mércores, 21 de decembro de 2022

domingo, 11 de decembro de 2022

O TÍO CHE MAÑANA E AS ORTIGAS DE SOUTO

  En Souto, lugar que pertence ás parroquias de Morás (Arteixo) e de Orro (Culleredo), pasei momentos moi doces na casa de meus padriños Francisco e Carmen. Cada verán da miña infancia, falo dos últimos anos 70 e primeiros 80, botaba uns días alí con eles. Desa época recordo con ledicia as enchentes de cereixas que me daba nas pólas da cerdeira centenaria, que estaba ao carón do garaxe onde Francisco gardaba o seu Renault 4; a abundancia de troitas que había nos regatos do lugar, os mesmos que verten o seu caudal no río Seixedo; os paseos no remolque do tractor camiño da leira na que se apañaban as patacas; as actuacións enriba dese mesmo remolque que, despois de baleirar as colleitas ou a herba para o gando, convertíase no palco no que xogaba a ser artista coas miñas curmás María e Ana; as viaxes interminables enriba da alfombra voadora que, na realidade, era a grade de madeira, o instrumento con dentes na parte interior co que meus padriños achaiaban a terra e desfacían os terróns despois de labrada; dárlle de comer (e mesmo confesarlle algún secreto) a algunha das catro ou cinco vacas que tiñan na corte; os agochos nas leiras de millo; os xogos no hórreo, lugar máxico de entrada a outra dimensión; e un longo etcétera co que poderiamos botar falando ata mañán.

Panorámica da aldea de Souto. En primeiro plano, a casa nova e o hórreo de meus padriños.

   Meus padriños vivían en Souto coas súas fillas María e Ana (lévanse sete anos unha á outra) e co tío Che e a tía Manuela, os pais de Carmen, que para min eran case case coma meus avós. Manuela, muller de trato doce e agarimoso, non había día que non tivera un detalle comigo. Enloitada, co seu pano na cabeza e as súas lentes de cor indescifrable, recórdoa sacando do peto da súa chaqueta catro ou cinco Sugus, aqueles caramelos mastigables que me sabían a gloria bendita. Ou mesmo algún que outro billete de 100 pesetas, un verdadeiro luxo que “investía” nos paquetes de cromos que compraba na libraría que tiñan en Arteixo Amalucha e Carmen Varela, irmás de miña tía Celia. Un sol de muller a tía Manuela, abofé!

 

Foto tomada en Souto na casa nova de meus padriños na comuñón de miña curmá María. Na imaxe, á dereita María, aparece María, curmá de ambos, e á esquerda o autor desta crónica. Detrás de María seu pai Francisco (con Ana no colo), María, Rosa e súa nai Carmen, miña madriña. Detrás de Carmen aparece seu pai, o tío Che, e a dereita deste meu avó Milio e a continuación a tía Manuela (con gafas), a tía Esther con Pedrito no colo e miña avoa Carme. Ao fondo da imaxe, meus tíos Celia (de gafas) e Chucho, e meu curmán Juan.

  Do tío Che, home de gran sabedoría, recordo especialmente as súas bromas retranqueiras. Nunha ocasión díxonos a María e a un servidor:

  -Vide comigo que imos a unha viaxe!

  A min iso soábame a toda unha aventura. A onde nos levaría o tío Che? Mi madriña, vaia viaxe! Saímos andando de Souto, subimos polas corredoiras do monte da Agra da Vila, que uns anos máis tarde quedaría fendido pola autovía A-6, e aos quince ou vinte minutos xa non podía máis! Estaba totalmente derreado!

   -Señor Che, falta moito?

   -Non, non. Xa estamos chegando!

   Penso que iso foi no 77 ou no 78, polo que María e quen escribe tiñamos 7 ou 8 anos. Continuamos andando por un camiño que se me facía eterno. Atravesamos Barcias e os regos de Silvameán e de Canzobre. Só nos faltaba subir o Everest, pensaba aquel mexericas!

   -Señor Che, falta moito?

   -Non, non. Xa estamos chegando!

    Pasamos polo monte de Marciñade e por fin chegamos a Morás, o destino final da “viaxe”, onde o tío Che negociou durante algúns minutos ao carón do lavadoiro cun paisano pola venda dunha vaca. Despois da transacción gandeira tocaba facer o camiño de volta no que o pai de miña madriña Carmen, con menos presa que no de ida, bromeou con nós canto quixo. Nunca tanto andivera na miña vida! Nos días posteriores o tío Che preguntaba con retranca:

   -E que? Queredes vir comigo a unha viaxe?

   -Non, non, tío Che! Quedamos aquí xogando!

 

Comuñón de miña curmá Ana, que é a nena que aparece xusto no centro da fila inferior. Arriba, de traxe e gravata, o tío Che. Á súa esquerda, meu curmán Juan, Carmen e Francisco (meus padriños) e o tío Pedro (de bigote). Segundo pola esquerda da fila superior, o autor desta crónica. Diante miña, miña curmá María, e a súa dereita Pedrito, curmán de ambos.

   José Mañana Zas, o tío Che, faleceu en decembro de 1988 aos 71 anos de idade. Manuela Mañana Rumbo, a tía Manuela, finou en agosto de 1995, aos 79 anos. Sígoos tendo moi presentes na miña memoria polo afecto e agarimo co que sempre me trataron. A súa filla Carmen, miña madriña, xa hai anos que está xubilada, o mesmo que o seu marido Francisco, meu padriño. Certos problemas de saúde leváranos a abandonar o seu querido Souto, lugar no que vivían dende que casaran en 1969, para establecer o seu novo domicilio nun piso da vila de Arteixo, no cal residen dende hai xa bastante tempo. Visítoos de cando en vez, visitas nas que sempre acabamos falando do divino e do humano e, por suposto, dos tempos de antano. Nunha ocasión, no outuno de 2022, Carmen e Francisco recordaron algúns dos remedios que se facían nas súas respectivas casas para curar certas enfermidades cando eran nenos.

 

Casamento de meus padriños. De esquerda a dereita Teresa e Manolo, meus tíos de Oseiro; o avó Milio; meus padriños Francisco e Carmen; os tíos Pedro e Esther, que non tardarían en emigrar a Inglaterra; e Celia e Chucho, tíos tamén do autor.

   Meu padriño dixo que na súa casa do Rañal, a mesma na que reside actualmente o que escribe coa súa familia, súa nai Carme, Carme do Médico, “poñíanos follas de cecimbre nas feridas e curaban moi ben”.

   Pola súa banda Carmen recordaba que “en Souto, cando había algunha ferida, utilizaban moito a celidonia (tamén coñecida como herba das espullas ou herba leiteira). Esta planta bota un líquido branco coma unha especie de leite, e este leite curaba moi ben as feridas”.

   Miña madriña non se esquece dos remedios que a xente de Souto facía coas ortigas. “Papá, non facía remedios coas follas das ortigas. El utilizaba as raíces destas plantas cando estaba mal ou cando o pillaba o frío ou notaba que lle quería vir unha gripe e tiña algo de febre. Daquela, nalgún destes casos, collía unha aixada e ía a detrás da ventá da casa vella e, ao pouco, viña de volta cun brazado de raíces de ortigas. Sacudíalles ben a terra e despois deixaba as raíces nunha pía de pedra que había ao carón do pozo. Quitaba un balde de auga e botábaa na pía. Logo sacudía unha e outra vez as raíces das ortigas para que non lles quedara ningunha terra. Pasáballes augas e augas, e cando estaban ben limpas, deixábaas escorrendo uns minutos. Despois metíaas nunha pota con auga e poñía as raíces a cocer. E logo bebía a pracer esa auga. Papá dicía que ese líquido chupaba a sangue mala”.

    Da ortiga pódese escribir un libro enteiro. Os romanos seica se fustrigaban con ramos de ortiga antes de ter relacións coas concubinas, e xa se menciona en tratados medievais como remedio para promover a orina. Ademais de ácido fórmico, contén sales minerais (ferro, silíceo, calcio, fósforo e magnesio), contén vitaminas como a Vitamina A, C, e K, abundante clorofila, prótidos ricos en lisina, un aminoácido moi importante que intervén na absorción do calcio, taninos… 

 

Imaxe dunha ortigueira do lugar de Souto

   Na pel, en uso tópico, é unha eficaz planta adstrinxente, hemostática (corta hemorraxias), purificante e polo seu contido en proteínas e aminoácidos é tamén hidratante e suavizante. Emprégase no tratamento de úlceras, feridas superficiais, dermatite seborreica, erupcións, acne, e no cabelo controla a caspa e a graxa. Seguramente vistes xampús feitos con extractos de ortiga. Polo seu contido en clorofila ten efecto desodorante, mais neste caso seica é mellor tomala a nivel interno, en forma de infusións ou como ingrediente dos depurativos batidos verdes.

    Moitos dos nosos devanceiros, entre eles o tío Che Mañana e outros veciños de Souto, eran sabedores destas propiedades medicinais das ortigas. Mais tamén o eran médicos coma D. José Carballo Astray, nado no municipio de Zas en 1887 que foi médico municipal de Arteixo durante 35 anos, entre 1921 e 1956. Sobre este doutor miña madriña Carmen quixo recordar unha simpática anécdota acontecida en Souto.

 

Imaxe do médico D. José Carballo Astray

Mamá dicía que, polo que lle contaba a señora Sinda de Amaro, na eira deles, na eira dos de Amaro, sempre había moitas ortigas e ao parecer cando viña á súa casa Carballo, o médico que había naquela hora en Arteixo, seica lle daba co seu bastón ás ortigas e dicíalle ás plantas:

-Vós, condenadas... vós sodes as que me quitades a metade da miña ganancia."

  Rematamos a crónica con este cantar das ortigas, composto para a ocasión:

 

CANTAR DAS ORTIGAS


Chámanche estrugas

ou herba dos cegos,

Urtica Dioica os íntimos

e os amigos ortigas. 

 

Ilustre planta silvestre das leiras,

boa na agricultura e nos remedios.

Mais... con algúns vellos prexuizos,

sen merecelo, dínche... malas herbas!

(Xabier Maceiras, 2022)


 

FONTES:

-Blanco Rey, Manuel (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil. Tomo I. Autoedición.

-Sánchez Ávila, Trinidad de los Ángeles (2014): Etnobotánica. La relación del ser humano con las plantas. La ortiga verde, planta que pica y cura http://www.etnobotanica.net/la-ortiga-verde-planta-que-pica-y-cura/

 


domingo, 27 de novembro de 2022

'PASTORIZA NA LEMBRANZA'

Como diría un bo amigo meu… e de remate, que a festa continúe!

O acontecido onte en Pastoriza, coa presentación do documental “Pastoriza na lembranza”, foi algo inesquecible, abofé. Aínda nos arde o peito de tanta emoción! Fran Naveira e un servidor estaremos eternamente agradecidos á Asociación O Grilo e a todas as persoas que, dun xeito ou doutro, fixestes posible este soño, o soño de manter viva a memoria dun pobo!

 

Presentación do documental 'Pastoriza na lembranza'

O proxecto nacía a mediados de 2020, cando o realizador arteixán Fran Naveira e quen escribe xa levabamos certo tempo gravando aos protagonistas de “Campanal de Loureda. Paixón por un sentimento”, proxecto irmán que estreamos no lugar da Queira (no campo do Cubano) en xuño deste 2022.

Mundi Neira, presidente da Asociación O Grilo, propúxonos a realización do documental, coa idea inicial de tratar tres ou catro temas (patrimonio, educación, deportes, festas…) e de recompilar unha serie de fotografías antigas e de cintas en VHS e Super 8 que algúns veciños lle cederan á asociación. Sempre coa idea na mente de aportar o noso gran de area na recuperación da memoria, naquela primeira xuntanza démoslle luz verde a Mundi e ao Grilo e, ao pouco, tamén se sumou ao equipo de traballo César Díaz.

Tras barallar varios títulos para o proxecto, as gravacións de "Pastoriza na lembranza" comezaban o 2 de outubro de 2020, día no que entrevistamos a Ramón Carro e a Aurelio Corral. Despois, ao longo dos meses seguintes, faríamos o propio con Franki Lafuente, Carmen Vázquez, Maruja Aldao, Ana Mosquera, Geluca Naya, Eulogio Gestal, José Luís Sande 'Patolo' e Maruja Zas… dez persoas que nos atenderon coa maior das amabilidades e que nos permitiron pasear pola súa memoria e polos seus recordos de Pastoriza.

Rematadas as entrevistas, había que construir un guión para tratar de dárlle xeito ás informacións e anécdotas contadas polas persoas entrevistadas. Unha tarefa ardua e nada sinxela, polas diferentes temáticas e épocas nas que os protagonistas do documental pasaron a súa infancia e xuventude. Apuntamos que a maior destas dez persoas, Maruja Aldao, naceu en 1930 e a máis nova, Franki Lafuente, en 1961.

