A ASOCIACIÓN XUVENIL XIRADELA: A FORZA DUNHA MOCIDADE QUE SOÑOU EN GRANDE
Como é sabido a Real Academia Galega (RAG) dedica o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.
Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas celebrábase con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.
Ao noso modesto entender, o Día das Letras Galegas 2025 esténdese a todas as cantareiras e pandereiteiras de Galicia, mulleres que levaron a música e a tradición por cada recuncho da nosa terra.
Tampouco podemos esquecer, e mesmo recoñecer, o traballo de conservación durante décadas de xente anónima, colectivos ou asociacións que trouxeron a nosa cultura popular, a nosa sabedoría como pobo, ata a actualidade. Por iso, nas Crónicas de Arteixo desta semana, coincidindo co 17 de maio, queremos homenaxear a traxectoria de máis de 40 anos de arduo traballo de Xiradela. Unha Asociación Xuvenil da que nos fala deseguido, dende a súa propia experiencia e óptica persoal, a prezada e admirada Gabriela Prego Vázquez, ex membro da directiva, do grupo de danzas, do grupo de teatro e da equipa de profesorado da A.X.Xiradela.
![]() |
Xiradela na segunda metade da década de 1980 na Mostra Internacional Cidade de Cristal (Cortesía de Aurora Verdía) |
A Asociación Xuvenil Xiradela:
a forza dunha mocidade que soñou en grande
(Texto da autoría de Gabriela Prego Vázquez)
Sonia Iglesias, técnica de Cultura do Concello de Arteixo, encargoume reconstruír a etapa que eu vivín en Xiradela, isto é, a Xiradela do século XX. Sonia e máis eu tivemos que falar e reunirnos moitas veces naqueles tempos: ela desde a súa responsabilidade institucional, e eu como representante da equipa directiva da asociación. Ese vínculo común, pero tamén a distancia que dá o tempo, permitiume aceptar o encargo de Sonia, que intentei abordar co maior rigor e cariño posible. Tentei ser obxectiva, consciente de que toda memoria leva implícito un punto de vista, un sesgo. Tiña eu 12 anos cando Xiradela botou a andar en 1982, e eu comecei na súa escola de baile. Hoxe, con 55 anos, apenas teño vinculación coa asociación (aínda que son socia), pero podo dicir que, entre 1982 e 2000, pasei case máis tempo en Xiradela que na miña propia casa. Por iso, coido que podo contribuír á reconstrución da intrahistoria daqueles anos, deténdome con especial atención na cerna dos primeiros dez, alí onde todo empezou a medrar.
![]() |
Socios fundadores membros do grupo de danzas de Xiradela en 1982-83 (Cortesía de Aurora Verdía) |
Din que teño boa memoria, pero ao ir lembrando, algúns detalles semellaron borrosos e fun quen de reconstruílos grazas ao diario persoal que gardo desa época —cheo de anotacións adolescentes que agora cobran un novo sentido— e tamén falando con discreción (como Sonia dixo que isto era segredo) con persoas que, coma min, viviron aqueles primeiros anos de entusiasmo e esforzo colectivo. Son consciente de que toda crónica é tamén unha escolla, e que sempre quedarán nomes por citar ou detalles por matizar. Mais procurei ser xusta con quen estivo a pé de local, a pé de escenario, no traballo e na loucura cotiá das actividades, co que, ao meu modo de ver, foi o verdadeiro motor da asociación: unha mocidade activa, creativa, independente e profundamente comprometida coa cultura do noso país. E para comprender todo iso, cómpre volver ao principio.
A acta de constitución oficial da Asociación Xuvenil Xiradela leva data do 15 de maio de 1982, pero a semente naceu no verán de 1980, entre mozos e mozas que se xuntaban na praia de Repibelo. O obxectivo era claro: crear un espazo para que a mocidade do pobo puidese ter un mellor desfrute do tempo libre. Naqueles anos 80, en Arteixo había poucas opcións para a rapazada: só fútbol … ningún polideportivo, nin piscina, nin biblioteca, nin actividades extraescolares … ata ben entrada a década. Por iso, Xiradela converteuse nun refuxio e nun espazo de expresión e formación para unha parte importante da xuventude daquela época. Na mente daqueles soñadores estaba a organización de diversas actividades, mais o que ocupaba un lugar moi especial era a danza e a música tradicional galega. Estaban no corazón do proxecto.
