domingo, 31 de xaneiro de 2016

UN AVIÓN NAZI EN SUEVOS

  Durante a Guerra Mundial, Galiza era un fervedoiro de espías. Todos espiaban a todos, non só os nazis, senón tamén os británicos e norteamericanos, que vixiaban a "neutralidade" do rexime franquista e as operacións dos alemáns no noso territorio, uns alemáns que demandaban a explotación intensa do volframio galego para continuaren nutrindo a súa maquinaria bélica. Mais a vantaxe militar que lles proporcionaba o uso do noso mineral sería descuberta polo bando aliado e estes comezaron a mercar de forma masiva volframio en toda a Galiza, co único obxectivo de que non fose parar a mans nazis, dado que descoñecían o proceso de elaboración que posibilitaba o aproveitamento militar. Isto daría lugar ao que algúns chamaron "a guerra do volframio", sendo a partir de aquí cando os aliados principian a vixiar a costa galega exhaustivamente para impediren que o mineral chegase a Berlín. Esta vixilancia provocaría o afundimento nas nosas augas de medio cento de submarinos nazis e o abatemento de avións das dúas faccións no noso territorio.

     O 20 de agosto de 1942, ocorría en Arteixo un destos derrubos. Un "Avro Lancaster MK1" (nº de serie R-5543) partía de St. Eval, Cornwall (sudoeste da Gran Bretaña) ás 11:00 da mañá rumbo á Galiza. O avión pertencía ao escuadrón 61 de Bombardeo da RAF, con base en Syerston, Nottingham, mais estaba destacado temporalmente no 5º grupo da "Coastal Command", que tiña a súa base en St. Eval. Pilotado polo oficial británico John Henry Harrad, de 20 anos (substituía a A.L. Searby, morto no día anterior) e con seis tripulantes máis: os oficiais canadenses Thomson Lawrie Wilson, de 22 anos, e John Emmet Madson, de 20; os sarxentos británicos Richard Henry Linton e Harold Allen, ambos de 22 anos; Vivian John Watson, sarxento australiano de 29 anos e, o tamén sarxento, Thomas Lindsay Boland, neozelandés de 26 anos, o "Lancaster" realizaba habitualmente tarefas de patrulla antisubmarina, xa que estaba asignado temporalmente ao mando costeiro da RAF.

     Nesta misión, o avión aliado procuraba ao mercante alemán "Wesserland", que tiña previsto saír do porto de Corcubión polas 16:00 horas da tarde repleto de volframio cara á Alemaña. Xa no espazo aéreo galego, á altura das Illas Sisargas, e na procura do mercante alemán, o "Lancaster" foi interceptado por dous "Junkers 88" nazis que, pilotados por V. Giessübel e por Adolf Runge, partirían pouco antes da súa base francesa (outras informacións indican que puderon saír do aeródromo lugués das Rozas). Os dous avións alemáns pertencían á Z/KÜFIGR 106, mais cando recibiron a orde de protexer ao "Wisserland" estaban de reforzo na 4/KG40, "Junkers" que cando se dirixían cara a posición do mercante, voando moi perto de Arteixo, detectaron o avión inimigo e atacárono. Á altura da praia de Seaia (Malpica), o "Lancaster" virou para defrontarse aos avións nazis, que alcanzarían ao aliado en dous motores, cola e fuselaxe. Os alemáns acabaron por abateren ao "Lancaster" que, no seu traxecto final, ía ardendo e facendo manobras para esquivar os avións do III Reich e, despois de que dous dos seus motores tivesen prendido lume, o piloto J.H. Harrad tratou de realizar unha aterraxe forzosa no lugar da Pontedona (Xornes, Ponteceso) mais, pese a que as copas dos piñeiros amortiguaron a caída, o impacto foi tan brutal que provocou o estoupido de dúas das catro bombas que levaba deixando, nun radio de 15 metros, os piñeiros talados. Os catro motores desprenderíanse e quedarían a uns 20 metros de distancia en varias direccións e, a cola do avión aparecería a uns 40 metros espetada en vertical nunha leira. Dos sete tripulantes, seis quedaron calcinados e un deles, o sarxento australiano Vivian John Watson, acabaría morrendo na aldea da Pontedona. Todos os corpos serían enterrados nun lateral do cemiterio da parroquia de Xornes porque foran rexeitados noutra igrexa e posteriormente, ao final da Guerra, serían trasladados ao cemiterio británico de Lujua (Bilbao).

     Antes de ser derrubado, o "Lancaster" aliado deixara moi danado a un dos "Junker 88", o C-6 (3E+AY) nº 3600AY, que pilotaba Adolf Runge acompañado de dous tripulantes máis: o observador Franz Müller e o encargado da radio, Fritz Streng. O avión de Runge iría perdendo altura e botando fume dende Caión ata caer finalmente en augas de Suevos, perto da zona que hoxe ocupa o Porto de Langosteira."Eu ese día estaba a brincar. Lémbrome que era á tarde, e vin dous avións que viñan da parte de Caión. Un deles botaba fume. Voaba baixo, dando a impresión que ía perdendo altura e pouco despois caía no mar diante da Becha. O outro avión continuou voando cara a parte da Coruña. Tamén lembro que nos días seguintes, foron aparecendo na praia de Alba algunhas cousas do avión", lembraba Adolfo Vazquez, daquela un cativo de 12 anos, nunha conversa mantida con el en outubro do 2010. 

     Os tres tripulantes do avión nazi caído en Suevos morrerían, recuperándose dous cadáveres. O de Müller, no mesmo día 20 de agosto no areal carballés da Arnela, e o de Adolf Runge sería recuperado polo pesqueiro "Dos Hermanas", na enseada do Orzán o día 3 de setembro.
Avión Junker-88

    






FONTES:

-Adolfo Vázquez Veira
-"O mar de Arteixo e os seus naufraxios". Xabier Maceiras. A.C. Monte da Estrela.


mércores, 27 de xaneiro de 2016

EMILIA VIÑÁN "A VIÑANA", UNHA DAS PRIMEIRAS TAXISTAS GALEGAS

      Nun tempo no que ser muller non era doado, nun tempo no que as leis aínda eran máis ruíns que as mentalidades, unha muller emprendedora, arroutada, de carácter, chea de enerxía, de forza e de vitalidade, unha muller que non quería ser un cero á esquerda naquel mundo de homes, convertíase nunha das primeiras taxistas de Galiza. Si, estamos a falar de Emilia Viñán Matos, a popular Viñana.

     Oficialmente, o privilexio de ser a primeira taxista galega tivérao a lucense Dolores Trabado, a quen nun principio tamén sinalaron como a primeira taxista de España, cando en realidade parece ser que fora a leonesa Piedad Álvarez, que empezara na profesión nos anos trinta.

