Se
viaxamos na máquina do tempo e nos remontamos a tal día como hoxe 75
anos atrás, na Coruña, o capelán Ricardo Rodríguez Dopazo bendecía o
novo estadio de Riazor antes de disputarse o partido inaugural
Deportivo-Valencia, enfrontamento que remataría con derrota local por
2-3. De seguro que, naquel 29 de outubro de 1944, ningún dos seareiros
deportivistas pensaba que Riazor sería, co andar do tempo, testemuña dos
anos máis felices dos herculinos converténdose no SuperDépor e no
EuroDépor da Champións, tempos felices que oxalá volten algún día!
Mentres
agardamos a que cheguen eses tempos, hoxe, coincidindo con este
75 aniversario de Riazor, nesta
modesta bitácora queremos lembrar a relación que o Balneario de
Arteixo tivo co R.C.Deportivo e, dalgún xeito, co propio estadio
coruñés.
Para
falar desta relación temos que facer unha nova viaxe no tempo, neste
caso ata os duros anos da Guerra Civil. Naquela hora, o fútbol
vivía un dilatado período de descanso forzoso. Na Coruña, as
actividades do R.C Deportivo reducíanse na maioría das ocasións a
organizar partidos benéficos en pro do auxilio social, Cruz
Vermella, hospitais, etc., mais con todo, e pese ás dificultades
propias de aquelas circunstancias, na tempada 1936/37 disputaríase
con todas as garantías dunha organización federativa o Campionato
Galego, en parte porque a totalidade da xeografía galega pasara de
contado ás mans dos fascistas.
Coa
Guerra no seu período máis enconado, como era lóxico, o noso
balompé decaería transitoriamente tanto na Coruña como nas outras
cidades e vilas galegas mais aínda así, coa maior parte dos
xogadores deportivistas na fronte, o R.C Deportivo atendería os seus
compromisos contando, iso sí, tan só con xogadores veteranos e con
novos valores da canteira coruñesa.
Nun
destos compromisos do equipo herculino produciríase un dos feitos
máis destacados da historia do fútbol galego: o debut, o 13 de
marzo de 1938, dun gardameta de tan só 14 anos, que en aparencia era
incapaz de soportar un balonazo. Aquel cativo non era outro que
Juanito Acuña, ao que todo o mundo coñecía co alcume de Xanetas,
un rapaz que
catro anos despois de debutar na meta deportivista, pasaría a
ser un Acuña corpulento e consagrado pola súa internacionalidade.
Co tempo, Acuña convertiríase no mellor porteiro da posguerra
defendendo a portería do equipo herculino durante 17 tempadas.
A
finais de 1939, o 3 de decembro, daba comezo a primeira Liga trala
Guerra. O Deportivo quedara encadrado xunto co Avilés, Oriamendi de
Baracaldo, Salamanca, Racing de Ferrol, Valladolid, Sporting de Xixón
e Torrelavega no Grupo 1º da Segunda División, unha categoría que
variara ostensiblemente por mor do estado no que quedara España
despois da Guerra Civil e, tamén, pola economía da maioría dos
clubes. Foi por iso polo que se implantaría un sistema de 5 grupos,
previo a unha reestructuración que volvería á situación anterior. O
sistema establecía que os cinco líderes de cada grupo xogasen
unha liguilla final, na que o campión ascendería directamente e o
segundo xogaríase o ascenso nunha promoción cun equipo de Primeira
División.
Aquela competición pasaría á historia por ser, con 40
clubes, a de maior participación de equipos en Segunda División. O
Deportivo, tras gañar todos os partidos de Riazor, quedaría campión
do seu grupo empatado a 22 puntos co segundo clasificado, o Racing de
Ferrol, polo que se disputaría o ascenso cos outros catros
respectivos líderes no chamado Torneo de Campeones de Segunda:
Real Sociedad, Cádiz, Levante e Murcia.
