo da Coruña realizaría, naquela primavera de 1940, as sesións preparatorias co fin de acadar o ascenso á Primeira División.

Imaxe do Balneario de Arteixo dos anos 40

   Nos seus trinta e tantos anos de existencia que contaba naquela hora o cadro herculino, xamais estivera nunha situación tan especial e trascendental para o seu porvir como a vivida naqueles días. Era, como dicimos, a primeira vez que os branquiazuis se concentraban no hotel do Balneario, que abrira as súas portas excepcionalmente para acoller ao equipo deportivista, polo que tamén era a primeira vez que a rapazada de Arteixo poidera ver a algúns dos seus ídolos a carón das súas casas. Durante aqueles días, segundo declaraba o centrocampista Cela diante dos xornalistas, non habería lugar para o aburrimento. Levantábanse ás oito para almorzar ás nove e, ás dez, saían arreando a escalar os montes da Penouqueira ou de Subico cando non ían de paseo ata os areais de Alba, no Rañal, ou o de Barrañán, para voltar ao recinto termal a unha da tarde para xantar. Logo sesta de un par de horas e a tarde adestramentos no campo do Balneario ata as sete. A continuación pequenos paseos pola vila, cea, uns minutos de faladoiro ou de xogos de naipes e ás dez na cama. Ese sería o réxime levado a cabo durante as concentracións realizadas en Arteixo con motivo deste Torneo de Campeones de Segunda, un torneo no que finalmente o R.C. Deportivo ocuparía o segundo lugar, empatado a puntos co Murcia e o Cádiz, posto inútil a efectos de ascenso automático que lle correspondía xa que, nunha cacicada da Federación, o Oviedo tiña reservado un posto na Primeira. Mais o Deportivo, ao quedar segundo nesta liguilla, gañárase o dereito a xogar a promoción onde o Celta de Vigo, 10º en Primeira División, sería o seu rival. O partido contra o cadro olívico tería lugar no estadio de Chamartín de Madrid o 15 de maio de 1940 e os herculinos, cun once formado por Acuña; Novo, Pedrito; Cela, Antoñito, Quintas; Couso, Guimeráns, Pintos, Chacho e Chao, perderían por 1-0 aquel choque fratricida que, por certo, fora o primeiro partido que radiaba o popular locutor Enrique Mariñas, con quen toda Galicia estivera pendente apaixoadamente da súa tranmisión radiofónica. O Deportivo seguía un ano máis en Segunda .
 
     Un mes despois, o 9 de xuño, na Coruña xogábase a primeira xornada do primeiro campionato federado da Liga da Capital que, ante a numerosa demanda de novos clubes para entrar nel, non tardaría en estructurarse en Primeira e Segunda División. Paralelamente, pola zona de Oleiros, Culleredo e Cambre reanudaríase o Campeonato das Aldeas que, en novembro deste 1940, pasaría a chamarse Campeonato das Mariñas. Nestos dous torneos federados iríanse formando algúns dos xogadores que, nalgúns casos, acabarían fichando en clubes da Serie A Rexional, como o Brigantium de Betanzos ou o Bergantiños de Carballo. Outros, os menos, acabarían nutrindo ao Fabril e ao Juvenil e, previo paso por estos dous filiais do R.C. Deportivo, varios deles darían o salto ao primeiro equipo herculino que, ao remate da tempada 1940/41, logo de vencer nunha angustiosa promoción ao Murcia, vería realizada a súa aspiración de formar parte da elite do balompé estatal ao acadar, por primeira vez na súa historia, o tan ansiado ascenso á Primeira División
 
   Durante as tempadas 41/42, 42/43 e 43/44, nas que o equipo deportivista é respectivamente 4º, 9º e 12º na máxima categoría do fútbol español, a veciñanza de Arteixo non tería a sorte, como acontecera en 1940, de ver aos futbolistas branquiazuis na súa vila pois, as poucas concentracións que os herculinos realizaran fora da Coruña durante aquel período, faríanas en Pontedeume e en Guitiriz. 
 
    Mais o Deportivo voltaría a concentrarse de novo no Balneario arteixán na tempada 1944/45 cando xoga, na derradeira semana de outubro de 1944, o partido da 6ª xornada da Liga contra o Valencia, enfrontamento do que famos ao inicio desta crónica co que se inauguraría o novo estadio de Riazor, que se empezara a construir ao pouco de rematar a Guerra Civil. 
 
