HISTORIA DO CONCELLO



O PALEOLÍTICO

     O  paleolítico é o período máis antigo da historia da humanidade, que se sitúa cronoloxicamente desde o momento da aparición do home ata hai algo menos de 10.000 anos. Etimoloxicamente, paleolítico significa a idade da pedra máis antiga; é dicir, a dos instrumentos de pedra tallada. Dentro do paleolítico os arqueólogos establecen tres etapas: inferior, media e superior, ordenadas de maior a menor antigüidade.

     Non se sabe con precisión cando o home fixo a súa aparición por primeira vez no territorio galego; máis, non hai dúbida de que polo menos a súa antigüidade é superior aos 150.000 anos. Noutros puntos da península Ibérica parece estar demostrada a presenza humana hai 700 ou 800.000 anos.

     Se non é doado dictaminar cando principiou a estar poboada por seres humanos o que hoxe é Galiza, máis dificil é facelo non territorio máis reducido como é Arteixo. Sen saír do campo da conxectura, é probable que no noso concello houbera xa presencia humana no paleolítico inferior, fai agora entre 100.000 e 500.000 anos.

     Tal posibilidade ven dada pola aparición no lugar da Rocheira, na parroquia de Loureda, dunha pedra de cuarcita, con aspecto de ser tallada e retocada pola man humana, coa técnica á que na literatura especializada denomínase clactoniense, termo acuñado ao ser estudiada por vez primeira no xacemento británico de Clacton-on-Sea.
                                          Lugar da Rocheira (Loureda)

     A lasca en cuestión atopouna, na superficie dun vello camiño da Rocheira, o investigador Luis Monteagudo, que daría a coñecer o seu descubremento na revista Cuadernos de Estudios Gallegos en 1947. Mais sen o menor ánimo de poñer en dúbida a correcta clasificación da peza e a súa atribución ao paleolítico inferior, non deixa de ser certo que un gran non fai graneiro polo que, ao non estar documentado ningún xacemento da época na nosa zona, poucas son as conclusións que deste achado descontextualizado podemos extraer.

     As condicións ambientais de Galiza non eran obviamente as mesmas que na actualidade. Durante o paleolítico houbo varios períodos fríos, seguidos doutros (fases interglaciares) caracterizados por un clima temperado. Conta Xulio Carballo Arceo no seu traballo Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado, que no transcurso dos períodos fríos os glaciares ocupaban unha parte importante do territorio. A totalidade das serras orientais e meridionais (Os Ancares, O Courel, O Eixe, Queixa, Xurés), así como as centrais (Xistral, Faro de Chantada, Faro de Avión), posuían neves perpetuas nas súas partes máis elevadas (por riba dos 700 m) e que, como consecuencia das diferentes fases climáticas que sufriu o paleolítico, producíronse grandes cambios na vexetación, no relevo e na liña costeira, que darían pé a que os grupos humanos se tiveran que adaptar a eses diferentes medios naturais, moi distintos ao presente.

     O home paleolítico caracterízase polo seu nomadismo, debido a que necesitaba dunha certa mobilidade para abastecerse de alimento e materia prima. É por esa razón que os seus campamentos eran provisionais ou estacionais, polo que é máis que probable que a machada que Monteagudo atopou na Rocheira en 1947 pertencera a algunha pequena banda recolectora e cazadora que practicaba a depredación dos recursos naturais pola que hoxe é o noso concello.
                                          Machada que Monteagudo atopou na Rocheira


FONTES:
-Cuadernos de Estudios Gallegos de 1947; Luis Monteagudo
-Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado; Xulio Carballo Arceo
-El golfo Ártabro; Juan L. Naveiro López
-La Coruña antes de Roma; José Má Bello


A INSCRICION MEDIEVAL DA IGREXA DE ARMENTÓN

    Na parte exterior do muro absidal da igrexa parroquial de San Pedro de Armentón hai unha pedra que chama poderosamente a atención e que non pasa desapercibida para ninguén que visite o templo. 

  Imaxinanos que este pequeno tesouriño foi, con certeza, motivo de debate nos xantares e nos faladoiros que organizaba Manuel Mª Puga Parga, 'Picadillo' (1874-1918) no seu pazo de Anzobre, un dos centros neurálxicos da cultura galega da época.

   A pedra en cuestión ten unha inscrición, que aparece así:

  Non é difícil percibir que a pedra está invertida e que a posición correcta é esta:

   O prezado e admirado Francisco Antonio Vidal, o escritor que lle da nome á biblioteca de Froxel, xa ten falado nalgunha ocasión sobre a devandita inscrición no seu magnífico blogue “Os chanzos: viaxe dos fastos ós festexos” (https://oschanzos.blogspot.com/), un espazo rico e ameno de achegas de temática cultural galega que vos recomendamos visitar.

   Outra das persoas que estudou o gravado foi o profesor Montero Santalha, quen, no número XX da revista Nalgures, apunta que todo parece indicar que o que podemos ler na pedra é un fragmento dunha inscrición máis longa. Tamén comenta que é moi posible que o resto da inscrición se encontre en algunha outra pedra, aproveitada en calquera outro punto da igrexa e que probablemente inclúe a parte final dunha datación e o nome dun presbítero.

  Na inscrición que está a vista na fachada posterior da igrexa de Armentón lemos:

xuiª. E9.P.tR

   Supoñendo que se trata dun pequeno fragmento dunha inscrición máis longa, non é absolutamente segura a súa interpretación en todo o seu alcance, mais segundo Montero Santalla podemos interpretala así:

[Era ...] XVIª. E[r]us presbyter

  Probablemente a inscrición facía referencia a construción da igrexa de Armentón, na época medieval. Nas nosas igrexas son abundantes as inscricións deste xénero referentes á fundación, construción ou reconstrución de edificios relixiosos. Normalmente indican a data e con frecuencia tamén o responsable ou promotor da obra.

  Polo feito de estar en latín, debemos supoñer que o gravado procede dos séculos X-XIII, cando aínda o latín era o idioma habitual da escrita (a pesar de non ser a lingua falada pola xente).

   É obvio que a pedra coa inscrición está recolocada fora do seu lugar orixinario e sería aproveitada dunha localización anterior na mesma igrexa, algo que acontecía con relativa frecuencia. Segundo o profesor Montero Santalha, cando se remodelaron moitos templos medievais de estilo románico, especialmente ao longo do século XVIII, as partes que se modificaron preferentemente foron a fachada, as portas laterais e as xanelas, co fin de realizar algunha ampliación do espazo, alargar as entradas e as xanelas para conseguir unha mellor iluminación e reforzar os muros da fachada para construir sobre ela unha torre para os sinos. Neses puntos remodelados era onde se encontraban preferentemente as inscricións relativas á orixe, construción ou inauguración da igrexa. 