A
raíz deste devandito Torneo de Campeones de Segunda, o clube
deportivista optaría por apartar do mundanal ruído da cidade aos
seus fútbolistas e decide concentralos no Balneario de Arteixo
ante o temor e sospeita de que algúns deles levara unha vida
pouco ordenada, como así describían os medios da época en abril de
1940:
“Es
realmente lamentable -nos decía anteayer un conspícuo deportivista-
que haya habido necesidad de adoptar con nuestros jugadores esa
medida de previsión que los pondrá a cubierto, en lo que resta de
temporada, de peligrosas tentaciones. Algunos no se cuidan como están
obligados a hacerlo, pero la vergüenza de la reclusión como remedio
para un estado de cosas que ya estaba haciéndose intolerable y
perjudicial para el mayor rendimiento del conjunto, recae un poco
sobre la mayoría de los que lo integran aunque los aficionados sepan
concretamente quienes llevaban una vida ordenada y quienes olvidaban
las obligaciones y sacrificios a que tiene que someterse un
deportista”. (La Voz de Galicia,
11 de abril de 1940)
Era
a primeira vez que o recinto termal arteixán tiña hóspedes
deportivos. Ata aquel entón, la creme de la creme da
sociedade herculina como as familias Miranda, Puga, Santos, Bescansa,
Cuevas y Salorio, Obanza ou Molina foran algúns dos seus afamadaos
clientes.
Segundo
as investigacións do doutor Pedro María Rubio, sábese que cara
mediados do século XIX a propiedade do Balneario era compartida por
cinco particulares. Un deles era o banqueiro madrileño Angel Henry,
que chegara a Arteixo en 1853 e que, segundo apunta Rubio, fora quen
de abrir no seu establecemento “un salón de sociedad
decentemente adornado, con periódicos, juegos permitidos y un
piano”, convertendo ás
instalacións termais no epicentro da vida social da vila do Bolaños.
Ademais, Henry arranxara o local para fonda, amoblando as
habitacións, e tamén amañara unha gran horta para dedicala a
xardíns e a paseos, unha horta que case cen anos despois, e
retomando de novo o mundo do fútbol, convertiríase no terreo de
xogo do Penouqueira, o mesmo campo onde o R.C.
Deportivo da Coruña realizaría, naquela primavera de 1940, as
sesións preparatorias co fin de acadar o ascenso á Primeira
División.
Nos
seus trinta e tantos anos de existencia que contaba naquela hora o
cadro herculino, xamais estivera nunha situación tan especial e
trascendental para o seu porvir como a vivida naqueles días. Era,
como dicimos, a primeira vez que os branquiazuis se concentraban no
hotel do Balneario, que abrira as súas portas excepcionalmente para
acoller ao equipo deportivista, polo que tamén era a primeira vez
que a rapazada de Arteixo poidera ver a algúns dos seus ídolos a
carón das súas casas. Durante aqueles días, segundo declaraba o
centrocampista Cela diante dos xornalistas, non habería lugar para o
aburrimento. Levantábanse ás oito para almorzar ás nove e, ás
dez, saían arreando a escalar os montes da Penouqueira ou de Subico
cando non ían de paseo ata os areais de Alba, no Rañal, ou o de
Barrañán, para voltar ao recinto termal a unha da tarde para
xantar. Logo sesta de un par de horas e a tarde adestramentos no
campo do Balneario ata as sete. A continuación pequenos paseos pola
vila, cea, uns minutos de faladoiro ou de xogos de naipes e ás dez
na cama. Ese sería o réxime levado a cabo durante as concentracións
realizadas en Arteixo con motivo deste Torneo de Campeones de
Segunda, un torneo no que finalmente o R.C. Deportivo ocuparía o
segundo lugar, empatado a puntos co Murcia e o Cádiz, posto inútil
a efectos de ascenso automático que lle correspondía xa que, nunha
cacicada da Federación, o Oviedo tiña reservado un posto na
Primeira. Mais o Deportivo, ao quedar segundo nesta liguilla,
gañárase o dereito a xogar a promoción onde o Celta de Vigo, 10º
en Primeira División, sería o seu rival. O partido contra o cadro
olívico tería lugar no estadio de Chamartín de Madrid o 15 de maio
de 1940 e os herculinos, cun once formado por Acuña; Novo, Pedrito;
Cela, Antoñito, Quintas; Couso, Guimeráns, Pintos, Chacho e Chao,
perderían por 1-0 aquel choque fratricida que, por certo, fora o
primeiro partido que radiaba o popular locutor Enrique Mariñas, con
quen toda Galicia estivera pendente apaixoadamente da súa
tranmisión radiofónica. O Deportivo seguía un ano máis en Segunda
.
