xoves, 1 de febreiro de 2018

O VOLFRAMIO EN ARTEIXO


Cuadrilla de mineiros no monte Barbeito (Arquivo de Sara Álvarez)
     A febre do volframio tamén alcanzaría a Arteixo. Durante a Segunda Guerra Mundial, a actividade mineira no noso concello, aínda que nunca chegaría a atinxir a importancia doutras zonas da xeografía galega, foi bastante notable xa que durante estes anos, nos que os nosos devanceiros sufrían as penurias da posguerra, 400 persoas traballaron directamente nas minas que aquí se exploraron, ás que hai que sumar, furtivos e contrabandistas, que tamén tiveron a súa oportunidade para facer negocio, aínda que o garda civil Cadenas facía todo o posible para impedilo (algúns familiares dos furtivos aínda se lembran da maldade e das tundas deste garda civil). Para gañaren máis, os mineiros roubaban mineral nas minas para vendelo fóra e outros acudían aos montes, cos seus propios medios, para extraer o volframio que despois vendían no mercado negro. Esta práctica era coñecida como "ir á roubeta". 

Adolfo Vázquez e Xabier Maceiras
     Nunha conversa mantida cunha testemuña da época, o veciño do Rañal Adolfo Vázquez (Adolfo de Tiso), e que daquela tiña 12 ou 13 anos, lembrábase perfectamente de cando se almacenaba no alpendre da súa casa o volframio da roubeta. Adolfo, falecido en marzo do 2015, tamén se acordaba de que nos primeiros anos da década de 1940, os "facultativos mineiros" (así lles chamaban os máis vellos) mandaron remexer moitos ferrados de terra. Na procura do ouro negro, perforaban montes e leiras que posteriormente volvían a tapar se non aparecía o mineral, provocando o enfado dos propietarios, xa que moitos deles perdían as súas colleitas.

     En Arteixo, fóronse descubrindo unha serie de pequenas exploracións de escaso valor, tomadas por separado, mais con importancia potencial no seu conxunto. As de maior interese, encontraríanse no Monte Barbeito. En 1940, recoñécense superficialmente os filóns e, aos poucos, principian os labores iniciais nas concesións La Rosa, Cor e Rodeo (unhas minas que serían as maís traballadas do concello), instalando o lavadoiro de minerais e postos. Todos estes depósitos mineiros serían traballados de forma moi rudimentaria, mediante a abertura de gabias, efectuando labores artesanais no interior da mina, moendo e peneirando o mineral. Os obreiros e veciños non souberon nunca a importancia que tiña para os nazis o mineral que extraían. Non imaxinaban que os tanques do Afrika Korps, que o mariscal Rommel comandaba no deserto do Exipto, estaban reforzados co volframio de Arteixo.

A mina do monte Barbeito na actualidade

   Mais en 1944 os norteamericanos ameazaban con represalias comerciais a Franco, para que España deixase de enviar volframio a Berlín. O ditador español, que xa intuía que a Alemaña ía perder a Guerra, xogando a cabalo gañador, aseguraba a Washington que non voltaría a facer fretes para Hitler. Porén, nas minas galegas continuabase a traballar duro porque o ministro do Comercio, Demetrio Carceller, organizaba envíos clandestinos desde os portos de Vigo e Valarés (Ponteceso). As ameazas dos Estados Unidos ao réxime franquista non terían o efecto esperado polo que os americanos, dado que os alemáns continuaban recibindo volframio, utilizarían dous métodos para dificultar o abastecemento do mineral galego a Hítler. O primeiro foi o embargo petrolífero a España nese mesmo ano 44 e o segundo, consistiu en comprar no mercado libre todo o volframio dispoñible, o que provocaría que o prezo se multiplicase por máis de dez. Esta operación sería unha auténtica aplicación práctica e bastante exitosa da táctica do pau e a cenoria.
  
      A do tamén chamado ouro negro foi unha exploración intensa mais breve no tempo. O mineral deixaría de interesar en 1945, no final da Segunda Guerra Mundial e, aínda que voltaría a repontar coa Guerra de Corea (1951-1953), nunca o faría coa mesma intensidade que nos anos corenta. No conflito bélico coreano, os americanos virían a ser os compradores do mineral e os vendedores xa estaban máis estruturados. Nesa altura, o grupo asturiano Fierro foi quen liderou este novo proceso, mais cómpre lembrar que entre os anos 1939 e 1953, a Galiza atinxiu o 69% da producción de volframio en España.

Mineiros na Ponte do Va nos anos 50 (Arquivo de Carme Bermúdez)
      En Arteixo, a Guerra de Corea reanima a minaría da zona, polo que as exploracións do concello sofren un novo impulso. Nestes primeiros anos cincuenta, retómanse os traballos sobre os filóns do Monte Barbeito, comezando as exploracións de interior da mina, unha mina que nesa altura contaba cun cadro de persoal duns 200 obreiros e na que no interior traballaban dúas quendas de oito horas, facendo un avance aproximado de 0,5 metros diarios por medio de barrenas manuais. Á parte das do Barbeito, outras concesións de interese no noso concello foron, Caxigalmes e Fuente Santa en Sobico; Olguita en Barrañán; Elida en Loureda; Elenita en Uxes; La Perdida en Morás e, Lunes en Vilarrodís. Tamén foron importantes, as extraccións realizadas na zona onde hoxe está o restaurante Valcovo e outras pola zona de Figueiroa, ao carón das instalacións da empresa madereira Vázquez Rey S.L. No final da Guerra de Corea, as diferentes concesións existentes en Arteixo irían fechando aos poucos, morrendo así a febre do volframio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario