sábado, 24 de febreiro de 2018

ARTEIXO E O REXURDIMENTO

      O Rexurdimento foi o movemento social e intelectual co cal se iniciou, a partir da segunda metade do século XIX, unha traxectoria de recuperación cultural, política e histórica que lle proporcionou ao noso idioma a plenitude literaria perdida dende séculos atrás. Pois ben, neste Día de Rosalía que hoxe celebramos, queremos lembrar algúns dos feitos que unen ao Rexurdimento con Arteixo, un municipio que tivo certo protagonismo en dous dos tres períodos no que se divide este movemento.

     No período Precursor (1833-1862), que engloba a obra de autores que usaron o galego con anterioridade á aparición do libro da autoría de Rosalía de Castro Cantares Gallegos, sería clave a figura do arteixán Manuel Murguía que, como ben sabedes, naceu na aldea de Froxel, na parroquia de Oseiro, o 17 de maio de 1833. Murguía non destacaría como escritor en galego mais, con todo, sería unha das figuras máis importantes deste período de cambio no que, os “precursores”, chamados así por cumpriren o papel de iniciadores da literatura galega e o renacemento da súa cultura, prepararían o terreo para a chegada do Rexurdimento pleno. Os ilustrados máis destacables deste período Precursor foron Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos (escritor de A gaita galega, primeira obra escrita do século XIX en galego), Francisco Añón, Xosé María Posada, Xosé García Mosquera e Alberto Camino.

      O municipio arteixán tamén sería un dos puntos importantes dentro do período do Rexurdimento pleno (1863-1888), que está marcado pola presenza dos tres grandes autores do XIX, é dicir, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. O xénero predominante nesta etapa é a poesía e nela proliferan concursos literarios coñecidos como Xogos Florais. Ademais, tamén aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios 
 sobre a nosa lingua, ao mesmo tempo que nace unha prensa escrita integramente en 
galego.
Rosalía de Castro

      A publicación de Cantares Gallegos considérase o arranque deste período do Rexurdimento pleno, un libro que continuamos a ter moi presente xa que o Día das Letras Galegas que celebramos cada ano, ese día de exaltación da lingua galega a través da súa manifestación literaria, comezou a celebrarse o 17 de maio de 1963 coincidindo co centenario da primeira edición da devandita obra. Rosalía de Castro asinara o 17 de maio de 1863 o limiar de Cantares Gallegos por ser o trixésimo cumpreanos do seu marido Manuel Murguía, nado en Froxel (Oseiro, Arteixo) o 17 de maio de 1833.

      No caso de Curros Enríquez, a relación con Arteixo viñera dada pola súa amizade co avogado Luciano Puga, señor do Pazo de Anzobre e pai do popular Picadillo, un Luciano que en 1881 defendera a Curros, condenado o ano anterior pola publicación de Aires da miña terra, poemario no que o autor pon de manifesto o seu anticlericalismo ao considerar que a Igrexa non se achega aos pobres e necesitados senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra, Curros Enríquez publica o poema Mirando ó chau no que, entre outras cousas, escribe o célebre verso “Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano 1880, o bispo de Ourense, o burgalés Cesáreo Rodrigo Rodríguez, condena e reproba o libro por conter “proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”, prohibindo aos fieis a súa lectura e a posesión do exemplar. O bispo ourensán remataría excomungando a Curros e denunciándoo diante das autoridades xudiciais. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor e destrución dos moldes de copia, mentres que Curros foi condenado a dous anos e catro meses de cadea e ao pagamento dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, coa defensa do avogado Luciano Puga, o poeta sería absolto na Audiencia da Coruña e, agradecido, adícalle ao seu defensor un soneto:
Manuel Curros Enríquez

A LUCIANO PUGA”

Namorado da santa nova idea
non ben do vate a estrofa había soado,
toda a máquina escura do Pasado
se espriguizou disposta prá tarea.

A crítica -Veuillot coa fouce nea,
coa toga Xudas, Oppas co caxado,
deron tras del cal tras dun can danado
i alá vai o inocente prá cadea.

Ti apareciche entón. Pasmada a xente
viute rubir colérico á tribuna,
desguedellado como un león ruxente

e da Lei apoiado na coluna,
esmagar baixo a garra prepotente
ós verdugos do vate sin fortuna.

