O PALEOLÍTICO
O paleolítico é o período máis antigo da historia da humanidade, que se sitúa cronoloxicamente desde o momento da aparición do home ata hai algo menos de 10.000 anos. Etimoloxicamente, paleolítico significa a idade da pedra máis antiga; é dicir, a dos instrumentos de pedra tallada. Dentro do paleolítico os arqueólogos establecen tres etapas: inferior, media e superior, ordenadas de maior a menor antigüidade.
Non se sabe con precisión cando o home fixo a súa aparición por primeira vez no territorio galego; máis, non hai dúbida de que polo menos a súa antigüidade é superior aos 150.000 anos. Noutros puntos da península Ibérica parece estar demostrada a presenza humana hai 700 ou 800.000 anos.
Se non é doado dictaminar cando principiou a estar poboada por seres humanos o que hoxe é Galiza, máis dificil é facelo non territorio máis reducido como é Arteixo. Sen saír do campo da conxectura, é probable que no noso concello houbera xa presencia humana no paleolítico inferior, fai agora entre 100.000 e 500.000 anos.
Tal posibilidade ven dada pola aparición no lugar da Rocheira, na parroquia de Loureda, dunha pedra de cuarcita, con aspecto de ser tallada e retocada pola man humana, coa técnica á que na literatura especializada denomínase clactoniense, termo acuñado ao ser estudiada por vez primeira no xacemento británico de Clacton-on-Sea.
Lugar da Rocheira (Loureda)
A lasca en cuestión atopouna, na superficie dun vello camiño da Rocheira, o investigador Luis Monteagudo, que daría a coñecer o seu descubremento na revista Cuadernos de Estudios Gallegos en 1947. Mais sen o menor ánimo de poñer en dúbida a correcta clasificación da peza e a súa atribución ao paleolítico inferior, non deixa de ser certo que un gran non fai graneiro polo que, ao non estar documentado ningún xacemento da época na nosa zona, poucas son as conclusións que deste achado descontextualizado podemos extraer.
As condicións ambientais de Galiza non eran obviamente as mesmas que na actualidade. Durante o paleolítico houbo varios períodos fríos, seguidos doutros (fases interglaciares) caracterizados por un clima temperado. Conta Xulio Carballo Arceo no seu traballo Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado, que no transcurso dos períodos fríos os glaciares ocupaban unha parte importante do territorio. A totalidade das serras orientais e meridionais (Os Ancares, O Courel, O Eixe, Queixa, Xurés), así como as centrais (Xistral, Faro de Chantada, Faro de Avión), posuían neves perpetuas nas súas partes máis elevadas (por riba dos 700 m) e que, como consecuencia das diferentes fases climáticas que sufriu o paleolítico, producíronse grandes cambios na vexetación, no relevo e na liña costeira, que darían pé a que os grupos humanos se tiveran que adaptar a eses diferentes medios naturais, moi distintos ao presente.
O home paleolítico caracterízase polo seu nomadismo, debido a que necesitaba dunha certa mobilidade para abastecerse de alimento e materia prima. É por esa razón que os seus campamentos eran provisionais ou estacionais, polo que é máis que probable que a machada que Monteagudo atopou na Rocheira en 1947 pertencera a algunha pequena banda recolectora e cazadora que practicaba a depredación dos recursos naturais pola que hoxe é o noso concello.
Machada que Monteagudo atopou na Rocheira
FONTES:
-Cuadernos de Estudios Gallegos de 1947; Luis Monteagudo
-Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado; Xulio Carballo Arceo
-El golfo Ártabro; Juan L. Naveiro López
-La Coruña antes de Roma; José Má Bello
A INSCRICION MEDIEVAL DA IGREXA DE ARMENTÓN
Na parte exterior do muro absidal da igrexa parroquial de San Pedro de Armentón hai unha pedra que chama poderosamente a atención e que non pasa desapercibida para ninguén que visite o templo.
Imaxinanos que este pequeno tesouriño foi, con certeza, motivo de debate nos xantares e nos faladoiros que organizaba Manuel Mª Puga Parga, 'Picadillo' (1874-1918) no seu pazo de Anzobre, un dos centros neurálxicos da cultura galega da época.
A pedra en cuestión ten unha inscrición, que aparece así:
Non é difícil percibir que a pedra está invertida e que a posición correcta é esta:
O prezado e admirado Francisco Antonio Vidal, o escritor que lle da nome á biblioteca de Froxel, xa ten falado nalgunha ocasión sobre a devandita inscrición no seu magnífico blogue “Os chanzos: viaxe dos fastos ós festexos” (https://oschanzos.blogspot.com/), un espazo rico e ameno de achegas de temática cultural galega que vos recomendamos visitar.
Outra das persoas que estudou o gravado foi o profesor Montero Santalha, quen, no número XX da revista Nalgures, apunta que todo parece indicar que o que podemos ler na pedra é un fragmento dunha inscrición máis longa. Tamén comenta que é moi posible que o resto da inscrición se encontre en algunha outra pedra, aproveitada en calquera outro punto da igrexa e que probablemente inclúe a parte final dunha datación e o nome dun presbítero.
Na inscrición que está a vista na fachada posterior da igrexa de Armentón lemos:
xuiª. E9.P.tR
Supoñendo que se trata dun pequeno fragmento dunha inscrición máis longa, non é absolutamente segura a súa interpretación en todo o seu alcance, mais segundo Montero Santalla podemos interpretala así:
[Era ...] XVIª. E[r]us presbyter
Probablemente a inscrición facía referencia a construción da igrexa de Armentón, na época medieval. Nas nosas igrexas son abundantes as inscricións deste xénero referentes á fundación, construción ou reconstrución de edificios relixiosos. Normalmente indican a data e con frecuencia tamén o responsable ou promotor da obra.
Polo feito de estar en latín, debemos supoñer que o gravado procede dos séculos X-XIII, cando aínda o latín era o idioma habitual da escrita (a pesar de non ser a lingua falada pola xente).
É obvio que a pedra coa inscrición está recolocada fora do seu lugar orixinario e sería aproveitada dunha localización anterior na mesma igrexa, algo que acontecía con relativa frecuencia. Segundo o profesor Montero Santalha, cando se remodelaron moitos templos medievais de estilo románico, especialmente ao longo do século XVIII, as partes que se modificaron preferentemente foron a fachada, as portas laterais e as xanelas, co fin de realizar algunha ampliación do espazo, alargar as entradas e as xanelas para conseguir unha mellor iluminación e reforzar os muros da fachada para construir sobre ela unha torre para os sinos. Neses puntos remodelados era onde se encontraban preferentemente as inscricións relativas á orixe, construción ou inauguración da igrexa.
Igrexa de Armentón |
As pedras falan, abofé!
FONTES:
Montero
Santalha, José Martinho (2022): A
inscrição medieval da igreja de Armentón. Revista
Nalgures,
tomo XX, pp.
347-353, https://www.estudioshistoricos.com/wp-content/uploads/2022/12/nalgures-xx.pdf
Vidal, Francisco Antonio (2013). «Unha curiosa relación entre Xúpiter e san Pedro en
Armentón», https://oschanzos.blogspot.com/2013/06/unha-relacion-entre-xupiter-e-san-pedro.htmlVidal, Francisco Antonio (2014). «Aves de luz e esperanza», https://oschanzos.blogspot.com/2014/01/aves-de-luz-e-esperanza.html
Vidal,
Francisco Antonio (2014). «San Pedro de Armentón», https://oschanzos.blogspot.com/2014/06/san-pedro-de-armenton.html
A RELACIÓN DE PORLIER CON ARTEIXO
Nado no ano 1788 en Cartaxena de Indias (Colombia), o xeneral Juan Díaz Porlier, un dos máis célebres "guerrilleiros" da chamada Guerra da Independencia (1808-1814), garda unha incógnita sobre a súa orixe paterna, xeneralmente atribuída
ao tamén Mariscal de Campo Esteban Porlier y Asteguieta, Marques de
Bajamar, razón pola cal o protagonista desta historia era coñecido
asimesmo polo alcume do "Marquesito" ou "Marquesillo", que tería o seu bautismo de fogo, como garda mariña, aos dezasete anos nunha acción tan importante como a de Trafalgar (21 de outubro de 1805). Non tardaría en pasar ao exército de terra, onde sería destinado como capitán ao reximento de Mallorca, mais ao organizarse o exército de Extremadura por mor do levantamento contra a invasión napoleónica, Porlier ascendería en 1808, aos vinte anos de idade, ao emprego de Coronel, co cal tomaría parte na tamén desgraciada batalla de Gamonal, batalla na que se encargaríase de xuntar os dispersos das tropas españolas para organizar partidas que acosaban e inquietaban as retagardas francesas por terras de Palencia, León, Asturias e Cantabria.
No mes de maio de 1811, en plena guerra contra as tropas francesas, "O Marquesito" casa aos vintetrés anos con Josefa Quipo de Llano y Ruiz de Saravia, irmá do famoso político e historiador Conde de Toreno, casamento que axudaría a encuadralo ante a opinión española da época no bando chamado "liberal".
Os anos de 1812, no que foi promulgada polas Cortes a Constitución (reunidas extraordinariamente en Cádiz o 19 de marzo, día da promulgación da "Pepa") e 1813 aportarían a Porlier novos e destacados triunfos que acrecentarían a súa popularidade de experto caudillo, entre os cales resulta, ante todo, a conquista de Santander (2 de agosto de 1812), en combinación coa frota do Comodoro inglés Sir Home Pophan, e a victoria de San Marcial (31 de agosto de 1813), que lle valería o ascenso a Mariscal de Campo.
Juan Díaz Porlier |
O ano 1814 principiaría con malos auspicios para este persoeiro. En primeiro lugar, co falecemento o 3 de xaneiro da súa filliña Juana, aos dezaoito meses. Posteriormente, unha vez rematada a Guerra da Independencia, vería incumpridas as súas demandas para a Comandancia da Costa de Cantabria e para a concesión da Orde Militar Nacional de San Fernando, á que se consideraba con sobrados méritos. Por último, ao voltar a España Fernando VII, "el Deseado", e principiar a súa reacción absolutista perseguindo aos liberais e derogando a Constitución, unhas cartas indiscretas motivarían a súa detención o 28 de maio e o seu conseguinte procesamento, en virtude do cal sería condenado á pena de confinamento por catro anos na Coruña, sendo encarcelado no castelo de San Antón na compaña da súa muller Josefa Queipo de Llano.
O gobernador do castelo trataríao coa maior deferencia e permitiríalle numerosas visitas e pasear polo adarve das murallas. Se cadra tales condescendencias deran lugar a que Porlier entrara en relación con militares e civís descontentos do goberno da "camarilla" que rodeaba a Fernando VII e que lle convidaba a exercer un despotismo severo, que descuidaba as necesidades dun exército que vivía na miseria polo atraso das pagas, chegando algúns oficiais á triste necesidade de mendigar para subsistir. Ante as moitas queixas que chegaban aos seus oidos, Porlier chegaría a concibir a idea de "pronunciarse" en favor do restablecemento da Constitución de 1812, que o monarca Borbón derogara o 4 de maio de 1814.
Con tal fin, "o Marquesito" solicitaría do Rei autorización para trasladarse ao Balneario de Arteixo para atender a súa saúde e a da súa muller. O 18 de agosto de 1815 recibiríase na Coruña a autorización solicitada, e o Capitán Xeral Felipe de Saint Marcq designa ao Capitán Castañera do reximento de Lugo para que, ao mando dun sarxento, tres cabos e doce soldados do seu Corpo custodie a Porlier durante a súa viaxe e estadía en Arteixo, que se emprende o día 20.
Finalmente, tras un novo permiso, o matrimonio Porlier Queipo e a servidume instalaríanse en Pastoriza, na casa de campo do seu amigo Andrés Rojo del Cañizal, casa que actualmente é o Restaurante Vilariza e na que permanecerían aproximadamente un mes.
Casa de Andrés Rojo del Cañizal, hoxe Restaurante Vilariza |
En Pastoriza, recibe Porlier numerosas visitas de xefes e oficiais que han de cooperar ao seu intento de rebelión, que se inicia na noite do 18 ao 19 de setembro, na que "o Marquesito" entra na Coruña pola Torre de Abaixo, ponse en relación coa súa xente e consegue sublevar ás tropas da guarnición, detendo ao Capitán Xeral e ao Gobernador Militar, proclamándose Comandante interino do Reino de Galiza.
Na madrugada do 19 comezan a aparecer persoaxes da trama que permanecían ocultos traballando polo restablecemento da Constitución. Entre eles destaca como principal Manuel de Santurio García-Sala, o que máis influirá no desenvolvemento do Pronunciamento como elaborador das proclamas que Porlier dirixe ao Concello da Coruña, á Audiencia Territorial, á Nación Española, aos soldados do exército do reino de Galiza, ao Correxidor da Coruña, e o Bando aos habitantes de esta poboación, etc...
Mais o Pronunciamento non atoparía eco nin entre os habitantes da cidade herculina, que o recibirían con indiferencia, nin entre as demais guarnicións de Galiza, excepto na de Ferrol, que se sumaría o día 20. Mais, pola contra, a de Compostela, onde se xuntaran perto de 4.000 homes de tropas regulares, financiadas polo clero e ao mando do Mariscal de Campo José Imaz, o Brigadier José Pescy e os Coroneis Antonio Alonso Ortega e José Miranda, púxose en contra.
En vista disto, Porlier determinaría saír da Coruña, para someter a Santiago, ao fronte dunha columna composta por varios batallóns de infantería e algunhas pezas de artillería. Tal columna partiría na madrugada do día 22, baixo o mando do Capitán Castañera, incorporándose a ela "o Marquesito" nas cercanías de Carral, desde donde todos proseguiron a marcha ata a alcanzar Ordes ás cinco da tarde do mesmo día.
Deixando acampadas as súas tropas, Porlier retírase a descansar con algúns oficiais a un mesón (o actual Mesón de Deus) situado a poucos metros, desde donde redactaría varios escritos, un deles dirixido a súa muller Josefa.
Aforcamento de Porlier |
Cando o Mariscal Imaz tomaba posición coas tropas da guarnición de Compostela, unha inesperada visita que se presentou nas súas liñas na medianoite do 22 ao 23 de setembro faría cambiar o rumbo da historia: era un sarxento chamado Antonio Chacón de Granadeiros de Mariña, quen lle manifestou a Imaz que él e outros dos seus compañeiros que formaban parte da columna de Porlier, subleváranse contra éste e tíñano apresado xunto aá maioría dos oficiais que o acompañaban, no mesón no que ían pasar a noite.
Unha vez comprobada a noticia, Imaz enviaría ao Coronel Miranda con dúas compañías para facerse cargo dos presos, que serían encerrados previamente na cárcere da Inquisición de Compostela e trasladados posteriormente ao castelo de San Antón e Cárcere Real da Coruña, donde Porlier sería sometido a un xuízo sumarísimo que o condenaría á pena de "degradación y muerte en la horca", que se efectuaría o 3 de outubro de 1815 no Campo da Leña.
Monumento de Porlier no Campo da Leña |
¡De xeito tan despreciable quitábase a vida ao que fora un dos heroes máis notables da loita antinapoleónica e a un dos mártires da liberdade: Juan Díaz Porlier!
FONTES:
-Juan Priego López, Coronel de Estado Mayor
-"El Marquesito Juan Díaz Porlier (1788-18159". Rodolfo G. de Barthèlemy (seudónimo)
O PRIMEIRO DOCUMENTO OFICIAL DO CONCELLO DE ARTEIXO
A falla de estudios históricos sobre o Concello de Arteixo é case total. Aínda que que existen algunhas referencias sobre o tema, é necesario facer estudios sistemáticos, ou parciais, sobre diversos aspectos históricos pois, o esplendoroso pasado do noso concello, abofé que merece unha revisión a fondo neste sentido.
Unha fonte primordial para a realización de estudios históricos é a documentación custodiada no Arquivo Municipal que ofrece posibilidades inmensas para investigar a nosa historia. Entre esa documentación, descrita a través do inventario no que se recollen as diferentes series, atópase o primeiro documento escrito dende o Concello, unha acta de Pleno de 1837.
Como concello constitucional, o de Arteixo aparece creado a partires de comezos do século XIX e, como apunta Fariña Jamardo na súa obra "Os Concellos Galegos", Arteixo aparece nomeado na relación. Entón había 6 concellos no partido xudicial da Coruña e Arteixo era o cuarto en importancia.
O noso bibliotecario municipal, José Luis Alonso Torreiro, afirma que o que si se coñece de forma definitiva é que o Concello de Arteixo, como termo municipal actual, data da modificación definitiva feita pola Deputación en 1836 publicada no Diario Oficial da Provincia (número 140) dese mesmo ano, no mes de xuño. O número de parrroquias e o seu nome é o mesmo que hoxe.
Primordial para o coñecemento da vida municipal son as actas dos Plenos do Concello que dende 1837 e, con algúns saltos, consérvanse no Arquivo Municipal. O 12 de xaneiro de 1837 recóllese a primeira acta escrita que consta, ademais, dun preámbulo escrito posteriormente (o 25 do mesmo mes), no que se explican os deberes do Concello e as competencias que ten o Goberno Municipal.
A corporación nese momento está formada polo alcalde-presidente Juan Antonio de Souto (nado no lugar de Figueiroa en 1780); o 2º alcalde, Francisco Paulos; oito rexedores: 1º, Manuel Naya; 2º, José González; 3º, Juan de la Fuente; 4º, Juan de Naya; 5º, José Ramos; 6º, Pedro Felipez; 7º, José Méndez e 8º, Silbestre Martínez; dous procuradores síndicos: 1º, Ventura Pan ( irmán de Antón Pan, o padriño de Manuel Murguía, e devanceiro do que escribe) e 2º Manuel Loureyro; e un alguacil. Na primeira sesión acórdase dar lectura aos boletíns da provincia, que se reciben dous días á semana, e realizar os Plenos os domingos entre as 9 e as 10 da mañá.
No preámbulo do que falábamos anteriormente, aparecen unha serie de normativas e as competencias municipais según as leis da monarquía. Practicamente aparecen as competencias que teñen hoxe os concellos como policía urbán, administración de caudais públicos, repartimento e recadación de impostos, cuidado de escolas primarias, de hospitais e establecementos de beneficiencia, cuidado e construccións de camiños, promoción do agro, industria e comercio..., o alcalde ten, nestes momentos, a facultade de administrar xuicios verbais, unha especie de xuiz de paz actual. Neste sentido a normativa dicía que o alcalde debe "...hacer que las partes se transijan y no se desgasten...".
FONTES:
-Artigo "O primeiro documento oficial do Concello de Arteixo", publicado no Boletín Informativo Municipal polo bibliotecario Municipal, José Luis Alonso Torreiro.
-"Manuel Murguía e Arteixo". Henrique Rabuñal (coordenador). Espiral Maior, 2000
-"Alcaldes de Arteixo". M. Blanco
LEMBRANZAS DAS "FILLAS DE MARÍA"
Maio, mes das flores, tradición mariana, a asociación das "Fillas de María" honra a Virxe nestas datas con diversos actos sociais e relixiosos, como veñen facendo desde o ano 1875. Según contan os membros máis antigos, dita entidade foi fundada pola mestra dona Pepita, esposa de don Olegario de la Riega, médico de Arteixo.
Naquel entón a citada asociación -composta polas nenas e mozas solteiras do pobo-, ademais doutras tarefas sociais como a visita a enfermos, subsistía interpretando as composicións de don Constantino (o compositor dos cantos musiciais das "Fillas de María) durante o mes de maio e tamén con obras de teatro adicadas á Virxe María, nas que nos descansos rifábanse dous reloxos, un de muller e outro de home.
Cos beneficios obtidos, a asociación mercou unha imaxe da Purísima Concepción, un estandarte, candelabros, floreiros e manteis para a igrexa, un harmonio e medallas marianas como distintivo para as súas integrantes.
A labor relixiosa chegaba ao seu máximo esplendor no último domingo de maio coa ofrenda floral que facían os representantes das trece parroquias que compoñen o concello de Arteixo.
