Redes
sociais, críticas gastronómicas, comentarios en TripAdvisor, apps
especializadas… cada
vez dispoñemos de máis recursos para acertar nas nosas apostas á
hora de comer mais, ao modesto entender de
quen escribe, o mellor
segue a ser deixarse levar polo boca a boca da xente local ou polos
consellos de familiares e amigos que estiveron antes que nós no
destino vacacional que temos en mente. No caso de Arteixo,
contamos cun bo número de negocios hostaleiros recomendables nos que
podedes saborear as mellores exquisiteces culinarias da bisbarra,
negocios sobre os que prometo falar máis polo miúdo algún día xa
que hoxe o protagonismo é para a Parrillada Cabanas que, con máis
de tres décadas de historia, ten máis que merecido o pequeno
homenaxe que lle facemos a continuación.
Situada
no lugar do Anide,
na parroquia de Larín, ao
carón da estrada AC-552 e fronte as instalacións do Centro Hípico
Casas Novas, a Parrillada
Cabanas abría as súas
portas o 12 de setembro de 1987, pouco despois de que os seus
propietarios, Ramón Cabanas Grela
e Carmen Riveiro Golán,
puxeran punto e final á súa estadía en Suíza,
a onde emigraran, como tantos outros miles de galegos e galegas,
nos primeiros anos da década dos setenta.
Ramón,
natural do Val de Barcia de Carral, e Carmen, veciña do lugar de
Santa Locaia, na parroquia arteixá de Loureda, coñecéranse
en Soandres na romaría de Santa Marta e ennoivaron pouco antes de
que ela emigrara, en 1971, ao cantón helvétivo de Xenebra para
traballar de gobernanta nun hotel.
Dous
anos máis tarde, no 73,
Ramón e Carmen casan e, logo de darse o “si quero”, fan a maleta
da emigración para gañarse a vida en
Xenebra, onde ela seguiría facendo uns pesiños como gobernanta de
varias casas e hoteis e el traballaría de cociñeiro.
Ramón xa tiña alí
familia: un irmán e a seu padriño. Precisamente un neto
deste, Ricardo Cabanas, andando no tempo convertiríase en futbolista
profesional e disputaría con Suíza o Mundial do 2006 celebrado en
Alemania.
No
74, un ano despois de casar, Ramón e Carmen serían pais do seu
primeiro fillo, de Alfredo, un meniño que quedaría a cargo dos seus
avós maternos de Santa Locaia mentres que a parella de emigrantes
seguía traballando no país helvético.
Alfredo e Cristina, os dous fillos de Ramón e Carmen, diante da parrillada (Cristina Cabanas) |
En
1977 nacía
en Xenebra Cristina, a segunda filla do matrimonio, que tamén
quedaría baixo a custodia
de seus avos maternos de Santa Locaia ata 1986, que foi cando Ramón
e Carmen viñeron
definitivamente de Suíza e investiron os seus aforros
comprando no lugar do Anide os terreos nos que non tardarían en
edificar o seu novo domicilio, edificio no que o 12 de setembro do
ano seguinte abrirían a parrillada da que estamos a falar.
Carmen
contounos recentemente que… “eliximos Larín porque a min
sempre me gustou moito esa zona. Eu non tiña carné de conducir, nin
coche. O Anide tiña boa comunicación. Para min era unha situación
cómoda. Era unha carretera que tiña bus cada pouco tempo e por iso
me gustaba a zona".
O
don de xentes de Ramón e Carmen, sumado á boa relación
calidade-prezo das súas carnes e peixes á grella, farían que desde
o día da inauguración o negocio fora vento en popa. O 60 25 03, o
número de teléfono da Cabanas, (actualmente é o 981 606687) botaba
fume a diario…
clientes
do Polígono de Sabón, representantes comerciais, turistas,
parellas, festas familiares, ceas de amigos...
-Ramón: quería reservar unha mesa para o sábado...
-Carmen:
quería facer a comuñón da nena para
tal día… -Ramón: pensamos en facer a cea de fin de tempada do equipo cando remate a liga...
Todo
ía a pedir de boca, e nunca mellor dito, ata 1998, que foi o ano no
que faleceu Ramón. Mais, como di a canción, a vida continúa e a
Carmen non lle quedou outra que tirar cara adiante!
Sería
aí, nesa altura, cando Cristina,
a filla máis
nova do matrimonio,
iría
collendo pouco a pouco as
rendas da
Parrillada Cabanas,
negocio ao
que lle foi dando dende aquel entón o seu toque persoal cun aire
renovado. E así, Cristina sería quen de converter o negocio no
local que é hoxe, nun dos mellores sitios da contorna en relación
calidade-prezo, local que é verdadeira referencia na bisbarra e
que ofrece un menú do día moi variado, cun churrasco de auténtico
vicio e, entre
outras especialidades da casa,
uns chipiróns e un bacallau que saben a gloria bendita!
Iso si, aviso aos comensais: se queredes xantar na Parrillada Cabanas, especialmente o fin de semana, ide con tempo, xa que o local está sempre ateigado de xente… por algo será!
Ningún comentario:
Publicar un comentario