      Curiosamente, despois de tanto tempo, a sentenza daquel xuízo no que houbera unha resolución absolutoria para o poeta, aínda se conserva nunha casa da parroquia arteixá de Armentón que está situada ao carón do Pazo de Anzobre e que fora propiedade da familia Puga, unha sentenza que será doada próximamente á Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.


      Anos máis tarde daquel xuízo, cando Luciano Puga viaxa á Habana coa súa muller Juana e a súa filla María Concepción (máis coñecida polo apelativo de Mariquiña) para ocupar o cargo de Gobernador do Banco de España de Cuba, Curros Enríquez adícalle á filla do avogado unha fermosa balada que, musicalizada polo mestre Chané (José Castro González), non tardaría en adquirir unha popularidade que aínda perdura:

A MARIQUIÑA PUGA”
DESPEDIDA

Como ti vas para lonxe
i eu vou para vello,
un adiós, Mariquiña,
mandarche quero,
que a morte é o diaño
i anda rondando as tellas
do meu tellado.

Cando deixes as costas
da nosa terra
nin lus nin poesía
quedará nela.
Cando te vaias
vaise contigo o ánxel
da miña garda.

Pombiña mensaxeira
de branca pruma,
fálalle ós emigrados
da patria súa.
Dilles, mimosa,
que deles apartada
Galicia chora.

Dilles que prós seus lares
tornen axiña;
que sin eles non queren
pintar as viñas,
regar os regos,
madurar as castañas
nos castiñeiros.

Dilles que non hai terra
millor que a nosa,
máis ridentes paisaxes,
máis frescas sombras,
máis puros ceos,
nin lúa máis lucente
no firmamento.

Dilles que súas obrigas
eiquí os esperan,
¡e se onde ellas non morren
qué se condenan!…
I agora voa,
pombiña, e que te guíe
Nosa-Señora”

      No que a Eduardo Pondal se refire, dicir que hai varios puntos da xeografía de Arteixo que forman parte da toponimia pondaliana. Un deles é Anzobre, lugar da parroquia de Armentón que aparece no poema “Ouh bardo Ousinde amigo” do seguinte xeito:
Eduardo Pondal

-Ouh bardo Ousinde amigo,
qu´os recordos dos bos campos amados
levas sempre contigo
cheos de vaguedades,
misteriosas nostalxias e suidades,
non che pracen da rica Castellana
nin os paseos a cordel tirados
cos seus arbres xentís ben enfiados,
nin tanta vaporosa formosura
en mil coches tirados con presura?

-Prefiro certamente
a montaña indixente,
o probe lugar d´Ogas,
Vilarvello, Boallo ou Berdeogas,
e as gandras soas da toxenta Anzobre,
e o seu eido non longo, escuro e pobre.

Os areais de Barrañán e Sabón son outros dos puntos que aparecen na poesía de Pondal. En “Cuan tristes son as parolas”, o autor do himno galego escribe:

Cuan tristes son as parolas
dos pinos co vento soán,
cando vou soñando a solas!
Cuan garridas son as olas
de Sabón e Barrañán!

Porque penso e pensarei,
e defenderme non sei,
na deslumbrante brancura
da garrida formosura
desnuda que tanto amei.

Pondal volve a lembrarse de Barrañán en “Fada farrida de leves alas”:

(...)Non te conozo,
nin sei a donde
ou vas ou tornas, nin por que lei;
nin sei se antes,
nin como ou onde,
nin en qu´antigo tempo t´achei:
se fiu na gandra de Carboeiro,
nos verdes d´Oca
ou de Buxán,
se nas alturas de Portomeiro,
se nas areas
de Barrañán; (...)

Outro dos lugares do municipio de Arteixo aos que o poeta bergantiñán lle deu protagonismo na súa obra foi Morás, unha parroquia que é nomeada en “Correndo fui ó arume” do seguinte xeito:

Correndo fui ó arume,
á hora en que cantan as ras,
soíña e leda, ós pinales
de Morás.

Volvío descabelada,
decaída i sin zolás;
era noite, sós os pinos
de Morás.