Estes traballos seguiríanse facendo coa sucesora na presidencia da asociación, dona Encarnación González Mes (40 anos ao fronte das "Fillas de María"), quen levaría a cabo a chamada "Feira dos Vales", consistente en regalar cada domingo aos nenos asistentes á catequese parroquial un vale que despois canxeaban por xoguetes adquiridos polas "Fillas de María" e expostos a modo de tómbola.
Encarnación González en 1973
Falecida dona Encarnación, nos primeiros tempos da posterior presidenta, dona Julia Mosquera Calvete, "Julita", seguiuse con parte da labor que se facía antano: no mes de decembro, a novena adicada á Purísima Concepción e, no mes de maio, o exercicio das Flores, poesías e cánticos á Virxe así como procesións no último domingo deste mes, no que aparecían con flores os lugares do pobo por onde pasaba a imaxe venerada.
O derradeiro domingo de maio completábase co paseo vespertino pola alameda, hoxe o Balneario, das mozas do concello, lucindo as súas mellores galas para asistir á verbena popular na que se escollía á "Mis Flor".
Imaxe da pista do balneario en 1953 (Ana del Río)
Estas tradicións relixiosas e populares iríanse perdendo na súa maioría, tradicións que forman parte da esencia da vida da nosa vila e que son un mágoa que se esquezan ao non rexurdilas en todos os sensos.
Fagamos pois, que o último domingo de maio sexa como antes, "o día das Flores", a primeira festa da primavera.
(o meu agradecemento a unha antiga "Filla de María")
AS CASAS DO CONCELLO DA BAIUCA E FIGUEIROA
O edificio que foi a Casa do Concello ata 1973 |
A actual Casa do Concello nos anos 70 |
Rosalía de Castro e Manuel Murguía cos seus fillos |
O SEÑORÍO DE CANDAME E OUTROS CONTOS DO LUGAR
A Punta de Candame na carta náutica da Costa Septentrional de España. Folla III de J. Riudavets y Monjo (1896). Instituto Xeográfico Nacional |
ÁLVAREZ, MANUEL LUCAS (1999): El Archivo del Monasterio de San Martiño de Fóra o Pinario de Compostela, Ediciós do Castro.
MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest.
RIUDAVETS Y TUDURY, PEDRO (1867): Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña.
ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (2003): Arteixo de onte a hoxe, Volume II, Concello de Arteixo.
ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (coord.) (2010): Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición, Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo.
35 ANOS DE VIAXE POLAS BIBLIOTECAS DE ARTEIXO
Segundo as informacións do bibliotecario e arquiveiro José Luis Alonso Torreiro, desde o ano 1982 o Concello de Arteixo tivo en mente a apertura dunha biblioteca municipal conforme ao Regulamento que para este servizo ordenaba a Deputación Provincial da Coruña a través do Centro Coordinador de Bibliotecas, á súa vez dependente do Centro Nacional de Lectura. O interese partiu da corporación elixida e que adopta o acordo ao elevar á Xunta de Galicia a creación o 15 de novembro de 1982 da primeira biblioteca do municipio, que naquela hora xa contaba cuns 15.000 habitantes, e demandaba un servizo cultural tan básico como unha sala con libros organizados con vistas ao servizo público.
A primeira Xunta da Biblioteca Municipal constaba de sete membros presididos polo alcalde Manuel Platas Varela, actuando de secretario Avelino Moreiras Vázquez, funcionario do Concello, e como vogais María Isabel Montero, xuíza de Paz; José Luis Reigosa Martí, médico xefe de Sanidade; José Abelenda Pastoriza, cura párroco; Teodomiro Santos Blanco, farmacéutico; e Frutos Martínez Saavedra, director do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.
O primeiro persoal contratouse en outubro de 1988, un bibliotecario que debería pór en funcionamento o envío do lote fundacional da Xunta ademais dos libros adquiridos polo Concello con antelación, entre os que destacaba a Gran Enciclopedia Espasa de máis de cen volumes.
Nunha época na que o noso municipio carecía de equipamento cultural, a biblioteca central de Arteixo abriu as súas portas no primeiro andar do Edifico de Servizos Múltiples en febreiro de 1989. José Luis Alonso, que é o mesmo bibliotecario desde aquel entón e o único ata o de agora, recorda que “o primeiro servizo que se ofreceu á cidadanía neste edificio foi a biblioteca e despois, pouco a pouco, foron incorporándose o Centro de Formación Ocupacional, que levaba Amparo e no cal se impartían cursos do INEM, e Servizos Sociais, en concreto a asistenta social Lourdes Suárez Sánchez, que actualmente aínda traballa no Concello. A partir de 1990, ou 1991, tamén empezou alí, no Edificio de Servizos Múltiples, o Departamento de Educación con Beatriz Esmorís, que ademais facía algunha tramitación de Cultura. O Centro de Formación Ocupacional e Servizos Sociais estaban no segundo andar. Non recordo con certeza a planta na que estaba Educación. Posteriormente, creo que no 92 ou no 93, incorporouse a técnica Sonia Iglesias e, con ela e unha auxiliar, xa se formou o Departamento de Cultura no terceiro andar. Nesa época fóronse engadindo novos servizos como a Radio Municipal, o psicólogo, ou mesmo Xuventude, que tamén estivo no terceiro andar durante algún tempo. Cando nós empazamops coa biblioteca no primeiro andar, na planta baixa xa estaba Atención Primaria (o xefe do servizo era Reigosa), que abandonaron o Edificio de Servizos Múltiples en 1992 cando se inaugurou o actual Centro de Saúde. Ao quedar baleiro ese espazo pasouno a ocupar Protección Civil, e estiveron alí durante uns anos, ata que se trasladaron á parcela que hoxe teñen no Polígono de Sabón”.
Imaxes dos anos 90 da Biblioteca de Arteixo |
A apertura da biblioteca no Edificio de Servizos Múltiples ía encher un espazo demandado principalmente pola xuventude, mozos e mozas que lle deron moita vida ao servizo durante os primeiros tempos. Alonso recorda que “nos cinco primeiros anos estiven eu só e grazas aos rapaces que se implicaron no traballo diario foi posible sacala adiante. O centro tivo éxito dende os primeiros días e as actividades que comezaron axiña tiveron unha gran repercusión. O primeiro ano fixemos 300 socios”, destaca o bibliotecario.
Nos primeiros meses de vida, concretamente por coincidir coa festividade do libro no ano 1989 en abril, a biblioteca realiza unha convocatoria dun concurso de contos para a rapazada máis nova en colaboración cos colexios do municipio, que facían unha verdadeira festa do libro para a ocasión. O concurso organizouse ata o ano 1993.
Nesa época, en 1992, tamén se crea o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, e o acto de entrega de premios desta primeira edición realizouse precisamente na biblioteca.