No ano 1982, José Rozamontes —coñecido como Rozas—, pai dun dos mozos fundadores (Jose de Rozas, un auténtico líder xuvenil), prestoulle a aquel grupo de rapaces e rapazas un baixo na rúa Reconquista para comezar a desenvolver as súas actividades. Rozas converteuse así no primeiro gran mecenas da Asociación, ofrecendo desinteresadamente non só un espazo físico, senón tamén un impulso fundamental para o nacemento do proxecto. Aquel baixo da rúa Reconquista acolleu os primeiros ensaios de baile daquela “pandilla praieira”. A encargada de dirixir aquelas sesións foi Teresa Carnota, unha das integrantes do grupo, que, ao igual que a súa irmá María José, tiña experiencia previa como bailadora. Ao mesmo tempo, fóronse dando os pasos necesarios para constituír oficialmente a Asociación e abrir as actividades a outros mozos e mozas do pobo, incluíndo tamén a nenos e nenas máis pequenos. Ao redor de marzo dese ano, correu a voz por Arteixo. Non había Facebook nin Instagram, pero o boca a boca —a famosa “radio macuto”— funcionaba con moita eficacia naquel Arteixo dos oitenta: “Había que ir o sábado ás 6 da tarde ao baixo da rúa Reconquista, se querías apuntarte a baile tradicional”. No baixo había un tocadiscos deses que adoitaban estar nos bares dos oitenta, con botóns para escoller cancións, e que facía soar unha e outra vez o disco de muiñeiras co que aprendíamos a bailar: o picado, adiante e atrás, punta e tacón…
![]() |
Primavera
de 1982. Primeiros nenos e nenas xunto cos socios fundadores de
Xiradela no local da rúa Reconquista cedido por Rozas (Cortesía de
Aurora Verdía) |
![]() |
Sábado de Entroido de 1983 no local da rúa Reconquista (Cortesía de Aurora Verdía) |
Así, todos os sábados ás seis da tarde —de 18:00 a 19:30— ofrecíanse clases de baile nas que se inscribiron arredor de corenta nenos e nenas. Repartíanse por idades en canto chegaban a aquel baixo de Rozas, que, cando chovía con vento, deixaba entrar a auga polas fendas. Os máis pequechos, menores de 8 anos, tiñan como profesora a María Aurora Verdía; os de entre 9 e 11 anos estaban con María José Carnota; e os de 12 a 14 anos, con María Teresa Carnota, que tamén asumía a dirección do Grupo de Danzas, “os maiores”, formado naqueles primeiros meses só por socios e socias fundadores. Ao lembrar os primeiros bailadores e bailadoras do grupo dos “maiores” que actuaron en público, vénme á cabeza o mítico Espantallo, unha danza que, ao meu parecer, simboliza os primeiros pasos daquel comezo. Entre as rapazas estaban: Fina Verdía, Mari Carmen Bello, Tere Carnota, Aurora Verdía e Fátima Milia; e no grupo dos rapaces: Óscar Varela, Jose de Rozas, Miguel Pum (Miguel Zas), Geni Varela, Carlos Mallo e, ás veces, Maximino Moreiras. E, por suposto, o mellor espantallo do mundo mundial: María José Carnota. Abofé que non houbo nin haberá espantallo coma María José en ningún grupo de baile tradicional. O entusiasmo era tal que os avances foron rápidos. En xuño, só uns meses despois de comezar, toda a escola de baile participou no Día da Muiñeira en Carballo. E tamén deron comezo ás primeiras actividades de lecer: unha ruta de sendeirismo ata Morás, unha excursión á Praia de Valcovo e a I Olimpíada dos Xogos da Risa.
Xiradela naceu como unha auténtica asociación xuvenil: liderada por mozos e mozas, cunha programación pensada por e para a mocidade. A directiva estaba composta exclusivamente por socios menores de 30 anos e maiores de 18. A primeira directiva, pioneira en moitos aspectos, contou con Teresa Carnota como presidenta, acompañada por José Antonio Verdía, Carlos Mallo, María José Carnota, Aurora Verdía e José Antonio Veira. Foi unha equipa directiva que destacaba, xa daquela, polo seu carácter innovador: cunha muller á fronte da presidencia —Teresa Carnota— e con cargos clave tamén ocupados por mulleres, como a secretaría, nas mans de María José Carnota, e a tesouraría, a cargo de Aurora Verdía. Tamén había un número equilibrado entre homes e mulleres. Este equilibrio de xénero non foi resultado dunha planificación consciente de cotas de xénero, senón que xurdiu de maneira orgánica. A forza, implicación e protagonismo das mozas formaban parte da esencia mesma de Xiradela. Esa sororidade xuvenil mantívose no tempo, mesmo cando as primeiras mulleres da directiva foron cumprindo os 30 anos. Así, a finais da primeira década da asociación, a secretaría permaneceu en mans doutra muller, Gabriela Prego, que exerceu o cargo toda a década dos noventa, mentres que a tesouraría pasou a ser responsabilidade de Fransy González. Tamén nas directivas dos anos oitenta estiveron outras mulleres que xogaron un papel fundamental na traxectoria de Xiradela, como María del Mar Insua, vocal de Grupo de Danzas e Fina Verdía, quen destacou especialmente como vocal de tempo libre, sendo clave no deseño dun ambicioso programa de actividades. Baixo a súa responsabilidade estruturouse unha programación variada e innovadora de tempo libre. Mesmo se puxo en marcha un pequeno servizo de biblioteca, con préstamo de libros, que ampliaba aínda máis as opcións formativas e culturais dispoñibles para a mocidade. En canto á presidencia, tras os mandatos de José Antonio Veira e Óscar Varela, outra muller, Bruna Iglesias, asumiu o cargo nos anos 90, mantendo viva a tradición de liderado feminino dentro da entidade. Así, na actualidade tamén temos unha muller como presidenta, Uxía Verdía.
Mais recuemos de novo no tempo, para facer parada en setembro de 1982. Naquel mes, coa asociación xa formalmente constituída, entregáronse os primeiros carnés de socios coincidindo coa celebración da Asemblea Xeral Ordinaria. Os numerarios (entre 14 e 30 anos), con carné amarelo, tiñan voz e voto; os aspirantes (menores de 14), con carné verde, só voz; e os colaboradores (maiores de 30), con carné branco, podían asistir ás asembleas, pero sen dereito a voto. Só os socios maiores de idade podían formar parte da Xunta Directiva, e só ata os 30 anos. En setembro, sumáronse máis nenos e nenas á escola de baile, e foi necesario ampliar o horario das clases. A escola medraba con forza, e o traballo das primeiras profesoras comezaba a dar os seus froitos: en outubro de 1982 xa comezaron a pasar bailadoras da escola de baile ao grupo de danzas. As dúas primeiras que pasaron, simultaneando, ao principio, a súa clase na escola de baile cos ensaios do grupo de danzas, foron Patricia Montes e Gabriela Prego. Era unha honra pasar a ser membro do grupo dos maiores e tamén unha responsabilidade. Non só representabas a asociación, senón que pasabas a formar parte da equipa que colaboraba coa directiva no desenvolvemento das diferentes iniciativas.
O 15 de maio de 1983, o grupo das Zaramalleiras da Escola de Baile de Xiradela —formado por Isa García, Belén Ramos, Belén Coloretes, Gabriela Prego, María Rega, Patricia Montes, Loly Rega, María Luisa de Figueiroa e María José Morandeira, coa súa profesora María Teresa Carnota— acadou o terceiro premio no concurso de baile tradicional organizado por Xacarandaina. Foi o primeiro galardón que Xiradela gardou na súa vitrina de premios. Aínda que o lema da asociación era claro —o importante era participar e pasalo ben, non gañar—, aquela foi unha experiencia que deixaría pegada. O día da final, as nove bailadoras e a súa mestra colleron o trolebús Coruña–Carballo rumbo ao Teatro Colón, onde representaron con orgullo a escola de baile de Xiradela. Para elas xa fora un premio estar na final… non esperaban tal recoñecemento…!
![]() |
Grupo das Zaramalleiras da Escola de baile de Xiradela, 15 de maio de 1983 no Teatro Colón (Cortesía de Patricia Montes) |
![]() |
Imaxe do grupo de danzas de Xiradela ano 1983 das Xornadas de Folclore Galego en Compostela (Cortesía de Gabriela Prego) |
![]() |
Imaxe de mediados dos anos 80 do grupo de danzas de Xiradela (Cortesía de Patricia Montes) |
Nos primeiros anos da asociación produciuse tamén unha mudanza significativa: o traslado do local de Rozas a outro máis amplo, con espazo exterior, situado xunto á igrexa de Santiago de Arteixo. Este novo espazo foi cedido pola parroquia, entón a cargo de Don José Abelenda, figura que penso é lembrada con especial agarimo e respecto por toda a nosa xeración. Aínda que este segundo local ofrecía máis posibilidades para as actividades, pouco máis era ca unha estrutura básica, polo que requiriu un intenso traballo de acondicionamento. Cómpre destacar a implicación e esforzo dos primeiros vocais da directiva encargados do local —Carlos Mallo e Juan Carlos Sánchez (do Bazar Rosario)—, así como de todas as socias e socios que colaboraron para arranxar o espazo e facelo funcional. Xa instalados no novo local, e con boa parte dos anos oitenta avanzados, a actividade estrela seguía sendo o baile tradicional. Os profesores e profesoras saían do propio Grupo de Danzas, despois dunha formación cunha profesora veterana. Así, ademais das primeiras mestras (Aurora, María José e Tere), a finais dos oitenta e principios dos noventa, incorporáronse novos monitores de baile: Geni, Óscar, Fina, María del Mar, Gabriela, Fransy e Bruna, ampliando a capacidade docente da escola. A demanda foi tal que, ademais das clases dos venres e sábados, houbo que engadir novas sesións durante a semana, impartidas por Aurora Verdía. Aurora, sempre desde un discreto segundo plano, xogou un papel esencial: pasaron polas súas mans a inmensa maioría dos nenos e nenas, converténdose nun alicerce imprescindible no crecemento da escola e da asociación.