Desde entonces tornou alba,
algo estantía quezás;
que lle pasara, pinales
de Morás…?

E xa por último, nos tempos nos que o noso protagonista facía viaxe desde as súas terras de Bergantiños ata a cidade da Coruña, atravesando o municipio arteixán e subindo a dura costa de Oseiro, coñecida naquela hora como a Fonte do Abade, Eduardo Pondal homenaxearía ás leiteiras de Meicende cuns versos publicados en abril de 1900, primeiro na “Revista Gallega” e días despois en “El Eco de Galicia” da Habana e en “El Eco de Galicia” de Bos Aires. O poema, titulado “Vindo de Bergantiños”, di así:

Vindo de Bergantiños,
triste e convalecente,
pasei p´olo medio a medio
de Meicende garrida canto breve,
e batida decote
do seco e frío nordeste.

Erguendo a fenestrela
do coche, con voz deble
p´ola fatiga e tremante,
lle dixen. “Boa Meicende,
venturosa, garrida,
na tú(a) doce pendente,
cando as túas rapazas
leven á Cruña o leite,
dille que o leven bo,
ben limpo e ben pracente,
para dar forza ao bardo de Brigandsia,
que rendido se sente”.

     Nos últimos anos do período do Rexurdimento pleno do que estamos a falar, concretamente o 15 de xullo de 1885, Rosalía de Castro, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía universal do século XIX, finaba na súa casa de Padrón aos 48 anos.

Rosalía de Castro e Manuel Murguía cos seus fillos

      Posteriormente, o Rexurdimento entraría no período da depresión finisecular (1889-1916), etapa na que o movemento experimentaría un forte declive, máis no tocante á calidade das obras que no relativo á cantidade. Os autores imitan, sen chegar á súa altura, aos 3 grandes autores e xéneros como a narrativa e o teatro enraizan timidamente. Esta etapa chega ao seu fin co nacemento en 1916 das Irmandades da Fala que provocarán un segundo rexurdimento da literatura galega. Neste período tamén se aprobou a creación da Real Academia Galega, que presidiría o noso ilustre veciño Manuel Murguía ata o día da súa morte, acontecida o día 1 de febreiro de 1923, cando estaba a piques de cumprir 90 anos.

      Curiosamente, dez meses antes do seu falecemento, o 30 de Marzo de 1922, Murguía desprazábase ata o Santuario de Pastoriza para presenciar o casamento da súa filla Gala co matemático Pedro Izquierdo, que dedicaría certo tempo a investigar a orixe galega de Cristobal Colón. Manuel Murguía, que asistira á cerimonia case en volandas por mor dunha lesión que lle impedía andar, bromearía durante o casamento co feito de que era a segunda vez que entraba en brazos no Santuario. A primeira fora o 18 de maio de 1833, o día do seu bautizo, poucas horas despois de que nacera en Froxel na casa de seu padriño Antón Pan.


FONTES:

BLANCO, MANUEL. D. Luciano M.ª Puga Blanco (1842-1899): un personaje rescatado del olvido. Anuario Brigantino 1999, n.º 22.
CASARES, CARLOS. Curros Enríquez. Editorial Galaxia, 1980.
FERREIRO, MANUEL. Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana. Deputación Provincial da Coruña, 2017.
RABUÑAL, HENRIQUE. Manuel Murguía. Edicións Laiovento, 1999.

domingo, 18 de febreiro de 2018

O COTO DE SANTA LOCAIA

     Santa Locaia é un núcleo de poboación da parroquia de Loureda onde, ao parecer, había unha capela nuns eidos que hoxe en día se chaman A Ermida. As orixes do lugar nacen do culto relixioso á santa do mesmo nome, o cal procede do latín Leocadia, e este do grego Leukadia “a branca, a resplandecente”. Segundo a lenda, Santa Locaia era de Toledo e, por mor de negarse a renunciar ás súas crenzas cristiáns, foi perseguida e martirizada.
Vista dende o Coto de Santa Locaia

    Mais o crego Ismael Velo Pensado tamén apunta a posibilidade de que a existencia de parroquias nas que a patrona tanto pode ser Santa Locaia, Santa Baia ou San Paio, todas de devoción mozárabe, ven dada polos cristiáns que foron perseguidos en territorio de dominación islámica e que, tras emigrarar cara o norte, acabarían repoboando a costa cantábrica. 

