DEPORTES


O VOO SEN MOTOR


      O voo sen motor (tamén coñecido como voo a vela), é un deporte aéreo que consiste en pilotar un veleiro ou planeador para percorrer distancias e elevarse sen máis axuda que os movementos das masas de aire no seo da atmósfera. Aínda que hai numerosos precedentes de voos planeados, considérase a Otto Lilienthal como o pai do voo sen motor.


     O verdadeiro comezo deste deporte realízase en Alemaña en 1920, co primeiro concurso de planeadores celebrados na Wasserkuppe (o país teutón segue sendo hoxe en día o lugar do planeta onde máis practicantes hai e, onde máis innovacións técnicas se producen). Nos primeiros tempos desta modalidade aérea, nos anos 20 e 30 do século XX, os planeadores lanzábanse dende o alto dunha ladeira axudado por un sistema de gomas elásticas mais, actualmente, son remolcados por un avión.


                                          Ilustración dos anos 30


     Na Coruña, un grupo de aficionados a este deporte fundarían o Club de Vuelos Sin Motor no ano 1932, e que máis tarde, no ano 35, pasaría a denominarse Aero Popular Coruña. O modesto club aeronáutico nacera do entusiasmo e tenacidade duns poucos mozos, mais eso sí, con máis ilusión que medios. Nun pequeno local, frente ao vello estadio de Riazor (hoxe colexio das Escravas), instalouse o taller, local que se enchería de contado de madeiras e ferramentas e no que montarían unha oficina-biblioteca no interior da carrocería dunha antiga furgoneta. E como as ansias de voo eran grandes, pronto crearían o primeiro modelo capaz de voar, ao que lle chamaban "Rompepiernas". ¡Que valor para voar en aquilo!


     Reclamáronse planos ao estranxeiro, e o taller-escola pronto tomaría un ritmo de traballo febril. Estudiantes e mozos das máis variadas profesións, entre os que cabe lembrar ao presidente do Club, Angel Blázquez; os irmáns Catoira (Ricardo e Juan); irmáns Salgado (Enrique e Rafael); Jovino L Villar; Bordomás; Urresti; Díaz ou, entre outros, Lalín Mora, convertiríanse rapidamente en carpinteiros de primeira e en verdadeiros artesáns da madeira, sendo de admirar a execucción de traballos tan delicados como o planeador "Zogling" que estivera exposto no salón do Circo de Artesanos de 1935.

    
                                                     Voo sen motor en Arteixo en 1934


     Construídos polas súas propias mans, sairían daquel taller de Riazor dous aparatos: o deslizador, que pola peligrosidade nomearon "Rompepiernas", e o "Zogling". Outro flamante planeador, un C.Y.P.A., sería donado pola Dirección General de Aeronáutica Civil, aparato co que se realizarían voos de 34 segundos!!! na praia de Alba-Sabón (dende o Monte de San Tirso), lugar que reunía as mínimas condicións para esta clase de voos, e no que según informaba La Voz de Galicia o 25 de xullo de 1934...tratándose de la primera vez que en Galicia se volaba sin motor.


                                                    La Voz de Galicia, 25.7.1934


     Así pois, según o xornal herculino, Arteixo foi pioneiro e testemuña dos primeiros voos sen motor realizados en Galiza. A Voz tamén informaba nese día que...a pesar de no haberse anunciado las pruebas, asistió mucho público de Arteijo y alrededores que quedó complacidísimo de la espectacularidad de este hermoso deporte completo como pocos y con menor peligro de los demás.


     No ano 1935 aquel grupo de heroes principia a construcción dunha avioneta con motor, que sen dúbida algunha era a súa maior ilusión: "Le Pou du Ciel", que tan famosa se fixera en Francia, mais esta construcción prohibiríase posteriormente por mor dos moitos accidentes polas deficiencias técnicas da súa fabricación por aficionados que a montaban en espazos moi reducidos. Calquera erro de milímetros nunha medida, convertía á "pulga" nun ataúde.

                                          La Voz, 11.5.1935


     A "pulga" coruñesa estaba totalmente terminada (axustada aos planos de Henry Mignet e co patrocinio de Pedro López Sors e co de Pedro Barrié de la Maza), pendente só de recibir o motor dunha casa francesa...mais poucos días despois estalaría a Guerra Civil, quedando truncada a posibilidade de ver surcado o ceo coruñés e arteixán coa súa silueta.

FONTES:
Ricardo Catoira
La Voz de Galicia




I TRIAL DE ARTEIXO


     Falar do mundo do motor en Arteixo é meterse na cociña dos amigos do Club Autocross, que levan máis de tres décadas (primeiro no circuito "das Figueiras" de Sabón e posteriormente no "José Ramón Losada" de Morás) organizando campeonatos galegos e estatais de xeito inmellorable. Mais co seu permiso, hoxe vou deixarvos unhas pinceladas da primeira proba oficial celebrada no noso concello, neste caso do mundo das motos, puntuable para o Campeonato de España de 1973: o I Trial de Arteixo.


                                            Imaxes da proba celebrada en Sobico  


  Facendo un pouco de historia, hai que decir que as competicións de trial tiveran a súa orixe en Gran Bretaña nos anos cuarenta do pasado século, mais as máquinas usadas eran dunha concepción moi pesada para a práctica deste deporte. Pola década dos 60, un representante dunha marca catalana foi a Inglaterra e, de casualidade, presenciou unha competición desta modalidade. Á volta, él mesmo fabricaría unha rudimentaria moto, a primeira moto de trial española. Pouco a pouco irían xurdindo innovacións e a base de unhas ideas e conceptos novos e revolucionarios iríanse perfeccionando estas máquinas.


     Nos anos setenta as motos catalanas de trial Montesa e Bultaco eran consideradas as mellores do planeta, marcas lendarias que fundara Francisco Javier Bultó (primeiro Montesa e despois Bultaco) e que reinarían durante moito tempo no motociclismo do Estado.


     Precisamente, un dos fillos do fundador destas dúas marcas, Ignació Bultó, "Yato", catro veces campeón de España de Trial, unha medalla de ouro nos ISDE (Copa do Mundo de Enduro), varios subcampeonatos de Motocross e un Campeonato de España de Resistencia, fora un dos cincuenta participantes daquela sétima proba puntuable para o Campeonato Nacional celebrada en Arteixo o domingo 28 de outubro de 1973. A competición, que despertara moito interés entre os aficionados ao mundo do motor, tivera como escenario o Monte Subico e fora organizada polo Moto Club Coruña. Non houbera sorpresas! O pronóstico da proba cumpliríase! Coa súa Bultaco 325, Ignacio Bultó, que naquela hora era o campeón vixente deste deporte, facendo gala da súa mestría e habilidade, fora o gañador da proba de Subico.


                                                    La Voz, outubro 1973




O MUNDIALITO DA EMIGRACIÓN DE 1982

O 13 de xuño de 1982 celebrábase no Camp Nou de Barcelona a ceremonia inaugural do Mundial de fútbol de España, onde máis de 3.000 estudiantes da cidade condal formaran diversas imaxes no campo, destacando entre todas elas unha enorme pomba branca, o símbolo da paz. Posteriormente, Arxentina enfrentaríase a Bélxica no primeiro partido do campeonato no que os belgas, cun gol de Erwing Vandenberg, derrotarían por 1-0 ao equipo de Diego Armando Maradona, o futbolista ao que todo o mundo desexaba ver. O Mundial de naranjito”, que finalmente gañaria Italia, fora a disculpa perfecta para que en moitos fogares, o meu entre eles, se producira o cambio do branco e negro ao cor ¿lembrades?, polo que aquel partido do Camp Nou, foi o primeiro no que moitos destinguimos claramente as cores das camistas de cada equipo por primeira vez.

Campo Municipal de Arteixo
     Poucos días antes de xogarse aquel Bélxica-Arxentina, a provincia da Coruña fora escenario doutro Mundial: o primeiro Campeonato de Fútbol da Emigración, popularmente coñecido como o Mundialito da Emigración, que se disputara do 20 ao 31 de maio nas localidades de Betanzos e Sada (Grupo I), Arteixo e Carballo (Grupo II), Carral e Ordes (Grupo III), Miño e Pontedeume (Grupo IV). Betanzos, Carral, Carballo e Pontedeume serían ademais sedes dos partidos de cuartos de final, Ferrol e Santiago de Compostela das semifinais, e A Coruña da final.

    Todo acontecemento ten unha xestación e o Mundialito da Emigración non podía ser menos. A idea xurdira nunha conversa, case informal, entre Pastor López Álvarez, naquela hora edil do Concello da Coruña e presidente da Federación Española de Boxeo, e o xornalista coruñes, residente en Caracas, Lázaro Candal. Ao principio, López tiña en mente facer unha olimpiada deportiva da emigración con seis deportes mais, trala conversa con Candal, os dous concretarían a idea, ante a complexidade da organización do evento, de reducir só ao fútbol a convocatoria cun torneo de 16 seleccións integradas por emigrantes españois, fillos ou netos. 

   O proxecto, ao que tamén se sumaría o xornalista Juan Guillín (que sería o Secretario Xeral do Campeonato), tería moi boa acollida, tanto por parte da colectividade galega no estranxeiro como nos diferentes estamentos deportivos internacionais e máximas autoridades deportivas, entre eles Juan Antonio Samaranch, naqueles días presidente do Comité Olímpico Internacional, que parabenizaría aos organizadores coruñeses pola súa iniciativa. En Brasil, o presidente da F.I.F.A., Joao Havelange, nada máis enterarse da organización do campeonato, anunciaba que estaría presente na final do campeonato (algo que finalmente non cumpliría) e o presidente da Confederación Brasileira, Giulite Coutinho, prometía todo o seu apoio ao equipo que viaxara a terras coruñesas, o mesmo que Julio Grandona, presidente da Asociación de Fútbol Arxentino, que convidara a todos os equipos do seu país a prestar a máxima colaboración para formar o equipo que fora xogar a Galiza.

A "anduriña viaxeira" do Mundialito
     Para o lanzamento e promoción do Campeonato, a Comisión Executiva organizadora encargaríalle ao pintor galego Mario Fernández Granell, moitos anos emigrante en Venezuela, o deseño dun cartaz e dunha mascota, que o artista plasmaría nunha anduriña viaxeira cunha á coa bandeira galega, outra coa española, corpo de balón e sobre unha portería de fútbol.

     Cun presuposto de 30 millóns das antigas pesetas, cubertos con subvencións do Instituto Español de Emigración, Xunta de Galiza, Deputación da Coruña, concellos da Coruña, Santiago, Ferrol, Betanzos, Sada, Carballo, Arteixo, Ordes, Carral, Miño e Pontedeume, entidades privadas e practicamente a totalidade das representacións bancarias da cidade herculina, o Mundialito comezaba o 20 de maio de 1982 cos partidos Inglaterra-México, Arxentina-Venezuela e Perú-Estados Unidos, xogados respectivamente en Sada, Ordes e Betanzos.