Un
mes despois, o 9 de xuño, na
Coruña
xogábase a primeira xornada do primeiro campionato
federado da Liga da Capital que,
ante a numerosa demanda de novos clubes para entrar nel, non tardaría
en estructurarse en Primeira e Segunda División. Paralelamente, pola
zona de Oleiros, Culleredo e Cambre reanudaríase
o Campeonato
das Aldeas
que,
en novembro deste 1940, pasaría a chamarse Campeonato
das Mariñas.
Nestos dous torneos federados iríanse formando algúns dos xogadores
que, nalgúns casos, acabarían fichando en clubes da Serie A
Rexional, como o Brigantium de Betanzos ou o Bergantiños de
Carballo. Outros, os menos, acabarían nutrindo ao Fabril e ao
Juvenil e, previo paso por estos dous filiais do R.C. Deportivo,
varios deles darían o salto ao primeiro equipo herculino que, ao
remate da tempada 1940/41, logo de vencer nunha angustiosa promoción
ao Murcia, vería realizada a súa aspiración de formar parte da
elite do balompé estatal ao acadar, por primeira vez na súa
historia, o tan
ansiado ascenso á
Primeira División.
Durante
as tempadas 41/42, 42/43 e 43/44, nas que o equipo deportivista é
respectivamente 4º, 9º e 12º na máxima categoría do fútbol
español, a veciñanza de Arteixo non tería a sorte, como acontecera
en 1940, de ver aos futbolistas branquiazuis na súa vila pois, as
poucas concentracións que os herculinos realizaran fora da Coruña durante aquel período, faríanas en Pontedeume e en
Guitiriz.
Mais
o Deportivo voltaría a concentrarse de novo no Balneario arteixán
na tempada 1944/45 cando xoga, na derradeira semana de outubro de
1944, o partido da 6ª xornada da Liga contra o Valencia,
enfrontamento do que famos ao inicio desta crónica co que se
inauguraría o novo estadio de Riazor, que se empezara a construir ao
pouco de rematar a Guerra Civil.
Ata
daquela, tras os primeiros anos da praza de touros e do Corralón da
Gaiteira, o equipo deportivista xogara os seus partidos no vello
Riazor, inaugurado o 26 de maio de 1909 cun partido amigable contra o
Fortuna de Vigo. Naquel primeiro estadio, situado onde hoxe está o
colexio das Escravas, case a beira do mar, o Deportivo recibiría a
visita da selección de Uruguai (1924), eliminaría na Copa ao Real
Madrid (1932) e lograría o seu primeiro ascenso (1941), un recinto
no que collían 6.000 espectadores comodamente sentados e o dobre de
pé, e por riba, a amplitude dos terreos permitira que a actividade
non se limitase ao fútbol, polo que se fora convertendo no viveiro
das numerosas seccións que durante moito tempo tivera a entidade
deportivista. Ese vello Riazor acollería as evolucións dos Otero,
Ramón González, Chacho, Acuña e compañía durante trinta e cinco
anos ata que o novo Riazor, moi próximo ao anterior, abría as súas
portas con aquel partido de Liga Deportivo-Valencia principiando unha
nova era dentro do seno deportivista na que vería xogar sobre o seu
céspede, ata que se acometera a remodelación con motivo do
Mundial-82, á Orquesta Canaro da tempada 49/50 coa que os herculinos
quedarían subcampións de Liga, a Arsenio, Luis Suárez, Amancio,
Veloso…
Imaxe do estadio de Riazor pouco despois da súa inauguración en 1944 |
Con
motivo dese partido inaugural Deportivo-Valencia, o adestrador
deportivista daquela hora, Ramón Lafuente, decidira concentrar aos
seus pupilos no Balneario de Arteixo durante aquela derradeira semana
de outubro de 1944. Segundo as crónicas da época, nas que os
xornalistas herculinos empezaban a dar as súas queixas ante a
imposibilidade de comunicacarse telefonicamente co recinto termal,
as actividades dos futbolistas do Deportivo, a parte dos
adestramentos de rigor no campo do Balneario, foran principalmente
paseos alternos ata Barrañán e O Rañal e, nas horas de lecer,
lectura, mus e dominó. Tras
pasar toda a semana en Arteixo, o 29 de outubro chega o enfrontamento
co Valencia, o primeiro partido oficial do novo estadio, un recinto
que non estaba totalmente rematado, xa que aínda se ultimaba
a grada elevada sobre a preferencia, e que costara cinco millóns das
antigas pesetas. O promotor da obra fora o daquela alcalde da cidade
José Perez Ardá, que seguira os consellos de Ramón de Llano,
persoeiro que todos os días que saía do vello campo, miraba para o
fondal que estaba en fronte e pensaba: “Qué gran estadio se
podería construir aquí”.
