sábado, 27 de xuño de 2020

A (SUPOSTA) CAPELA DA CATUXA

Segundo as informacións que nos ofrece o Catastro da Ensenada, no territorio que actualmente conforma o municipio de Arteixo podíanse ver no ano 1752 ata un total de noventa muíños: dez deles na freguesía de Santiago de Arteixo; nove en Armentón; tres en Barrañán; cinco en Chamín; catro en Lañas; dez en Larín; dez en Loureda; catorce en Monteagudo; catorce en Morás; oito en Oseiro; dous en Pastoriza; e un en Sorrizo (en Suevos non había ningún muíño).

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada
unha semaniña enteira,
¡Eso si que é muiñada!
Ai lalelo, ai lalelo.
Ai lalelo, ai lalelo”.

Os muiñeiros tiñan a súa patroa: Santa Catalina, virxe e mártir de Alexandría, decapitada a principios do século IV.

Santa Catalina de Alexandría, obra realizada en 1597 por Caravaggio
Nos primeiros séculos da nosa era, cando Roma xa declinaba en poder e coñecemento, a cidade exipcia de Alexandría ocupou o seu lugar, converténdose en centro de sabiduría e cruce donde se daban a man as culturas de oriente e de occidente. Esa mestura de saberes e tradicións daría lugar, entre outras moitas correntes de pensamento, ao gnosticismo (gnose, en grego, significa coñecemento), doutrina filosófica e relixiosa que profesaban algunhas comunidades dos primeiros séculos do cristianismo, que crían na salvación do home pola vía do coñecemento.

Nesa cidade e nese caldo de cultivo que mesturaba tradicións e crenzas de todos os rincóns do mundo coñecido, xurdiu unha muller, case unha nena, que ascendeu aos altares cristiás como santa Catalina de Alexandría, virxe e mártir.

Segundo a versión máis estendida da súa vida e martirio, Catalina naceu en Alexandría a finais do século III. Seus pais pertencían á realeza e deron á súa filla unha sólida formación nos saberes da época.

Valado dos montes da Catuxa
Cando o emperador romano Marcus Aurelius Valerius Maxentius organizou unhas festas nas que se facían sacrificios no seu nome, Catalina negouse a participar en tan pagás fastos, enfrontándose ao emperador e facendo gala dunha oratoria asombrosa. Para rebatela, o emperador convoca unha disputa pública e a moza enfróntase a cincuenta dos máis sabios doutores de Exipto. Con versos de Homero, con citas de Platón, con textos dos profetas, unidos á súa graza e elocuencia, non só desfai os argumentos dos seus adversarios, se non que os converte a case todos, e selan, como ela, a súa fe cristiá co martirio.

A Catalina aplícanlle a roda con coitelos, mais a roda rompe antes de mancala. Finalmente chégalle a morte por espada. Cando a desposada ía ao ceo a celebrar as vodas co seu celestial Esposo, o martiroloxio romano di que os anxos trasladaron os virxinais restos ao Sinaí.

A imaxe de Santa Catalina de Alexandría é unha das máis difundidas do mundo. Miguel Ángel deixouna plasmada na Capela Sixtina e os pintores máis ilustres da Historia da Arte recreárona cos seus pinceis, de Memling a Caravaggio e de Ribera a Veronese. En todos eles aparece, por suposto, a Roda á que a está tan unida, ese símbolo que representa o eterno retorno, o ciclo repetido do tempo, das estacións, das fases lunares. A Roda de Santa Catalina fíxose tan famosa que deu nome á roda dos muíños de vento, á dos reloxos mecánicos e a unha das pezas das bicicletas, tres exemplos de “rodas catalinas”. 

Camiño dos montes da Catuxa
Tampouco faltan nas súas imaxes outros elementos vinculados á súa vida e ao seu martirio. Entre eles os libros, símbolo da sabiduría da moza Catalina que lle permitiu vencer no seu enfrontamento argumental aos máis grandes sabios de Exipto. Nalgunhas desas representacións a santa parécese sospeitosamente á figura do arcano II do Tarot, A Sacerdotisa, que mantén tamén un libro nas súas mans como símbolo do coñecemento. A gnose.

Maxia e sabeduría acompañan a santa Catalina de Alexandría desde sempre. Unha antiga crenza do sur de Europa pono de manifesto afirmando que todo feiticeiro que nace co don de facer sortilexios e curacións leva, desde o ventre de súa, a silueta dunha roda de santa Catalina marcada no ceo da boca como sinal do seu don.

