Boa
parte dos terreos expropiados para a construcción do Polígono
Industrial de Sabón foron, durante séculos, propiedade de familias
adiñeiradas e poderosas como os Nava e Ortega, Santos, Suárez de Deza ou
os del Río, nalgúns casos descendentes de importantes Señoríos. Mais a
necesidade, motivada pola perda de poder adquisitivo das devanditas
estirpes, propiciaría que a partir do século XX, moitas destas terras
foran vendidas aos labregos da zona, como fora o caso de meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, que en outubro de 1947, cun enorme sacrificio económico, compráballe a don Ramón Pazos Flórez parte dos montes da Perdiz, que contaba cunha superficie de algo máis de cinco ferrados, e do da Canteira, de catro ferrados e medio.
Mais ¿quen era Ramón Pazos Flórez? Pois este home era un avogado de
Santiago de Compostela que naqueles anos corenta estaba sendo testemuña
da decadencia familiar por parte materna, familia que antano tivera un
pasado esplendoroso e que era propietaria de numerosos bens nas
parroquias de Santiago de Arteixo, Santa María de Pastoriza e San Tirso
de Oseiro. Estamos a falar dos Suárez de Deza.
Ramón Pazos Flórez era fillo de dona Leonor Flórez Suárez de Deza que,
naquela hora, tamén residía en Compostela. Os pais desta muller foran
don Ildefonso Flórez de Losada e Quiroga, sucesor da Casa de Castro de
Valdeorras, e dona Leonor Suárez de Deza e Tineo Ulloa (nada en
Vilafranca do Bierzo en 1836), descendente das Casas de Láncara e
Mariñán e sucesora da de Noceda.
Dona Leonor Suárez de Deza e Tineo Ulloa
era filla de Apolinar Suárez de Deza Eebra e Caamaño (Valladolid,
1802-Bergondo, 1877), Señor das Casas de Bergondo, Láncara, Tebra e
Toirán; Senador do Reino por León en 1843; Gentilhombre de Cámara de
S.M.; Caballero de la Orden de San Juan e Gran Cruz da Real Orden de
Isabel la Católica. A nai de dona Leonor era dona María Josefa Raimunda
de Tineo e Vigo, Señora da Casa Torre Noceda.
A escritura da compra-venta realizada en 1947 |
Segundo
a información que aparece na antiga escritura de compra-venta outorgada
en 1947 por dona Leonor Flórez Suárez de Deza a favor de meu avó,
Emilio Rodriguez Veira, ante o notario José Antonio Cienfuegos
Gonzalez-Coto, escritura que gardo coma un auténtico tesouro no meu
domicilio, dona Leonor herdara os montes que Milio do Touciñeiro lle
comprara ao seu fillo Ramón Pazos Flórez de súa tía materna, dona
Antonia Suárez de Deza e Tineo, nada en Vilafranca do Bierzo en 1834 e
casada en Madrid en 1862 con Manuel Calderón de Herce, I Marqués de
Algara de Gres. No antigo documento de compra-venta consta que dona
Leonor Flórez Suárez de Deza... "las adquirió por habersele
adjudicado en la partición de la herencia de su tía, la Excma. Sra. Doña
Antonia Suárez de Deza y Tineo, Marquesa Viuda de Algara de Gres,
aprobada en escritura de seis de mayo de mil novecientos veinticuatro,
ante el Notario de Madrid, Sr. Bugallal".
Vinte anos despois de facerlle aquela compra a Ramón Pazos Flórez, ao
avó Milio convertíase, ao igual que outros moitos arteixáns,
nun dos afectados polas expropiacións para a construción do Polígono de
Sabón quedando, deste xeito, sen esos dous montes e sen outros terreos
da súa propiedade que tiña no que hoxe é o asentamento industrial,
terreos polos que tivera que facer, naqueles duros anos corenta da
posguerra, un enorme sacrificio económico para mercalos e que agora, coa
chegada da industria, recibía dous patacóns por eles. No monte da Perdiz,
no que outras familias do Rañal, entre elas "os de Tiso", tamén tiñan
propiedades, está ubicada actualmente a empresa Dielectro Galicia. No
monte da Canteira, xusto ao carón do que antes das expropiacións
era A Cubela, onde tamén tiñan terreos veciños do Rañal como "os de
Pichel" e "os de Manolo de Santiago", están a día de hoxe as
instalacións de La Voz de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario