![]() |
| Alumnado de Arteixo no Eusebio da Guarda da Coruña con Rosario Romero e María Barbeito (Nomes e Voces) |
O PADRE VILLA E A "CIUDAD DE LOS MUCHACHOS" DE AGARIMO
![]() |
| Imaxe dos primeiros anos do Padre Villa no Portiño |
Van pasando os anos e en 1972 convértese en "chabolista cos chabolistas", vivindo cóbado con cóbado coa xente do Portiño. Moito despois, en 2001, os residentes deste barrio da Coruña recoñecerían os esforzos do Padre Villa mediante a colocación dun busto rendíndolle homenaxe a quen fora o seu benefactor. Naqueles primeiros anos setenta xurdiría nel a condición de sacerdote obreiro, iniciando a súa experiencia no mundo laboral nunha empresa da construcción por un periplo de 8 anos, traballo co que en unión do seu día a día cos chabolistas o Padre iríase transformando nun ser distinto do que fora ata aquel entón e por iso, co permiso do seu superior, abandonou o convento e foise a vivir ao Portiño..."una cosa distinta es hacer la caridad desde una estructura cómoda, como la del convento, y otra hacer la caridad desde dentro", dicía.
![]() |
| O Padre no interior da xaula dos leóns do circo Imperial |
No vocabulario do Padre Villa non existía a palabra imposible. Non tardaría en xuntar, despois de solicitar axuda en todos os púlpitos da Coruña, unha suma de 900.000 das pesetas de 1973 que, xunto a unha leira que un veciño de Arteixo lle regalou e os proxectos feitos gratuitamente por un arquitecto que non cría nos curas máis si neste pobre capuchino, o Padre principiaría a edificar a súa gran obra social logo de comprar terreos en Laxobre por un valor de 1.450.000 pesetas: a "Ciudad de los Muchachos Agarimo".
![]() |
| Primeiros chaléts de Agarimo |
Finalizada a primeira fase da construcción da cidade, realizada por Construcciones Loureiro por un presuposto de 15.000.000 de pesetas, a inauguración do centro, do que nun principio se encargaban sete persoas do seu funcionamento, tería lugar o 3 de outubro de 1976. Eran catro chaléts que albergaban a cincuenta nenos e nenas: 21 eran do Portiño, 18 de Carballo e 7 de Vioño. O primeiro dos edificios, denominado Panxoliña, tiña unha cociña, un comedor, un cuarto social, unha sala de asambleas e as habitacións dos adultos. O segundo, denominado Abeiro, era a residencia dos mozos. O terceiro, Acouguiño, era o das mozas e o cuarto, Abrente, estaba adaptado para a escola. Ao fin o Padre Villa vía cumprido o seu soño e, cunha gran esperanza, principiaba a primeira experiencia de carácter mixto e interna, en réxime de liberdade, que se realizaba no Estado español.
Os primeiros meses serían duros e, dadas as circunstancias, houbo que crear un regulamento de réxime interno que irían descubrindo os propios rapaces nas súas asambleas. Pouco a pouco o protagonismo dos adultos iría deixando paso á asamblea dos cidadáns de Agarimo e ás autoridades e delegados escollidos por eles mesmos. Os "muchachos" van gañando así en conciencia comunitaria, en convivencia, en espíritu de traballo e en liberdade responsable. O sostemento da "Ciudad" supoñía, naqueles primeiros anos de actividade, uns gastos anuais de máis de catro millóns de pesetas que se sufragaban coa aportación dos socios e entidades colaboradoras.
Aos dous anos, e dacordo coas normas vixentes do Ministerio de Educación, construiríase o Colexio con capacidade para oito unidades e para o cal fora necesario solicitar un préstamo á Caixa de Aforros por valor de 18 millóns de pesetas. Todo isto daba máis plenitude á atención pedagóxica e cultural dos cativos e así, moitas dependencias que ocupaban un lugar nos chaléts, pasarían directamente ao novo edificio, como o autoservicio, o ropeiro, a enfermería, a secretaría, a banca... disfrutando, ao mesmo tempo, dunhas aulas máis grandes e confortables. Ao ano seguinte da construcción do Colexio, principiaban as obras de edificación do núcleo central, lugar donde se atendería moito mellor aos rapaces ao poseer un comedor máis amplo, cociña industrial, un almacén de alimentos, unha sala de xogos, unha biblioteca, unha sala de televisión, unha sala de asambleas, unha pista deportiva e un frontón. Posteriormente construiríase un invernadoiro, unha granxa, compraríase uns terreos para facer un campo de fútbol e unha leira para o uso de cultivos.
![]() |
| Agarimo na década dos 80 |
![]() |
| O Padre Villa |
Na actualidade Agarimo, que no pasado mes de outubro cumpriu o seu 40 aniversario, é titular dun centro educativo, o CPR Agarimo, centro completamente gratuíto no que o alumnado recibe un ensino presencial en grupo e con reforzos individuais. A oferta educativa posibilita a recuperación de mozos e mozas de familias con escasos recursos económicos, e cun claro risco de exclusión social.
As unidades autorizadas que a día de hoxe están en funcionamiento en Agarimo son as seguintes:
-EDUCACIÓN SECUNDARIA PARA PERSONAS ADULTAS:
FORMACIÓN PROFESIONAL BASICA:
Dicir tamén que no ano 2015 a Asociación Agarimo conseguiría da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, dependente da Conselleria de Economía, Emprego e Industria, acreditarse como Centro de Formación para o emprego tendo, na actualidade, un curso en marcha para 60 rapaces en paro e con baixa cualificación académica.
Á marxe de todo isto, Agarimo tivo e segue tendo ese espíritu de solidaridade con todo aquel ou aqueles que poidan necesitar a súa axuda, unha Asociación Agarimo que non debemos esquecer que segue adiante grazas a todos esos socios que mes a mes, trimestre a trimestre, ano a ano dan os seus donativos...a esos cidadáns da Coruña, Arteixo, etc, que non escatiman esforzos en arrimar o ombro cando é necesario. Por iso as portas de Agarimo sempre estarán abertas para todo aquel que chame a elas, sexa persona física, asociación cultural ou clube deportivo, como é o caso do Club Luz Verde, o CRAT de rugby, ou unha das entidades máis representativas de Arteixo: Xiradela, asociacións que hoxe alberga Agarimo.
Poucas series de televisión causaron tanto furor na segunda metade do pasado século como «La casa de la pradera», a aclamada ficción que narraba as andanzas da familia Ingalls, un grupo de colonos norteamericanos que se estableceu no Medio Oeste de Estados Unidos na década de 1870. Baseada nos relatos reais da escritora Laura Ingalls Wilder, a filla menor do matrimonio Ingalls, a ficción narrou nos seus 208 capítulos e nove tempadas as aventuras da familia protagonista na súa odisea por tratar de encontrar o seu lugar no mundo.
Chegados a este punto, de seguro que vos estades preguntando que demo ten que ver “La casa de la pradera” e a familia Ingalls con Arteixo. Pois veredes, o Colexio Público Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, comezou a súa andaina o 12 de setembro de 1974, nunha época na que cada aula do novo grupo escolar superaba sobradamente a trintena de alumnos. Ante tal masificación, pronto xurdiu a posibilidade de construír un novo colexio público, o de Galán, que foi inaugurado polo Ministro de Educación, Juan Antonio López Ambrona, o 15 de outubro de 1981. Neste novo centro educativo, a rapazada das parroquias de Oseiro, Morás e Pastoriza empezou a realizar os seus estudos de primaria a partir do curso 1982/83.
![]() |
| "A casa da pradera" de Arteixo |
Mais, malia a inauguración do novo colexio de Galán, o Carrero Blanco continuaba superando a trintena de alumnos por aula. De feito, ata o padre Villa chegara a ofrecer no seu momento as instalacións de Agarimo, a chamada “Ciudad de los Muchachos”, para desconxestionar a masificación escolar que naquela altura padecía o colexio de E.X.B. da capital municipal. Non sabemos con exactitude a data concreta, mais debeu ser naquela altura, a finais dos setenta ou a principios dos oitenta, cando se edificou, na zona que hoxe ocupa o pavillón da Escola de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos, unha pequena construción prefabricada como “solución” aos graves problemas de masificación do grupo escolar inaugurado en 1974. Aquela pequena construción prefabricada, coincidindo co éxito televisivo do que gozaba por aqueles días a popular serie norteamericana nomeada anteriormente, sería coñecida decontado como “A casa da pradera”.
