VOLFRAMIO

FRANCO E OS NAZIS

     O volframio é, de todos os metais, o mineral que ten o punto de fusión máis elevado: 3400º C, punto de fusión que xunto as súas excelentes propiedades mecánicas, convérteno nun dos materiais máis apreciados para a industria. Na actualidade utilízase para a fabricación dos filamentos das lámpadas, nas ferramentas de corte, nas puntas dos bolígrafos, nas pracas en tubos dos raios X, nos arames dos fornos eléctricos ou, entre outras cousas, na fabricación das buxías de encendido.

     Mais na Segunda Guerra Mundial non tiña uns usos tan inocentes xa que os alemáns, sabedores da súa extraordinaria dureza, aproveitárono para reforzar e endurecer a blindaxe dos seus carros de combate, Tiger e Panzer, e para fortalecer a capacidade destructiva dos seus proxectís. O mineral era imprescindíbel para nutrir a súa maquinaria bélica, unha maquinaria que o III Reich fortalecía co volframio da maior reserva mundial, localizada na China. No encanto, a guerra entre o país da gran muralla e o Xapón, iniciada en 1937, impediu o acceso desta reserva ao aparato nazi, polo que a Alemaña, que non tiña minas deste mineral no seu territorio, necesitaba outra fonte de aprovisionamento deste material estratéxico, e encontrouno no noroeste peninsular, único lugar na Europa onde era posíbel conseguir volframio en cantidades significativas para as necesidades alemás.
     A Galiza veu a ser deste xeito, un territorio fundamental e sumamente importante (dende o punto de vista xeoestratéxico) para Hitler, xa que á parte do subministro de materias primas decisivas para a capacidade militar do nazismo, a nosa liña de costa e as redes de espionaxe alemás e contraespionaxe británicas, que se estabeleceron nas principais cidades galegas, fixeron que o noso país estivese moi presente en todas as chancelerías nazis.

     O feito de que Franco tivese que afrontar unha gran débeda, por causa do apoio alemán na Guerra Civil, propiciou que Hitler contase con todas as facilidades para a extracción do mineral en chan galego.

     Para a exploración do volframio, os nazis crearon en España a Sociedade Financieira e Industrial Sofindus, un consorcio con testaferros franquistas que chegou a administrar unhas 350 empresas no estado español. O consorcio, alén do mineral, controlaba bancos, compañías navais, industrias e aseguradoras e, aínda servía para a coordenación da espionaxe. O seu presidente, Johannes Bernhardt (que ao rematar a Guerra Civil presumía ante os seus amigos de recibir de Franco un cadro de El Greco pola súa axuda ao golpe militar), amigo íntimo do ministro Serrano Suñer e do comandante en xefe das SS, Heinrich Himmler, recebería grandes distincións do rexime franquista. Bernhardt, fora un alicerce fundamental para o bando nacional, xa que mediante a súa intermediación do, na altura protectorado de Tetúan, tiña acordado con Hitler o apoio a Franco. No territorio galego, Sofindus organizou a exploración do volframio que se extraía, principalmente en montes e minas de Ourense, Deza, Barbanza ou a Costa da Morte, con empresas "fachada" como Exploraciones Mineras Santa Tecla, en Vigo, ou Minas de Galicia, na Coruña. Igualmente, se encarregaba do transporte do mineral até a Alemaña, que se realizaba en vagóns de tren (a través da Franza ocupada) e nos máis de 50 barcos que tiña a compañía.

     A Galiza, como se dunha California se tratase, vivía, durante a Segunda Guerra Mundial, en plena "neutralidade" do franquismo, a súa febre mineira. A exploración do mineral provocaría unha mudanza profunda na mentalidade das persoas. Nun país marcado pola miseria, onde contrabandos, fielatos e racionamentos explicaban as precariedades en que se encontraba a poboación galega, o volframio posibilitou un mercado clandestino para beneficio de xente astuta, que lograba lucros extras e inclusive, en moitos casos, chegou a amasar fortunas, unhas fortunas que algúns gañaban de día e gastaban de noite. Por volta de 20.000 persoas traballaron oficialmente nas minas galegas, mais moitas outras o fixeron na clandestinidade, procurando o metal en áreas sen explorar ou durante as madrugadas, nunhas minas custodiadas pola garda civil e o exército español.
     Nesta altura, mentres o salario dun operario ficaba por volta das 20 pesetas, calquer persoa podía gañar 200 por vender un quilo de volframio. Nos primeiros anos do conflito bélico global, a extracción ilegal deste mineral subministrou unhas 15.000 toneladas, encanto a extracción controlada polo Estado serviu para vender aproximadamente a metade da cifra antedita. Este dato permite entender o impacto que representou para a economía galega a venda do volframio, tanto para os empresarios e o rexime franquista, canto para as galegas e galegos sen recursos. Só no ano 1943, o consorcio Sofindus transportou volframio á Alemaña pola astronómica cantidade de 380 millóns de pesetas da época. Segundo conta Hilda Carvalho en "Extracción de volframio en Galiza", este diñeiro foi determinante para o enriquecemento do Banco Pastor, para a creación de Unión Fenosa e para a dotación de capital para construir a madereira Finsa. Ao Banco Pastor, cos dividendos obtidos polo mineral, introducírono entre os aliados financieiros con máis poder e relacións no seo do aparato franquista. Pedro Barrié de la Maza apoderábase, no comezo da década dos cuarenta, da presidencia do banco, e unha das súas medidas relevantes consistiu na compra das minas estratéxicas de Sanfins, en Lousame, a través de Industrias Gallegas, en 1941. Un ano máis tarde e na secuencia de febre mineira, o Pastor enriquecíase aceleradamente, o que proporcionaba a solvencia suficiente á entidade para crear, en 1943, a eléctrica Unión Fenosa e, pouco despois, a introducirse en Astano.

     O rexime protexía a extracción e comercialización do "seu" volframio por consideralo "mineral de interés para la defensa nacional" e, ao mesmo tempo, Barrié íase consolidando como un dos empresarios do franquismo (anos antes fora un dos principais financieiros do bando nacional, durante a Guerra Civil). O volframio tamén ten moito que ver coa orixe da madereira Finsa. O empresario compostelano José Parga Moure obtivera, antes dos anos dourados, a maior parte das minas de Varilongo en Santa Comba, outro dos núcleos centrais de extracción do mineral, que chegou a ter empregadas a cerca de 4.000 persoas. A súa fortuna emerxeu en consecuencia destes lucros, e serviu para que se tornase nun socio capitalista determinante de Manuel García Cambón, a quen apoiou economicamente cando este se dispuxo a crear, en 1946, a hoxe multinacional madereira Finsa.
     Á parte dos que xa antes se dedicaban ao mundo empresarial, houbo moitas persoas influentes que aproveitaron a febre, do tamén chamado ouro negro, para se incorporaren aos negocios. Ese foi o caso de Jacinto Amigo Leira, aliado co médico Pedro Abelenda, quen planificara a exploración das importantes minas de Monte Neme. Conseguido o apoio do relevante Amigo Leira, por aqueles días xuíz local, optaron polo camiño máis cómodo e lucrativo: cederon en concesión a exploración a Sofindus e limitáronse a contabilizaren os réditos que encheron as súas arcas. Jacinto Amigo (coñecido como o Tío Chinto) non tardaría moito en ser alcalde de Carballo e en conseguir relacións coas altas autoridades militares, xudiciais, empresariais e diplomáticas. Ao estilo das mafias, foi o auténtico señor da vila carballesa, o que distribuía favores, procuraba apoios do franquismo para as súas finalidades e realizaba labores de filantropo na súa área de influencia. En dez anos, Carballo pasaba de ter 1.500 habitantes a 3.000 grazas a incidencia da exploración mineira sobre a súa economía.


