De inmediato faríanse xestións para que o "Landro", un buque dos que se
encontraban no porto da Coruña, saíra de contado con dous prácticos na
procura do pailebote indicado. Cando
o "Landro" estaba disposto para ir en busca da nave en cuestión, o
vixía avisou que o barco se ocultara tras o monte de San Pedro, mais que
outro buque de vapor se achegaba a el.
Un novo aviso telefónico realizado momentos despois, indicaba que o
pailebote viña remolcado por un vapor francés e que se dirixía cara A Coruña e por iso, en vista que o auxilio non era necesario, o "Landro" desistiría de facerse á mar e continuaría coas súas faenas de alixo de mercadorías na Dársena.
Os prácticos do porto, José Español e José Osorio, saíron
minutos despois na procura de ambas naves para fondealas na baía, feito
que se efectuaría a media tarde, dado que o remolque fixérase con lentitude por mor das condicións en que viñan o pailebote e o vapor francés.
O "Eskualdune", o pailebote francés en cuestión, de 610 toneladas de rexistro, saíra o 30 de novembro de Lisboa con dirección a Saint-Malo, cidade portuaria de Bretaña, no noroeste de Francia, despois de cargar no peirao lisboeta 820 toneladas de sal e 40 bocois con viños portugueses.
O temporal dos días posteriores, e sobre todo a galerna do 5 de decembro, puxeron ao pailebote en grave perigo desbaratándolle a popa, rompéndolle as velas, que quedaron totalmente escachizadas, facendo saltar as cadeas que suxeitaban o bauprés (1) e esnaquizándolle o temón.
Ao quedar sen goberno na madrugada do día seguinte, 6 de decembro de 1923, os tripulantes do Eskualdune lanzaron a altura das Sisargas varias
bengalas en demanda de auxilio mais, ou ben porque non foron vistos
dende a Torre de Hércules, ou como é lóxico, por estar incomunicados por mor do fortísimo temporal, o caso é que ninguén sairía da Coruña para darlle socorro ao pailebote francés.
Litoral de Sorrizo |
A noite sería dura, moi dura, para os dezaseis mariñeiros que tripulaban o "Euskualdune". O barco facía auga por todos os recunchos, pese a que as escotillas estaban pechadas e que a tripulación fixera funcionar as bombas de achique
para evitar que o pailebote se inundara. Naquel intre as gretas da popa
permitían entrar moita auga no interior do buque. Das velas só lle
quedaban ao "Eskualdune" os foques e era imposible colocar as de reposto
porque as ondas varrían a cuberta ameazando levarse calquera obstáculo. Ata que
o temón funcionou, a nave continuaría avanzando lentamente, mais ao
quedar sen goberno, entre as tres e catro da madrugada, creeron a bordo
que todo estaba perdido e fondearon coa áncora de estribor nuns
cincuenta metros de auga, ao fin de evitar que o mar os estoupara contra
o litoral. O "Euskualdune" encontrábase naquel intre na costa de Arteixo. Mais un novo contratempo chegaría aos poucos segundos xa que un dos elos, os aros que forman a cadea, quedara atrancando impedindo que a áncora tocara o fondo mariño, feito polo que o pailebote quedara á mercé das ondas, que o arrastraban contra o litoral de Sorrizo e Chamín.
Coa claridade do día, a tripulación do "Euskaldune" daría voces de socorro, mais de nada servirían e foi preciso agardar a que clarexase máis a mañá. No horizonte, a consecuencia dos chubascos de aquela hora, pouca visibilidade había. Os mariñeiros decidiron
lanzar máis bengalas coa esperanza de que alguén os vira e, ao fin, as
súas sinais de demanda de auxilio serían vistas polo bou francés
"Neptune" case ao mesmo tempo que o vixía de Monte Alto, e tratou de
aproximárselle indo en dirección da Enseada de Lourido, en Sorrizo, lugar a onde o mar fora empurrando ao pailebote protagonista desta historia.
Enseada de Lourido |
Para tenderlle o cable de guindastre fixo non poucas e delicadas operacións o "Neptune", sufrindo durante elas algunhas avarías porque, literalmente, o "Euskaldune" se lle veu enriba nunha das tentativas de remolque. O "Neptune", que se dirixía a pescar cando divisou ao "Euskaldune", desprazaba 253 toneladas. Mandábaoa o capitán Yllidien e procedía
de Ostende, curiosamente a mesma cidade belga da que zarpara o "Arctic"
o barco embarrancado en Chamín en 1938 do que aínda quedan restos no
areal do Reiro. Feito o salvamento, os dous buques dirixiríanse ao porto da Coruña, onde serían reparados nas semanas seguintes.
1. Pau groso moi inclinado que sae da popa cara a fóra e serve para asegurar os estais do trinquete.
1. Pau groso moi inclinado que sae da popa cara a fóra e serve para asegurar os estais do trinquete.
Ningún comentario:
Publicar un comentario