![]() |
Festa celebrada en 1988 no local do Sixto (Cortesía de Gabriela Prego) |
Avanzando os oitenta e os noventa, outras actividades tamén foron gañando protagonismo: o Día da Muiñeira de Arteixo, a Noite Meiga, a Festa do Entroido, un ambicioso programa de excursións non só por outros pobos e cidades de Galicia, senón tamén fóra dela (Madrid, Barcelona, Portugal,…), visitas culturais, acampadas, excursións á neve … Organizáronse tamén semanas culturais con grupos folclóricos doutros países, promovéronse intercambios xuvenís e celebráronse exposicións de obxectos antigos —mesmo se recreou unha casa labrega con mobles e pezas cedidas pola veciñanza—, ademais de veladas de cine, actuacións de grupos de música folk e outras propostas que dinamizaban a vida cultural de Arteixo. Foise consolidando un marco estable de actividades formativas. No ámbito musical, ofrecíanse clases de pandeireta, gaita, guitarra, tamboril e bombo. No eido do baile, ademais do baile tradicional, incorporáronse tamén os bailes de salón. Tamén se fomentaron outras expresións artísticas a través de actividades como manualidades, traballos en coiro, obradoiros para aprender a palillar e fotografía. No eido escénico, Xiradela contou cun activo grupo de teatro e promoveu teatralizacións, sketches e imitacións nas festas do Entroido, como no mítico programa “Acolá te quero ver”, ou na Noite Meiga. Todas estas actividades merecerían unha reseña, mais destacaremos dúas por razóns distintas: a pandeireta/cantareiras pola conexión coas Letras Galegas 2025; e o teatro, unha actividade que gozou de gran éxito nas décadas dos oitenta e noventa, pero que hoxe xa non forma parte da oferta activa da asociación.
![]() |
Grupo
de danzas de Xiradela en Arteixo a finais dos 80 ou principios dos 90
actuando polas festas do Apóstolo Santiago (Cortesía de Gabriela Prego) |
![]() |
Mediados dos anos 80. Sketch pola festa do Entroido da sala de Festas Eva (Cortesía de Gabriela Prego) |
![]() |
Mediados
dos anos 80. Actores e actrices que representaron na Sala de Festas Eva
o programa "Acolá te quero ver" (Cortesía de Aurora Verdía) |
A pandeireta introduciuse cedo, ao igual que a gaita. En outubro de 1983 iniciáronse as clases de pandeireta da man dunha rapaza moi noviña chamada Mercedes Peón, procedente de Xacarandaina. Naquel momento non era a artista recoñecida que é hoxe e aquelas clases de pandeireta de Xiradela foron as súas primeiras clases como mestra. Entre o seu primeiro grupo de alumnas estaban Patricia Montes, María del Mar Insua, Antonia Fernández (a Sra. Toñita Carnota), Bruna Iglesias, Fransy González, e tamén dous rapaces: Óscar Varela e Álex Insua. Ao pouco de comezar as clases de pandeireta, arrincaron tamén as primeiras tarefas de recollida etnográfica: cantigas, literatura oral, danzas, traxes e costumes. O obxectivo era claro: preservar e revitalizar a tradición. A primeira recollida tivo lugar na Pedreira (Arteixo), e participamos nela, se non todo, case todo o grupo de danzas. A informante foi Maruja de Leal, e daquel encontro naceu a "Xota da Pedreira", a primeira peza bailada e cantada que pasou a formar parte do repertorio propio da asociación. As primeiras cantareiras de Xiradela foron as que tocaron e puxeron voz a este tema, acompañando ao grupo de danzas o día da súa estrea. Formadas nas aulas de Mercedes Peón, aquelas pioneiras foron Patricia Montes, María del Mar Insua, Fransy González, Inés Vázquez e Sandra Vázquez. Foron elas quenes deron voz ás primeiras pezas das recollidas, converténdose nas sementadoras dun legado que medraría con forza co paso do tempo. Aínda que hoxe son máis recoñecidas as cantareiras da década dos noventa —grazas á proxección que acadaron co tema “Cantigueiras” e co disco que chegaron a gravar—, cómpre lembrar que as cantareiras da primeira xeración fixeron un traballo magnífico deconstruíndo as gravacións das recollidas, realizadas con magnetofóns de pésima calidade, para reconstruír as coplas e os toques que forman parte actualmente do repertorio da asociación. Sen o camiño que abriron aquelas primeiras mozas, nada do que veu despois no grupo de cantareiras sería posible. Tampouco podemos esquecer aos primeiros gaiteiros: sen Ana Carnota, Víctor Iglesias e Óscar Miranda non serían posibles os grupos de gaiteiros que lles seguiron. Pola súa banda, durante a primeira e segunda década de Xiradela, o grupo de teatro desempeñou un papel moi relevante na vida da asociación, chegando a acadar importantes premios en certames de ámbito autonómico. Nos seus inicios, a actividade foi co-dirixida por Patricia Montes e Gabriela Prego, e posteriormente quedou baixo a dirección exclusiva de Gabriela. Algúns dos actores e actrices foron: Manuel Campos, Marcos Montes, Sergio Veira, Javi Fuentes, Óscar Varela, Isaías González, Camilo Rey, Loly Rega, Sandra Vázquez, Inés Vázquez, Sonia Varela, Soraya e Tania Silvosa, entre outros. Mari Mar Insua, na música e Juan Carlos Sánchez e Aurora Verdía nos decorados. Incluso, unha coñecida actriz profesional, Isabel Naveira, dou os seus primeiros pasos no grupo de teatro da asociación. A estrea anual da obra, que tiña lugar cada mes de maio, era un dos momentos máis agardados, non só polos socios e socias, senón tamén por moitos veciños e veciñas de Arteixo. As representacións (comedia principalmente) convertíanse nun auténtico acontecemento cultural no pobo, sempre cun cheo absoluto e unha gran implicación da comunidade. Non había auditorio. A Sala de Festas Eva nas primeiras obras e o ximnasio do colexio transformábanse en lugares de representación. A falta de infraestruturas non era un impedimento para aquel grupo de mozas e mozos cheos de enerxía e determinación. A obra volvíase a representar en Xiradela o día da Noite Meiga e en diferentes certames teatrais.
