ETNOGRAFÍA


O CARRO

     O carro do país xa está practicamente desaparecido mais, durante séculos, cumpriu unha función fundamental para o desenvolvemento da vida nos nosos devanceiros, que o utilizaban de medio de transporte para tarefas como a carga de area e golfe das praias; o esterco das cortes do gando; toxo; palla, colleitas...movéndose, co seu característico chío, cunha parella de bois e tamén con dúas vacas ou catro, cando o carro ía moi cargado ou o terreo era moi dificultoso.

     Coa chegada da mecanización do agro, os carros, que practicamente non variaran nada desde que os inventaran os romanos, iríanse abandonando nos currais ou nas eiras e, con eles, o seu léxico.
Peza do carro
                                   
     A mesa ou plataforma do carro sobre a que descansa a carga chámase chedeiro. Está limitado por dúas pezas grandes, curvas que son as chedas. A estas suxétanse os fungueiros, tamén nomeados estadoños, fumeiros ou estadullos, que se empregan para amarrar a carga por medio de ladrairos, que se están formados por varas delgadas entretecidas pasan a ser canizas.

     O xugo vai fixo á chavella, que é o pao emprazado ao extremo da cabezalla, timón ou lanza. O xugo morre nun loro, de coiro ou de rama seca e retorcida de bidueiro. Cando o gando pasta ou descansa, a chavella serve de punto de apoio ao carro. Na únión das chedas e a cabezalla adoita chantarse o acicarro ou cambón, que é unha especie de gran forcada forte de madeira en forma de V.

     As rodas van encaixadas no eixe ou eixo, que xiran contra uns madeiros chamados cantadeiras ou coucillóns e entre dúas pezas curvas que son as dentoiras ou  treitoiras. As rodas refórzanse con chapas de ferro. As exteriores chámanse rellas e as do interior chercas. O canto das rodas pode ir espido, ou cuberto por unha grosa lamia (lamín) suxeita con poderosos cravos.

     O eixo, ao rozar o coucillón e as treitoiras, produce agudos ruídos, chamados cantar..."árdelle o eixo, carballeira", reza o aturuxo...Dicíase que o gando camiñaba máis satisfeito se ía acompañado do chío das rodas e que ademais servialles de "avisador" nas corredoiras moi estreitas, triloxía (gando, chío e carro) que unha vez que chegaron os tractores pasaría a formar parte do pasado.








FONTES:
Juan Ramón Díaz
Departamento de Normalización Lingüistica do Concello de Arteixo




O MILLO

     O millo é un cereal que procede de América, donde ao longo dos séculos fora a alimentación básica de civilizacións como a dos maias, dos aztecas ou a dos incas. Trala conquista do continente americano, chegaria á Península e, según as primeiras referencias escritas, na Galiza empezaríase a cultivar en 1610 na zona do Barbanza.

     Sementábase nas nabeiras e donde se repetía cultivo non se abonaba. Destinábase para o consumo humano, para manter ao gando e ás galiñas, e o que sobraba vendíase. O cereal cultivábase nas variedades amarelo, reino, pego, etc. , mais o que facía mellor pan era o branco.

     Os traballos empezaban en abril ou maio coa sementeira. Tradicionalmente un home dirixía o arado tirado polo gando para remover e airear a terra, mentres que unha muller espallaba tras del a semente, arroxándoa ao chou mentres outras persoas ían detrás cubrindo o gran con aixadas. Mais había outros xeitos de facer a sementeira: trazando os sucos, para logo, cun cordel, marcar as distancias ás que había que botar a semente. Esta sementábase á man ou, nalgúns lugares, con bastón de madeira para facer o burato. Co tempo aparecerían as sementadoras, que falicitarían, e de que xeito!, o traballo.

Traballando a terra no lugar que hoxe ocupa a refinería de Meicende
        Ao remate da sementeira pasábase a grade para desfacer os terróns e deixar achanzado o terreo. Nalgúns sitios pasaban despois o caínzo ou canizo para completar esta última tarefa.

     Cando a planta medía aproximadamente unha cuarta, o que acontecía polo mes de xuño, sachábase e rareábase para sacarlle as malas herbas. No mes de xullo arrendábase, cavando de novo para volver a quitar as malas herbas e arrimar a terra ao pé da planta. Era
tamén o tempo de colocar os espantallos para os paxaros e, para que non o comese o porco teixo, había quen queimaba trapos a carón do millo pois, o cheiro, seica espantaba a este animal.

     Cando o millo estaba xa maduro, entre setembro e outubro, recollíase e segábase polo pé cunha fouce. A espiga sacábase e a cana dábaselle ao gando. Tamén había quen recollía só as espigas deixando os talos na leira para esterco. Nalgunhas casas a esfollada facíase coa axuda da veciñanza ou ben de xornaleiros, polo que non era raro que a esfolla rematase nunha foliada.