     Hai cousas que herdamos dos nosos pais e no caso de Emilia Viñán, nada en Loureda no ano 1932, herdaría a súa paixón polo volante de su pai Ramón, o fundador da empresa "Transportes Viñán", que aínda hoxe é lembrada grazas á "Superiora", o popular coche de liña que a diario utilizaban as leiteiras arteixás e que tiña garaxe na Praza de Pontevedra, esquina coa rúa Juan Flórez. A "Superiora", trala morte de Ramón Viñán (falecería nun accidente en Oseiro cando conducía o seu bús) pasaría ás mans de "Transportes Benito".

     Familiarizada co mundo do motor dende que era unha nena, e afeita a manexar o volante no coche de seu pai dende os primeiros anos da súa xuventude, a finais dos cincuenta a nosa protagonista decide apuntarse na autoescola Fernando Rey para sacar o permiso de conducir e, nada máis obtelo compraría unha furgoneta Alfa Romeo, coa que se dedicaría durante un tempo á venda de legumes e patacas.

     Nos primeiros anos sesenta, no 60 ou 61, faríase coa licencia de servicio público, licencia que según Pepe do Muiñeiro, un dos primeiros taxistas arteixáns, ninguén quería porque era a número 13! Pouco lle importou a Emilia ter ese número...o que a ela lle importaba era que as cousas lle foran ben na aventura que acababa de iniciar naquel mundo de homes cunha furgoneta DKV, o seu primeiro taxi.

     Como muller da época, casada e con dous fillos, ademais de taxista, tivo que exercer de ama de casa...non quedaba outra, entre viaxe e viaxe coa súa DKV, había que buscar tempo onde non o había!

     Estamos xa nos 70, anos nos que Emilia cambiaría a DKV por un flamante Dodge Dar de cor negra, aquel maxestuoso C-70526 co que en 1973 viaxaría ata Alemaña para ver a súa recén nacida neta Soraya, a filla de Ángel, que acababa de nacer en Sttutgart.
Imaxe de Emilia Viñán no seu Dodge Dar (El Ideal Gallego)

     Son anos nos que había traballo grazas á moita xente que viña ao Balneario e tamén, á xuventude que cada domingo paraba na sala de festas Eva. Nesta época, uns maleantes déranlle o pao a un taxista de Arteixo, ao que acabarían atando a un pino. Os delincuentes non tardarían en repetir a faena, mais desta volta sairíalles o tiro pola culata. Colleran o taxi equivocado, colleran o taxi da Viñana..."ídesme roubar a min polo carallo 29", dixo ela. Con medo ou sen el, e de seguro que con algunhas labazadas polo camiño, Emilia sería quen de "dominar ás feras" e de chegar ata o cuartel da Garda Civil de Carballo, onde os botaría a patadas do seu taxi..."aí vos quedan", dixéralle aos gardas.

     O Dodge Dar daríalle paso a un Chrysler 180, taxi que posteriormente cambiaría, cando os taxistas xa tiñan a parada na Avenida do Balneario, por outro do mesmo modelo. Finalmente, un Talbot Horizon, matrícula C-Y, sería o coche co que nos anos noventa a nosa protagonista realizaría o seu derradeiro viaxe dentro do gremio.
Emilia cun dos Chrysler 180 que tivo (Imaxe de Angel Paz)

      Pouco queda para o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, e que mellor día para que as autoridades locais lle fagan unha máis que merecida homenaxe a esas mulleres que en moitos casos exerceron traballos exclusivos de homes, como Emilia Viñán, unha das primeiras taxistas galegas.

   

domingo, 24 de xaneiro de 2016

OS TAXIS DE ARTEIXO


A parada da Avenida do Balneario nos anos 80
      ¿Taxis ou taxi? Pois hai quen utiliza o plural, algo común en Barcelona, e tamén hai quen se decanta polo singular á hora de demandar estes servizos de pago para o transporte de viaxeiros, servizos que, por certo, existen dende hai varios séculos. Ao parecer, os primeiros taxis aparecen con Franz Von Taxis (1459-1517) quen, seguindo a idea dos correos mongoles, que ofrecían servizo postal e transportes, crearía a primeira liña de coches de posta entre Holanda e Francia...así que xa sabedes, este pode ser o motivo polo que utilizades o plural taxis.

     Mais pola contra, se eres dos que utilizas o singular, o máis común taxi, decirche que o termo non aparece ata o invento do taxímetro, palabra que según a etimoloxía procede do grego taji (taxa que se cobra) e metron (medida).

     O taxímetro fora ideado en 1891 polo enxeñeiro alemán Wilhelm Bruhn e grazas ao seu enxeño mecánico podíase medir o tempo e a distancia percorrida polos vehículos, permitindo establecer unha tarifa normalizada. Mais, aos taxistas da época, non lles gustou a idea de que existira unha máquina que regulase os seus ingresos e acabarían tirando a Bruhn ao río!

     O primeiro vehículo con motor equipado co invento de Wilhelm Bruhn, foi o "Daimler Victoria" fabricado por Gottfried Daimler en 1897 e sería entregado, con taxímetro incorporado, ao empresario do transporte de Sttutgart Friedrich Greiner, que fundaría a primeira compañía motorizada de taxi do mundo.

     Os seguintes vehículos de motor destinados a taxi equipados con taxímetro (que naqueles días ían montados fora do taxi, enriba da roda dianteira lateral do conductor) principiaron a funcionar en París en 1899 e en Londres en 1903, dúas cidades nas que grazas ao éxito obtido por este servizo levarían a que o empresario automobilístico Louis Renault recibira en 1905 un pedido de 250 taxis que se exportarían a Bos Aires e Nova York, feito polo que a marca francesa vírase na obriga de organizar as súas instalacións, pasando da fabricación artesanal á producción en serie. Na cidade norteamericana, os taxis de Renault serían importados por Harry N. Hallen, que sería a primeira persoa en pintalos de amarelo, pois pensaba que era máis doado velos na distancia.

     A "Hispano Suiza de Automóviles" foi a empresa que fabricou e comercializou en serie os primeiros modelos de vehículos españois e, a partir de 1910, daríanse os primeiros pasos para a comercialización dos "automóbiles de praza", é decir, os tamén chamados "taxis", que irían sustituindo progresivamente aos coches de cabalo no Estado español.

     A partir de aquí, nas cidades empezarían a xurdir as figuras dos taxistas autónomos, personas que se situaban diante dos establecementos máis concurridos co fin de ofrecerse como servizo de taxi, unha práctica que copiarían outros avispados e que daría pé, logo duns anos de forte competencias entre compañías e autónomos, ao nacemento das primeiras asociacións de taxistas.

     Co paso dos anos, os taxis iríanse convertendo en símbolos dalgunhas cidades, coma no caso de Londres, onde actualmente son tan populares coma os autobuses Decker de dous pisos, e tamén se encargarían de encher de colorido as principais arterias das grandes urbes por mor do elevado número que circulan en cidades como Madrid, con 15.646 taxis de cor branca, ou en Barcelona, onde os 10.939 existentes dan unha imaxe ben fermosa cando transitan, con esa cor negra e amarela, polas principais avenidas barcelonesas.

