Documentar este sinistro non foi
tarefa doada. Na procura da información, os veciños máis vellos das
parroquias de Chamín e Barrañán interrogados non foron quen de precisar
con exactitude o ano no que acontecera o naufraxio xa que, a maioría
deles, eran moi pequenos polo que era evidente que poucos datos podían
gardar as súas memorias. Uns dicían que fora durante a Guerra Civil, sen
poderen concretar o ano e moito menos o mes. Outros, polo contrario,
estaban certos de que fora nos anos corenta. Mais, grazas á
conversa que mantivemos en febreiro de 2012, Chacho Seixas e o que
escribe, con Anselmo Pardo e a súa muller, Luísa Fuentes, no seu domicilio
de Sorrizo, as cousas comezaron a se esclarecer. O sinistro ocorrera no
domingo 30 de xaneiro de 1938.
O "Arctic" embarrancado no areal do Reiro (El Ideal Gallego) |
Un pouco polo que vivira de
primeira man e outro pouco polo que fora escoitando ao longo da súa
vida, Anselmo cre que nese día había baile:
“Eu era moi neno. Debía ter uns cinco ou seis anos e penso que se celebraba a festa do San Brais. Á beira da noite, cando todo o mundo estaba na taberna, no Piñeiro, comezamos a escoitar a sirena dun barco. Ao pouco, comezaron a tocar as campás das igrexas de Santaia e de Barrañán, e non deixaron de facelo durante ben tempo. Daquela había medo por todo: medo á fame, medo ás barbaridades que cometían os falanxistas, medo á Guerra... Por iso algúns vellos dicían que podía ser un desembarco, un ataque aliado que viña axudar aos republicanos. Con medo ou sen el, moitos de nós fomos ata o areal. Nese día, o mar estaba bravo, bravo de verdade, e había unha néboa mesta que pouco deixaba ver. O barco, que segundo dicían era un bou de pesca, continuaba a tocar a sirena e cada vez íase achegando máis ao Reiro, que sería onde finalmente embarrancaría, quedando coa popa ollando cara a Pedra do Sal. Despois de embarrancar, os mariñeiros do bou, que debían ser sete ou oito e seica eran belgas, principiaron a largar cabos ao mar que, para a sorpresa de todos nós, un can que levaban a bordo se encargaba de achegar á beira. Mais moita da xente alí presente aínda pensaba que era un desembarco, polo que algúns sacaron as navallas para cortar estas cordas. Entón, cando varios veciños ían cortar os cabos, chegou ao areal Primitivo do Bichelo e comezou a berrar con eles. Así que chegou ao Reiro, Primitivo, que era mariñeiro, decatárase do que na realidade estaba a acontecer alí: os pobres náufragos só querían pórse a salvo! Esclarecido o acontecido, a xente non dubidou en axudar aos mariñeiros belgas que, unha vez en terra, coas roupas totalmente enchoupadas e mortos de frío, falaban e falaban...mais nen Cristo os entendía. Daquela, foi cando alguén foi na procura de Sofía, que sabía francés, para que lles fixese de intérprete”.
Anselmo estaba a falar de Sofía Baridó Schneider, casualmente a avoa materna da súa muller Luísa.

Sofía Baridó e José Rey Valeiro nos anos 50 (Arquivo de Luísa Fuentes) |
Os
pais de Sofía, el francés e ela alemá, establecéranse a finais do
século XIX en Potes, na provincia de Santander, onde instalarían
unha fábrica de vidro. Mais o negocio nunca chegaría a ser rendible
polo que, ao cabo duns anos, a familia emigra a Arxentina. Neste
país, Sofía coñecería ao seu futuro marido, o veciño de Arteixo
José Rey Valeiro, un home que despois de percorrer medio mundo,
chegara en 1911 a Bos Aires, cidade onde gañaba a vida
pintando retratos. Na capital arxentina, José e Sofía casan e teñen
dúas fillas: Sofía (a nai de Luísa, a muller de Anselmo) e Armanda.
Uns meses despois de nacer a segunda filla, o matrimonio (que está
enterrado no cemiterio protestante de Arteixo) pon fin á súa
estadía na América e decide ir vivir á Galiza, a terra de José,
establecéndose por uns anos en Caión. Na
vila mariñeira teñen dous fillos máis, Eduardo e Ernesto, e o
antigo retratista gaña agora o sustento familiar nunha pequena
embarcación da cal é propietario. Aproximadamente polo ano 1920
trasládanse ao lugar de Campo, na parroquia de Barrañán, onde
nacería o seu fillo José e lugar tamén onde abren un negocio,
precisamente o local que atendía Sofía Baridó cando a foron buscar
para facer de intérprete dos náufragos belgas.
Despois
de cruzar as primeiras impresións con eles, Sofía e José
conduciron aos oito mariñeiros ata o establecemento que rexentaban
en Barrañán onde, mentres agardaban a que as autoridades se fixesen
cargo da situación, lles darían alimentos e bebidas quentes.
Os xornais
coruñeses da época, que ocupaban as súas primeiras páxinas cos
boletíns oficiais da Guerra Civil e tamén con grandes exaltacións
ao réxime nazi e a Hítler, recollían a seguinte información o
martes, 1 de febreiro de 1938:
“El domingo por la tarde
naufragó en la playa de Barrañán o Chamín, en Arteijo, un buque
de pesca de nacionalidad belga, denominado Arctic, de 150 toneladas,
logrando salvarse toda la tripulación, compuesta por ocho hombres.
El Arctic había salido de
Ostende hace cuatro días, dirigiéndose a las costas de Portugal
para dedicarse a las faenas de la pesca. Cuando pasaba a la altura de
Arteijo, a causa de la inmensa niebla reinante en este sector, perdió
el rumbo, y el vapor pesquero vino a encallar a la referida playa,
ocurriendo el siniestro entre siete y ocho de la tarde de anteayer.
Al encallar, se hizo sonar por la tripulación la sirena del Arctic
y a las repetidas llamadas acudió a la playa de Barrañán el
vecindario de Arteijo y la Guardia Civil de aquel puesto.
Tras activos y laboriosísimos
trabajos se pudo conseguir poner a salvo a la tripulación del buque.
Esta no pudo salvar nada más que la documentación, dándose por
perdidos los enseres y ropas. Debido a los fuertes golpes de mar y a
la rompiente de la playa, el buque se considera totalmente perdido.
El capitán, maquinista, fogonero y marineros que componían la
tripulación del Arctic fueron atendidos solícitamente, en los
primeros momentos, por la Guardia Civil y vecinos de Arteijo, y ayer
por la mañana fueron traídos a esta capital, realizando el viaje
acompañados de la benemérita de dicho puesto. Con los náufragos
viene un hermoso ejemplar de perro de raza danesa, que no se separa
del lado de su amo, el capitán del buque. Los náufragos han sido
puestos a la disposición del cónsul de Bélgica en La Coruña, don
Luis Mayor Moreno. Poco después de su llegada a nuestra ciudad, han
sido trasladados a la Casa de Socorro del Hospital, y todos ellos
fueron atendidos de enfriamiento. Una vez asistidos de urgencia por
el facultativo de guardia, quedaron hospitalizados en el Hospital de
Caridad.
Al tenerse conocimiento del
naufragio, en la Comandancia de Marina, se trasladó al lugar del
suceso un oficial de dicho centro, con personal a sus órdenes, con
el fin de instruir las diligencias propias del caso. También se
trasladó ayer a la playa de Barrañán el cónsul de Bélgica, señor
Moreno. Dicha autoridad consular también hizo ayer varias visitas a
los náufragos en el Hospital de Caridad”.
Segundo
Anselmo Pardo, nos días posteriores ao embarrancamento do barco
belga, os falanxistas apoderáronse de todo canto había no seu
interior, uns falanxistas que previo pagamento, deixábanlle apañar
aos veciños da contorna pranchas de ferro, que
estes utilizaban para facer lume enriba delas, provocando deste xeito
que o calor nos seus fogares fose máis duradeiro. Tamén os
ferreiros de Chamín, A Lagoa, Santaia, Monteagudo e Lañas
aproveitaron o ferro do Arctic para facer eixadas, legoñas, fouces e
demais ferramentas de labranza.
O
navío belga sería adquirido finalmente polos irmáns José e Juan
Chás Morlán, os Chás, armadores da Coruña que tiñan bous
de pesca que faenaban no Gran Sol:
“Eu daquela tería oito ou nove anos. Meu pai (José Castro, coñecido por “Rosende”) fora o encargado do desmantelamento. As pranchas de ferro carretábanse en carros de bois até onde hoxe en día está o restaurante “Sol e Mar”, e tamén lembro que dicían que os Chás deixaran alí unha fortuna despois de pagar moitos xornais”.
Isto contaba en decembro de 2011 Manuel Castro, veciño do lugar da Corcella (parroquia de Armentón). Anselmo tamén apuntaba que o barco tiña un motor moi potente, dun só pistón, que os Chás se encargaron de desmontar mais, segundo el, non foron quen de adaptalo a ningún dos seus barcos.

Imaxe de xaneiro do 2018 dos restos do Arctic |
Ningún comentario:
Publicar un comentario