As miñas lembranzas da “casa da pradera” de Arteixo son máis ben escasas xa que fixen todos os cursos de E.X.B. no cole grande mais, con todo, do que si me lembro é da grande esplanada que había diante dela, que era o lugar onde aparcaban os autobuses que realizaban os traxectos das diferentes liñas escolares. Se mal non recordo, penso que naquela esplanada tamén se celebraron nalgunha ocasión as festas do Apóstolo.
Outra das lembranzas que teño da “casa da pradera” é do regato que pasaba pola parte traseira. Sei de quen caeu nel varias veces, e tamén sei de algún individuo que tirou a máis dun cativo nese regato. Confeso que algunha vez saltei o valado do Carrero Blanco para ir fumar a detrás da “casa da pradera” os Camel que lle mangaba a miña nai e que compartía, a caladas, con algún elemento de 8º. Naquela parte traseira creo que vin os primeiros condóns da miña vida e tamén algunha que outra xiringa. Non tardei en comprender que aquel lugar tiña vida polo día e pola noite!
Recordo
tamén uns
vestiarios que había ao seu carón e
unha
pista polideportiva
na que un grupo de rapaces de Arteixo xogabamos os venres partidos de
baloncesto. Isto, se
a memoria non me falla, debeu ser en 1985 ou 1986, unha época na que, polo que me
contaron varios
ex alumnos e ex alumnas que estudaron na “casa da pradera”, había
catro ou cinco aulas nas
que os mestres
Mari Luz, Lolita, Maloli ou Gonzalo impartían
clase de 3º, 4º e 5º de E.X.B. Tamén hai quen afirma que nalgún
ano o edificio do que estamos a falar foi o parvulario do grupo
escolar. Agardo os vosos comentarios ao respecto!
A “casa da pradera” debeu funcionar como escola ata os últimos anos oitenta ou primeiros noventa, que foi cando o Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, inaugurou o actual pavillón da Escola de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos o 1 de setembro de 1993. Mais non vaiades a pensar que ese foi o fin do edificio protagonista desta historia. Non, non. Tras cumprir a súa función durante algo máis dunha década, a construción prefabricada foi desmontada e agardou á intemperie un novo destino.
Nun momento no que a serie “La casa de la pradera” xa non era un éxito que agrupaba ás familias arredor da pequena pantalla, as trece parroquias de Arteixo disputáronse a antiga escola prefabricada, que acabou viaxando ata Larín para se converter, aproximadamente sobre o ano 1993, no que sería o primeiro centro social da parroquia despois de que a veciñanza puxera a disposición un terreo comunal nas inmediacións da capela de San Roque e do campo de fútbol.
![]() |
| "A casa da pradera" construíndose en Larín |
“A casa da pradera” volvía a revivir converténdose, grazas ao enorme traballo das veciñas e dos veciños que colocaron unha a unha as pezas, na parada obrigada da parroquia. Ao longo dos noventa, alí daríanse clases de baile e tamén se realizarían todas as actividades que cada ano programaba a Asociación de Veciños. Ademais, os membros do equipo de fútbol tiñan nela a súa sede. “A casa era grandiña. Tería uns 150 ou 160 metros cadrados. Tiña tres cuartos e un salón enorme”, recorda Suso Borrazás, antigo futbolista e directivo do C.D. Larín que, curiosamente, realizara parte dos seus estudos de primaria no edificio que hoxe homenaxeamos nesta bitácora.
Mais, pouco a pouco, o tempo iría pasando factura. Co cambio de século o chan foise picando, só abrían tres fiestras, algunhas persianas estaban rotas e as portas... vaia por Deus!
![]() |
| "A casa da pradera" pouco antes de ser desmantelada |
Toda a parroquia aceptou que a “casa da pradera” fora derrubada e así, en agosto do 2002, as táboas que se poideron aproveitar foron repartidas entre os veciños e o resto queimadas. Houbo xente que non sentiu pena algunha pola desaparición do edificio mais, pola contra, tamén houbo quen lle tiña un especial cariño, principalmente os que máis traballaran para levantala. Cada unha destas persoas conserva no seu domicilio unha fotografía de gran tamaño da “casa da pradera” como recordo.
A finais do 2002, o Concello de Arteixo empezaría a construír no mesmo lugar o novo centro social da parroquia.
FONTES:
VÁZQUEZ, DOLORES (2003): Los Ingalls ya no viven en Larín. La Voz de Galicia, 16 de xaneiro de 2003.
DAS ESCOLAS UNITARIAS DAS PARROQUIAS AO COLEXIO CARRERO BLANCO (50 ANOS DO CEIP)
A construción do colexio Carrero Blanco, actualmente CEIP Ponte dos Brozos, significou no seu momento o final da maioría das escolas unitarias de Arteixo. O centro, que cumpre agora o seu cincuenta aniversario, unificou a educación primaria que ata aquel entón se impartía nos diferentes centros unitarios que había nas parroquias e, ao mesmo tempo, o profesorado que se encargaba de impartir as clases nestas pequenas escolas pasarían a formar parte, na década dos setenta, do equipo docente do que, co paso dos anos, se convertería nun dos centros educativos máis masificados de Galicia.
![]() |
| Imaxe do colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, ao pouco da súa inauguración (Arquivo de Manuel Aldao) |
Antes da posta en marcha do Carrero Blanco, os nenos da parroquia de Arteixo asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niños, situada na Baiúca, un centro que estivera rexentado durante máis de 40 anos por Cándido Trasende Vicente, mestre ao que un busto e unha placa na vivenda na que residiu aínda lle renden homenaxe a día de hoxe. Trasende estivo sucedido por distintos profesores ata a chegada de Santiago Mosquera Mariño, último docente desta escola e que chegaría a ser director do Carrero Blanco.
As alumnas de primaria da capital do municipio asistían a clase á Escuela Completa Unitaria de Niñas, situada a escasos metros da dos varóns e da que Carmen Frade Giráldez sería a súa última profesora. Dona Carmen pasaría a formar parte do equipo docente do novo colexio nos anos setenta. Os máis pequenos recibían clase de parvulario, impartidas por dona Marisé, nunha escola situada no que hoxe é a rúa peonil.
![]() | |
| Marisé co seu alumnado no campo dos Bosques a principios dos anos 70 (Cidadáns de Arteixo) |
Na parroquia de Santiago de Arteixo estaba tamén a escola unitaria do Pedregal, centro que fora construído sobre 1930 en terreos municipais. O alcalde daquel entón, Eduardo Martínez Palleiro, ordenara a súa construción coa finalidade de ter ao seu carón á súa filla, a mestra Inés Martínez Castro.
O núcleo de Arteixo contaba ademais cunha escola privada rexentada, durante os anos 40, 50 e 60 por Julita Mosquera e os seus irmáns Pablo e Domingo Máximo.
As outras parroquias do concello, así como algúns núcleos, contaban tamén cos seus centros educativos, como é o caso de Loureda, que dende 1893 dispoñía de escola pública.
A parroquia de Larín contaba cunha escola unitaria para nenas. Situada en Mirón, estivo rexentada durante quince anos pola ilustre profesora e escritora Dora Vázquez. Había ademais un centro público mixto, que ao longo dos anos estaría instalado en distintos lugares como Paradela, Mirón, Coque, A Rúa ou O Igrexario. Dende 1952 ata 1954 o home de Dora Vázquez, Antonio Rodríguez, impartiría clases neste centro.
![]() |
| Dora Vázquez na escola unitaria de Larín (Arquivo de José Antonio López Canedo 'Cantudo') |
A escola de Armentón estaba situada no pazo de Anzobre dende 1877, cando o Concello alugou as instalacións á familia Puga, dona do pazo. A última profesora deste centro foi Carmen Lareo Galán, que ocupou a praza dende 1968 ata que se integrou no que hoxe é o CEIP Ponte dos Brozos.
Barrañán aínda conserva, no lugar do Outeiro, a que foi unha das escolas máis antigas de Arteixo, fundada polo emigrante Antonio Vázquez, e que na actualidade é o local social de varias asociacións. A mestra Luísa Baamonde Piñón, coñecida como a Chicha, foi a encargada de pechar as portas deste centro.
A parroquia de Lañas contaba cunha escola mixta no lugar, e pazo, de Mosende. Antonio Pérez Varela, que rexentou esta escola durante case 30 anos (1943-1970) foi o seu último mestre. O noso escritor Antón Castro, un dos seus alumnos, cualifícao nunha das súas obras de «cruel moi dado ás malleiras». En sesión de 19 de xullo 1956, o Concello dá luz verde á expropiación de terreos para a construción da Escuela Nacional de Niños y Niñas de Lañas. A muller de Antonio Pérez, Delfina Seijas Domínguez, faríase cargo da unitaria de nenas en 1961, integrándose posteriormente no Grupo Escolar de Arteixo.
![]() |
| Escola de Lañas nos anos 50-60 (Memorias de Arteixo) |
Durante a ditadura de Primo de Rivera construiríase, no lugar do Sixto, a escola mixta de Meicende, escola que en 1964 se desdobra en dúas: a unitaria de nenas, que estaría rexida por Carmen Arenas Quintela, e a unitaria de nenos á fronte da cal estaba Antonio Torrón Dumas. Finalmente, en 1971 daríase paso nesta localidade ao Grupo Escolar de Patronato Diocesano.
Tamén, na ditadura de Primo de Rivera, se levantou a Escola Mixta de Monteagudo, que estaba situada no Igrexario pasando, posteriormente, ao Freixal. Segundo conta Manuel Blanco Rey en Arteixo durante la II República y la Guerra Civil1, o Concello pagaba o seu aluguer ao propietario, Manuel Ferreiro Pallas, concelleiro republicano. Esta parroquia contaba ademais con outra escola, no lugar da Cachada, dende 1961.
![]() |
| Escola de Monteagudo nos anos 60 (Cidadáns de Arteixo) |
Manuel Barcia Laya, coñecido coma o Peladillo, foi o último mestre da Escuela Unitaria de Niños de Pastoriza, que estaba no lugar da Campanilla. O colexio das nenas atopábase no santuario e tivo a dona Josefina como docente ata a unificación da educación Primaria no Carrero Blanco.
![]() |
| Dona Josefina no comedor da escola con algunhas das súas alumnas (Documental 'Pastoriza na lembranza') |
A parroquia de Morás contaba con dúas escolas: a Mixta nº 1, que estaba no lugar de Freán, e a Mixta nº 2, situada en Morás do Medio. Na primeira impartiría clase Carmen Vázquez García dende outubro de 1955 ata xuño de 1956, cando casou co daquela futbolista profesional Arsenio Iglesias. Ramona Moscoso Mene (dona Moncha) foi a encargada de suceder no posto a muller do futbolista da Baiuca, converténdose na última profesora de Morás xa que posteriormente se incorporaría ao novo Grupo Escolar de Arteixo, almirante Carrero Blanco. A escola de Morás do Medio fora o único colexio público creado en Arteixo durante a Segunda República.
![]() |
| Escola de Freán nos anos 50 (Cidadáns de Arteixo) |
Os cativos de Chamín e Sorrizo acudían a clase á escola mixta da Lagoa, construída en 1919 e que segue en funcionamento como centro unitario.
En Oseiro, no lugar de Raña, había unha escola mixta que fora creada en 1899. Antes desta data, os nenos desta parroquia tiñan que ir á escola de Pastoriza. Como local escolar alugárase a casa do pai do alcalde daquela época, Generoso González Mes. Anos despois íase construír unha nova escola na rúa San Tirso, edificio que aínda se mantén en pé na actualidade.
Os veciños de Suevos contaron dende 1919 coa súa propia escola mixta para escolarizar os seus fillos, un colexio que estaría rexentado dende 1963 ata a súa desaparición por Julia Sánchez Castelos, a última profesora do centro.
Por último, cabe sinalar que a posta en funcionamento do colexio Carrero Blanco fora motivo de preocupación das autoridades da época. En declaracións realizadas a mediados de 1974 a un xornal herculino polo alcalde daquela hora, Víctor García Villaronga (subtenente da Garda Civil), mostraba a súa intranquilidade polo retraso na inauguración do novo centro escolar pese a que as obras remataran e as instalacións estaban perfectamente acondicionadas e xa acollían ao alumnado da capital municipal no pavillón de arriba. Finalmente, en setembro dese ano 74 o Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, principiaba a súa andaina de xeito oficial coa rapazada das aoutras parroquias polo que neste 2024 que está a piques de finalizar, celebra o seu quincuaxésimo aniversario... 50 anos nos que cursaron os seus estudos primarios miles de alumnos e alumnas de Arteixo... 50 anos nos que impartiron clase centos de mestres e mestras... 50 anos nos que traballaron ducias de persoas nas instalacións do colexio (administración, cociña, conserxería, limpeza, etc.)... 50 anos abrindo as portas do futuro!
Moitos, moitos parabéns por estos 50 anos!
1 Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil.
A ESCOLA DE ARMENTÓN
Nas Crónicas de Arteixo desta semana imos dar unha volta pola historia educativa de Armentón, que é unha das parroquias do noso municipio que aínda ten a sorte de contar con escola unitaria, a Escola de Educación Infantil de Rorís.
Segundo as informacións de Manuel Blanco Rey, Armentón conta con escola pública dende xaneiro de 1852. Nese mesmo ano, o 14 de xuño, o alcalde da época, Antonio López López, presenta ao resto da corporación un oficio do Gobernador Civil no que lle comunica ao rexedor arteixán a resolución da Comisión de Instrución Primaria da Provincia de que no distrito de Arteixo “(…) se construyan, por ahora, cuatro escuelas públicas: una en la Parroquia de Pastoriza para la misma, Oseiro y Suevos; otra en Arteijo para ésta, Loureda y Morás; otra en Monteagudo para ésta, Armentón y Larín; otra en Barrañán para ésta, Lañas, Chamín y Sorrizo; dotadas las dos primeras con 1.000 reales cada una y las dos últimas con 500 reales. El Sr. Alcalde proporcionará locales y todo lo demás que sea necesario1 ”.
O primeiro local escolar desta freguesía parece ser que foi a sancristía da igrexa parroquial de San Pedro de Armentón. Posteriormente, a partir de 1877, a rapazada desta zona de Arteixo ía aprender as primeiras letras no Pazo de Anzobre, nun local que, segundo nos contou Chau Fernández-Gago Puga (neta de Picadillo), a familia Puga utilizara ata aquel entón como celeiro, “para gardar o trigo das rendas”, díxonos Chau.
![]() |
| Panorámica actual do edificio no que estivo a Escola Mixta de Armentón (Xabier Maceiras) |
Entre idas e vidas de diferentes mestres e mestras ao longo de máis de medio século, a bilbaína Carmen Marín Martínez era a profesora da escola de Armentón cando se proclamou a Segunda República. Rexentábaa dende o 1 de outubro de 1930 e percibía un soldo anual de 2000 pesetas2.
Sucédea no cargo Fe Aurelia Ledo Barja, natural de Reigosa (Pastoriza, Lugo), unha mestra que viña de impartir a docencia na escola da Silva e que comeza en Anzobre o 15 de decembro de 19313. María Barbeito Cerviño, muller emprendedora que promoveu e difundiu diferentes métodos pedagóxicos e que naquela altura desempeñaba o cargo de inspectora-mestra da zona da Coruña, describía a Fe Aurelia do seguinte xeito:
“Exteriormente, de carácter afable y simpático. De escasa formación pedagógica y de nivel cultural, regular; de lenguaje, culto. Influencia sobre sus alumnos poca y los resultados de la enseñanza que impartía no eran muy abundantes4 ”.
A falta de saúde constituía, para a inspectora, o maior defecto desta mestra xa que sufría “hemorragias, anemia cerebral, anginas y varias cosas más5”. E a maior cualidade como mestra era a súa bondade, procurando manter boas relacións, segundo a inspectora, coas autoridades e a veciñanza.