A medida que Fran Naveira e un servidor construiamos o guión e empezabamos a editar, en Pastoriza xurdía a idea de que o proxecto tiña que ter o seu propio tema musical. Foi aí cando apareceu en acción a mente privelexiada do poeta Pablo Mariño, quen, co seu enorme talento, compuxo “Isto é Pastoriza”:

 

Abrín os meus ollo, no Moucho á alborada,

a Vieira á Maceira, cos raios do sol retaba.

Subín a Avenida, Rexidoiro, Pedra Grande,

no Barrionovo un Lagarto, tal Canteira de grande!

 
 

Albisquei a Campanilla, camiño do Forno,

Cheguei ó Igrexario, na Fonte, un bo grolo!

Escaleiras arriba. A Pedra dos Cadrís,

a Moura tumbada, o Berce que sorrí.


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Ben alto, no outeiro, O castro impoñente,

Reckiario na cadeira, cuida da súa xente.

A Batería de Monticaño, a Antena e os Piñeiros,

saúdan a Candás, verxel dos labregos.

No Quinto Pino os de Mesoiro, polo Coto as da Coruña,

pola Regha as de Rañobre, e os de Suevos que rabuñan.

De Oseiro e de Arteixo entran pola Choupana,

pola Furoca os de Elviña, a Pastoriza con ganas!


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Vide por unha variña, vide polas castañas,

á Feira da Madeira a mercar unha gadaña.

San Migueliño querido, Porlier está contento.

En Vilariza outra vez volve haber Levantamento!


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.


Que veñan xentiñas, da cidade e das aldeas,

que veñan a Pastoriza, hai cariño a moreas!

Señoras e señores, mozos e mociñas,

cativas e cativos, isto é Pastoriza.

 

O tema composto por Pablo Mariño non tardou en gravarse nos Estudios Visue de Suevos con Nacho Varela aos mandos, primeiramente cunha versión tradicional da man de Ana Edreira (voz e pandeireta) e de Víctor Iglesias (acordeón), unha versión que podedes ver aquí:

 

Semanas máis tarde íase gravar outra versión máis rockeira a cargo de Franki Lafuente, Iván Pardo, Guillermo Pardo, Manuel Martínez e Adrián Pereiro, todos veciños de Pastoriza. Non nos esquecemos do coro formado por máis dunha vintena de persoas que, dirixidos por Víctor Iglesias, cantaron no adro do santuario o retrouso de “Isto é Pastoriza” que acompaña a versión tradicional.

Mentres tanto, Fran i eu seguiamos co audiovisual, que finalmente, despois de moitas moitas horas de traballo, decidimos estructurar non nas tres ou catro temáticas programadas inicialmente, senón nun total de once, que aparecen no documental por este orde:

-A xanela do noso faiado.

-Escolas de vida: a herdanza de dona Josefina.

-O tempo de lecer.

-Contos da emigración

-A Casa Lola e o Mesón de Pastoriza.

-A Batería de Monticaño.

-Historias do noso patrimonio.

-Os equipos de fútbol.

-A Feira da Madeira.

-O Salón da Roxa.

-As Festas do San Miguel.

 

Unha vez rematado o traballo só quedaba presentalo. E así foi como chegamos ao día de onte, sábado 26 de novembro de 2022, o día da estrea de “Pastoriza na lembranza”, día inesquecible, abofé!

 

Grazas por todo Pastoriza!

domingo, 13 de novembro de 2022

OS SALÓNS DE BAILE DE MANOLO 'DE EVA'. A SALA DE FESTAS EVA (2ª PARTE)

  Pódese dicir que ata os primeiros anos 60 Arteixo viviu case que exclusivamente do agro. Naquel entón só se lembraban desta vila algunhas persoas cando querían aliviar as dores de reuma no Balneario. A cousa cambiou coa construción das primeiras fábricas do Polígono Industrial de Sabón, que ía significar un gran desenvolvemento económico para Arteixo, planeándose nos seus terreos grandes proxectos empresariais que hoxe son coñecidos como primeiras marcas mundiais.