    Ata daquela, tras os primeiros anos da praza de touros e do Corralón da Gaiteira, o equipo deportivista xogara os seus partidos no vello Riazor, inaugurado o 26 de maio de 1909 cun partido amigable contra o Fortuna de Vigo. Naquel primeiro estadio, situado onde hoxe está o colexio das Escravas, case a beira do mar, o Deportivo recibiría a visita da selección de Uruguai (1924), eliminaría na Copa ao Real Madrid (1932) e lograría o seu primeiro ascenso (1941), un recinto no que collían 6.000 espectadores comodamente sentados e o dobre de pé, e por riba, a amplitude dos terreos permitira que a actividade non se limitase ao fútbol, polo que se fora convertendo no viveiro das numerosas seccións que durante moito tempo tivera a entidade deportivista. Ese vello Riazor acollería as evolucións dos Otero, Ramón González, Chacho, Acuña e compañía durante trinta e cinco anos ata que o novo Riazor, moi próximo ao anterior, abría as súas portas con aquel partido de Liga Deportivo-Valencia principiando unha nova era dentro do seno deportivista na que vería xogar sobre o seu céspede, ata que se acometera a remodelación con motivo do Mundial-82, á Orquesta Canaro da tempada 49/50 coa que os herculinos quedarían subcampións de Liga, a Arsenio, Luis Suárez, Amancio, Veloso…

Imaxe do estadio de Riazor pouco despois da súa inauguración en 1944
   Con motivo dese partido inaugural Deportivo-Valencia, o adestrador deportivista daquela hora, Ramón Lafuente, decidira concentrar aos seus pupilos no Balneario de Arteixo durante aquela derradeira semana de outubro de 1944. Segundo as crónicas da época, nas que os xornalistas herculinos empezaban a dar as súas queixas ante a imposibilidade de comunicacarse telefonicamente co recinto termal, as actividades dos futbolistas do Deportivo, a parte dos adestramentos de rigor no campo do Balneario, foran principalmente paseos alternos ata Barrañán e O Rañal e, nas horas de lecer, lectura, mus e dominó. Tras pasar toda a semana en Arteixo, o 29 de outubro chega o enfrontamento co Valencia, o primeiro partido oficial do novo estadio, un recinto que non estaba totalmente rematado, xa que aínda se ultimaba a grada elevada sobre a preferencia, e que costara cinco millóns das antigas pesetas. O promotor da obra fora o daquela alcalde da cidade José Perez Ardá, que seguira os consellos de Ramón de Llano, persoeiro que todos os días que saía do vello campo, miraba para o fondal que estaba en fronte e pensaba: “Qué gran estadio se podería construir aquí”.
 
    Aquel día, El Ideal Gallego titulaba: “Riazor es el único estadio del mundo en el que todos los espectadores tienen derecho a estar sentados”. A asistencia do público naquel primeiro partido calcúlase nuns vinte mil seareiros e fai o saque da honra Virgilio Rodriguez Rincón, único supervivinte do primeiro equipo que tivera o Deportivo e que, casualmente, tamén fixera o saque da honra cando fora inaugurado en 1909 o vello Riazor. Finalmente e tras un disputadísmo partido, o resultado sería desfavorable para os herculinos, que perderían por 2-3. O valencianista Hernández pasaría á historia por marcar o primeiro tanto no novo Riazor e o dianteiro centro local Paquirri sería o autor do primeiro gol deportivista. Nos seguintes partidos como local confírmase o “meigallo” do novo estadio: 1-2 co Barcelona; 1-1 co Castellón; 1-2 co Athletic de Bilbao; 2-2 co Sporting de Xixón. Os aficionados comezan a botarlle as culpas da mala marcha do equipo ao novo e flamante recinto deportivista. Dicíase, con razón, que as localidades quedaban moi distantes, especialmente as populares “grada de pé” e “Marathón”. O caso é que o Deportivo camiña en picado cara a Segunda División. 
 
     Na semana previa á disputa dun destes partidos, o do F.C. Barcelona, os herculinos concentraríanse de novo no Balneario arteixán. Fora durante os últimos días do mes de novembro de 1944, e unha vez mais os xornalistas volvían a amosar o seu desencanto pola falla de teléfono no hotel:

   ”Arteijo no contesta. Los deportivistas concentrados en Arteijo guardan absoluto mutismo, indicio de que la cura de reposo se desliza sin novedad. A pocos kilómetros de La Coruña, están de nosotros tan incomunicados como si se hallasen en la cúspide del Himalaya. No cuenta Arteijo ni con un teléfono, por lo que nos encontramos en la imposibilidad de dar al aficionado la impresión de última hora” (El Ideal Gallego, 26 de novembro de 1944)
 
    Esa sería, naquel campionato ligueiro, a última vez que o Deportivo utilizaría as instalacións dos Baños arteixáns como equipo de Primeira División pois, finalmente, descendería ao remate desta tempada 44/45 á Segunda, categoría na que só botaría unha tempada.

   Mais os arteixáns non tardarían moito tempo en ter unha nova oportunidade para ver a futbolistas de primeira fila ao carón das súas casas pois, en maio de 1945, con motivo da inauguración oficial do estadio de Riazor, xógase na Coruña o partido amigable España-Portugal e a selección española concentraríase no Balneario arteixán durante os días previos a ese partido internacional. Curiosamente, o recinto termal ía outra vez “collido da man” do novo estadio da cidade herculina e, para historia, queda o seu casual protagonismo nos dous partidos inaugurais do novo Riazor, primeiro coa concentración do Deportivo naquel partido co Valencia e agora coa estadía do once español na inauguración oficial.

   O Deportivo continuaría utilizando o recinto termal ao longo dos anos 40. Posteriormente, despois dun longo período sen facelo, voltaría a ser lugar de concentración na década dos 70 con Arsenio Iglesias no banquillo, máis esta xa é outra historia da que falaremos polo miúdo noutra ocasión!

martes, 15 de outubro de 2019

A TABERNA "O PIÑEIRO" DE CHAMÍN

   Empezando a subir a costa de Chamín do Medio, á man dereita da estrada que conduce a Caión, para máis sinais, moi preto do cruce que vai para Santaia e Monteagudo, tedes un dos mellores establecementos hostaleiros de todo o municipio de Arteixo: o Café Bar “O Piñeiro”, sitio tranquilo, de boas tapas e de boa atención, abofé! 

Imaxe do "Piñeiro" antigo
    Ao entrar, atoparedes un fermoso local decorado con gusto. Unha ducia de mesas que conxugan á perfección o pasado co presente, cada unha delas rodeada de cadeiras de madeira de aspecto tradicional, convidan ao descanso, á lectura dos xornais do día, á conversa e tamén, especialmente na fin de semana, a botar a partida. Nas paredes colgan varios fotos do equipo de fútbol do lugar. Tamén hai unha imaxe do bar vello, que estaba uns metros máis adiante que o actual, ao carón da estrada, unha imaxe que cada vez que a vexo faime viaxar á miña xuventude, aos anos 90, tempos nos que paraba con frecuencia neste establecemento. E tamén hai un reloxo antigo no que se parou o tempo ás 17:40 horas dun día calquera dun ano incerto, un reloxo que seica xa formaba parte do mobiliario da antiga taberna.

David e Dorita no "Piñeiro" de Chamín
  Se es dos que te quedas na barra, mentres que che prepara un café o amigo David, o actual propietario do negocio, escoitarás a súa nai Dorita dende o seu “búnker” particular preparando o xantar para a familia e algunha que outra tapa para o negocio que rexenta o seu fillo dende que ela se xubilou. É probable que na barra atopes algún cliente dos de toda a vida, dos que aínda lembran os tempos do vello Piñeiro, unha taberna que se derrubou no ano 2000, pouco despois de abrir o bar actual.

    Como todas as tabernas das de antes, o Piñeiro antigo, vendía un pouco de todo. Aínda lembro as chapas descoloridas polo paso do tempo de Coca Cola e de Fanta que había pegadas xunto á porta e, tamén, o letreiro de Tabacalera coa súa insignia que estaba colgado na fachada da casa e que indicaba que O Piñeiro era un establecemento autorizado para a venda do tabaco. Alí, no banco de pedra que había na entrada da taberna, boteille os meus primeiros Royal Crown na compaña dos bos amigos de Chamín que aínda conservo. Como di o prezado Moncho Vilar nun dos capítulos do seu libro “Un peixe no parqué”… Quen cona fuma Royal Crown hoxe en día? Ti coñeces alguén? Naqueles tempos era o que había e, cousas do destino, quen escribe xa leva catorce anos sen fumar!