     Na cidade da Coruña hai 522 licencias e en Arteixo 28, que teñen parada en Meicende, Vilarrodís e na Avenida de Fisterra da capital do concello, a carón do Insua, o bar que rexenta dende hai medio século un dos primeiros taxistas que houbo en Arteixo: Pepe do Muiñeiro...non lembrades o seu último taxi?...aquel flamante Seat-1430 de cor amarela!

     Si, estamos falando dos anos sesenta-setenta, nos que outro taxi mítico, o Dodge Dar de Emilia Viñán, unha das primeiras mulleres taxista de Galiza, circulaba polas mal asfaltadas rúas do concello, uns anos nos que a época de maior traballo para os profesionais locais do volante era polo verán, xa que as festas, praias e os forasteiros que acudían ao Balneario sobrecargaban o servizo e daban un peso a gañar, pesiños que tamén se facían o día que os xubilados cobraban as súas pensións e, os domingos, cando abría a sala de festas Eva.

     Angel Paz, fillo de Emilia Viñán que tamén foi taxista durante algún tempo, e Pepe do Muiñeiro, ao que sempre recorro cando necesito algunha información sobre o Arteixo de antano, contábanme estos días que o primeiro taxi que houbo no concello, é dicir, a licencia número 1, foi o de Jesús García "O Grilo", o home de Maruja do Veigheiro (a que ten o estanco a carón da Panadería Gestal) e seica tiña un Renault Gordini. "O taxi era do Grilo pero quen o conducía era seu irmán Mero, que era con  quen nós quedábamos varios días antes para que nos levara ás  romarías...e pasaba todo o día con nós", lembraba non hai moito unha veciña do Rañal.

     A licencia número 2 tiñaa "Cacharrón", un home que fora garda civil e que tiña bar en San Xosé, diante da Refinería. "Cacharrón" venderíalle a súa licencia a un tal Luis, que era do Barco de Valdeorras e que tiña dous taxis, un deles un Mercedes de sete prazas co que se dedicaba a levar emigrantes ao estranxeiro. Pepe non lembra o nome do taxista que tiña a número 3, mais afirma que casara en Larín e que tivera certo tempo en Inglaterra. A licencia número 4 era dun dos "do Redondo", un tal Caamaño ao que alcumaban "Pibe" e que lle vendería a licencia a Pancho "do Melón". A número 5 era de Manolo, o propietario do bar "O Relojero", o que está a carón do areal do Reiro, en Chamín. A número 6 tiñaa Piñeiro, que nos primeiros tempos tivera un 1500 e despois un Seat 132. Pepe, para min unha auténtica "Pepepedia", tamén me contaba que había algúns que tiñan licencia e que nunca chegaran a utilizar o taxi, motivo polo cal non é quen de decir quenes eran os propietarios dalgunhas licencias. Aínda así, lembra que a número 8 era de Jaime "o das Rodas"; a 9 de dous socios da Coruña; a 11 de Pepe de Xaquín; a 13, a que ninguén quería, da nai de Angel, Emilia Viñán (de quen falaremos polo miudo noutra ocasión); a 14 de Rogelio; e a 15 de Fernando o dos "Tarantos", que tería licencia 7 ou 8 anos e despois venderíalla a Juan da Furoca.

     Pepe do Muiñeiro tiña a licencia número 20..."comprei a licencia en 1966 e o primeiro taxi que tiven foi un Seat 800 de catro portas, que era igual que o 600 pero máis grande. Despois, no 72, comprei o Seat 1430, que vendín no ano 2000 xunto coa licencia". 

     As licencias irían cambiando dunhas mans a outras mais, o que é ben curioso, e que xa daquela, a principios dos setenta, cando Luciana Naya "Listero", ao volante dende 1967 (licencia nª 26), era o presidente do grupo de taxistas locais, houbera case a mesma cantidade de taxis (27) que hai na actualidade (28) mais iso sí, a poboación do concello naquela hora era de 12.000 habitantes e hoxe é de 31.000.

     Esos pioneiros taxistas locais, que nos primeiros anos aparcaban de calquera xeito arredor do Bar Insua (hoxe avenidas de Caión e Fisterre) loitarían durante ben tempo por unha parada adecuada ás necesidades da vila para poder realizar o servizo público que os usuarios demandaban, clientela que naquela hora tiña que chamar aos seus teléfonos particulares, en ocasións de auténtica necesidade e urxencia. Ademais, ao non contar cunha parada en condicións e asimesmo co debido orden de saída, daba pé a que uns levaran todo o traballo e o resto mirara para eles!

     Nos anos oitenta, cando os taxímetros mecánicos pasaron a ser electrónicos eliminando o familiar son de tic-tac que facía o mecanismo de sincronización, ao fin puxeron a tan demandada parada na Avenida do Balneario e alí estarían os taxistas locais ata a súa ubicación actual da Avenida de Fisterra, cambio que se producira a raíz da peonización da primeira.
Paula Fernández Doval na parada de taxis da Avenida de Fisterra

     Na actualidade, o taxista máis veterano é Calvete (nº 11), que lle comprara a súa licencia a Pepe de Xaquín no ano 1975, un Calvete que me falaba dos seus inicios como profesional do servicio público lembrándose dos seus primeiros coches: un Seat 124 e un Seat 1430, e apuntando tamén que..."antes, cada taxista tiña no seu  coche a cor que quería...habíaos negros, amarelos...logo, coa ordenanza  municipal, xa foi unha obriga telos brancos".

     Segismundo Seijal (licencia nº 23), outro dos taxistas actuais, lembra que o seu pai Manuel comprara a licencia por 350.000 pesetas das da época..."e só para andar co taxi os fins de semana porque o resto dos días tiña o coche parado porque traballaba en Genosa...eran outros tempos...hoxe  témolo moi difícil...o bus urbano de Meicende fainos moito dano, os viaxes que facíamos antes, aos centros de saúde e cos xubilados para cobrar as pensións, xa non os facemos porque esas familias teñen xente na casa que está no paro...pódese decir que actualmente vivimos grazas ao Polígono de Sabón e a Inditex".