Aquel
día, El Ideal Gallego titulaba: “Riazor es el único
estadio del mundo en el que todos los espectadores tienen derecho a
estar sentados”. A asistencia do público naquel primeiro
partido calcúlase nuns vinte mil seareiros e fai o saque da honra
Virgilio Rodriguez Rincón, único supervivinte do primeiro equipo
que tivera o Deportivo e que, casualmente, tamén fixera o saque da
honra cando fora inaugurado en 1909 o vello Riazor. Finalmente e tras
un disputadísmo partido, o resultado sería desfavorable para os
herculinos, que perderían por 2-3. O valencianista Hernández
pasaría á historia por marcar o primeiro tanto no novo Riazor e o
dianteiro centro local Paquirri sería o autor do primeiro gol
deportivista. Nos seguintes partidos como local confírmase o
“meigallo” do novo estadio: 1-2 co Barcelona; 1-1 co Castellón;
1-2 co Athletic de Bilbao; 2-2 co Sporting de Xixón. Os aficionados
comezan a botarlle as culpas da mala marcha do equipo ao novo e
flamante recinto deportivista. Dicíase, con razón, que as
localidades quedaban moi distantes, especialmente as populares “grada
de pé” e “Marathón”. O caso é que o Deportivo camiña en
picado cara a Segunda División.
Na
semana previa á disputa dun destes partidos, o do F.C. Barcelona, os
herculinos concentraríanse de novo no Balneario arteixán. Fora
durante os últimos días do mes de novembro de 1944, e unha vez mais
os xornalistas volvían a amosar o seu desencanto pola falla de
teléfono no hotel:
”Arteijo
no contesta. Los deportivistas concentrados en Arteijo guardan
absoluto mutismo, indicio de que la cura de reposo se desliza
sin novedad. A pocos kilómetros de La Coruña, están de nosotros
tan incomunicados como si se hallasen en la cúspide del Himalaya. No
cuenta Arteijo ni con un teléfono, por lo que nos encontramos en la
imposibilidad de dar al aficionado la impresión de última hora”
(El Ideal Gallego, 26
de novembro de 1944).
Esa
sería, naquel campionato ligueiro, a última vez que o Deportivo utilizaría as
instalacións dos Baños arteixáns como equipo de Primeira División
pois, finalmente, descendería ao remate desta tempada 44/45 á
Segunda, categoría na que só botaría unha tempada.
Mais
os arteixáns non tardarían moito tempo en ter unha nova
oportunidade para ver a futbolistas de primeira fila ao carón das
súas casas pois, en maio de 1945, con motivo da inauguración
oficial do estadio de Riazor, xógase na Coruña o partido amigable
España-Portugal e a selección española concentraríase no
Balneario arteixán durante os días previos a ese partido
internacional. Curiosamente, o recinto termal ía outra vez “collido
da man” do novo estadio da cidade herculina e, para historia, queda
o seu casual protagonismo nos dous partidos inaugurais do novo
Riazor, primeiro coa concentración do Deportivo naquel partido co
Valencia e agora coa estadía do once español na inauguración
oficial.
O
Deportivo continuaría utilizando o recinto termal ao longo dos anos
40. Posteriormente, despois dun longo período sen facelo, voltaría
a ser lugar de concentración na década dos 70 con Arsenio Iglesias
no banquillo, máis esta xa é outra historia da que falaremos polo
miúdo noutra ocasión!
Ningún comentario:
Publicar un comentario