![]() |
Grupo de teatro de Xiradela a principios dos 90 (Cortesía de Gabriela Prego) |
![]() |
Grupo de danzas de Xiradela a mediados dos 80 (Cortesía de Aurora Verdía) |
Este entusiasmo e auxe envolvía todas as actividades da asociación durante os anos 90. Xiradela xa estaba plenamente consolidada e iniciaba unha etapa de internacionalización e maior proxección exterior. Nesa década, a asociación chegou a contar con máis de 700 socios e con arredor de 300 rapaces e rapazas inscritos nas clases de baile tradicional. O Grupo de Danzas –dirixido nunha parte desta década por Teresa Carnota e, noutra parte, por Fransy González- tamén experimentou unha expansión significativa, nutríndose dos nenos e nenas da escola de baile que ían crecendo e demostraban interese e compromiso. Nesta década, o Grupo de Danzas participou en festivais internacionais, acadando premios e mesmo representando a Galicia no prestixioso Festival Intercéltico de Lorient.
![]() |
Xiradela na edición do ano 1995 do Festival Intercéltico de Lorient (Cortesía de Aurora Verdía) |
![]() |
Mozos e mozas de Xiradela en Lorient no ano 1995 (Cortesía de Aurora Verdía) |
… Podería seguir enchendo páxinas, mais cómpre ir rematando…
A Xiradela do século XX foi unha asociación xuvenil feita por e para a mocidade. Non é nin mellor nin peor que a Xiradela do século XXI. Os contextos son distintos. A min pedíronme que contara o que significou para nós, para a nosa xeración. E foi, sen dúbida, unha escola de vida para a mocidade. É posible que algún nome quede sen mencionar, mais iso non os fai menos importantes. Todas e todos sumamos. Iso é o que verdadeiramente conta: formar parte dun soño colectivo que naceu dun grupo de mozos e mozas. Xiradela naceu como unha actividade coral, independente dos poderes políticos locais e ao servizo da sociedade.
Esta é, en esencia, a historia dunha pequena semente que prendeu con forza nun campo fértil de ilusións compartidas, e tamén un recoñecemento colectivo a todas aquelas persoas que fixeron de Xiradela unha verdadeira escola de vida. Xiradela non naceu dunha estrutura nin dunha institución: naceu do encontro, da amizade, da teimosía creativa dun grupo de mozos e mozas que soñaron un espazo distinto para vivir, aprender, compartir e transformar a súa contorna. A asociación foi medrando sen perder nunca a súa raíz: a cultura tradicional galega como eixo vertebrador, e a mocidade como motor. Foron anos intensos, cheos de esforzo, aprendizaxe, alegrías e tamén tensións. Quedaron nelas milleiros de lembranzas, amizades para toda a vida, namoramentos, matrimonios, primeiros escenarios, primeiras responsabilidades, primeiras viaxes, primeiras decisións tomadas en grupo. Xiradela foi un lugar onde aprendemos a ser en comunidade, onde o talento floreceu e a tradición se renovaba, onde os pequenos se fixeron grandes, e os grandes seguían soñando coma nenos. A historia continúa porque cando un soño é colectivo, nunca remata… Longa vida a Xiradela!
MANOLO BELLO SOUTO, O GRAN MÚSICO DE PASTORIZA
O protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana é para Manolo Bello Souto, un desos músicos de verdade que, grazas ao seu enorme talento, tivo o privilexio de vivir profesionalmente da arte sonora desde que era un mociño ata a súa xubilación.
Os proxenitores do noso homenaxeado, Manolo Bello, e Socorro Souto, eran nativos da parroquia de Oseiro, el do Curtidoiro, da zona onde está a Fonte do Abade, e ela de Froxel. Despois de casar, a parella establece o seu domicilio en Pastoriza, onde o cabeza de familia gaña a vida traballando nunha forxa como ferreiro. Manolo e Socorro vivían nunha casa que estaba situada en fronte do domicilio dos pais do escritor Henrique Rabuñal, casa onde virían ao mundo os seus tres fillos: Manolo, Manola e Maruja.