     Como contaba antes, as licencias irían cambiando dunhas mans a outras. Este foi o caso de Paula Fernández Doval, que dende o seu Lugo natal chegou a Arteixo hai catro anos, cando lle comprou a licencia (nº 18) a Bienvenido Pardiñas. Paula recollía o testigo de Emilia Viñán e convertíase na segunda muller taxista do noso concello.
    

mércores, 20 de xaneiro de 2016

O MAR DE ARTEIXO E OS SEUS NAUFRAXIOS

1938. "ARCTIC" (CHAMÍN)  

     Documentar este sinistro non foi tarefa doada. Na procura da información, os veciños máis vellos das parroquias de Chamín e Barrañán interrogados, non foron quen de precisar con exactitude o ano no que acontecera o naufraxio xa que, a maioría deles, eran moi pequenos polo que era evidente que poucos datos podían gardar as súas memorias. Uns dicían que fora durante a Guerra Civil, sen poderen concretizar o ano e moito menos o mes. Outros, polo contario, estaban certos de que tiña sido nos anos cuarenta. Mais, grazas á conversa que mantivemos en febreiro de 2012, Chacho Seijas e o que escribe, con Anselmo Pardo e a súa muller Luisa Fuentes no seu domicilio de Sorrizo, as cousas comezaron a se esclarecer. O sinistro ocorrera no domingo, 30 de xaneiro de 1938. 
O "Arctic" embarrancado no areal do Reiro (El Ideal Gallego)
   
     Un pouco polo que vivira de primeira man e outro pouco polo que fora escoitando ao longo da súa vida, Anselmo cre que nese día había baile. “Eu era moi neno. Debía ter uns cinco ou seis anos e penso que se celebraba a festa do San Brais. Á beira da noite, cando todo o mundo estaba na taberna, no Piñeiro, comezamos a escoitar a sirena dun barco. Ao pouco, comezaron a tocar as campás das igrexas de Santaia e de Barrañán, e non deixaron de facelo durante ben tempo. Daquela había medo por todo, medo á fame, medo ás barbaridades que cometían os falanxistas, medo á Guerra...por iso algúns vellos dicían que podía ser un desembarco, un ataque aliado que viña axudar aos republicanos. Con medo ou sen el, moitos de nós fomos até o areal. Nese día, o mar estaba bravo, bravo de verdade, e había unha néboa mesta que pouco deixaba ver. O barco, que segundo dicían era un bou de pesca, continuaba a tocar a sirena, e cada vez íase achegando máis ao Reiro, que sería onde finalmente embarrancaría, quedando coa popa ollando cara a Pedra do Sal. Despois de embarrancar, os mariñeiros do bou, que debían ser sete ou oito e seica eran belgas, principiaron a largar cabos ao mar que, perante a sorpresa de todos nós, un can que levaban a bordo se encargaba de achegar á beira. Mais moita da xente alí presente aínda pensaba que era un desembarco, polo que algúns sacaron as navallas para cortar estas cordas. Entón, cando algúns dos veciños ían cortar os cabos, chegou ao areal Primitivo do Bichelo e comezou a berrar con eles. Así que chegou ao Reiro Primitivo, que era mariñeiro, decatárase do que na realidade estaba a acontecer alí: os pobres náufragos só querían porse a salvo! Esclarecido o acontecido, a xente non dubidou en axudar aos mariñeiros belgas que, unha vez en terra, coas roupas totalmente enchoupadas e mortos de frío, falaban e falaban...mais nen Cristo os entendía. Daquela, foi cando alguén foi na procura de Sofía, que sabía francés, para que lles fixese de intérprete”. Anselmo estaba a falar de Sofía Baridó Schneider, casualmente a avoa materna da súa muller Luisa.
Sofía Baridó e José Rey Valeiro nos anos 50 (Foto de Luisa Fuentes)

     Os pais de Sofía, el francés e ela alemá, establecéranse a finais do século XIX en Potes, na provincia de Santander, onde instalarían unha fábrica de vidro. Mais o negocio nunca chegaría a ser rentábel polo que, ao cabo duns anos, a familia emigra a Arxentina. Neste país, Sofía coñecería ao seu futuro marido, o veciño de Arteixo José Rey Valeiro, un home que despois de percorrer medio mundo, chegara en 1911 a Buenos Aires, cidade onde se gañaba a vida pintando retratos. Na capital arxentina José e Sofía casan e teñen dúas fillas: Sofía (a nai de Luisa, a muller de Anselmo) e Armanda. Uns meses despois de nacer a segunda filla, o matrimonio (que están enterrados no cemiterio protestante de Arteixo) pon fin a súa estadía na América e decide ir vivir á Galiza, a terra de José, establecéndose por uns anos en Caión. Na vila mariñeira teñen dous fillos máis, Eduardo e Ernesto, e o antigo retratista gaña agora o sustento familiar nunha pequena embarcación da cal é propietario. Aproximadamente polo ano 1920 trasládanse ao lugar de Campo, na parroquia de Barrañán, onde nacería o seu fillo José e lugar tamén onde abren un negocio, precisamente o local que atendía Sofía Baridó cando a foron buscar para facer de intérprete dos náufragos belgas.

     Despois de cruzar as primeiras impresións con eles, Sofía e José conduciron aos oito mariñeiros até o establecemento que rexentaban en Barrañán onde, mentres agardaban a que as autoridades se fixesen cargo da situación, lles deron alimentos e bebidas quentes.

     Os xornais coruñeses da época, que ocupaban as súas primeiras páxinas cos boletíns oficiais da Guerra Civil e tamén con grandes exaltacións ao réxime nazi e a Hitler, recollían a seguinte información o martes, 1 de febreiro de 1938:

     “El domingo por la tarde naufragó en la playa de Barrañán o Chamín, en Arteijo, un buque de pesca de nacionalidad belga, denominado Arctic, de 150 toneladas, logrando salvarse toda la tripulación, compuesta por ocho hombres. El Arctic había salido de Ostende hace cuatro días, dirigiéndose a las costas de Portugal para dedicarse a las faenas de la pesca. Cuando pasaba a la altura de Arteijo, a causa de la inmensa niebla reinante en este sector, perdió el rumbo, y el vapor pesquero vino a encallar a la referida playa, ocurriendo el siniestro entre siete y ocho de la tarde de anteayer. 
     Al encallar, se hizo sonar por la tripulación la sirena del Arctic y a las repetidas llamadas acudió a la playa de Barrañán el vecindario de Arteijo y la Guardia Civil de aquel puesto. Tras activos y laboriosísimos trabajos se pudo conseguir poner a salvo a la tripulación del buque. Esta no pudo salvar nada más que la documentación, dándose por perdidos los enseres y ropas. Debido a los fuertes golpes de mar y a la rompiente de la playa, el buque se considera totalmente perdido. El capitán, maquinista, fogonero y marineros que componían la tripulación del Arctic fueron atendidos solícitamente, en los primeros momentos, por la Guardia Civil y vecinos de Arteijo, y ayer por la mañana fueron traídos a esta capital, realizando el viaje acompañados de la benemérita de dicho puesto. Con los náufragos viene un hermoso ejemplar de perro de raza danesa, que no se separa del lado de su amo, el capitán del buque. Los náufragos han sido puestos a la disposición del cónsul de Bélgica en La Coruña, don Luis Mayor Moreno. Poco después de su llegada a nuestra ciudad, han sido trasladados a la Casa de Socorro del Hospital, y todos ellos fueron atendidos de enfriamiento.      Una vez asistidos de urgencia por el facultativo de guardia, quedaron hospitalizados en el Hospital de Caridad.
     Al tenerse conocimiento del naufragio, en la Comandancia de Marina, se trasladó al lugar del suceso un oficial de dicho centro, con personal a sus órdenes, con el fin de instruir las diligencias propias del caso. También se trasladó ayer a la playa de Barrañán el cónsul de Bélgica, señor Moreno. Dicha autoridad consular también hizo ayer varias visitas a los náufragos en el Hospital de Caridad”.
     Segundo Anselmo Pardo, nos días posteriores ao embarrancamento do barco belga, os falanxistas apoderáronse de todo canto había no seu interior, uns falanxistas que previo pagamento, deixábanlle apañar aos veciños da contorna pranchas de ferro, que estes utilizaban para facer lume enriba delas, provocando deste xeito que o calor nos seus fogares fose máis duradeiro. Tamén os ferreiros de Chamín, A Lagoa, Santaia, Monteagudo e Lañas aproveitaron o ferro do Arctic para facer eixadas, legoñas, fouces e demais ferramentas de labranza.
     O navío belga sería adquirido finalmente polos irmáns José e Juan Chás Morlán, os “Chás”, armadores da Coruña que tiñan bous de pesca que faenaban no Gran Sol. “Eu daquela tería oito ou nove anos. Meu pai (José Castro, coñecido por “Rosende”) fora o encargado do desmantelamento. As pranchas de ferro carretábanse en carros de bois até onde hoxe en día está o restaurante “Sol e Mar”, e tamén lembro que dicían que os “Chás” deixaran alí unha fortuna despois de pagar moitos xornais”, contaba en decembro de 2011 Manuel Castro, veciño do lugar da Corcella (parroquia de Armentón). Anselmo tamén apuntaba que o barco tiña un motor moi potente, dun só pistón, que os “Chás” se encargaron de desmontar mais, segundo el, non foron quen de adaptalo a nengún dos seus barcos.
     