  A chegada da industria foi o motivo polo que moita xente, especialmente moza, se trasladou naquela época á capital municipal, unha vila que estaba mudando a súa fisionomía vertixinosamente. Aquelas circunstancias sociais do “novo” Arteixo pedían a berros unha iniciativa como a que tivo Manolo 'de Eva', precursor da movida da bisbarra que a principios de 1968 inaugurou unha sala que decide bautizar co nome de súa nai: Sala de Festas Eva. Atrás quedaban os tempos dos antigos salóns de baile do 'Veigheiro' e de Pardo, que o noso protagonista viña rexentando dende os anos corenta.

 

Mozos e mozas de Arteixo na sala Eva nos anos 70 (Cortesía de Luís Souto)

    A Sala de Festas Eva non tardou en converterse na referencia da fin de semana para a xuventude do municipio, da Coruña ou mesmo da Laracha, onde xa levaba algún tempo funcionando a Sala Pazos, que aínda non gozaba do éxito que tería co paso do tempo. Precisamente Manolo Pazos, fundador desta sala, recordaba que “naquel tempo Manolo 'de Eva' tiña unha sala mellor ca miña. Manolo soubera adiantarse aos tempos. A sala de Arteixo estaba moi ben”.

 

Publicidade da época

   Cando se inaugurou en 1968, a Sala de Festas Eva era máis pequena de como a recordades ultimamente, coa entrada na rúa Ferrol. Alí traballaban unha ducia de persoas, entre elas Manolo 'de Eva', a súa muller Carme 'da Caracola' e Remedios, a filla do matrimonio, que casara en 1967 co barbeiro José Ramón Campos, unha especie de wikipedia de Arteixo que tivo a ben recordar aqueles tempos con quen escribe. “Á parte de meus sogros, a miña muller e eu, tamén traballaba unha curmá de Remedios e o seu home. Na barra había catro ou cinco camareiros, e outros dous ou tres servindo por toda a sala. Un dos camareiros era Fajardo, que era directivo do Ciudad Jardín, o equipo de fútbol da Coruña. En total eramos doce ou catorce persoas, sumando tamén a do roupeiro. Os días dos bailes, que eran os domingos de 4 a 8 da tarde, polo Antroido, ano novo e outros días sinalados, eu dedicábame principalmente a controlar á xente para que non houbera follóns… que algún tamén houbo, eh! Pola semana íamos no meu Seat 850 repartir polas parroquias os carteis das actuacións para que a xuventude soubera que había tal ou cal orquestra ou artista. Pola sala pasaron as mellores orquestras galegas, e algúns dos mellores grupos e cantantes españoles da época, entre eles Camilo Sesto.”

 

Imaxe do ano 2016 da Sala de Festas Eva

   Efectivamente, nesa primeira etapa da Sala de Festas Eva, Camilo Sesto actuara alí en abril de 1972. José Ramón Campos recordaba que “para entrar pola sala mandou moito carallo porque non lle quedou outra que acceder pola porta do público e ollo, o palco estaba no outro lado, ao fondo do local! Xa te podes imaxinar a situación e o acoso das fans.”

    Segundo nos contaron algunhas persoas presentes naquela lendaria actuación, o éxito fora rotundo, e ben mereceu as cen mil pesetas do caché. As fans contemplaban ao artista en éxtase. Coa súa voz, o seu físico e os seus axustadísimos pantalóns, algunhas daquelas mozas seica lle berraban…

   -Camilo, queremos un hijo tuyo!

 

La Voz de Galicia, 23 de abril de 1972

    A actuación de Camilo Sesto daríalle certo pulo á sala de festas, e así foi como despois virían os Diablos, Fórmula V, Pekenikes, Juan Camacho, María Jesús y su acordeón e o propio Julio Iglesias, que malia non chegar a actuar, si tiña o contrato asinado.

    Era tal o éxito da Eva que, sete anos despois de abrir, en 1975, houbo que ampliar as instalacións. Naquela altura José Ramón Campos e Remedios Díaz, xa eran pais dos seus dous fillos, cativos aos que a parella decidira bautizar (non podía ser doutro xeito) cos nomes de Eva, na honra da nai de Manolo, e Manuel, coma o avó materno. Co paso dos anos, Manuel íase converter no prezado e admirado artista arteixán Manuel de Eva.

