martes, 27 de outubro de 2015

CONTOS, LENDAS, MITOS, FESTAS E TRADICIÓNS

TEMPO DE CASTAÑAS (II)
(relato de Carme, a de "Cóntame un Conto" da desaparecida Radio Municipal de Arteixo)


     E digo "tempo de castañas" e non "magosto" porque esta última palabra é de recente introducción na nosa área lingüística a través dos medios de comunicación e dos libros. Tamén podería falar de "Santos" pero daquela reduciría ese tempo a tan só o mes de outubro.

     Contan os vellos que a castaña foi base da súa alimentación noutros tempos xunto coa pataca. Para conservar a castaña o resto do ano secábana. Este proceso duraba varios meses porque primeiro poñíase ao sol durante un ou dous meses os ourizos e despois escachábanse e as castañas conseguidas deixábanse secar ao sol e ao aire ata que daban "o piollo". O resto do ano comíanse estas castañas crúas, cocidas ou en caldo. O caldo facíase con fabas encarnadas de tres anadas, graxa, patacas e castañas.

     Eu recordo cando neste tempo se enchían as fragas e os montes de xente que andaba ás castañas. Era un bo exercicio que hoxe se practica máis na praza que no monte.

     Coa mesma claridade permanece na miña memoria as noites a carón da lareira estonando nas castañas para despois facer un "gamusto". Ao mesmo tempo comía castañas crúas e castañas asadas na brasa do lar. E nunca se me podía esquecer que había que triscalas por un lado, senón saltaban coma as ascuas. Despois poñíase a pota ao lar con auga, castañas e nébeda ou fiúncho e só quedaba que o gamusto cocese. E polo medio das castañas peladas botábaselle algún "zoncho" ou castaña coa tona. Con estes zonchos seica se facían rosarios que se vendían nas feiras, colgábanse ao pescozo e mentres ían comendo ían quitando zoncho a zoncho (a castaña que está baleira chámaselle "boleca")...todo un mundo de nomes para referirse ao mesmo froito e que da proba da importancia da castaña na nosa cultura. 

venres, 23 de outubro de 2015

HOSTALERÍA

TABERNA "A BAIUCA"

Na taberna "A  Baiuca" con Bieito, "Guitarras" e "Manín"
     Hai algún tempo que Bieito e Marisa decidiron coller outro camiño e deixar a súa taberna "A Baiuca", que levaban rexentando dende había case tres anos...pois ben, ese momento chegou e esta fin de semana será o derradeiro, con eles ao fronte, dun dos lugares máis entrañables e máxicos de Arteixo.

     Bieito, se os seus compromisos con "Lúar na Lubre" llo permitían,
estaba alí, na taberna, polas mañáns e polas tarde-noites, xa acompañado
de Marisa, de luns a sábado. Nos primeiros meses de vida do establecemento tamén estiveron un tempo detrás da barra Juan e Miriam, e posteriormente incorporaríase ao "equipo" Isabel.

     Traballar de tabernir@ é un oficio duro e hai que estar moitas horas agarrad@ á barra para rendabilizar o negocio, aparte de entender de sicoloxía e darlle a cada cliente o trato e atención que merece. Bieito e Marisa abofé que o conseguiron (falo do trato e de exercer de sicólogos) e dentro dese estado de suxestión, tamén conseguiron que a súa taberna fose o lugar ideal para "arteixear" e "baiucar", cumprindo perfectamente a súa labor de oficiosa embaixadora de galeguidade en Arteixo.

     Teño que recoñecer que eu só era cliente habitual os venres ás noites, día de foliada, día no que de cando en vez os arteixáns tiñamos o luxo de contar coa presencia na taberna de grandes músicos do país e, tamén do concello, como Oscar Miranda ou Víctor Iglesias. Os venres, día de foliada, o cruce xeracional que se podía ver na taberna cantando cancións populares galegas era ben fermoso, espectacular...hoxe é venres, día de foliada, o derradeiro venres de foliada con Bieito e Marisa ao fronte do negocio!

     Que pechen estos lugares de grata convivencia e filosófico discurrir que son as tabernas como "A Baiuca" é sempre unha gran perda. Arteixo está de loito. Bieito, Marisa: grazas mil por estos case tres anos!


xoves, 22 de outubro de 2015

ARTEIXO NA XEOGRAFIA XERAL DO REINO DE GALIZA. EUG...

Parroquia de Santaya (Eulalia) de Chamín (anejo de Sorrizo).-Está a 16 kilómetros de la capital de la provincia y situada a la falda de los montes que la rodean, llamados Ribeira, Vila y Cartas, que son poco poblados. Su suelo es de mediana calidad, pero productivo y abundante en aguas.

     Tiene las aldeas de Chamín de Enriba, de Abaixo e do Medio, Iglesario, Santaya de Abaixo y de Enriba, y los grupos menores de Brea y Vioño, que pueblan 376 habitantes de hecho y 420 de derecho, ocupando 137 edificios, 40 de un piso, 65 de dos y 32 chozas y albergues.

     Parroquia costeña, de sus dos arenales uno toma el nombre de una de las aldeas de Chamín y es el mayor sitio en la parte oriental.

     La iglesia conserva restos románicos del siglo XII. Entre ellos una ventana. Fué anejo de Monteagudo y perteneció a la vicaría de la Colegiata de la Coruña, por cambio de su iglesia principal por sus poseedores, los benedictinos de Santiago, por Santa María de Cambre.






venres, 16 de outubro de 2015

ETNOGRAFÍA

SOBRE A PETELEIRA
(relato publicado por Víctor Iglesias García no Boletín Informativo Municipal)


"Xa ven o outono,
tempo das esfolladas,
de ir á peteleira do millo
a máis tunar coas rapazas"


     A vendimia e a esfolla son os labores agrícolas que marcan a entrada do outono ao labrador. Imos dar logo unhas notiñas sobre a "peteleira".