     Tralo sinistro acontecido no areal do Reiro, os falanxistas intensificarían notablemente a vixilancia costeira no litoral de Arteixo, dobrando as gardas na Batería de Costa de Monticaño e establecendo novos postos, como o do campo da Sartaña, lugar do actual “Quinito” no que había dúas trincheiras con parapeito e dúas metralladoras. Os falanxistas deste posto tiñan os barracóns en Barrañan, á altura onde hoxe está o Hotel. No Rañal, había un niño de metralladora, que aínda hoxe se conserva en perfecto estado moi perto da fonte do Paiolo e, segundo algunhas informacións, tamén había outro posto de vixianza no Monte de San Tirso, por onde hoxe está o depósito de auga do Polígono de Sabón. As tropas destos postos tiñan os seus barracóns no alpendre dos de Tiso, lugar no que, segundo contan os maiores do lugar, había xolda con frecuencia.

     Despois de que os “Chás” desmantelasen parte do barco e desmontasen o motor, os restos do Arctic iríanse convertendo co paso do tempo nun gran criadeiro de polbos e, nos depósitos de combustible, de camarón. Co decurso dos anos, eses restos serían devorados polo salitre e soterrados na area, aínda que coa forza dos temporais do inverno, de cando en vez quedan ao descuberto.

                                      

domingo, 17 de xaneiro de 2016

CASOS E COUSAS

O AEROPORTO DE ARTEIXO

     Ao igual que noutras cidades europeas, o interés pola aviación na Coruña nacía nas primeiras décadas do pasado século XX grazas a un grupo de amigos, dedicados a distintas profesións, que principiaran a interesarse polas novas que chegaban desde Estados Unidos, Inglaterra ou Francia, nazóns donde varios aficionados levaban xa certo tempo realizando arriscadas experiencias para facer realidade unha das máximas aspiracións do ser humano: poder voar, aspiración na que os irmáns Wright puxeran a primeira pedra no ano 1903 en Carolina do Norte (EE.UU.) ao lograr que aparatos máis pesados que o aire foran quen de elevarse da terra. Así pois, na Coruña podemos considerar pioneiros da aviación a ese grupo de amigos, que fundarían sociedades en torno aos voos sen motor e tamén, polo que nos conta Angel Padín Panizo, a crear publicacións nas que se recollían todo tipo de informacións sobre estas aspiracións.

     Foi así como xurdiría o chamado Aero Popular Coruña (APC) constituído como entidade de carácter deportivo e social e domiciliado en Riazor "frente a las instalaciones del Deportivo", segúns anunciaban os seus directivos nos xornais locais a finais da década dos vinte. Mais uns anos antes, en 1911, a cidade xa vivira a súa primeira experiencia aeronáutica cando a "Liga de Amigos" ofrecera un festival de aviación como número extraordinario das festas de agosto de María Pita. Os aviadores franceses Laforestier e Mauvais serían os encargados de ofrecer ao público un espectáculo aeronáutico que se celebraría no improvisado aeródromo ubicado no Campo da Estrada, espectáculo que se repetiría nos anos 1912 e 1913, tamén con aviadores franceses. En 1914, sería o piloto galego Pepe Piñeiro "O Rei dos aires" o encargado de amenizar cos seus voos as festas da cidade, realizando piruetas a 650 metros de altura.

     Á marxe dos espectáculos festivos de aviación, os primeiros aterraxes efectuados por avións na nosa área terían lugar no concello de Oleiros en xullo de 1926 cando nove avións militares, un deles pilotado polo coruñés Félix Bermúdez de Castro, aterraran na praia de Santa Cristina. Catro anos máis tarde, o 23 de novembro de 1930, un enorme hidroavión alemán "DC-X", construído pola casa Dornier, amaraba na baía coruñesa, con quince tripulantes e sete pasaxeiros a bordo como escala do seu primeiro viaxe a América, acontecemento que despertara gran curiosidade e que movilizaría a multitude de coruñeses e coruñesas.

     A necesidade dun aeroporto empezaba a ser unha evidencia e, por tal motivo, poucos días despois de aterrar na cidade o "DC-X" alemán, o departamento de arquitectura do concello herculino, a cargo do arquitecto Pedro Mariño, daba a súa aprobación a un plano elaborado por especialistas do "Cuerpo de Estado Mayor del Ejército"  (E.M.), firmado polo "Teniente Coronel Jefe de la Comisión Geográfica de Galicia" e no que se realizaba un estudio das inmediacións de Arteixo para un campo de aviación. Si, si, ledes ben...un aeroporto en Arteixo!
Plano do proxecto para construir un campo de aviación en Arteixo




     A ubicación escollida era o que comprendía os lugares de Chan de Agra, Agra de Arteixo, Fornos, Brozo, Rañal de Arriba, Foxo dos Lobos, A Pedreira, Terras do Campo, Cavernas, Abelendos, Oseiro...é dicir, o mesmo espazo donde tres décadas máis tarde se levantaría o Polígono Industrial de Sabón.

     Todo quedaría nun simple intento, se cadra pola morte de Pedro Mariño que falecería en 1931, e o proxecto non sería desenvolvido.