  A xente de Arteixo e arredores tiña ben claro que facer na tarde-noite dos domingos. Sorprende o feito de que o maior abarrote da nova sala fose provocado por un conxunto da terriña. Unhas 1.400 persoas déronse cita na Eva para ver a un dos mellores grupos galegos de todos os tempos: Os Tamara do gran Pucho Boedo. José Ramón Campos contounos que “Pucho xa tocara de moi noviño en pantalón curto na primeira época que meu sogro rexentara o salón de Pardo. Eran moi bos amigos. Cando Os Tamara viñan tocar a Arteixo, Puchiño sempre lle traía uns garrafóns de caña a Manolo 'de Eva'. Recordo que andaba co pelo largo. En 1958 aínda non había esa moda e coidado… el xa ía coa súa media melena tapándolle as orellas. Nacera adiantado aos seus tempos. Cando veu á nosa sala cos Tamara xa fixéramos a ampliación do local. Eso creo que foi en 1975. Nunca tanta xente houbo na Eva. Non se collía nin abaixo, na zona de baile, nin arriba, que, despois da reforma, era onde estaban as mesas, as sillas e a barra. Non se podía andar dun lado ao outro. Alí non collía unha mosca.

 

   Aqueles marabillosos anos da sala da Eva… aquela música dos Tamara:

"...cando a luíña aparece

e o sol nos mares se esconde

todo é silencio nos campos,

todo na ribeira dorme..."

    Nos bos tempos da sala de festas da que estamos a falar, era común que actuasen alí os Satélites, os Españoles, Sintonía de Vigo, os Key, os Trovadores ou os Players, que por aí adiante estaban consideradas unhas excepcionais orquestras. Mais non todo era música ou baile. Moitísimos matrimonios téñense fraguado nesta sala, parellas que hoxe superan os 60 anos e que ían á Eva a bailar, ou a mocear, ao tempo que bebían os seus primeiros cubalibres. Mais tamén había quen armaba lea cada domingo. José Ramón Campos recorda que “nunha ocasión houbera un follón moi grande fóra da sala, ao acabar o baile. Aquilo fora unha verdadeira batalla campal. Aquel día actuaran Os Satélites e, cando estaban cargando o equipo e os intrumentos na furgoneta, uns trinta mozos empezaron a estacazos contra outros trinta. Daquela non había os edificios que hai hoxe, claro. E andaban polo medio das leiras con paus das obras! O follón chegara ata o bar de Dionisio, que estaba ao carón do cine. Un dos grupos era unha banda da Coruña que se chamaban os 'Diablos Rojos'. Eran terribles. Algún dos mozos desa banda acabou casando en Arteixo”.

 

Os Satélites en Arteixo. O primeiro da esquerda é un espectador, seguíndolle a el están Baldomero, Sito Sedes e Doval; seguindo esa liña: Fixoi e Narciso Pillo. Na fila dianteira: Virginio, Béjar, Louzán, Serafín, un pianista de Ferrol, logo Luís "Fixoi" e "Tonecho" (Foto do libro "Orquestras populares das Mariñas")

    Morre Franco e chega a democracia tras 40 anos de ditadura franquista. En Arteixo, que seguía medrando vertixinosamente, Ernesto Pampín é nomeado Alcalde como resultado das primeiras eleccións municipais democráticas celebradas en abril de 1979. Pampín ía permanecer no cargo ata setembro de 1982 que, curiosamente, foi cando Manolo 'de Eva' dixo:

-Os anos non pasan en balde. Ata aquí chegamos!

Camiño dos 72 anos, o que fora precursor da movida da bisbarra xa non tiña, obviamente, a enerxía de antano para seguir á fronte do negocio. Unha sala que lle alugou a dous socios que a mantiveron aberta durante catro ou cinco meses, ata finais de 1982, que foi cando pechou definitivamente a Eva.

Manolo Díaz, máis coñecido como Manolo 'de Eva', finou o 19 de xullo de 2006, aos 95 anos de idade. A súa sala, na que actuaran os mellores artistas da época e na que tantos matrimonios de Arteixo se fraguaran, foi derrubada en xuño de 2021.

 

Imaxe actual  do lugar no que estaba a Sala de Festas Eva

FONTES:

CUNS LOUSA, XULIO & VEIGA FERREIRA, XOSÉ M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas; Betanzos: Concello de Betanzos.