Ao noso homenaxeado, nacido en 1943, córrelle polas veas a cuestión musical. O seu pai, Manolo “O Ferreiro” e seu tío Emilio foran acordeonistas ocasionais. O proxenitor nunca estivera en ningunha orquestra, pero tocaba diante da casa polo Nadal ou polo Entroido para alegrarlle un chisco a vida á veciñanza naqueles duros anos da posguerra.
Hai uns meses Manolo Bello Souto e a súa muller Elena tiveron a ben recibirnos no seu domicilio, onde nos atenderon coa maior das amabalidades. Alí, recordando os seus inicios musicais, Manolo contounos que “meu pai tocaba o acordeón de oído e levábame a escoitar as orquestas cando había actuación no salón da Roxa de Pastoriza ou nalgunha festa dos arredores. Levábame e sentábame no palco da orquesta e alí pasabamos toda a noite os dous, el escoitando a música e eu tamén.” Aquelas actuacións ían facer soñar ao rapaz de Pastoriza, que non tardaría en abrir as portas dunha gran carreira profesional.
-¿Qué queres ser de maior, Manolito?
-Eu quero ser músico. Quero aprender a tocar o acordeón para ir tocar polas festas-, dicía o rapaz.
Dende moi cativo sempre tivo claro que quería ser acordeonista, soño que non tardou en cumprir. “Empecei moi cedo a estudar música. Primeiro ensinoume un pouco meu pai de oído, e o acordeonista Juan Castillo empezoume a ensinar as notas de solfeo. Eu tería 7 ou 8 anos e daquela era moi pequeno para ir eu só a Coruña. Este home, que na zona era coñecido como Juan 'da Furoca', foi o primeiro mestre de solfeo que tiven. Dábame clases ao tempo que atendía as súas vacas no herbal. Tempo despois fun á Coruña a escola de música de don Luis Brage, que daba clase de varios instrumentos. Ía un día ou dous á semana pero botei pouco tempo estudando porque aos 12 anos xa empecei a tocar. Chamoume unha orquesta... bueno, máis ben foron a preguntar a academia se había un acordeonista. Eran “Los Pachotes” de Betanzos”.
![]() |
Manolo Bello aos 12 anos nunha das súas primeiras actuacións (Cortesía da familia Bello Freire) |
Así pois, cando aínda non levaba un ano na academia de Luis Brage, xa se vía que Manolo era un verdadeiro portento do acordeón. Aprendera moi pronto a tocar e empezou a destacar moi rápido. E así foi como con tan só 12 anos Manolo Bello iniciaba unha impresionante carreira musical que, co andar do tempo, levaríao a viaxar por medio planeta.
Cando tocaba con “Los Pachotes”, a súa primeira orquestra, Manolo viaxaba habitualmente en tren dende A Coruña a Betanzos. Os viaxes de volta facíaos nun autobús da empresa Oriente que o deixaba no edificio de Correos da cidade herculina e, posteriormente, collía o trolebús Coruña-Carballo ata Pastoriza. Corría o ano 1955. Entre viaxe e viaxe, Manolito era un neno pegado a un acordeón. “Case non podía con el e por iso tíñao que levar na cabeza”, recordaba.
Con “Los Pachotes” botou pouco tempo, aproximadamente 7 ou 8 meses, ata que o chamaron “Los Ases del Jazz”, banda da Coruña coa que tocou o acordeón durante uns meses. Manolo formaría parte posteriormente de xeito efémero de orquestras como “Los Dukes” (onde coincide con Eulogio Gestal, que anos despois casaría en Pastoriza e montaría o popular Mesón), “Los Príncipes” ou a “Oriente”, orquestra que comandaba o trompetista Ramiro Vázquez, de quen se acordaba Manolo Bello dicindo que “era unha persoa encantadora. Un día díxome que tiña que empezar a estudar piano e buscoume un profesor: don José Mir, que era un valenciano, capitán de Infantería e director da Banda Militar. Eu ía ás súas clases alí, a Infantería, sendo un chaval. Máis tarde, estudei os cursos altos de piano con Mercedes Goicoa”.
![]() |
Manolo Bello na súa etapa con "Los Dukes" (Cortesía da familia Bello Freire) |
![]() |
Vehículo no que viaxaban "Los Príncipes" (Cortesía da familia Bello Freire) |
Naquela época, cando tiña 15 anos, Manolo obtén o carnet nacional de músico profesional. “Daquela había o carnet comarcal e o nacional; viñan de Madrid uns profesores e facíanche un exame. Había que presentar unhas obras e tocar algunha delas para que te puntuaran no acto.”
Despois de estudar un ano ou ano e medio con don José Mir, o músico de Pastoriza foi contratado de pianista para o Hotel Embajador, un hotel de categoría, que desapareceu nos anos 60 e que ocupaba o que hoxe é a Deputación Provincial e o Teatro Colón.