     A Coruña seguiría coas súas aspiracións ante un fenómeno que naquela hora xa estaba nunha fase ben avanzada como era o da aviación e, despois do estudo doutros emprazamentos (Ría do Burgo, Betanzos, A Laracha, Carballo...) e das presións exercidas por un grupo de cidadáns, capitaneados por Pedro Barrié de la Maza, A Coruña conseguiría dispor, ao fin, dun aeroporto. A decisión final do seu emprazamento fora  nun alto do lugar de Alvedro (Culleredo), donde en xullo de 1954 entrarían as primeiras máquinas e que botarían case nove anos traballando na súa construcción. Unha vez rematadas as obras, o aeroporto abriríase ao tráfico aéreo civil estatal o 25 de maio de 1963, día da súa inauguración oficial e no que chegaba o primeiro avión comercial desde Madrid, voo que operara a compañía Aviaco.


FONTES:
-"Hace setenta y cinco años A Coruña presentó su primer proyecto para construír un aeropuerto en Arteixo". Angel Padín Panizo. Revista "La Coruña, historia y turismo". 2006
-"El aeropuerto de Alvedro: Crónica de una aspiración coruñesa". Manuel Fiaño Sánchez. Anuario Brigantino 2012, nº 35.


mércores, 13 de xaneiro de 2016

BALNEARIO

BREVE HISTORIA DO BALNEARIO DE ARTEIXO

     Aínda que o lugar de Caldas, que é un termo romano para indicar augas quentes, danos pé a pensar que os seus precedentes son moito máis antigos, a primeira constancia documental que hai sobre o Balneario arteixán data do ano 1760. Nese documento, o emprazamento do edificio descríbese como un lugar illado do núcleo poboacional da Baiuca e faise mención dunha serie de edificacións das que contaba o recinto termal: hostal, casa de baños, capela e un arrimo para as cortes. No documento detállase tamén, que un destes arrimos, facía ás veces de hospital e nel recollíase á xente máis humilde, condición obrigatoria para poder explotar as súas augas termais. Co paso dos anos o edificio, que xunto co de Carballo era o único termal recoñecido en toda a provincia da Coruña, convertiríase en centro de gran actividade social e marco de feitos históricos de certa importancia coma o protagonizado a primeiros do século XIX polo xeneral Juan Díaz Porlier que, cando cumpría condena no castelo de San Antón por expresar a súa protesta pola abolición da Constitución de 1812, solicitáralle por motivos de saúde ao Capitán Xeral un permiso para pasar uns días nos Baños de Arteixo, donde xa levaba uns días instalada a súa muller Josefa Queipo de Llano e a servidume. Mais, tras novas peticións ás autoridades militares da Coruña, Porlier obtería un novo consentimento, esta vez para instalarse en Pastoriza, na casa de campo de Andrés Rojo del Cañizal (actual Vilariza), lugar no que prepararía o levantamento do 9 de agosto de 1815 contra o goberno absolutista de Fernando VII. O "Marquesito", alcume de Porlier, fracasaría no intento de derrocar ao rei español e sería condeado a morte, sendo aforcado en outubro dese mesmo ano no Campo da Leña da Coruña.

     Dous anos despois da morte de Porlier, en 1817, noméase por primeira vez un médico director xa que, ao parecer, o Balneario era cada vez máis visitado e valorado pola súa capacidade para curar, mais como os usuarios tomaban as augas ao chou, sen ningún tipo de control médico, ocorrían a cotío desgrazas que fixeran ver a necesidade de tal nomeamento. Aínda así, non sería ata 1849 cando Antonio Casares realiza a primeira análise das augas, estudio no que se verifica que estas son moi mineralizadas, con altísimos porcentaxes de cloro e sodio ademais de outros compoñentes: xofre, calcio, flúor, bromo e iodo, que se empezarían a recomendar para o tratamento de afeccións cutáneas, reumatismos, trastornos respiratorios e problemas de tipo nervioso.

     Cara a mediados deste século XIX e según as investigacións do doutor Pedro María Rubio, que aparecen reflexadas no seu libro, Tratado completo de las fuentes minerales de España (publicado en 1853), a propiedade do Balneario de Arteixo era compartido por catro propietarios, que tiñan feita a partición dos edificios e administrábanos por si mesmos ou por medio de dependentes. Naquela hora, a dirección facultativa corría a cargo de don Isidoro Ortega, quen tamén se ocupaba da dirección do Balneario de Carballo, recinto que nesa época fora adquirido polo xurista e político ourensán Pedro Sanjurjo, que entre outros cargos, fora Conde de Torre Panela, deputado a Cortes por Ourense (1839-41 e 1844-46) e polo distrito de Bande (1850-54 e 1857-58), oídor da Real Audiencia da Habana (1849) e, maxistrado decano da Audiencia de Manila (1869).

     Mais no Balneario de Arteixo había un quinto propietario: o banqueiro madrileño Angel Henry que, aínda que nun principio tivera abandonada durante algún tempo a súa parte do recinto, según publica Rubio no seu Tratado completo de las fuentes minerales de España..."abrió en su establecimiento un salón de sociedad decentemente adornado, con periódicos, juegos permitidos y piano, arregló un local para fonda y amuebló las habitaciones".

     Henry, deste xeito, convertera a súa parte dos Baños no epicentro da vida social do concello e tamén se encargaría de amañar unha gran horta para adicala a xardíns e a paseos. Pedro María Rubio describía como era o núcleo de Arteixo de mediados do XIX deste xeito: "Hay paseos amenos y deliciosos en el pequeño valle y su carretera, y una hermosa y dilatada  pradera adornada de árboles silvestres de todas clases, que prestan gustosa sombra. Esta pradera, que es la que media entre los baños y la  carretera, está cruzada por un arroyo pequeño, que abunda sin embargo en truchas y anguilas y va a desaguar al Océano Cantábrico, que dista de  allí un cuarto de legua escaso. Las colinas que rodean el valle están pobladas de frondosos y dilatados pinares, y en sus faldas se ven viñedos, prados, huertos y tierras bien cultivadas".