     Estes contos sobre o millo están explicados en tempo pasado, pois os cultivos de hoxe pouco teñen que ver cos de antano, mais iso si...nas milleiras de Arteixo afortunadamente aínda podemos escoitar abundante léxico (sachar, arrendar, rarear, esfollar, debullar, escotar...), mais a ver ata cando! 
Traballando a terra en Meicende






 

    















FONTES:
-"A cultura tradicional galega desaparecida", Antonio Rodriguez Cabanas
-"O millo". CEIP Sofía Casanova
-AA.VV. Bens (fotografías)
-Departamento Normalización Lingüística Concello de Arteixo.




A SEGA DO VERÁN

Sei cantare e sei bailare
todo se me da na man,
senón a sacha do millo
amais a sega do vran.

    
Sega do trigo (namemoria.ribadeo.org)
Segundo o refrán, desde mediados de xullo os cereais, principalmente o trigo e o centeo, estaban en sazón e era o momento de chamar rogas de xente para facer a seitura, corta ou sega
, un traballo tradicional do agro galego que consistía en segar as plantas destos cereais para despois, na malla, separar o gran da palla e almacenalo posteriormente nas huchas ou tullas para consumilo durante todo o ano, utilizandoo para facer pan, darlle de comer aos animais e para sementar á volta do ano.

     No día que se facía a sega, veciñanza e familiares presentábanse na casa do dono das leiras nada máis saír o sol, provistos dos apeiros necesarios para o labor que ían realizar. Mais un momentiño, antes do traballo duro había que ir co bandullo cheo, polo que era costume que os propietarios dos terreos lles ofreceran o almorzo, que moitas veces era caldo requente, torresmos con pan ou leite mazado.
Facendo os monllos (gl.wikipedia.org)
 
    Antes de comenzar a sega afiábanse os fouciños na moa da casa e despois cada segador ía provisto dunha pequena pedriña que utilizaba para afiar o apeiro se este se cegaba. Xa na leira os homes ían en ringleiras segando a palla e poñéndoa en feixes. Aínda que había algunha que o facía, era raro ver ás mulleres segando, xa que o traballo reservado para elas era coller os feixes de palla, sacudirlle os fentos ou outras herbas malas que levase, e atalos en monllos cunhas presas da mesma palla, as chamadas ódegas. Os nenos que ían ás leiras recollían, tras das mulleres, as espigas que ían quedando, uns cativos que tamén eran os encargados de ir á fonte máis próxima por auga fresca nuns porróns de barro para @s xornaleir@s, que poñían á sombra para que no se quentara. 

    
Xantar despois da sega (tinoetome.blogspot.com)
 Cando a calor apertaba, o normal era retirarse, ben para comer nunha carballeira ou na casa do dono, que tiña a obriga de ofrecerlles a comida, que era o único pago para moitos deles. Unha vez segada unha leira, se non estaba moi lonxe e había tempo dabondo no mesmo día, trasladábanse a outra do mesmo propietario para seguir co labor. 


     O último traballo era amorear os monllos en montóns perfectamente construídos que protexían o gran dos paxaros e posibles inclemencias do tempo (a espiga escondíase no interior do montón e cara a fóra só quedaba a palla) ata que se trasladaran a eira para facer a meda unha vez remataba a seitura. Normalmente na construción dos medeiros participaban os máis vellos do lugar, que dirixían este labor ou a facían eles mesmos, namentres os rapaces lles traían os monllos espallados pola leira. Era costume que as mulleres fosen provistas de medias gordas ou ben de pantalóns para evitar as feridas das canas que quedaban unha vez cortado o cereal, precaución que tamén tiñan que adoptar os nenos.
Facendo as medas (aquamlatan.blogspot.com)



     Este xeito de facer a sega resistiu inalterable durante séculos, ata que a finais da década de 1960 e principios de 1970 apareceron as segadoras mecánicas, as clásicas "Bartollini", que substituíron aos fouciños, se ben as ódegas, os monllos e os medeiros seguíronse facendo igual. E xa a mediados da década de 1980 chegaron as colleitadoras que facían a un tempo a sega e a malla.


FONTES:
-Galipedia
-Carme, a de "Cóntame un conto".