Igrexa de Armentón

   As pedras falan, abofé!


FONTES:

Montero Santalha, José Martinho (2022): A inscrição medieval da igreja de Armentón. Revista Nalgures, tomo XX, pp. 347-353, https://www.estudioshistoricos.com/wp-content/uploads/2022/12/nalgures-xx.pdf

Vidal, Francisco Antonio (2013). «Unha curiosa relación entre Xúpiter e san Pedro en

Armentón», https://oschanzos.blogspot.com/2013/06/unha-relacion-entre-xupiter-e-san-pedro.html

Vidal, Francisco Antonio (2014). «Aves de luz e esperanza», https://oschanzos.blogspot.com/2014/01/aves-de-luz-e-esperanza.html

Vidal, Francisco Antonio (2014). «San Pedro de Armentón», https://oschanzos.blogspot.com/2014/06/san-pedro-de-armenton.html




A RELACIÓN DE PORLIER CON ARTEIXO

     Nado no ano 1788 en Cartaxena de Indias (Colombia), o xeneral Juan Díaz Porlier, un dos máis célebres "guerrilleiros" da chamada Guerra da Independencia (1808-1814), garda unha incógnita sobre a súa orixe paterna, xeneralmente atribuída ao tamén Mariscal de Campo Esteban Porlier y Asteguieta, Marques de Bajamar, razón pola cal o protagonista desta historia era coñecido asimesmo polo alcume do "Marquesito" ou "Marquesillo", que tería o seu bautismo de fogo, como garda mariña, aos dezasete anos nunha acción tan importante como a de Trafalgar (21 de outubro de 1805). Non tardaría en pasar ao exército de terra, onde sería destinado como capitán ao reximento de Mallorca, mais ao organizarse o exército de Extremadura por mor do levantamento contra a invasión napoleónica, Porlier ascendería en 1808, aos vinte anos de idade, ao emprego de Coronel, co cal tomaría parte na tamén desgraciada batalla de Gamonal, batalla na que se encargaríase de xuntar os dispersos das tropas españolas para organizar partidas que acosaban e inquietaban as retagardas francesas por terras de Palencia, León, Asturias e Cantabria.

     No mes de maio de 1811, en plena guerra contra as tropas francesas, "O Marquesito" casa aos vintetrés anos con Josefa Quipo de Llano y Ruiz de Saravia, irmá do famoso político e historiador Conde de Toreno, casamento que axudaría a encuadralo ante a opinión española da época no bando chamado "liberal".

     Os anos de 1812, no que foi promulgada polas Cortes a Constitución (reunidas extraordinariamente en Cádiz o 19 de marzo, día da promulgación da "Pepa") e 1813 aportarían a Porlier novos e destacados triunfos que acrecentarían a súa popularidade de experto caudillo, entre os cales resulta, ante todo, a conquista de Santander (2 de agosto de 1812), en combinación coa frota do Comodoro inglés Sir Home Pophan, e a victoria de San Marcial (31 de agosto de 1813), que lle valería o ascenso a Mariscal de Campo.

Juan Díaz Porlier


     O ano 1814 principiaría con malos auspicios para este persoeiro. En primeiro lugar, co falecemento o 3 de xaneiro da súa filliña Juana, aos dezaoito meses. Posteriormente, unha vez rematada a Guerra da Independencia, vería incumpridas as súas demandas para a Comandancia da Costa de Cantabria e para a concesión da Orde Militar Nacional de San Fernando, á que se consideraba con sobrados méritos. Por último, ao voltar a España Fernando VII, "el Deseado", e principiar a súa reacción absolutista perseguindo aos liberais e derogando a Constitución, unhas cartas indiscretas motivarían a súa detención o 28 de maio e o seu conseguinte procesamento, en virtude do cal sería condenado á pena de confinamento por catro anos na Coruña, sendo encarcelado no castelo de San Antón na compaña da súa muller Josefa Queipo de Llano.

     O gobernador do castelo trataríao coa maior deferencia e permitiríalle numerosas visitas e pasear polo adarve das murallas. Se cadra tales condescendencias deran lugar a que Porlier entrara en relación con militares e civís descontentos do goberno da "camarilla" que rodeaba a Fernando VII e que lle convidaba a exercer un despotismo severo, que descuidaba as necesidades dun exército que vivía na miseria polo atraso das pagas, chegando algúns oficiais á triste necesidade de mendigar para subsistir. Ante as moitas queixas que chegaban aos seus oidos, Porlier chegaría a concibir a idea de "pronunciarse" en favor do restablecemento da Constitución de 1812, que o monarca Borbón derogara o 4 de maio de 1814.

     Con tal fin, "o Marquesito" solicitaría do Rei autorización para trasladarse ao Balneario de Arteixo para atender a súa saúde e a da súa muller. O 18 de agosto de 1815 recibiríase na Coruña a autorización solicitada, e o Capitán Xeral Felipe de Saint Marcq designa ao Capitán Castañera do reximento de Lugo para que, ao mando dun sarxento, tres cabos e doce soldados do seu Corpo custodie a Porlier durante a súa viaxe e estadía en Arteixo, que se emprende o día 20.

     Finalmente, tras un novo permiso, o matrimonio Porlier Queipo e a servidume instalaríanse en Pastoriza, na casa de campo do seu amigo Andrés Rojo del Cañizal, casa que actualmente é o Restaurante Vilariza e na que permanecerían aproximadamente un mes.

Casa de Andrés Rojo del Cañizal, hoxe Restaurante Vilariza

   En Pastoriza, recibe Porlier numerosas visitas de xefes e oficiais que han de cooperar ao seu intento de rebelión, que se inicia na noite do 18 ao 19 de setembro, na que "o Marquesito" entra na Coruña pola Torre de Abaixo, ponse en relación coa súa xente e consegue sublevar ás tropas da guarnición, detendo ao Capitán Xeral e ao Gobernador Militar, proclamándose Comandante interino do Reino de Galiza.

     Na madrugada do 19 comezan a aparecer persoaxes da trama que permanecían ocultos traballando polo restablecemento da Constitución. Entre eles destaca como principal Manuel de Santurio García-Sala, o que máis influirá no desenvolvemento do Pronunciamento como elaborador das proclamas que Porlier dirixe ao Concello da Coruña, á Audiencia Territorial, á Nación Española, aos soldados do exército do reino de Galiza, ao Correxidor da Coruña, e o Bando aos habitantes de esta poboación, etc...