     A finais deste século XIX, en 1898, o carballés Manuel Rodriguez Més, home acaudalado que lograra unha gran fortuna e que casara coa súa propia curmán, a arteixá Flora González Més, compraríalle aos herdeiros de Henry o Balneario pola respectable suma de 9.000 pesos dos da época. Non tardaría moito en darlle aos Baños unha vitalidade e uns servizos dos que carecían as instalacións e, nese mesmo ano, encárgalle ao arquitecto vasco Juan Ciórraga i Fernández de Labastida, impulsor das galerías do Ensanche coruñés e diseñador do asilo de anciáns de Adelaida Muro, tamén na Coruña, a construcción do edificio do hotel, dotado de planta baixa e dúas alturas que se edificarían con pedra de cachotería entre os anos 1898 e 1911.
Paseo por Arteixo nos primeiros anos do século XX. Ao fondo da imaxe vese o Balneario
     Principiaba, deste xeito, a relación da familia González Més cos Baños de Arteixo, unha relación que en realidade xa a iniciara o pai de Flora, Manuel González Iglesias (Alcalde de Arteixo entre 1890 e 1891), cando fora durante un tempo o administrador do Balneario. Tamén, durante os anos que Manuel Rodriguez e a súa muller Flora estiveran ao fronte do negocio, un irmán desta, Baldomero González Més, fervente seguidor da doutrina do conservador Cánovas del Castillo, fora o Alcalde de Arteixo en tres etapas distintas: 1914-1916, 1920-1923 e 1930-1931. Esta fora se cadra a mellor época do Balneario, uns anos de esplendor no que o edificio termal era frecuentado por persoeiros da talla de Manuel Mª Puga Parga "Picadillo", xuiz municipal de Arteixo entre 1901 e 1903 que chegaría a ser o Alcalde da Coruña no ano 1915; Ricardo Fernández Cuevas i Salorio, director xerente de Augas da Coruña S.A., empresa que se constituíra en 1903; o poderoso banqueiro coruñés Narciso Obanza Alonso, casado con Elena Miranda Santos (filla de Luis Miranda, o precursor da actividade téxtil na Coruña) e amigo persoal de Baldomero González Més, que en realidade era o seu corresponsal en Arteixo; ou Raimundo Molina, un dos promotores do porto herculino, que viña aos Baños acompañado da súa dona Evarista (filla do doutor Alejandro Brandao, Alcalde da Coruña entre 1881 e 1885) e do seu fillo Alfonsito, un rapaz que co tempo presidiría a alcaldía herculina dende o ano 1947 ata 1958. Si, estamos a falar de Alfonso Molina.

     Os González Més terían moito peso tanto na vida política coma na socio-cultural e tamén relixiosa dese Arteixo de principios de século XX. Xa falamos de Baldomero, alcalde do concello en varias ocasións, e de Flora, propietaria xunto co seu home do Balneario, mais aínda quedan no tinteiro anécdotas do resto dos irmáns, que en total foran doce, das cales falaremos noutra ocasión.
Carlos del Río Troche (imaxe cedida pola súa filla Ana)
     Paralelamente á entrada na alcaldía herculina dun dos hóspedes máis ilustres do Balneario, Alfonso Molina, os Baños cambiarían de propietarios pasando, por herdanza, ás mans de Enrique Rodriguez Més, que estaba casado con Milagros del Río Troche. Mais Enrique non estaba pola labor de levar as rendas do negocio e pediríalle a seu cuñado Carlos, daquela empregado do Banco Pastor, que se puxera  ao fronte, petición que este aceptaría.

     Eran os tempos nos que a fisionomía da vila variaba considerablemente cada verán. Os meses de xullo e agosto rexistraban cada ano unha gran afluencia de visitantes que, dende puntos ben dispares, viñan a Arteixo a tomar os baños por prescripción médica. Outro persoal, como era o caso de moitos dos novos usuarios, chegaba á vila por consellos de amigos que melloraran das súas doenzas grazas as augas arteixás. Naquela época, non era difícil que houbera máis de cen persoas hospedadas no hotel do Balneario e tampouco era inusual ver disfrutar a varios centos de bañistas dos servizos do centro, clientes que alternaban as súas estadías no edificio con excursións ás praias de Alba e Sabón ou aos montes de Subico e Santa Locaia.

     Carlos del Río Troche e a súa muller, Laura Doldán Rivas, levarían a administracción do Balneario desde finais da década dos cuarenta ata 1962. Pouco se asemellaba o Arteixo daqueles días co de hoxe. Na zona dos Baños estaba o hotel e un hospitalillo e, posteriormente, habilitaríanse unha especie de albergues ou ranchos que era o lugar donde se hospedaban os clientes que non podían pagar a estadía no hotel mais sí acudir a tomar os baños, xa que o recinto tiña a obriga de aloxar aos enfermos dos concellos veciños que estaban escritos na beneficiencia. Neses anos, principalmente nos cuarenta, o Balneario tamén era utilizado polo R.C. Deportivo, que se concentraría en numerosas ocasións nas súas instalacións. Para a historia tamén queda a concentracción, durante a primeira semana de maio de 1945, da selección española de fútbol na que xa destacaba o lendario Telmo Zarra.

     Carlos del Río falecería dun infarto en 1962 e sería aí cando entrarían en escena os actuais propietarios dos Baños, é decir, os irmáns Mosquera Calvete que, logo das oportunas negociacións con Francisco Rodriguez "Pancho", fillo de Enrique Rodriguez Més, faríanse co recinto termal nestes anos sesenta, pouco despois de que un dos irmáns, Domingo Máximo "Pitos", debutara en 2ª División co Racing de Ferrol... uns Mosquera Calvete que levan administrando o Balneario máis de medio século e que acometerían unha rehabilitación das instalacións coincidindo cun programa de reordenación urbanística do contorno, no que se construiría o paseo fluvial e a Casa da Cultura.
O Balneario a principios dos anos cincuenta (imaxe cedida por Ana del Río)

     Os Baños, historia e tradicción que nos traen á memoria esa tranquilidade perdida por mor das  presas coas que hoxe convivimos, tamén están asociados a varias curas miragreiras das que non hai moito tempo alguén me comentou, sen ningún recato, que seica unha persoa que no seu día chegou ao Balneario con muletas, despois dun adecuado tratamento e grazas ás augas á que foi sometida, voltaría ao seu domicilio sen as ditas muletas, deixando unha delas colgada na capela do recinto.

     Un ambiente de veraneo da decadencia romántica, alá polo 1890, como sinala a fonte do Balneario, segue envolvendo a atmósfera deste histórico lugar descuberto, paradoxos da vida, según afirma a lenda, grazas a un burro que curou as súas feridas e mazaduras nunha fonte próxima ao lugar donde pacía.




FONTES:
-Seminario Permanente CEP "Galán" de Oseiro e CEIP "Ponte dos Brozos"
-"De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam". Fernando Patricio Cortizo&Xabier Maceiras 

sábado, 9 de xaneiro de 2016

HOSTALERÍA

O BAR "INSUA"

     Cada vez que entro no Bar Insua, coñecido popularmente como "O Muiñeiro", a tomar un café ou a selar unha Primitiva dame a impresión que fago unha viaxe no tempo semellante á que fixera Marty McFly (Michael J. Fox) en "Regreso al futuro", película na que o protagonista chega ao ano 1955 nunha máquina creada polo seu amigo Doc, o científico ao que todos tomaban por tolo...lembrades?