É probable que santa Catalina de Alexandría nunca existira e que se limite a ser unha representación fabulada da antiga e pagá deusa Hécate. Os datos históricos da santa son máis ben nebulosos e xa no século XVII o escritor relixioso Jean de Launoi, ao non atopar probas sólidas da súa existencia, reemprazaba o seu oficio por unha neutra misa de réquiem. No século XIX Alban Butler, no seu coñecido manual “Vida dos santos”, resolvía a datación da santa Catalina de Alexandría cun ambiguo “supostamente século IV”.

A relación da roda co martirio de santa Catalina fixo que os muiñeiros e, en xeral, todas actividades que tiveran que ver con rodas, como a dos carreteiros, oleiros, afiadores… a invocasen como a súa patroa.

En Galicia hai unha santa,
que Catalina se chama,
morreu atada a unha roda,
de coiteladas amoladas”.

Montes da Catuxa
En toda a xeografía galega, donde houbo grande devoción a esta santa, era moi frecuente empregar o hipocorístico Catuxa para dirixirse a ela. Pois ben, como ben sabedes, no noso municipio hai un lugar que leva o nome de A Catuxa e que pertence á parroquia de Santiago de Arteixo. Neste lugar hai quen afirma que “nos tempos de Matusalén” houbo unha capela adicada a esta santa, mais as persoas coas que falamos din que nada saben sobre a súa localización… “estaría no alto do monte; era o que contaban os vellos”

Ao fío desta información, Manuel Blanco conta no seu libro El período de la Restauración como clave para un mejor entendimiento de la Segunda República en el Ayuntamiento de Arteixo que…

Sospecho yo que, probablemente, hubo allí unha hermita dedicada a su memoria que, como sucede en otros muchos lugares, sería la que dio nombre a dicho lugar. El hecho de que na Catuxa, antes de la desamortización, hubiese tierras iglesarias, e, incluso, casas propiedad de la Iglesia, pueden avalar esta sospecha. Por otra parte el que esta aldea se halle situada en un lugar elevado favorece esta intuición ya que es frecuente cantar:

Gloriosa Santa Catuxa
que estás na alta montaña,
líbrame ao meu queridiño
do aire de certa araña”.

Vista do Atlántico desde o alto dos montes da Catuxa
A festa de Santa Catalina de Alexandría celebrábase, con grande concorrencia de devotos, o 25 de novembro mais, a reforma litúrxica, posterior ao Concilio Vaticano II (1962-1965), eliminouna do calendario litúrxico universal suprimindo o seu culto. A Igrexa católica de Roma non sería quen de borrar a súa presenza nin a fe dos seus fieis.



luns, 22 de xuño de 2020

CACHELIÑA DE SAN XOÁN

Cacheliña de San Xoá
que non me morda
cadela nin can.

     O día vintetrés voume erguer cediño para "ir coller a virtú". De todas as herbas do campo escollerei a espadana, a fieita real, o fiuncho, a herba de Santa María e a fieita de San Xoán. E con todas estas herbas adornarei a casa e en cada buratiño poñerei unha para que esa noite non nos entre ningún meigallo. O resto espallareino por diante da porta e gardarei unhas poucas para a cachela da noite. Esquecíaseme o monllo que teño que facer con todas as herbas para despois pola noite deixar ao resío. Este monllo vaime servir o resto do ano para afumarme con el cando me pique algún bicho.

Noite de maxia
igual que a noite de San Silvestre,
solsticio de inverno.
Noite de bruxas
en que desparramarán á caída da noite
toda a súa fascinación.
Noite de plantas
protectoras e medicinais
para nós.

     E cando chegue a noite farei a cachela con moita leña que bote moito fume para que se vexa ben lonxe. Colocareina nun lugar donde se vexa a casa e as leiras. E cando me queira afumar e saltar a cachela botareille as herbas da virtú. Saltarei a cachela nove veces e unha sen contar mentras vou dicindo:

Cacheliña de San Xoán,
que non me morda
cadela nin can.

     E se podo asarei patacas nas brasas e botarei un anaco  de noite comendo, falando e contando contos.

Noite de lume
disque as chamas purifican todo.
Noite de lume
solsticio de verán.
Noite de lume
que nos protexe contra todo mal.

     Para deixalas ao resío da noite teño que buscar flores: herbas de San Xoán, romeo, bieiteiro, caraveles, trebisco, herba luísa, folla de nogal, ruda, follas de parra... Metereinas nun caldeiro con auga, deixareinas toda a noite ao sereno e pola mañanciña lavarei a cara coa auga de rosas.