Estes foron os resultados da Primeira Fase do campeonato:
El Ideal Gallego, 22.5.1982
GRUPO I:
20.5. Sada. Inglaterra-México: 5-2                     
20.5. Betanzos. Perú-Estados Unidos: 1-3
22.5. Sada. Inglaterra-Estados Unidos: 1-3
22.5. Betanzos. Perú-México: 1-2
23.5. Sada. México-Estados Unidos: 2-1
23.5. Betanzos. Inglaterra-Perú: 4-1

GRUPO II:
21.5. Arteixo. Brasil-Francia: 2-2
21.5. Carballo. Chile-Suiza: 0-5
23.5. Arteixo. Chile-Francia: 2-0
23.5. Carballo. Brasil-Suiza: 1-1
24.5. Arteixo. Francia-Suiza: 2-2
24.5. Carballo. Brasil-Chile: 1-0

GRUPO III:
20.5. Ordes. Arxentina-Venezuela: 3-1
21.5. Carral. Bélxica-Marrocos: 3-0
22.5. Ordes. Bélxica-Venezuela: 0-2
22.5. Carral. Arxentina-Marrocos: 7-2
23.5. Ordes. Arxentina-Bélxica: 2-0
23.5. Carral. Venezuela-Marrocos: 2-1

GRUPO IV:
21.5. Miño. Alemaña-Uruguai: 0-4
21.5. Pontedeume. Holanda-Panamá: 2-1
23.5. Pontedeume. Alemaña-Panamá: 9-0
23.5. Miño. Holanda-Uruguai: 1-4
24.5. Miño. Alemaña-Holanda: 2-3
24.5. Pontedeume. Uruguai-Panamá: 3-0
    En Arteixo, sede xunto a Carballo do Grupo II, tivéramos a oportunidade de ver ás seleccións de Brasil, Francia, Chile e Suiza. Os chilenos, baixo o apoio do Lar Galego de Santiago de Chile, que naquela altura contaba con máis de 1.500 socios descendentes de galegos (a maioría panadeiros e ferreteiros), viaxaran a Galiza con varios xogadores do equipo profesional Unión Española, o quinto máis laureado do país andino. Suiza acudira ao campeonato con varios futbolistas do Espagnol de Lausanne, equipo que presidía o galego Ramón Iglesias e que non tardaría en convertirse campeón suizo de Segunda, categoría semellante á 2ª B española. A colonia de emigrantes españoles en Francia, empezarían a confeccionar o equipo que enviarían a desputar o Mundialito da Emigración no Torneo Cultural de Montpellier, celebrado en febreiro de 1982, mais o seu combinado non realizaría tan bo papel como o que farían os galos no Mundial de España, onde a selección de Platiní acabaría sendo 4ª cun bo número de emigrantes nas sús filas: Manuel Amorós (os pais eran de Alicante), o tarifeño Luis Fernández, Alain Giresse (de nai salmantina) e Daniel Bravo (fillo dun barcelonés). Os brasileiros trouxeran de técnico a Vavá, o dianteiro daquela canarinha que gañara os Mundiais de 1958 e 1962 xunto aos Garrincha, Pelé, Didí, Amarildo, Zagalo e compañía. Na selección que xogara o Mundialito destacaba Juan Valverde, fillo de galegos de Sao Paulo que quixera fichar o Botafogo, mais él preferira rematar a carreira de Económicas a ser futbolista profesional. En Arteixo tamén estivera presente Mónica Tanus Paixao Pérez, que acompañaba á delegación brasileña como madriña do equipo. Mónica era filla de galegos e fora “Miss Brasil” tres anos antes.


El Ideal Gallego, 25.5.1982
 O resto dos partidos do Mundialito da Emigración foron os seguintes:

CUARTOS DE FINAL:
26.5. Carral. Arxentina-Estados Unidos: 4-1
26.5. Betanzos. México-Venezuela: 0-0 (Venezuela por penaltis)
27.5. Carballo. Suiza-Holanda: 2-1
27.5. Pontedeume. Uruguai-Brasil: 3-1

SEMIFINAIS:
28.5. Ferrol. Suiza-Venezuela: 0-1
28.5. Santiago. Arxentina-Uruguai: 2-2 (Nun primeiro momento Uruguai clasificouse na tanda de penaltis, mais posteriormente Arxentina impunaría a acta, alegando alineación indebida dos charrúas, e o comité daríalle a competicións aos arxentinos)

3º e 4º POSTO:
30.5. Ordes. Debería xogarse entre Uruguai e Suiza mais o partido non chegaría a disputarse porque os charrúas non aceptaran a decisión do Comité de Competición

FINAL:
30.5. A Coruña. Estadio de Riazor. Arxentina-Venezuela: 4-2
El Ideal Gallego, 31 de maio de 1982
    Algúns dos futbolistas máis destacados do torneo non tardarían en recibir ofertas de clubs de Primeira División. Este fora o caso do máximo goleador do Mundialito, Ricardo Albisbeascoechea, “Albis”, que ficharía no Málaga e posteriormente, na tempada 1990/91, xogaría no Deportivo; o uruguaio “Dardo” Perez, que recalaría no Racing de París ou do alemán Orejuela, que ficharía no Salamanca.

    Até o de agora, disputaríanse dous Mundialitos da Emigración máis, os de 1983 e 1985, celebrados respectivamente en Pontevedra e Tenerife. Do primeiro pódenvos dar boa conta no Bar Fénix de Arteixo, no Paseo do Balneario. Se entrades a tomar un café, detrás da barra tedes a Nelson Cedeira, que foi campeón daquela edición do 83 coa selección de Uruguai. Nelson, que fora compañeiro de Enzo Francescoli no Montevideo Wanderers, estivera a piques de fichar polo Celta tras aquel campeonato...mais este conto queda para  outro día!



GONZALO RABUÑAL, O "INDURAIN" DE BARRAÑÁN

    @s galeg@s amantes do ciclismo tivemos a inmensa fortuna de contar durante varios anos co noso propio equipo profesional, que se creara en 2007 coa denominación de Karpin Galicia baixo o patrocinio do ex-futbolista e empresario Valery Karpin, naquela hora tamén inmerso noutras promocións deportivas como o equipo de voleibol da cidade de Vigo, o C.V. Vigo Valery Karpin. Mais en agosto do 2008, logo de que o ex-futbolista do Celta lle retirase o seu apoio económico e de contar cun novo respaldo, neste caso o da Xunta do bipartito, a denominación pasaría a ser Xacobeo Galicia, nome co que ese mesmo ano, o equipo conseguiría a súa primeira victoria nunha tirada da Vuelta a España ao impoñerse en Ponferrada, na décimo quinta etapa,  o ciclista galego David García.
Gonzalo Rabuñal

      Álvaro Pino, unha lenda do ciclismo galego que fora campeón da Vuelta a España en 1986, era o director deportivo do Xacobeo Galicia, un Pino que xa dirixira ao Kelme-Costa Blanca e que tiña de axudantes a Suso Blanco Villar, outro ciclista galego lendario que gañara en 1985 a Volta a Galiza, a Volta a Castela e León e a Volta á Comunidade Valenciana, e o padronés José Ángel Vidal, que participara en oito Tour de Francia seguidos correndo para o Kelme.

     A gran maioría dos ciclistas que Pino tiña ao seu mando eran galegos, entre eles os ilustres Marcos Serrano, que gañara a Volta a Galiza 1999, a Volta a Castela e León 2001 e a clásica Milán-Turín 2004; Iván Raña, que debutaría como ciclista profesional en 2009, despois de ser o primeiro triatleta galego en conseguir un campionato do mundo da especialidade, o primeiro en vencer nunha proba da Copa do Mundo e en participar nuns Xogos Olímpicos; o arousán Gustavo Veloso, campión da Volta a Catalunya 2008 e da Volta a Portugal 2014; Ezequiel Mosquera, subcampeón da Vuelta a España 2010...ou o noso Gonzalo Rabuñal Ríos, o "Indurain" de Barrañán. 
     Nado na parroquia de Barrañán o 1 de agosto de 1984, Zalo Rabuñal empezaría a pedalear en pequenas marchas e paseos como o "Día da bici" polo asfalto arteixán ata que se decidiu apuntar no Club Ciclista Carballo, donde non tardaría en deslumbrar. Desde os seus inicios, o noso protagonista, que sempre admitiu que se fixera ciclista por Indurain aínda que o seu ídolo era Pantani, tería unha traxectoria moi regular, con innumerables victorias e podios en categorías inferiores e amateurs, éxitos que continuarían ata o seu último ano de aficionado, no que correría bastante por Portugal e no que gañaría a Volta a Madeira.
     En 2007 Rabuñal debuta como profesional no Karpin Galicia. No 2008, correndo xa co maillot do Xacobeo Galicia, o ciclista arteixán, naquela hora con domicilio na Cachada (Monteagudo), sería segundo nunha etapa da Volta a Irlanda e terceiro nunha da Vuelta a Asturias. En 2009 participa no Giro de Italia, na Vuelta a España, donde conseguiría unha meritoria octava praza na etapa con final na Sierra de la Pandera, e acaba líder do Premio da Montaña na Volta a Turquía, o seu primeiro grande éxito como profesional. En 2010 acada o maillot da montaña na Volta ao País Vasco e participa na Vuelta a España, edición na que fai un papel destacado nas etapas de montaña, quedando na clasificación xeral de 30º, meritorio posto xa que o seu obxectivo non era outro que axudar ao seu líder, Ezequiel Mosquera, a gañar a Vuelta, un Ezequiel que finalmento sería 2º, a tan só 41 segundos do gañador Níbali.
Rabuñal, á esquerda, rodandop con Ezequiel Mosquera

     Mais con todo, o Xacobeo Galicia atravesaría, naquel inesquecible 2010, grandes dificultades económicas pola perda dos patrocinadores e o cambio de goberno da Xunta: o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, anunciaba a retirada do patrocinio, feito  que desgraciadamente levaría ao equipo á desaparición xa que non puido achegar os avais requiridos pola UCI para o seu rexistro no circuíto continental co cal o Xacobeo Galicia, malia a que tiña compromisos adquiridos para o 2011, correría a mesma sorte que a Selección galega de fútbol coa chegada do Partido Popular ao Goberno Galego.Ciclistas como Delio Fernández, Gonzalo Rabuñal ou Gustavo Domínguez aseguraban naquel intre que o Executivo buscara "escusas" para acabar co equipo e que a "liquidación" repentina do conxunto impediulles a moitos continuar coas súas carreiras. “Doía ver como a nós nos debían cartos e logo gastaban case dous millóns de euros no Obradoiro para darlle de comer aos de fóra, porque non había nin un só xogador galego no equipo”, dicía un. “A política estivo na orixe da decisión final; non se sentían cómodos cun proxecto que fora creado por un goberno doutra cor política”, remataba outro.

     Trala desaparición do Xacobeo Galicia, os corredores do equipo ciclista galego seguirían adiante por outro camiño, no que o deporte é un hobby e non unha ocupación a tempo completo. No caso de Gonzalo Rabuñal, tras abandonar o ciclismo profesional, pasaría a formar parte do Club Gallaecia Raid, con quen empezaría a participar en raids de aventura nos que se xunta a bicicleta con kaiak, con carreiras de orientación, co trekking, algo de escalada, algún rappel...un Rabuñal que a día de hoxe soña, ao igual que moit@s galeg@s, cun novo equipo ciclista que volva encher as estradas de afeccionados como fixera o seu desaparecido Xacobeo Galicia durante catro anos




O PARTIDO ENTRE O PEÑAROL DE LAÑAS E O PEÑAROL DE MONTEVIDEO 

     Hoxe, aproveitando a coincidencia do encontro que o Peñarol e o R.C. Deportivo xogan en Uruguai, vou a falarvos dun partido que o equipo de Montevideo xogou na Coruña en agosto de 1975...mais un momentiño, non vaiades a pensar que foi contra o Deportivo, non, non, o Peñarol de Montevideo enfrentárase no campo de Elviña a un equipo de Arteixo, o Peñarol de Lañas. Si, si, ledes ben: Peñarol de Lañas-Peñarol de Montevideo, lendario choque do que aínda se fala de cando en vez por estos lares!

     Todo acontecera grazas ao presidente do Peñarol de Montevideo, Washington Cataldi, un home que asumira a presidencia do equipo en 1973 e que con anterioridade, entre 1969 e 1971, fora Subsecretario do Ministerio de Industria de Uruguai. Cataldi, que foi o gran ideólogo da creación da Copa Libertadores, posibilitaría a participación do Peñarol no Trofeo Teresa Herrera nas edicións de 1974, 75, 76 e 83 grazas aos seus estreitos vínculos con Arteixo, concretamente co lugar de Freán, na parroquia de Morás, a donde viña todos os anos coa súa dona Susana a pasar unha semana do verán á casa na que nacera súa sogra Pepa Martínez, que emigrara a Uruguai sendo unha cativa de 14 anos.