Desos primeiros tempos hai que destacar o labor da Compañía Katacrok (David e Juanillo) e o traballo de Anxos Collazo Trigo, Blanca Fernández, Pilar García ou, entre outros, Gumersindo Varela, que durante tres anos mantiveron a dinamización lectora dos máis pequenos.
Desde 1990 a rapazada de Educación Infantil (naquela hora Preescolar) pasaba pola biblioteca con diversas seccións de contacontos e talleres de creación literaria. Como complemento destas campañas, a biblioteca comeza unha serie de sesións abertas aos máis cativos polas tardes, sesións que ían continuar ata a actualidade e que tiveron como protagonistas a compañías como a xa nomeada Katacrok, Matapiollos, Melandrainas, Aurea Xestion Cultural, Trinke Trinke, Bululú Teatro, Alacrán e K.O. Cómics e ilustradores ou autoras como Marisa Irirmia, Soledad Felloza ou Paula Carballeira.
Charla sobre cómics na Biblioteca de Arteixo en 1996 |
O público infantil, maioritario, compartía co resto de usuarios o espazo que agora ocupa o Xulgado de Paz no edificio de Servizos Múltiples. “Había moitos chavales, pero tamén viña xente maior en busca de novelas e para consultar enciclopedias, que naquela época eran fundamentais ao non haber internet”, apunta o bibliotecario. Entre todos os exemplares prestados, recorda con especial detalle, aínda que sen precisar o título, un libro que suscitaba moita curiosidade entre os mozos que explicaba a reprodución para público infantil. O audiovisual tamén ía cautivar aos máis pequenos. “Chegáronse a xuntar sobre cen nenos ante unha televisión de 28 pulgadas”, conta José Luis Alonso, que mira con certa morriña os métodos antes da dixitalización en 2003.
Dende aquel febreiro de 1989 foron centos os veciños que acudiron á biblioteca dispostos a somerxerse entre páxinas e tinta. Moitos tamén o fixeron na de Meicende, que este ano tamén celebra as tres décadas de operatividade. A biblioteca desta localidade comezou a funcionar o 27 de abril de 1994 como Axencia de Lectura nun local do colexio San Xosé Obreiro. Ese mesmo día La Voz de Galicia publicaba a seguinte información:
La biblioteca del colegio público de Meicende se inaugura hoy con un fondo de tres mil libros.
El alcalde de Arteixo, Frutos Jesús Martínez Saavedra, presidirá hoy la inauguración oficial de la segunda biblioteca pública del municipio, ubicada en el colegio de EGB San José Obrero de Meicende. Al acto asistirá el director xeral de Cultura, Antón Pulido Novoa, así como varios concejales y representantes de entidades culturales y vecinales del municipio.
La biblioteca ha sido creada mediante un convenio de cooperación suscrito por el ente local y la Consellería de Cultura, según el cual el ayuntamiento se compromete al mantenimiento de las instalaciones y a la contratación del personal responsable de las mismas, lo que ya se ha llevado a efecto. Además, el ayuntamiento también ha puesto el local a disposición de la Xunta, que, por su parte, aportó el fondo fundacional de la biblioteca formado por tres mil libros.
El alcalde arteixán manifestó ayer que «se espera una alta utilización de la biblioteca, teniendo en cuenta que sólo en el colegio de Meicende hay 500 alumnos» y el hecho de que aquélla será usada por los vecinos de esa localidad y de los residentes en Pastoriza. Aunque por el momento no está todavía concretado definitivamente, el horario de apertura de la biblioteca será de tarde, probablemente de cuatro a ocho, según indicó Frutos Jesús Martínez Saavedra1.
Axencia de Lectura de Meicende nos anos 90
Catro anos máis tarde, en maio de 1998, aproveitando a celebración dos actos de honra por Manuel Murguía, que cada ano celebra alí a asociación veciñal que leva o nome do patriarca das Letras Galegas, íase inaugurar na Urbanización Sol y Mar o local da Asociación de Veciños e a Axencia de Lectura de Oseiro cun fondo fundacional de 2.400 libros. O acto congregara a numeroso público e varias autoridades, tales como o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne; o conselleiro de Cultura e Comunicación Social, Jesús Pérez Varela; o titular da Deputación Provincial, Augusto César Lendoiro; o alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones e o comandante de Marina da Coruña, Juan Carlos Salazar Camarero, ademais de Xusto González, catedrático de Historia Contemporánea, os académicos Marino Dónega e Antonio Meijide Pardo, e o escritor Xavier Alcalá. Tempo despois a Axencia de Lectura de Oseiro pasaría a denominarse Biblioteca Dora Vázquez, homenaxeando a escritora ourensá que exercera de mestra en Larín durante quince anos, dende 1952 ata 1967.
Biblioteca 'Dora Vázquez', na Urbanización Sol y Mar de Oseiro |
En 1999 inaugúrase na capital municipal o Centro Cívico Cultural, un edificio do que falaremos máis polo miúdo a vindeira semana e ao cal se ía trasladar a Biblioteca Central, tras máis de dez anos de actividade no Edificio de Servizos Múltiples. A nova biblioteca está dedicada dende aquela a Henrique Rabuñal, escritor e mestre de Filoloxía Galega nado en Pastoriza en 1962.
O Día das Letras do ano seguinte estivo dedicado ao noso ilustre veciño Manuel Murguía e, con motivo desa celebración, desenvolveuse por primeira vez unha feira do libro en Arteixo, que tivo lugar no Paseo Fluvial, nas inmediacións do Centro Cívico, na que participaron diversas editoriais galegas e librarías da Coruña, Santiago de Compostela e Arteixo. Como colofón tivo lugar un encontro de escritores locais coa participación de Henrique Rabuñal, Francisco A. Vidal, Miguel Sande e Antón Castro.
Feira do Libro de Arteixo do ano 2000 |
Nesa altura a Biblioteca Central ía dar un importante paso coa informatización dos fondos bibliográficos e audiovisuais, feito polo que se converteu nunha das primeiras bibliotecas galegas de concellos de menos de 30.000 habitantes en presentar este servizo informático e a primeira da comarca coruñesa. No mes de abril de 2002 inaugurouse o préstamo dixital e en xuño o servizo de internet gratuito para o público.
A evolución posterior enmarca ao noso municipio nunha dinámica importante como referente en Galicia coa apertura de varios puntos máis de lectura e a informatización dos fondos, igual que outros concellos da comarca coruñesa, exemplos como o noso do bo facer en bibliotecas. Deste xeito, o 18 de marzo de 2005 o Concello inauguraba no Centro Social de Froxel unha nova Axencia de Lectura cun fondo de 2.500 volumes. Esta cuarta biblioteca municipal leva o nome de Francisco A. Vidal (Palmeira, 1957), escritor unido a Arteixo cun forte vencello.