     No Bar Insua, a persoa que nos fai viaxar ao pasado é Pepe, Pepe do Muiñeiro, que leva máis de catro décadas ao frente do negocio. Se nunca entraches no bar advírtoche que non podes ir con presa. Pepe ten o seu ritmo e non é de cortar a conversa coa clientela (a maioría dela xubilada) cando lle piden unha consumición. Conta con paixón as súas lembranzas, e abofé que sabe transportarte (se cadra os seus tempos de taxista teñen algo que ver) ao Arteixo do pasado describindo con todo tipo de detalles como era a vila e as súas xentes nos anos cincuenta e sesenta. Nese viaxe no tempo, do que aínda quedan no bar algúns vestixios dos seus primeiros tempos como a televisión (unha das primeiras que houbo no concello), o aparato de radio ou algunhas botellas de coñac, negras polos fumes das farias de anos de reñidas partidas de tute e dominó, Pepe tamén te conduce aos tempos no que o fútbol era un deporte e non un negocio falando dos Mundiais, do noso Deportiviño, de Arsenio Iglesias ou dos derbis de antano entre o Penouqueira e o Atlético Arteixo, do que él fora xogador e o seu irmán Fernando fundador.
Pepe facendo un café e, no centro da imaxe, o antigo televisor do Bar Insua
                    
     O edificio donde está o Bar Insua, no cruce da Avenida de Fisterra coa Avenida de Caión, é unha casa única, distinta a todas e cun deseño pouco común que a min sempre me gustou pola gran cantidade de ventás que ten.

     Esta casa construírona os pais de Pepe, Manolo "o Muiñeiro" e  Mari
Pepa, matrimonio que tiña catro fillos (Carmen, Fernando, Manolo e Pepe) e residencia en Candame, lugar donde tiñan muíño, de aí o alcume do bar. 

     Unha vez rematada a obra, da que Manolo encargaríase de facer a carpintería, a principios dos anos cincuenta a familia trasladaríase definitivamente de Candame ao seu novo domicilio, naquela hora coñecido como o lugar de O Cruce, deixando a pranta alta da casa para vivenda e o baixo para negocio.

     O local, que empezaría a funcionar como ultramarinos e taberna, non tardaría en se converter nun dos principais referentes futboleiros da zona, iso si, sempre identificado coas cores do Atlético Arteixo xa que Fernando, un dos fillos de Manolo e Mari Pepa, fora xunto a Eduardo de Martís o fundador do equipo branco e vermello.
O Bar Insua nos anos 60
      Nos primeiros anos Fernando era o que estaba detrás da barra da taberna, un Fernando que tamén sería o gran impulsor do fútbol federado de Arteixo, primeiro ideando o Torneo de Preparación, que fora unha especie de liga de peñas disputada en 1961, e no ano seguinte a chamada Liga de Arteixo, na que participarían só catro equipos, o Paiosaco, o Campanal, o Sporting Uxes e o Atlético Arteixo, e que sería a primeira competición oficial que, por certo, gañarían os da feira.

     Ao crearse a Liga de Arteixo, é doado imaxinar como eran os luns daqueles primeiros anos sesenta no bar Insua: fútbol, fútbol e máis fútbol e, de seguro, que co semanario deportivo Riazor enriba da barra, semanario do que daba boa conta a clientela lendo as crónicas que enviaba Fernando baixo o seudónimo de FINGA (Fernando INsua GArcía)...mais Fernando, coma tantos miles de galegos, faría a maleta e emigraría a Inglaterra, donde estaría 17 anos sen voltar a Arteixo. Ao vir das illas británicas abriría unha tenda de deportes, Deportes Gido, na que cada vez que lle ías comprar algo sempre che amosaba as súas famosas libretas donde tiña anotados todos os resultados históricos de infantís, xuvenís e aficionados dos equipos da zona.

     Ao emigrar FINGA, seu irmán Pepe, que daquela traballaba na Seat e tamén botaba unha man no bar os fins de semana, quedaría ao frente do Insua e a día de hoxe, case medio século despois, segue facendo cafés, selando quinielas e transportándonos no tempo coas súas conversas dos tempos de antano.
   

domingo, 3 de xaneiro de 2016

MÚSICA

LEONARDO CORRAL, VÍCTOR IGLESIAS E A MUIÑEIRA DA BAIUCA
(Relato de Víctor Iglesias García)

     Leonardo Corral foi o primeiro mestre de gaita que houbo en Xiradela, cando o local aínda estaba na rúa Independencia. Xa choveu dende aquela...Había unhas cantas mestras de baile, e unha tal Mercedes Peón daba clase de pandeireta. Naqueles tempos Jose o de Rozas estreara un Renault Fuego...
Leonardo Corral
  
     E aló fun eu, cos meus seis anos e as miñas patillas en potencia:

-Don Leonardo, quero tocar a muiñeira de Chantada.
-Sácateme de aí -respondeu él- ...a de Chantada tócaa calquera. ¿Queres aprender a muiñeira da Baiuca, que aínda non a sabe ninguén?.

     E eu asentín, camelado pola novidade que supoñía tocar unha peza autóctona. Chantada quedaba un pouco a desmán.

     A muiñeira da Baiuca compúxoa o propio Leonardo para os seus alumnos de Arteixo. Él era natural de Portomarín, na provincia de Lugo, pero casara cunha moza de Morás e vivían na Coruña, donde tiñan unha zapatería nos Mallos, na rúa Borrallón. A zapatería era a tempo parcial pois el vivía de tocar a gaita. Algún ano chegou a dar máis de cen alboradas. Non vos dixen do grupo: eran "Os Cinco de Galicia". A principios dos anos setenta na Coruña había tres cuartetos: "Os Matos", "Os Tempranos de Eirís" e "Os Brisas". Antes de que xurdiran "Os Cinco", Leonardo xa tocara moito con Xosé Cardelle e cos seus respectivos fillos, Luis e Lois (este Lois Corral tamén merece unha mención. Será noutra  hora).
"Os Cinco de Galicia"
     Eu soubeno despois do seus falecemento, pero a Leonardo alcumábano "O Pequeno". Sendo politicamente correctos,  diríamos que era xeitoso. Andaba sempre moi arreglado, con brillantina no pelo e lucía por bigote unha liña ben aqueloutrada. Calzaba botín con algo de tacón, e tiña un Seat 127 verde cunha pegatina de "Galicia" atrás.

     Tocaba moi ben, e as pezas lucíanlle polo bo gusto. Hoxe en día non está de moda o bo gusto. Actualmente lévase o virtuosismo gratuito e o "veña-dedos-pra-riba e-pra-baixo". Leonardo non utilizaba máis adornos dos necesarios, e el sabía que o lucimento consistía en facer bailar á xente, ou en que a peza se entendese ben, e non dar tropecentas notas por minuto.

     Na praza do Padre Rubinos, alí perto da rúa Borrallón, hai un praca na súa memoria e aquí en Arteixo deixou a súa pegada no recordo de moitísima xente. Así que @s que non sabiades del alomenos agora podedes sacar en limpo que a Baiuca ten unha muiñeira...e ben chusquiña por certo.