O VOLFRAMIO EN ARTEIXO

Imaxe de Adolfo Vázquez e Xabier Maceiras no 2012
      A febre do volframio tamén chegaría até Arteixo. Durante os anos da contenda bélica mundial, a actividade mineira no noso concello, aínda que nunca chegaría a atinxir a importancia doutras zonas da Galiza, foi bastante notábel. Nestes anos, onde os nosos devanceiros sofrían as penurias da posguerra, 400 persoas traballaron directamente nas minas que aquí se exploraron, ás que hai que sumar, furtivos e contrabandistas, que tamén tiveron a súa oportunidade para facer negocio, aínda que o garda civil "Cadenas" facía todo o posíbel para impedilo (algúns familiares dos furtivos aínda se lembran da maldade e das tundas deste garda civil). Para gañaren máis, os mineiros roubaban mineral nas minas para vendelo fora e outros acudían aos montes, cos seus propios medios, para extraer o volframio que despois vendían no mercado negro. Esta práctica era coñecida como "ir á roubeta". Nunha conversa mantida cunha testemuña da época, o viciño do Rañal Adolfo Vázquez (Adolfo de Tiso)  e que daquela tiña 12 ou 13 anos, lembrábase perfectamente de cando se armacenaba no alpendre da súa casa o volframio da roubeta. Adolfo, falecido en marzo do 2015, tamén se acordaba que nos primeiros anos da década de 1940, os "facultativos mineiros" (así lles chamaban os máis vellos) mandaron remexer moitos ferrados de terra. Na procura do ouro negro, perforaban montes e leiras que posteriormente voltaban a tapar se non aparecía o mineral, provocando o enfado dos propietarios, xa que moitos deles perdían as súas colleitas. En Arteixo, fóronse descubrindo unha serie de pequenas exploracións de escaso valor, tomadas por separado, mais con importancia potencial no seu conxunto. As de maior interese, encontraríanse no Monte Barbeito. En 1940, recoñécense superficialmente os filóns e, aos poucos, principian os labores iniciais nas concesións "La Rosa", "Cor" e "Rodeo" (unhas minas que serían as maís traballadas do concello), instalando o lavadoiro de minerais e postos. Todos estes depósitos mineiros serían traballados de forma moi rudimentaria, mediante a abertura de gabias, facendo labores artesanais no interior da mina, moendo e peneirando o mineral. Os obreiros e viciños non souberon nunca a importancia que tiña para os nazis o mineral que extraían. Non imaxinaban que os tanques do Afrika Korps, que o mariscal Rommel comandaba no deserto do Exipto, estaban reforzados co volframio de Arteixo.

     En 1944, os norteamericanos ameazaban con represalias comerciais a Franco, para que España deixase de enviar volframio a Berlín. O ditador español, que xa intuía que a Alemaña ía perder a Guerra, xogando a cabalo gañador, aseguraba a Washington que non voltaría a facer fretes para Hitler. Porén, nas minas galegas continuabase a traballar duro porque o ministro do Comercio, Demetrio Carceller, organizaba envíos clandestinos nos portos de Vigo e Valarés. As ameazas dos Estados Unidos ao réxime franquista non terían o efecto esperado polo que os americanos, dado que os alemáns continuaban recibindo volframio, utilizarían dous métodos para dificultar o abastecemento do mineral galego a Hitler. O primeiro foi o embargo petrolífero a España nese mesmo ano 44 e o segundo, consistiu en comprar no mercado libre todo o volframio disponíbel, o que provocaría que o prezo se multiplicase por máis de dez. Esta operación sería unha auténtica aplicación práctica e bastante exitosa da táctica do pau e a cenoria.

     A do tamén chamado ouro negro, foi unha exploración intensa mais breve no tempo. O mineral deixaría de interesar en 1945, no final da Segunda Guerra Mundial e, aínda que voltaría a repontar coa Guerra de Corea (1951-1953), nunca o faría coa mesma intensidade que nos anos cuarenta. No conflito bélico coreano, os americanos virían a ser os compradores do mineral e os vendedores xa estaban máis estructurados. Nesa altura, o grupo asturiano Fierro foi quen liderou este novo proceso, mais cumpre lembrar que entre os anos 1939 e 1953, a Galiza atinxiu o 69% da producción de volframio en España.

Cuadrilla de mineiros no Monte Barbeito, ArteixoE
     En Arteixo, a Guerra de Corea reanima a minería da zona, polo que as exploracións do concello sofren un novo impulso. Nestes primeiros anos cincuenta, retómanse os traballos sobre os filóns do Monte Barbeito, comezando as exploracións de interior da mina, unha mina que nesa altura contaba cun cadro de persoal duns 200 obreiros e na que no interior traballaban dous turnos de oito horas, facendo un avance aproximado de 0,5 metros diarios por medio de barrenas manuais. Á parte das do Barbeito, outras concesións de interese no noso concello foron, "Caxigalmes" e "Fuente Santa" en Sobico; "Olguita" en Barrañán; "Elida" en Loureda; "Elenita" en Uxes; "La Perdida" en Morás e, "Lunes" en Vilarrodís. Tamén foron importantes, as extraccións realizadas na zona onde hoxe está o restaurante Valcovo e outras pola zona de Figueiroa, a carón das instalacións da empresa madereira Vázquez Rey S.L. No final da Guerra de Corea, as diferentes concesións existentes en Arteixo irían fechando aos poucos, morrendo así a febre do volframio.

Mineiros do volframio na Ponte do Va (Arteixo) nos anos 50.


FONTES:
-Adolfo Vázquez Veira
-"O mar de Arteixo e os seus naufraxios". Xabier Maceiras. A.C. Monte da Estrela



   UN AVIÓN NAZI EN SUEVOS

     Durante a Guerra Mundial, Galiza era un fervedoiro de espías. Todos espiaban a todos, non só os nazis, senón tamén os británicos e norteamericanos, que vixiaban a "neutralidade" do rexime franquista e as operacións dos alemáns no noso territorio, uns alemáns que demandaban a explotación intensa do volframio galego para continuaren nutrindo a súa maquinaria bélica. Mais a vantaxe militar que lles proporcionaba o uso do noso mineral sería descuberta polo bando aliado e estes comezaron a mercar de forma masiva volframio en toda a Galiza, co único obxectivo de que non fose parar a mans nazis, dado que descoñecían o proceso de elaboración que posibilitaba o aproveitamento militar. Isto daría lugar ao que algúns chamaron "a guerra do volframio", sendo a partir de aquí cando os aliados principian a vixiar a costa galega exhaustivamente para impediren que o mineral chegase a Berlín. Esta vixilancia provocaría o afundimento nas nosas augas de medio cento de submarinos nazis e o abatemento de avións das dúas faccións no noso territorio.

     O 20 de agosto de 1942, ocorría en Arteixo un destos derrubos. Un "Avro Lancaster MK1" (nº de serie R-5543) partía de St. Eval, Cornwall (sudoeste da Gran Bretaña) ás 11:00 da mañá rumbo á Galiza. O avión pertencía ao escuadrón 61 de Bombardeo da RAF, con base en Syerston, Nottingham, mais estaba destacado temporalmente no 5º grupo da "Coastal Command", que tiña a súa base en St. Eval. Pilotado polo oficial británico John Henry Harrad, de 20 anos (substituía a A.L. Searby, morto no día anterior) e con seis tripulantes máis: os oficiais canadenses Thomson Lawrie Wilson, de 22 anos, e John Emmet Madson, de 20; os sarxentos británicos Richard Henry Linton e Harold Allen, ambos de 22 anos; Vivian John Watson, sarxento australiano de 29 anos e, o tamén sarxento, Thomas Lindsay Boland, neozelandés de 26 anos, o "Lancaster" realizaba habitualmente tarefas de patrulla antisubmarina, xa que estaba asignado temporalmente ao mando costeiro da RAF.

     Nesta misión, o avión aliado procuraba ao mercante alemán "Wesserland", que tiña previsto saír do porto de Corcubión polas 16:00 horas da tarde repleto de volframio cara á Alemaña. Xa no espazo aéreo galego, á altura das Illas Sisargas, e na procura do mercante alemán, o "Lancaster" foi interceptado por dous "Junkers 88" nazis que, pilotados por V. Giessübel e por Adolf Runge, partirían pouco antes da súa base francesa (outras informacións indican que puderon saír do aeródromo lugués das Rozas). Os dous avións alemáns pertencían á Z/KÜFIGR 106, mais cando recibiron a orde de protexer ao "Wisserland" estaban de reforzo na 4/KG40, "Junkers" que cando se dirixían cara a posición do mercante, voando moi perto de Arteixo, detectaron o avión inimigo e atacárono. Á altura da praia de Seaia (Malpica), o "Lancaster" virou para defrontarse aos avións nazis, que alcanzarían ao aliado en dous motores, cola e fuselaxe. Os alemáns acabaron por abateren ao "Lancaster" que, no seu traxecto final, ía ardendo e facendo manobras para esquivar os avións do III Reich e, despois de que dous dos seus motores tivesen prendido lume, o piloto J.H. Harrad tratou de realizar unha aterraxe forzosa no lugar da Pontedona (Xornes, Ponteceso) mais, pese a que as copas dos piñeiros amortiguaron a caída, o impacto foi tan brutal que provocou o estoupido de dúas das catro bombas que levaba deixando, nun radio de 15 metros, os piñeiros talados. Os catro motores desprenderíanse e quedarían a uns 20 metros de distancia en varias direccións e, a cola do avión aparecería a uns 40 metros espetada en vertical nunha leira. Dos sete tripulantes, seis quedaron calcinados e un deles, o sarxento australiano Vivian John Watson, acabaría morrendo na aldea da Pontedona. Todos os corpos serían enterrados nun lateral do cemiterio da parroquia de Xornes porque foran rexeitados noutra igrexa e posteriormente, ao final da Guerra, serían trasladados ao cemiterio británico de Lujua (Bilbao).

     Antes de ser derrubado, o "Lancaster" aliado deixara moi danado a un dos "Junker 88", o C-6 (3E+AY) nº 3600AY, que pilotaba Adolf Runge acompañado de dous tripulantes máis: o observador Franz Müller e o encargado da radio, Fritz Streng. O avión de Runge iría perdendo altura e botando fume dende Caión ata caer finalmente en augas de Suevos, perto da zona que hoxe ocupa o Porto de Langosteira."Eu ese día estaba a brincar. Lémbrome que era á tarde, e vin dous avións que viñan da parte de Caión. Un deles botaba fume. Voaba baixo, dando a impresión que ía perdendo altura e pouco despois caía no mar diante da Becha. O outro avión continuou voando cara a parte da Coruña. Tamén lembro que nos días seguintes, foron aparecendo na praia de Alba algunhas cousas do avión", lembraba Adolfo Vazquez, daquela un cativo de 12 anos, nunha conversa mantida con el en outubro do 2010. 

     Os tres tripulantes do avión nazi caído en Suevos morrerían, recuperándose dous cadáveres. O de Müller, no mesmo día 20 de agosto no areal carballés da Arnela, e o de Adolf Runge sería recuperado polo pesqueiro "Dos Hermanas", na enseada do Orzán o día 3 de setembro.
Avión Junker-88

    















FONTES:

-Adolfo Vázquez Veira
- "O mar de Arteixo e os seus naufraxios". Xabier Maceiras. A.C. Monte da Estrela.



     

Ningún comentario:

Publicar un comentario