domingo, 31 de maio de 2015

LEMBRANZAS DAS "FILLAS DE MARÍA"

     Maio, mes das flores, tradición mariana, a asociación das "Fillas de María" honra a Virxe nestas datas con diversos actos sociais e relixiosos, como veñen facendo desde o ano 1875. Según contan os membros máis antigos, dita entidade foi fundada pola mestra dona Pepita, esposa de don Olegario de la Riega, médico de Arteixo.

     Naquel entón, a citada asociación -composta polas nenas e mozas solteiras do pobo- ademais doutras tarefas sociais como a visita a enfermos, subsistía interpretando as composicións de don Constantino -o compositor dos cantos musicais das "Fillas de María"- durante o mes de maio e tamén con obras de teatro adicadas á Virxe María, nas que nos descansos rifábanse dous reloxos, un de muller e outro de home.

     Cos beneficios obtidos, a asociación mercou unha imaxe da Purísima Concepción, un estandarte, candelabros, floreiros e manteis para a igrexa, un harmonio e medallas marianas como distintivo para as súas integranrtes.

     A labor relixiosa chegaba ao seu máximo esplendor no último domingo de maio coa ofrenda floral que facían os representantes das trece parroquias que compoñen o concello de Arteixo.

     Estes traballos seguiríanse facendo coa sucesora na presidencia da asociación, dona Encarnación González Mes -40 anos ao fronte das "Fillas de María"-, quen levaría a cabo a chamada "Feira dos Vales", consistente en regalar cada domingo aos nenos e nenas asistentes á catequese parroquial un vale que despois canxeaban por xoguetes, adquiridos polas "Fillas de María" e expostos a modo de tómbola.

                                                Encarnación González en 1973

     Falecida dona Encarnación, nos primeiros tempos da posterior presidenta, dona Julia Mosquera Calvete, "Julita", seguiuse con parte da labor que se facía antano: no mes de decembro, a novena adicada á Purísima Concepción e, no mes de maio, o exercicio das Flores, poesías e cánticos á Virxe así como procesións no último domingo deste mes, no que aparecían con flores os lugares do pobo por onde pasaba a imaxe venerada.

     O derradeiro domingo de maio completábase co paseo vespertino pola alameda, hoxe o Balneario, das mozas do concello, lucindo as súas mellores galas para asistir á verbena popular na que se escollía á "Mis Flor".

                                 Imaxe da pista do Balneario en 1953 (Ana del Río)

     Estas tradicións relixiosas e populares iríanse perdendo na súa maioría, tradicións que forman parte da esencia da vida da nosa vila e que son unha mágoa que se esquezan ao non rexurdilas en todos os sensos.

     Fagamos pois, que o último domingo de maio sexa como antes, "o día das Flores", a primeira festa da primavera.

(o meu agradecemento a unha antiga "Filla de María)




venres, 29 de maio de 2015

A FESTA DAS FLORES


     Na festa das Flores de Arteixo xúntanse varios tipos de manifestacións: por un lado están as lúdicas protagonizadas polos nenos e que representan o cume primaveral, por outro as vencelladas coa gandería e finalmente as prácticas cristiáns onde se favorece especialmente á Virxe María, raíña e dona do mes de Maio.

     O último domingo de Maio prefírese, entre todos os do ano, para que as nenas e nenos arteixáns celebren a súa primeira comunión. Ese día participan activamente nunha procesión que transcurre por un camiño cheo de arcos de flores. E non remata aquí a colaboración dos máis pequenos. Ao rematar a misa súbense a unhas mesas colocadas fronte a Virxe, onde recitan poesías e representan parodias nas que contan o proceso da recollida das flores ou das ofrendas.

     A festa relixiosa das flores dedícase por completo, durante todo o mes de Maio, á Virxe María. Nos primeiros días do mes, a Virxe colócase nun altar rodeada de moitas flores e, a partir de aí, todos os días despois da misa dedícanselle oracións. Non se pode falar da festa das Flores sen mencionar ás "Fillas de María", todas mozas solteiras. Teñen un estandarte de cor azul celeste cunha imaxe da Virxe no centro e o pau que o sostén ten forma de cruz. As "Fillas de María" confeccionan un mural de flores que pon "Ave María" e que colocan na entrada da igrexa. Tamén fan os arcos de flores: a partir duns arcos de madeira, recúbrenos de hedras e logo vanlle colocando as flores enriba. E non pode faltar a súa axuda aos nenos para compoñer as poesías e parodias.