Biblioteca 'Francisco A. Vidal' de Froxel |
Un ano máis tarde, o 10 de febreiro de 2006, inaugúrabase no centro de servizos sociais de Pastoriza o quinto punto de lectura municipal, unha biblioteca dedicada ao escritor e xornalista desta parroquia Miguel Sande (Pastoriza, 1961).
Biblioteca 'Miguel Sande' de Pastoriza |
E por último, o día 22 de decembro de 2014 inaugurábase o Centro Sociocultural de Meicende, un edificio no que, á parte de dispor de auditorio, unha aula de formación, cociña industrial e cafetería, tamén se ía instalar unha biblioteca dedicada ao escritor e xornalista Antón Castro (Lañas, 1959), Premio Nacional de Xornalismo Cultural en 2013.
Biblioteca 'Antón Castro' de Meicende |
No século XXI que habitamos as bibliotecas están máis vivas que nunca, porque souberon adaptarse aos tempos que lles tocou vivir. Os préstamos e consulta de libros deixou hai tempo de ser a única labor deste servizo público. Hoxe, quen achega os seus pasos a unha biblioteca municipal atopa diarios, música, películas, documentais… E os máis cativos continúan tendo o seu espazo, pois por un lado están os contacontos que se realizan nas cinco bibliotecas e, por outro, as visitas diarias dos escolares, que se organizan dende hai 17 anos. “Á biblioteca central veñen pola mañá, grupo por grupo, os alumnos do colexios Ponte dos Brozos, Arteixo e Galán. Os de San Xosé Obreiro visitan a biblioteca de Meicende”, indica o bibliotecario José Luis Alonso.
Alonso agradece “a todas as persoas usuarias dos primeiros tempos o seu traballo para sacar adiante a Biblioteca, así como a súa participación nas actividades e que hoxe acoden cos seus fillos e fillas. Tamén quero destacar que sempre fuximos dos números "récord" sobre a cantidade de libros, xa que preferimos un fondo que se utilice e se consulte a un número enorme de libros dos cales a meirande parte non se utiliza, polo que é máis doado ter un fondo vivo a través de adquisición de novidades que un fondo onde a maioría dos libros está obsoleto”.
Biblioteca Central 'Henrique Rabuñal' |
Rematamos esta crónica recordando que no calendario polo que actualmente nos rexemos, establecido como oficial no ano 1582 en virtude da reforma instaurada mediante a bula Inter Gravíssimas por parte do Papa Gregorio XIII, existen dúas datas, 23 de abril e 24 de outubro, de fonda significación cultural nas que o libro e as bibliotecas, respectivamente, adquiren un protagonismo esencial sendo obxecto de especial atención e alta consideración polas numerosas actividades, seminarios, simposios e feiras do libro organizadas precisamente para maior gloria e honor de libros e bibliotecas. Vaian dende aquí os nosos parabéns e agradecemento aos profesionais de antano e de hogano (José Luis Alonso, Eusebio Álvarez, José Antonio Álvarez, Juan García, Fidel Mouzo, Rosa Vizcaya e David Vizoso) da Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo que, día tras día, fixeron e fan posible o milagre de que as letras e as páxinas cobren vida nas mans de quen as descobre!
Longa vida ás bibliotecas!
FONTES:
ABELENDA LADO, DANIEL (2024): Tres décadas entre libros y tinta, La Opinión A Coruña, 13 de marzo.
ALONSO TORREIRO, JOSÉ LUIS (2009): 20 Anos de viaxe polas nosas bibliotecas, Concellería de Cultura, Concello de Arteixo.
_______
1 La Voz de Galicia, 27 de abril de 1994, páx. 45.
Os primeiros pasos da Concellería de Cultura e o 25º aniversario do Centro Cívico Cultural de Arteixo
É evidente que o Arteixo de hoxe pouco ou nada ten que ver co Arteixo de antano, cando o noso municipio era unha contorna absolutamente rural, no que o agro estaba na base dunha economía de subsistencia e os nosos avós e avoas enchían, cos produtos das súas colleitas, as despensas da cidade da Coruña.
Mais aquela contorna, da que só se lembraban algunhas persoas doutros puntos de Galicia cando querían aliviar as dores de reuma coas augas medicinais do Balneario, ía sufrir unha metamorfose total a partir dos anos sesenta do século pasado, unha transformación motivada en gran medida pola creación da refinería de Meicende e do Polígono Industrial de Sabón, asentamentos industriais que contribuirían a que paulatinamente fora desaparecendo aquel xeito de vida familiar que xiraba arredor da lareira e no que os oficios tradicionais (muiñeiros, ferreiros, zoqueiros…) gardaban relación directa coas necesidades da vida no agro daqueles tempos.
A construción da refinería e do Polígono Industrial ía significar un gran desenvolvemento económico para Arteixo, planeándose nos seus terreos grandes proxectos empresariais que hoxe son coñecidos como primeiras marcas mundiais.
Coa chegada da industria, o municipio foi modificando a súa fisionomía e, obviamente, a súa poboación, que medrou considerablemente en pouco tempo, pasando dos 10.887 habitantes censados en 1960 aos 16.678 de 1986.
Panorámica dos anos 80 da vila de Arteixo |
Ante aquel gran crecemento demográfico a partir da década dos setenta a administración foi, moi devagar, dotando de servizos ao municipio e construiuse unha nova Casa do Concello (inaugurada en 1974), o colexio Carrero Blanco (1974), o colexio de Galán (1981), o Instituto de Educación Secundaria (1983), o Centro de Formación Profesional (1983), o Pavillón Polideportivo Municipal (1990) ou, entre outras obras, o Centro de Saúde (1992).
A nivel cultural, que é o tema que nos ocupa hoxe, o Concello careceu de infraestructuras e locais para os quefaceres culturais ata 1989. En febreiro dese ano foi cando abriu as súas portas a Biblioteca Municipal no primeiro andar do Edificio de Servizos Múltiples. Dous anos máis tarde íase dotar unha superficie útil de 100 m² a unha recén creada Concellería de Cultura no terceiro andar do devandito Edificio de Servizos Múltiples, espazo compartido cos departamentos de Deportes e Educación. Nesa época, na que unha persoa con contrato de seis meses realizaba os traballos de animación, no resto das parroquias non existía instalación algunha, polo que os actos culturais realizábanse nas escolas unitarias ou nos escasos locais das asociacións. Aqueles eran tempos nos que todo estaba por facer e aínda quedaba moita pedra que picar!
Imaxe actual do Edificio de Servizos Múltiples |
En 1992, ano da creación do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, contratouse un equipo de tres persoas de xeito temporal que, ademais de organizar o arquivo das dependencias de cultura, desenvolveron un amplo programa de actividades.