A MALLA

   Na actualidade, agosto é un dos meses do ano no que, moit@s dos que estades lendo esta crónica, colledes vacacións para a tan necesaria recarga das pilas, mais antano, nos tempos nos que os nosos pais e avós eran mozos, abofé que o conto érache ben distinto xa que era un mes no que había que traballar de sol a sol, como nos lembra o refrán: “O agosto fártanos e o agosto mátanos”. Tamén era, e aínda segue sendo, mes de vixiar as viñas: “ Agosto madura e setembro  vendima as uvas”, “Por Santa Mariña (14 de agosto) vai ver a túa viña, e se mal a atopas, mal a vendimarás”; mes de traballo na horta: no minguante de agosto arráncanse  as cebolas, mesma lúa na que se sementa as escarolas e, en torno ao 15, os nabos...o refraneiro lembra  que “Por San Bartolo (24 de agosto) planta o repolo”; e mes da malla, un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans...“Agosto pasou, quen mallou, mallou”.   
Limpando a eira dunha casa de Figueiroa para a malla

     A malla era a operación de bater os cerais, principalmente centeo e trigo, coa finalidade de separar da palla o gran, unha tarefa que durante séculos fíxose manualmente nas eiras cos  "manlles" ou "manles", que eran dous paus de madeira unidos cunha tira de coiro. Para facer a malla, primeiro limpábase ben a eira con vasoiras de xesta, xibardas ou de codeso, eliminando todas as pedras e terra solta que puidese ter, unhas eiras que se presentaban furados enchíanse cunha pasta feita con bosta de vaca e auga que se estendía cos varredoiros para alisar o chan.
      
     Unha vez preparado o terreo, facíanse as rogas á veciñanza que se podía emprestar á axuda da malla. Os malladores empezaban a malla moi cedo formando dúas filas enfrontadas, cada unha delas de cinco ou seis homes armados do seu manlle. Cada fila mallaba alternativamente sobre o cereal a un tempo, acompasadamente e de xeito rítmico, desprazándose lateralmente para percorrer todo o eirado. Ao tempo, as mulleres colocaban lenzos para impedir que por efecto dos golpes o gran saltase fóra da eira. De cando en vez, os malladores paraban o mallado para que as mulleres ou nenos sacudiran a palla, para que acabase de separarse o gran, varrendo a eira e afastandoo da palla.
Mallando cos manlles

      Posteriormente, cando empezaron a vir as máquinas malladoras, os veciños xuntábanse e alugaban unha repartíndose o traballo: os máis novos situábanse na meda tirando os monllos á máquina, donde tres ou catro persoas desatábanos e poñíanos no taboleiro. Outras dúas, a relevos, espelíanos para poder meter o cereal na máquina malladora. Polo lado que saía a palla, recollíana as espalladoras coidando de que non levase gran. Neste punto esperaban os carretadores, normalmente os máis novos, para que lles enchesen as cordas co brazado, que levaban ao lugar onde dúas persoas, normalmente as máis veteranas e curiosas, a colocaban e facían o palleiro. Outros arrastraban o gran cun rodo para unha pila. Este limpábase cunha máquina limpadora e a continuación era medido co ferrado. Logo había que despoxar as derradeiras rabeiras que levase...po, restos de palla, areas, etc, tarefa que se realizaba en lugares aireados coas peneiras, cribas, pandeiros ou zarandos. 

Malla nos anos 60
     O cereal pasaba logo a ser gardado en arcas, huchas ou tullas, desde as que se ían retirando durante todo o ano en sacos para o muíño, onde o gran era moído para facer pan. 
                                                            
     Ao rematar a malla, tralos oportunos tóspiros de augardente e outros licores para limpar a gorxa do po, comíase na casa que tocara facer o traballo, onde cantaban e bailaban ata cansar.  









 

SOBRE A PETELEIRA
(relato publicado por Víctor Iglesias García no Boletín Informativo Municipal)

Xa ven o outono,
tempo das esfolladas,
de ir á peteleira do millo
a máis tunar coas rapazas


     A vendimia e a esfolla son os labores agrícolas que marcan a entrada do outono ao labrador. Imos dar logo unhas notiñas sobre a "peteleira".

     O traballo consiste en separar as mazorcas das folliñas que as recubren, e que se coñecen co nome de "poma" ou "panoia". Con estas follas, secadas ao sol e limpas, facíanse os colchóns de antes: os "xergóns". Incluso o canoto das espigas aproveitábase para encender o lume nas lareiras e nas cociñas bilbaínas. Como podemos ver, do millo non se desperdiciaba nada. Pero imos co principal, co maínzo. Este producto destínase nos nosos días ao alimento do gando, pero tempo atrás o pan de broa foi un compoñente básico na dieta alimenticia dos galegos. 
Esfollando no Rañal na leira dos da Leiteira

Unha esfola era algo así como unha pequena festa de veciños na que o traballo en sí era un motivo secundario...o principal era pasalo ben con contos, ocurrencias, e incluso competicións coma a das "raiñas": cando un esfolador atopaba unha "espiga reina" dáballe un bico e proclamábase rei, como se atopara un tesouro.








Ningún comentario:

Publicar un comentario