  
      É de destacar que cando morre unha das "Fillas de María" levan o seu estandarte ao enterro.

     Os animais tamén xogan o seu papel nesta festa porque son outorgados polos nenos como ofrenda á Virxe, ao mesmo tempo que lle recitan a súa poesía.

     Pero o que mellor recordamos "os máis novos" son os bailes da festa das Flores no Balneario. Ese día elexíase "Mis Flor" entre as mozas da verbena. A súa coroación era cunha flor e un broche. E viña especialmente como presentador un importante e coñecido locutor de radio. Pero a festa non remataba aquí. Prolongábase con verbenas durante todo o verán e viña moita xente porque tiña moita sona. Festa rachada!



(relato publicado no Boletín Informativo Municipal por Carme, a de "Cóntame un conto")




mércores, 27 de maio de 2015

A FESTA DOS MAIOS

"Este mes de maio
é o das flores,
cando os paxariños
ven aos seus amores"


     Maio maiolo, maio todo, que os romanos tiñan baixo a advocación de Maia, a santa que se preocupaba de que a vexetación medrase, á que tomaba o relevo de Flora, e sería por ela que xa vemos os campos plenamente florecidos, e onde a flor se perde xa cando o froito apunta. Xa hai cereixas e os toxais medraron en todas as abas montesías. Polos camiños da terra o verde dos campos tínxese de amarelo e semella que outra luz máis viva nos invade, sen embargo, atentos ao refrán: maio tamén é medio tolo.

     Estamos nun mes onde o santoral falanos da floración, de esperanza, da forza da vida, e aínda que o refraneiro dinos que " a choiva de maio é a mexadiña dun rato", haberá que ver o rato, porqué tamén dise que "en maio aínda bebe o boi no prado", ou que "maio chuvioso, verán caluroso", e como nunca chove a gusto de todos tamén o "maio ventoso para o labrador fermoso e para o mariñeiro desastroso". Sen esquecer que "en maio aínda a vella queima o tallo". Refráns que nos advirten para que non deamos por feito que o verán xa está aí, ás portas ou para que non nos enganen as horas do sol.

Nenos da escola da Lagoa, diante do maio co que gañaron o concurso de maios en 2013

      En fin, que estamos nun mes de días longos e de moita luz, por iso os pobos celtas, que só tiñan dúas estacións, facían coincidir co primeiro de maio a Belteine, a festa da luz, ou a entrada do verán, en que se adornaban as casas con flores e acendíanse grandes fogueiras nos outeiros, arredor das que se danzaba seguindo o sentido do movemento do sol (de esquerda a dereita e mirando ao sur). E nós atopamos o significado deste festexo, coa festa dos Maios, que enchen as vilas galegas de adornos florais, e coa enxebre tradición que se está a recuperar en Arteixo dende hai uns anos, os nosos centros educativos, colectivos veciñais e asociacións expoñen, o derradeiro fin de semana deste quinto mes do ano, os seus traballos na Avenida do Balneario. Así que este sábado e domingo xa sabedes...

                                             Xuntando flores para facer un maio



(O texto é de Francisco A.Vidal, publicado no seu blogue "Os Chanzos" baixo o título"Maio Maiolo")


venres, 22 de maio de 2015

ORIXE DAS FESTAS NA HONRA DO ESPÍRITU SANTO EN UXES

   
     As testemuñas históricas existentes na parroquia de Morás só fan referencia á capela de Uxes no referente ao lugar onde se atopa, as súas dimensións e a data da súa construcción: século XIX. Dende entón ata agora, tanto o seu pasado coma a orixe das festas na honra do Espíritu Santo só sobreviven nas faladurías e nas lembranzas da xente, nas verbas que transmitiron os avós aos seus netos e netas de Uxes e dos arredores, netos e netas que hoxe teñen máis de setenta primaveras.

      As lembranzas comezan cando a cantidade de automóbiles aínda non xustificaba o asfalto das estradas, e os pobos estaban cheos de corredoiras polas que pasaban as vacas. Nun deses lugares, no chamado "camiño das montañesas", nunha zona entre Orro e a Zapateira -en dirección a Meirama- existiu unha capela dedicada ao Espíritu Santo, da que só se atopan unhas pedras hoxe en día.