     O traballo consiste en separar as mazorcas das folliñas que as recubren, e que se coñecen co nome de "poma" ou "panoia". Con estas follas, secadas ao sol e limpas, facíanse os colchóns de antes: os "xergóns". Incluso o canoto das espigas aproveitábase para encender o lume nas lareiras e nas cociñas bilbaínas. Como podemos ver, do millo non se desperdiciaba nada. Pero imos co principal, co maínzo. Este producto destínase nos nosos días ao alimento do gando, pero tempo atrás o pan de broa foi un compoñente básico na dieta alimenticia dos galegos.

     Unha esfolla era algo así como unha pequena festa de veciños na que o traballo en sí era un motivo secundario...o principal era pasalo ben con contos, ocurrencias, e incluso competicións coma a das "raiñas": cando un esfollador atopaba unha "espiga reina" dáballe un bico e proclamábase rei, como se atopara un tesouro.

Esfollando no Rañal na leira dos da Leiteira











martes, 13 de outubro de 2015

ETNOGRAFÍA

O MILLO

     O millo é un cereal que procede de América, donde ao longo dos séculos fora a alimentación básica de civilizacións como a dos maias, dos aztecas ou a dos incas. Trala conquista do continente americano, chegaria á Península e, según as primeiras referencias escritas, na Galiza empezaríase a cultivar en 1610 na zona do Barbanza.

     Sementábase nas nabeiras e donde se repetía cultivo non se abonaba. Destinábase para o consumo humano, para manter ao gando e ás galiñas, e o que sobraba vendíase. O cereal cultivábase nas variedades amarelo, reino, pego, etc. , mais o que facía mellor pan era o branco.

     Os traballos empezaban en abril ou maio coa sementeira. Tradicionalmente un home dirixía o arado tirado polo gando para remover e airear a terra, mentres que unha muller espallaba tras del a semente, arroxándoa ao chou mentres outras persoas ían detrás cubrindo o gran con aixadas. Mais había outros xeitos de facer a sementeira: trazando os sucos, para logo, cun cordel, marcar as distancias ás que había que botar a semente. Esta sementábase á man ou, nalgúns lugares, con bastón de madeira para facer o burato. Co tempo aparecerían as sementadoras, que falicitarían, e de que xeito!, o traballo.
Traballando a terra no lugar que hoxe ocupa a refinería de Meicende
     
     Ao remate da sementeira pasábase a grade para desfacer os terróns e deixar achanzado o terreo. Nalgúns sitios pasaban despois o caínzo ou canizo para completar esta última tarefa.

     Cando a planta medía aproximadamente unha cuarta, o que acontecía polo mes de xuño, sachábase e rareábase para sacarlle as malas herbas. No mes de xullo arrendábase, cavando de novo para volver a quitar as malas herbas e arrimar a terra ao pé da planta. Era tamén o tempo de colocar os espantallos para os paxaros e, para que non o comese o porco teixo, había quen queimaba trapos a carón do millo pois, o cheiro, seica espantaba a este animal.

     Cando o millo estaba xa maduro, entre setembro e outubro, recollíase e segábase polo pé cunha fouce. A espiga sacábase e a cana dábaselle ao gando. Tamén había quen recollía só as espigas deixando os talos na leira para esterco. Nalgunhas casas a esfollada facíase coa axuda da veciñanza ou ben de xornaleiros, polo que non era raro que a esfolla rematase nunha foliada.

     Estes contos sobre o millo están explicados en tempo pasado, pois os cultivos de hoxe pouco teñen que ver cos de antano, mais iso si...nas milleiras de Arteixo afortunadamente aínda podemos escoitar abundante léxico (sachar, arrendar, rarear, esfollar, debullar, escotar...), mais a ver ata cando! 
Traballando a terra en Meicende






 



    













FONTES:
-"A cultura tradicional galega desaparecida", Antonio Rodriguez Cabanas
-"O millo". CEIP Sofía Casanova
-AA.VV. Bens (fotografías)
-Departamento Normalización Lingüística Concello de Arteixo.

domingo, 4 de outubro de 2015

CONTOS, LENDAS, MITOS, FESTAS E TRADICIÓNS

O TEMPO DAS CASTAÑAS

     Xa está aquí o outono, e vendo os castiñeiros cargadiños de ourizos, non podo evitar botar a vista atrás, cando a castaña era a lambonada indicada para agasallar a unha moza garrida nos bailes do salón de Figueiroa.

Xa ven vindo o outono
o tempo das esfolladas
para ir comer coas rapazas
catro castañas asadas

     Non era moi típico por aquí iso de facer gamustos, a non ser o día de Santos. Os máis vellos contaban que si, que hai moitísimos anos a castaña era tan importante como hoxe o é a pataca. Iso si, non hai tantos que o caldo de castañas se facía na Coresma en tódalas casas da parroquia.

     No salón, eu mercáballe as castañas á señora Carme de Santaia, que as vendía en zonchos envoltos en panos para conservar o calor. A señora Jesusa da Xílgara tamén facía bos zonchos, pero saíanlle moitas bolecas.

     Non era complicado pillar moza de arraigo no salón de Oseiro. Primeiro convidábala a unhas castañas, e despois a bailar a conga. Se a cousa ía ben, non tardabas en levala ao rincón, lonxe de miradas indiscretas.

     De non ser polos zonchos da señora Carme, seguramente eu non estaría casado hoxe.

     ¡Que ben sabían as castañas aquelas!

   

 



        











(un veciño de Oseiro)