Durante a súa permanencia á fronte desta escola, Fe tivo tres visitas de Inspección por parte de María Barbeito, que en agosto de 1931 publicara un interesante artigo no Boletín da Academia Galega sobre o bilingüismo na escola galega. Neste artigo, recoñecendo o seu "rexionalismo acendrado", María Barbeito plantexa a necesidade do uso da lingua materna entre o profesorado e o alumnado, así como reivindica:
"Dedicar un día a la semana para la lectura, escritura y conversación en la lengua vernácula para todos los alumnos sin distinción. Lecturas y recitaciones ese mismo día, de nuestros poetas y prosistas más destacados6 ”.
Precisamente, nunha das visitas da inspectora a Armentón, Fe Ledo expuxo os temas “Lenguaje con comparación de términos entre lengua gallega y castellana” e tamén deu unhas leccións sobre Dereito establecendo as “diferencias entre la Monarquía y la República7”.
Con relación ao canto nesta escola de Anzobre, cousa que María Barbeito valoraba moitísimo, a inspectora di que “no sabían nada, excepto el Himno del Árbol” e conclúe o informe sobre a devandita escola sinalando o seu maior defecto: “Su pobreza material y espiritual8”.
Fe Ledo estaba casada con Emilio Alba Lamas, empregado municipal do Concello da Coruña (Xefe de Negociado de terceira clase) que era un dos dezanove fillos de Enrique Alba e Clara Lamas. Sobre esta familia Manuel Blanco Rey comenta que “la relación de la familia Alba con Arteixo tiene raíces bastante anteriores a los eventos republicanos. Aquí venían de vacaciones y aquí, en marzo de 1907, fue inhumada su hermana Filomena Alba Lamas. Por otra parte su hermana Pilar, que daba clases particulares en la parroquia de San Martín de Suevos, fue, presumiblemente, la posible causa del horrible “crimen pasional” allí cometido en 1920. Emigró a Buenos Aires, a donde le siguió, después de haber cumplido su sentencia, su amante D. Bernardo del Río Busch (a) El señorito de Suevos9”.
Mais continuemos describindo o local situado no Pazo de Anzobre, do que María Barbeito Cerviño fala, nun dos seus informes como inspectora-mestra da zona da Coruña, do seguinte xeito:
“Situado entre terrenos húmedos inadecuados y antihigiénicos, con orientación al Noroeste, con luz y ventilación muy mala; sin calear, con goteras, rotas las ventanas, sin vidrios éstas y las puertas10 ”.
Igualmente, María Barbeito tamén informa que a escola tiña capacidade suficiente para o alumnado, iso si, subliñando que carecía de retrete, e que a vivenda do mestre poucas, ou máis ben ningunhas, comodidades ofrecía, comentando que era fría e moi humilde. En canto ao funcionamento da propia escola, no seu informe a inspectora escribe que “el aspecto de la clase era misérrimo y su nivel cultural muy escaso”; da linguaxe oral di que “este es deficientísimo” e da escrita afirma que “tienen escaso conocimiento del idioma nacional.”11
Tras a etapa de Fe Aurelia Ledo Barja, a seguinte mestra de Armentón foi Obdulia Vázquez Fernández, que ía rexentar esta escola durante máis de trinta anos dando clase a varias xeracións de veciños e veciñas desta freguesía. Como é lóxico, despois de botar tanto tempo na parroquia, o recordo desta muller aínda está moi presente na memoria colectiva de Armentón.
Dona Obdulia, que nacera na Coruña en 1903, realiza os seus estudos na herculina “Escuela Normal” e obtén o título de “Maestra de Primera Enseñanza” en xaneiro de 1934. O seu primeiro destino exérceo como mestra interina da Escola de Nenas de Esteiro (Ferrol) durante cinco meses, dende o 26 de maio ata o 17 de outubro de 1934. Uns días depois, por Orde Ministerial do 23 de outubro dese ano de 1934, é nomeada mestra propietaria da Escola Mixta de Armentón, da que toma posesión o 13 de novembro cunha asignación dun soldo anual de 3000 pesetas.12
![]() |
| Imaxe do libro Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, da autoría de Manuel Blanco Rey |
Segundo as informacións de Manuel Blanco Rey, o primeiro destino de Obdulia en Esteiro ía marcar o rumbo da súa vida posterior xa que foi alí onde coñeceu ao tamén mestre Rogelio Roig Lestón, co que ía contraer matrimonio dous anos despois. A voda realizouse na parroquia de San Jorge da Coruña o 18 de xullo de 1936. O cura que os casou, amigo dos noivos, era Eduardo Mato Toja, párroco de Monteagudo naquela hora. O matrimonio tivo dous fillos, Lula e Rogelio.
Obdulia ía realizar unha boa labor docente durante os máis de trinta anos que estivo á fronte da escola de Armentón. Ademais, mesmo despregou unha fermosa actividade social facendo ocasionalmente de “enfermeira” ao poñer inxeccións a algún veciño que estaba enfermo. Falecida en setembro de 1988, “todavía hoy, me decía D. Vicente Sampedro, ex cura de Armentón, hay alumnos que encargan la celebración de la Santa Misa por su eterno descanso, clara señal del reconocimiento a la tarea que realizó con constancia y abnegación. Mantenía muy buenas relaciones con D. Ramón Viña Carracedo, párroco de Armentón, quien semanalmente, visitaba esta escuela para impartir lecciones de Catecismo. Tuvo, la señora Vázquez Fernández, otra hermana maestra que ejerció su cargo, regentando la escuela de Sorrizo en 1936: doña María Vázquez Fernández o, como se la conocía coloquial y familiarmente, la señorita Maruja13”.
![]() |
| Plano da Escola Mixta de Armentón realizado pola mestra Obdulia Fernández nos anos 40 (Imaxe do libro Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, da autoría de Manuel Blanco Rey) |
Dona Obdulia, que tamén recibiu dúas visitas da mestra-inspectora María Barbeito, en 1935 tiña 91 alumnos entre 6 e 13 anos de idade. Vía redes sociais, preguntámoslle aos veciños de Armentón por algún detalle sobre esta escola e esta mestra e, ao pouco, recibimos contestación por WhatsApp de Chau Fernández-Gago Puga, que nos contou que nese edificio “viviu durante moitos anos dona Obdulia cos seus fillos Lula e Rogelito. O que xa non recordo ben era onde estaba a escola. Penso que era no piso de arriba onde estaban as dúas cousas, a escola e a vivenda, porque cando nós marchabamos para A Coruña en outubro (despois de pasar o verán en Anzobre) viamos aos nenos asomados pola fiestra do piso. Dona Obdulia era guapísima e tiña uns ollos preciosos, como a súa filla. Era moi boa persoa e moi simpática.”
Outra das persoas que contactou con nós foi Ramiro Bello Recouso, con domicilio en Paiosaco dende hai moito tempo pero que pasou os primeiros anos da súa vida en Armentón e mesmo foi alumno da devandita mestra. Ramiro, tamén vía WhatsApp, enviounos unhas fotos do seu certificado de estudos primarios "a máis outra na que aparece doña Obdulia cun grupo de rapaces e rapazas de Armentón e de Rodís que na actualidade deben ter sobre oitenta anos ou oitenta e pico. De doña Obdulia pódoche contar que foi a maestra de meus pais, foi a miña e a de moitísimas xeracións de xente de Armentón porque botou moito tempo na escola de Anzobre. O seu marido tamén fora o maestro da escola de Barrañán. Tiñan dous fillos, Rogelio e Lula, que xa morreron. Anos despois de que súa nai deixara de ser a maestra da escola de Armentón, Lula viñera vivir para Anzobre, polo que tivo moita vinculación con esta parroquia durante boa parte da súa vida".
![]() |
| Cortesía de Ramiro Bello Recouso |
![]() |
| Cortesía de Ramiro Bello Recouso |
Obdulia Vázquez Fernández foi mestra de Armentón ata agosto de 1967. Sucedeuna no cargo María del Carmen Lareo Galán, que se ía integrar posteriormente, en 1974, no Grupo Escolar “Almirante Carrero Blanco”, o que hoxe é o CEIP Ponte dos Brozos.
Actualmente, tal e como comentamos ao principio desta crónica, as familias de Armentón seguen tendo a posibilidade de que os seus fillos realicen na unitaria da parroquia, situada en Rorís, o ciclo de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria.