IGLESIAS GARCÍA, VÍCTOR (2017): A sala de festa Eva, relato publicado no libro Crónicas de Arteixo, Xabier Maceiras, Edicións Embora, Ferrol.

sábado, 5 de novembro de 2022

OS SALÓNS DE BAILE DE MANOLO 'DE EVA' (1ª PARTE)

  O protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana (e da seguinte) é para Manuel Díaz, máis coñecido como Manolo 'de Eva', un visionario do Arteixo de antano, do Arteixo dos nosos avós e bisavós, que rexentou, naquela época, varios salóns de baile na capital municipal e unha pista na parroquia de Barrañán antes de inaugurar, a finais da década dos sesenta, a popular Sala de Festas Eva. Esta é a súa historia.

   Manolo nace na Baiuca o 26 de marzo de 1911. Era fillo de Eva Díaz (de aí o nome de Manolo 'de Eva'), unha muller solteira que facía a limpeza no antigo cuartel da Garda Civil. O rapaz medra naquela Baiuca na que a Sociedad de Recreo y Expansión "El Alba", fundada en 1924, era o motor cultural da vila do Bolaños, organizando numerosos eventos deportivo-culturais como algún dos primeiros partidos de fútbol disputados en Arteixo nos que xogou o propio Manolo 'de Eva'. No local desta sociedade, establecido no antigo Café Berán nun edificido que aínda está hoxe en pé, tamén se organizaban representacións teatrais que eran acompañadas musicalmente polo piano que, con gran pericia musical tocaba Manuel Fernández Llamazares, o farmacéutico da localidade nesa altura. No local de “El Alba” tamén se organizaban bailes nos que, con certeza, o noso protagonista foi cavilando no seu maxín a posibilidade de montar o seu propio salón de baile.

    Manolo 'de Eva' casa en febreiro de 1936 con Carmen Muñíz, unha moza de Oseiro nada en 1913 coñecida polo alcume de Carme 'da Caracola'. Uns meses despois do casamento, chaman a filas a Manolo quen, unha vez rematada a Guerra Civil empeza a organizar bailes na Ponte do Ba con Román Suárez, Román 'de Rita', o pai de 'Manín.' Seica o lugar onde estaba o baile era nun edificio que había pola zona que actualmente divide a Avenida de Culleredo coa Travesía de Arteixo.

    Neste local Manolo e Román botarían un ano, ata que en 1940 empezaron a facer baile na eira dos de Moreiras. O terreo formaba parte da casa na que uns anos máis tarde ía nacer o prezado Julio Mancebo, quen recordaba que “a nosa casa tiña baixo no que había unha tenda e a vivenda do meu tío Chucho, a súa muller Maruja e os seus fillos Gonzalo, Marcial e Isabelita. Nos primeiros anos da década dos cincuenta emigran a Arxentina. No piso de arriba viviamos nós: meu pai Julio, miña nai María, meus irmáns M.ª Elisa (que andando no tempo montaría no baixo desta casa a primeira mercería da Baiuca) e José María e a nosa avoa Pepita. Cando os meus tíos marcharon ocupamos o resto da casa e desapareceu a tenda. A casa tiña un patio longo e unha horta con bastante froita”. Precisamente, nese patio era onde Manolo e Román fixeron baile durante varios meses.

    Nese mesmo ano de 1940, Manolo 'de Eva' asociase con Estrella 'de Pardo', filla de Manuel Pardo e de Esclavitud Rey, os propietarios do salón de baile que xa levaba certo tempo funcionando na Baiuca, o coñecido como Salón de Pardo. Este local estaba na zona que actualmente ocupa a rúa Alcalde Francisco Mosquera e a Travesía de Arteixo, preto do concello. A sociedade entre Manolo 'de Eva' e Estrella 'de Pardo' ía durar ata 1944.

    Nesa época, na vila de Arteixo había outro salón que facía bos bailes. Falamos do Salón do 'Veigheiro', que estaba na Carretera Nova, na actual Avenida de Fisterra aproximadamente á altura do que hoxe é a Panadería Gestal. 'O Veigheiro' tiña, nuns edificios contiguos, taberna, panadería e salón, un local de baile que lle aluga a Manolo 'de Eva' en 1944.

    O noso homenaxeado traballaba na fábrica de armas da Coruña, mais íase retirar moi xove por mor dunha operación de estómago. Foi aí cando decidiu adicarse plenamente a organizar bailes para facer uns patacóns e alegrarlle un chisco a vida, naquela época escura, á xuventude da posguerra. A súa muller, Carme 'da Caracola', levaba e vendía moletes de pan na Coruña. O matrimonio tiña tres fillas: Carmiña, Manola e Remedios. As dúas primeiras morreron sendo nenas.