Ao ano seguinte procedeuse por convocatoria pública á contratación da animadora sociocultural, Sonia Iglesias Recarey, e do responsable da Radio Municipal, Franki Lafuente Lafuente, proporcionándolle así certa estabilidade ao traballo de dúas dependencias importantes da Concellería de Cultura, e que viña a completar o realizado dende a Biblioteca Municipal. Deste ano hai que saliantar tamén a ampliación das actividades desenvolvidas, a instauración dunha convocatoria pública de subvencións destinadas ao fomento da cultura, a ampliación do número de locais dispoñibles coa posibilidade de utilización dos preescolares da Baiuca e de Candame e a coordinación e apoio prestado as actividades polas asociacións locais: Enterro do Entroido en Souto (Comisión do Entroido), o Día da Muiñeira (Xiradela), Encontro Folclórico en Uxes (Queiroa), etc.
Edificio onde estaban os preescolares da Baiuca |
O 27 de abril de 1994, con motivo da inauguración da Axencia de Lectura de Meicende1 nun local do colexio San Xosé Obreiro, nunha conversa na que participaron o alcalde, Frutos Martínez Saavedra; o concelleiro de Cultura, José Manuel Piñeiro Balay, a animadora sociocultural, Sonia Iglesias Recarey; e o escritor e mestre de Filoloxía Galega arteixán Henrique Rabuñal Corgo, plantexouselle ao Director Xeral de Cultura, Antón Pulido Novoa, a necesidade de creación dunha Casa da Cultura no noso municipio. Pódese dicir que nesta xuntanza naceu o xerme do que andando no tempo sería o Centro Cívico Cultural.
Mais sigamos repasando esta pequena historia da Concellería de Cultura, un departamento que en 1994 empezou a publicar o “Boletín Informativo Municipal”, que viña a servir de canle de comunicación entre o Concello e a cidadanía. O B.I.M. foi unha importante iniciativa que se mantivo durante varios anos cunha tirada mensual de 800 números. Sería innumerable citar a todas as persoas que colaboraron coas súas aportacións (contos, lendas, tradición oral, etc.) tanto no Boletín como na Radio Municipal. Aproveitamos esta ocasión para expresar a nosa enorme gratitude a toda esta xente que traballou nestes dous medios polo ben da cultura do municipio. Un anaquiño destas Crónicas de Arteixo é voso!
Arteixo seguía medrando (18.688 habitantes en 1994 e 20.074 habitantes en 1995) e tamén crecían o número de asociacións que se constituían e que poñían de manifesto a continua vertebración do tecido social do municipio.
O 15 de febreiro de 1995 o alcalde Frutos Martínez e Henrique Rabuñal mantiveron unha entrevista co Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia na que se lle fixo entrega dunha carta onde se demandaba apoio para a construción da Casa da Cultura de Arteixo, e se comprometían a remitir sinaturas da poboación con esta demanda. Tres meses despois, o 13 de maio de 1995, con motivo da entrega do premio do Certame Manuel Murguía, expúxoselle á Delegada Provincial de Cultura esta necesidade e obtívose un compromiso verbal de apoiar esta iniciativa.
O 17 de outubro de 1995 remitíronse máis de 1.000 sinaturas ao Conselleiro de Cultura xunto cunha carta de Henrique Rabuñal Corgo, en representación de todas as persoas e colectivos que asinaron e que se adhiron a este escrito, na que se poñía de manifesto as demandas para a construción da desexada Casa da Cultura... “que veña no seu caso substituir ou acompañar o vetusto e inadecuado Edificio de Servicios Múltiples que xa acolle no seu seo a diversas seccións do concello (Servicios Sociais, Animación Sociocultural) ademais da Radio Municipal, un Salón de Exposicións, unha aula para adultos e a Biblioteca Central do Concello. Non é só que ese edificio está saturado senón que as crecentes e complexas necesidades do concello están pedindo aos gritos un novo edificio, moderno e polivalente, pensando xa máis no século XXI, o do ocio e a cultura, e que debera ser ideado xenerosamente, equipado con salas multiusos onde o teatro, a música, as conferencias e os actos solemnes puidesen ter digna cabida como acontece noutros concellos menos poboados e con menos acción popular pero con maiores dotacións2”.
O proxecto lévase á Comisión Informativa de Xuventude, Deportes, Educación e Cultura celebrada no Salón de Sesións da casa consistorial o 22 de novembro de 1995. Na devandita Comisión os alí presentes aproban por unanimidade dar, a medio plazo e dentro desa lexislatura, os pasos necesarios para o comezo do proceso administrativo que levara a bo termo a construción da tan demandada Casa da Cultura en Arteixo.
Oito días máis tarde, o 30 de novembro de 1995, dase conta do ditame da Comisión no Pleno Ordinario, onde o concelleiro José Luis Vázquez Martínez xa sinala como posible localización da futura Casa da Cultura o sitio nomeado “Fonte ferruxinosa da zona do Balneario”, moi preto do antigo cuartel da garda civil, xa que este lugar figuraba como de dotacións na nova normativa urbanística. Logo das oportunas intervencións dos voceiros dos grupos, a Presidencia somete a votación o ditame da Comisión Informativa, que resultada aprobado por unanimidade facultando á alcaldía ao obxecto de que realice as xestións necesarias para levar a cabo a Casa da Cultura. E en vista do resultado da votación, a Presidencia proclama aprobado o acordo.
Ao tempo que se daban os oportunos pasos para a construción do edificio do que estamos a falar, no ano 1995, na progresiva mellora dos servizos da Concellería de Cultura, acondicionouse un espazo do 3º andar do Edificio de Servicios Múltiples para instalar a oficina de cultura, dotándoa de mobiliario e equipo informático. Isto ía supoñer unha importante mellora na calidade do traballo desenvolvido a nivel administrativo así como na atención ao público. Dende aquel entón ían traballar nestas dependencias a animadora sociocultural permanentemente e, ocasionalmente, algún auxiliar facendo labores de apoio. Neste 1995 tamén se crea o Conservatorio de Música, que comezou a impartir o primeiro curso de estudos musicais nas instalacións do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos.
En todos estos anos a Concellería de Cultura foise facendo cunha mínima infraestructura para o desenvolvemento dos actos: traxes e carrozas para Reis e materiais para o acondicionamento de distintos locais para ser utilizados como salas de exposicións nos baixos do Edificio de Servicios Múltiples, en Preescolar da Baiuca e de Candame ou no terceiro andar do Edificio de Servicios Múltiples.