![]() |
| Panorámica actual da Escola de Educación Infantil de Rorís (Xabier Maceiras) |
FONTES:
-Arquivo do Reino de Galicia, Fondo María Barbeito, c. 5852.
-Barbeito Cerviño, María (1931): El bilingüismo en la escuela, Boletín de la Academia Gallega, agosto.
-Blanco Rey, Manuel (1998): Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Concello de Arteixo.
-Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Autoedición.
1 Vid. Manuel Blanco Rey (1998): Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Concello de Arteixo, pp. 34-35.
2 Vid. Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Autoedición, pp. 686-687.
3 Ibídem.
4 Arquivo do Reino de Galicia, Fondo María Barbeito, c. 5852.
5 Ibídem.
6 Vid. María Barbeito Cerviño (1931): El bilingüismo en la escuela, Boletín de la Academia Gallega, agosto.
7 Vid. Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Autoedición, pp. 688-689.
8 Vid. Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Autoedición, páx. 686.
9 Vid. Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo I, Autoedición, páx. 240.
10 Arquivo do Reino de Galicia, Fondo María Barbeito, c. 5852.
11 Vid. Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Autoedición, páx. 686.
12 Vid. Manuel Blanco Rey (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Autoedición, pp. 691-693.
13 Ibídem, páx. 693.
DORA VÁZQUEZ, A GRAN ESCRITORA OURENSÁ QUE FOI MESTRA DA ESCOLA DE NENAS DE LARÍN NOS ANOS 50-60
A pegada de Dora Vázquez en Larín, lugar onde exerceu de mestra durante quince anos, segue a estar moi presente en Arteixo xa que o seu grato recordo, tanto entre o seu alumnado como coa veciñanza, aínda é, seis décadas despois de que abandonara a escola unitaria do Mirón, motivo de conversa na parroquia.
![]() |
| Dora Vázquez coas súas alumnas na escola de nenas de Larín (Arquivo de José Antonio López Canedo 'Cantudo') |
Nada en Ourense o 21 de agosto de 1913, Dorinda Remedios Vázquez Iglesias cursa os seus primeiros estudos na Coruña, cidade na que reside dende os seis ata os trece anos polo destino de seu pai, funcionario de Correos. Logo da estadía herculina, a familia volve a Ourense, onde aos dezasete anos Dora ingresa na Escola Normal de Maxisterio, recibindo o Primeiro Premio de Ingreso. Faise mestra nacional no ano 33 e exerce na parroquia de Teimende, Parada do Sil (Ourense) durante dezaoito anos. Posteriormente, en 1952, a súa profesión achegaríaa a Larín, onde tamén imparte clases o seu marido, Antonio Rodríguez1; el, na unitaria de nenos; e ela, na de nenas.
![]() |
| Dora Vázquez diante da escola de nenas de Larín en 1955 (Cortesía do seu fillo Abelardo) |
O matrimonio chega a Larín co seu fillo pequeno Abelardo, daquela un cativo de 7 anos. O fillo maior, Antonio, naquela altura xa estaba en Vigo estudando Peritaxe Industrial.
A escola unitaria de nenas estaba no lugar de Mirón, nun local que era propiedade de Maripepa da Estanqueira, unha muller que, na figura de Marixuana, se convertería en protagonista da novela Bergantiñá da autoría de Dora Vázquez. Porque Dora, ademais de mestra, era unha muller cun enorme potencial artístico, do mesmo xeito que tamén o tiña súa irmá Pura: https://gl.wikipedia.org/wiki/Pura_V%C3%A1zquez
![]() |
| Portada da novela Bergantiñá |
Dende a súa xuventude, se cadra polo amor á poesía de seu pai, a nosa protagonista sentiría afeccións literarias que a conducirían a publicar con certa frecuencia artigos no xornal compostelán La Noche en 1948. Co tempo, tamén colaboraría en El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Vida Gallega, Vagalume, Arquero, Céltica, Faro de Vigo, en revistas profesionais como El Magisterio Español e Escuela Española, en poéticas como Poesía Hispánica, Poesía de Venezuela e outras esporádicas e americanas. Tamén escribiría no Diario El Universal, Páginas e Vida y Letras de Caracas, e nos prelos da emigración en América en prosa e en verso. Ademais, Dora Vázquez colaboraría no Noticiero Informativo Galego na emisión radiofónica Sempre en Galicia e no Boletín da Sociedade da Irmandade Galega de Caracas. En Galicia faría o propio en Radio Nacional de España, A Coruña, na Emisión Bazar, 1956-1957, período no cal levaba xa varios anos impartindo clases en Larín.
Escritora de poesía, teatro e narrativa, fundamentalmente en galego, mais con obra tamén en castelán, Dora Vázquez está encadrada dentro da primeira xeración de escritores da posguerra e, durante a súa traxectoria, recibiría varios premios en certames de xogos florais, de vilancicos e, sobre todo, de poesía, algúns deles de carácter estatal. Os nenos e nenas son os principais destinatarios da súa obra, que se compón de arredor dun millar de traballos, artigos e poemas espallados en diversos medios, unha obra que está moi mediatizada polo feito da súa profesión de mestra co que fai un grande instrumento moralizante e didáctico daquilo que escribe. Subliñar que os seus textos “Plata fina”, “A dormir neniño”, “A xogar gaivotas”, “Anduriñas veñen”, “A rodiña roda” e “O baile da Cenicienta” ían ser musicados polo popular cantautor galego Suso Vaamonde en 1998, no disco Rapazas, rapaces e rapazadas destinado ao público infantil2.
Dora permanece como mestra en Larín ata 1967, ano no que colle voluntariamente a xubilación por motivos de saúde e no que volve ao seu Ourense natal onde, xa xubilada, colabora en La Región e en El Correo Gallego.
A Deputación Provincial de Ourense crearía un Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil co nome de Pura e Dora Vázquez, en honor ás dúas irmás, co obxectivo de renderlles homenaxe e recoñecer a súa traxectoria no mundo da cultura ourensá.
![]() |
| Pura e Dora Vázquez (Cortesía da familia) |
A Concellaría da Muller do Concello de Arteixo tamén crearía, en 2003, o Certame Xornalístico Dora Vázquez, un premio que nacera como espazo para dar visibilidade ás opinións das mulleres e para promocionar a igualdade mais, despois de once anos de existencia, casualmente cando se cumpría o centenario do nacemento da antiga mestra de Larín, o certame desaparecía do panorama cultural de Arteixo.
![]() |
| Dora Vázquez en Arteixo no desaparecido certame xornalístico (La Opinión A Coruña) |
Catro escritores e unha escritora dan nome ás cinco bibliotecas que temos no municipio: Antón Castro, á de Meicende; Miguel Sande, á de Pastoriza; Francisco Vidal, á de Froxel; Henrique Rabuñal, á de Arteixo; e Dora Vázquez, á de Solimar.
![]() |
| Biblioteca "Dora Vázquez", na Urbanización "Sol y Mar" de Oseiro (Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo) |
A nosa protagonista faleceu o 23 de setembro do 2010 no seu Ourense natal cidade na que ten rúa dedicada xunto a súa irmá Pura. Tamén a ten en Arteixo, concretamente (como non podía ser doutro xeito) na parroquia de Larín, moi cerca do lugar onde estaba a escola de nenas na que impartiu o seu maxisterio durante 15 anos.
Precisamente, co fin de aportar o noso gran de area para poñer en valor a súa figura, o pasado sábado estivemos por alí realizando un roteiro literario que organizamos coa Asociación de Empresarios de Arteixo (AEMA). Atendendo amablemente ao noso convite, tamén acudiu ao acto co súa familia o seu fillo Abelardo, que nos contou aos alí presentes varias anécdotas sobre súa nai Dora e sobre a estadía en Larín nos anos 50-60.
![]() |
| Abelardo coa súa familia na rúa de Larín dedicada a súa nai Dora (Xabier Maceiras) |
![]() |
| Roteiro literario organizado coa Asociación de Empresarios de Arteixo (AEMA) o sábado 3 de outubro (Xabier Maceiras) |
Ademais, no roteiro literario tamén estivo presente o músico Sindo Otero. Nun descanso que realizamos na Casa de Turismo Rural A Solaina, falounos do seu traballo Arteixo, un mar de versos e música, un proxecto multidisciplinar que combina a literatura, a música e o documental nun mesmo formato.