    Os bailes do salón facíanse no inverno traendo unha orquestra cada domingo. Cantas orquestras contratou Manolo! E moitas veces pedindo cartos prestados para pagarlle aos músicos! Cantos carteis pegou nas tendas para anunciar os bailes!

    Nos veráns Manolo 'de Eva' pechaba o Salón do 'Veigheiro' porque, na vila de Arteixo, había bailes na pista do Balneario e nas verbenas das festas patronais. Mais non vaiades a pensar que botaba todo ese tempo sen organizar algún baile. Non, non. Nesa época da que estamos a falar, a mediados dos corenta, durante os tres meses de verán Manolo facía baile en Barrañán, nunha pista ao aire libre situada nun recinto amurallado que estaba ao carón do actual hotel.

    Manolo botou así unha década, explotando no inverno o Salón do 'Veigheiro', onde aínda hai quen recorda actuar alí a Finita Gay, a popular 'Martela', e nos veráns a pista de Barrañán.

    En 1954, volve a coller o Salón de Pardo, ao que denomina Salón Moderno. José Ramón Campos, nado en Arteixo en 1944 e co paso dos anos xenro de Manolo 'de Eva', recorda que cando o seu futuro sogro levaba o salón de Pardo... “os bailes eran os domingos de 8 a 12. A entrada custaba unhas 10 pesetas, máis ou menos. Manolo era o que as vendía na taquilla. A súa muller Carme estaba controlando na porta do salón, que era de planta baixa e o lugar onde se bailaba. Arredor da pista, que tiña unha columna no medio, había uns bancos de madeira largos arrimados á parede. As vellas subíanse a eles para saber quen bailaba con quen e facer a crónica social. Por fora, na parte dereita da fachada do edificio, había unhas escaleiras que levaban á terraza. Cando facía bo tempo, tamén se bailaba alí”.

    Na época na que Manolo 'de Eva' levou a xerencia do salón de Pardo, por este local pasaron orquestras como a Finisterre, Os Satélites, Pucho Boedo e Os Trovadores, a Spallant, a orquestra dos irmáns Mallo de Feáns e mesmo 'El Niño de Soandres'. Segundo nos contou José Ramón Campos, seica ás veces os animadores das orquestras animaban a Manolo para que subira ao palco a cantar o tema 'Siboney', a canción cubana composta en 1929 por Ernesto Lecuona que serviu como inspiración para a longametraxe mexicano-cubana de título homónimo. Siboney, rodada en 1938, foi dirixida por Juan Orol e protagonizada por María Antonieta Pons.

 

Imaxe dos primeiros anos 60 na que vemos a Manolo 'de Eva' - de bufanda- no palco do salón de Pardo da Baiuca con varios integrantes da 'Orquesta Finisterre' (Cortesía da familia Campos Díaz)

Siboney...
Yo te quiero, yo me muero
por tu amor.

Siboney…
En tu boca
la miel puso su dulzor.

Ven a mí,
que te quiero
y que todo tesoro,
eres tú para mí.

Siboney...
al arrullo de las palmas,
pienso en ti.

Siboney de mis sueños
si no oyes la queja de mi voz.
Siboney, si no vienes
me moriré de amor.

Siboney de mis sueños
te espero con ansia en mi caney.
Porque tú eres dueño
de mi amor, Siboney.

Oye el eco
de mi canto de cristal.
No se pierda por entre el rudo
manigual.

   Manolo 'de Eva' non o facía nada mal, mais había quen lle asubiaba. El tomábao con humor e dicíalles polo altofalante:

   -Cuadra!

   Outro dos temas exitosos que se cantaban na de Pardo por aqueles días era “Mi caballo”, canción coa que os nosos avós, desbordados polas emocións, provocaron algunha que outra avalancha de xente que, segundo testemuños dos alí presentes, mesmo parecía que abaneaban os penoucos do Monte da Penouqueira, situado en fronte do salón.

Imaxe dos anos 50-60 do salón de Pardo (Cortesía de Maribel Otero)

   E así, despois de rexentar o salón de Pardo por segunda vez durante catoce anos, chegamos ata finais da década do 60, que foi cando Manolo 'de Eva' deixou o devandito salón para abrir o seu propio local, a Sala de Festas Eva, da cal falaremos máis polo miúdo na vindeira semana.

(CONTINUARÁ….)