     Pois ben, en 1974, na primeira vez que o Peñarol veu á Coruña a disputar o decano dos trofeos veraniegos, xurde a idea de organizar un partido amigable entre os homónimos de Montevideo e de Lañas. A iniciativa fora cousa de Rosendo Rumbo, sobriño político da sogra de Cataldi, e de Moncho de Pedro, o panadeiro de Lañas que, ao repartir no seu Land Rover o pan por Freán, sabía da estadía do presidente do Peñarol de Montevideo na casa de Rumbo. Os dous, Rosendo e Moncho, que naquel intre era o Pelé do equipo de Lañas, pensaban que sería ben fermoso que se enfrontaran os dous "Peñaroles", idea que a Washington Cataldi, sorprendido por saber que había un Peñarol en Arteixo, tamén lle entusiasmara. O presidente da entidade charrúa aceptaría disputar ese partido de confraternidade co modesto clube arteixán unha vez que o seu equipo se proclamou campeón do Teresa Herrera (vencera na final ao Borussia Mönchengladbach por 3-2) pois, naquela hora, o gañador do prestixioso trofeo estaba convidado á edición do seguinte ano.

     E así chegamos a agosto de 1975. O Peñarol chega ao aeroporto de Alvedro o día 5 para disputar, xunto ao Atlético de Madrid, Stoke City e Cruzeiro de Belo Horizonte o trofeo Teresa Herrera por segundo ano consecutivo. Mais antes había que cumprir as promesas. Había que xogar o partido que idearan un ano antes Cataldi, Rosendo Rumbo e Moncho, o panadeiro de Lañas, partido que se xogaría no campo de Elviña o día 6 e do que La Voz de Galicia facía a seguinte crónica na súa edición do xoves, 7 de agosto de 1975, coa sinatura de Moskowich:
La Voz de Galicia, 7 de agosto de 1975

     "Ayer tarde, en el campo de Elviña, se celebró un encuentro amistoso entre el Peñarol de Montevideo y el Peñarol de Lañas (Arteijo). El gesto de los campeones uruguayos fue muy favorablemente comentado al haber accedido a enfrentarse a su homónimo de tan inferior catalogación balompédica. El recinto de juego de la Federación Gallega de Fútbol ofrecía un estupendo aspecto, con bastantes aficionados presenciando el partido. El terreno de juego estaba mejor que otras veces, ya que los directivos gallegos tuvieron la precaución de pasarle un pisón de 5.000 kilos y regarlo a continuación, con lo que se evitó el polvo. El Peñarol de Montevideo presentó su equipo de gala, y actuó en plan de entrenamiento y exhibición, pese a que por la mañana ya había realizado otro entrenamiento en el Estadio de Riazor. Sus jugadores y directivos actuaron con una delicadeza y atención totales, metiéndose a los aficionados prácticamente en el bolsillo. El resultado final fue de 8-1 a favor, como es natural, de los uruguayos.
PEÑAROL DE MONTEVIDEO: Walter Corbo; Perurena, Olivera, Mario González; Nelson Acosta, Pedro Custodio; Quevedo, Unanue, Morena, Silva y Pizzani. Para relevos contaron con Fosatti, Garisto, Walter García y Barbosa.
PEÑAROL DE LAÑAS: Vilas; Collazo, Sánchez, Caamaño; López, García; Moncho, Sande, Dopico, Hermida y J. Manuel García. Para cambios contaron con Paz, Sánchez, Ferro y Alvarez además del apuntado ya de Walter Corbo como portero en el segundo tiempo".

     O mesmo día El Ideal Gallego escribía, con sinatura de L.G., a seguinte crónica:

     "Ambiente de expectación en el campo de Elviña ayer por la tarde, con numeroso público en las gradas. Se enfrentaban el Peñarol de Montevideo y el Peñarol de Lañas-Arteijo, en homenaje de los uruguayos a su homónimo coruñés. Un homenaje simpático, emocionado y cargado de escenas bonitas, con abundancia de autógrafos, poses para los fotógrafos y obsequios de unos a otros. Los equipos, bajo la dirección del señor Cruz, que pitó bien, formaron así:
PEÑAROL DE MONTEVIDEO: Corbo (Fosatti); Peruena, Olivera, Mario González; Acosta, Pedro Custodio; Quevedo, Unanue, Fernando Morena, Ramón Silva y Pizzani. También jugaron Garisto, García y Barbosa.
PEÑAROL DE LAÑAS: Vicas (Corbo); Collazo, Sánchez I, Caamaño; López, García; Moncho, Sande, Dopico, Hermida y José Manuel. Además de la actuación del meta uruguayo Corbo, en el segundo tiempo, también jugaron Sánchez II, Ferro y Alvarez.
Fue fácil la victoria de los uruguayos, que ganaron por 8-1, empleándose más a fondo en el primer tiempo que en el segundo. El público lo pasó muy bien, porque se vieron jugadas muy bonitas, goles de todas las marcas y sobre todo una hermandad estupenda, en la que han puesto la primera piedra los uruguayos al saber que aquí había un club que tenía su mismo nombre. Al descanso se llegó con ventaja del cuadro sudamericano por 5-0. Marcaron por el Peñarol de allá, Fernando Morena (3), Ramón Silva (2), Mario González, Quevedo y Unanue. El tanto del conjunto de Lañas fue obra de Fosatti en propia meta" .
El Ideal Gallego, 7 de agosto de 1975
   
     Dous días despois do partido co equipo de Lañas, o Peñarol de Montevideo, naquel intre comandado pola súa estrela Fernando Morena, dianteiro que non tardaría en fichar no Rayo Vallecano, debutaba no Teresa Herrera vencendo nunha das semifinais ao Atlético de Madrid e, posteriormente, vencería na final ao equipo brasileño do Cruzeiro.

     Pola contra, o Peñarol de Lañas poñía fin ao remate da tempada 1975/76, só uns meses despois do lendario enfrontamento co seu homónimo de Montevideo, a 12 anos consecutivos de equipo federado. Atrás quedaban os tempos do campo da Azureira que tanto nomea na súa obra o escritor Antón Castro (Lañas, 1959) e daqueles partidos heroicos do Peñarol dos Groufo, Gorecho, Dubra, Moncho de Pedro, Paxín ou o grande Boedo, que ten deixado medio noqueado a algún que outro adversario co seu gran trallazo...tempos dos que xa vos falarei noutra ocasión!


RAMÓN VILLAVERDE, O URUGUAIO-ARTEIXÁN DO F.C. BARCELONA

Ramón Villaverde
     Montevideo foi o lugar que viu nacer a Ramón Alberto Villaverde Vázquez un 16 de marzo de 1930. Fillo de pais arteixáns da Pedreira de Oseiro e de Rañobre que emigraran a Uruguai na procura dun futuro mellor, Ramón empezaría, como centos de nenos en Sudamérica, a patear o coiro nas rúas da capital charrúa onde non tardaría en amosar unha pasión e cualidades innatas para a práctica do fútbol..."Ramón engañábame usando uns zapatos vellos que non sei onde os gardaba, mais sempre chegaba á casa cos de uso diario sen unha sinal de darlle patadas a nada", lembraba a súa nai Matilde nunha entrevista a La Voz de Galicia en abril de 1955. 

     Ramón Villaverde empezaría a xogar na tempada 1949-50 no Liverpool de Montevideo, onde demostraría de contado unha innata capacidade goleadora que o acabarían levando ao fútbol colombiano, daquela o mellor pagado do continente americano. Alí, no país cafeteiro, defendería primeiro as cores do Cúcuta Deportivo (50-51) e posteriormente do "Ballet Azul" de Millonarios de Bogotá (1952-54) equipo no que chegaría a  formar unha dupla máxica con Alfredo Di Stéfano. As boas actuacións dos dous futbolistas en terras colombianas non pasarían desapercibidas para os grandes do fútbol español e, deste xeito, Di Stéfano acabaría fichando no Real Madrid e Villaverde no F.C. Barcelona, clube ao que chega en xullo de 1954 da man do directivo Pedro Salvat e de Josep Samitier. 

     O seu debut coa camiseta blaugrana prodúcese en Les Corts frente ao Sevilla na xornada inaugural da Liga (12.9.1954), partido que o Barça gaña 4-2 e no que Ramón marca o primeiro gol batendo de cabeza ao meta sevillista Bustos. Mais se había unha data emotiva para o futbolista uruguaio-arteixán, esa era a do 20 de marzo de 1955, día no que o R.C. Deportivo da Coruña e o F.C. Barcelona se enfrontaban en Riazor, en partido correspondente á xornada 27. Villaverde ía pisar por primeira vez a terra da que tanto lle falaran na súa infancia, a terra que vira nacer a seus pais... polo que, familiares e veciños dos seus proxenitores, tiñan o corazón dividido entre o Barça no que xogaba o fillo daqueles rapaces da Pedreira e de Rañobre que tiveran que facer a maleta da emigración e o Deportiviño  no que xogaba outro arteixán: Arsenio Iglesias. O partido remataría 2-2 e Ramón anotaría un dos goles do seu equipo. 

La Voz de Galicia, 14 de abril de 1955
   Dúas semanas despois daquel enfrontamento, chegaban á cidade herculina Matilde Vázquez e Mario Villaverde, nai e irmán do noso protagonista. Matilde, que naquela hora tiña 62 anos e xa estaba viúva do seu home, a quen coñecera en Uruguai, emigrara do seu Rañobre natal aos 16 anos e facía 46 que non pisaba a súa terra. Despois de tanto tempo sen ver á familia (os pais xa morreran), botaría unha longa tempada en Rañobre na casa dun de seus irmáns e, pola súa banda, os seus fillos Mario e Ramón, que chegara en xullo á Coruña para asistir ao casamento do seu compañeiro Dagoberto Moll, coñecerían nese verán de 1955 a toda a familia materna e paterna da Pedreira, de Suevos e de Figueiroa, lugar no que aínda hai xente que se lembra da axitación que causara a visita do futbolista do F.C. Barcelona.

     A posición de Villaverde no campo tanto podía ser a de interior como a de extremo, mais neste caso tiña tendencia a bascular cara o centro do campo, onde podía explotar mellor a súa extraordinaria visión da xogada. Digno representante da escola sudamericana, o seu binomio co galego Luís Suárez abofé que sería recoñecido pola súa maxia e facilidade de por en pé, co espectacular xogo combinativo de ambos, ao graderío blaugrana. Adiantado ao seu tempo polo feito de non permanecer fixo na banda, senón que tiña tendencia a romper polo centro buscando outras alternativas de ataque, Ramón tiña un remate portentoso e un gran dominio do balón, ata o punto que sabía recortar ao contrario sen chegar a tocar o esférico. Nun tempo de poucos encontros internacionais e de certas facilidades para que os futbolistas chamados oriundos vestiran a camiseta de España, o seu bo facer no  Barça tamén o levaría a xogar un partido coa selección española, partido disputado en Barcelona o 31 de maio de 1956 que España perdería por 2-5 ante Alemaña.

    O futbolista de raíces arteixás tería o seu cenit no Barça baixo a dirección de Helenio Herrera, nunha eliminatoria de 1/4 da Copa de Europa de 1960 fronte aos temibles "Wolves", o alcume co se coñecía ao Wolverhampton inglés. Na noite do 10 de febreiro de 1960, na ida no Camp Nou, o Barcelona vence aos británicos por un contundente 4-0 con goles de Villaverde (2), Kubala e Evaristo.  Na volta, o 2 de marzo do mesmo ano, a exhibición é total e o público inglés ovaciona ao equipo blaugrana ao remate do partido: 2-5 con gol de Villaverde e catro de Kocsis. Aquel Barça sería eliminado nas semifinais polo Real Madrid, que sería o Campeón daquela edición da Copa de Europa de 1960.