Nesa época Paco Casal monta en Betanzos un grupo que se chamaba "Los Vierantes" e chamou ao noso protagonista para que lle fora de pianista. Tocaban principalmente en Betanzos e nas vilas dos arredores ata que un día contratáronos en Madrid. Manolo tiña 17 anos e empezaba a comerse o mundo. “Los Vieirantes” ían conquistar Madrid actuando durante tres meses no “Flamingo”, unha sala de festas do centro da capital, no “Casablanca”, etc. Eran un quinteto fabuloso no que cantaban Paco Casal e o propio Manolo Bello. Posteriormente, no verán seguinte, tocaron durante tres ou catro meses en “Los Monteros”, un hotel de luxo de 5 estrelas situado entre Marbella e Torremolinos.
![]() |
Manolo Bello, primeiro pola esquerda, en Madrid con "Los Vieirantes" (Cortesía da familia Bello Freire) |
![]() |
Manolo Bello tocando o acordeón en Madrid con "Los Vieirantes" (Cortesía da familia Bello Freire) |
Na entrevista que lle realizamos no seu domicilio, Manolo Bello recordaba que “un pouco máis tarde viñemos a tocar a un hotel de Pontevedra, o Hotel Universo, e alí víronme actuar durante varios días uns músicos de Madrid, bueno, a dicir verdade un deles era de Pontevedra e o outro de Madrid. Tiñan un grupo con “cuartel xeral” en Madrid, cuarteto “Sky”, e propuxéronme ir con eles para facer cruceiros coa compañía Ybarra. Seguindo a liña que viña levando dende chavaliño, é dicir, de estar pouco tempo en cada orquesta, pois aceptei a oferta. Embarcábamos en xuño e estabamos ata setembro”.
O músico de Pastoriza ía percorrer todo o Mediterráneo e mares da Europa nórdica e no inverno ía a Sudamerica e viña, desde alí, ás Fallas de Valencia. Manolo cantaba e tocaba o piano durante todos os cruceiros. “Cos “Sky” botei uns catro anos facendo cruceiros e sempre co “cuartel xeral” en Madrid, onde estabamos no inverno e polos veráns embarcabamos en Barcelona. E á volta tamén desembarcabamos habitualmente en Barcelona, e despois íamos para Madrid a tocar ata que no inverno, por aí polo Nadal, embarcabamos de novo para ir a Sudamérica, principalmente a Brasil, Uruguai e a Arxentina. Era inverno aquí e verán alí. Estos barcos facían o percorrido de correos, eran os que levaban o correo de España a América. E así estiven uns catro anos aproximadamente. Foi unha etapa marabillosa da miña vida e ademais eramos un grupo moi ben levado porque eramos todos amigos”.
![]() |
Manolo Bello, primeiro pola dereita, cos "Sky" (Cortesía da familia Bello Freire) |
Manolo non tivo que facer o servizo militar porque, sendo moi novo, era o sosten da familia. Seu pai estaba enfermo e súa nai traballaba na casa. No tempo de ir a mili, cando os mozos da súa quinta estaban no cuartel ou facendo instrución e desfilando coas armas, o noso protagonista andaba polo mundo adiante coa súa arma particular: a música!
Logo desa etapa cos “Sky” Manolo Bello estivo con “Los Españoles”, un grupo galego de enorme éxito nos 60 que actuaban con frecuencia en Europa. De feito, nun concerto en Hamburgo uns rapaces ingleses que se facían chamar “The Beatles” foron os seus teloneiros, uns rapaces que non ían tardar en se converter na lendaria banda que todas e todos coñecemos. “Los Españoles” mesmo chegaran a actuar nos Xogos Olímpicos de Tokio en 1964 xunto cos “Platters”. Mais a maioría dos integrantes abandonaron o grupo e foi aí cando Marcelino López “Candelas”, batería e cantante, refundou a formación contratando, entre outros a Manolo Bello, que estivo con eles desde 1967 ata 1969. Manolo aceptara a oferta de “Candelas” porque xa facía moito tempo que non viña á casa e porque lle facía moita ilusión tocar con este grupo, co que actuou por media España e participou na gravación dun disco. Podémolo ver neste vídeo tocando o órgano:
![]() |
Manolo Bello, segundo pola esquerda, con "Los Españoles" (Cortesía da familia Bello Freire) |
Nesa altura o pianista dos “Sky”, o que suplira a Manolo anos antes, xa empazaba a estar farto de tanto viaxe. Vivía en Madrid, tiña fillos e quería disfrutar da súa familia. Ante esta situación, contactan co músico arteixán, que recordaba que “volvín outra vez cos “Sky” e fixen uns cruceiros fantásticos por Rusia, Turquía, Yugoslavia... Nesta segunda etapa con eles estiven un ano, aproximadamente entre 1969 e 1970 e despois xa viñen para A Coruña”.