![]() |
| Na Casa de Turismo Rural A Solaina de Larín presentando a Sindo Otero (Asociación de Empresarios de Arteixo) |
Nese libro-cd, que presentará o 14 de novembro no Centro Cívico de Arteixo (https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2026/10/04/o-musico-folk-sindo-otero-arteixo-poesia-libro-134939696.html), Sindo musicou poemas de Antón Castro, Henrique Rabuñal, Miguel Sande, Óscar García Ramos, Pablo Mariño, Paco Souto, Xosé Iglesias e da nosa admirada Dora Vázquez, neste caso o poema “Soia”, que forma parte do poemario Irmá que a protagonista das Crónicas de Arteixo desta semana lle dedicou a súa irmá Pura.
O espíritu de Dora Vázquez segue moi moi vivo en Arteixo, abofé!
__________________________________
1 Antonio Rodríguez foi mestre da escola de nenos de Larín desde outubro de 1952 ata agosto de 1954. Posteriormente foi mestre da escola de nenos de Pastoriza desde 1955 ata 1967.
2 Vid. Alberto Pombo (2024): Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000), Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 153.
JULIO MANCEBO, IN MEMORIAM
O pasado 15 de outubro deixounos Julio Mancebo Moreiras, prezado amigo co que viaxamos ducias de veces na máquina no tempo polo Arteixo da súa infancia e da súa xuventude. Aínda incrédulo diante da súa perda, sirva esta crónica como homenaxe á memoria deste ser humano bo e xeneroso que nunca esqueceremos.
![]() |
| Julio Mancebo Moreiras (Cortesía da súa familia) |
Fillo do coruñés Julio Mancebo e da arteixá María Moreiras, o noso homenaxeado nace na Baiuca en 1942. Era irmán de María Elisa, comerciante que abriu a primeira mercería da capital municipal, e de José María, bo futbolista que chegaría a xogar no Fabril, o filial do R.C. Deportivo da Coruña.
Julio medra na Baiuca xogando cun numeroso grupo de amigos que ía conservar toda a vida: Miaxo, Baldomero, Quico, Pepe Zas, Chucho da Señorita, José Luis do Mestre, Tonio de Allán, Suso de Aurora, Piro, Avelino, Manín, Paco de Arsenio, Juanechas “e outros que xa se foron para sempre, meus primos Manolito e Maximino, Carra, Lolo de Camila, Rebo e José María, meu irmán. Todos eles axudáronme a ser como son e forman parte da miña vida1”.
![]() |
| De esqueda a dereita, Carra, Quico e Julio Mancebo (Cortesía da familia Mancebo López) |
Naqueles primeiros anos da súa infancia na Baiuca había dúas escolas nacionais: a de nenas, rexentada por dona Carmen Frade, e a de nenos, da que era titular don José Cabanas. Pero tamén había unha escola particular, a de Julita Mosquera Calvete (irmá de ‘Pitos’), que tiña numerosa rapazada de varios puntos do municipio. Julio foi alumno de don José e de Julita e, polo que ten contado, gardaba bo recordo de ambas escolas. “A principios do ano 1951 deixei a escola de Julita e funme á nacional. Alí o mestre preparounos para facer o ingreso no Instituto Masculino, hoxe chamado “Salvador de Madariaga”, ao seu fillo José Luis, a Tonio de Allán e a min. Aprobamos en xuño de 1952 e cambiounos a vida. Xa había que estudar francés, lingua, historia, ciencias… porque en xuño do 53 había que volver ao Instituto para examinarse por libre. Ao curso seguinte xa me matriculei por libre e todo foi máis doado2”.
Ao igual que lle aconteceu aos seus amigos de sempre, a súa infancia estivo moi vencellada co Balneario. O edificio termal transformaba, e de que xeito, a vida do Arteixo da época coa chegada do verán. Segundo nos contou Julio en máis dunha ocasión, seica viñan moitos rapaces que eran fillos de familias podentes, e claro, para a rapazada local aumentaban as posibilidades de diversión “porque tiñan xoguetes que nós non tiñamos: patíns, bicicletas, balóns de coiro, raquetas de tenis... Case todos aprendimos a montar en bici a conta dos veraneantes, e tamén a patinar na pista do Balneario”.
![]() |
| O Balneario de Arteixo a comezos dos anos 50 (Cortesía de Ana del Río) |
En xuño de 1958 Julito remata 6º, e a primeiros do mes seguinte aproba a reválida, que era o exame oficial que os estudantes daqueles tempos debían aprobar ao rematar os dous cursos do Bacharelato Superior (5º e 6º) para obter o título de bacharel e poder acceder ao curso Preuniversitario (Preu) e á Universidade.
Nesa época o mozo da Baiuca comeza a prepararse para entrar no Banco da Coruña. Dona Emilia, unha señora que veraneaba no Balneario de Arteixo, prometéralle unha praza porque naquela altura un dos seus fillos ocupaba un alto cargo na dirección da entidade bancaria. Avatares do destino, a cousa torceríase a causa do falecemento da señora.
Ao pouco de esfumarse a posibilidade bancaria, Julio decide preparar o ingreso para a Academia General Militar de Zaragoza. “Había un só exame ao ano, no mes de maio, e o ingreso tiña dúas partes: letras e ciencias. Viaxamos a Zaragoza no “Shangai”, un tren que tardaba 25 horas en chegar dende A Coruña a Zaragoza. Para que a viaxe nos saíra máis barata, sacábamos un quilométrico, billete de ida e volta, para viaxar en 3ª. O primeiro ano aprobei a primeira parte do ingreso: Xeografía, Historia, Debuxo Topográfico, Inglés… pero o segundo ano suspendín e non quixen saber máis3”.
Foi aí cando o noso homenaxeado dixo na casa que quería ser mestre.
-Fai o que che dea a gana-, díxolle o pai.
Ferido no amor propio pola contestación do seu proxenitor, decide matricularse por libre de 1º e 2º na Escuela Normal. Aproba todo 1º e a metade de 2º. Seu pai, vendo que o seu fillo ía en serio, díxolle que se matriculara por oficial das asignaturas que lle quedaban: Pedagoxía, Debuxo, Caligrafía, Prácticas… “Saquei notable en todas e o curso seguinte 1963/64 matriculeime de 3º e último curso. Foime moi ben, e ao final saquei Matrícula de Honor no curso e sobresaínte na reválida. Segundo me dixo o sr. Castro, conserxe da Normal, desde a súa inauguración soamente outro estudante acabou a carreira coas mesmas notas que eu. Chamábase Pernas e era de Betanzos. Non cheguei a coñecelo4”.
Á parte de ser moi bo estudante, Julio Mancebo tamén era un excelente futbolista que incluso estivera ás portas da elite do balompé. Xogara o Torneo de Preparación (a antesala do fútbol federado no noso municipio) co Atlético Arteixo, e posteriormente defendeu as camisetas do Santa Margarita, club herculino no que tamén militou seu irmán José María; do seu querido Penouqueira; e do Bergantiños, equipo co que disputou a Serie A Rexional, categoría equivalente á actual Terceira Federación.
![]() |
| Formación do Atlético Arteixo na primeira xornada do Torneo de Preparación disputada o 2 de xullo de 1961. Julio é o segundo pola esquerda da fila inferior (Cortesía da familia Mancebo López) |
A dicir verdade, no Penouqueira fixo un pouco de todo. De neno xa era socio infantil e viaxaba co equipo naqueles ómnibus nos que a Sociedade organizaba excursións a diferentes puntos de Galicia. E mesmo foi elexido (en agosto de 1963) secretario da entidade, sendo presidente Toribio Salvadores.
En outubro de 1964 comeza a preparar a oposición a Maestro Nacional. Precisamente nesa época, preparando as oposicións nunha academia da Coruña, é cando coñece á súa futura muller Carmela López Román, moza nacida en Compostela pero que residía na cidade herculina dende que era unha meniña de dous anos. “Fixen un horario que non me saltaba nin un día. Comezaba a estudar ás 09:00 h e paraba ás 12: 45. Os sábados dedicábaos a repasar os temas da semana. Cheguei ao día do primeiro exame e, moi tranquilo, bordeino5”. Uns meses máis tarde de aquela gran alegría, nuns tempos no que a comunicación era a que era, o seu nome aparecía na prensa da época para que pasara a recoller o título obtido:
ESCUELA del Magisterio
AVISO
Se pone en conocimiento de los interesados, que se han recibido los Títulos de Maestro de Primera Enseñanza, para que por los mismos puedan ser retirados en la Oficina de este Centro en horas de oficina y días hábiles, relativos a los señores don Julio Mancebo Moreiras, Ramón Vinagre Romero y Antonio Andreu Cid6.