Imaxe do interior do "Piñeiro" antigo
 Mais continuemos coa descrición do Piñeiro vello. Naqueles anos 90, o paso do tempo xa se notaba ben na estrutura exterior do edificio. Nas súas paredes de pedra, nas portas e nas ventás de madeira o paso dos anos xa deixaran a súa pegada na vivenda na que que, de xeito moi doado, un podía viaxar gratis no tempo para imaxinar como era a vida dos nosos devanceiros. Se querías soñar como era a vida nas tabernas de antes, O Piñeiro era un lugar ben axeitado para facelo xa que no interior podías observar que o único que mudara co paso das décadas fora o envoltorio dos productos que alí se vendían.
 
   Outro dos recordos que teño do vello Piñeiro é que non costaba moito estirar a man e tocar o teito, que era de madeira e, nas súas vigas, había cravadas puntas de aceiro que facían á vez de ganchos para colgar chourizos, paquetes de sebo e outros artigos necesarios para a vida cotidiá da veciñanza.

Ramón Varela e Jesusa Bermúdez
  O Piñeiro fora, no seu momento, dos poucos lugares de Arteixo nos que as innovacións pasaran de largo e poucos cambios houbera no local dende que o abriran en 1934 Ramón Varela Paulos, natural do lugar do Piñeiro (de aí o nome do negocio), parroquia de Monteagudo, e Jesusa Bermúdez Ferreiro, que era natural de Gondreo, parroquia de Sorrizo. 
 
   Ramón e Jesusa, tiñan o seu domicilio na parte superior da taberna, lugar no que virían ao mundo os tres fillos máis pequenos do matrimonio: Chucho, Melindra e Dorita. Os dous maiores, María e Cresencia, naceran no Piñeiro, na casa paterna de Ramón, lugar no que habitaron ata que construiron a súa nova vivenda en Chamín do Medio e abriron o establecemento do que estamos a falar pouco antes da Guerra Civil.

Dorita en Caión na súa xuventude
    Jesusa era quen atendía o establecemento, unha taberna que nos primeiros anos viviría, coma as outras da contorna, tempos difíciles, tempos da posguerra, tempos de medo nos que non se podía falar de case nada, tempos de fame, de racionamento e de sacrificio, de moito sacrificio, mais, con todo, nunca lles faltou clientela que lles dera un peso a gañar, aínda que moitas veces… “leva o que precises que cho fío, xa pagarás; moitas grazas señora Jesusa”. Pola súa banda Ramón adicábase a traballar nas leiras da comarca coa máquina de mallar da súa propiedade, pasando nalgunhas ocasións semanas enteiras fóra do seu domicilio.
   E así irían pasando os corenta, os cincuenta e os sesenta, que foi cando Dorita, a filla máis nova de Ramón e Jesusa empezou a levar o peso da taberna, unha Dorita que non tardaría en casar con Telmo, con quen tería catro fillos: os meus prezados amigos Javier, Sonia, David e Inés. 
 
    A vida seguiría sendo igual no vello Piñeiro ao longo dos setenta e dos oitenta... bueno todo non. Xa non estaban Ramón e Jesusa, que falecerían respectivamente en 1973 e 1984, ambos aos 77 anos de idade. 

   Telmo tiña unha pequena empresa de construcción na cal empezarían a traballar os seus fillos Javier e David. 

Dorita con seus pais e Javier, o seu fillo maior
   Nos 90 a familia decidiu que xa era hora de darlle un cambio ás súas vidas e facer unha nova vivenda… mais... xa se sabe… na casa do ferreiro coitelo de pau… e a idea foise pospoñendo ata finais da década. Finalmente abrirían o novo bar en decembro do 2000, días despois de tirar o vello Piñeiro.
   Telmo falecería no ano 2007 e David continuaría un ano coa empresa de construcción, ata o 2009, que foi cando xa se puxo definitivamente detrás da barra do Bar o Piñeiro. 

David, terceira xeración do negocio, agarda por vós alí para conversar dos tempos de antes ou do que se tercie. Se paredes no seu establecemento, asegúrovos que habedes de pasar un rato agradable escoitando as historias do Chamín de antano e do Chamín de hoxe!