    Fora dun xeito ou doutro, o certo é que o culto desta santa, que celebra a súa festividade o 9 de decembro, deixou a súa pegada na toponimia galega nos concellos de Lugo e Sober (Lugo), Ponteareas (Pontevedra) e Taboedela (Ourense), ademais do de Arteixo e da outra Santa Locaia que tamén hai no Monte da Espenuca, en Coirós.

    Moi pertiño da Santa Locaia arteixá había outra igrexa, a de Santa Baia de Carollo, actualmente tamén desaparecida e que seica estaba situada entre Orro e Ledoño, ao carón dos terreos que hoxe ocupa o polígono loxístico. Non esquezamos que Ordoño II devolvera no 915 á sé de Iria unha serie de decanías que os bispos de Tui e Lamego recibiran para a súa subsistencia mentres durase a ocupación musulmán. Entre as decanías que tiña Tui, devoltas a Compostela, está a de Faro, na que se atoparía tanto Santa Locaia como Santa Baia de Carollo.
 
     Xa cara mediados do século XVI, Santa Locaia aparece nun dos documentos municipais contidos no libro de asentos da confraría de Todos Os Santos, que foi escrito tras unha serie de ordenanzas e estatutos que realizaran os veciños da Coruña: 

    “Conoscida cousa seja a todos los homes así os/ que son presentes como a os que an de benir, que/ nestes coutos e estes términos que aquí escri/bimos por a virtude (?) e por nombramento de no/sa billa da Cruña son escritos e nomeados,/ conben a saber: para la area de Barranao (Barrañán) e para lo outeiro de Preguín e para cimas de Cumiñas (Lañas ?) e para cima de Sancta Locaia e desende para las/ Erbedeyras (Erbedíns?) e para lo Castelo de Miranda e para monte de Jallo (Xalo) como departe entre Paleo e Cabanton (Sarandóns?) e desende a o río de Band[e]bó e desende entranbos Vigos como departe entre Lángura e Querendes e como departe sobre la haspera dalen de Lubre et desende como fez en Sanda. Todo aquesto quanto Noso Señor el rrey Don Afonso e nestes términos de suso escritos todo o dou e otorgou a nosa vila da Cruña. Dentro e nestes términos mandamos que nen hun veçino non sea ousado de matar outro bezino nen omezian no mate, seu ymigo dentre e nestes coutos e vecinos foren”.
 
Imaxe do Coto de Santa Locaia
     Sobre estas alturas, a uns 370 metros sobre o nivel do mar, p
ódese entender o que debía significar para aqueles homes a posición estratéxica do asentamento de Santa Locaia, coñecido tamén coma o Coto, un emprazamento privilexiado que controlaba todo o val de Loureda e boa parte do resto da bisbarra e das terras de Farum Brigantium que na actualidade coñecemos como Torre de Hércules. Trátase dun lugar realmente máxico, dun resalte rochoso que convida a viaxar no tempo e a pensar nas ceremonias e ofrendas que, de seguro, fixeron alí os nosos antepasados con aquel xeito de comunicación entre o humano e o divino que había na antiguedade.

     De forma circular, dispón de boas defensas naturais e presenta uns aterrazados ou explanacións artificiais entre os distintos afloramentos. No mundo da investigación arqueolóxica hai quen apunta a que neste asentamento puido existir un castro dos de fase antiga, como nos indica nunha das súas publicacións o arqueólogo santiagués César Parcero. Tamén hai quen se inclina polo feito de que Santa Locaia fora unha atalaia medieval, idea que defendía Ls Monteagudo mais, salvo algún anaco de tella vella, poucos datos hai das pegadas dos alicerces de cantería que alimenten a teoría do ilustre arqueólogo.  

     Sexa como fora, o caso é que, a día de hoxe, este mirador natural que é o coto de Santa Locaia, está moi alterado e desvirtuado pola instalación dunha antena na súa cota superior e o acceso a ela. Mais, con todo, segue a ser un lugar cun encanto especial no que podemos estar en contacto co pasado, cos tempos da vella igrexa hoxe desaparecida e dos tempos do máis que probable asentamento castrexo, tempos que cada ano lembran un grupo de persoas que se chaman a si mesmos “druidas” e que acuden a Santa Locaia no Día de Defuntos a celebrar a comuñón cos espíritus dos mortos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ao 1 de novembro teñen, segundo a antiga festividade celta, autorización para camiñar entre os vivos.
Terreos nos que supostamente estivo asentada a antiga igrexa de Santa Locaia (www.celtiberia.net)


FONTES:

-celtiberia.net
-DAVIÑA SÁINZ, SANTIAGO. Los primeros fueros de La Coruña. Nalgures. Tomo I. Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, 2004.
-ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA. Arteixo de onte a Hoxe III. Concello de Arteixo, 2007.
-VELO PENSADO, ISMAEL. La Coruña en el camino de peregrinos a Santiago. La Coruña : Archivo de la Colegiata, 1996, pp. 73-74.


martes, 6 de febreiro de 2018

A FERVENZA DE AUGACAE

     Sorrizo é unha parroquia costeira do concello de Arteixo formada polo Monte da Ribeira; o Monte do Castro, no que aínda se conserva o asentamento do Castelo, que ten unha enorme importancia estratéxica porque desde o castro albíscase toda a franxa atlántica do municipio arteixán e a totalidade do val de Barrañán; o Monte da Ferreira; As Chanceiras; O Zuleiro; A Encoutada e O Carballal, montes que rodean unha valgada de solo fértil e de topografía suave onde se concentran os principais núcleos de poboación.

     Entre os monumentos civís de Sorrizo salienta o Pazo das Covadas, de estilo barroco con data do século XVII.

     Dentro dos seus lindes abundan as augas,  destacando o Rego das Balloeiras e o Río da Agra, que xuntos forman o Río do Porto. O Rego de Alvite, ao oeste da parroquia, é o deslinde natural dos concellos de Arteixo e A Laracha, que tamén divide as parroquias de Sorrizo e Caión. Este pequeno regato tamén é coñecido, no seu tramo final, co nome de Augacae, regato que desemboca directamente no mar creando unha fermosa fervenza que vos recomendo visitar. Ao seu carón tamén se conserva a cuba do muíño que había no lugar. 




FONTES:

-ROZAMONTES MARÍA.  Calendario 2005. Demografía, Patrimonio, Toponimia, Xeografía, Sociedade e Turismo. Concello de Arteixo. Departamento de Normalización Lingüística. Ano oitavo. Arteixo, 2005.
-ROZAMONTES, MARÍA. Calendario Galego Municipal do Concello Arteixo. Departamento de Turismo e Normalización Lingüística. Edición XIX. 2018

xoves, 1 de febreiro de 2018

O VOLFRAMIO EN ARTEIXO


Cuadrilla de mineiros no monte Barbeito (Arquivo de Sara Álvarez)
     A febre do volframio tamén alcanzaría a Arteixo. Durante a Segunda Guerra Mundial, a actividade mineira no noso concello, aínda que nunca chegaría a atinxir a importancia doutras zonas da xeografía galega, foi bastante notable xa que durante estes anos, nos que os nosos devanceiros sufrían as penurias da posguerra, 400 persoas traballaron directamente nas minas que aquí se exploraron, ás que hai que sumar, furtivos e contrabandistas, que tamén tiveron a súa oportunidade para facer negocio, aínda que o garda civil Cadenas facía todo o posible para impedilo (algúns familiares dos furtivos aínda se lembran da maldade e das tundas deste garda civil). Para gañaren máis, os mineiros roubaban mineral nas minas para vendelo fóra e outros acudían aos montes, cos seus propios medios, para extraer o volframio que despois vendían no mercado negro. Esta práctica era coñecida como "ir á roubeta". 

Adolfo Vázquez e Xabier Maceiras
     Nunha conversa mantida cunha testemuña da época, o veciño do Rañal Adolfo Vázquez (Adolfo de Tiso), e que daquela tiña 12 ou 13 anos, lembrábase perfectamente de cando se almacenaba no alpendre da súa casa o volframio da roubeta. Adolfo, falecido en marzo do 2015, tamén se acordaba de que nos primeiros anos da década de 1940, os "facultativos mineiros" (así lles chamaban os máis vellos) mandaron remexer moitos ferrados de terra. Na procura do ouro negro, perforaban montes e leiras que posteriormente volvían a tapar se non aparecía o mineral, provocando o enfado dos propietarios, xa que moitos deles perdían as súas colleitas.

     En Arteixo, fóronse descubrindo unha serie de pequenas exploracións de escaso valor, tomadas por separado, mais con importancia potencial no seu conxunto. As de maior interese, encontraríanse no Monte Barbeito. En 1940, recoñécense superficialmente os filóns e, aos poucos, principian os labores iniciais nas concesións La Rosa, Cor e Rodeo (unhas minas que serían as maís traballadas do concello), instalando o lavadoiro de minerais e postos. Todos estes depósitos mineiros serían traballados de forma moi rudimentaria, mediante a abertura de gabias, efectuando labores artesanais no interior da mina, moendo e peneirando o mineral. Os obreiros e veciños non souberon nunca a importancia que tiña para os nazis o mineral que extraían. Non imaxinaban que os tanques do Afrika Korps, que o mariscal Rommel comandaba no deserto do Exipto, estaban reforzados co volframio de Arteixo.

A mina do monte Barbeito na actualidade

   Mais en 1944 os norteamericanos ameazaban con represalias comerciais a Franco, para que España deixase de enviar volframio a Berlín. O ditador español, que xa intuía que a Alemaña ía perder a Guerra, xogando a cabalo gañador, aseguraba a Washington que non voltaría a facer fretes para Hitler. Porén, nas minas galegas continuabase a traballar duro porque o ministro do Comercio, Demetrio Carceller, organizaba envíos clandestinos desde os portos de Vigo e Valarés (Ponteceso). As ameazas dos Estados Unidos ao réxime franquista non terían o efecto esperado polo que os americanos, dado que os alemáns continuaban recibindo volframio, utilizarían dous métodos para dificultar o abastecemento do mineral galego a Hítler. O primeiro foi o embargo petrolífero a España nese mesmo ano 44 e o segundo, consistiu en comprar no mercado libre todo o volframio dispoñible, o que provocaría que o prezo se multiplicase por máis de dez. Esta operación sería unha auténtica aplicación práctica e bastante exitosa da táctica do pau e a cenoria.
  
      A do tamén chamado ouro negro foi unha exploración intensa mais breve no tempo. O mineral deixaría de interesar en 1945, no final da Segunda Guerra Mundial e, aínda que voltaría a repontar coa Guerra de Corea (1951-1953), nunca o faría coa mesma intensidade que nos anos corenta. No conflito bélico coreano, os americanos virían a ser os compradores do mineral e os vendedores xa estaban máis estruturados. Nesa altura, o grupo asturiano Fierro foi quen liderou este novo proceso, mais cómpre lembrar que entre os anos 1939 e 1953, a Galiza atinxiu o 69% da producción de volframio en España.

Mineiros na Ponte do Va nos anos 50 (Arquivo de Carme Bermúdez)
      En Arteixo, a Guerra de Corea reanima a minaría da zona, polo que as exploracións do concello sofren un novo impulso. Nestes primeiros anos cincuenta, retómanse os traballos sobre os filóns do Monte Barbeito, comezando as exploracións de interior da mina, unha mina que nesa altura contaba cun cadro de persoal duns 200 obreiros e na que no interior traballaban dúas quendas de oito horas, facendo un avance aproximado de 0,5 metros diarios por medio de barrenas manuais. Á parte das do Barbeito, outras concesións de interese no noso concello foron, Caxigalmes e Fuente Santa en Sobico; Olguita en Barrañán; Elida en Loureda; Elenita en Uxes; La Perdida en Morás e, Lunes en Vilarrodís. Tamén foron importantes, as extraccións realizadas na zona onde hoxe está o restaurante Valcovo e outras pola zona de Figueiroa, ao carón das instalacións da empresa madereira Vázquez Rey S.L. No final da Guerra de Corea, as diferentes concesións existentes en Arteixo irían fechando aos poucos, morrendo así a febre do volframio.