A Comisión Permanente de Educación Nacional, en sesión celebrada o 19 de febreiro de 1966, nomea a Julio Mancebo como propietario provisional da Escola de Ordes n.º 2, praza que non ocupou porque se tiña que incorporar en breve ao exército para realizar o servizo militar. Nese mesmo ano o seu querido Penouqueira gaña, por primeira vez na súa historia, o campionato da chamada Liga de Arteixo. Julio poucos partidos poidera xogar cos da camiseta vermella porque, precisamente, estaba facendo a mili en Ciudad Real.
Rematadas as obrigas castrenses, o primeiro destino do mozo da Baiuca como mestre de Educación Primaria é o colexio de Vilasantar, a onde chega por unha vacante por xubilación.
Posteriormente estaría no Val do Dubra, que era onde traballaba cando casou en outubro de 1968 con Carmela, que tamén rematara a carreira e exercía o seu maxisterio en Estorde (Cee). A partir de aí, logo de darse o “si quero”, Julio sería mestre en Beseño, parroquia do municipio de Touro, e no ano seguinte, en 1970, en Camelle (Camariñas), vila na que xa residía Manfred Gnädinger, un mozo alemán que non ía tardar en abandonar a típica aparencia dun mozo burgués do centro de Europa para converterse nun ermitán. Si, estamos a falar de Man, o alemán de Camelle.
Pola súa banda, Carmela, despois da súa etapa en Estorde, ía ser mestra en Xaviña (Camariñas) e en Laxe.
O matrimonio, que ían ser pais de Tati, Tere e Julio, chegan a Meicende en 1971, a aquel Meicende no que a refinería estaba modificando non só a paisaxe da contorna, senón tamén o xeito de vivir. Dende a inauguración en 1964 das instalacións petrolíferas, a pequena aldea agrícola de antano, á que mesmo lle escribira Eduardo Pondal no seu poema “Vindo de Bergantiños”, pasou en pouco tempo a converterse nuns dos motores económicos e industriais máis importantes de Galicia. Por tal motivo, foron moitas as familias que estableceron o seu domicilio na localidade, matriculando aos seus cativos no colexio mixto San Xosé Obreiro, de patronato eclesiástico, ao que acababan de chegar Julio e Carmela como novos profesores.
Este centro educativo fora construído entre finais da década dos 60 e comezos dos 70 grazas ao impulso do párroco de Pastoriza, don José Lourido, que contara coa axuda e co apoio da veciñanza e das empresas da zona para sufragar a obra do colexio e das vivendas dos mestres. Porque un momentiño, se cadra os máis novos non o sabedes, pero si, houbo un tempo no que os profes vivían nos colexios.
![]() |
| Imaxe do antigo colexio San Xosé Obreiro, derrubado en 1988 (Xosé Castro/La Voz de Galicia) |
Ao pouco de aterrar no San Xosé Obreiro Julio Mancebo pasa a ocupar a dirección do centro, cargo no que ía botar un feixe de anos. Nuns tempos grises nos que a pedagoxía ía por outros camiños, don Julio, como o seguen chamando algúns dos seus antigos alumnos, aportaba luz e chispa. Pensaba que os docentes debían utilizar todos os recursos e procedementos didácticos que tiñan ao seu alcance para que o alumnado aprendera e comprendera, co menor esforzo, os conceptos educativos (e da vida mesma) que se pretendían ensinar, co fin de axudarlle á rapazada a afrontar o futuro do mellor xeito posible. Sobre este particular, o mestre da Baiuca ten explicado a súa metodoloxía nalgún artigo publicado nesa época en La Voz de Galicia, xornal ao que por certo fixo algunha que outra visita co seu alumnado naqueles primeiros anos da década dos 70, nos que o franquismo e a súa política educativa estaba chegando á súa fin.
![]() |
| Julio Mancebo visitando as instalacións de La Voz de Galicia en Catro Camiños cun grupo de alumnos do colexio de Meicende (La Voz de Galicia, 9 de abril de 1974) |
O colexio San Xosé Obreiro íase derrubar en xuño de 1988, e con el as vivendas dos mestres nas que, entre outras, vivía a familia Mancebo López, que posteriormente establecería o seu domicilio en Arteixo.
O comezo do curso 1988/89 ía ser algo caótico para os mestres e para os pais dos alumnos xa que, durante uns meses, o alumnado estivera escolarizado en diferentes centros educativos da Coruña. A normalidade volvería en xaneiro de 1989, que foi cando se inaugurou o colexio actual.
A vinculación de Mancebo coa súa localidade adoptiva foi moi grande, abofé. Mestre de numerosas xeracións e director do colexio durante unha eternidade, ademais, tamén sería nos anos 90 o voceiro da directiva de La Esperanza, sociedade á que pertence o Sporting Meicende e que en 2024 cumpriu un século de vida. Fiel servidor e traballador incansable polo ben da súa comunidade, na nosa humilde opinión pensamos que ten máis que merecida unha rúa en Meicende.
E así foron pasando os anos ata que chegamos ao 2003, ano no que o noso querido amigo se xubilou da docencia. Con todo o tempo do mundo, os seus fillos animárono a que contara as vivencias da súa infancia e xuventude nun blog, ao que, con moi bo criterio, decidiu bautizar “A miña Baiuca”. A bitácora botaba a andar o 14 de maio de 2006 con esta entrada:
“Chámome Julio e nacín na Baiuca. Cada sábado vou ver a miña nai e cando deixo as Carballas paréceme entrar nunha desas vilas que aparecen nas películas do Oeste: unha rúa longa con casas a ambos os lados; en vez de cabalos amarrados hai coches aparcados; en vez do salón unha cafetería… mais na rúa non hai xente. Parece unha vila fantasma.
Esta estampa levoume a lembrar os anos da miña infancia, cando A Baiuca era unha estrada viva, chea de xentes que ían e viñan arranxando as súas cousas; de nenos e nenas que xogaban á pelota ou saltaban á corda; e sobre todas as cousas, lembro as portas abertas como invitando a entrar. Desa Baiuca de remate dos corenta e principios dos cincuenta é da que vos quero falar nestas lembranzas subxectivas e intimistas.
A miña Baiuca comeza na casa de Aristón e remata na casa de Jesusa “do Trono”. Non fagades caso do letreiro que hai na casa de Amadeo e que di: “PONTEDOBA”. Para nós a Pontedobá quedaba á outra banda do río7”.
Para un servidor, “A miña Baiuca” foi unha auténtica bendición, un vendaval de información co que tivemos a oportunidade de descubrir o Arteixo dos anos 50. Nesa época na que empezou a escribir na web, ou se cadra uns anos máis tarde (a memoria empeza a fallar), foi cando comezou a nosa amizade. Lembro que a primeira vez que falara con el causárame unha grata impresión. Vía nel a un home afable e nostálxico ancorado nos anos 50-60. Xa tiñamos algo en común, porque eu estaba (e sigo) ancorado nos 70-80. Teño que confesar que Julio xa me tiña “fichado”. Coa súa habitual espontaneidade, naquela primeira conversa que mantivemos no Petisco, soltoume algo que me emocionou profundamente:
- Ti es neto do Touciñeiro.
- Son.
- Pois mira, vouche contar un conto. Cando os rapaces da Baiuca íamos polo verán á praia de Alba ou ao Carreiro, vindo de volta para Arteixo, a vosa casa era parada obrigada!
- E logo?
- Parábamos alí para pedirlles a teus avós un tanque de auga.
- Ese tanque aínda o conservo na actualidade, Julio!
- Que me dis? Hasmo de enseñar un día! Que alegría me acabas de dar!