     Mais o Pronunciamento non atoparía eco nin entre os habitantes da cidade herculina, que o recibirían con indiferencia, nin entre as demais guarnicións de Galiza, excepto na de Ferrol, que se sumaría o día 20. Mais, pola contra, a de Compostela, onde se xuntaran perto de 4.000 homes de tropas regulares, financiadas polo clero e ao mando do Mariscal de Campo José Imaz, o Brigadier José Pescy e os Coroneis Antonio Alonso Ortega e José Miranda, púxose en contra.

     En vista disto, Porlier determinaría saír da Coruña, para someter a Santiago, ao fronte dunha columna composta por varios batallóns de infantería e algunhas pezas de artillería. Tal columna partiría na madrugada do día 22, baixo o mando do Capitán Castañera, incorporándose a ela "o Marquesito" nas cercanías de Carral, desde donde todos proseguiron a marcha ata a alcanzar Ordes ás cinco da tarde do mesmo día.

     Deixando acampadas as súas tropas, Porlier retírase a descansar con algúns oficiais a un mesón (o actual Mesón de Deus) situado a poucos metros, desde donde redactaría varios escritos, un deles dirixido a súa muller Josefa.

Aforcamento de Porlier

  Cando o Mariscal Imaz tomaba posición coas tropas da guarnición de Compostela, unha inesperada visita que se presentou nas súas liñas na medianoite do 22 ao 23 de setembro faría cambiar o rumbo da historia: era un sarxento chamado Antonio Chacón de Granadeiros de Mariña, quen lle manifestou a Imaz que él e outros dos seus compañeiros que formaban parte da columna de Porlier, subleváranse contra éste e tíñano apresado xunto aá maioría dos oficiais que o acompañaban, no mesón no que ían pasar a noite.

     Unha vez comprobada a noticia, Imaz enviaría ao Coronel Miranda con dúas compañías para facerse cargo dos presos, que serían encerrados previamente na cárcere da Inquisición de Compostela e trasladados posteriormente ao castelo de San Antón e Cárcere Real da Coruña, donde Porlier sería sometido a un xuízo sumarísimo que o condenaría á pena de "degradación y muerte en la horca", que se efectuaría o 3 de outubro de 1815 no Campo da Leña.

Monumento de Porlier no Campo da Leña

     ¡De xeito tan despreciable quitábase a vida ao que fora un dos heroes máis notables da loita antinapoleónica e a un dos mártires da liberdade: Juan Díaz Porlier!

FONTES:
-Juan Priego López, Coronel de Estado Mayor
-"El Marquesito Juan Díaz Porlier (1788-18159". Rodolfo G. de Barthèlemy (seudónimo)



O PRIMEIRO DOCUMENTO OFICIAL DO CONCELLO DE ARTEIXO

     A falla de estudios históricos sobre o Concello de Arteixo é case total. Aínda que que existen algunhas referencias sobre o tema, é necesario facer estudios sistemáticos, ou parciais, sobre diversos aspectos históricos pois, o esplendoroso pasado do noso concello, abofé que merece unha revisión a fondo neste sentido.

     Unha fonte primordial para a realización de estudios históricos é a documentación custodiada no Arquivo Municipal que ofrece posibilidades inmensas para investigar a nosa historia. Entre esa documentación, descrita a través do inventario no que se recollen as diferentes series, atópase o primeiro documento escrito dende o Concello, unha acta de Pleno de 1837.

     Como concello constitucional, o de Arteixo aparece creado a partires de comezos do século XIX e, como apunta Fariña Jamardo na súa obra "Os Concellos Galegos", Arteixo aparece nomeado na relación. Entón había 6 concellos no partido xudicial da Coruña e Arteixo era o cuarto en importancia.

     O noso bibliotecario municipal, José Luis Alonso Torreiro, afirma que o que si se coñece de forma definitiva é que o Concello de Arteixo, como termo municipal actual, data da modificación definitiva feita pola Deputación en 1836 publicada no Diario Oficial da Provincia (número 140) dese mesmo ano, no mes de xuño. O número de parrroquias e o seu nome é o mesmo que hoxe. 

     Primordial para o coñecemento da vida municipal son as actas dos Plenos do Concello que dende 1837 e, con algúns saltos, consérvanse no Arquivo Municipal. O 12 de xaneiro de 1837 recóllese a primeira acta escrita que consta, ademais, dun preámbulo escrito posteriormente (o 25 do mesmo mes), no que se explican os deberes do Concello e as competencias que ten o Goberno Municipal.

 
     A corporación nese momento está formada polo alcalde-presidente Juan Antonio de Souto (nado no lugar de Figueiroa en 1780); o 2º alcalde, Francisco Paulos; oito rexedores: 1º, Manuel Naya; 2º, José González; 3º, Juan de la Fuente; 4º, Juan de Naya; 5º, José Ramos; 6º, Pedro Felipez; 7º, José Méndez e 8º, Silbestre Martínez; dous procuradores síndicos: 1º, Ventura Pan ( irmán de Antón Pan, o padriño de Manuel Murguía, e devanceiro do que escribe) e 2º Manuel Loureyro; e un alguacil. Na primeira sesión acórdase dar lectura aos boletíns da provincia, que se reciben dous días á semana, e realizar os Plenos os domingos entre as 9 e as 10 da mañá.

     No preámbulo do que falábamos anteriormente, aparecen unha serie de normativas e as competencias municipais según as leis da monarquía. Practicamente aparecen as competencias que teñen hoxe os concellos como policía urbán, administración de caudais públicos, repartimento e recadación de impostos, cuidado de escolas primarias, de hospitais e establecementos de beneficiencia, cuidado e construccións de camiños, promoción do agro, industria e comercio..., o alcalde ten, nestes momentos, a facultade de administrar xuicios verbais, unha especie de xuiz de paz actual. Neste sentido a normativa dicía que o alcalde debe "...hacer que las partes se transijan y no se desgasten...".

FONTES:
-Artigo "O primeiro documento oficial do Concello de Arteixo", publicado no Boletín Informativo Municipal polo bibliotecario Municipal, José Luis Alonso Torreiro.
-"Manuel Murguía e Arteixo". Henrique Rabuñal (coordenador). Espiral Maior, 2000
-"Alcaldes de Arteixo". M. Blanco



LEMBRANZAS DAS "FILLAS DE MARÍA"

     Maio, mes das flores, tradición mariana, a asociación das "Fillas de María" honra a Virxe nestas datas con diversos actos sociais e relixiosos, como veñen facendo desde o ano 1875. Según contan os membros máis antigos, dita entidade foi fundada pola mestra dona Pepita, esposa de don Olegario de la Riega, médico de Arteixo.