Noite de auga
que limpa
que bota as meigas fora.
Noite de lume.
Noite de plantas.
Noite de auga.

¡¡Meigas fora!! 




(Relato de Carme, a de "Cóntame un conto",  publicado no Boletín Informativo Municipal de Arteixo)        

OS POMBAIS DE ARTEIXO

Daquelas que cantan ás pombas i ás frores
todos din que teñen alma de muller;
pois eu que no as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?

  ROSALÍA DE CASTRO
 Follas Novas


     Un pombal (do latín palumbalem, derivado á súa vez de  palumbam) é unha construción para a cría de pombas. En xeral, é un raro complemento da vivenda rural, xa que por mor do seu custo e escaseza de rendibilidade, só aparece nas fincas pertencentes aos pazos, ás casas reitorais ou ás casas grandes de campesiños acomodados mais, na actualidade, a maior parte deles están en situación de abandono.

     Estas construcións tradicionais, que no pasado foron sinal de riqueza, poden adoptar diversos xeitos. Na meirande parte dos casos, é un corpo cilíndrico cun radio preto de dous metros e unha altura aproximadamente igual ao seu diámetro. A súa cuberta pode ser cónica ou chan, a xeito de ferradura, e inclinada a unha auga. Adoitan estar construídos con cachotería vista ou revocada (en moitos casos caleada), con varias entradas para as pombas, unha cornixa para que estas alcen o voo e unha porta de acceso para as persoas. No seu interior dispóñense os niños formando parte do paramento do muro de pedra.

     A día de hoxe, en Arteixo aínda podemos ver en pé o pombal do Pazo de Anzobre, o do Igrexario de Loureda, o do Penedo, que forma parte do Igrexario de Morás; o de Lago de Chamín; o da Ibia e do Piñeiro, ambos na parroquia de Monteagudo; o de Galán e o do Igrexario de Sorrizo. Nesta parroquia, no lugar de Gondreo, podemos ver outro pombal máis xa dunha construción moito máis recente.

     Por último, na Fraga de Suevos, unha das poucas zonas do concello que conserva vexetación autóctona: castiñeiros, loureiros, carballos... e na que é doado ver saltar aos esquíos, hai un pombal que pertenceu aos del Río, descendentes de D. Juan o impulsor da remodelación do Santuario de Pastoriza, e que actualmente é propiedade dun veciño de Meicende. O enorme pombal que existe dentro da finca danos unha idea da relevancia que tivo no seu momento este lugar.

     A decadencia deste enclave comeza no ano 1920 cun feito que aínda se mantén na memoria dos veciños máis vellos e no que se ve involucrado o matrimonio propietario da fraga: o chamado Crime de Suevos, que acabou coa morte no lugar de Rega, en Pastoriza, de Carmen Rita Fernández, esposa de Bernardo del Río, a mans deste e do seu criado Manuel Folgar, un crime que conmocionou á bisbarra e deixou orfos de nai aos seus dous fillos: unha nena de catro anos e un neno de tres, últimos descendentes coñecidos desta familia.

     O crime solventouse cunha condea de case quince anos para o señor e criado do que só cumpliron a metade.


                                          Pombal do Piñeiro (Monteagudo)

                                                    Pombal da Ibia (Monteagudo)

                                                    Pombal de Lago (Chamín)

                                                    Pombal do Igrexario (Sorrizo)

                                          Pombal de Gondreo (Sorrizo)

                                                    Pombal do Penedo (Morás)

                                                    Pombal de Galán (Oseiro)

                                          Pombal da Fraga do Pazo (Suevos)


FONTES:
- Seminario Permanente de Formación do Profesorado CEP Galán de Oseiro e CEIP Ponte dos Brozos.
-Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo.

mércores, 17 de xuño de 2020

JOSÉ Mª MANCEBO, UN DOS MELLORES FUTBOLISTAS DE ARTEIXO DE TODOS OS TEMPOS

    Fillo do coruñés Julio Mancebo e da arteixá María Moreiras, José María nace na Baiuca o 16 de xullo de 1938. Era irmán de María Elisa, unha muller que andando no tempo abriría a primeira mercería na Baiuca, e de Julio, bo futbolista que xogou no Santa Margarita, co Bergantiños na serie A Rexional e no Penouqueira antes de converterse en mestre de primaria. (Julio Mancebo foi durante moitos anos o director do CEIP Xosé Obreiro de Meicende e, tamén, Coordenador do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo)

   Nos primeiros anos da súa infancia, cando A Baiuca era unha estrada viva, chea de xentes que ían e viñan, de nenos e nenas que xogaban á pelota ou á corda, varias das tías-avoas de José María, irmáns de Baldomero González Mes, alcalde de Arteixo en tres etapas diferentes, levaban a administración do Balneario. Unha sobriña destas mulleres, Alicia, coñeceu no recinto termal a don Florencio, un importante industrial da parroquia de Fazouro, en Foz, co que acabou casando. 