Así mesmo a programación cultural vaise instaurando e afianzando cun calendario estable de actividades cíclicas coa súa propia denominación, que naquela altura servía de referencia para toda a poboación (Mes do Libro, Maio Cultural, O Nadal Contigo…) sen esquecer nunca a programación realizada ao abeiro de celebracións, necesidades ou demandas máis imprevisibles ou axeitadas. Tampouco nos esquecemos do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, que hoxe é un verdadeiro referente dos concursos literarios que se celebran en Galicia. Rememorando aqueles primeiros tempos da Concellería de Cultura, Sonia Iglesias, a técnica deste departamento, contounos algunha anécdota daquela época. “Tíñame que levantar da única mesa de traballo cando aparecía o responsable de Deportes e compartir con él a máquina de escribir e as poucas estanterías das que dispoñiamos para realizar o traballo administrativo, que cada vez ía burocratizándose máis. Case todos os anos había que pintar e acondicionar a entrada do Edificio de Servizos Múltiples e remover as instalacións da biblioteca, para de este modo realizar unha entrega do Premio Murguía honrosa e á altura que se merecía un Concello como o de Arteixo. Tamén, para a primeira exposición de certo nivel que nos concedía a Deputación da Coruña, tivemos que instalar ás presas un mínimo sistema para colgar os cadros nas paredes do Salón de Plenos da Casa do Concello. Calquera actividade precisaba dun triple esforzo para executala, ao adoecer das dotacións técnicas e os espazos axeitados. Neste sentido nunca esquecerei cando saltou o cadro eléctrico do ximnasio do CEIP Ponte dos Brozos cos decibelios da obra rock de Manquiña; ese sí foi un auténtico horror show !”.
Era evidente que Arteixo necesitaba coa máxima urxencia a demandada Casa da Cultura para o desenvolvemento cultural do municipio. Tras varias xuntanzas entre representantes da administración local e da autonómica, o 2 de xullo de 1997 os Conselleiros de Sanidade e Servizos Sociais, José María Hernández Cochón, e de Cultura e Comunicación Social, Jesús Pérez Varela, e o alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones, asinaban en Santiago de Compostela un convenio de cooperación entre o Concello de Arteixo e as nomeadas Consellerías da Xunta de Galicia, e tamén a Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Coa sinatura deste convenio dábase, ao fin, luz verde á construción da obra nomeada “Centro Multiusos nas marxes do río” suscrita polo director da mesma, o arquitecto José Antonio Franco Taboada, en favor do contratista adxudicatario, a empresa Ferrovial. O custe das obras de realización deste edificio foi de 164 millóns de pesetas e sería financiado na súa totalidade polas tres consellerías da Xunta de Galicia nomeadas anteriormente.
Imaxe do ano 1998 das obras de edificación do Centro Cívico Social de Arteixo |
Tras case dous anos de execución da obra e ante a inminente inauguración da popularmente coñecida naquel momento “Casa da Cultura”, construída administrativamente baixo a denominación de “Centro Multiusos” por estar implicadas no seu financiamento tres consellerías diferentes, a Concellería de Cultura do Concello de Arteixo propón adxudicarlle unha nova denominación con personalidade propia: Centro Cívico Cultural 'Manuel Murguía'. A proposta, que se ía levar a Comisión Informativa para o seu dictame, non fructificaría e, finalmente, optouse pola denominación máis simple de Centro Cívico Cultural de Arteixo.
Tal día coma hoxe, o 8 de maio de 1999, hai exactamente 25 anos, o pobo de Arteixo vía cumprida unha das súas máis grandes aspiracións ao inaugurarse o edificio no que ao fin podían desenvolverse todas aquelas actividades que ata aquel momento non tiñan un espazo propio ou para as que se adoecía das condicións técnicas necesarias. O acto contou, entre outras autoridades, coa presenza do ministro de Sanidade e Consumo, José Manuel Romay Beccaría; o conselleiro de Sanidade, José María Hernández Cochón, e do alcalde Manuel Pose Miñones.
No novo Centro Cívico Cultural, de máis de 2.000 metros cadrados útiles, os veciños e as veciñas de Arteixo dispoñen dende aquel día da Biblioteca Central 'Henrique Rabuñal', da Escola Municipal de Música de Arteixo (EMMA) con varias salas insonorizadas para música, dunha sala de ensaios para danza, dunha sala de exposicións e unha sala de usos múltiples. Unha sala de xuntas, as oficinas administrativas do Departamento de Cultura e unha cafetería completan os servizos ofrecidos polo centro, sen esquecer, por suposto, o auditorio dotado con 300 butacas, un amplo escenario, e todos os medios técnicos necesarios para o teatro, o cine, os concertos, certames ou calquera outra actividade de amplo alcance que sexa organizada tanto polo Concello coma polos colectivos do noso tecido social.
Imaxe do ano 2003 na que podemos observar o Centro Cívico Cultural e, á esquerda, a esplanada na que se ía construír a igrexa nova |
Dende aquel 8 de maio de 1999 a Concellería de Cultura ten a súa sede no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Este servizo, capitaneado pola técnica Sonia Iglesias e integrado tamén pola animadora cultural Lita Bello, e por Eva Sande e David Vizoso como persoal administrativo, encárgase da programación cultural municipal para procurar o enriquecemento cultural da cidadanía e para preservar os festexos tradicionais do pobo. Recordar tamén a todas as persoas que traballaron de xeito eventual neste departamento ao longo de todos estos anos e, por suposto, a Xosé Francisco Lafuente Sande, 'Pacucho'; Moisés Rey Martínez; José Manuel Piñeiro Balay; José Luis Vázquez Martínez; Isabel Vila Vilas; Juan Antonio Mouzo Grille; José Andrés Gayoso Naya; Celina Varela Suárez; e a Ana María Bello Vázquez, que foron os/as concelleiros/as que estiveron á fronte desta concellería dende a súa creación nos anos noventa. A concelleira de Cultura actual é María Dolores Dubra López.
Panorámica actual do Centro Cívico Cultural de Arteixo |
Hai uns meses, o día 30 de novembro de 2023, o Pleno da corporación aprobou, por unanimidade, nomear ao Centro Cívico Cultural de Arteixo como Centro Cívico Cultural de Arteixo 'Manuel Murguía', o lugar de referencia e o máis identificado co movemento cultural e co eido literario galego do municipio. Co gallo dos 25 anos dende a súa inauguración o 8 de maio de 1999, a fachada do edificio será rotulada co nome do Patriarca das Letras que se descubrirá con motivo da Gala de Entrega de Premios do Certame Manuel Murguía.
Moitos parabéns por estos 25 anos de vida!
______________
1 A Axencia de lectura de Meicende hoxe é a Biblioteca 'Antón Castro', que este ano celebra as súas tres décadas de operatividade. Comenzou a funcionar en abril de 1994 nunha aula do colexio San Xosé Obreiro, antes de trasladarse ao actual centro social da localidade.
2 Henrique Rabuñal. Concellería de Cultura. S.I.R./95. Informe das xestións realizadas para a consecución dunha Casa da Cultura no Concello de Arteixo. 9 de novembro de 1995.
Moi interesante o artigo
ResponderEliminarSaúdos Xabi
Moitas grazas!
Eliminar