     Naquel entón a citada asociación -composta polas nenas e mozas solteiras do pobo-, ademais doutras tarefas sociais como a visita a enfermos, subsistía interpretando as composicións de don Constantino (o compositor dos cantos musiciais das "Fillas de María) durante o mes de maio e tamén con obras de teatro adicadas á Virxe María, nas que nos descansos rifábanse dous reloxos, un de muller e outro de home.

     Cos beneficios obtidos, a asociación mercou unha imaxe da Purísima Concepción, un estandarte, candelabros, floreiros e manteis para a igrexa, un harmonio e medallas marianas como distintivo para as súas integrantes.

     A labor relixiosa chegaba ao seu máximo esplendor no último domingo de maio coa ofrenda floral que facían os representantes das trece parroquias que compoñen o concello de Arteixo.

     Estes traballos seguiríanse facendo coa sucesora na presidencia da asociación, dona Encarnación González Mes (40 anos ao fronte das "Fillas de María"), quen levaría a cabo a chamada "Feira dos Vales", consistente en regalar cada domingo aos nenos asistentes á catequese parroquial un vale que despois canxeaban por xoguetes adquiridos polas "Fillas de María" e expostos a modo de tómbola.

                                                    Encarnación González en 1973 

     Falecida dona Encarnación, nos primeiros tempos da posterior presidenta, dona Julia Mosquera Calvete, "Julita", seguiuse con parte da labor que se facía antano: no mes de decembro, a novena adicada á Purísima Concepción e, no mes de maio, o exercicio das Flores, poesías e cánticos á Virxe así como procesións no último domingo deste mes, no que aparecían con flores os lugares do pobo por onde pasaba a imaxe venerada.

     O derradeiro domingo de maio completábase co paseo vespertino pola alameda, hoxe o Balneario, das mozas do concello, lucindo as súas mellores galas para asistir á verbena popular na que se escollía á "Mis Flor".
                                 Imaxe da pista do balneario en 1953 (Ana del Río)

     Estas tradicións relixiosas e populares iríanse perdendo na súa maioría, tradicións que forman parte da esencia da vida da nosa vila e que son un mágoa que se esquezan ao non rexurdilas en todos os sensos.

     Fagamos pois, que o último domingo de maio sexa como antes, "o día das Flores", a primeira festa da primavera.


(o meu agradecemento a unha antiga "Filla de María")
 


AS CASAS DO CONCELLO DA BAIUCA E FIGUEIROA 

      A instauración da definitiva división provincial, a través do Real Decreto de 30 de novembro de 1833, daría paso á creación das Deputacións Provinciais e ao nacemento dos Concellos tal como  os coñecemos hoxe e, segundo nos conta Xosé Fariña Jamardo na súa obra “Os Concellos Galegos”, o de Arteixo xa figura coas mesmas trece parroquias que agora ten no proxecto que a Deputación publica no BOP n.º 115 do 23 de abril de 1836, un municipio arteixán que tería a súa primeira Casa Consistorial nunha pequena vivenda da Baiuca e como primeiro alcalde a Juan Antonio Souto, veciño de Figueiroa nado en 1780 que estaría ao frente da primeira Corporación Municipal entre setembro de 1836 e maio de 1837.

      En 1840, durante o mandato do alcalde Ramón Bermúdez de Castro, que era natural da vila de Regla (Cuba) e tiña domicilio en Sorrizo, a Casa do Concello trasládase á aldea de Figueiroa por mor das reducidas dimensións da da Baiuca, lugar que antigamente era coñecido como Pasacondia. Polo que nos conta Manuel Blanco en “Alcaldes de Arteixo”, a nova Casa Consistorial, que ven sendo a Casa dos de Borrazás, o pazo que hoxe ocupa o miña prezada familia Maceiras López, tiña todo o necesario...para sala capitular, oficinas para el Ayuntamiento, despacho para el Alcalde y, aún, sitio para cárceles (esta casa perteneció a los herederos de José Navas); en realidad se trataba de buscar una comodidad para el propio Alcalde (era de frágil salud) ya que le quedaba más próxima a su domicilio”.

Pazo de Figueiroa, sede do Concello en 1840
   Ao ano seguinte, en 1841, con José González ao fronte da alcaldía, a Casa do Concello trasládase de Figueiroa, onde Antonia Maceiras (muller do Secretario Municipal, Manuel Rodriguez de Pazos) tiña unha taberna, á vivenda da Baiuca no que estivera anteriormente, pagando un prezo de aluguer de 200 reais ao ano.
 

  Pascual Madoz non nos ofrece ningunha información sobre o consistorio municipal de Arteixo no seu Diccionario xeográfico editado en 1850, mais, pola contra, na xeografía de Carreras aparece que está na Baiuca, unha Casa que non podemos confirmar se é a n.º 19 deste lugar que o concello adquiriu no 4º mandato de Manuel Añón Leal, alcalde entre 1857 e 1866, previa autorización do Gobernador Civil , pagando por ela ao seu propietario, Juan Tiometeo Taboada, a cantidade de 3.498 escudos.

O edificio que foi a Casa do Concello ata 1973
    Aproximadamente polo ano 1880, despois de pasar por tres ou catro casas alugadas, sempre na Baiuca salvo o breve espazo que se asentou en Figueiroa, o concello adquiriría en propiedade un inmoble que sería reformado en 1953. A inauguración da obra do novo concello, que era o edificio que había fronte ao estanco da Travesía de Arteixo, fora retratada polo fotógrafo Alberto Martí Villardefrancos e asistiran persoeiros de relevancia da sociedade coruñesa daquel entón como o gobernador civil Pardo de Santillana e o locutor e director de Radio Nacional de España, Enrique Mariñas. Julio Mancebo, un dos nenos arteixáns daqueles anos 50 que hoxe disfruta da súa xubilación, descríbenos no seu blog “A miña Baiuca” as súas lembranzas sobre aquel edificio do seguinte xeito:Ó outro lado da corredoira estaba o “ayuntamiento”, pois así lle chamabamos naquel tempo. Era un dos contados edificios de dous pisos. O baixo só se abría o día que medían ós quintos. Subindo unha escaleira moi empinada chegabas ó primeiro, onde estaba o xulgado no que traballaba Ramiro, o home de Nieves Salvadores, e un escribinte que se chamaba Juan Manuel. Cando éste marchou, sustituiuno Moncho Elespe “Pachá” quen, anos despois, casaría con unha moza da Catuxa. No segundo piso estaban as oficinas do concello. Alí atopabas a Julio do Perillón, a Fino da Sra. Julia e o seu irmán Totos. Non teño case memoria de ver alí a D. Santiago Astray, que era o secretario. A verdade é que de neno poucas veces subín, porque non tiña a que ir. Recordo que tanto Julio coma Fino escribían con pluma porque aínda non chegaran os bolígrafos. Tamén recordo a Totos escribindo á máquina con poucos dedos pero a moita velocidade. Na parte traseira do ayuntamiento estaba o calabozo”.
 