La Hoja del Lunes, 17 de decembro de 1962
   O matrimonio non tería descendencia, motivo polo cal o noso protagonista mudou o seu domicilio da Baiuca para vivir con seus tíos desde os 15 ata os 20 anos en Fazouro, onde xogou algún partido co equipo do lugar antes de marchar a Parga a facer a mili.

   Unha vez rematadas as obrigas militares, José María volta para Arteixo e, na tempada 1959/60, xoga no Santa Margarita, club co que se proclama campión da liga de modestos de Primeira División tras un apaixoante man a man durante toda a campaña co Silva de Lolo Hermida, futbolista de Meicende co que compartiría vestiario anos máis tarde.

   Na tempada seguinte asina co Fabril e xoga en Terceira División co seu veciño Chacho Rey, “O Ricardo Zamora” de Oseiro. O seu debut nesta categoría prodúcese en Riazor o 11 de setembro de 1960, na primeira xornada do campionato, nun choque no que o once fabrilista vence por 2-1 ao Lemos formando con Rey; Tomás, Yáñez, Pintos; Tablilla, Chas; Mancebo, Nito, Chacho, Martín e Veleiro.

   Mancebo xogaría cedido no Viveiro no curso seguinte e axudaría a que o equipo da mariña lucense realizara unha digna campaña en Terceira División, ocupando un meritorio noveno posto na táboa clasificatoria.

   Volve ao Fabril na tempada 1962/63, onde comparte vestiario, entre outros, con Juan Antonio Salvadores, futbolista do que falaremos noutra ocasión xa que é de orixe arteixá. Nesa época o nome de José María Mancebo estaría durante certo tempo no ruxe ruxe futbolístico ao despertar o interese do Atlético Malagueño, filial do Málaga C.F. mais, descartada esta operación, o arteixán desvincularíase do Fabril para xogar durante dúas tempadas en Terceira División co Foz, o equipo do concello lucense no que pasara cinco anos da súa vida residindo con seus tíos Florencio e Alicia.

   O Foz, no que tamén formaban parte da plantilla futbolistas como Aneiros ou Hermida, sería sétimo na campaña 1963/64 e penúltimo na 1964/65, tempada na que o once lucense descendeu á Serie A Rexional.

   No ano seguinte, despois de darlle o “si quero” a Nieves, con quen casara en xuño de 1965, José María ficha no Penouqueira, equipo co que gañaría o campionato de Arteixo da tempada 1965/66.

   Algún que outro partido ocasional defendendo a camiseta do seu querido Penouqueira, darían paso á retirada definitiva dos terreos de xogo para exercer, durante unha curta etapa, o cargo de seleccionador de zona da Liga de Arteixo naqueles triangulares que se disputaban, a finais dos sesenta e principios dos setenta, contra as seleccións da Capital e das Mariñas.

   José María Mancebo, que se gañou a vida durante moitos anos traballando en Augas da Coruña, faleceu no ano 2003 pouco despois de empezar a desfrutar da súa xubilación.

Carné da Federación Galega

mércores, 3 de xuño de 2020

A HISTORIA DO PAILEBOTE "ESKUALDUNE" ACONTECIDA EN SORRIZO EN 1923

      Ás 10:00 horas do xoves, 6 de decembro de 1923, o vixía de Monte Alto comunicáballe aos prácticos do porto herculino, e estos ao comandante de Mariña, que un pailebote de boa tonelaxe, estaba sendo xoguete das ondas e o mar arrastrábao sobre as rochas do Monte de San Pedro.

   De inmediato faríanse xestións para que o "Landro", un buque dos que se encontraban no porto da Coruña, saíra de contado con dous prácticos na procura do pailebote indicado. Cando o "Landro" estaba disposto para ir en busca da nave en cuestión, o vixía avisou que o barco se ocultara tras o monte de San Pedro, mais que outro buque de vapor se achegaba a el.