Dende aquela primeira conversa, Julio converteuse nunha das principais fontes dun servidor. Foi unha especie de “Juliopedia” á que acudíamos con certa asiduidade para consultarlle cousas do Arteixo da súa infancia e xuventude. De feito, cando en 2013 ou 2014 comezamos o traballo de campo para o libro “Sabón” e para o documental “12 Leiras”, onde contamos a historia das expropiacións para a construción do Polígono Industrial de Sabón, tivo a ben participar no proxecto escribindo o prólogo do libro e sendo, ademais, un dos protagonistas do audivisual que realizamos con Xosé Antón Bocixa, documental no que Julio aparece xunto ao seu inseparable amigo Juan Suárez ‘Manín. Podedes ver o testemuño de ambos os dous aquí (a partir do minuto 1:00:35):
Tamén hai que resaltar que durante case unha década o admirado mestre, gran amante da literatura, foi o coordinador do Certame Manuel Murguía de narracións breves, premio literario que organiza o Concello de Arteixo desde 1991.
A finais de 2006 susbtituía a Henrique Rabuñal, que estivera durante 15 anos encargado da organización do concurso. Julio ía levar a coordinación ata o 2 de outubro de 2015, día no que deixa de asumir as súas funcións no prestixioso certame apelando á necesaria renovación de cargos. Tras esta importante decisión ía coller a remuda Alfredo Ferreiro, director literario actual.
![]() |
| Julio Mancebo na súa etapa de coordinador do Certame Manuel Murguía (Cortesía do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo) |
![]() |
| Cortesía do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo) |
Dende que se xubilara en 2003, Julio non parou de escribir. Facíao no seu blog, no que publicou exitosamente ata o 2008, e tamén nuns cadernos persoais aos que denominaba “revoltixos” porque narraba un pouco de todo. Dicía que eran coma unha pota de lentellas nas que tanto podía haber historias de antano como de hogano. Precisamente, nun dos seus “revoltixos” describe así o seu paso polo Certame Manuel Murguía de narracións breves, baixo o título “unha aventura literaria”:
“Cando o alcalde Pose me propuxo ser o coordinador do certame “MANUEL MURGUÍA”, aceptei encantado porque para min era unha honra, unha grande honra. A proposta fíxoma na cafetería “O Parque” en presencia do concellal Luís Patiño.
Foi doada a miña tarefa porque contei coa axuda de Sonia, técnica de cultura, Eva e Lita, un equipo fantástico que me arroupou en cada momento e xuntos fomos introducindo novidades como aumentar a cuantía do premio, establecer premios en metálico para o 2º e 3º dos finalistas…
O longo das distintas convocatorias coñecín a xente moi interesante como Xabier Docampo, Quico Cadaval, Andrés Pociña, Mercedes Queixas…
Lembro unha chea de anécdotas pero a máis simpática, relevante e “cuasi” incrible foi con Andrés Pociña8, gañador do “MURGUÍA” co seu relato “As dúas vellas do Iguasú”.
Andrés é catedrático de latín na Universidade de Granada. É un home moi culto e gran coñecedor da obra de Rosalía e a creada por Luz Pozo.
Eu non coñecía de nada a Andrés Pociña e cando veu hospedouse no hotel Atlántico. Alí nos vimos e falamos de moitas cousas. Díxome que aquela tarde tiña que visitar á gran poeta Luz Pozo Garza e contoume cousas da vida e obra da poetisa. Díxome que o seu gran amor fora un home de gran sensibilidade chamado Eduardo Moreiras. Cando rematou de falarme da enorme calidade da poesía de Eduardo, fixen unha intervención e díxenlle:
-Parecerache unha coña pero Eduardo era primo carnal da miña nai María Moreiras.
Quedo en silencio, miroume cos ollos moi abertos e cun xesto de escepticismo dixo:
-¡Non pode ser!
-Si, Andrés, o pai de Eduardo, era irmán do meu avó Jesús Moreiras.
-¡Que cativo é o mundo! Preséntome a un certame literario que organiza o Concello de Arteixo, gaño o primeiro premio, coñezo o coordinador do certame e dime que a súa nai Maruja Moreiras é prima de Eduardo Moreiras!
En fin, disfrutei moito nos 8 anos que exercín de coordinador do “MURGUÍA9”.
Eses textos aos que el denominaba “revoltixos” tiven a sorte de lelos un cento de veces e gárdoos, xunto coas narracións do seu blog “A miña Baiuca”, coma un dos meus bens máis prezados coa ilusión de que algún día vexan a luz nun libro que honre a memoria do meu querido amigo. Porque si, Julio tiña a ilusión de convertir os seus textos nun libro, como así mo deixara caer nun daqueles días nos que quedáramos para tomar unha caña:
-Toma, quero que o leas e que me digas que che parece. A min gustaríame publicar un libro con todo isto.
Que depositara tal confianza en min, supoñía un premio extra á nosa amizade. Lin con moito cariño unha e outra vez o que escribira baixo o título “Cousas miñas: Revoltixo”. Algunhas das historias xa me resultaban familiares da época na que escribira no blog “A miña Baiuca”. Outras sorprendéronme moi positivamente e descubrín informacións para min descoñecidas do Arteixo dos 50-60. E, sendo futboleiro como el era, tamén falaba de fútbol, do seu Penouqueira, dos Mundiais, de adestradores… A dicir verdade, o seu xeito de escribir xa me cautivara na súa bitácora. Gustábame o ritmo da súa escrita e a paixón con que narraba o detalle. Unhas semanas máis tarde volvemos a quedar para poñernos ao día das nosas cousas.
- Que? Que che pareceron esos revoltixos?
- Vou a ser franco, Julio.
- Non agardo menos de ti!
- Disfrutei moito con todo o que contas pero, se tes pensado publicar un libro, eu quedaríame só co que contas da túa infancia e xuventude, e a ese libro engadiríalle todo o que contaches no blog “A miña Baiuca”. Eu deixaría fóra o que contas do fútbol actual.
- Xa che dixen que era un “revoltixo” de contos (risas). Gustoume a túa franqueza. Vou pensar no que me dis.
Neses cadernos tamén descubrín o seu amor pola poesía e, sorprendentemente, mesmo nos deixou unha despedida que escribira en xuño de 2022. Con ela rematamos esta crónica de homenaxe ao noso querido e prezado mestre da vida Julio Mancebo Moreiras:
CUANDO ME HAYA IDO
Cuando me haya ido
volverán, como siempre,
las golondrinas
y preguntarán por mi.
Decidles:
Se ha ido al país
de la primavera eterna,
a fabricar balcones
donde podais colgar
vuestras casitas de barro
y críar a vuestros polluelos.
Decidles:
Se ha ido a plantar
huertos de flores
que llamen a las abejas,
y a las mariposas ingrávidas
que adornan el aire
con sus alas de colores.
Decidles:
Se ha ido… a descansar
a la sombra de su olmo preferido
que guarda el paso del río
de aguas cristalinas
y libélulas de vidrio.
Decidles:
que se fue a leer poemas y relatos
que escribió en su juventud
y tenía olvidados.
Decidles:
¡Fue feliz!10
![]() |
| Julio Mancebo Moreiras (Cortesía da familia) |
_______________________________________
1 Pregón de Julio Mancebo Moreiras nas festas do Apóstolo de Arteixo do 2017.
2 “A escola, o Instituto…”, “Cousas miñas: Revoltixo”. Texto inédito de Julio Mancebo
3 Ibídem.
4 Ibídem.
5 Ibídem.
6 La Voz de Galicia, 11 de marzo de 1965, páx. 10.
7 Julio Mancebo (2006): “Introdución”, texto publicado no blog “A miña Baiuca”, 14 de maio,
8 Andrés Pociña (Lugo, 1947) foi o gañador da edición do 2010.
9 “Unha aventura literaria”, “Cousas miñas: Revoltixo”. Texto inédito de Julio Mancebo
10 “Cuando me haya ido”, “Cousas miñas: Revoltixo”. Texto inédito de Julio Mancebo













































Non dá vostede nin unha no que se refire ao cerre das escolas unitarias e aos seus últimos mestres. Prégolle, polo ben da verdade, que se documente antes de escribir esta fabulosa historia.
ResponderEliminar