Imaxe de Alberto Martí do acto de inauguración das obras de 1953
     Estamos xa nos 70. Arteixo, a raiz da construcción do Polígono de Sabón, medra considerablemente e, como as instalacións municipais non van da man do progreso, decídese construír unha nova Casa do Concello, proxecto que aparece publicado no BOP do 28 de xuño de 1971: “Aprobado inicialmente el proyecto de Casa Consistorial y zona ajardinada, por término de un mes se abre información pública con respecto al mismo y documentos anejos de examen y reclamaciones procedentales. Por el proyecto aludido, resultan afectadas de expropiación las sifuientes fincas: Número 1.-Propietario: Don Victoriano Marnotes Barbeito. Nombre de la finca: “Horta da Casa”. Superficie: 714 m². Linderos: Norte, casa y huerta de Estrella Pardo Rey; Sur, finca rústica de doña María de los Dolores Iglesias Mosquera; Este, carretera de La Coruña-Finisterre; y Oeste, finca de doña Rosario Marnotes Barbeito. Emplazamiento: Bayuca. Número 2.- Propietario: Doña María de los Dolores Iglesias Mosquera. Nombre de la finca: “Huerta”. Superficie: 708´10 m². Linderos: Norte, finca de don Victoriano Marnotes Barbeito; Sur, finca de don Juan Antonio Naya Lafuente; Este, carretera general La Coruña-Finisterre; y Oeste, finca de la misma propietaria. Emplazamiento: Bayuca”.

A actual Casa do Concello nos anos 70
       Un incendio en 1973 do outro concello, que o deixaría practicamente inservible, levaría a que varios funcionarios munipais tiveran que traballar no novo durante algúns meses nunha situación máis que precaria...”Estivemos meses traballando no novo edificio que estaba en obras. Recordo que non tiñamos fiestras e que para subir á segunda planta non había escaleiras. Era unha rampla de ladrillos. No inverno había que ir a traballar coma se foramos á neve”, lembraba non hai moito Avelino Moreiras, un daqueles funcionarios.


     O actual consistorio inauguraríase durante o efémero mandato de Domingo Máximo Mosquera Calvete “Pitos”, alcalde entre agosto de 1974 e xaneiro de 1975, unha Casa do Concello que sería reformada varias veces e na que o que escribe tivo a honra de servir á veciñanza de Arteixo, como concelleiro do B.N.G., desde outubro de 2012 ata maio de 2015.

FONTES:

-Xosé Fariña Jamardo. "Os Concellos Galegos". Fundación Barrié. 1993
-Manuel Blanco Rey. "Alcaldes de Arteixo". Concello de Arteixo. 1998
-Susana Acosta. "El viejo Concello pasará a mejor vida tras 137 años de servicio". El Comarcal, Maio 2014.


 


ARTEIXO E O REXURDIMENTO


     O Rexurdimento foi o movemento social e intelectual co cal se iniciou, a partir da segunda metade do século XIX, unha traxectoria de recuperación cultural, política e histórica que lle proporcionou ao noso idioma a plenitude literaria perdida dende séculos atrás. Pois ben, neste Día de Rosalía que hoxe celebramos, queremos lembrar algúns dos feitos que unen ao Rexurdimento con Arteixo, un municipio que tivo certo protagonismo en dous dos tres períodos no que se divide este movemento.

      No período Precursor (1833-1862), que engloba a obra de autores que usaron o galego con anterioridade á aparición do libro da autoría de Rosalía de Castro Cantares Gallegos, sería clave a figura do arteixán Manuel Murguía que, como ben sabedes, naceu na aldea de Froxel, na parroquia de Oseiro, o 17 de maio de 1833. Murguía non destacaría como escritor en galego mais, con todo, sería unha das figuras máis importantes deste período de cambio no que, os “precursores”, chamados así por cumpriren o papel de iniciadores da literatura galega e o renacemento da súa cultura, prepararían o terreo para a chegada do Rexurdimento pleno. Os ilustrados máis destacables deste período Precursor foron Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos (escritor de A gaita galega, primeira obra escrita do século XIX en galego), Francisco Añón, Xosé María Posada, Xosé García Mosquera e Alberto Camino.

      O municipio arteixán tamén sería un dos puntos importantes dentro do período do Rexurdimento pleno (1863-1888), que está marcado pola presenza dos tres grandes autores do XIX, é dicir, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. O xénero predominante nesta etapa é a poesía e nela proliferan concursos literarios coñecidos como Xogos Florais. Ademais, tamén aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios 
 sobre a nosa lingua, ao mesmo tempo que nace unha prensa escrita integramente en 
galego.
Rosalía de Castro

      A publicación de Cantares Gallegos considérase o arranque deste período do Rexurdimento pleno, un libro que continuamos a ter moi presente xa que o Día das Letras Galegas que celebramos cada ano, ese día de exaltación da lingua galega a través da súa manifestación literaria, comezou a celebrarse o 17 de maio de 1963 coincidindo co centenario da primeira edición da devandita obra. Rosalía de Castro asinara o 17 de maio de 1863 o limiar de Cantares Gallegos por ser o trixésimo cumpreanos do seu marido Manuel Murguía, nado en Froxel (Oseiro, Arteixo) o 17 de maio de 1833.