     A imaxe desa capela levaríase a Uxes, onde ata ese intre San Bartolomé era o santo do lugar. Ocorrera que a imaxe do dito santo levárona ou roubárona e, no seu lugar, foi posta a do Espíritu Santo. Sobre da viaxe ata Uxes di unha lenda que, cando pararon para repousar nunha fonte, a súa auga fíxolles coller azos para proseguir, fonte que sería bautizada como a do Espíritu Santo.

                                           Capela de Uxes

     Case dende os primeiros anos comezou a facerse unha romaría na Pascua de Pentecostés, celebración que duraba todo o día do luns e na que as mañáns dedicábanse á misa, as tardes á comida e á merenda e, as noites á festa. A xente viña de sitios coma Meirama, Cerceda, Boedo, A Coruña e, por suposto, do Concello de Arteixo. Entón o normal era andar e, coa chegada do tren, aumentaría o número de persoas que se achegaban a Uxes a cantar e bailar, e algúns din que a buscar pelexa pois, parece ser, que polas noites había algunhas liortas.

     Nos anos 30 e 40 a romaría seguíu coa súa boa marcha, mais na década dos 60 baixaría o número de afluencia. As datas da festa trocáronse para a fin de semana e a romaría comezou a morrer como tal, manténdose a verbena e, por suposto, a misa de honra. Din que a culpa foi do cura da parroquia das Encrobas, en Meirama, porque alí tamén puxeron unha imaxe do Santo e quedaba máis preto para moita xente.

     A finais dos 60 tentouse recuperar a tradición dos primeiros anos mais non chamou a atención da xente. Diversas comisión seguiron coas festas e, posteriormente, a Asociación de Veciños sería a encargada de organizala. Aló, no tempo, ficaron os vellos costumes coma ficaron as grandes extensións de campos (algúns deles -como o que aparece no artigo da Voz de novembro de 1925- eran propiedade da familia Rivera, os donos da Estrella Galicia). Mais aínda queda xente para lembrarnos como eran as cousas, ou as dúas imaxes que se conservan na capela: a máis nova, mercada no seu momento, e a orixinal, con Xesús sostendo na man esquerda unha cruz e coa man dereita alzada, coa pomba que simboliza ao Espíritu Santo enriba da súa cabeza...o recordo do pobo é o recordo da honra dunha festa. A festa mudou pero mantense viva.

                                                     La Voz, 20.11.1925



(relato publicado no Boletín Informativo Municipal por Santiago Sande Mañana)


martes, 19 de maio de 2015

O PRIMEIRO DOCUMENTO OFICIAL DO CONCELLO DE ARTEIXO

     A falla de estudios históricos sobre o Concello de Arteixo é case total. Aínda que existen referencias sobre o tema é necesario facer estudios sistemáticos, ou parciais, sobre diversos aspectos históricos pois o esplendorosos pasado do noso concello abofé que merece, neste sentido, unha revisión a fondo.

     Unha fonte primordial para a realización de estudios históricos é a documentación custodiada no Arquivo Municipal, que ofrece posibilidades inmensas para investigar a nosa historia. Entre esa documentación, descrita a través do inventario no que se recollen as diferentes series, atópase o primeiro documento escrito dende o Concello, unha acta de Pleno de 1837.

     Como concello constitucional, o de Arteixo aparece creado a partires de comezos do século XIX e, como apunta Fariña Jamardo na súa obra "Os Concellos Galegos", Arteixo aparece nomeado na relación. Entón había seis concellos no partido xudicial da Coruña e Arteixo era o cuarto en importancia.

     O noso bibliotecario municipal, José Luis Alonso Torreiro, afirma que o que si se coñece de forma definitiva é que o Concello de Arteixo, como termo municipal actual, data da modificación definitiva feita pola Deputación en 1836, publicada no Diario Oficial da Provincia (número 140) dese mesmo ano, no mes de xuño. O número de parroquias e o seu nome é o mesmo que hoxe.

     Primordial para o coñecemento da vida municipal son as actas dos plenos, que as podemos consultar no Arquivo Municipal dende o ano 1837.

     O 12 de xaneiro de 1837 recóllese a primeira acta escrita que consta, ademais dun preámbulo escrito posteriormente (o 25 do mesmo mes), no que se explican os deberes do Concello e as competencias que ten o Goberno Municipal.

    
A corporación nese momento está formada polo alcalde-presidente, Juan Antonio de Souto (nado no lugar de Figueiroa en 1780); o 2º alcalde Francisco Paulos; oito rexedores: 1º Manuel Naya, 2º José González, 3º Juan de la Fuente, 4º Juan de Naya, 5º José Ramos, 6º Pedro Felipez, 7º José Méndez e 8º Silbestre Martínez; dous procuradores síndicos: 1º Ventura Pan (irmán de Antón Pan, o padriño de Murguía e devanceiro do que escribe) e 2º Manuel Loureyro; e un alguacil. Na primeira sesión acórdase dar lectura aos boletíns da provincia, que se reciben dous días á semana, e realizar os Plenos os domingos entre as 9 e as 10 da mañá.

     No preámbulo do que falábamos anteriormente, aparecen unha serie de normativas e as competencias municipais según as leis da monarquía. Practicamente aparecen as competencias que teñen hoxe os concellos como policía urbán, administración de caudais públicos, repartimento e recadación de impostos, cuidado de escolas primarias, de hospitais e establecementos de beneficiencia, cuidado e construccións de camiños, promoción do agro, industria e comercio..., o alcalde ten, nestes momentos, a facultade de administrar xuicios verbais, unha especie de xuíz de paz actual. Neste sentido a normativa dicía que o alcalde debe "...hacer que las partes se transijan y no se desgasten".

FONTES:
-"O primeiro documento oficial do Concello de Arteixo", artigo publicado polo bibliotecario municipal J. Luis Alonso, no Boletín Informativo Municipal.
-"Manuel Murguía e Arteixo". Henrique Rabuñal (coordenador). Espiral Maior, 2000.
-"Os alcaldes de Arteixo". M. Blanco


mércores, 6 de maio de 2015

O FORNO DO PAN

"Onde hai pan sempre hai fartura"

     O forno era o elemento principal das vivendas dos nosos devanceiros xa que del dependía a elaboración do pan para o sustento da familia. Consistía nun pequeno recinto pechado en forma de capela, construído con lousas de pedras coñecidas como hucheiras, e que remataba en forma de cúpula. O piso forrado de lousas era o sollo e a porta, de forma rectangular cun saínte en forma de mesa, chamábase tendal. Debaixo do forno había un espazo aberto, a fornalleira, que era donde se almacenaba a borralla. Todo iso quedaba rematado pola parte externa da vivenda cun muro circular forrado de barro e cuberto con lousas planas coñecidas como capoeiras. Na maioría dos casos a porta do forno daba á cociña, mais tamén había casos nos que o forno estaba no exterior da vivenda.

                                   Restos dun forno exterior nunha casa do Rañal (Arteixo)

      Para quentar o forno empregábase madeira de breixo, xesta, toxo...e durante a preparación do lume, e a fin de que se quentasen uniformemente as lousas, utilizábase un varal bastante longo chamado barriscadoiro. Logo, metíase leña ata acadar a temperatura desexada para enfornar, que era cando as pedras interiores pasaban dunha cor negra a amosar unhas manchas branquiñas (os frades). Unha vez quente, limpiábase o interior da cámara, primeiro co rodo, que era unha peza semicircular de forma triangular cun mango longo e, de seguido barríase cunha escoba de xesta chamada barredoira.

     Preparada a masa para facer o pan, facíanse tres cruces sobre ela mentres se dicía:

Por San Mamede que levede
Que San Xoan faga de ti bo pan
E Santa Mariña boa fariña

A continuación realizábase o enfornado. Antigamente, mentres se introducía a masa, bendicíase esta varias veces coa pá mentres se rezaba unha oración tal como:

Medre o pan no forno
e a gracia de Deus no mundo todo
para ricos e pobres
e pros labradores
e morran os malfeitores
coa gracia de Deus
e da Virxe María
un Painoso
e un Avemaría

Despois pechábase a porta para a coción, sellándoa con barro ou cunha pasta de auga e bosta, a mesma pasta que, curiosamente, tanto nos chama a atención cando lla vemos elaborar ás tribus africanas nos programas que emite La 2 (se cadra pola nosa desmemoria).

     Algunhas das ferramentas que se utilizaban no forno eran a galla, a forcada, a basoira de xestas, o rodo, o barredoiro, a pá de ferro, a pá de madeira...

                                         Ferramentas auxiliares do forno



FONTES:
-A cultura tradicional galega desaparecida. Antonio Rodriguez Cabanas
-Columba, Revista Cultural nº 14
-El Ayuntamiento de Dumbría; historia, tradiciones y costumbres. Modesto García Quintáns