     Un novo aviso telefónico realizado momentos despois, indicaba que o pailebote viña remolcado por un vapor francés e que se dirixía cara A Coruña e por iso, en vista que o auxilio non era necesario, o "Landro" desistiría de facerse á mar e continuaría coas súas faenas de alixo de mercadorías na Dársena.

     Os prácticos do porto, José Español e José Osorio, saíron minutos despois na procura de ambas naves para fondealas na baía, feito que se efectuaría a media tarde, dado que o remolque fixérase con lentitude por mor das condicións en que viñan o pailebote e o vapor francés.  

    O "Eskualdune", o pailebote francés en cuestión, de 610 toneladas de rexistro, saíra o 30 de novembro de Lisboa con dirección a  Saint-Malo, cidade portuaria de Bretaña, no noroeste de Francia, despois de cargar no peirao lisboeta 820 toneladas de sal e 40 bocois con viños portugueses.

     O temporal dos días posteriores, e sobre todo a galerna do 5 de decembro, puxeron ao pailebote en grave perigo desbaratándolle a popa, rompéndolle as velas, que quedaron totalmente escachizadas, facendo saltar as cadeas que suxeitaban o bauprés (1) e esnaquizándolle o temón.

    Ao quedar sen goberno na madrugada do día seguinte, 6 de decembro de 1923, os tripulantes do Eskualdune lanzaron a altura das Sisargas varias bengalas en demanda de auxilio mais, ou ben porque non foron vistos dende a Torre de Hércules, ou como é lóxico, por estar incomunicados por mor do fortísimo temporal, o caso é que ninguén sairía da Coruña para darlle socorro ao pailebote francés.

Litoral de Sorrizo
     A noite sería dura, moi dura, para os dezaseis mariñeiros que tripulaban o "Euskualdune". O barco facía auga por todos os recunchos, pese a que as escotillas estaban pechadas e que a tripulación fixera funcionar as bombas de achique para evitar que o pailebote se inundara. Naquel intre as gretas da popa permitían entrar moita auga no interior do buque. Das velas só lle quedaban ao "Eskualdune" os foques e era imposible colocar as de reposto porque as ondas varrían a cuberta ameazando levarse calquera obstáculo. Ata que o temón funcionou, a nave continuaría avanzando lentamente, mais ao quedar sen goberno, entre as tres e catro da madrugada, creeron a bordo que todo estaba perdido e fondearon coa áncora de estribor nuns cincuenta metros de auga, ao fin de evitar que o mar os estoupara contra o litoral. O "Euskualdune" encontrábase naquel intre na costa de Arteixo. Mais un novo contratempo chegaría aos poucos segundos xa que un dos elos, os aros que forman a cadea, quedara atrancando impedindo que a áncora tocara o fondo mariño, feito polo que o pailebote quedara á mercé das ondas, que o arrastraban contra o litoral de Sorrizo e Chamín.

    Coa claridade do día, a tripulación do "Euskaldune" daría voces de socorro, mais de nada servirían e foi preciso agardar a que clarexase máis a mañá. No horizonte, a consecuencia dos chubascos de aquela hora, pouca visibilidade había. Os mariñeiros decidiron lanzar máis bengalas coa esperanza de que alguén os vira e, ao fin, as súas sinais de demanda de auxilio serían vistas polo bou francés "Neptune" case ao mesmo tempo que o vixía de Monte Alto, e tratou de aproximárselle indo en dirección da Enseada de Lourido, en Sorrizo, lugar a onde o mar fora empurrando ao pailebote protagonista desta historia.

Enseada de Lourido
     Para tenderlle o cable de guindastre fixo non poucas e delicadas operacións o "Neptune", sufrindo durante elas algunhas avarías porque, literalmente, o "Euskaldune" se lle veu enriba nunha das  tentativas de remolque. O "Neptune", que se dirixía a pescar cando divisou ao "Euskaldune", desprazaba 253 toneladas. Mandábaoa o capitán Yllidien e procedía de Ostende, curiosamente a mesma cidade belga da que zarpara o "Arctic" o barco embarrancado en Chamín en 1938 do que aínda quedan restos no areal do Reiro. Feito o salvamento, os dous buques dirixiríanse ao porto da Coruña, onde serían reparados nas semanas seguintes.

1. Pau groso moi inclinado que sae da popa cara a fóra e serve para asegurar os estais do trinquete.