      No caso de Curros Enríquez, a relación con Arteixo viñera dada pola súa amizade co avogado Luciano Puga, señor do Pazo de Anzobre e pai do popular Picadillo, un Luciano que en 1881 defendera a Curros, condenado o ano anterior pola publicación de Aires da miña terra, poemario no que o autor pon de manifesto o seu anticlericalismo ao considerar que a Igrexa non se achega aos pobres e necesitados senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra, Curros Enríquez publica o poema Mirando ó chau no que, entre outras cousas, escribe o célebre verso “Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano 1880, o bispo de Ourense, o burgalés Cesáreo Rodrigo Rodríguez, condena e reproba o libro por conter “proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”, prohibindo aos fieis a súa lectura e a posesión do exemplar. O bispo ourensán remataría excomungando a Curros e denunciándoo diante das autoridades xudiciais. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor e destrución dos moldes de copia, mentres que Curros foi condenado a dous anos e catro meses de cadea e ao pagamento dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, coa defensa do avogado Luciano Puga, o poeta sería absolto na Audiencia da Coruña e, agradecido, adícalle ao seu defensor un soneto:
Manuel Curros Enríquez

A LUCIANO PUGA”

Namorado da santa nova idea
non ben do vate a estrofa había soado,
toda a máquina escura do Pasado
se espriguizou disposta prá tarea.

A crítica -Veuillot coa fouce nea,
coa toga Xudas, Oppas co caxado,
deron tras del cal tras dun can danado
i alá vai o inocente prá cadea.

Ti apareciche entón. Pasmada a xente
viute rubir colérico á tribuna,
desguedellado como un león ruxente

e da Lei apoiado na coluna,
esmagar baixo a garra prepotente
ós verdugos do vate sin fortuna.

      Curiosamente, despois de tanto tempo, a sentenza daquel xuízo no que houbera unha resolución absolutoria para o poeta, aínda se conserva nunha casa da parroquia arteixá de Armentón que está situada ao carón do Pazo de Anzobre e que fora propiedade da familia Puga, unha sentenza que será doada próximamente á Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.


      Anos máis tarde daquel xuízo, cando Luciano Puga viaxa á Habana coa súa muller Juana e a súa filla María Concepción (máis coñecida polo apelativo de Mariquiña) para ocupar o cargo de Gobernador do Banco de España de Cuba, Curros Enríquez adícalle á filla do avogado unha fermosa balada que, musicalizada polo mestre Chané (José Castro González), non tardaría en adquirir unha popularidade que aínda perdura:

A MARIQUIÑA PUGA”
DESPEDIDA

Como ti vas para lonxe
i eu vou para vello,
un adiós, Mariquiña,
mandarche quero,
que a morte é o diaño
i anda rondando as tellas
do meu tellado.

Cando deixes as costas
da nosa terra
nin lus nin poesía
quedará nela.
Cando te vaias
vaise contigo o ánxel
da miña garda.

Pombiña mensaxeira
de branca pruma,
fálalle ós emigrados
da patria súa.
Dilles, mimosa,
que deles apartada
Galicia chora.

Dilles que prós seus lares
tornen axiña;
que sin eles non queren
pintar as viñas,
regar os regos,
madurar as castañas
nos castiñeiros.

Dilles que non hai terra
millor que a nosa,
máis ridentes paisaxes,
máis frescas sombras,
máis puros ceos,
nin lúa máis lucente
no firmamento.

Dilles que súas obrigas
eiquí os esperan,
¡e se onde ellas non morren
qué se condenan!…
I agora voa,
pombiña, e que te guíe
Nosa-Señora”

      No que a Eduardo Pondal se refire, dicir que hai varios puntos da xeografía de Arteixo que forman parte da toponimia pondaliana. Un deles é Anzobre, lugar da parroquia de Armentón que aparece no poema “Ouh bardo Ousinde amigo” do seguinte xeito:
Eduardo Pondal

-Ouh bardo Ousinde amigo,
qu´os recordos dos bos campos amados
levas sempre contigo
cheos de vaguedades,
misteriosas nostalxias e suidades,
non che pracen da rica Castellana
nin os paseos a cordel tirados
cos seus arbres xentís ben enfiados,
nin tanta vaporosa formosura
en mil coches tirados con presura?

-Prefiro certamente
a montaña indixente,
o probe lugar d´Ogas,
Vilarvello, Boallo ou Berdeogas,
e as gandras soas da toxenta Anzobre,
e o seu eido non longo, escuro e pobre.

Os areais de Barrañán e Sabón son outros dos puntos que aparecen na poesía de Pondal. En “Cuan tristes son as parolas”, o autor do himno galego escribe:

Cuan tristes son as parolas
dos pinos co vento soán,
cando vou soñando a solas!
Cuan garridas son as olas
de Sabón e Barrañán!

Porque penso e pensarei,
e defenderme non sei,
na deslumbrante brancura
da garrida formosura
desnuda que tanto amei.

Pondal volve a lembrarse de Barrañán en “Fada farrida de leves alas”:

(...)Non te conozo,
nin sei a donde
ou vas ou tornas, nin por que lei;
nin sei se antes,
nin como ou onde,
nin en qu´antigo tempo t´achei:
se fiu na gandra de Carboeiro,
nos verdes d´Oca
ou de Buxán,
se nas alturas de Portomeiro,
se nas areas
de Barrañán; (...)

Outro dos lugares do municipio de Arteixo aos que o poeta bergantiñán lle deu protagonismo na súa obra foi Morás, unha parroquia que é nomeada en “Correndo fui ó arume” do seguinte xeito:

Correndo fui ó arume,
á hora en que cantan as ras,
soíña e leda, ós pinales
de Morás.

Volvío descabelada,
decaída i sin zolás;
era noite, sós os pinos
de Morás.

Desde entonces tornou alba,
algo estantía quezás;
que lle pasara, pinales
de Morás…?

E xa por último, nos tempos nos que o noso protagonista facía viaxe desde as súas terras de Bergantiños ata a cidade da Coruña, atravesando o municipio arteixán e subindo a dura costa de Oseiro, coñecida naquela hora como a Fonte do Abade, Eduardo Pondal homenaxearía ás leiteiras de Meicende cuns versos publicados en abril de 1900, primeiro na “Revista Gallega” e días despois en “El Eco de Galicia” da Habana e en “El Eco de Galicia” de Bos Aires. O poema, titulado “Vindo de Bergantiños”, di así:

Vindo de Bergantiños,
triste e convalecente,
pasei p´olo medio a medio
de Meicende garrida canto breve,
e batida decote
do seco e frío nordeste.

Erguendo a fenestrela
do coche, con voz deble
p´ola fatiga e tremante,
lle dixen. “Boa Meicende,
venturosa, garrida,
na tú(a) doce pendente,
cando as túas rapazas
leven á Cruña o leite,
dille que o leven bo,
ben limpo e ben pracente,
para dar forza ao bardo de Brigandsia,
que rendido se sente”.

     Nos últimos anos do período do Rexurdimento pleno do que estamos a falar, concretamente o 15 de xullo de 1885, Rosalía de Castro, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía universal do século XIX, finaba na súa casa de Padrón aos 48 anos.

Rosalía de Castro e Manuel Murguía cos seus fillos

      Posteriormente, o Rexurdimento entraría no período da depresión finisecular (1889-1916), etapa na que o movemento experimentaría un forte declive, máis no tocante á calidade das obras que no relativo á cantidade. Os autores imitan, sen chegar á súa altura, aos 3 grandes autores e xéneros como a narrativa e o teatro enraizan timidamente. Esta etapa chega ao seu fin co nacemento en 1916 das Irmandades da Fala que provocarán un segundo rexurdimento da literatura galega. Neste período tamén se aprobou a creación da Real Academia Galega, que presidiría o noso ilustre veciño Manuel Murguía ata o día da súa morte, acontecida o día 1 de febreiro de 1923, cando estaba a piques de cumprir 90 anos.

      Curiosamente, dez meses antes do seu falecemento, o 30 de Marzo de 1922, Murguía desprazábase ata o Santuario de Pastoriza para presenciar o casamento da súa filla Gala co matemático Pedro Izquierdo, que dedicaría certo tempo a investigar a orixe galega de Cristobal Colón. Manuel Murguía, que asistira á cerimonia case en volandas por mor dunha lesión que lle impedía andar, bromearía durante o casamento co feito de que era a segunda vez que entraba en brazos no Santuario. A primeira fora o 18 de maio de 1833, o día do seu bautizo, poucas horas despois de que nacera en Froxel na casa de seu padriño Antón Pan.


FONTES:

BLANCO, MANUEL. D. Luciano M.ª Puga Blanco (1842-1899): un personaje rescatado del olvido. Anuario Brigantino 1999, n.º 22.
CASARES, CARLOS. Curros Enríquez. Editorial Galaxia, 1980.
FERREIRO, MANUEL. Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana. Deputación Provincial da Coruña, 2017.
RABUÑAL, HENRIQUE. Manuel Murguía. Edicións Laiovento, 1999.
 
 
 

O SEÑORÍO DE CANDAME E OUTROS CONTOS DO LUGAR


   Como podedes imaxinar, a vila de Arteixo actual pouco ou nada ten que ver coa de antano, con aquel Arteixo dos tempos mozos dos nosos avós no que A Baiuca e Candame eran os lugares con máis poboación da capital do municipio, que ía modificar a súa fisionomía, e de que xeito, a principios dos 60 a raíz da creación do Polígono Industrial de Sabón. 
 
   Hai unha fotografía aérea, pertencente ao chamado voo americano, na que se aprecia perfectamente como eran estos dous lugares nos anos 50, pouco antes do inicio do boom da construción e da chegada do cemento, dous lugares que tamén tiñan a súa rivalidade futboleira: o Penouqueira era o equipo da Baiuca e o Atlético de Arteixo de Candame. 
 
   Da Baiuca de antano aínda queda algún edificio da época da que estamos a falar. Pola contra, do vello Candame o único que queda son os recordos dos nosos maiores e acaso unha rúa, a chamada Camiño de Candame, que actualmente nos conduce dende a Avenida de Fisterra ata a rúa Paio Gómez. 
 
Camiño de Candame

   Segundo o mestre Fernando Cabeza Quiles, é moi probable que a procedencia do topónimo Candame sexa un superlativo referido a un lugar outrora abundante en froumas de castiñeiros ou polas pequenas secas e brancuxentas caídas doutras árbores, que se empregaban nas casas como combustible vexetal ou para alumear. “O toponimo -apuntounos Fernando- parece paralelo ao de Lousame, superlativo de lousa, por un lugar abundante en elas, mentres que Candame, que parece ter o mesmo sufixo superlativo -ame, poderíao ser de candeas ou froumas secas de castiñeiro ou en poliñas secas”. Da mesma opinión é a admirada María Rozamontes Vázquez, que ademais, no volume II do libro Arteixo de onte a hoxe, tamén indica que… “pode conter un xenitivo dun nome persoal CANDAMIUS, de orixe prelatina.
. 
   Curiosamente, o topónimo Candame tamén se empregaba no pasado para nomear a un dos areais do noso litoral que, polas informacións que aparecen na obra Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña que Pedro Riudavets publicou en 1867, intuímos que se trata do actual Combouzas:  
 
   “En la punta ALTIÑA, que dista una milla escasa al SE. ¼ E. de la punta Este de Cayón, da principio el arenal de SORRIZO, nombre de una aldea allí inmediata. El arenal termina en la punta de SAN AMEDE, distante de la Altiña 6 cables, al rumbo del E. ¼ SE. Esta playa, aunque en limpia en la orilla, es sucia por fuera. Desde la punta de SAN AMEDE, va remontándose la costa para el ENE. hasta las Cambosas, distante 1,5 milla escasa. Este trayecto es un compuesto de dos arenales, separados por la punta pedregosa llamada CANDAME. El arenal más occidental es el mayor, y se denomina de CHAMIN, nombre de una aldea que está tierra adentro: el otro es el de CANDAME. Uno más pequeño, nombrado de Gafa, está por la parte O. de la punta de Cambosas.”  
 
A Punta de Candame na carta náutica da Costa Septentrional de España. Folla III de J. Riudavets y Monjo (1896). Instituto Xeográfico Nacional
 
   ¿Tería este topónimo marítimo algunha relación co lugar arteixán de Candame? ¿A procedencia desta punta e areal de Candame sería outro xenitivo? ¿Adoptou algún fidalgo de tempos pretéritos este nome como apelido? Obter respostas vai ser tarefa ardua -por non dicir imposible- mais, con todo, queremos deixar enriba da mesa os nomes de Nuño Gómez de Candame (Nuño Gómez era nome de pila; na provincia de Toledo hai un municipio con esa denominación) e de Estevo Rodríguez de Candame.  
 
    Hai datos de que Fernando Vermúdez de Castro, encomendeiro perpetuo de Antealtares e de Cambre, en atención a que o abade Lopo Fernández e o prior Alonso Yanes e os seus monxes aforaron e deron a censo perpetuo a Nuño Gómez de Candame, xurado da Coruña, segundo consta por escritura de 17 de xuño de 1399, os cotos de Morás e de Arteixo, e que eles levaran en foro durante 85 anos, máis ou menos, despois de narrar as vicisitudes do foro, o confirman e aforan pola mesma cuantía e condicións a Estevo Rodríguez de Candame, descendente lexítimo do primeiro foreiro. 
 