Na cidade herculina o noso homenaxeado actúa durante uns seis meses na orquestra do Hotel Finisterre, que era un quinteto denominado “Atlántida”. Permanece alí ata que o contratan primeiramente “Los Capris” de Ferrol, cos que botaría un ano, e posteriormente “Los Trovadores”, cos que tocou aproximadamente durante outro ano.
Neses primeiros anos setenta, estando con “Los Capris” Manolo Bello recorda que comprara un Haammond, aínda que antes xa tivera un bo órgano, que era americano. “Comprei un Haammond, que é o que teño aínda hoxe, e con el me independicei. Púxenme a tocar como solista en 1973, aproximadamente, no “indio”, o salón dos Porches da Marina, e alí estiven ata xuño de 1975. Nese ano tamén me contrataran uns meses no Náutico porque Franco viña pasar os veráns á Coruña e claro, había moito movemento e querían ter un organista alí porque paraban as altas esferas, pero ao final Franco non viñera porque morreu ese ano”.
Nese mesmo ano de 1975, o 31 de agosto, Manolo Bello casa con Elena Freire, coa que tería tres fillos. Trala luna de mel, o noso protagonista empeza a tocar polas noites no “Dorna”, un local que estaba en fronte a Correos no que instaurou a novidade de convidar a cantar a afeccionados e amigos: Isabel Bravo, Gonzalo Concha, Joaquín Casal, María Elena Coira, Paco Ferreiro e outros moi coñecidos.
Finalizada a etapa no “Dorna” en 1977, Manolo volve ao Hotel Finisterre, onde estivera anos atrás coa orquestra do hotel. Agora ía como solista e tocaba polas noites a partir das 22:30 h., un horario que lle permitía tocar tamén noutros lugares. “Botei alí 13 anos. O hotel era de 4 estrellas e en 1990 empezaron a facer unha reforma para convertelo en 5 estrellas. E claro, deixei de tocar alí porque tiveron que pechar, o cal me veu moi ben”.
![]() |
Manolo Bello tocando no Hotel Finisterre (Cortesía da familia Bello Freire) |
Trala etapa no Hotel Finisterre, posteriormente actuaría, con gran éxito, no restaurante “El Delfín Dorado”, que facía unhas agradables ceas amenizadas coa música e a arte do noso Manolo, un compositor que daquela xa tiña dez obras -só música- que por suposto tamén interpretaba. O seu repertorio como cantante e pianista-organista pasaba, xa daquela, de 1000 cancións!
Andando no tempo, Manolo tamén ía estar na Televisión de Galicia uns 5 anos aproximadamente. “Estiven no “SuperMartes” con Xosé Manuel Piñeiro e noutros programas, como o que tiña María José Rodríguez, e o “Ban-Ban-Club”. Tamén toquei algunha vez no programa “Galeguidade”.
![]() |
Manolo Bello na súa etapa no programa da TVG "Supermartes" (Cortesía da familia Bello Freire) |
Paralelamente, entre 1991 e 1992, Manolo Bello tamén empezou a impartir a súa docencia no Conservatorio de Música de Carballo, onde tiña de compañeiro a Marcial Figueroa, músico de Meicende do que prometemos falar no futuro. Manolo empezou dando clase 5 horas, tempo que iría ampliando co paso dos anos. “No SuperMartes gravabamos os xoves e entón eu estaba en Carballo e ía acumulando horas de clase. Chegou un momento que as tiña todas ocupadas menos un día, que o deixaba para a TVG. Quedou ese día, o xoves, que era cando se gravaba o Supermartes, pero en 1995 ou en 1996, non recordo exactamente, o programa empezouse a emitir en directo os martes. Eu tiña todo programado e as clases de Carballo non se podían cambiar, e díxenlles que non podía continuar. E así foi como abandonei a TVG. No Conservatorio de Carballo botei 18 anos, ata que me xubilei no 2009”.
Ao tempo que estaba nos programas da Televisión de Galicia e no Conservatorio carballés, Manolo Bello tamén actuaba con Tito Calviño, artista co que formara un dúo para tocar en vodas e actos como as diferentes xornadas gastronómicas que se realizaban naquela época no restaurante Casa Elías de Buño (Malpica).
![]() |
Tito Calviño e Manolo Bello no 2018 (Cortesía da familia Bello Freire) |
O noso protagonista tamén foi un dos dez integrantes de “Amigos del acordeón”, unha banda só de acordeóns coa que tocou durante varios anos. Desde hai moito tempo Manolo compón as súas propias obras musicais, moitas delas compartidas con amigos e xente coñecida a través dun disco que gravou hai uns anos. Unha destas cancións da súa autoría é a que compuxo en honor da cidade da Coruña, que está gravada pola Banda Municipal de Carballo, unha banda carballesa que toca esta canción en diversas ocasións. Outros dos seus temas, “Falado” e “Para nós”, están gravados pola Big Band de Carballo.
Manolo Bello Souto, músico arteixán de excepción, abofé!
Ningún comentario:
Publicar un comentario