     Villaverde non xogaría a célebre final dos paos cadrados de Berna, o 31 de maio de 1961, final da Copa de Europa que o Barcelona perdería por 3-2 ante o Benfica de Lisboa. Instalado xa nun suave declive, o futbolista fillo de arteixáns, permanecería no clube catalán ata o 27 de outubro 1963, que foi o día no que decía adeus á afición barcelonista nun partido amigable ante o Racing de París no que esgotou a súa retirada ata o minuto 12 do segundo tempo, como resistíndose a deixar unha camiseta pola que sentía verdadeira devoción e que tantas alegrías lle dera. Cando deixou o campo fixoo acompañado por unha ovación ensordecedora..."La emoción que he sentido esta tarde al recibir los aplausos y los cumplidos que me han sido dedicados sólo se puede explicar con el corazón. No hay palabras". Durante a súa etapa no vestiario blaugrana a afición e os seus compañeiros apreciárano moito polo seu carácter sinxelo e chan, que acabaría demostrando na tempada 1963-64 ao aceptar xogar cedido o último ano de contrato no Racing de Santander con estas palabras: "Aún no soy viejo para el fútbol, pero ya lo estoy para jugar en el Barça". 
 O día 27 de outubro de 1963 Villaverde despedíase do Barça
     No F.C. Barcelona xogaría un total de 322 partidos oficiais, marcando 136 goles e obtendo dúas Ligas (58-59 e 59-60), tres Copas del Generalísimo (57, 59 e 63) e dúas Copas de Feiras (58 e 60), rexistros que a día de hoxe aínda o sitúan entre os mellores futbolistas da historia do clube catalán.

     Ramón Alberto Villaverde Vázquez falecería en Barcelona aos 56 anos de idade o 15 de setembro de 1986 por mor dunha afección cardíaca.





ARSENIO IGLESIAS, O FUTBOLISTA DA BAIUCA

      Arsenio Iglesias nace na Baiuca o día de Noiteboa de 1930. Fillo de labregos e o menor de nove irmáns (catro homes e cinco mulleres), dende moi cativo pasaría horas e horas correndo descalzo detrás das pelotas, que naquela hora se facían de trapo. Cunha familia tan numerosa, todas as mans eran necesarias para axudar na casa mais, o noso protagonista, sempre atopaba un oco para ir xogar ao fútbol cos maiores. "A miña infancia foi en tempos difíciles", recordábame non hai moito, falando con morriña daqueles longos días de verán dos primeiros anos cuarenta: "Aproveitabamos para xogar máis. Algunhas veces a pelota era de goma e outras había que facela de trapo. O caso era ter algo máis ou menos redondo ao que poder darlle patadas". "Xuntabámonos os rapaces de Arteixo. Faciamos dous equipos e montabamos a portería con dúas pedras. Xogabamos na estrada. Non había asfalto. Aínda que caeses, non che doía o corpo".

     Aos 13 ou 14 anos, apuntando xa maneiras coa pelota, disputaría algún partido co Penouqueira, entidade que nacera a raíz da desaparición de El Alba, o primeiro equipo que organizara partidos de fútbol na capital do concello, mais dun xeito moi irregular, se cadra un partido cada dous ou tres meses. Nada serio, xa que o equipo arteixán non estaba federado. 

     Aquel cativo pegado a unha pelota, que só vivía para o fútbol, tivo a sorte de que de cando vez o Deportivo ía a adestrar ao Balneario, ao carón da súa casa, e podía ver de cerca aos futbolistas, sobre todo ao seu gran ídolo Juanito Acuña, que en poucos anos acabaríase convertendo en compañeiro de vestuario. No recinto termal, Arsenio tamén viviría, durante a primeira semana de maio de 1945, unha experiencia inesquecible que marcaría por completo a súa infancia: con motivo da inauguración do estadio de Riazor, a selección española estivera concentrada durante varios días nos Baños de Arteixo..."naqueles anos os rapaces tiñamos que axudar a traballar nas agras e nas leiras, mais aínda así eu trataba de buscar un oco para ver os adestramentos no campo do Balneario. Lembro eses días coa ilusión que podía ter un neno de poder ver a tantas celebridades xuntas e tan estimadas, na miña vila natal. Para un rapaz coma min, que só vivía para o fútbol, ter en Arteixo durante unha semana aos mellores xogadores españois fora algo máxico. Recordo con especial cariño a Eizaguirre, o porteiro vasco do Valencia. Daquela sentía unha admiración tremenda polos porteiros. De feito, o meu ídolo por aqueles anos era Juanito Acuña, un home que tiña A Coruña aos seus pés. Ademais estaban César, o dianteiro centro do Barcelona; Gaínza; o mítico Zarra; Pedrito, o defensa do Deportivo...en fin, fora unha gran fortuna poder ver os adestramentos dos mellores xogadores nacionais. Como digo, fora algo máxico”.

     No ano seguinte, en 1946, Arsenio matricúlase na Escola de Mestría na Coruña. Tiña menos tempo para xogar, mais non deixaría o fútbol porque non tiña mellor divertimento que o de lle dar patadas a un balón. É aí, nesa época, cando ficha polo Ciudad Jardín, equipo do fútbol modesto coruñés no que milita un ano e no que o rapaz arteixán comeza a destacar pola súa forma de xogar e pola súa gran forza. Nel fixaríase o abogado carballés Antonio Vázquez Mouzo, un home providencial na súa vida (co tempo padriño da súa boda e de un dos seus fillos), unha especie de "pai espiritual" que o levaría a fichar, con dezasete anos, polo Bergantiños, que daquela xogaba na Serie A Rexional, categoría equivalente a actual Terceira División. Foi en Carballo onde comezaría a xogar algo máis en serio. O equipo era evidentemente amateur pero tiñan un bo réxime de adestramentos. Naqueles tempos Arsenio compaxina os seus estudos co traballo na montaxe da liña dos Trolebuses Coruña-Carballo e tamén faría algunhas gardas na subestación de Lañas, gardas que nalgunhas ocasións, facíallas o seu amigo o Sr. Cristovo para que poidese ir adestrar co Bergantiños.

     Vicente Leirachá, daquela un xoven xornalista deportivo, que andando no tempo acabaría sendo un dos seus mellores amigos, prenderíase das habilidades daquel chaval nun partido amigable disputado en Carballo entre o Bergantiños e o Varela Silvari, un modesto club da Coruña do que Leirachá era directivo. Naquel partido o once bergantiñán gañara 6-2 e Arsenio marcara catro goles. Coa súa rapidez, bo regate e cun gran sentido da verticalidade para encarar a portería, víase que ía chegar lonxe no mundo do fútbol.

     Non só sería Leirachá quen quedara sorprendido do potencial do rapaz de Arteixo, rapaz ao que en pouco tempo lle cambiarían os seus plans de converterse en perito industrial xa que, a súa vida, experimentaría un vertixinoso acelerón que non tardaría en convertelo en futbolista profesional.
Caricatura de Arsenio dos anos 50

     Ao ano seguinte, fíchao o Fabril e ,tras media ducia de partidos, pasou ao Xuvenil, equipo que co tempo chegaría a xogar en Segunda División e que, naquel intre, era o filial do Deportivo.

     Case sen darse conta, Arsenio viuse no primeiro equipo. A principios da tempada 1951-52, cando se preparaba para un desprazamento co filial, recibe un aviso de que o reclamaba Eduardo González "Chacho", o mister do Deportivo, para formar parte da convocatoria do partido que os deportivistas tiñan que xogar en Riazor contra o Atlético Tetuán. Arsenio non participaría naquela ocasión mais, unha semana despois, Chacho faríao debutar no vello campo de Les Corts contra o F.C. Barcelona. O Deportivo perdería aquela tarde 6-1, mais Arsenio, no seu debut, marcaríalle un gol ao lendario Ramallets e, posteriormente, debutaría en Riazor frente ao Español (3-1). O arteixán empezaba a ser alguén no mundo do fútbol e non tardaría en firmar o seu primeiro contrato como profesional: o seu primeiro soldo co equipo deportivista foi de 800 pesetas ao mes, que lle subirían pronto a 1.500 e unha prima de 12.000 por tempada.

     A seguinte campaña, a 52-53, marcaría especialmente a súa traxectoria deportiva. O equipo estaba dirixido por Eduardo Toba, ao que sustituirían primeiro o mexicano Manuel Casal e despois Fernando Fariña sen poder evitar que o club herculino tivera que defender a permanencia na Primeira División nunha liguiña frente ao España Industrial (filial do F.C. Barcelona), Celta, Avilés, Hércules e Atlético Tetuán. Os deportivistas conseguirían o obxectivo de salvar a categoría contando co concurso do mago Helenio Herrera ao frente do equipo deportivista, un técnico arxentino que influiría notablemente na vida deportiva de Arsenio.

     O futbolista de Arteixo continuaría nas filas branquiazuis ata completar cinco tempadas en Primeira, nas que sempre mantería unha gran regularidade, bo facer que o levarían a disputar un partido coa selección "B" española en febreiro de 1955 e tamén a despertar o interés do F.C. Barcelona para facerse cos seus servizos.
El Ideal Gallego, 17.2.1955


     Helenio Herrera, do que Arsenio garda moitos e moi bos recordos, lévao na tempada 57-58 ao Sevilla, que fora subcampeón de Liga na campaña anterior. Acababa de casarse con Carmen, a súa moza de Loureda, tiña vinteseis anos, chegaba a un club que esa mesma tempada ía a disputar a Copa de Europa e, por riba, reclamárao o adestrador de moda ¿Que máis se podía pedir? O Real Madrid tamén intentara a súa fichaxe, mais os hispalenses chegarían finalmente a un acordo co Deportivo incrementando a oferta ata un millón das antigas pesetas e a cesión de dous xogadores, Liz e Arenas. O asfixiante calor sevillano ou a morriña ou ambas cousas á vez impedirían a Arsenio facer un bo papel no club hispalense e a súa estadía alí sería o seu primeiro fracaso. O seu baixo rendimento levaríao a disputar só oito partidos nos que marcaría dous goles.O único positivo da súa curta etapa no equipo sevillista foi o seu bautismo internacional ao disputar tres eliminatorias da Copa de Europa.

     Na 58-59, da man de Alejandro Scopelli, o adestrador arxentino que levara ao Deportivo ao subcampeonato ligueiro da tempada 49-50, Arsenio inicia un periplo de seis tempadas no Granada. Co once granadino, co que chegaría a disputar a final da Copa do Generalísimo de 1959 frente ao F.C. Barcelona (final que perdería o Granada por 4-1 e na que Arsenio sería o autor do gol), o arteixán xogaría ata mediados da tempada 1963-64, que foi cando ficha no Oviedo de Eduardo Toba, o adestrador de Muxía. Alí, no equipo ovetense, Arsenio colgaría as botas aos 34 anos deixando o fútbol activo no último partido da tempada 1964-65 no que os asturianos se xogaban a permanencia en Primeira en San Mamés ante o Athletic Bilbao. Faltando dez minutos para o final, Arsenio anotoba de xeito maxistral o 0-1 e o Oviedo conseguía o seu obxectivo. Curiosamente, Ramalletes e Iribar, dous mitos da portería, foron o primeiro e último porteiros que o noso xogador máis popular bateu como futbolista de alta competición.

Arsenio, na súa etapa no Granada










 FONTES:
-"Arsenio. El fútbol de El Brujo". Xosé Hermida.
-"Arsenio. El factor humano". Bieito Rubido.
-"Historia do Deportivo".Xesús Flores/Xosé Mejuto





"O RAPOSO DE ARTEIXO"
     No momento da retirada, Arsenio non tiña nada claro o que faría coa súa vida a partir de entón. Non é que amasara unha fortuna xogando ao fútbol, mais sí o suficiente para comprar pisos na Coruña aproveitando o boom immobiliario dos anos sesenta e tamén para abrir unha lavandería e unha tintorería. Ao pouco de colgar as botas ofrécenlle adestrar ao Fabril, o filial do Deportivo, mais non acababa de decidirse por mor do fregado da construcción no que andaba metido, vendendo pisos e coidando das cousas da casa. Ao ano seguinte voltan a chamalo para o Fabril e esta vez acepta. Aí empezou todo!

     Faise cargo do filial do Deportivo en 1967 e dous anos despois obtería o título nacional de adestrador na mesma promoción que Puskas, Eusebio Ríos, Rodriguez Vaz...Tras catro tempadas "facendo" xogadores para o primeiro equipo, en plena campaña 70-71, co Deportivo en Segunda, Arsenio sustitue a Roque Olsen e debuta no banquillo deportivista o 3 de xaneiro de 1971 en Riazor fronte ao Racing de Ferrol, empatando a dous goles. A pesar da marcha irregular do club herculino, o arteixán non tira a toalla e opta por concentrar permanentemente durante un mes ao equipo no Balneario de Arteixo. O efecto revulsivo dos Baños levaría aos branquiazuis a ir gañando posicións na táboa ata chegar ao 6 de xuño, tamén na Coruña, no que o Deportivo vence ao Rayo Vallecano por 1-0, gol de Beci, que supón o ascenso a Primeira, xunto co Betis e o Burgos. Era o primeiro ascenso propiciado polo saber e coñecer de Arsenio, ao que se lle empeza a chamar "O bruxo de Arteixo".

     Dirixe ao equipo deportivista nas dúas tempadas seguintes a 71-72 e a 72-73, as últimas dos coruñeses en Primeira ata que, dezasete anos despois, na 90-91, voltarían de novo á división de honra do fútbol español, tamén da man de Arsenio.

     Mais antes disto, tralo descenso co Deportivo na 72-73, o adestrador arteixán pasaría a dirixir en Segunda, na tempada 73-74, ao Hércules de Alicante, con quen ascende a Primeira (segundo ascenso que conseguía "O Bruxo"). Co cadro alicantino é quinto na Liga, a só dous puntos do subcampeón, e ronda a UEFA na tempada 74-75; sexto na 75-76 e décimo terceiro na 76-77.

     O Real Zaragoza, que descendera a Segunda ao remate da 76-77, reclámao para recuperar a categoría. Arsenio faino campeón destacado e o club maño, no que era o terceiro ascenso do arteixán, retorna a Primeira na 77-78.

     O Burgos, que militaba na máxima categoría, solicita os seus servizos para a campaña 78-79 e Arsenio sería quen de manter ao equipo entre os grandes logo de acadar un digno décimo terceiro posto.

     Pasa media tempada de descanso, a 79-80, mais é solicitado polo Elche para sustituir a Heriberto Herrera. O cadro ilicitano está en Segunda e loita por voltar a Primeira. Arsenio está a piques de conseguilo, quedando a dous puntos, en cuarto lugar, de Osasuna que, xunto co Valladolid e Murcia, logran o ascenso.
Arsenio en xuño de 1982

      O Almería, que cumplia a súa segunda campaña en Primeira, contrátao para a 80-81, campaña que o da  Baiuca non remata xa que hai moitos problemas no club almeriense e apenas chega a cumplir a primeira metade da tempada. A Arsenio sustituiríao Enrique Alés, que non sería quen de evitar o descenso.

     Na 81-82 "o Raposo" mantense inactivo. Voltaría á actividade para principiar a tempada 82-83, de novo ao frente do Deportivo. Cando todo parecía indicar que, nesta primeira campaña, ía rematar no ascenso, o Rayo Vallecano fai de verdugo no mismísimo Riazor, donde gaña por 1-2 o 22 de maio de 1983 na última xornada de Liga. Ao Deportivo chegáballe co empate e o Rayo quedou noveno. Na Coruña aínda non está esquecido aquel mazazo!

     Volve a intentalo, mais sen éxito, nas dúas seguintes tempadas, 83-84 e 84-85. Son varias as tentativas por levalo lonxe da Coruña, mais Arsenio mantense firme entre os seus, instalado nunha vida confortable coa única preocupación da marcha dos seus negocios, e vive dúas campañas de total relax, a 85-86 e a 86-87. O Compostela de Caneda reclámao na tempada 87-88 para que lles bote unha man en Terceira para dirixir a un equipo de escasa afición, menos historia e un estadio destartalado: o vello Santa Isabel. Paralelamente, en Segunda o seu Deportiviño languidecía nos últimos postos da categoría e o socorrido cambio no banquillo, primeiro Eusebio Ríos e despois Rodríguez Vaz, non lograra variar o rumbo. Os directivos recorrerían no último tercio do campeonato, case como un talismán para salvar a categoría, a Arsenio que, con él no banquillo e con Lendoiro recén chegado á presidencia, conseguiría a salvación naquel angustioso derradeiro partido contra o Santander, cun gol de Vicente no tempo de desconto.

     A campaña 88-89, a primeira do tándem Arsenio-Lendoiro, transcurriría placidamente (o equipo acabou na metade da táboa). A gran fazaña chegaría na Copa do Rei, na que o Deportivo caería eliminado en semifinais co Valladolid tras un escandaloso arbitraxe de Soriano Aladrén.

     No ano seguinte, cunha plantilla discreta na que cada vez sobresaían máis os irmáns Fran e José Ramón, Arsenio volve a sacar petróleo e acaba a Liga nun cuarto puesto que lle permitía disputar a promoción de ascenso contra o Tenerife, promoción que os herculinos perderían (0-0 e 0-1) mais, a pesar da decepción, os aficionados empezaban a recobrar a fe de alcanzar o soño de xogar en Primeira.

     Chega a tempada 90-91. A economía do Deportivo recuperárase notablemente e Lendoiro irrumpe con forza no mercado de fichaxes contratando a futbolistas da talla de Peio Uralde ou Villa. "Menos Koeman e algún outro, trouxéronme todo o que pedín", ironizaba Arsenio na pretempada. Durante a campaña, na que houbera luces e sombras (o arteixán chegara a presentar a súa dimisión), o equipo iría de menos a máis e acabaría xogándose o ascenso na derradeira xornada en Riazor o 9 de xuño de 1991 contra o Murcia. Pitido inicial e...cousas do demo: aos tres minutos empeza a arder a grada de preferencia e a xente salta ao campo. O partido suspéndese 45 minutos, feito que axuda a que se dispare a tensión no vestuario branquiazul. Reanúdase o encontro e os locais son un flan. O Murcia domina e dispón de varias ocasións. A historia vai camiño de repetirse mais, tralo descanso, os coruñeses saen con rabia e Stojadinovic marca o 1-0 no minuto 54, repetindo faena no 75 no 2-0. O Deportivo volvía a estar, dezaoito anos despois, en Primeira División. Na rolda de prensa Arsenio comunicaba a súa decisión de non seguir no equipo..."A presión foi tremenda. Foi un ano durísimo. A Coruña quería o equipo en Primeira no mes de setembro. Retírorome".

     Así pois, tras deixar ao equipo dos seus amores en Primeira, Arsenio decide retirarse. O adestrador vasco Boronat é o seu sustituto no banquillo, un Boronat ao que a grada nunca chegaría a aceptar e ao que, tras unha irregular marcha naquela Liga 91-92, Lendoiro acabaría cesando. A xente acordábase do de sempre: "Isto é cousa para o vello" e, a falta de oito xornadas para o remate da tempada volven a chamar a Arsenio para facerse cargo do equipo e salvar a categoría, obxectivo que "o Raposo" cumpliría nunha dramática promoción co Betis (2-1 e 0-0).
En 1995 coa Copa do Rei

     Os seguintes anos serían os máis exitosos da carreira do técnico de Arteixo. Á frente do banquillo deportivista, Arsenio sería un dos artífices do "Superdepor", un equipo humilde que, coa chegada dos Bebeto, Mauro Silva, Aldana e compañía, chegaría a contestar a hexemonía futbolística dos coñecidos como "grandes" do fútbol español. Nestes anos, o Deportivo conseguiría por primeira vez na súa historia a clasificación para competicións europeas na tempada 92-93 (Copa da UEFA), dous subcampionatos de Liga (un deles o da campaña 93-94 coñecido polo penalti errado de Djukic no último minuto do último partido do campeonato ligueiro contra o Valencia que impediría ao Deportivo gañar a súa primeira Liga) e unha Copa do Rei en 1995, o primeiro título oficial que o club conseguiría contra o Valencia  nunha final que por mor dun gran diluvio que houbera en Madrid tivera que xogarse en dous días. Mais a pesar de todos estos éxitos e de que neste último ano o Deportivo se fixese campión de Copa, Arsenio sae do club non sen certa polémica coa directiva presidida por Lendoiro, un Arsenio que en outubro de 1994 inauguraba en Arteixo a avenida que leva o seu nome, ubicada na zona escolar e deportiva do Concello. Coa súa habitual retranca facía o seguinte comentario: "¡Concho!, déronme unha calle sen pisos". Mais en serio, o adestrador evocaba os paseos da súa infancia por esa senda hoxe asfaltada e urbana: "De neno, eu ía por aquí bañarme ao Rañal".
La Voz de Galicia, 25.10.1994

      Mediada a tempada 1995-96, e ante a crise interna que esta a experimentar o Real Madrid, daquela adestrado por Jorge Valdano, a directiva do club branco decide despedir ao técnico arxentino e fichar a Arsenio Iglesias ata final de tempada. O arteixán conseguiría dar algo de estabilidade aos merengues mais que non sería quen de clasificar ao equipo para as competición europeas.

     A última experiencia do da Baiuca ao frente dun banquillo foi no 2005, cando foi designado para dirixir xunto a Fernando Vázquez o retorno da selección galega, combinado ao que adestraron nos catro encontros disputados ata o momento: Galiza-Uruguai: 3-2; Galiza-Ecuador: 1-1; Galiza-Camerún: 1-1 e Galiza-Irán: 3-2.

"Penouqueira de Arteixo,
terra de moito croio
onde lle aprendeu Arsenio
os recortes ao raposo.
Dos terróns de Riazor
a esta firma do destino.
Non hai Depor sen Arsenio
e Arsenio sen Deportivo"

 Os Diplómaticos de Monte Alto


FONTES:
-"Arsenio. El fútbol de El Brujo". Xosé Hermida.
-"Arsenio. El factor humano". Bieito Rubido.
-"Historia do Deportivo".Xesús Flores/Xosé Mejuto




OSCAR OMAR MÍGUEZ ANTÓN

     O vello estadio de Riazor foi o lugar dun enfrontamento, no ano 1924, entre o R.C. Deportivo e a selección do Uruguai. Os charrúas fixeran a travesía atlántica para participar no torneo de fútbol das Olimpiadas de París, mais antes de desprazarse a Francia xogarían catro partidos de preparación en terras galegas, dous na Coruña e outro par en Vigo.

     En Riazor os uruguaios venceron nos dous encontros, que foron duros e co público apupándoos á mínima oportunidade. Cousas do destino, despois daqueles amigables, Uruguai convertiríase no gran dominador do fútbol mundial durante unha década, xa que logo de acadar o ouro en París, faría o mesmo nas Olimpiadas de 1928 celebradas en Amsterdam, e tamén no Mundial de 1930, onde os charrúas obterían, xogando como anfitrións, o campionato do mundo.

     Uns días antes da chegada de Uruguai á Coruña, en abril de 1924, fundábase en Meicende a Sociedade Recreativa e Instructiva La Esperanza, sociedade aínda hoxe existente, que xoga os seus partidos baixo o nome de Sporting. Seguramente por mor da súa proximidade á Coruña, onde a rapazada local fora testemuña da efervescencia do fútbol herculino ao acudir habitualmente a ver os partidos que se xogaban nos barrios veciños da Silva, da Moura, do Ventorrillo ou da Grela, Meicende foi, coa creación da Sociedade La Esperanza, o primeiro lugar de Arteixo onde se comezou a xogar ao fútbol dun xeito máis ou menos serio. Entre aquela rapazada, aqueles pioneiros do balón, estaban entre outros, Héctor Núñez e os irmáns Rogelio, Arturo e Manuel Míguez Souto, mozos que nos casos de Héctor e Manuel non tardarían en facer a maleta e emigraren a Montevideo na procura dunha mellor vida. No novo país de adopción, no que non tardarían en crear a súa familia, a paixón polo fútbol dos dous emigrantes de Meicende seguiría intacta e celebrarían, como dous uruguais máis, a vitoria da celeste no Mundial de 1930. Tanto un coma o outro transmitiríanlle aos seus descendentes esa paixón polo deporte rei e, co tempo, dous fillos de Héctor, Raúl e Héctor, chegarían a ser futbolistas profesionais, este último cunha brillante carreira no Nacional de Montevideo e no Valencia C.F. O caso de Manuel non sería menos. Curiosamente, un dos seus fillos tamén chegaría a ser profesional e o mellor do conto é que aínda hoxe é lembrado coma un dos mellores xogadores uruguaios de todos os tempos. Estamos a falar de Óscar Omar Míguez Antón.

     Nado o 5 de decembro de 1927 en Montevideo, o "Cotorra" Míguez (alcume que lle quedaría por mor dunha gorra verde que usaba na súa infancia) comezaría a xogar no Araicuá e despois dun campionato de menores organizado pola IASA (Institución Atlética Sud Americana) en 1943, entraría a formar parte das divisións inferiores deste equipo xunto con Alcides Ghiggia e Antonio Sacco, o seu amigo da alma. A finais de 1947, despois dun partido soberbio no que Míguez marcara tres goles, comunícanlle que o Peñarol estaba interesado en facerse cos seus servizos para xogar en Terceira co segundo equipo. O soño da súa vida estaba a piques de facerse realidade. O inglés Randolph Galloway, naquela hora adestrador do primeiro equipo, logo de observar as calidades técnicas do "Cotorra" e quedar asombrado con elas, non tardaría en dicir: "Este chico es mucho para Tercera; mándenmelo a mí", e subiríao inmediatamente ao primeiro equipo. Esa confianza que Galloway depositara nel traducíase cada partido en goles, feito que levaría ao "Cotorra" a ser o goleador do campionato daquel ano de 1948, o do seu debut en Primeira División, anotando 8 tantos ata que houbo unha folga de xogadores que paralizou a competición. Míguez tamén sería o máximo goleador do campionato seguinte, o de 1949, no que formara parte daquel magnífico equipo onde brillaran, xunto a el, Alcides Ghiggia, Juan Schiaffino, Juan Hohberg e Vidal, futbolistas que pouco tardarían en darlle unha inmensa alegría a súa nación: o famoso "maracanazo".

     O "Cotorra" debutou coa selección uruguaia o 30 de abril de 1950, nun partido amigable de preparación para o Mundial de Brasil disputado en Río de Janeiro ante Paraguai, partido no que tamén xogara coa celeste Hugo Villamide, galego de Carballo, e que os charrúas perderon por 3-2.
La Voz de Galicia, 11 de xullo de 1950

     O día 2 de xullo, Uruguai xoga o primeiro partido do Mundial e gaña por 8-0 a Bolivia con goles de Ghiggia, Vidal, Pérez, dous de Schiaffino e tres de Míguez, vitoria que clasificaba á celeste para a serie final, na que se enfrontaría por sistema de liguiña a Suecia, España e Brasil, os campións dos outros tres grupos. No primeiro partido desta liguiña final, os charrúas empatan a dous goles con España e no segundo vencen, despois de chegar ao descanso con 1-2 no marcador, a Suecia por 3-2, con goles de Ghiggia e dous de Míguez. E chegamos á tarde do 16 de xullo de 1950 coa derradeira xornada. Aos brasileiros chégalles cun empate para ser campións do mundo. Os uruguaios teñen que gañar para selo. Na véspera daquel partido decisivo, a concentracción da canarinha fora transformada en sede política e trampolín para a promoción persoal. Os xogadores andaban de brazo en brazo, sempre cun fotógrafo ao carón, para mostrarlle ao pobo que o candidato político X era amigo de Ademir, de Zizinho, de Jair...A vitoria era unha esixencia de honra nacional e dábana por feita. Na concentración brasileira e nos seus arredores só había festa, foguetes e barullo, moito barullo. Ninguén durmiu naquela noite e, segundo a revista Placar Magazine, moito menos os xogadores.

     Brasil e Uruguai saen ao campo. Moita xente de Meicende está pendente do transistor para saber o que fai o rapaz dos "Mighés". Durante os primeiros 45 minutos os anfitrións puxeran cerco a unha férrea defensa uruguaia soberbiamente controlada polo grande Obdulio Varela e cun sobresaínte Máspoli no marco. Catro minutos despois da reanudación, un fallo na defensa celeste permite a Brasil adiantarse no marcador por medio de Friaça. Maracaná vénse abaixo e, agora si, os seareiros da canarinha agardan por un diluvio de goles que nunca chegaría. E pasou o que ninguén contaba. Uruguai adianta a posición de Obdulio Varela e entra máis en xogo e, aos 65 minutos, abren un balón á dereita a Ghiggia. O pequeno extremo centra sobre Schiaffino quen, desmarcado, bate a Barbosa co seu xute (1-1). O empate seguíalle valendo a Brasil para ser campión do mundo mais, faltando once minutos para o remate do partido, Ghiggia recolle un pase retrasado de Pérez e anota o 1-2 definitivo. Os 200.000 seareiros parecían feitos de pedra, insensibles a reaccionar aos xestos de alegría dos futbolistas uruguaios. Dez minutos despois toda a nación do Brasil estaba de loito.

     O "Cotorra" deixou unha grande impresión no campionato, onde o seu soberbio fútbol converteuse en lenda pola rapidez mental e un dominio pouco común da pelota, con goles e remates a porta de chilena ou de rabona e recibiría varias propostas do fútbol europeo. Mais rexeitaría as ofertas, xa que sempre priorizou o seu amor polo Peñarol, equipo co que conseguiu o campeonato uruguaio en 1951, 1953 e 1954. Neste último ano participa con Uruguai no Mundial de Suiza, onde anota un dos dous goles que a celeste lle endosou a Checoslovaquia no primeiro partido da primeira rolda. No segundo enfrontamento desta fase inicial, Uruguai vence a Escocia por 7-0 con tres goles de Borges, dous de Abbadie e outros dous do "Cotorra", resultado que lle daba o pase a cuartos de final, no que vencen a Inglaterra por 4-2. A celeste estaba en semifinais. A Hungría de Kocsis e Puskas era o rival para pelexar por un posto na final. O "Cotorra" chegaba a este partido decisivo no seu mellor momento de forma mais, lamentablemente, os caprichos infantís dalgúns dirixentes da federación, que non foran quen de manexar con coherencia un problema leve na concentración da selección, levarían a Míguez a ser apartado do equipo acusado de indisciplina e non xogaría ante os húngaros. Uruguai perdería 4-2 no que para moitos foi o mellor partido da historia dos mundiais. Os húngaros gañaban por 2-0 cando só faltaba un cuarto de hora para o remate, mais no minuto 75, Hohberg, que sería adestrador de Uruguai en 1970, anota o 1-2 e a tres minutos do final do partido repetiría a faena. O once sudamericano aínda tería ocasión de gañar aquela semifinal xa que, no tempo de desconto, unha pelota de Schiaffino quedaría no barro, a poucos centímetros da liña de gol, co porteiro húngaro xa batido. Dous goles na prórroga de Kocsis, máximo goleador do Mundial con 11 tantos, daríanlle o pase a Hungría á gran final. O equipo uruguaio despediríase do Mundial de Suiza xogando o partido polo terceiro e cuarto posto contra Austria, partido que a celeste perdería por 3-1 con Míguez formando parte do once titular.
O "Cotorra" Míguez

     Nas semanas posteriores á cita mundialista, tanto o F.C. Barcelona, como o Valencia e o Milán tentaron fichar ao "Cotorra", mais el, logo de que os tres equipos chamaran varias veces á súa porta, seguiría sendo fiel ás cores do Peñarol.

     Dous anos máis tarde, entre o 21 de xaneiro e o 15 de febreiro de 1956, Arxentina, Brasil, Chile, Paraguai, Perú e Uruguai disputan en Montevideo, por sistema de liguiña, a Copa América. Míguez, con vinte e oito anos acabados de cumprir, anotou nos tres primeiros partidos de competición, marcando un dos catro goles da vitoria (4-2) de Uruguai diante de Paraguai, outro no 2-0 contra Perú e, outro tanto máis, no 2-1 a Chile. Os charrúas, cun empate a cero goles na penúltima xornada con Brasil, e unha victoria pola mínima (1-0) na última diante de Arxentina, gañaron aquel campionato no que o "Cotorra", en plan estelar durante os cinco partidos, sería elexido o mellor xogador do torneo.

     Nos últimos anos da década dos cincuenta, 1958 e 1959, conseguiría dous torneos ligueiros máis co Peñarol. O último deles foi o do seu adeus definitivo do equipo dos seus amores co que disputaría, entre os anos 1948 e 1959, 137 partidos e anotara 107 goles. A súa impecable media anotadora vestindo a camiseta negra e amarela foi de 0,78 goles por partido. Uns meses antes, o 30 de abril de 1958, xogaría o seu último encontro coa selección nun amigable en Bos Aires contra Arxentina que os uruguaios perderían por dous goles a cero. Coa celeste xogou 39 partidos e anotou 28 goles entre 1950 e 1958, deixando para o recordo xogadas e tantos inesquecibles, como as súas clásicas chilenas e rabonas. Con eses 28 goles é un dos máximos artilleiros coa selección no profesionalismo e ademais, a día de hoxe, segue sendo o máximo goleador de Uruguai na historia dos mundiais con oito tantos (5 en Brasil 1950 e 3 en Suiza 1954).
Míguez con Pelé

     En 1960, xa ao final da súa carreira deportiva, Míguez vaise ao Perú, onde xogaría seis meses no Sporting Cristal de Lima baixo as ordes do arxentino Carlos Peucelle e o peruano Víctor Pasache, con quen terminaría terceiro no campionato ligueiro dese ano 60 anotando 10 goles en 18 partidos. O "Cotorra" axudaría a que o Sporting Cristal medrara, o que permitiría ao club gañar na tempada seguinte o seu segundo campionato do Perú. Na súa estadía peruana, unha noite chegou ao hotel no que se hospedaba un mozo brasileiro e pediu que lle presentasen ao "Cotorra". Simplemente quería coñecer ao sensacional futbolista que lle amargara a infancia cando vivía no interior do estado de Minas Gerais e oía pola radio a debacle dos brasileiros no Mundial de 1950. Aquel mozo non era outro que Edson Arantes do Nascimento, coñecido mundialmente por Pelé.

     No ano 1961, o noso protagonista volta a Uruguai, onde ficha polo modesto Rampla Juniors xunto a outra gloria do fútbol, o arxentino Ángel Labruna. Durante a tempada o club sufriría para manter a categoría e, finalmente, remataría o campionato nun decepcionante sétimo posto. Óscar Omar Míguez Antón, o fillo daquel emigrante de Meicende que chegara a Montevideo nos anos vinte, poñería fin a súa carreira deportiva en 1962 no Colón Fútbol Club, equipo da Segunda División uruguaia. Mais a saga dos Míguez continúa, xa que Pablo, un dos fillos do "Cotorra" (tívoo con 60 anos), é tamén futbolista profesional. Tras debutar en 2008 co equipo uruguaio do Danubio e xogar durante dous anos en Arxentina co Unión Santa Fé, Pablo Míguez defende actualmente as cores do Alianza de Lima.

     O que para moitos foi o mellor 9 de Uruguai de todos os tempos faleceu, con 78 anos, o 19 de agosto de 2006 por mor dunha crise cardíaca. Os seus restos descansan no Panteón dos Olímpicos no cemiterio do Buceo de Montevideo.



HÉCTOR NÚÑEZ

     O de Meicende é un caso ben curioso. Xa temos falado nestas Crónicas de Arteixo de que dous veciños do lugar, Manolo Míguez e Héctor Núñez, emigraran na década dos anos vinte a Uruguai e que alí, no novo país de adopción, crearían a súa propia familia. O fascinante do caso é que, co paso do tempo, as casualidades da vida farían que un fillo de Manolo, o Cotorra Míguez, e outro de Héctor, o Pichón Núñez, convertiriánse en dous dos mellores futbolistas uruguaios de todos os tempos. 

     Nado en Montevideo o 8 de maio de 1936, Héctor Núñez Bello, mais coñecido polo alcume de Pichón Núñez, debutaría aos quince anos no fútbol de competición no equipo de quinta división do Liverpool, o mesmo clube do que tamén saíra Ramón Villaverde, o fillo de arteixáns que acabaría xogando no F.C. Barcelona. 

     Núñez non tardaría en despertar o interés do Nacional de Montevideo que, nos primeiros anos 50, acabaríao fichando para as súas divisións xuvenís, onde se acabaría formando como futbolista. As mostras da súa enorme calidade xogando de oito e acotío asombrando pola súa facilidade para chegar á área contraria e pola comunión que tiña co gol, farían que o seu debut no primeiro equipo se producira de contado, debut que acontecería o 15 de decembro de 1956. O Nacional festexaba a consecución do segundo título consecutivo de campión do torneo ligueiro uruguaio nun partido amigable contra o Independiente arxentino. No encontro, que remataría cun escandaloso 6-1 favorable aos charrúas, o adestrador Ondino Viera, contratado en 1955 pola directiva que presidía o empresario larachés José Añón para recuperar o título que o Nacional non obtiña dende 1952, tamén faría debutar a Julio Acosta, Raúl Núñez e Héctor Rodriguez, compañeiros do Pichón nas categorías inferiores que, xunto a Guillermo Escalada, conformarían unha das dianteiras máis lembradas polos seareiros do equipo tricolor de Montevideo.  

Foto de Héctor adicada a Tuja,o seu curmán de Meicende 
    No ano seguinte, en 1957, o Nacional obtén o seu terceiro campionato consecutivo grazas, en gran medida, á aqueles catro rapaces da dianteira que uns meses antes xogaban xuntos no equipo xuvenil. Héctor Núñez sería elexido o mellor xogador uruguaio d
esa tempada e, ademais, debutaría coa selección charrúa nos partidos contra Paraguai e Colombia da fase clasificatoria para o Mundial de 1958 de Suecia ao que, finalmente, a celeste non acudiría. Precisamente, nese ano de 1958, o Nacional realiza por Europa unha xira de dez partidos, entre eles un o día 15 de xuño na Coruña para disputar o trofeo Teresa Herrera contra o equipo brasileño do Flamengo. Héctor Núñez era a primeira vez que pisaba a terra na que naceran seus pais e, unha vez rematado o encontro no que os uruguaios se impuxeran por 2-1 con goles do propio Héctor e de Escalada, o noso protagonista sería entrevistado polos xornalistas herculinos a quenes lles deixaría unha pincelada en galego...”Miña nai é de Pastoriza e meu pai de Meicende”.
 

     A súa actuación naquel Teresa Herrera despertaría o interés de varios equipos españoles, entre eles o R.C. Deportivo, que por aqueles días competía na 2ª División, o Celta, o Granada e o Valencia, que sería finalmente con quen asinaría por 14.000 dólares. No equipo che, no que debutaría o 8 de abril de 1959 fronte ao Everton inglés, o Pichón conquistaría dúas Copas de Feiras en 1962 e 1963 e anotaría un total de 40 goles durante as sete tempadas que xogou alí, a última delas a 1964/65, a mesma na que un curmán seu de Meicende, Manuel Núñez Tuja, fichaba no Celta de Vigo. Na campaña seguinte o Pichón vestiría a camiseta do Mallorca, onde xogaría unha tempada antes de disputar as súas dúas últimas como futbolista profesional nas filas do Levante, que foi o equipo onde colgaría definitivamente as botas ao remate da tempada 1967/68.

Semanario Riazor, 16 de xuño de 1958
     Retirado coma futbolista, Héctor comezaría a súa carreira de adestrador no Calvo Sotelo de Puertollano, clube co que asina en outubro de 1970 e ao que dirixe trinta e un partidos en 2ª División. Posteriormente adestraría ao Tenerife; Levante; Valladolid; Granada; Rayo Vallecano, onde foi o primeiro adestrador do clube en 1ª División, aquel Rayo ao que chamaban mataxigantes polas súas proezas no Estadio de Vallecas; Atlético de Madrid, ao que dirixe de xeito efímero: fichara para sustituir a Luis Aragonés en 1978, mais só aguantou cinco partidos e sería reemplazado polo mesmo Aragonés. A continuación retorna ao Rayo Vallecano, antes de dirixir durante dúas tempadas ao Tecos mexicano, de 1981 a 1983, un campionato azteca onde ve xogar a Hugo Sánchez cos Pumas da UNAM e recomenda a súa fichaxe ao Atlético de Madrid. Na tempada 1983/84 volta ao campionato español para adestradar en 2ª ao Las Palmas. Dende 1985 ata 1987 ocupa, unha vez máis, o banco do Rayo e, en 1989, adestra por primeira vez no seu Uruguai natal, no mesmo clube no que anos atrás debutara coma futbolista profesional: o Nacional de Montevideo.

      Tras un par de anos sabáticos, Núñez dirixe en 1992 á selección de Costa Rica e na tempada 1993/94 faise cargo do Valencia. Rematada a súa estadía no banquillo do clube no que iniciara a súa carreira futbolística en España, retorna ao seu Uruguai natal para facerse cargo da selección charrúa dende 1994 ata 1997. Ao fronte da celeste, conquistaría, tras superar a Brasil nos penaltis, a Copa América de 1995, título polo que sería elexido mellor técnico de América da tempada pola prensa especializada do continente. Ao recoller o premio Héctor, lembrando os seus inicios na dirección técnica, considerou ao adestrador catalán Domingo Balmanya coma o seu mestre.
 
      Os últimos desempeños do Pichón Núñez coma técnico terían lugar en Arabia Saudita ao fronte do Al-Nassr e do conxunto uruguaio do Tacuarembó F.C., que foi onde puxo punto final a súa carreira coma adestrador en 2007. Héctor Núñez Bello, o fillo daquel matrimonio de Meicende e de Pastoriza que fixeran a maleta da emigración nos anos vinte do pasado século, falecería en Madrid o 19 de decembro de 2011 aos 75 anos.  


ALEX LOMBARDERO, O CAMPIÓN DO MUNDO DE OSEIRO

     En ocasións, o fútbol vólvese tan desalmado como a existencia de calquera. Se cadra porque o chamado deporte rei tamén consista non perpetuo desencontro ou, acaso, porque neste xogo todas as nosas esperanzas convírtense tarde ou cedo en torpes verdades ou, tal vez, porque ninguén, en ningunha das realidades, fútbol e vida, sexa quen de prever que a mala sorte poida cruzarse no risoño destino de un. Así lle aconteceu ao protagonista desta historia, a quen os infortunios da vida levaríano a retirarse dos terreos de xogo con tan só 27 anos por mor dunha extraña enfermidade dexenerativa.

     Fillo do leonés José Antonio Lombardero e da asturiana María Luisa Menéndez, que chegaran a Arteixo nos anos 70 por motivos laborais procedentes de Madrid, Álex daríalle as primeiras patadas a un balón nas rúas da Urbanización Sol e Mar de Oseiro, o lugar no que se instalara a familia despois de residir durante un tempo na parroquia de Loureda. 

     Nado o 1 de marzo de 1979, dende moi meniño xa apuntaba maneiras e víase que tiña unhas innatas condicións para a práctica do fútbol, condicións que non tardarían en despertar o interés de varios equipos da Coruña, sendo o Montañeros o que finalmente se faría cos seus servizos. De aí pasaría ao Imperator, cadro co que quedaría imbatido, tanto no campionato ligueiro como na Copa, e co que se proclamaría campión galego xogando ao carón de seu irmán Óscar, un ano máis novo que el. Aqueles son tempos nos que o rapaz da popular barriada de Oseiro empezaría a contar tamén coa confianza dos técnicos da selección coruñesa, Cedeira e Agulló, e o da galega, Fernando Blanco, quenes o citarían de xeito habitual para os compromisos nos diferentes torneos das categorías inferiores. O bo facer de Álex tampouco pasaría desapercibido para Teodoro Nieto, responsable da selección española Sub-15, que convocaría ao arteixán para participar en Francia no Torneo Mundial de Montaigu disputado en abril de 1994 onde, os da camiseta vermella, quedarían clasificados no sétimo lugar. 

     Posteriormente, nun abrir e pechar de ollos, Lombardero abandonaría o Imperator e probaría fortuna en Xixón, a cidade natal de súa nai María Luisa, onde forma parte do plantel do cadro xuvenil de primeiro ano do Sporting. Alí, os responsables de Mareo, vendo que ese equipo quedáballe pequeno, subiríano de contado ao da División de Honra, no que Álex nunca se sentiría o suficientemente cómodo e, por iso, acabaría recalando nos xuvenís do C.D. Lugo na tempada 1996/97.

     A chegada á cidade das murallas cambiaría, e de que xeito, a vida do fillo maior de José Antonio e María Luisa, un rapaz que sendo aínda xuvenil debutaría en Segunda División B co primeiro equipo na primeira xornada da campaña seguinte, nun partido que os lucenses empatarían a un gol no Anxo Carro contra o Real Madrid B. Gonzalo Edrosa, técnico do Lugo naquela altura, seguiríalle dando confianza ao mozo de Oseiro que, ao longo desa tempada disputaría en Segunda B un total de 26 partidos nos que anotaría 5 tantos. Álex tamén debutaría por aqueles días, o 2 de outubro de 1997, coa selección española Sub-18 da man de Andoni Goicoetxea en partido correspondente de clasificación para a Eurocopa no que España acadaría unha victoria frente a Bélxica por 2-0. O noso futbolista marcaría o primeiro gol e sería sustituído por Mario Alberto Rosas no minuto 75. Unhas semanas máis tarde, o 5 de novembro, anotaba o segundo tanto na victoria por 0-2 ante Bélxica e, o 20 dese mesmo mes, xogaría 75 minutos de titular no triunfo ante Italia por 1-3. Nesa Eurocopa, na que faría boa amistade con Puyol, o futuro capitán do F.C. Barcelona, Lombardero proclamaríase máximo realizador do campionato empatado a goles co italiano Fabrizio Miccoli, co tempo dianteiro da Juventus, da Fiorentina ou, entre outro clubes, do Benfica. Naquela campaña 97/98 Álex tamén formaría parte da selección española Sub-18 que se enfrontou en partido amigable á Francia dos Thierri Henry, Anelka, Trezeguet e compañía con motivo da inauguración do estadio de Saint Denis o 28 de xaneiro de 1998 e, un mes despois, viaxaba a Uruguai para disputar o Mundialito Álvaro Fabián Perea Barrospe baixo as ordes do adestrador Iñaki Sáez.

     Vendo o prometedor futuro da xoven estrela, a directiva do Lugo ofreceríalle por aqueles días o seu primeiro contrato profesional, establecendo unha escandalosa cláusula de rescisión de 500 millóns das antigas pesetas, contrato que Álex asinaría converténdose no primeiro xuvenil en ter unha cláusula tan elevada.    

Álex Lombardero, primeiro pola dereita, en Nixeria
   O centrocampista de Oseiro segue entrando nos plans do técnico do Lugo, Gonzalo Edrosa, durante a tempada 98/99 na que xoga en 31 partidos e anota dous tantos. O seu gran desparpaxo, velocidade e desborde confirmaban en cada partido que o equipo lucense tiña nas súas mans un verdadeiro diamante en bruto, bo facer que o levaría a recibir a chamada da selección española Sub-20 de Iñaki Sáez, para xogar o Torneo Atlántico nas illas Canarias en xaneiro de 1999 e, pouco despois, a disputar en Nixeria o Mundial da categoría durante o mes de abril xunto a nomes tan importantes como Iker Casillas, Aranzubía, Xavi Hernández, Marchena, Yeste, Gabri...Mundial no que tamén xogaron tipos como Ronaldinho, Simao, Ashley Cole, Milito, Cambiasso ou Forlán. Álex Lombardero, que vestía o dorsal 14 no campionato, non xogaría no debut ante Brasil (2-0), disputaría 18 minutos ante Zambia (0-0), a segunda parte frente a Honduras (3-1) e non sairía en octavos ante Estados Unidos (3-2). Iñaki Sáez daríalle a oportunidade na prórroga dos cuartos de final ante Ghana, partido no que o centrocampista arteixán anotaría o segundo penalti da tanda, tralo empate a un final. Despois de gañar a Mali en semifinais e golear a Xapón na final, choques nos que o noso protagonista non participaría, España coroábase campiona do mundo, que significaba o maior éxito do fútbol base estatal en toda a súa historia e que marcaría un antes e un despois no balompé, ao demostrar que os xogadores de estatura baixa como Xavi Hernández ou o propio Álex Lombardero tiñan cabida na elite dando paso ao chamado tiquitaca..."el fútbol se juega con los pies, y si yo pienso más rápido que tú y entre mi cabeza y mis pies el balón está más cerca de mi solo puedes correr detrás. Al fútbol
se juega por el suelo", afirmaría Xavi ao longo da súa carreira ducias de veces.


Álex, co dorsal 14, celebrando cos seus compañeiros o título mundial Sub-20
   A partir de aquí, ao arteixán abriríaselle un mundo e tería a sorte de palpar, mínimo, dúas opcións polas que decantarse. Mais ás veces por sensibilidade, ás veces por confusión, case nunca escollería a adecuada. Á volta de Nixeria e unha vez rematada a tempada co Lugo, o presidente do Mérida, José Fouto, persuasivo como poucos, rescátaoo do océano de ofertas que rondaban ao xogador de Oseiro, un futbolista que tivera contratos económicos moi superiores enriba da mesa, mais que se decantaría polo cadro extremeño de Segunda División porque creía que sería mellor trampolín para a súa carreira. De entrada parecía non equivocarse. Paco Herrera facíao debutar na categoría de prata na primeira xornada no partido Leganés-Mérida (1-1) e, ao longo do curso, disputaría un total de 26 partidos nos que anotaría tres tantos contra o Tenerife, Recreativo de Huelva e Las Palmas. Lombardero tamén debutaría naquela tempada 1999/00 na selección Sub-21 xunto ao seu compañeiro Unai e, pouco despois, entraría na preselección para as Olimpiadas de Sídney 2000. A campaña en Segunda co Mérida, do que a partir da xornada 15 se fixera cargo Juan Señor, estaba sendo espectacular e ata acadaría os cuartos de final da Copa do Rei, o teito dos extremeños na competición do KO. Despois de eliminar ao Talavera, Betis (0-1 en Sevilla con gol de Álex), e ao Oviedo, o Real Madrid cruzaríase no seu camiño, un equipo branco que se clasificaría para semifinais inxustamente. No Santiago Bernabeu, onde o arteixán entraría na segunda parte, o Mérida daríalle un baile considerable aos Casillas, Salgado, Hierro, Roberto Carlos, Guti, Raúl e compañía quenes, con todo, acabarían gañando por 1-0 e, en Mérida eliminarían aos locais na prórroga. A aquel mazazo copeiro dos extremeños habería que sumarlle outro máis, xa que perderían o ascenso á Primeira División na última xornada do campionato ligueiro no Vicente Calderón ante o filial do Atlético Madrid. Rematada a competición, as cousas empezaríanse a torcer xa que a maioría dos seus compañeiros denuncian ao clube por impagos. Él decide non facelo e non romper a súa vinculación co Mérida, que acabaría desaparecendo. O futbolista de Arteixo non cobrou o que se lle debía e, por ter contrato en vigor cun equipo en proceso de liquidación, sufre inconvenientes burocráticos que lle impedirán xogar boa parte da tempada seguinte, a pesar de ter un acordo co Betis.


Álex coa camiseta do Atlético de Madrid
     Despois disto, empeza a adestrar co Atlético de Madrid no primeiro ano dos atléticos en Segunda e, tras disputar un partido amigable na pretempada, Paolo Futre, que naquela hora era o director técnico, dille que vaia ás oficinas do clube porque o quere a toda costa. Mais, despois de asinar co Atlético, Álex segue sen poder xogar por mor do problema dos seus dereitos federativos e, finalmente, remataría aquela campaña 2000/01 xogando once partidos en Segunda B co filial ao mesmo tempo que adestraba con Marcos Alonso no primeiro equipo colchoneiro, onde coincidiría cun tal Fernando Torres, daquela un rapaciño de 16 anos. Nesa altura, o lendario presidente Jesús Gil quixo atar a Lombardero cun contrato de longa duración, oferta que o centrocampista de Oseiro non aceptaría porque non estaba pola labor de arrancar outra vez dende o Atlético B e marchou cedido ao Ceuta. 

     Alí, no conxunto do norte de África, con Carlos Urúe no banco, xoga 22 partidos e proclámase subcampión do grupo IV da Segunda B, bo facer que chamaría a atención do presidente do Compostela, José María Caneda. Naquel intre xa había rumores de que o equipo de Santiago tiña grandes problemas económicos, mais Álex fíase de Caneda, quen lle di que se tranquilice e que se esqueza das informacións que aparecen nos medios. "Nada máis asinar, vai e desaparece o clube. Non cheguei nin a adestrar", lembraba recentemente o futbolista arteixán quen, a falta dun día para que se pechara o mercado de fichaxes, se decanta polo Díter Zafra, mais non tardaría en asinar un precontrato co Racing de Santander. Cos extremeños Álex disputaría 31 partidos nos que anota tres tantos, cifras que non evitarían o descenso do Díter á Terceira División.

     Na seguinte tempada, a 2003/04, xoga no Racing de Santander B, onde intenta apurar as súas derradeiras opcións de chegar á Primeira División. Álex, que acabaría disputando 34 partidos en Segunda B nos que anota cinco goles, empeza a campaña realmente ben e as súas boas actuacións co filial racinguista non pasarían desapercibidas para Lucas Alcaraz, que o fai adestrar habitualmente co primeiro equipo. Mais, cando parecía que o seu soño de debutar na máxima categoría estaba cerca, o seu rendimento baixa de xeito esaxerado quedando, unha vez máis, ás portas de Primeira. 

     Tralo paso fugaz por Santander, Lombardero acaba na tempada seguinte no Alavés que, naquela hora, xogaba na Segunda División con futbolistas da talla de Bonano, Téllez, De Lucas, Bodipo ou Nené, que non tardaría en asinar co PSG, futbolistas que ao remate da campaña acadarían o ascenso á Primeira. O arteixán só participa en dous partidos, o disputado en Mendizorroza na primeira xornada contra o Valladolid (2-4) e o da sétima, tamén na casa, contra o Pontevedra (3-2). Ante a falta de oportunidades ao longo do campionato, no que empeza a ter contínuos problemas físicos que lle impiden rendir como o facía antes, pídelle ao presidente da entidade, o extravagante Piterman, saír do equipo porque ten a posibilidade de ir xogar a China, opción que quedaría descartada polo rexeitamento de Piterman, feito que levaría a Álex a rematar a campaña no equipo filial, o Alavés B, con quen xoga trece partidos no grupo II da Segunda B e marca un gol. 

     Na tempada 2005/06 asina co Gramanet. Alí disputa 28 partidos nos que anota catro tantos que axudan á entidade catalana a acadar a cuarta praza do grupo IV de Segunda B e a disputar o playoff de ascenso. Nese curso, o seu corpo segue enviándolle sinais de que algo non vai ben, pequenas molestias, problemas de pube...Continúa na Gramanet na campaña seguinte, a 2006/07, exercicio no que despois de xogar 13 partidos e anotar dous goles, diagnostícanlle un problema dexenerativo nos ósos, unha desas enfermidades raras que só padece unha persoa de entre un millón. O día que llo dixeron os médicos, o noso protagonista despertou do seu soño de xogar en Primeira División. Ese soño que tivo tan cerca e que tan a punto estivo de conseguir, desgraciadamente, como a tantos outros, escaparíaselle. 

     Confirmada a noticia de que tiña que deixar o fútbol, que fora o único que fixera ata aquel entón, véuselle o mundo enriba e "para máis inri", a Gramanet, en vez de apoialo naqueles momentos tan duros fixo o posible por botalo deixándolle de pagar e dándoo de baixa polos seus problemas na cadeira. Doído polo comportamento do clube catalán, Álex intentou falar cos seus dirixentes e chegar a un acordo, mais dixéronlle que xa tiñan a decisión tomada e que fixera o que creera oportuno. O arteixán decidiu, entón, denunciar á entidade por despido improcedente e estaría moito tempo litigando con eles nos xulgados para que lle pagaran os seis meses de contrato que lle debían. Finalmente a xustiza daríalle a razón.

     No momento que colgou as botas, Álex tiña 27 anos e ao pouco, ao cabo de dous meses, colocáronlle dúas próteses nas cadeiras que, á larga, derivarían nunha invalidez do 40%. Por primeira vez na súa vida tívose que buscar un futuro en algo que non era xogar ao fútbol. Primeiro traballou nunha empresa de protección xurídica como tramitador. Logo, estaría de olleador no Racing de Santander na zona de Cataluña. E por último, atoparía traballo na ONCE vendendo cupóns na localidade extremeña de Calamonte, onde vive actualmente coa súa muller Nani e as dúas fillas do matrimonio, Claudia e Paula.

     A día de hoxe o arteixán segue ligado ao mundo do fútbol xa que é o responsable da Escola Deportiva Calamonte que coordina o seu cuñado Calixto e, ademais, estase preparando para ser adestrador e aspirar algún día a devolverlle ao fútbol o pouco que éste lle diu ao noso ilustre veciño de Oseiro campión daquel Mundial Sub-20 xunto aos Casillas, Xavi, Marchena e compañía...un Álex que curiosamente ten o extraño récord de coincidir cos que se cadra foron os catro presidentes máis extravagantes do fútbol español daquel entón: Fouto do Mérida; Jesús Gil do Atlético de Madrid; Caneda do Compostela; e Piterman do Alavés. 

      

Ningún comentario:

Publicar un comentario