   Fóra de todo tipo de conxecturas, o que si sabemos con certeza é que en Candame houbo unha importante casa señorial pertencente á estirpe dos Torreiro na que naceu en 1621 Pedro Vázquez Torreiro y Lugo, vedor e Contador Xeral do Exército e Reino de Galicia e, señor das casas de Freufe e Candame.
 
Imaxe do Candame actual

    Conta Carlos Martínez Barbeito na súa magna obra Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña, que unha das casas señoriais da parroquia cambresa de San Paio de Brexo, tan poboada de pazos, é a chamada do Corgo, considerada como residencia secular da liñaxe dos Torreiro. Pois ben, segundo consta no expediente de ingreso na Orde Militar de Santiago correspondente a don Pedro Vázquez Torreiro, algunhas veces chamado Torrero por mor dunha non infrecuente castelanización de apelidos galegos, e que foi incoado en 1672, pónse en coñecemento que a rama troncal da liñaxe arranca de don Sancho Vázquez Varela, da casa de San Mamede do Salto e da súa muller dona Aldonza Torreiro.  
 
   Froito deste matrimonio foi don Juan Vázquez Torreiro, que naceu na casa de Freufe e casou con dona María de Loño, filla de don Jácome de Loño, e natural da casa de San Xoán de Lázaro. 
 
   Continúa a liña o seu primoxénito don Pedro Vázquez Torreiro, nado en 1590 coma seu pai na casa de Freufe, sita na comarca de Monterroso. Don Pedro, Señor das casas de Candame (con el nace este señorío) e de Freufe, contrae nupcias con dona Inés Pérez de Lugo y Somorrostro, que era filla de don Alonso Rodríguez de Lugo, morto a mans dos ingleses de Francis Drake e John Norris en 1589, durante o asalto e conseguinte defensa da Porta da Torre, na cidade da Coruña. Este don Alonso, que casara con Catalina de Berdeal y Loriga, (filla de don Sancho de Somorrostro, rico comerciante que testou na Coruña o 21 de marzo de 1584), era fillo de don Martín Alonso de Lugo e neto de don Pedro Fernández de Lugo, Rexedor Perpetuo da cidade das murallas da cal adoptara o seu apelido.  
 
  Do matrimonio de don Pedro e dona Inés foi froito outro don Pedro Vázquez Torreiro y Lugo, nado en Candame en 1621; don Antonio Vázquez de Somorrostro, que andando no tempo ía ser cura da parroquia de Sorrizo; don Santiago Pedro, Vedor da Armada de Flandes e Mar Océano; dona Manuela e dona Jacinta Pérez de Loriga.  
 
Imaxe do Candame actual

  Como xa dixemos anteriormente, este don Pedro Vázquez Torreiro y Lugo (1621-1679), foi señor das casas de Freufe e Candame e vedor e Contador Xeral do Exército e Reino de Galicia, emprego que lle debía reportar moi suculentos fruitos, e do que se cadra saiu, sen prexuízo doutras aportacións herdadas dos opulentos Somorrostros y Lorigas, a principal fonte de prosperidade da familia. 
 
   Don Pedro, o noso persoeiro de Candame, casou con dona Catalina de Lamas y Sotomayor e foron os seus fillos don Ignacio, dona Antonia, dona Catalina e don Ignacio Vázquez Torreiro y Sotomayor, que foi Sarxento Maior de Infantería e que casou con dona María Antonia Pardo Montenegro.  
 
   Fillo deste matrimonio foi Antonio Torreiro y Pardo Montenegro, Rexedor Perpetuo da cidade da Coruña, na cal tiñan os Torreiro sepultura propia adornada cun escudo que contiña unha espada, na capela maior da parroquia de San Nicolás, sepultura herdada dos seus ascendentes os Doriga. Os Torreiro tiñan a súa casa na herculina rúa Real, esquina coa popular vía que aínda hoxe se chama rúa Torreiro, en recordo da significada familia de tal apelido. Así que xa sabedes, cando vaides de viños por esta zona non esquezades a relación que esta popular rúa coruñesa ten con Candame, lugar ao que retornamos da man de Antonio Torreiro y Pardo Montenegro, que imaxinamos que é o mesmo que aparece no Catastro do Marqués de Ensenada de 1752 como propietario dun dos muíños que naquela altura había en Candame:  
 
  “(…) Otro de Manuel García y consortes al sitio de Candame muele seis meses al año, regulan su producto en cuarenta y cuatro reales: Otro de D. Antonio Torreiro al mismo sitio, regulan su producto en cuarenta y cuatro reales: Otros cinco en el mismo sitio: El uno de Euxenio de Boedo y consortes: Otro de Jacobo López Muñíz y los suyos: Otro de Francisco Rodríguez de Ulloa y consortes: Otro de la fábrica de Santa María del Campo de esta Ciudad: Otro del convento de Santo Domingo de la misma (...)”  
 
   É probable que algúns destos muíños que se nomean no Catastro de Ensenada foran os do Pedregal, os mesmos que foron inmortalizados nunha preciosa imaxe dos anos 50 por F. Álvarez. 

   Antonio Torreiro y Pardo Montenegro casou con dona Josefa Jacinta Caamaño e ambos foron pais de don Pedro Ignacio Torreiro, Rexedor Perpetuo da Coruña e Capitán de Milicias da praza herculina e, esposo de dona Josefa Verea de Aguiar y Fandiño.  
 
   De don Pedro Ignacio e de dona Josefa naceu don Ramón Pelayo Torreiro y Verea de Aguiar que ía casar con dona Rita Josefa Varela y Varela de Caamaño. Segundo as informacións de Carlos Martínez Barbeito, de don Ramón Pelayo descende tamén Salvador Parga Torreiro (1838-1901), senador, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago e un dos primeiros en reclamar o sufraxio feminino en España e Europa en 1870. De Salvador Parga descenden os Parga Pondal e os Puga Parga do pazo de Anzobre, uns e outros emparentados, por conseguinte, cos antigos donos de casa de Candame.  
 
FONTES:

ÁLVAREZ, MANUEL LUCAS (1999): El Archivo del Monasterio de San Martiño de Fóra o Pinario de Compostela, Ediciós do Castro.

MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest.

RIUDAVETS Y TUDURY, PEDRO (1867): Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña.

ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (2003): Arteixo de onte a hoxe, Volume II, Concello de Arteixo.

ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (coord.) (2010): Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición, Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo.




2 comentarios: